10 setembro, 2020

Tempo Ordinario: 24ª semana



  

13 de setembro: domingo 24 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Mt 18, 21-35
Nunha ocasión Pedro achegouse a Xesús e preguntoulle:
—Señor, ¿cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? ¿Ata sete veces?
Respondeulle Xesús:
—Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete. Por iso o Reino dos ceos parécese a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía moitos millóns. e como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.
O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:
—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.
O señor tivo pena daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda. Pero, ao saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
—Paga o que me debes.
Botándose aos seus pés, o compañeiro suplicáballe:
—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.
Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandou que o metesen na cadea, ata que lle pagase a débeda.
Os compañeiros, ao veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
—Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque  mo pediches. ¿E logo non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?
E todo anoxado, o señor entregouno aos verdugos ata que lle pagase a débeda.
Así tamén fará convosco meu pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.


Meditación
As primeiras comunidades cristiás aprenderan de Xesús, e así o querían practicar, que a primeira característica do perdón por parte de quen o dá debería ser que o perdón non ten medida. Non se perdoa só unha, dúas, sete veces, senón setenta veces sete, cousa que na maneira de falar que tiñan os xudeus quería dicir sempre, sen límite ningún. A todos nos custa aceptar esta condición inspirada na mesma práctica de Xesús. Parécenos que o moito perdón pode levar a que a xente faga o que lle dea a gana. Perdoar sempre, sen límites, quere dicir que pola nosa parte, pola parte de Deus a quen queremos imitar algo nisto, nunca hai unha desesperanza total respecto ao cambio posible en calquera persoa. Deus sempre nos quere deixar unha porta aberta, para entrar por ela na nosa zona de verdade, de dignidade, de reconciliación, de paz. E, seo fai Deus, quen somos nós para querer pretender outra cousa?
Que dá o perdón, logo, débeo dar sen límite ningún. E que pasa con quen o recibe? Disto fala a segunda parte do Evanxeo de hoxe. As primeiras comunidades cristiás, seguidoras tamén nisto do que viran en Xesús mesmo, entendían que quen recibía o perdón debería tamén el entrar nesa roda tan humana e tan santa do perdón. Sería ridículo, como ben o deixa ver a parábola que conta Xesús, que un recibise o perdón e que logo non estivese disposto a perdoar a quen ten ao redor de si. E, se un non entra deste xeito na roda do perdón, bótase fóra dela, e daquela o perdón perde nel a súa forza de  renovación, acaba sendo unha chafallada que non vale para nada, que non lle abre ningunha porta nova, que o deixa onde estaba ou aínda peor.
O Evanxeo de hoxe conclúe invitándonos a perdoarnos de corazón, non dunha forma barata e rápida, pero reservándose o rexeite interior, reservándose o convencemento de que este non vai cambiar, de que non sei por que lle estou perdoando. Perdoar de corazón quere dicir perdoar porque eu no meu interior, no meu íntimo, na miña conciencia máis secreta, ben sei tamén que moitas veces estou apegado ao mal e me deixo levar por el, aínda que quizais ninguén chegue a saber o que penso, o que sinto ou o que fago. Perdoar de corazón é introducirse con paz e enerxía a un tempo nesa onda de solidariedade, de irmandade, onde todos nos sabemos parte necesaria dos demais, chamados a acompañarnos nos camiños de saída das nosas ruindades, o mesmo que nos acompañamos normalmente nos camiños que nos levan a elas. Perdoar de corazón quere dicir perdoar ao estilo de Deus, que é quen asenta e habita nos espazos máis limpos e verdadeiros do noso corazón, do noso íntimo.
En cada Eucaristía bañámonos no perdón ilimitado de Deus. De cada Eucaristía deberíamos saír vigorizados para construír algo novo entre nós. O perdón está ao servizo desa novidade liberadora, ao servizo da cal estaría ben que sempre nos atopasen as persoas que comparten casa, pobo ou cidade connosco.

Oración

Perdón, Señor, perdón.

Pola miña rota,
de tantas maneiras,
por tantos lados.

Por necesitar perdón, curación,
e non demandalo,
e non acollelo
e non celebralo.

Por vivir o perdón lixeiramente,
sen forza nin efectos,
tanto no dálo coma no recibilo.

Por non envolver toda a miña vida
no manto da humildade sincera
xa que en tanto preciso ser persoa perdoada.

Por vivir o perdón
sen entrar na fonte fonda que o mobiliza,
e facer do perdón unha comedia.

Por pretender tantas veces
ser obxecto de perdóns sen eu perdoar,
manténdome sen misericordia con quen precisa dela.

Por medir, contabilizar os perdóns,
ignorando que infinitas veces
houben de ser perdoada por ti.

Por non ter descuberto aínda
o precioso regalo do teu perdón,
vivindo a secas de misericordia,
envolto na despreocupación ou na amargura do pecado.

Perdón, Señor, perdón.

Acción
¿Temos a experiencia se sermos persoas perdoadas? ¿Temos pedido perdón algunha vez? ¿Temos perdoado a quen nolo pide? ¿Ou cústanos perdoar e pedir perdón? Pensemos nalgún caso concreto vivido por nós, ¿debería pedir ou dar o perdón? Para ambos casos fai falla humildade e valentía. Atrevámonos coa axuda de Deus.


14 de setembro: Festa da Exaltación da Santa Cruz

Evanxeo: Xn 3, 13-17
Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:
—Ninguén subiu ao ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home. Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que o mundo se salve por el.

Meditación
As cruces non son, non deberían ser, un simple adorno nos nosos peitos, sobre do noso leito, nos nosos camiños e prazas, nos nosos centros de estudo, nas nosas igrexas e outeiros. En ningunha parte. A cruz é un recordatorio, unha memoria. Un recordatorio e unha memoria por unha parte doloroso, por outra parte feliz, esperanzador. Doloroso porque recorda a agresividade dos poderes relixiosos e civís que se cebaron naquel home xusto, humanísimo, que pasou pola vida facendo o ben, porque estaba cheo do Espírito de Deus; doloroso tamén porque recorda a tanta xente que de mil maneiras sofre na vida, sobre todo a que sofre pola ruindade doutras persoas; e sabemos que isto pasa, e moito.
É un recordatorio feliz, esperanzador, porque na cruz asumida desde o amor e desde o servizo o fillo de Deus Xesús rompeu as forzas do mal que aparentemente acabaran con el, e converteuse  no camiño para o seu triunfo, para a súa gloria. A cruz fálanos do moito amor que Deus nos ten, da súa fonda paixón por nós, manifestada no Cristo que nela morreu por manterse firme na súa fidelidade a Deus e a nós.
Desde aí é difícil entender a trivialidade coa que tratamos a cruz as mesmas persoas cristiás; pero tamén é difícil entender o noxo ante a cruz de persoas e grupos humanos que parecen querer rebelarse contra calquera forma de dominio e explotación da xente. ¿Quizais porque a xente cristiá, a Igrexa, lle quitamos á cruz a súa verdade histórica de  solidariedade coa xente marxinal, de enfrontamento ao poder abusón?

Oración

Adorámoste, oh cruz!,
o memorial de Xesús.
Sinal de empeño no amor,
proba do gran Servidor.
Quen nela por nós morreu
ante o abuso non cedeu.
Sufriu, berrou e rezou:
cheo de amor se entregou.
A cruz, rebelde paixón
que reborda o corazón.
Fervente facho de gloria
que enche de luz a historia.
No desespero, esperanza
de quen baila amarga danza.
Camiño recio do pobo
que en Deus soña tempos novos.
A cruz dos grandes momentos,
a cruz dos pequenos tempos.
Por min tanta dor e amor,
tamén polo mundo enteiro,
na cruz do noso Señor.
Adorámoste, oh cruz!,
o memorial de Xesús.   

Acción
Repararemos nalgunha cruz pola que estea pasando algunha xente amiga, coñecida. Reparemos tamén nalgunha cruz pola que nós esteamos pasando. ¿Podemos aprender a vivir as nosas cruces algo como Xesús a viviu? ¿Podemos botarlle unha man a quen está pasando por horas malas, por horas de cruz?


15 de setembro: Memoria de Santa María das Dores

Evanxeo: Xn 19, 25-27
Naquela hora, ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e máis María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e onda ela o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
—Muller, velaí o teu fillo.
Despois díxolle ao discípulo:
—Velaí a túa nai.
E dende aquela hora o discípulo acolleuna con el.

Meditación
María, a nai, ao pé da cruz, encaixando o momento da derrota dos soños do seu fillo. Pero alí, ao pé da cruz. Envolvendo ese momento coa tenrura da nai, coa dor da nai, coa esperanza da nai, que nunca dá por acabadas as posibilidades dun fillo, a capacidade de sobrepoñerse ás maiores adversidades. Ao pé da cruz, desbordada polos acontecementos, que poñían a proba unha vez máis a súa firme fe, coa que iniciara aquel recorrido de nai todo cheo de graza e de misterio.
María aprende en carne propia o que Xesús aprendía tan dolorosamente na súa: a resistencia do mal, do poder, ante calquera proposta que poida poñer en cuestión o seu dominio, o seu control, o seu sometemento dos corpos e dos espíritos da xente, a súa liberdade, a súa verdade. Mai e fillo unidos na mesma ilusión, na mesma amargura, na mesma fe, na mesma cruz, na mesma esperanza. E o fillo querendo que nos introduzamos nesa sociedade histórica e mística a un tempo. Que nos metamos neses espazos de silencio que encaixa o mal e o sitúa nas zonas de esperanza, para que o mal non teña a última palabra.
Cada persoa temos as nosas particulares batallas e cruces. En cada momento o conxunto da Igrexa ten tamén os seus; nesta hora concretada no ataque vergoñento ao Papa Francisco que pretende sanear a Igrexa desde o Evanxeo de Xesús.

Oración

Santa María das Dores,
nai de Xesús e nai nosa,
lévanos da túa man
polos camiños da historia.
Contigo queremos ser
de Xesús fieis seguidoras,
mulleres e homes de fe,
na cruz da presente hora.
A cruz de males e abusos
que desde dentro ou de fóra
revolven o corazón,
e estragan a vida toda.
A cruz de tantas mulleres
vivindo ou morrendo á sombra
de mans e de relacións
amargas, abusadoras.
Nas cruces da nosa vida
por nai te temos, xaora,
consolo, forza e alento
de quen sofre, de quen loita.
Con Xesús do berce á cruz,
en paciencia vigorosa,
día a día, en noite ou luz,
fidelidade amorosa.

Acción
Podemos agasallar hoxe as nosas nais, pois seguro que por nós pasaron moitos momentos de dores. Podemos falar con algunha muller, escoitar as súas particulares dores por ser tal. Podemos facer algo por apoiar a presenza da muller na igrexa en condición de igualdade.


16 de setembro: mércores da 24ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 7, 31-35
Unha vez dixo Xesús:
—¿Con quen compararei a xente desta xeración? ¿A quen se asemella? Semellan esas criaturiñas que, sentadas nos rueiros, berran entre si, dicindo: “Tocamos a frauta e non bailastes, entoamos lamentos e non chorastes”. Porque aparece Xoán Bautista, que non come pan nin bebe viño, e dicides: “Ten o demo no corpo”. E aparece o Fillo do Home, que come e bebe, e dicides: “Mira que larpeiro, que bebedor e que amigo dos cobradores de impostos e da xente pecadora”. Con todo, a xente filla da sabedoría si que lle deu creto.

Meditación
Cando non se quere, non se quere. Pasa coa fe en Xesús e con calquera outra cousa. Pasa sobre todo con todo aquilo que nos revolve algo, que nos cuestiona algo, que nos empuxa a saír das nosas comodidades e rutinas. É incrible a capacidade que temos de poñer obxeccións, de amorear dificultades, reais ou inventadas, con tal de poder seguir no meu, no que eu penso, no que eu fago. Pódennos entrar por aquí e por alí, que tanto dá.
Iso foi o que Xesús observou en moita xente contemporánea súa. ¿E que facemos nós e a xente contemporánea nosa? ¿Que facemos coa proposta de Xesús, chamándonos a un recoñecemento de Deus como Pai maternal, próximo e implicado a fondo no ben da nosa vida? ¿Que facemos coa proposta de irmandade real, de solicitude cara todo aquilo que é débil –persoas ou realidades sociais ou natureza—? ¿Que facemos co seu criterio de entender a vida como servizo? ¿Que facemos coa súa práctica exemplar de gozar comendo e bebendo, cando sexa o caso, e de alternar con xente de mal nome e conduta? ¿Que facemos coa súa manía de andar sempre envolto con persoas débiles, marxinais?

Oración

Como lle pasa a tantísima xente, Xesús,
as escusas amoréanse no meu interior
para recuar ante as túas propostas,
ou para darlles creto a medias,
ou para aprobalas coa palabra,
pero seguir máis ou menos instalado no meu.
Pídoche perdón.
Pídolle perdón
a toda a xente ante a que me confeso cristián,
para defraudala logo cos meus feitos.
Gustaríame formar grupo
cos fillos e fillas da Sabedoría que che dan creto,
que se fían de ti con verdade,
e medran día a día no teu seguimento.
¿Cando, meu Deus, tirarei as barreiras
que che impiden entrar e agasallarme
co que ti queiras?

Acción
¿Como reaccionamos ante calquera proposta que nos chegue de fóra, sexa da comunidade cristiá, sexa do mundo civil, invitándonos a participar, a enredarnos en cousas de humanidade, de mellora social, de crecemento persoal? ¿Sopesámolas con boa disposición ou de entrada botamos man de escusas ou  desculpas?


17 de setembro:  xoves de 24 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 7, 36-50
Unha vez un fariseo convidou a Xesús a comer. Xesús entrou na súa casa e púxose á mesa. Unha muller, coñecida como pecadora na vida, sabedora de que estaba alí Xesús, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés del chorando e comezou a regarllos coas báboas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume. Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo para si:
—Se este fose un profeta, coñecería quen é e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.
Xesús tomou a palabra a díxolle:
—Simón, teño algo que che dicir.
El contestou:
—Pois dimo, Mestre.
—Había dúas persoas que lle debían cartos a un prestamista; unha debíalle cincocentos denarios e o outra cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, o prestamista perdooulles ás dúas persoas. Ora, ¿quen delas o amará máis?
Respondeulle Simón:
—Supoño que aquela a quen máis lle perdoou.
El contestou:
—Ben dito.
E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
—¿Ti ves esta muller? Entrei na túa casa e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela dende que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
E díxolle a ela:
—Os teus pecados están perdoados.
Entón a demais xente convidada empezou a comentar entre si:
—¿Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?
Pero el díxolle á muller:
—Salvoute a túa fe, vai en paz.

Meditación
Hai dúas olladas coas que podemos mirar para nós e para a xente que nos rodea: a ollada do corpo e a ollada do corazón. A ollada do corpo depende da ollada do corazón. Se a ollada do corazón é limpa, transparente, pacífica, perdoadora, solidaria, xusta, misericordiosa, tamén a ollada do corpo será así. O evanxeo de hoxe fálanos destas dúas olladas, unha a do fariseo: unha ollada superficial,  legalista, acusadora, excluínte, insolidaria, propia de quen se cre persoa perfecta, unha ollada que pecha camiños e vidas, unha ollada triste, amarga e que entristece e crea amargura tamén; outra a de Xesús: unha ollada que vai ao fondo onde ve ou intúe procesos fondos, unha ollada incluínte, solidaria, perdoadora, propia de quen comunga coa fraxilidade humana e ansía o ben das persoas e por iso acaba abrindo camiños de vida; unha ollada leda, esperanzada, que suscita alegría e esperanza, que remata en bágoas de amor e felicidade.
Que diferentes son as persoas, os que miran e as miradas, cando ollamos coa ollada de Xesús! Que diferente sería o mundo, se educaramos un pouco a nosa ollada para aproximala algo á de Xesús!

Oración

Quen me dese, Xesús,
ollar como ti ollas!
Quen me dese ter o corazón pacificado
como ti sempre demostras telo!
Quen me dese unha ollada amante,
para poder ver a xente toda con comprensión e esperanza!
Quen me dese ter unha ollada iluminada,
para poder ver ou intuír fonduras aparentemente ausentes!
Quen me dese ter unha ollada inocente,
para detectar e suscitar inocencias!
Quen me dese ter unha ollada sabia,
para transmitir sabiamente perdón e alentos para o cambio!
Quen me dese, Xesús, sentir sobre de min
a mesma ollada túa que tanto agradeceu a pecadora!
Quen me dese ollarme a min mesma, Xesús,
cos ollos acolledores cos que ti me ollas!

Acción
¿Como ollamos habitualmente a xente? Podemos repasar o noso xeito de ollar sobre as persoas que nos rodean, maiormente sobre aquelas que nos parecen máis negativas. ¿Que poderiamos facer para cambiar o noso corazón, para que así cambie tamén a nosa maneira de ollar e estar coa xente?


18 de setembro: venres da 24 semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 8, 1-3
Xesús púxose a camiñar por vilas e aldeas, predicando e anunciando a boa nova do reino de Deus. Ían canda el os Doce e máis algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Magdalena, curada de sete demos; Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes; Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.

Meditación
Lucas refírese á gran camiñada de Xesús, que o levaría de Galilea a Xerusalén, para confrontar alí cos líderes relixiosos do seu tempo, cos que mantiña serias diferenzas. Unha viaxe chea de riscos, que remataría na súa morte en cruz. E van canda el os Doce e con eles un grupo significativo de mulleres, algunhas das cales citadas expresamente polo seu nome e, seguro, tamén polo significado que tiveron no grupo: María a Magdalena, Xoana, Susana. Todo o mundo está de acordo en admirar esta incorporación de mulleres no fato misioneiro, en tempos nos que estaban absolutamente anuladas na visibilidade social e relixiosa. ¡Que non faría hoxe Xesús, cando a cultura reclama unha absoluta igualdade, dentro do ser de cada persoa ou grupo social! ¡Canta da liberdade de Xesús nos fai falla á Igrexa predominantemente masculina para vivir de preto o Evanxeo!

Oración

Grazas polas mulleres,
na súa historia amarga, sufrida,
fóra e dentro da Igrexa.
Grazas polo testemuño da súa fe,
do seu seguimento de Xesús,
a pesar de todo.
Grazas polas súas voces reivindicativas,
clamando polo seu recoñecemento
dentro e fóra  das nosas comunidades.
Grazas polos seus soños
de seren o que están chamadas a ser,
como revolución no mundo e na Igrexa.
Grazas a ti, Xesús,
por abrires a porta a tanta normalidade.

Acción
Se somos homes, reparamos como estamos tratando as mulleres dentro e fóra da comunidade cristiá. Se somos mulleres, reparamos se nos encollemos ou non ante prácticas eclesiais que intentan rebaixarnos e agocharnos. Nos dous casos, pensamos en como dar pasos no espírito do Evanxeo.


19 de setembro: sábado da 24ª semana do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 8, 4-15
Unha vez, xuntouse onda Xesús moita xente chegada de moitas vilas e el propúxolles esta parábola:
—Saíu un labrego a sementar. E ao botar a semente, parte dela foi caendo polo beira do camiño; a xente pisouna e os paxaros comérona. Outra caeu en terreo pedregoso, pero, aínda que xermolou, secou por non ter lentura. Outra caeu entre silvas, pero ao medrar o silveiral, afogouna. Outra caeu en boa terra, xermolou e deu o cento por un.
A continuación exclamou:
—Quen teña oídos para oír, que escoite.
Entón a xente que o acompañaba de cerca preguntoulle que significaba aquela parábola. El respondeu:
—A vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino de Deus, pero aos outros unicamente en parábolas, de xeito que vendo non vexan e escoitando non entendan.
A parábola significa isto: a semente é a palabra de Deus. As do camiños son as persoas que, tan pronto como oen a palabra, vén o Satán e arrapañállela do seu corazón, non vaia ser que crean e se salven. As do terreo pedregoso son aquelas persoas que, cando oen a palabra, acóllena con alegría, pero, como non teñen raíz, cren por certo tempo, máis, cando vén a tentación, abandonan. As das silvas son as persoas que escoitan a palabra, pero por mor das preocupacións, riquezas e praceres da vida, afogan e non chegan a madurecer. As da terra boa, son aquelas que con bo e xeneroso corazón escoitan a palabra, retéñena e producen froito coa súa perseveranza.

Meditación
O que a parábola nos vai aclarando con precisión é que todas as persoas recibimos a diario moitas achegas boas, que nos veñen de Deus como palabra súa, frecuentemente a través da normalidade da vida. Agora ben, non chega con que esa semente caia en nós, para que prenda en nós e se converta en nós nun froito madurecido. Cómpre atendela, coidala, traballala, deixar que colla fondura e lentura en nós,  pelexar por ela, dedicarlle tempo, perseveranza. Sábeo moi ben a xente do campo: non chega con botar a semente na terra. Canto hai que esforzarse e suar para poder recoller froitos dela! Pois co ben de Deus en nós pasa outro tanto.
Ao mellor, por exemplo, gustaríame ser un bo home para a miña muller, ou unha boa muller para o meu home; ese desexo bo é xa unha palabra de Deus dentro de min. Pero a este desexo teño logo que lle ir dando corpo; ver como lle falo á miña parella, como colaboro con ela na casa, como me preocupo por como lle vai no traballo, como a respecto no seu xeito particular de ser, como a perdoo cando erra, como comparto con ela momentos felices etc, etc. Facer todo isto supón atención, esforzo, sacrificio, perseveranza. Pero é así como o desexo bo inicial se converte nun froito gustoso dunha convivencia feliz. E como este hai mil exemplos máis na vida.

Oración

Que a túa palabra, falada con mil linguas,
se faga en min semente produtiva.       
Que atope en min terra branda, traballada,
e non a beira dura dun camiño,
onde un paxaro calquera a lavará no peteiro.
Que a túa palabra, dita de mil xeitos,
atope en min terra con lentura
onde enraizar e medrar
a proba de tentacións e contratempos.
Que a túa palabra, abundante e gratuíta,
non morra en min
tristemente afogada
no medio de afáns, riquezas e praceres.
Que a túa palabra, fonte de toda abundancia,
atope en min terra boa, preparada, regada,
con coidado traballada,
e me faga abundante en froitos,
onde o próximo poida vir, coller e fartarse.

Acción
Podemos reparar a ver se en algo nos está pasando o que anuncia a parábola: que a palabra de Deus, que case sempre ten rostros moi humanos, estea chegando a nós e polo que sexa non lle deixemos frutificar en nós. Nese caso, podémolo corrixir. E se vemos que lle estamos prestando atención e facendo todo o posible para que dea froitos en nós, daquela podémolo agradecer e gozarnos con iso.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.