6 de setembro: domingo 23 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 18, 15-20
Nunha ocasión díxolles
Xesús aos seus discípulos:
—Se teu irmán peca contra
ti, vai e repréndeo; pero ti só con el. Se te escoita, conquistaches o teu
irmán. Se non te escoita, leva contigo un ou dous, para que por medio de dúas
ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos fai caso, dillo á
comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa para ti coma un pagán
ou un recadador de impostos (un estafador). Asegúrovos que o que atedes na
terra será atado no ceo, e o que desatedes na terra será desatado no ceo.
Asegúrovos tamén que, se
dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano
do meu Pai celestial. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí
no medio estou eu.
Meditación
O evanxeo de hoxe
cóntanos resumidamente como ha ser o procedemento para enfrontarse
positivamente co mal que na comunidade, na parroquia, unhas persoas lle poidan
causar a outras. Paga a pena deterse nos pasos que vai propoñendo e comparalos
cos pasos que con frecuencia damos, cando vemos algunha persoa que fai o mal,
que nos fai mal. Punto de partida: A
persoa que me fixo o mal é un irmán meu, unha irmá miña, e como tal se debe
ollar. Situarse nesta clave de proximidade, de agarimo, de afecto sentido é
imprescindible para axudar a unha persoa que nos faltou. Como é irmán ou irmá,
dóeme a súa situación, e, porque me doe, propóñome facer o que vou facer.
Paso primeiro: falar a soas con esa persoa e poñerlle diante o mal
que fixo, para que poida pensar e cambiar. Se fai caso, estupendo, temos
recuperado a ese irmán ou irmá. E senón, Paso
segundo: na presenza de unha, dúas ou tres persoas fálolle do caso, para
que co aval desas persoas lle sexa máis doado caer na conta do mal que fixo.
Pero, se nin así fai caso, daquela Paso
terceiro: fálase a cousa na reunión da comunidade ou parroquia, para que
alí se resolva. E, por último, se nin así se resolve, daquela, Paso cuarto, ese irmán deberá pensar que
pinta na comunidade, e todos, todas, deberíamos tratalo como Xesús trataba aos
pagáns e pecadores: con inmenso achegamento e predilección, porque son os
enfermos e non os sans os que precisan médico.
Seguro que nos vemos moi
lonxe de poder practicar isto nas nosas comunidades e parroquias. Moitas veces
os pasos que nós seguimos son os seguintes: Punto
de partida: non vexo a persoa que me fixo o mal coma un irmán ou irmá,
senón como a alguén estraño polo que sinto rabia e cabreo, e, por iso, Paso primeiro: permítome entebrecer o
meu corazón con sentimentos de rabia, de rexeite, de odio cara a esa persoa. Paso segundo: falo o caso, criticándoo,
con alguén próximo a min, á espera de que se asocie á miña crítica e rabia
contra a tal persoa; cousa que nada lle axuda, claro. Paso terceiro: non faltará a oportunidade de que, nun grupo máis
grande, facendo calquera labor, comente a cousa en clima de crítica e mesmo de
rabia, risa e burla; así o lume do mal non se apaga, esténdese, e o irmán ou irmán
será menos irmán ou irmá para máis xente. Paso
cuarto: arredámonos desa persoa, apartámola da nosa vida, non lle damos a
oportunidade de poder recapacitar, morre para nós coma irmán ou irmá, deixamos
de ser para el o médico que lle aporta a cura necesaria. ¿Que vida nova, que
sociedade nova se constrúe así?
Quizabes digamos: ¿quen
son eu para meterme na vida do meu veciño ou veciña? Ben me chega, en todo
caso, con facer algo polo home ou muller, fillo ou filla que teño na casa! Pero
¿é realmente unha parvada preocuparme polo mal que nos podemos facer entre nós?
¿Non será que permitimos moito o mal, en nós e fóra de nós, sen decatarnos de
que é unha fonte de malestar e de apagamento para as persoas e para as
comunidades e parroquias? ¿Non será que nos doe pouco a xente, o seu avance, as
súas medras, e que nos doe tamén pouco a marcha da comunidade, a marcha da
parroquia?
A celebración eucarística
empeza sempre cun acto de reconciliación, porque unha comunidade non
reconciliada non pode celebrar ben a Misa. Se o convertemos en rutina, non nos
valerá de nada.
Oración
Señor, Señor,
o regalo da
comunidade,
que non nos
falte nunca o regalo da comunidade!
Que o saibamos
recibir de ti con agradecemento,
que o saibamos
coidar con esmero.
O regalo da
comunidade,
o Espírito da
comunidade,
que nos
deixemos levar por el
en todo canto
facemos e dicimos.
Coidarse coma
irmáns e irmáns,
gozarse coma
irmáns e irmáns,
escoitarse coma
irmáns e irmás,
regalarse coma
irmáns e irmás.
Non deixemos
que ninguén nos roube o regalo da comunidade,
nin a preguiza
para a colaboración,
nin os
resentimentos polas ofensas recibidas,
nin os
desalentos porque a cousa costa,
nin a chulería
de quen pretenda selo todo, facelo todo,
por moito que
sexa crego ou frade.
Doerse coma
irmáns e irmáns,
chorarse coma
irmáns e irmás,
consolarse coma
irmáns e irmás,
abrazarse coma
irmáns e irmás.
Todo coa
comunidade, para a comunidade,
nada sen a
comunidade, nunca, de ningunha maneira,
E no medio e
medio da comunidade,
a xente máis
débil, máis frouxa, máis pecadora, máis desprezada,
coma o remol ao
redor do cal
vigorizar a
nosa irmandade,
darlle traza,
luz e contido.
Señor, Señor,
o regalo da
comunidade,
que non nos
falte nunca o regalo da comunidade!
Acción
¿Estamos vendo algunha persoa
da parroquia ou comunidade con malos comportamentos que necesitan corrección?
Con maneiras de irmán ou irmá acheguémonos para falar con esa persoa e axudalo
a ver e cambiar. E, se son eu a persoa reprendida, ser humilde e aceptar a
corrección.
7 de setembro: luns da 23 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 6, 6-11
Un sábado entrou Xesús na
sinagoga a ensinar. Había alí un home que tiña impedida a man dereita. Os
letrados e máis os fariseos estaban ao axexo, a ver se ousaba curalo en sábado,
para o poderen acusar. Pero el, coñecendo os seus pensamentos, díxolle ao home
que tiña a man tolleita:
—Érguete e ponte no
medio.
El ergueuse e púxose no
medio. Entón Xesús díxolles:
—Fágovos unha pregunta: ¿Que
está permitido no sábado: facer o ben ou o mal, salvar unha vida ou deixar que
se perda?
E, ollando a todas as
persoas que o rodeaban, díxolle ao home:
—Estende a túa man.
El fíxoo e a man
quedoulle curada. Pero eles, todo enrabechados, discutían entre si o que
poderían facer con Xesús.
Meditación
Claro que Xesús podería
dicirlle ao home aquel: vémonos mañá e a ver o que podo facer, hoxe non, que é
sábado. Pero Xesús neste caso, coma noutros moitos, é provocador, para que
quede máis en claro aquilo que el consideraba un error: nas prácticas relixiosas
do seu tempo era máis importante o requisito da lei que a saúde, o benestar da
xente; e Xesús tiña moi claro que tiña que ser ao revés: o ben, a dignidade, o
respecto da xente por riba de todo. Nisto xogábase algo que era esencial no
pensamento e práctica relixiosa que o Espírito de Deus alimentaba diariamente
nel. ¿É así de claro tamén o noso pensamento e a nosa práctica relixiosa?
É curiosa a actitude
pechada dos letrados e fariseos ante quen lles poñía diante un error evidente.
Pero non é cousa que só a eles lles pasase. É frecuente que reaccionemos así,
cando nos deixamos levar por prexuízos, por ideoloxías establecidas en nós, por
sentimentos. É unha mágoa, porque esta actitude impídenos avanzar, mellorar,
como persoas e como comunidade cristiá.
Oración
A xente,
a xente é o que
importa,
por riba de
todo,
por riba de
calquera lei civil ou relixiosa.
A xente,
esa persoa
descoñecida que se cruza contigo,
esa
traballadora de hotel que demanda melloras,
ese velliño ou
velliña que morre de soidades cada día e cada noite,
ese mozo ou
moza que intenta abrir camiño na vida,
esas persoas
refuxiadas deixadas na man de Deus,
ese neno ou
nena violada por un clérigo,
ti mesma, eu
mesmo.
Non hai
relixión máis santa e máis perfecta,
non hai relixión
que máis honre a Deus,
e máis nos
complete como persoas
que tratar a
xente con humanidade.
Simplemente.
Así de claro.
(Dínolo Xesús
como irmán maior e mestre.)
Acción
Nós pasamos bastante das
leis relixiosas. Aínda así, cando pretendemos cumprir algo coa nosa vida
cristiá, ¿poñemos en primeiro lugar a atención á xente que nos rodea, sobre
todo se é xente vulnerable por calquera razón? Podémolo revisar e cambiar, se é
do caso.
8 de setembro: Festa da Natividade de Santa
María
Evanxeo: Mt 1, 1-16. 18-23
(Breve: Mt 1,18-23)
Libro da xenealoxía de
Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac, Isaac
xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xudá e máis os seus irmáns. Xudá, de Tamar,
xerou a Peres e máis a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán. Arán
xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón. Salmón, de
Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé. Iexé xerou
o rei David.
David, da que foi muller
de Urías, xerou a Salomón. Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías
xerou a Asá. Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías.
Ozías xerou a Iotán. Iotán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón
xerou a Ioxías. Ioxías xerou a Ieconías e máis os seus irmáns en tempos da
deportación a Babilonia.
Despois da deportación a
Babilonia, Ieconías xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. Zerubabel
xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Asor. Asor xerou a
Sadoc. Sadoc xerou a Aquim. Aquim xerou a Eliud. Eliud xerou a Elazar. Elazar
xerou a Matán. Matán xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da
que naceu Xesús, chamado Cristo.
O nacemento de Xesús
Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren
xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu
prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente.
Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños,
dicíndolle:
—Xosé, fillo de David,
non repares en levar contigo a María, a
túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz
un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os
seus pecados.
Todo isto aconteceu para
que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta:
“Mirade: a
virxe concibirá e dará a luz un fillo,
e poñeranlle de
nome Enmanuel
(que quere
dicir “Deus connosco)”.
Meditación
A historia é lenta e
solidaria. Cómpren séculos e séculos, cómpre xente e xente para que a
humanidade avance, progrese. Cumpriu tamén o exercicio relixioso de moitas
persoas, de moitas xeracións, ben empuxado e amparado silandeiramente polo
Espírito de Deus, para que a cousa chegase a María e Xosé, para que a cousa
chegase a Xesús; para que se dese o estoupido de luz e de vida que en Xesús de
Nazaré se deu para proveito de todas as persoas que agora o gozamos. Ver as
cousas así –e así pensamos que hai que velas— lévanos a ser persoas fondamente agradecidas,
fondamente humildes; todo o que somos e temos debémosllo en boa medida a
persoas e xeracións anteriores a nós.
María estivo aí no seu
momento, cumprindo o seu papel, deixándose moldear en todo polo Espírito de
Deus, facilitando a nacenza e a crianza humana e relixiosa dun neno que
chegaría a ser o que foi grazas tamén á contribución de millóns de criaturas.
Foi así fillo do Espírito dunha maneira moito máis humana e fonda –e por isto
tamén divina— do que vulgarmente pensamos. ¿Saberemos estar cada un, cada unha
de nós, no noso lugar, non lle fallando á demanda do Espírito, para que nada do
ben de Deus morra en nós, para que o seu proxecto de irmandade total atope en
nós humilde e fiel colaboración?
Oración
Bendita ti,
María,
no teu
nacemento, na túa natividade.
Cando naciches
ti,
naceu a
criatura máis guapa e santa do mundo.
Nove meses
concibida por Ana,
coma unha de
tantas,
froito dos
amores de Ana con Xoaquín.
Nove meses
alentada polo Espírito de Deus
que te facía
filla de Deus,
como o somos
cantas persoas vimos a este mundo.
Bendita ti,
María,
tan humana, tan
humilde,
tan
entrañablemente querida por Deus,
como polo
demais o somos todas as súas criaturas.
En ti
achegábase a este mundo
a luz, a paz, o
consolo de Deus ,
que no teu
fillo Xesús tería rostro humano.
Bendita ti,
María,
na túa
natividade
todos, todas
nos sentimos benditas e agraciadas.
Acción
Son moitos os pobos de
Galicia que no día de hoxe honran a Santa María. Podemos participar nalgunha
desas celebracións, honrando a María, agradecéndoa, comprometéndonos a andar
tamén polos seus camiños de humilde fidelidade a Deus.
9 de setembro: mércores da 23 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 6, 20-26
Nunha ocasión, Xesús coa
ollada posta na xente que o acompañaba, dixo:
—Ditosa a xente
pobre,
porque voso é o
reino de Deus.
Ditosas as
persoas que agora pasades fame,
porque Deus vos
ha fartar.
Ditosas as que
agora chorades,
porque riredes.
Ditosas todas e
todos vós, cando a xente vos aborreza,
vos expulse e
vos aldraxe,
cando poñan nas
listas negras o voso nome
por causa do
Fillo do Home;
alegrádevos
nese día brincando de gozo,
porque a vosa
recompensa no ceo será grande,
pois o mesmo
fixeron os vosos ascendentes cos profetas.
Pero, aí de
vós, a xente rica,
porque xa
acadastes a vosa recompensa!
Ai de vós, as
persoas que agora estades fartas,
xa pasaredes
fame!
Ai de vós, as
que agora rides,
xa choraredes e
xa laiaredes!
Ai, cando todo
o mundo fale ben de vós,
O mesmo fixeron
os vosos ascendentes cos falsos profetas!
Meditación
Estamos ante as
benaventuranzas do evanxelista Lucas. Soamente pon catro benaventuranzas ou
felicidades (pobreza, fame, choros e rexeite social), completadas polas súas
correspondentes “malaventuranzas” (riqueza, fartura, risas e aceptación
social). Custa aceptar esta proposta de Xesús. Non é doado entendela. Ben
sabemos que a proposta de Xesús non é reducirnos a ser un grupo humano
empobrecido, famento, triste e rexeitado. Todo ao contrario. Xesús con estas
palabras ponse do lado da xente que tal cousas padece, implicándose nun proceso
de cambio que leve a unhas vidas dignas para todo o mundo. Deus está do lado
desa xente, Xesús tamén o está e invítanos á confianza activa se somos desa xente,
e á implicación se non o somos, pero nos doemos da súa situación.
A “malaventuranza” ou
desgraza da xente rica, farta, riseira e ben vista socialmente débese, parece,
á súa indiferenza cara ao grupo anterior, e posiblemente a seren en parte
causantes da súa situación. Xesús soñaba sempre un soño de irmandade, no que
non collía a abundancia dunhas persoas montada sobre a carencia doutras. Algo
que segue pasando, e moito, na sociedade actual.
Oración
Queremos
entenderte, Xesús,
porque nos
fiamos de ti,
da limpeza e
fondura das túas palabras,
da coherencia
absoluta dos teus comportamentos.
Queremos
entender as túas benaventuranzas
e apegarnos a
elas de todo corazón.
Queremos
entender tamén as túas “malaventuranzas”
e fuxir delas
coma do demo.
Fuxir da
riqueza, da fartura, da risa insolidaria,
por moito que
teñan o aplauso social.
Arrimarnos
solidariamente á pobreza, á fame, ás bágoas,
por moito que
socialmente sexa mal visto.
E, se as
sufrimos,
loitar,
confiar, esperar,
porque o teu
Deus está do noso lado.
Coma ti, Xesús,
sempre coma ti.
Acción
¿Como nos situamos na
vida ante a riqueza e a pobreza, ante a fame e a fartura, ante as risas e as
bágoas? ¿Que sentimentos nos dominan? ¿En que accións nos implicamos? ¿Estamos
ante todo isto co espírito de Xesús?
10 de setembro: xoves da 23 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 6, 27-38
Unha vez díxolle Xesús á
xente que o acompañaba:
—A vós, que me escoitades,
dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelle ben ás persoas que vos odian,
bendicide ás que vos maldín e rogade polas que vos calumnian; a quen che zoupe
nunha meixela, preséntalle a outra; e a quen che leve o manto, non lle prives
de levar tamén a túnica. A quen che pida, dálle; e a quen che leve o teu, non
lle reclames nada. Así que tratade á xente tal como queredes que vos traten a
vós.
Se amades a quen vos ama,
¿que facedes de máis? As persoas pecadoras tamén aman a quen os ama. E se lle
facedes ben a quen vos fai ben, ¿que mérito tedes? As persoas pecadoras fan
outro tanto. E se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¿que mérito
tedes? As persoas pecadoras tamén se emprestan entre elas para cobraren despois
outro tanto. Vós non, vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade
sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha grande recompensa e seredes
fillas e fillos do Altísimo, pois el é bo coa xente mala e desagradecida.
Dádevos á compaixón, como o voso Pai se dá a compaixón.
Non xulguedes e non vos
xulgarán; non condenedes e non vos condenarán; perdoade e hanvos perdoar. Dade
e darásevos a vós: poñeranvos nas mans unha boa medida, acugulada, rebordada,
apertada, pois coa medida coa que midades hanvos medir a vós.
Meditación
Estamos ante o Evanxeo do
mesmo Evanxeo, ante o corazón do Evanxeo, o máis fondo, radical e
revolucionario que Xesús de Nazaré nos transmitiu e nos transmite. Aprendeuno
de Deus. Se Deus é dado á misericordia, nós tamén podemos selo, debemos selo.
Se Deus ama, serve, atende, dóese aínda de calquera home ou muller que non
parece ter merecementos para iso, nós tamén podemos e debemos facelo. Se Deus é
gratuíto, non é violento, non responde á nosa posible ruindade con castigos,
con maldicións, con abandono, ao revés, nós tamén podemos tratar así as persoas
que igual nos fan mal de calquera maneira que sexa.
Non é doado, pero é máis
fondamente humano que se pode dar. Non é doado, pero é o único que pode acabar
coa forza do mal, quitarlle o seu enorme poder de destrución, que se multiplica
cando ao mal lle contestamos con mal. Non é doado, pero só así conseguiremos
cambiar os aires violentos que xeración tras xeración rompen as persoas e
arrasan os pobos. No pasado e no presente. Ten habido xente que se fiou deste novo
aire de Xesús; algunhas persoas cristiás coma Luter King ou o irmán Carlos de
Foucauld e moita máis xente; outras non cristiás coma Gandhi e xentes do
pacifismo activo que houbo e hai no mundo.
Oración
Bendito sexas,
Deus, bendito sexas
en toda a xente
que ama os seus inimigos,
bendí a quen a
maldí,
e roga polos
que a calumnian.
Bendito sexas,
Deus, bendito sexas
nas persoas que
non responden á violencia con violencia,
que se exceden
no ben con quen lles fai mal.
Bendito sexas,
Deus, bendito sexas
nas persoas que
aman a quen non as ama,
que fan o ben a
quen non llelo fai
e dan do seu
sen esperar ser recompensadas por iso.
Bendito sexas,
Deus, bendito sexas
en quen actúa
doéndose da xente mala e desagradecida,
como tamén a ti
che gusta facer.
Bendito sexas,
Deus, bendito sexas
na xente que
non anda pola vida xulgando nin condenando,
senón perdoando
e tratando o
próximo como por el lle gustaría ser tratada.
Acción
Posiblemente todas, todos
esteamos vivindo na nosa vida situacións tensas con algunhas persoas ou grupos
sociais, nas que nos custe responder con amor a quen non nos quere, facerlle
ben a quen pensamos que nos está facendo algún mal, reaccionar pacificamente
ante provocacións violentas, de palabra e cos feitos. Igual temos entrado xa na
lóxica da violencia, do xulgar, do condenar, contra a que Xesús nos pon en
garda. ¿Que podemos facer para ir practicando o estilo de Xesús? ¿Podiamos
propoñernos dar algún paso ao respecto?
11 de setembro: venres 23ª semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 6, 39-42
Unha vez púxolles Xesús
unha comparanza:
—¿Acaso poderá un cego
guiar a outro cego? ¿Non caerán os dous na fochanca? Non está o discípulo por
enriba do mestre; aínda que todo discípulo que chegue a prepararse ben, será
coma o seu mestre. ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non
te decatas da trabe que está no teu propio ollo? Hipócrita! Quita primeiro a
trabe do teu ollo, e logo verás mellor para quitar o lixo do ollo de teu irmán.
Meditación
Dúas recomendacións de
Xesús que teñen que ver co ver ou non ver. Unha persoa cega non pode guiar a
outra que sexa cega; para guiar a quen non vexa cómpre poder ver. Para
transmitir experiencia relixiosa cómpre tela primeiro. Moito do noso falar de
Deus, de evanxelizar, vólvese inútil, porque igual falamos do que non vimos e
experimentamos, e acabamos falando de ideas, de supostos. E iso non conmove a
ninguén.
A outra recomendación é
aínda máis elemental, pero non por iso menos necesaria. Todas, todos tendemos a
ser moi hábiles en ollar para os demais, en descubrir e analizar os seus
fallos, en criticar…, sen reparar no que nós somos e facemos, nas nosas
carencias e pecados. Limpar a propia ollada, limpar o propio corazón, unha
tarefa á que paga a pena dedicarlle esforzo e paixón. Permitiranos mirar a
xente doutra maneira, relacionarnos con ela con outra sensibilidade e
comprensión.
Oración
Canto desexo,
meu Deus,
poder
percibirte e verte,
dalgunha
maneira,
experimentarte
na miña vida
coma compañeiro
de camiño,
e poderte dicir
así,
compartirte con
quen cadre!
Canto desexo
tamén, meu Deus,
limpar a miña
ollada nas túas augas,
nas augas da
verdade e da humildade,
para poder
ollar a quen me rodea
con ollos
limpos de irmá,
con ollos
acolledores, comprensivos,
para facer
camiño xuntos ,
sen
competencias,
desde a
solicitude compartida!
Acción
Revisamos a ver se
estamos facendo algunhas das dúas cousas das que nos advirte o Evanxeo: falar
de Deus sen vivilo, ou censurar a outras sen ollar para nós. E miramos de
cambiar.
12 de setembro: sábado da 23 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 6, 43-49
Unha vez díxolles Xesús
aos seus discípulos:
—Non hai árbore boa que
produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así,
cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos,
nin das silveiras se vendiman uvas. O home bo saca o ben da bondade do seu
propio corazón e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o
corazón fala a boca.
¿Por que me chamades
Señor, Señor!, e non facedes o que vos eu digo? Todo aquel que, achegándose a
min, escoita as miñas palabras e as pon en práctica, vouvos dicir a quen se
parece. Parécese a un home que, ao
edificar unha casa, cavou fondo e puxo os alicerces sobre rocha. Cando o
río desbordou, bateu a enchente contra aquela casa, pero non a puido abanear,
porque estaba ben construída. Pero quen escoita as miñas palabras e non as pon
en práctica é coma aquel home que edificou unha casa sobre terra, sen cimentos;
ao romper contra ela a enchente, xa se derrubou e converteuse nunha grande
ruína.
Meditación
¿Realmente queremos
coñecernos ben a nós mesmos, o noso propio corazón, o noso íntimo máis íntimo?
¿Levamos dentro de nós a ansia por atinar co que nos pode construír coma
persoas, coma crentes, ou non? Temos unha grande capacidade de burlarnos a nós
mesmas, de enganarnos, de montar aparencias de cousas que non son, de simular
ser moi crentes, moi devotos, moi de Xesús, moi da Igrexa, pero logo a realidade non se corresponde con esas nosas
aparencias.
Non se trata de andar
obsesionados pola nosa perfección, senón de que, con humildade e verdade,
coñezamos o noso corazón para non diluírnos en aparencias estériles. Xesús
ofrécenos un criterio de observación: ver os froitos que damos. Se a nosa vida
abonda en froitos de bondade, é que o noso corazón é bo. Se abundamos en
maldade, o noso corazón está envolto en escuridades. E tamén nos ofrece un
criterio moi sinxelo para construírnos na verdade: escoitar a súa palabra e
poñer en práctica.
Oración
Ai, o meu
corazón, Xesús!
O meu íntimo,
ese fondo do
meu ser
onde aniña a
fonte do mal e do ben!
O meu corazón,
onde aniña o
noso Deus queridiño,
alumando
escuridades,
para atinar na
vida
e poder facer
dela un fogar de paz,
un lugar de
encontro e de convite!
Ai, o meu
corazón, Xesús,
que pouso
confiadamente na túas mans!
Acción
¿Como andamos co escoitar
e facer ou non facer? Se o pensamos, seguro que atopamos algunha cousa onde se
nos faga máis evidente iso de escoitar e non facer, falar e quedarnos na
palabra. Seguro que podemos dar algún paso na boa dirección.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.