23 de agosto: domingo 21 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 16, 13-20
Cando chegou Xesús á
comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é
o Fillo do home?
Eles responderon:
—Algunhas persoas din
que Xoán Bautista; outras, que Elías,
outras, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
—E vós, ¿quen dicides
que son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo
do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón, fillo
de Xonás, porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai
que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro e sobre esta pedra vou
edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela.
Dareiche as chaves do reino dos ceos; todo o que ates na terra, ficará atado
nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
E mandoulles aos
discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.
Meditación
Se collésemos hoxe un
micro e nos fósemos á rúa para preguntarlle á xente que pensa de Xesús, que nos
contestaría? Moi posiblemente as súas respostas demostrasen un descoñecemento
enorme da vida e da persoa de Xesús. Catro datos anecdóticos da súa existencia
(o portal de Belén, que facía milagres, a morte na cruz...), pero seguramente
–oxalá nos equivocásemos— moi pouco ou nada do máis importante da súa figura,
do seu ideario persoal e social, do seu significado para as comunidades
cristiás, para a sociedade en xeral. É importante para nós saber que pensa a
xente de Xesús, porque iso nos pode dicir moito do que nós mesmos vivimos e
transmitimos, do que nós contaxiamos de Xesús. Pero é moito máis importante ver
que é o que pensamos, vivimos nós de Xesús. E, para iso, podemos acoller como
feita a cada un, cada unha de nós, a pregunta que Xesús lles fixo ás persoas
que o seguían: ¿Quen dicides vós que son
eu? Ou, se queremos, como a Xesús as respostas teóricas, baleiras de vida, non
lle interesarían nada, podemos converter a pregunta en algo máis directo e persoal
aínda: ¿Quen son eu para ti? Falaremos de Xesús segundo o que realmente Xesús
sexa para nós. Así que parémonos un pouco e acollamos a pregunta de Xesús:
¿Quen son eu para ti? ¿Quen estou sendo agora mesmo para ti? ¿Que presenza teño
na túa vida?
Seguro que hai persoas
significativas na túa vida, seguro: o teu home ou muller, os teus fillos ou
fillas, aquel amigo, aquela amiga, a persoa da que empezas a estar namorada,...
¿Que lugar ocupo eu, Xesús, na túa vida ao lado desoutras presenzas importantes
para ti? Calquera desas persoas mencionadas seguro que che aportan algo:
compaña, paz, acollida, alento, enerxía, refuxio, valoración, esperanza,
sentido, ... ¿Que che aporto eu? Serías capaz de concretalo nalgunha palabra,
nalgún sentimento, en algo? Se che custa moito facelo, igual é que significo
pouco ou nada para ti, igual é que todo isto da fe cristiá que estás vivindo, á
hora da verdade, é algo baleiro, cheo de certos ritos, prácticas e obrigas
relixiosas, e máis nada. Pero non te asustes. Se as cousas son así, pois son
así. Pode ser o punto de partida para que te propoñas coñecer algo máis de
Xesús, por fóra e por dentro, do que foi a súa vida, e do que pode significar
para ti.
A celebración
eucarística de hoxe podemos vivila coma un rito relixioso máis, baleiro, que
non deixe pegada na nosa vida, ou podémola vivir coma un encontro vivo con
Deus, con Xesús, co seu Espírito, en comunidade; coma algo que nos dea vida,
que se vai gravando en nós e nos vai facendo ao estilo de Xesús.
Oración
Quen son eu para ti?
O que vas e
volves á miña vida,
considerado
sempre coa miña debilidade.
O que me
amosas o rostro de Deus
dunha maneira
sempre nova e sorprendente.
O que me
transmites unha grande paixón por Deus,
unha desmedida
paixón pola xente.
O que me narras a Deus dunha maneira desconcertante:
pode servilo quen non o nomea,
pode blasfemalo quen se chufa de servilo.
O que me miras
con ollos novos,
limpos,
comprensivos, fondos.
O que me ensinas a ollar como ti ollas,
e a ver un irmán/á en cada veciño ou veciña.
O que penas
cos meus fracasos como persoa,
e gozas coas
miñas máis ínfimas medras.
O que me lanzas á participación comunitaria,
e nela me sostés co teu Espírito.
O que me
perdoas sempre, con esixencia curadora,
e me invitas a
perdoar coa mesma esixencia.
O que me falas de Deus coa inocencia e paixón dun namorado,
e desde dentro me invitas a achegarme á soleira de Deus.
O que me
transmites a experiencia dun Deus próximo,
metido na
vida, na xente, na historia, na natureza, en min mesmo.
O que me pos en garda ante ilusións relixiosas,
e me confrontas a diario coa vida da xente pobre.
O que me
alertas do ídolos do diñeiro, do poder,
do ídolo do
propio eu que todo o contamina.
O que me empuxas a amarme e perdoarme,
a verme coma tesouro precioso en cunca de barro.
O que me
ofreces no mesmo paquete paz e rebeldía,
vixilancia
extrema e tranquilidade absoluta.
O que me sacodes cando adormezo e me fago indiferente
a calquera desprezo, abuso, trampa ou inxustiza.
O que cada día
me invitas a verte e tratarte
na Luz, no
Prudencio, no Amandino, na Marisa, ...
O que me
invitas a soñar a Deus coma un mar de vida
no que
deixarme ir na vida e na morte con confianza.
O que me
invitas a respectar e agradecer,
a calar e
adorar, antes de falar.
O que me
ofreces por riba de todo alegría e festa,
festín de
festa e gozo comunitario.
Acción
Hoxe podiámonos
preguntar que é o que está sendo Xesús para cada un, cada unha de nós.
Podiámolo resumir nalgunhas poucas palabras. Así podemos ver o peso que
realmente Xesús ten na nosa vida.
24 de agosto: Festa de san Bartolomeu, apóstolo
Evanxeo: Xn 1, 45-51
Unha vez Felipe atopou a
Natanael (tamén chamado Bartolomeu) e díxolle:
—Encontramos a aquel de
quen escribiu Moisés na lei e máis os profetas, a Xesús, o fillo de Xosé, de
Nazaré.
Contestoulle Bartolomeu:
—¿E de Nazaré pode saír
algo bo?
Felipe díxolle:
—Ven e verás.
Viu Xesús a Bartolomeu,
que se achegaba, e dixo del:
—Aí tedes un verdadeiro
israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Bartolomeu:
—¿E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Felipe
chamase por ti, cando estabas debaixo da figueira, vinte.
Respondeulle Bartolomeu:
—Mestre, ti es o Fillo
de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
—¿Por que che dixen que
te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
—Con toda verdade volo
aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o
Fillo do Home.
Meditación
Este relato conta algo
de como Natanael ou Bartolomeu se incorporou ao grupo de Xesús: un amigo
levouno onda Xesús, e quedou seducido por aquela primeira conversa con Xesús.
Saíron a relucir as súas desconfianzas, pero Xesús chegoulle ao corazón e
aquilo foi o comezo dunha fonda amizade, dun sincero seguimento que o marcaría
para toda a vida. Quedan así subliñados os dous momentos que normalmente ten
todo proceso de sedución por Xesús e polo seu estilo de vida: que alguén nos
fale del, máis coa vida que coas palabras, e que nalgún momento teñamos nós o
noso propio encontro persoal con Xesús no noso interior, na nosa fe.
O relato pódenos servir
para recordar como foi ou está sendo a nosa vinculación con Xesús. Seguro que
alguén dalgunha maneira, máis ou menos convincente nos falou de Xesús e do seu
regalo para a vida; hai que agradecerllo; quizais tamén xa experimentamos en
por nós que realmente o que se nos dixera de Xesús era tal cal, ou moito máis
incluso. Pode ser tamén que non, que aínda esteamos no aire, e que siga no noso
corazón a pregunta de Bartolomeu, revestida de calquera dúbida ou resistencia,:
¿De Nazaré pode saír algo bo?
Oración
Canto ansío
atoparme contigo, Xesús!
Canto ansío
deixar de vivir de herdades,
de palabras e
experiencias alleas,
por moito que
as agradeza!
Canto ansío
bater contigo,
co misterio
humano e divino que vai contigo,
para abrirme a
el sen reservas,
e deixar que
modele toda a miña vida!
Do xeito que
sexa bater contigo,
para levarte
firme no meu corazón
alentando
todos os meus camiños
marcando todas
as miñas solidariedades,
abríndome o
acceso a Deus coma Nai
e a cada
persoa que en cada momento atope, coma irmá.
Canto ansío
atoparme contigo, Xesús!
Acción
É posible que hoxe mesmo
Xesús saia ao noso encontro da maneira menos pensada, sobre todo a través de
persoas ou situacións de pobreza, de debilidade, que é onde el está
especialmente presente. Acollámolo. Se podemos, coma Felipe, compartamos ese
encontro, falemos de Xesús con algunha persoa familiar ou amiga.
25 de agosto: martes da 21ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 23, 23-26
Nunha ocasión dixo
Xesús:
—Ai de vós, letrados e
fariseos hipócritas, que pagades o décimo pola menta, o anís e máis o comiño, e
descoidades o máis importante da Lei: a xustiza, a misericordia e a fidelidade!
É isto o que hai que practicar, sen descoidar o outro. Guías cegos, que coades
o mosquito e tragades o camelo!
Ai de vós, letrados e
fariseos hipócritas, que limpades por fóra a copa e máis o prato, e por dentro
estades ateigados de roubos e vicio! Fariseo cego, limpa primeiro o interior da
copa para que o seu exterior fique tamén limpo.
Meditación
Segue o Evanxeo coa
crítica aos representantes da relixión xudía do seu tempo. E seguimos nós tamén
mirando a ver ata que punto non estamos caendo en cousas semellantes ás
criticadas por Xesús hai dous mil anos. Tanto eles coma nós somos xente feita
do mesmo pau, temos as mesmas tentacións, e, en concreto, a mesma tendencia a
converter a relixión nunha cousa insubstancial, a base de darlle importancia a
certos rituais e quitarlla ao fundamental: andar sempre en xustiza, en
misericordia, en fidelidade, con nós mesm@s, coa xente que nos rodea, co Deus a
quen queremos amar e respectar.
Ao mellor obsesionámonos
por todos os detalles do enterro dun familiar, a quen en vida non coidamos como
deberamos. Ao mellor cura e xente celebramos unha misa de dez minutos para
cumprir cunha así chamada obriga relixiosa, pero non nos preguntamos se Deus,
por exemplo, non nos estará pedindo máis atención ao trato que lle estamos
dando ás persoas veciñas, maiores e soas. E así máis cousas. Que doado nos é
limpar por fóra, coidar as aparencias, e por dentro, no corazón, andar con
sucidade, con malicias, con abandonos. A Deus non lle importa que o intentemos
enganar; a Deus impórtalle que así non atopemos o camiño da nosa felicidade.
Oración
Grazas, Xesús,
porque miras
por nós.
Grazas porque
nos corrixes.
Grazas pola
xente que, no teu nome,
con paciencia
e agarimo tamén nos corrixe.
Grazas por
avisarnos
das moitas
trampas nas que podemos caer
nas cousas da
relixión.
Podemos
converter o máis santo no máis obsceno!
Podemos
converter os camiños da vida
en camiños de
perdición!
Grazas, Xesús,
porque apelas
constantemente ao instinto de verdade
que toda a
xente, grazas a Deus,
levamos ben
gravado no noso íntimo.
Grazas, Xesús,
pola túa corrección.
Acción
¿Como reaccionamos cando
alguén nos critica as trampas nas que caemos coa práctica relixiosa? ¿Temos a
humildade e a valentía necesarias para corrixir con respecto o que consideremos
malas prácticas relixiosas da nosa comunidade ou parroquia, dicíndollo incluso
ao mesmo cura?
26 de agosto: mércores da 21 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 23, 27-32
Unha vez falou así
Xesús:
—¡Ai de vós letrados e
fariseos hipócritas, que vos parecedes aos sepulcros encalados, que por fóra
parecen fermosos e por dentro están cheos de ósos de mortos e de impureza!
Tamén vós por fóra parecedes homes xustos, pero por dentro estades cheos de
hipocrisía e inxustiza.
¡Ai de vós, letrados e
fariseos hipócritas, que construídes sepulcros aos profetas e adornades os
monumentos dos xustos, e dicides: “Se vivísemos no tempo de nosos pais, nós non
seriamos cómplices deles na asasinato dos profetas!”. De xeito que contra vós
mesmos testemuñades que sodes os fillos dos que asasinaron ós profetas.
¡Acabade tamén vós de encher a medida de vosos pais!.
Meditación
Palabras moi gordas as
que o evanxelista Mateu pon na boca de Xesús criticando o comportamento
hipócrita de letrados e fariseos. Palabras que debemos acoller como tamén
dirixidas a nós, porque ¿quen está libre dese afán tolo de aparentar e
aparentar, simulando honradez, solidariedade, interese pola sorte da
comunidade, pola sorte da xente máis desfavorecida, e logo quedamos no seo da
manta? ¡Cantas veces entramos no intento absurdo de branquear por fóra a nosa
vida, buscando recoñecemento e valoración, agochando sabe Deus que no noso
interior! Énchesenos a boca de palabras e palabras, que nós tal, que nós cal,
que mira eses, que mira esoutros…, e por aquí e por alí moitas veces acabamos
facendo o mesmo que criticamos. Xesús invítanos a actuar sempre con
sinceridade, con humildade, ollando con verdade para o noso interior, para o
noso propio corazón, e desde esa verdade poder falar e actuar. Deus axúdanos a
poñer verdade no noso propio corazón, na nosa propia vida.
Oración
Que me deixe
traballar por ti, meu Deus!
Límpame de
aparencias e simulacións,
do afán tolo
de recibir recoñecementos,
do intento
absurdo de fuxir da miña propia verdade.
Que da túa man
acceda ao meu
ser verdadeiro,
e desde o meu
ser verdadeiro
fale,
actúe,
me relacione
sempre
coa xente,
contigo, meu
Deus.
Con humildade,
con
agradecemento.
Porque son
lama,
nada máis que
lama,
ti quéresme
valer, meu Deus.
Grazas.
Acción
E moi probable que
nalgunhas cousas actuemos desde a simulación e o engano. Pensemos na última
ocasión en que fixemos algo así. O cambio posible empeza por tomar conciencia
dos momentos nos que nos deixamos levar pola hipocrisía.
27 de agosto: xoves da 21 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 24, 42-51
Nunha ocasión díxolles
Xesús aos seus discípulos:
—Vixiade, porque non
sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben, se soubese o dono
da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que
lle asaltasen a casa. Así tamén estade vós preparados, porque na hora menos
pensada preséntase o Fillo do home.
¿Quen é o criado fiel e
prudente, a quen o Señor encargou o coidado de dar de comer á servidume no seu
debido tempo? ¡Ditoso o criado aquel a quen o seu amo, cando chegue, o atope
cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a súa
facenda. Pero, se aquel mal empregado di para si: “O meu amo aínda non vén para
agora”, e empeza a bourar nos seus compañeiros, comendo e bebendo cos
borrachos, o día menos pensado e á hora máis imprevista chégalle o amo e bótao
fóra, cos hipócritas; alí será o pranto e máis o triscar dos dentes.
Meditación
Estas palabras do noso
Señor poderíannos levar a poñer toda a nosa atención na morte, como momento no
que chega o noso Señor, e a vivir ese momento con temor, non vaia ser que os
nosos malos feitos acaben merecendo castigo. E así, mesmo poderíamos acabar
vivindo a vida atemorizados. O peor que lle pode pasar a unha persoa cristiá é
acabar téndolle medo a Deus. Deus nunca é para meter medo. E Xesús tampouco. E
as súas palabras nunca, nunca son para meternos medo. Si, para invitarnos á
vixilancia. A vida é complexa. As persoas tamén o somos. E pódenos pasar que,
con máis ou menos consciencia, con máis ou menos responsabilidade pola nosa
parte, consintamos en ir facendo cousas que nos danen a nós, que danen a outras
persoas; e así, no canto de nos construír coma persoas felices, nos construamos
coma persoas amargas, que por riba lle amargamos a vida a outra xente. E isto,
claro, sería unha desfeita. Deus, Xesús, que quere sempre o mellor para nós, só
busca axudarnos a que iso non nos pase, a que poidamos gozar vivindo a vida con
coherencia e axudando coa mesma coherencia a que a xente do noso redor tamén
goce da mesma maneira. A morte e todo o que lle siga está sempre nas mans dun
Deus misericordioso e clemente.
Oración
Sen medos, sen
angustias,
con paz, con
confianza,
quero vivir
cada día, meu Deus querido,
ao amparo da
túa presenza alentadora.
E así, con
coidado e agarimo
ir facendo
todo o que me pase polas mans,
desexando
facerme persoa de ben,
para o propio
proveito,
para proveito
de quen me rodea,
para gloria
túa, meu Deus querido,
que me soñas
honesta, xusta e fraterna,
que me soñas
feliz.
Felicidade que
ti, porque es espléndido,
alongarás
eternamente ao teu carón,
no teu seo.
Grazas.
Grazas. Sempre grazas.
Acción
¿Somos persoas
abandonadas nalgunha das nosas responsabilidades persoais, familiares,
laborais, sociais? Cambiemos, non desde o medo a Deus, senón desde o aprecio
por nós mesmos/as e por aprecio quen nos rodea.
28 de agosto: venres da 21ª semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Mt 25 1-13
Unha vez díxolles Xesús
esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—O reino dos ceos
parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco
eran aloucadas e cinco, previsoras. As aloucadas colleron os candís, pero non
os encheron de aceite; as previsoras, en troques, cos candís levaron tamén as
aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas.
Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!”
Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as aloucadas
dixéronlles ás previsoras: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís
esmorecen”. Responderon as previsoras: “Non vaia ser que non chegue para vós e
para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.
Mentres elas ían
mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete
de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando:
“Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos
coñezo”.
Vixiade, logo, xa que
non sabedes nin o día nin a hora.
Meditación
Outra parábola sobre a
necesidade da vixilancia na vida. Ser persoas en alerta, preparadas, porque día
a día, hora a hora, Deus vai pasando pola nosa porta e, se non estamos
dispostas a saírlle ao encontro, perdemos as oportunidades que o paso de Deus
nos ofrece. E son acollementos e respostas que outras persoas non poden dar por
nós, aínda que outras persoas si que poden alertarnos para que vivamos con
serenidade, en paz, en silencio, e por iso mesmo con capacidade de percibir e
responder.
Deus fáisenos presente
nos momentos relixiosos (unha Eucaristía, un tempo de oración, un silencio para
acoller…), pero tamén se nos fai presente en moitos outros momentos da vida:
calquera persoa que se achega a nós, calquera persoa fráxil, desamparada;
calquera acción humana que crea irmandade; calquera acción de abuso que xa
dicimos que clama ao ceo; calquera momento da creación animada ou inanimada,
que leva o rastro de Deus etc. Para quen anda coa alma en vilo cara ao ben,
cara a fermosura, cara á verdade, a vida está chea de encontros humildes e
poderosos co Deus da vida.
Oración
Quéresme, meu
Deus,
persoa viva e
asentada a un tempo.
Persoa de
palabras e de silencios,
persoa de
festas e de acougos,
persoa de
acollementos e de ofrecementos,
persoa de
comunidade e de soidade,
persoa de
durmidas e de vixilancias.
Quéresme, meu
Deus,
persoa amiga
da riqueza da vida,
hábil para
sacarlle á vida todo o seu zume,
hábil para no
zume da vida
descubrirte a
ti e gozar a túa presenza.
Quéresme, meu
Deus,
totalmente
humana
e así, só así,
totalmente túa.
Acción
Estamos acabando o tempo
de vacacións. Pero, con vacacións ou sen elas, ¿que tempo nos concedemos para
mirar polo que pasa pola nosa vida, por como acollemos as persoas, as
circunstancias que a vida nos vai poñendo diante? ¿Somos das aloucadas ou das
previsoras? ¿En que poderiamos avanzar por aquí?
29 de agosto: Memoria obrigatoria do Martirio
de San Xoán Bautista
Evanxeo: Mc 6, 17-29
Sucedeu que Herodes
mandara prender a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa
que el casara. Xoán non paraba de lle dicir:
—Non che está permitido
vivir coa muller do teu irmán.
Por iso Herodías
colléralle xenreira a Xoán e queríao matar. Pero Herodes temía a Xoán, sabendo
que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo o escoitaba con gusto, aínda que
quedase desacougado.
Pero chegou a ocasión
axeitada, cando Herodes no día do seu aniversario deu un banquete aos
ministros, oficiais e xente importante de Galilea. Resulta que a filla de
Herodías entrou e bailou moi ben, gustando moito a Herodes e a toda a xente
convidada. Entón o rei díxolle á rapaza:
—Pídeme o que queiras,
que cho hei dar.
E xurou:
—Dareiche o que me
pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.
Vaise a rapaza onda a
nai e pregúntalle:
—¿Que lle pedirei?
Ela díxolle:
—Pídelle a cabeza de
Xoán Bautista.
E, volvendo onda o rei,
díxolle:
—Quero que me deas de
contado nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.
O rei púxose moi triste,
pero, polo xuramento feito e máis pola xente convidada, non a quixo defraudar.
E de seguida mandoulle a un verdugo que trouxese a cabeza de Xoán. Foi,
decapitouno e trouxo a cabeza nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non
tardou en levarlla á súa nai. Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o
cadáver e fórono enterrar.
Meditación
Xoán Bautista foi un
personaxe que deixou un impacto grande no mesmo Xesús e nas primeiras
comunidades cristiás. Por iso aínda hoxe o recordamos en repetidos momentos
durante o ano. Un home íntegro, un buscador apaixonado da verdade de Deus para
a xente, unha persoa que renunciou ao oficio sacerdotal que lle correspondía
por dereito familiar, para embarcarse nun camiño creativo, porque viu que no
seu tempo a vida relixiosa se estaba diluíndo en prácticas sen sentido e sen
verdade. Un home que se enfrontou abertamente co poder relixioso e político do
momento polos seus descontrois e abusos do pobo. Un home que por todo isto deu
a vida. O seu testemuño colle especial relevancia polas mesmas circunstancias
da súa morte: nun ambiente de excesos,
rodeado de persoas triviais, sen valores consistentes, que actuaban desde o
rancor, desde o quedar ben, desde o desprezo á palabra, á vida de quen
pretendía axudarlles a ser xente honrada e coherente. Un verdadeiro exemplo
para quen nos nosos tempos apostamos por ser persoas cristiás na sociedade tan
branda na que vivimos.
Oración
Grazas, meu
Deus,
polas persoas
mártires
de onte e máis
de hoxe,
de todos os
tempos da historia da Igrexa.
Grazas tamén
polas persoas mártires
doutras
relixións ou de ningunha relixión.
Grazas por
quen defende o humano, o xusto,
e afronta con
valentía as consecuencias desagradables desa defensa.
Grazas pola
palabra desas persoas mártires,
pola súa
vida, pola súa morte,
polo seu
sangue inxustamente vertido,
aínda que
valentemente ofrecido.
Grazas, meu
Deus, infinitas grazas!
Que ao seu
carón, co seu exemplo,
nos encoraxemos
nós
para vivir con
máis fidelidade e fondura
a nosa
humanidade, a nosa fe.
Acción
Seguro que en máis dunha
ocasión temos cedido á presión do ambiente, e deixamos de dicir ou facer o que
a nosa conciencia nos ditaba por calquera clase de medos. Podemos aprender da
nosa experiencia para entrar algo no espírito das persoas mártires, e chegado o
caso, dar testemuño dos valores, da fe que levamos no corazón.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.