30 de agosto: domingo 22 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 16, 21-27
Empezou Xesús a
aclararlles aos seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén e que alí o ían
facer sufrir moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían
executar e que ao terceiro día había resucitar. Pedro, colléndoo a parte,
empezou a rifar con el, dicindo:
—Deus te libre, Señor, a
ti non che pasará nada diso de maneira ningunha.
Pero Xesús, volvéndose,
díxolle a Pedro:
—¡Arreda de min Satanás!
Ti es un tentador para min, porque non
te deixas guiar por Deus senón pola
xente.
Entón díxolles Xesús aos
seus discípulos:
—Se alguén quere vir
comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque
quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña
causa, poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ao ser humano gañar o mundo
enteiro, se perde a súa vida? E ¿que pode dar un ser humano para recobrar a súa
vida? Porque o Fillo do home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón
pagará a cadaquén conforme á súa conduta.
Meditación
Temos manipulado moito
o xeito de ser de Xesús ante a vida e as
súas realidades, adaptándoa aos nosos gustos e criterios. Quizabes deixándonos
levar polas palabras de Xesús que dicía de si mesmo que era “bo e humilde de
corazón” (Mt 11,29), teñamos esquecido a outra cara da súa personalidade e
vida: Xesús era conflitivo, e non por ningunha clase de desequilibrio persoal,
senón pola paixón que tiña polo honor de Deus e polo honor de calquera persoa
humana. Nese caso facíase persoa de choque, de denuncia, e de conflito coas
persoas e institucións, relixiosas e civís, que vía coma causantes desa falla
de honor, viñese o que lle viñese enriba. ¿Como vemos nós a Xesús, como o
vivimos, que transmitimos del, coa palabra e cos feitos, na nosa comunidade
cristiá?
O Evanxeo fálanos de
salvar a vida, de perdela, de atopala, de arruinala. ¿Que entendía Xesús e que
entendemos nós por esas cousas? ¿Que é para nós atopar vida, facer vida, vivir?
Se pensamos, por exemplo, nuns pais respecto dos seus fillos/as, o que
normalmente soñamos para eles/as, é que non batan con malas compañías, que se
formen ben, que atopen un traballo digno, que casen, que fagan unha familia
feliz, que sexan honrados, ... e xa non é pouco. Pero, para Xesús ¿chegaría con
isto? ¿Entendía así el a vida? Sen quitarlle importancia a nada disto, Xesús
poñería algo máis e ademais poñeríao como fundamental: que unha persoa non
estea centrada nos seus intereses, no seu enriquecemento, na súa familia; que
unha persoa pense nos outros, teña corazón para solidarizarse cos outros, para
perder do seu para que outros vivan.
Os criterios de Deus e os
criterios da xente. A maneira de ver as cousas propia de Deus, a maneira de ver
as cousas propias da xente, dos homes e mulleres que convivimos na parroquia,
na sociedade. Polo que Xesús lles explicou aos discípulos, dá a entender que os
criterios da xente son frecuentemente criterios de cubrirse as costas, de non
arriscarse demasiado polos demais, de non enredarse nas cousas comunitarias, de
non poñer o propio espírito, as propias habilidades ao servizo da comunidade,
do pobo. En cambio os criterios de Deus son sempre criterios de amor solidario,
de pensar nos outros, de ser persoa de servizo. ¿Facemos o posible para acertar
sempre co criterio, co gusto de Deus?
Pedro quixo poñerse por
riba de Xesús, quixo darlle leccións de como vivir a vida, en relación con
Deus, en relación coa xente. Non o facía por mal, queríalle evitar traballos a
Xesús, pero vaia arrogancia! Xesús corrixiuno con palabras moi duras, e veulle
dicir: mira, non me tentes, apártate de aí, se queres andar comigo, o teu lugar
é o do grupo de seguidores e seguidoras que queren vir detrás de min. Non é
doado poñernos simplemente coma discípulos e discípulas da Xesús, pero ese é o
lugar máis apropiado para calquera membro dunha comunidade cristiá, empezando
polo mesmo crego que a atenda.
A celebración eucarística
é un encontro comunitario, vivo, coa vida humilde, valente, conflitiva de
Xesús, que o levou á morte, pero tamén á resurrección, ao triunfo da vida.
Oración
Señor,
que non me coma
a soberbia,
nunca, en nada,
de ningunha maneira;
eu quero ir
detrás túa,
no grupo dos
teus seguidores e seguidoras,
un máis no medio
da túa comunidade, do teu pobo,
aprendendo de
todos e todas,
aportando os
froitos que ti coidas en min.
Que o teu
espírito me manteña firme na humildade!
Señor,
que me deixe
guiar por Deus
—algo coma ti—
e non polos
criterios dos seres humanos,
con tanta
frecuencia sinalados por medos e covardías,
por intereses e
comenencias.
Que o teu
Espírito me manteña firme na fidelidade!
Señor,
que aprenda de
ti
a maneira xusta
de atopar a vida,
de coidala, de
recuperala, de salvala,
entrando da túa
man no rico e perigoso camiño
do abaixamento
persoal,
en cruz e
morte,
para que a
familia, a comunidade, o pobo teña vida.
Que o teu
Espírito me manteña firme na liberdade!
Señor,
que saiba
defender tamén
—algo coma ti—
o honor de
Deus,
o honor da
xente marxinal,
o honor de todo
o comunitario,
dándolles o
corazón, o pensamento, a voz, as mans
ante todo o que
os deshonra,
ante todos os
que pisan a súa dignidade.
Que o teu
Espírito me manteña firme na ousadía!
Acción
¿Temos algunha
experiencia recente de fuxir, de escondernos, de arredarnos de algunha chamada
interior ou exterior para facer algún servizo que nos había custar
algo?¿Evitamos dar a cara por alguén, por algunha idea ou proxecto que nos
parece xusto por medo a non sei que? Igual aínda estamos a tempo de emendar e
aprender.
31 de agosto: luns da 22 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 4, 16-30
E pasou que chegou Xesús
a Nazaré, onde se criara, e o sábado entrou na sinagoga conforme tiña por
costume. Ergueuse para facer a lectura e déronlle o libro do profeta Isaías.
Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía: “O Espírito do Señor está sobre min,
porque El foi quen me unxiu, para proclamarlle a boa nova á xente empobrecida.
Mandoume para lle anunciar a liberación ás persoas cativas, e ás cegas, a
vista; para lle dar liberdade á xente asoballada e proclamar o ano de graza do
Señor.”
Pechou o libro,
devolveullo ao encargado e sentou. Os ollos de toda a xente da sinagoga
fixáronse nel. E empezou a lles dicir:
—Hoxe cúmprese diante de
vós esta pasaxe da Escritura.
E toda a xente asentiu,
admirada polas palabras de graza que saían da súa boca. E dicían:
—Pero ¿non é este o fillo
de Xosé?
El díxolles:
—Seguramente me
recordaredes aquel refrán: Médico, cúrate a ti mesmo; fai no teu pobo todo
canto oímos que fixeches en Cafarnaúm.
Pero el continuou:
—Asegúrovos que ningún
profeta é ben recibido na súa terra. Tede por seguro que no tempo de Elías
había moitas viúvas en Israel, cando o ceo estivo pechado durante tres anos e
seis meses e unha grande fame anegou todo o país; pero a ningunha delas
mandaron a Elías, senón a unha muller viúva de Sarepta, en Sidón. E moitas persoas con lepra había en Israel no
tempo de Eliseo, o profeta, pero a ningunha delas curou, fóra de Naamán, o
sirio.
Oíndo estas cousas, toda
a xente que estaba na sinagoga se enfureceu; así que erguéronse, botárono fóra
da aldea e levárono ata o alto do monte no que está edificada, coa intención de
o guindaren embaixo. Pero el botou a andar polo medio deles e marchou.
Meditación
Resulta curioso este paso
do asentimento e da admiración ao rexeite e ao odio que se deu nos veciños e
veciñas de Xesús contra a súa persoa e contra a súa proposta de melloría
radical para toda a xente en situación desamparada. Sóannos moi ben as
propostas de igualdade, de respecto dos dereitos de todo o mundo, de
consideración especial polas persoas máis vulnerables, pero deseguida se
empezan a remover non sei que cousas no noso interior, e acabamos fuxindo desas
propostas coma do lume. Por que?
Pode ser que non lle
deamos credibilidade á persoa que nolas fai. Sempre as cousas foron así, sempre
a xente empobrecida tivo que serrar por baixo, e ¿quen te cres ti para facer
que as cousas cambien? “¿Non é este o fillo de Xosé?”, dicían os paisanos de
Xesús. Pero pode ser tamén que propostas como as de Xesús –ás que ás veces se
parecen algo as dalgúns nos nosos políticos— nos acaben collendo máis do que
nos gustaría. Non é algo que vén de repente do ceo, por moito que sexa cousa de
Deus. Vén de Deus, pero implícanos a toda a cidadanía, e empuxa a todo o mundo
a entrar en cousas de respectar, de compartir, de tolerar, de facer máis común
o que cremos absolutamente noso etc. E iso moitas veces non nos vai. Vémolo,
por exemplo, co caso da xente refuxiada. Vémolo tamén coa xente delincuente que
nos gustaría ver podrecer no cárcere. Vémolo no que nos custa poñer de primeira
na atención social a toda a xente máis machucada pola vida.
Oración
Quero
contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e do teu
Espírito para poder vivilos!
Quero
contaxiarme dos teus soños,
e do aguante
necesario para ilos realizando día a día!
Quero
contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e da sagacidade
e prudencia que os fan posibles!
Quero
contaxiarme dos teus soños,
e da compaña
cálida de quen cre neles!
Quero
contaxiarme dos teus soños, Xesús,
e da capacidade
de sufrimento que permite cumprilos!
Quero
contaxiarme dos teus soños,
e da ledicia
polos pequenos progresos feitos!
Quero
contaxiarme dos teus soños, Xesús,
quero
contaxiarme de ti!
Acción
Podemos mirar se co que
falamos e facemos estamos apostando algo por algún dos soños de Xesús. Damos
grazas por iso e animámonos a seguir por aí.
1 de setembro: martes da 22 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 4, 31-37
Nunha ocasión baixou
Xesús a Cafarnaúm, vila de Galilea, e os sábados ensinaba á xente. Todo o mundo
estaba sorprendido do seu ensino, porque falaba con autoridade. Había na
sinagoga un home posuído polo espírito dun demoño inmundo, que pegou a berrar
dando grandes voces:
—¿Que temos que ver
contigo, Xesús de Nazaré? ¿Seica viñeches para acabares connosco? Ben sei quen
es ti: o Santo de Deus.
Xesús ordenoulle:
—¡Cala a boca e bótate
fóra dese home!
E o demo tirou por terra
o home no medio da xente e saíu del sen lle facer mal. Toda a xente quedou
abraiada e falaban entre si dicindo:
—¿Que terá a súa palabra?
Dálle ordes con autoridade e poder aos espíritos malos e eles fanlle caso.
E a sona de Xesús
estendeuse por todos os lugares daquela terra.
Meditación
Unha persoa endemoñada
érao calquera home ou muller rota a base de carencias, de fames, de fallas de
saúde física e psíquica, de rupturas afectivas, de desarraigo social, de
exclusión relixiosa. Un paquete realmente destrutor. Quitemos a palabra “demo”,
se queremos, pero caiamos na conta de que seguimos sendo moitos os homes e
mulleres que temos rupturas fondas na nosa existencia.
Xesús ten para nós
palabras con autoridade, palabras firmes, palabras que chegan ao fondo da alma,
palabras alentadoras, palabras que devolven a esperanza e as ganas de poñernos
ao labor de cambiar a nosa vida e de ir gozando con ese cambio. Palabras, en
definitiva, capaces de refacernos por dentro e mesmo por fóra. Palabras capaces
de desenvolver procesos en nós que nos leven ao gusto de vivir e de convivir. E
todo isto sen quitarlle importancia aos moitos recursos para a saúde integral
de que dispoñemos nas nosas sociedades modernas.
Oración
Xesús,
ti estás ao
noso dispor,
sempre.
Atento ás nosas
inquedanzas e angustias,
disposto a
botar unha man,
e que man!
Disposto a
botar lonxe de nós
os nosos
particulares demos
que nos rompen
por dentro e por fóra.
Tes forza e
poder abondo
para refacer
vidas,
para recompoñer
convivencias,
para restaurar
ilusións persoais e colectivas.
Pero,
¿fiarémonos de ti?
¿Poñerémonos ao
teu dispor,
como ti te pos
ao noso?
Acción
¿Observamos na nosa vida
persoal ou social, na comunidade cristiá, no pobo, algunha realidade negativa
que poderiamos considerar como un demo para nós? ¿Poderiamos enfrontarnos a esa
realidade negativa apoiándonos na autoridade, na forza de Xesús? Probemos, a
ver.
2 de setembro: mércores da 22 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 4, 38-44
Un día, saíu Xesús da
sinagoga e entrou na casa de Simón. A sogra de Simón tiña unha febre moi alta e
pedíronlle por ela. El, achegándose a ela, ordenoulle á febre que a deixase, e
deixouna. Deseguida ergueuse ela e púxose a servilos.
Á tardiña, quen tiña
xente enferma de calquera doenza levouna onda el, e el, impoñendo as mans sobre
cada home ou muller enferma, devolvíalles a saúde. De moitas desas persoas
saían os demos berrando e dicindo: “Ti es o Fillo de Deus”. Pero el increpábaos
e non os deixaba falar, porque sabían que el era o Mesías.
Ao abrir o día, saíu para
un lugar arredado. Pero a xente buscouno e, chegando onde el estaba, trataba de
retelo para que non os deixase. Mais el díxolles:
—Cómpre que tamén anuncie
o reino de Deus noutras vilas, que para isto fun enviado.
E predicaba polas
sinagogas de Xudea.
Meditación
Por onde andaba Xesús
contaxiábase a saúde do corpo, do espírito, do ánimo. Xesús sempre atento ao
benestar das persoas. Falando, si, que para anunciar a boa nova de Deus viñera;
pero realizando en feitos de atención o que as palabras dicían. Podemos
percibir que Xesús, que o de Deus anda connosco, se tamén nós nos sentimos
persoas atendidas, curadas, vigorizadas por el. Podemos percibir que Xesús, que
o de Deus anda connosco, se nos vemos persoas coidadoras, que espallamos saúde
e alentos. Cando é así, por aí anda o “Fillo de Deus”, por aí andamos nós tamén
como fillas e fillos de Deus.
Por onde andaba Xesús,
andaba tamén o seu apego ao silencio, o seu gusto por arredarse da xente, para
compartir con Deus vida e acción. Nel estaba o motor de todo o seu quefacer
diario. Nel estaba o alento que empuxaba a ser firme e persistente na tarefa
que traía entre mans. Todo moi sinxelo. Todo moi fondo e contundente. Todo ao
noso dispor.
Oración
Gústame a túa
maneira de ser, Xesús.
Asómbrame, pero
gústame.
Descolócame,
pero gústame.
Déixame en
evidencia, pero gústame.
Vén, cólleme da
man,
lévame contigo
aos tempos de
silencio co noso Pai maternal,
ao encontro
coidador coa xente vulnerable,
á participación
social, comunitaria, política.
Lévame contigo
polos camiños
do amor e do servizo
no meu medio
sinxelo, aldeán, popular,
onde ti
queiras,
como ti
queiras.
Que eu non che
falle,
como ti non me
fallas a min.
Grazas, Xesús.
Acción
¿Na nosa vida estamos ao
tanto dalgunha persoa vulnerable? ¿Estámola atendendo, acompañando no que
poidamos, con respecto? Se non o estamos facendo, ¿poderiamos facelo con alguén
que precise axuda, compaña?
3 de setembro: xoves da 22 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 5, 1-11
Nunha ocasión, estando Xesús
á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ao seu redor para
escoitar a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os
pescadores que desembarcaran delas lavaban as redes. Subiu a unha barca, que
era de Simón, rogoulle que se arredase un pouco da terra e dende a barca,
sentado, ensinaba a xente. Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
—Voga lago a dentro e
larga o aparello para pescar.
Respondeulle Pedro:
—Mestre, pasamos a noite
de faena e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei
o aparello.
Así o fixeron, e colleron
tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos
compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e
encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto,
Simón Pedro botouse aos pés a Xesús, dicindo:
—Señor, arreda de min,
que eu son un pecador.
Porque tanto el coma os
seus compañeiros quedaron aleutos con tanto peixe como colleran naquel lance. O
mesmo lles pasaba a Santiago e máis a Xoán, fillos de Zebedeu, que eran
compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
—Tranquilo, dende agora
vas ser pescador de xente.
Daquela, varando as
barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.
Meditación
Na Igrexa, nas
comunidades cristiás das parroquias, agora mesmo estamos bastante coa
convicción de Pedro: “pasamos a noite de faena e non demos collido un rabo de
peixe”. Esforzos inútiles. Fracaso na transmisión da vivencia relixiosa
cristiá. Na sociedade a moita xente pásalle tamén o mesmo: sensación de que
moitas cousas van mal, pero os esforzos acaban adoito en fracaso. Dígase
situación de abandono do mundo rural; dígase situación laboral, dígase
progresivo control do mundo dos cartos sobre a realidade social, política,
sobre o presente e o futuro das nosas vidas.
O “milagre” de Xesús, ou
o que fose, non debe levarnos a esperar que as cousas se amañen con milagres.
Cómpre empezar por ver se o que facemos no civil e no relixioso para mellorar
as cousas está ben pensado, ben programado, ben abastecido de recursos
materiais e espirituais, ben avaliado etc. E ao tempo ver tamén se lle damos
espazo na nosa vida, no noso espírito ao dinamismo de Xesús, á súa paixón pola
xente. Ver se no silencio deixamos que o Espírito de Deus nos sande, nos
baleire, nos capacite para o oficio de compartir coa demais xente a bondade de
Deus que nos foi dada.
Oración
Grazas, Xesús,
pola xente toda
que, coma ti, non cansa,
ou non se deixa
levar pola canseira.
Grazas polas
persoas
que terman da
esperanza propia e allea
coa súa diaria
faena por mellorar as vidas.
Grazas polos
mil milagres
que a diario
saen das mans de xente descoñecida
afeita aos
coidados e á tenrura en todo.
Grazas por quen
se detén,
observa e
analiza,
programa e
cumpre,
cala e reza,
para facer
posible no mundo
o gozo da
irmandade pola que ti segues soñando.
Acción
Observemos se ao noso
redor hai persoas desas que persisten no seu afán por facer máis humano o
mundo, máis servidora a Igrexa. Agradezámosllo. E de paso podemos mirar se
nalgún intento bo nos deixamos levar polo desalento e abandonamos.
4 de setembro: venres da 22 semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 5, 33-39
Unha vez os letrados e
fariseos dixéronlle a Xesús:
—Os discípulos de Xoán
xaxúan a miúdo e rezan, como tamén os dos fariseos, pero os teus, a comer e a
beber.
Xesús contestoulles:
—¿E logo ides facer
xaxuar a xente convidada á voda mentres con ela está o esposo? Xa chegará o día
no que lle leven o esposo; daquela si que esa xente xaxuará.
Tamén lles propuxo esta
parábola:
—Ninguén recorta unha
peza dun vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque rompería
o novo e o remendo tampouco lle iría ben ao vestido vello. E tampouco ninguén
bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, perderíase o
viño e estragaríanse os pelellos. Xa sabedes: a viño novo, pelellos novos. E
ninguén que proba o viño vello, quero o novo, pois dirá: é mellor o vello.
Meditación
Xesús era o vestido novo,
o viño novo. ¿En que consistía esa novidade? Entre outras cousas, en que, en
Xesús, o encontro con Deus non é tanto froito dun esforzo humano, ascético (por
exemplo, xaxuar máis ou menos), coma un regalo do mesmo Deus que se nos ofrece
gratis; tamén consiste esa novidade de Xesús en que o seu mundo relixioso non é
un mundo tristeiro, angustioso, temeroso, senón un mundo confiado, esperanzado,
alegre. Tamén consiste esa novidade de Xesús en que a experiencia de Deus se
realiza sobre todo no trato de respecto, valoración e apoio que teñamos coa
xente vulnerable, máis que nos rituais relixiosos, que nos poden dar unha
aparencia de seguridade por ter cumprido.
Non é doado entrar nesa
novidade de Xesús. Á xente do seu tempo, aínda á máis relixiosa, custoulle
entendelo. Seguro que tamén a nós nos custa entendelo, e cando nos achegamos a
el, ás súas propostas, con palabras ou sen palabras máis dunha vez dicimos: é mellor
o vello, o de sempre, o que nos sae das nosas rutinas.
Oración
Canto me custa,
Xesús,
ser persoa viva
e fresca na túa novidade!
Canto me custa
fuxir
do empeño por
posuír a Deus,
ou da
desesperanza por non poder posuílo!
Canto me custa,
Xesús,
estar aberta a
todo o que vén de ti,
polo camiño que
sexa!
Canto me custa
admitir
que o de Deus
me desborda
e que ante el
serei unha eterna discípula!
Canto me custa
apegarme humildemente
aos camiños
abertos por ti, Xesús,
que olen sempre
a fondas e simples solidariedades!
Canto me custa
beber o teu viño novo
na festiva
comunidade que celebra os teus amores!
Acción
Cando hoxe falamos de
xaxún, facémolo máis ben pensando en xaxúns solidarios: privarnos de algo, para
poder compartilo. Ese xaxún estaría moi na onda de Xesús. Podemos probar a
facelo algún día. Privarnos dalgunha comida ou bebida, dalgún partido de
fútbol, da compra dalgunha prenda que igual non nos fai moita falla, etc.
5 de setembro: sábado da 22 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 6, 1-5
Pasando un sábado por
unhas leiras sementadas, os discípulos de Xesús arrincaban espigas e comíanas
despois de refregalas coas mans. Entón dixeron algúns fariseos:
—¿Como facedes o que non
está permitido facer no sábado?
Respondeulles Xesús:
—¿Seica non sabedes o que
fixo David, cando sentiu fame el e máis os seus acompañantes? Entrou na casa de
Deus e colleu o pan das ofrendas, comeu el e deulles aos seus acompañantes, e
iso que non lles estaba permitido comelo a eles, senón soamente aos sacerdotes.
E engadiu:
—O Fillo do home é o
Señor do sábado.
Meditación
O exemplo de Xesús do
comportamento do rei David é como se hoxe alguén argumentase que, tendo fame,
unha persoa non ofende a Deus indo ao sagrario e comendo o pan santo da
Eucaristía. Porque o Fillo do home é Señor do sábado. Porque o coidado do ser
humano está por riba de calquera precepto relixioso, por sagrado que sexa.
Porque o sábado e calquera outra norma relixiosa soamente valen se valen para
servir ao crecemento e maduración das persoas e comunidades no corpo e no
espírito. “Unha Igrexa que non serve, non serve para nada”, dicía xa hai ben
anos o bispo Jacques Gaillot. Unhas prácticas relixiosas que non están ao
servizo do benestar integral das persoas e da comunidade humana, non valen para
nada. Xesús tíñao moi claro. Foi un dos grandes puntos de conflito coas
autoridades relixiosas do seu tempo. Normal.
Oración
Canto necesito
de ti, Xesús,
para ser un
chisquiño radical
no que ti mesmo
eras radical!
Canto necesito
ese fondo aprecio polo ser humano,
por todo ser
humano,
ata poñelo no
centro
das miñas
conviccións relixiosas!
Canto necesito
da túa paixón cega por Deus,
da túa ollada
limpa,
que te levaba a
poñer o mesmo Deus
insultantemente
ao servizo de
toda debilidade!
Canto necesito
da túa coherencia
para non facer
da miña radicalidade
unha simple
arroutada verbal!
Acción
Podemos revisar a ver se
temos claro que o que máis lle gusta a Deus, por riba de calquera práctica
relixiosa, é que coidemos a xente que nos rodea con palabras e feitos. Tamén podemos revisar se a
práctica relixiosa que teñamos nos está empuxando de veras a mirar moito polo
coidado da xente, polo noso mesmo
coidado, polo coidado da natureza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.