16 de agosto: domingo 20 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 15, 21-28
Unha vez, saíu Xesús e
foi para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles
contornos, que berraba:
—Compadécete de min,
Señor, Fillo de David, a miña filla está atormentada por un demo.
Pero el non respondeu
palabra. Achegándoselle os seus discípulos, gorábanlle:
—Despídea, que vén
berrando detrás de nós.
El contestoulles:
—Non fun enviado máis que
ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
Pero ela alcanzounos e,
prostrándose, suplicoulle:
—Señor, váleme!
El respondeulle:
—Non é ben quitarlles o
pan aos fillos para llelo dar aos cadelos.
Pero ela contestou:
—Certo, Señor, pero tamén
os cadelos comen da faragullas que caen da mesa dos seus amos.
Entón respondeulle Xesús:
—Muller, a túa fe é ben
grande; fágase, logo, como desexas!
E a súa filla ficou sa
naquela hora.
Meditación
Unha das consecuencias
máis notorias da crise que estamos vivindo é o aumento dos casos de exclusión:
cidadáns, cidadás, que non poden contar co que normalmente deberían contar
todos os cidadás: posto de traballo, vivenda asegurada, recursos mínimos para
poder manterse e vivir, ... E todo porque non somos, non son, dos privilexiados
que por esforzo, sorte ou trampa souberon, soubemos, situarnos no grupo de
cabeza. Unha sociedade xusta debería mirar polo pan de todos e todas, pero,
claro, non é ben quitarlles o pan aos privilexiados do momento para llelo dar
aos cans. En cantas situacións de exclusión participamos? A cantas persoas
deixamos de lado pola razón que sexa? Sentímonos nós excluídos? Revirámonos
contra quen nos exclúe, no caso de que así sexa?
É ben interesante reparar
no proceso que seguiu o mesmo Xesús para incluír nas bendicións de Deus a
aquela muller, da que de primeiras pensaba que non tiña dereito a esas
bendicións. Xesús, a tal punto, actuaba coma se estivese pechado nunha maneira
tradicional de comprender as cousas: só os xudeus podían ser os beneficiarios
da presenza, do apoio salvador de Deus; ou, cando menos, só a eles estaba el
disposto a lles dedicar a súa actividade de curación, de liberación. Coma se se
deixase levar por unha rutina, por unha tradición sen reparar que non respondía
á esplendidez de Deus, ao seu amor universal; ou sabe Deus a luz que ardía no
seu corazón! Foi a fe, o clamor dunha muller, o clamor dunha persoa marxinal, o
achegamento á situación límite dunha filla atormentada polo mal e dunha mai
atormentada tamén polo mal da filla, o que o levou a caer na conta de que para
o amor non pode haber barreiras nin nas persoas nin nos tempos. E Xesús cambiou
de opinión, volveuse cara a aquela muller cananea, palestina, e non a despediu,
como lle propoñían os seus discípulos, senón que a tratou con atención e
misericordia, como era costume nel tratar a calquera persoa do seu entorno.
Canto ben nos fai
achegarnos á xente que está sufrindo dentro da exclusión! Cando nos achegamos
ao mundo, á vida, dos inmigrantes subsaharianos, ao mundo das persoas
drogodependentes, da etnia xitana, ao mundo das persoas que sofren prisión, ao
mundo das familias desafiuzadas, das carentes de traballo e de recursos, cando
compartimos algo a súa vida, cando falamos con eles, cando os escoitamos, cando
facemos algo de todo iso, o normal é que os sentimentos se nos cambien, que o
corazón se nos amoleza, e que, en consecuencia, onde antes viamos unha persoa
contraria á que evitar, empecemos a ver un irmán, unha irmá á que amar, á que
facer partícipe da vida, do tempo, dos medios, dos recursos, da aceptación, da
integración que a todos e todas nos gusta gozar. As persoas, as comunidades
cristiás estaría ben que fósemos moi expertas neste tipo de inmersións, para
poder entrar algo no corazón de Deus, quen certamente non ten reparo ningún en
abrirlle as portas do seu corazón, do seu Espírito a quen pete á súa porta,
sexa da condición, sexo, pobo, raza, relixión que sexa. Estámolo sendo na nosa
comunidade cristiá?
A celebración eucarística
permítenos ter unha experiencia fonda de comunidade fraterna ao redor de Xesús,
onde ninguén é nunca excluído. Quédanos que, logo, na vida, vivamos á luz desta
experiencia.
Oración
Coa muller
cananea, Señor,
achegámonos a
ti,
traemos nas
nosas mans trementes
a todos os
homes e mulleres excluídas
por calquera
razón de cor, raza, sexo ou relixión.
Queremos que o
noso corazón se ensanche
á medida mesma
de Deus,
que nel colla
todo o mundo,
que nel atope
un recanto especialmente grato
quen estea
sufrindo calquera exclusión.
Que o teu
alento nos alente, Señor,
que non cedamos
á tentación
de cerrar os
ollos e tapar os oídos
para non ver
nin oír
e así poder
desprezar e impoñer.
Que nos
saibamos abrir ás persoas diferentes,
ás que non
pensan coma nós,
ás que non
viven coma nós,
para ver nelas
o rastro da túa presenza,
a túa visita, o
teu regalo.
Que xuntos
saibamos construír día a día
ese marabilloso
mundo plural na comuñón,
onde brilla
sobre maneira o máis limpo e fermoso de ti,
que es un na
diferencia,
e na unidade,
diferente.
Que saibamos
acoller as persoas diferentes,
sempre,
que saibamos
ofrecer tamén a nosa particularidade convencida
á túa luz, co
teu alento, Señor.
Acción
¿Nalgún aspecto estamos
tendo trato excluínte con algunha persoa pola razón que sexa: cor da pel,
condición social, sexo, raza, pensamento político ou relixioso? ¿Que poderiamos
facer para avanzar no respecto e na inclusión cara a esas persoas?
17 de agosto: luns da 20ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 19, 16-22
Nunha ocasión achegouse a
Xesús unha persoa para lle preguntar:
—Mestre, ¿que teño que
facer de bo para acadar a vida eterna?
El contestoulle:
—¿Por que me preguntas
acerca do bo? Soamente un é Bo. E, se queres entrar na vida, garda os
mandamentos.
Preguntoulle:
—Cales?
Xesús contestoulle:
—Non matarás, non cometerás
adulterio, non roubarás, non darás falso testemuño; honra a teu pai e a túa
nai, e ama o teu próximo como a ti mesmo.
O mozo contestou:
—Todas esas cousas xa as
gardo. ¿Que é o que me falta?
Respondeulle Xesús:
—Se queres ser perfecto,
vai, vende canto tes e dáo aos pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven
e sígueme.
Oíndo estas cousas, o
mozo marchou moi entristecido, pois tiña moitos bens.
Meditación
Este pedaciño de Evanxeo
pode axudarnos a caer na conta do frouxas que somos moitas das persoas que máis
ou menos alegremente nos consideramos cristiás. Podemos ser persoas bautizadas,
podemos gardar os mandamentos e cumprir coas prácticas relixiosas da Igrexa,
podemos ter certa atracción por Xesús –todo isto xa non é pouco, certamente—, pero
fáltanos algo moi importante: a dispoñibilidade a facernos un pouquiño loucos
por Xesús, coma Xesús; é dicir, a dispoñibilidade a romper con pautas sociais
establecidas, a ir contracorrente, a embarcarnos con el en historias de
solidariedade a fondo, que nos descolocan a nós mesmas e que descolocan tamén a
xente que nos rodea.
Unha pauta social moi
establecida, case a máis establecida, consiste en prepararse ben para ter un bo
traballo, para gañar ben cartos, para ter unha posición social envexable e unha
vida sobrada, cómoda. A proposta de Xesús vai noutra dirección: capacitarse si,
con habilidades do corpo, da mente e do espírito, para desenvolvernos ben como
persoas, como familia, como comunidade cristiá, para implicarnos na marcha da
sociedade, do mundo, buscando facer del unha terra de irmáns e de irmás. A meta
non é acumular, enriquecerse para unha vida sobrada; a meta é baleirarse,
compartir para unha vida irmandada.
Oración
Xesús,
vexo que es un
mestre no camiño dos desapegos,
no camiño de baleirarnos
dos nosos intereses e comenencias,
no camiño da
liberdade integral,
para facernos
persoas comunitarias e alegres.
Pero cústame
fiarme da túa proposta;
ou digo que
non, que a túa proposta é absurda,
ou digo que si,
pero todo se queda en palabras,
ou no fondo
entendo que si, que tes razón,
pero retírome
tamén entristecido,
porque penso
que os meus bens, da condición que sexan,
son xa a miña
ledicia, a miña vida.
¿Quen romperá
en min as cadeas
que,
aparentando darme firmezas,
me impiden soñar
e voar
nas ás da
irmandade, nas ás de Deus?
Máis ca nunca,
aquí estou,
Xesús, como aprendiz.
Acción
Aprendemos a liberarnos ao
estilo de Xesús dando pequenos pasos de desapego a favor do comunitario, a
favor da demais xente que precisa de nós. A pouco que pensemos, seguro que se
nos ocorren algunhas cousas ás que podemos renunciar para que a irmandade medre
en algo.
Na memoria de Alexandre Bóveda
Alexandre Bóveda Iglesias (1903-1936) foi un egrexio político galego
pertencente ao Partido Galeguista. Foi tamén un crente convencido. Cando o
levantamento militar do 1936, prendérono os militares, xulgárono de forma
sumaria e condenárono a morte; nunca fixera mal ningún a ninguén; simplemente
amaba e servía a Galicia con paixón e moita intelixencia, como parte da súa
responsabilidade cívica e relixiosa. Preparouse para a morte moi devotamente. O
17 de agosto do 1936 foi fusilado no monte da Caeira (Poio), ás aforas de
Pontevedra. Foi un verdadeiro mártir, exemplar na vida, exemplar na morte, ao
que incomprensiblemente desde a institución eclesial nunca se lle prestou
atención ningunha.
Na Caeira
caeron os teus osos,
a túa carne
nova, vizosa,
envolta en
sangue de fratricidio.
Pero non
caíches ti.
Na Caeira
caeron todas as rabias
contra a túa
vida inocente,
luminosa,
interpelante.
Pero non
caíches ti.
Na Caeira
caeron os ruxidos das balas
intentando
calar as túas verbas acesas,
os teus soños
solidarios por Galicia.
Pero non
caíches ti.
Na Caeira
caeron os cómplices silencios clericais
negándoche a
comuñón substancial
que no Corpo de
Cristo antes che ofreceran.
Pero non
caíches ti.
Na Caeira
caeron os teus 36 anos
exemplares na
vida, exemplares na morte,
no teu corpo
pequeno e maxestoso, sublime,
na túa alma
nobre e soñadora, popular, galega.
Pero non
caíches ti.
Eternamente ti,
irmán
queridiño,
amiguiño da
alma,
eternamente ti.
18 de agosto: martes da 20ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 19, 23-30
Nunha ocasión díxolles
Xesús aos seus discípulos:
—Asegúrovos que á xente
rica lle vai ser ben difícil entrar no reino dos ceos; repítovolo: élle máis
doado a un camelo pasar polo ollo dunha agulla que a unha persoa rica entrar no
reino dos ceos.
Oíndo aquilo, os
discípulos comentaron abraiados:
—Pero, logo, ¿quen se vai
poder salvar?
Mirando para eles
fixamente, díxolles Xesús:
—Si, para a xente é
imposible, pero para Deus todo sé posible.
Entón interveu Pedro
dicindo:
—Pois nós deixámolo todo
e seguímoste. ¿Que nos vai tocar?
Xesús respondeu:
—Asegúrovos que, cando
chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, vós, os que
me seguistes, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de
Israel. E toda persoa que por min deixou casas ou irmáns e irmás, ou pai ou
nai, ou fillos e fillas ou leiras, recibirá cen veces máis e herdará a vida
eterna. Hai moitas persoas que son as primeiras e serán as últimas, e moitas
que son as últimas e serán as primeiras.
Meditación
De novo unha proposta de
Xesús que nos descoloca: a xente rica vaino ter moi difícil para entrar no reino
de Deus; é dicir, para sentir como Xesús sente, para enredarse nas súas
historias de irmandade real, para atopar niso o gran gozo da súa vida, a súa
“salvación”. Se isto resulta chocante para nós, moito máis o era para a xente
daqueles tempos, que tiñan moi metido na cabeza que a riqueza era unha
bendición de Deus, e que, ao revés, a pobreza era coma un castigo de Deus.
Podemos ser persoas ricas
de moitas maneiras. Desde logo somos ricas se posuímos moitos bens, moito
diñeiro; os bens e o diñeiro pódennos afogar a vista, o corazón, para non
entender que o máis fermoso da vida é ver a demais xente coma irmá e tratala en
todo coma tal. Tamén podemos ser persoas ricas sendo máis ou menos pobres, se
temos o corazón cego pola chulería, pola ansia de posuír, de aparentar, de ter
poder, e non vivimos a nosa pobreza coma un camiño que nos leve a facernos máis
solidarios uns dos outros e a construír unha convivencia nova na parroquia, no
pobo, baseada na unión, na colaboración,
na defensa da nosa vida, dos nosos dereitos.
A renuncia a sermos
persoas ricas desa maneira supón abrirnos a outras riquezas maiores, que se nos
ofrecen gratuitamente nunha morea de relacións marcadas polo agarimo e pola
solicitude mutua.
Oración
Todo é posible
para ti, meu Deus.
É posible
liberarme do
atractivo dos cartos, do poder, do
figurar.
É posible
descubrirme o
atractivo maior da pobreza solidaria.
É posible
gozar co gozo
humanísimo de tratarme con calquera persoa coma irmá.
É posible
vivir feliz
contracorrente, porque me sae da alma.
É posible
soñar cunha
terra nova, cun ceo novo.
É posible
descubrirte,
meu Deus, coma un Deus rompedor,
que abres
camiños novos de felicidade
e nos dás
forzas para avanzar por eles.
Todo é posible.
Grazas, meu
Deus.
…….
Todo é posible
para ti, meu Deus.
É posible
liberarme do
mal xenio co que trato á xente da casa.
É posible
renunciar o
rancor que manteño con ese veciño que ben sabes.
É posible
aprender a
perdoar a quen tanto me custa.
É posible
termar das
poucas unións que se dan entre a veciñanza.
É posible
deixar de
actuar coma un comenencias.
É posible
soñar co común
e construílo pouco a pouco.
É posible
verte a ti ao
noso lado coma alguén que nos ama,
nos comprende e
nos acompaña sempre.
É posible.
Grazas, meu
Deus.
Acción
Podemos pensar nalgunha
cousa boa á que razoablemente nos gustaría chegar, pero da que desistimos,
porque non confiamos nas nosas forzas. ¿Sería posible conseguila cambiando de
actitude, fiándonos máis de nós mesmos/as, da xente que nos rodea, do Deus que
sempre nos acompaña? Tentémolo, a ver.
19 de agosto: mércores da 20ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 20, 1-16
Nunha ocasión Xesús
contoulles aos discípulos esta parábola:
—O reino dos ceos
parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar persoas que
andasen ao xornal para a súa viña. Axustou con elas o xornal dun denario e
mandounas á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outras persoas sen
traballo na praza. E díxolles:
—Ide vós tamén á miña
viña e dareivos o xusto.
Elas foron. De novo saíu
polo mediodía e pola tarde, e fixo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña;
atopou outras persoas paradas na rúa e díxolles:
—Pero, ¿que facedes aquí
todo o día sen traballar?
Eles responderon:
—É que ninguén nos
contratou.
El díxolles entón:
—Ide vós tamén á miña
viña.
Anoitecendo xa, díxolle o
dono da viña ao administrador:
—Chama os xornaleiros e
xornaleiras e págalles o xornal; empezas polas últimas e acabas polas
primeiras.
Chegan as da derradeira
hora e dálles un denario a cada unha. Cando chegaron as primeiras coidaron que
lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo,
murmuraban contra o propietario:
—Esas, as derradeiras
persoas, traballaron unha hora só e trátalas igual ca nós, que aturamos o peso
e a caloraza do día.
Pero el replicoulle a
unha delas:
—Amiga, non che fago
ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? Pois colle o teu e vaite. E
logo, se quero darlle á última igual ca a ti, ¿non teño dereito a facer o que quero
co que é meu? ¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
Así, dese mesmo xeito, os
últimos serán os primeiros e os primeiros serán os últimos.
Meditación
Estamos ante unha
parábola que nos introduce, coma ningunha outra, na cerna da mensaxe e do
estilo de vida de Xesús. Paga a pena pararse a fondo ante este relato. Remoelo
ben, deixar que nos invada e que nos afecte en todas as dimensións do noso ser.
Deus é universal e non se limita a certas culturas e tradicións relixiosas.
Deus é espléndido, desmedido, cun corazón sen límites, que non se rexe por
criterios humanos de xustiza, senón polo afán louco de que todos os homes e
mulleres do mundo poidan gozar da súa esplendidez.
Este evanxeo invítanos a
non desesperar polo pouco que poidamos ter feito ou esteamos facendo por entrar
na onda de Xesús, na onda de Deus. Invítanos a non desprezar a ninguén; é raro
que en algo polo menos non andemos todos, todas, buscando o rostro de Deus,
aínda que sexa por camiños raros. Invítanos a entrar na esplendidez de Deus,
gozando dela e practicándoa coa demais xente. Invítanos a non pechar portas
antes tempo. Invítanos a apuntarnos á proposta de Xesús, canto máis antes
mellor, porque canto máis antes o fagamos, máis antes tamén viviremos mellor a
nosa vida cos seus gozos e traballos. ¿En que consiste esa esplendidez de Deus?
Non o sabemos ben, intuímolo. Xesús é o mellor exemplo da esplendidez de Deus.
Este evanxeo invítanos a vivir espelidas cara todo tipo de solidariedade ao
estilo de Xesús e a morrer confiadamente nun Deus que nos sorprenderá pola súa
inmensa xenerosidade.
Oración
“¿Ou é que ti
ves con mal ollo
que eu sexa
bo?”
¿Ves con mal
ollo que eu te queira tantísimo
a pesar da túa
vida en tantas cousas desamañada?
¿Ves con mal
ollo que eu me arrime con tenrura
a tantas
persoas da rúa abandonadas, alcohólicas, perdidas?
¿Ves con mal
ollo que non desespere amorosamente
dos que xogan
coa dignidade das criaturas máis débiles?
¿Ves con mal
ollo que me arrime coma unha nai
a quen rexeita
a miña preferida xente refuxiada?
¿Ves con mal
ollo que me afane tolamente
por incluír e
non rexeitar, por abrir e non pechar, nunca, en nada?
¿Ves con mal
ollos que cada mañá, mediodía ou tardiña
saia incorporar
xente para a irmandade real
coa mesma
paciencia, coa mesma paixón?
¿Ves con mal
ollo que chame incansablemente á túa porta,
esperando de ti
un chisco de loucura amorosa, servidora?
Acción
Podemos mirar a ver se
nalgún aspecto, con algunha persoa ou grupo social, somos dad@s a excluír, a
marxinar, a desatender, porque xa damos a cousa por perdida. Retomamos iso
desde o talante que Xesús nos propón no nome do Deus no que el cre.
20 de agosto: xoves da 20ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 22, 1-14
Nunha ocasión Xesús
faloulles de novo en parábolas aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo,
dicíndolles:
—Parécese o reino dos
ceos a un rei que celebrou o casamento do seu fillo. Mandou os seus criados que
fosen chamar pola xente convidada á voda, pero a xente non quixo ir. Volveu
mandar outros criados encargándolles que lle dixeran á xente convidada: “Teño
preparado o banquete, xa matei os becerros e outros animais cebados; todo está
disposto, vide á voda!”. Pero a xente non lle fixo caso; houbo quen marchou
para as súas leiras, houbo quen foi aos seus negocios, e os demais botáronse
aos criados, maltratáronos e matáronos.
Entón o rei, todo
indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e
prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos seus criados: “A voda está
preparada, pero a xente convidada non a merecía. Así que ide ás encrucilladas
dos camiños e a canta xente atopedes convidádea á voda”. Saíron os criados aos
camiños e xuntaron a toda a xente que foron atopando, boa e mala, de xeito que
a sala da voda encheuse das persoas convidadas.
Cando entrou o rei para
saudar a xente convidada, viu un home que non vestía traxe de voda e díxolle:
“Amigo, ¿como entraches aquí sen traxe de voda?” El ficou caladiño. Entón o rei
díxolles aos camareiros: “Atádeo de pés e mans e botádeo fóra, ás tebras, onde
será o pranto e máis o renxer dos dentes”. Porque son moitas as persoas
chamadas, pero poucas as escollidas”.
Meditación
Unha parábola dura para
os xefes relixiosos xudeus daqueles tempos, que co seu pobo foron invitados á
festa do amor que Deus ofrecía na persoa de Xesús, o noivo. Enredados coas súas
leiras, cos seus negocios, coas súas seguridades, coas súas ideas relixiosas,
coas súas comenencias, co seu medo ao novo de Deus, rexeitaron a invitación, e
priváronse a si mesmos da gran experiencia de amor festivo, comunitario,
concreto e universal, que Xesús ofrece como don e como tarefa.
Parábola tamén clara e
esixente para todos e todas nós, persoas cristiás do tempo presente. Somos
xente que, sen dúbida, en moitas ocasións estamos tan enredada en mil
ocupacións, tan absorbida por unha vida
branda, tan desconfiada xa de que de Deus, de Xesús, nos poida chegar algo
atractivo, bo para as nosas vidas, que rexeitamos as invitacións de Deus, e
ímonos excluíndo do gozo de vivir envoltos en amores, traballando amores,
celebrando amores.
Oración
Bo oficio e
beneficio o que me deches, meu Deus!
Todo ten que
ver con casamentos,
con unións
íntimas e encontros animadores,
con compartir
mesas comúns e alentos solidarios,
sempre, en
todo, sen límite ningún.
Así es ti de
espléndido e xeneroso!
E andar, claro,
con traxe de vodas,
co corpo áxil,
aceso, case transfigurado,
co espírito en
amores recios,
simples,
intelixentes, cotiáns, verdadeiros,
facendo do
común a lei de vida.
Converterme así
gustosamente
en vivo
anunciador/a da felicidade que nos xunta,
co paso lixeiro
que só ti, meu Deus,
es quen de
darme.
Bo oficio e
beneficio o que me deches, meu Deus,
gustador/a e
anunciador/a de vodas!
Acción
Se nos paramos un pouco,
podemos ver que nos chegan moitas invitacións a cousas de unión, de
solidarizarse, de mesturar vidas, gozos, traballos… Son coma os criados e
criadas de Deus que a diario nos traen a súa invitación á festa do amor.
¿Andamos ao quite, para acoller esas invitacións e entrar na rolda de Deus?
Seguro que poderemos mellorar moito niso.
21 de agosto: venres da 20 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 22, 34-40
O fariseos, cando oíron
que Xesús lles tapara a boca aos saduceos, reuníronse e un deles, que era
xurista, preguntoulle, para poñelo a proba:
—Mestre, ¿cal é o
mandamento máis importante da Lei?
El respondeulle:
—“Amarás o Señor, o teu
Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu
entendemento”. Este é o mandamento primeiro e mais grande. O segundo é
semellante a el: Amaras o teu próximo como a ti mesmo. Destes dous mandamentos
dependen a Lei enteira e máis os Profetas.
Meditación
Xesús, bo herdeiro da
mellor tradición relixiosa do seu pobo, tiña moi claro que o amor a Deus, por
moi intenso que fose, e precisamente por selo, non se podía arredar nunca do
amor ao próximo, ata o punto de que este, o amor ao próximo, é o que demostra a
autenticidade do amor a Deus. Nós, onte coma hoxe, empeñámonos en arredar estes
dous amores, e así podemos rezar, ir á Misa, cumprir –como dicimos— cos nosos
deberes relixiosos, e ao tempo despreocuparnos da xente que precisa de nós.
¡Como se o primeiro deber relixioso non fose precisamente ese de mirar pola
xente vulnerable que nos rodea, na familia, na parroquia, na sociedade, no
mundo. Hoxe falamos de “mística de ollos abertos”; é dicir: ser unha persoa
verdadeiramente apaixonada por Deus, pero cos ollos, co corazón, coa vida
totalmente aberta ás persoas que rodean, con ánimo de acollelas, acompañalas,
servilas.
Oración
Que a túa
verdade, Xesús,
prenda en min.
Prenda en min o
teu estilo,
a túa
autenticidade,
o teu cego
empeño por Deus
e o teu cego
empeño pola xente:
gozar sabéndome
fillo ou filla de Deus
e comprometerme
con humildade
con esa
dignísima condición miña;
gozar sabéndome
irmán, irmá,
de calquera
persoa coa que me cruce na vida,
e comprometerme
con afouteza
na tarefa
preciosa de vivir en irmandade.
Así, así,
así me gustaría
ser eu ao teu carón, Xesús.
Acción
¿Como estamos levando nós
esta dobre paixón que enchía o ánimo de Xesús?
¿Como o vivimos? ¿En cal das dúas coxeamos
máis? ¿Que podemos facer para mellorar algo?
22 de agosto: sábado da 20ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 23, 1-12
Nunha ocasión díxolle
Xesús á xente e aos seus discípulos:
—Na cátedra de Moisés
sentaron os letrados e máis os fariseos. Facede, logo, e cumpride canto vos
digan, pero non imitedes a súa conduta, porque falan pero non cumpren. Atan
fardos pesados e cánganos nos lombos da máis xente, pero eles nin un dedo poñen
para os mover. Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente,
ancheando os filacterios e as franxas dos seus mantos; buscan os primeiros
postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas; que lles fagan
reverencias nas prazas e que os chamen mestres.
Pero vós non vos fagades
chamar mestre, pois un só é o voso mestre e todos vós sodes unha irmandade. E a
ninguén chamedes pai ou nai na terra, porque unha soa é a vosa Nai, un só é o
voso Pai, o celestial. Nin tampouco vos fagades chamar dirixente, porque un só
é o voso dirixente, Cristo. A xente máis importante entre vós debe ser a vosa
servidora, pois calquera persoa que se enalteza será rebaixada e quen se
rebaixe será enaltecida.
Meditación
Este evanxeo fai un
debuxo ben escuro do comportamento dos dirixentes xudeus do tempo de Xesús:
xente que miraba máis pola súa aparencia social, polo seu poder, ca polo
benestar da xente; ditar leis para que as cumpran outros, sen implicarse en
facilitar a vida da xente máis humilde; honores, aplausos, títulos. Pura
aparencia! É de supoñer que non todos
fosen así de vaidosos e inhumanos.
Ante iso a proposta das
primeiras comunidades cristiás, seguindo o espírito de Xesús, é ben
alternativa: nada de títulos, pois temos no ceo un Pai ou Nai e chega, e temos
en Xesús o único mestre; e todo envolto na irmandade e no servizo. Os homes ou
mulleres escollidas para os necesarios liderados da comunidade hanse distinguir
pola súa franca vontade de servir.
Se lemos nós este
evanxeo, é para que o apliquemos ás nosas comunidades, a quen as presiden, a
todas as persoas que as formamos. É moi doado caer nos mesmos defectos que
criticamos nos outros. Facer carreira na Igrexa segue a ser unha tentación.
Estamos moi lonxe de construír comunidades cristiás fraternas ao estilo de
Xesús. Facer comunidades ben ao estilo de Xesús sería unha excelente
contribución ao conxunto da sociedade, onde tamén se repiten os trazos
negativos que aquí se describen.
Oración
Irmáns, irmás,
e máis nada,
Xesús.
Así che gustaba
a ti.
Irmáns, irmás
afanadas polo
servizo sempre, en todo.
Irmáns, irmás
fuxindo de
títulos e honores.
Irmáns, irmás
arrimando o
lombo a cada hora
para facer máis
liviá a carga para a xente débil.
Irmáns, irmás
desde os feitos
máis ca desde as palabras.
Irmáns, irmás
á sombra sempre
dun Pai ou Nai do ceo
que a todos nos
xunta e unifica
ata o extremo,
ata o máis fondo.
Irmáns, irmás
e máis nada.
Xesús, faime
irmá, irmán, contigo,
e máis nada.
Acción
Miremos un pouco para a
nosa comunidade cristiá ou parroquia. Se en algo vemos que non vivimos co
espírito de Xesús, compartámolo cos demais membros da comunidade e dispoñámonos
ao cambio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.