20 de setembro: domingo 25 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 20, 1-16
Nunha ocasión contoulles
Xesús esta parábola aos seus discípulos:
—O reino dos ceos
parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para
a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. Saíu
outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. E díxolles:
—Ide vós tamén á miña
viña e dareivos o xusto.
Eles foron. De novo saíu
polo mediodía e pola tarde, facendo o
mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña e atopando outros parados na rúa,
díxolles:
—Pero, ¿que facedes aquí
todo o día sen traballar?
Eles responderon:
—É que ninguén nos
contratou.
El díxolles entón:
—Ide vós tamén á miña
viña.
Anoitecendo xa, díxolle o
dono da viña ao administrador:
—Chama os xornaleiros e
págalles o xornal; empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.
Chegan os da derradeira
hora e dálles un denario a cada un. Cando chegaron os primeiros coidaron que
lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo,
murmuraban contra o propietario:
—Eses, os derradeiros,
traballaron unha hora só e trátalos igual ca nós, que aturamos o peso e a
caloraza do día.
Pero el replicoulle a un
deles:
—Amigo, non che fago
ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? Pois colle o teu e vaite. E logo, se quero darlle
ao último igual ca a ti, ¿non teño dereito a facer o que quero co que é meu?
¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
Así, dese mesmo xeito, os
últimos serán os primeiros e os primeiros serán os últimos.
Meditación
O Evanxeo de hoxe anda ás
voltas con estas cuestións da xustiza e da igualdade de recursos, de salarios,
de oportunidades en calquera dos niveis que compoñen a vida humana. É un relato
que soamente nos conta o evanxelista Mateu, e moi agradecidas/os lle debemos
estar, porque é unha verdadeira xoia, que nos permite entrar dunha maneira
sinxela no corazón dos soños de Xesús, nese xeito de ser propio del que
desborda todos os nosos pensamentos e criterios máis sensatos. Na súa
experiencia espiritual, na súa mística propia, ía descubrindo como era o ser, o
corazón de Deus, a súa actitude con todos os homes e mulleres do mundo: xusto,
pero, máis que xusto, espléndido, desmedido, igualador, sen mirar demasiado os
merecementos de cada quen. Aínda que Xesús era fillo dunha tradición relixiosa
que así o confesaba, non cría que Deus fose ese "creador e señor de todas
as cousas, premiador da xente boa e castigador da mala", como afirmaban os
nosos catecismos. Xesús entendeu que en Deus a misericordia estaba por riba da
xustiza, e que aos méritos distintos de cada persoa respondía Deus cunha
vontade firme de ofrecer a toda a xente as mesmas oportunidades, os mesmos
amores, as mesmas consideracións, sentindo especial debilidade e benevolencia
con aquelas persoas máis fráxiles ás que máis lles custaba responder na vida,
estar á altura do que delas se esperaba con máis ou menos lóxica. ¿Estamos
vivindo así a Deus na nosa persoal experiencia relixiosa? ¿Estamos fomentando
esta experiencia relixiosa dentro das nosas comunidades? ¿É isto o que pode
captar quen se achega a nós, ás nosas celebracións, ás nosas vidas?
Descubrindo así a Deus,
vivíndoo así, Xesús non pode menos que converter esa vivencia súa nunha guía
para as relacións entre as persoas que andaban en comunidade ao seu redor. Vía
e desexaba o seu grupo coma un grupo alternativo, que rompese cos esquemas cos
que se rexía a sociedade na que vivía; naquela sociedade, coma en parte tamén
na nosa, reinaba a lei da competitividade, a lei de cada quen que se amañe como
poida: as persoas que poden menos terán que se contentar con menos ou con nada,
e as que poden máis pois serán as que triunfen na vida; as máis espelidas, as
máis vivas, as máis arteiras, as máis tramposas, as máis traballadoras, as que
recibiron mellor formación, as que tiveron familias máis integradas onde un se
pode capacitar mellor para a vida, as que foron a colexios de primeira, as que
mellor renderon nos estudos, as que mellor defenden o seu traballo,... esas
recibirán premio polos seus méritos ou pola súa raposería, e o resto a
contentarse con ser cidadáns/ás de segunda, de terceira, ou simplemente
excluídos. ¿Consentimos ou mesmo favorecemos desde a nosa condición de persoas
e de comunidades cristiás esta maneira de entender a vida, as relacións
humanas, as oportunidades, a consideración coas persoas, os seus mesmos
salarios e medios de vida? ¿Arrimámonos a persoas, a grupos, a sensibilidades
políticas que soñen con outra maneira de ver as cousas, na que os débiles teñan
situación de privilexio? ¿En que cousas concretas se pode traducir isto dentro
da parroquia, comunidade, barrio, vila ou cidade na que vivimos? Pode haber
quen diga que isto invita á vagancia en todos os eidos da vida, nos materiais e
nos espirituais. Sinal de que non entendemos a fondo o que Xesús nos quería
transmitir. A parábola do evanxeo de hoxe valora o traballo a todos os niveis e
urxe ao mesmo. Pero non hai cousa que máis mobilice, que máis comprometa, que o
aprecio ás persoas e a consideración coas súas debilidades. ¿Podemos considerar
a Xesús un vago e un malfeitor, un desinteresado das cousas de Deus e das
cousas da xente, da comunidade, do pobo? ¿Cara a onde correría o mundo, se no
canto de privilexiar os fortes, mimaramos os débiles en todos os aspectos? ¿Que
mundo seríamos, se a obsesión de todos/as fose que os últimos fosen sempre os
primeiros, ou coma os primeiros?
Na celebración
eucarística gustamos o amor sen medida de Deus en Xesús, na comunidade, para o
que Deus non pon condicións nin esixe méritos especiais. Deus invítanos a
fartarnos del e a vivir en consecuencia, con nós mesmos/as, coas demais
persoas.
Oración
Por que te
empeñas en ser tan cumpridor, tan cumpridora?
Por que queres
facelo todo perfecto,
para recibir o
aplauso da demais xente,
para recibir o
aplauso de Deus?
Por que dubidas
de que Deus non te queira,
se non es
abondo honrado/a,
de que Deus che
rebaixe o apego e a paga,
se non es dos
da primeira hora?
Por que
compites,
por que buscas
ser o primeiro, a primeira,
por que gozas
diferenciándote,
ollando de
esguello
as persoas
débiles, fráxiles, pecadoras,
como se ti
foses dono e señor das túas bondades,
e non humilde
servidor dos bens que outros pousaron en ti,
no nome de
Deus?
Con canta
frecuencia esqueces
que, na idea e
na práctica de Deus,
os últimos/as
serán os primeiros/as,
as máis
pecadoras serán as máis amadas,
os máis
fráxiles serán os máis coidados,
as máis
ignoradas serán as máis valoradas!
Cando pensas
abrir o teu corazón sen reservas
ás propostas
escandalosas de Deus?
Tes medo,
verdade?, de que isto acabe nunha desfeita,
de que a
indolencia se apodere das comunidades,
de que a vagancia
se converta en lei
e de que todos,
todas, sen excepción sexan igualmente tratadas,
sen distinción
de méritos e valores!
Que pouco
coñeces a Deus,
que pouco te
gozas e recreas nel,
que pouco sabes
das razóns do seu vigor,
que pouco
entendes da súa tenacidade e eficacia!
Canta
mundanidade espiritual
—como gusta de
dicir o Papa Francisco—
debaixo dos
teus afáns de cumprimento!
Lémbrao ben:
os últimos
serán os primeiros,
as últimas
serán as primeiras!
Acción
¿Vemos algunha ocasión,
algunha oportunidade de axudar a que os últimos sexan os primeiros na
consideración nosa e da sociedade? Probemos de facelo seguindo o exemplo e o
alento de Xesús.
21 de setembro: Festa de San Mateu
Evanxeo: Mt 9, 9-13
Un día, ao pasar viu
Xesús un home chamado Mateu, sentado ao mostrador dos impostos, e díxolle:
—Sígueme.
El ergueuse e seguiuno.
E resulta que, estando á
mesa na casa de Mateu, viñeron moitos recadadores e outra xente pecadora e
puxéronse tamén á mesa con Xesús e coas persoas que o acompañaban de cerca. Cando
tal viron os fariseos, dixéronlles ás persoas que andaban canda Xesús:
¿Como é que o voso Mestre
está a comer con recadadores e xente pecadora?
El oíunos e dixo:
—Non son as persoas sas
senón as enfermas as que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que
significa aquilo de misericordia quero e
non sacrificios. Porque non vin para chamar pola xente xusta, senón pola
pecadora.
Meditación
Xesús era escandaloso.
Gaña a confianza, a admiración e a amizade de Mateu, un “publicano”, que así
chamaban aos recadadores de impostos, xente moi mal vista por seren axentes do
sistema político que os asoballaba. E iso ata o punto de convidalo a formar
parte do seu grupo. Xesús tiña un don especial para intuír fonduras de ben nas
persoas, que a demais xente non daba visto. Xesús era fondamente acolledor.
Xesús era provocador. Acepta o convite de Mateu, ao que asisten recadadores de
impostos e outra xente pecadora. Incrible! Comer con alguén, daquela moito máis
ca hoxe, era un sinal de amizade, de compenetración, de comuñón. Xesús móvese
polo principio de misericordia, que o levaba a arrimarse a xente que andase en
debilidade de calquera clase: de saúde, de diñeiro, de moral. Xesús era un
reparador de vidas feridas. Iso valía máis que os rituais relixiosos, que as normas
sagradas de pureza e de exclusión.
Se andamos en calquera
debilidade, podemos contar con ese apego especial de Deus a través de Xesús. Se
nos encontramos ou convivimos con xente envolta en calquera debilidade, temos
en Xesús un mestre para aprender a situarnos ante a debilidade cos criterios
mesmos de Deus.
Oración
Sentemos á
mesma mesa,
no nome de
Xesús,
compartamos
pan, soños e esperanzas
sen rituais
predefinidos,
sen exclusión
de ningún tipo;
conversemos
abertamente para mellor coñecernos,
para dicirnos o
que nos enche o corazón,
para
comprendernos mellor,
para querermos
mellor,
para servirnos
mellor.
Pousemos os
xuízos e prexuízos,
admiremos o don
de Deus
agochado
quizais en aparencias esquivas.
E fagamos disto
a lei maior da
nosa vida.
No nome de
Xesús.
Acción
¿Funcionamos con
prexuízos, arredándonos das persoas que temos fichadas como persoas malas por
calquera razón? Co exemplo de Xesús, ¿non poderiamos empezar a tratalas doutra
maneira?
22 de setembro: martes da 25 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 8, 19-21
Unha vez viñeron onda
Xesús a súa nai e máis os seus irmáns, pero debido á moita xente non se podían
achegar a el. Entón avisárono:
—A túa nai e máis os teus
irmáns están fóra e quérente ver.
El respondeulles:
—A miña nai e máis os meus
irmáns sono as persoas que escoitan a palabra de Deus e a levan á práctica.
Meditación
Xesús non renega da
familia, pero entende que a familia non o é todo, non é o máis importante. A
súa postura vital era escandalosa para aqueles tempos, nos que a familia tiña
unha forza especial na traxectoria dunha persoa. Hoxe somos xente máis autónoma,
pero aínda así a familia segue a ser algo ben importante dentro do noso
desenvolvemento persoal e social.
Xesús, sen desentenderse
da familia, móvese empuxado por razóns distintas dos lazos familiares da carne
e do sangue. El descubriu unha nova familia maior formada por un Pai ou Nai,
que é a fonte xenerosa de todo canto somos e temos; ante el toda a realidade
creada (natureza, minerais, vexetais, animais, seres humanos) formamos unha
ampla e intensa fraternidade, que se desenvolve ben cando está atenta a esa
palabra fonda que resoa en todos os seres e nos leva a respectarnos, a amarnos,
a servirnos, con humildade, sen prepotencias, buscando sempre o ben común.
Escoitar e practicar esa palabra vai creando uns lazos moito máis fortes que os
da simple carne e sangue.
Oración
Quero sentirme
irmán, irmá
da terra, da
auga e do vento,
a quen tanto,
tanto lles debo.
Quero sentirme
irmá, irmán
de todos, todos
os animais,
sexan ou non
animais domésticos.
Quero sentirme
irmán, irmá
de todos os
home e mulleres do mundo,
sexa cal sexa o
seu sangue, o seu credo.
Quero sentirme
irmá, irmán
da xente máis
débil e empobrecida
que me fan ser
irmá(n) moi de certo.
Quero sentirme
irmán, irmá
ao abeiro da
Fonte e Alento da vida,
irmá(n) no
presente, no eterno.
Acción
A familia é un tesouro.
Pero éo sobre todo cando nos capacita para saír, para voar, para sermos nós,
para abrirnos a familias maiores. ¿Como estamos vivindo a nosa realidade
familiar? ¿Vémonos en algo como persoas sometidas pola familia? ¿Vemos que o
meu mesmo servizo á familia me está ancheando o amor, o corazón, a capacidade
de saír de min mesma(o), e ser así máis universal?
23 de setembro: mércores da 25 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 9, 1-6
Un día Xesús convocou os
Doce e deulles autoridade e poder sobre todos os demos e para curar doenzas.
Logo mandounos a predicar o reino de Deus e a curar a xente enferma,
avisándoos:
—Non levede nada para o
camiño, nin caxato, nin alforxa, nin pan, nin diñeiro, nin dúas túnicas por
persoa. Quedade na casa onde entredes ata que marchedes. Cando non vos acollan,
ao saír daquela vila sacudide o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso.
Eles botáronse ao camiño e percorreron as aldeas, anunciando a Boa Nova e
curando en todas partes.
Meditación
Xesús tamén conta
connosco. Igual que aos Doce no seu tempo, tamén hoxe nos envía a nós, homes e
mulleres do noso tempo. A tarefa de Xesús non é só nin principalmente cousa de
clérigos. É cousa de toda a comunidade cristiá. E todos e todas nós somos
comunidade cristiá. A Igrexa, a comunidade cristiá concreta á que pertenzo, non
é un supermercado de cousas do espírito, ao que acudo cando algo me fai falla e
punto. Non somos persoas usuarias dun servizo que outras persoas nos dan. Somos
a comunidade de Xesús, somos o grupo de Xesús que, por graza de Deus e da vida,
descubrimos o regalo de Deus que é Xesús e todo o de Xesús, e gústanos vivilo,
gustalo e compartilo con outra xente.
Xesús indícanos as formas
de facer a tarefa que nos encomenda: disposición para saír, andar e compartir;
humildade e pobreza: déusenos gratis, dámolo gratis; renunciar a facer ningún
negocio ou carreira coas cousas da fe; compartir falando e, sobre todo,
arrimándose á xente e valerlle en todo o que poidamos, nas cousas do corpo, nas
cousas do espírito. O resto xa é cousa de Deus.
Oración
Xa o sei,
Xesús, xa o sei,
non podo
anunciar con convencemento
o que non vivo
con paixón.
Non podo
transmitir como Boa Nova
o que a min non
me aleda o corazón.
Non podo falar
de ti afervoadamente
se non tremo ao
pronunciar o teu nome.
Non podo
anunciar a presenza dun Deus
ao que non lle
abro de par en par as miñas portas.
Non podo andar
en humildade e pobreza,
mentres alá no
fondo o egoísmo me siga marcando os pasos.
Non podo
apaixonarme pola xente en debilidade,
mentres non os
sinta realmente coma persoas irmás.
Que queres que
che diga, amigo Xesús,
pero gustaríame
que contases comigo.
Grazas.
Acción
¿Estamos participando
dalgunha maneira na “misión” que Xesús lles encomendou aos Doce e que tamén nos
encomenda a nós? ¿Podemos sinalar
algunha cousa concreta na que nos vemos servindo a causa de Deus con algún
servizo á xente? ¿Poderíamos mellorar algo nisto?
24 de setembro: xoves da 25 semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 9, 7-9
Sucedeu que o tetrarca
Herodes soubo de todo o que pasaba con Xesús e estaba perplexo, pois había
algunhas persoas que dicían:
—Resucitou Xoán de entre
os mortos.
E outras persoas:
—Apareceu Elías.
E outras:
—Resucitou un dos antigos
profetas.
Pero Herodes dicía:
—A Xoán mandeino eu decapitar,
¿quen é, logo, ese de quen oio tales cousas?
E buscaba a maneira de
ver a Xesús.
Meditación
Posiblemente sexamos
moitas as persoas ás que Xesús nos deixa perplexas: atráenos, revólvenos,
inquiétanos, namóranos, escandalízanos, sedúcenos, desbórdanos… Algo diso lle
pasaba a Herodes. Que podemos facer? Fuxir dunha personalidade tan atractiva e
tan misteriosa a un tempo? Dispornos a facer un camiño de aproximación á súa
persoa, ao seu estilo de vida, dado que tanta xente ten habido que así o fixo e
alucinaron coa súa amizade e co aire novo que foi collendo a súa vida? Pois
parece que Herodes, con todo e ser como era, tiña ganas de facer esta
experiencia. Quedámonos nas ganas coma el ou daremos algún paso? Hai xente, hai
comunidades cristiás enredadas sinceramente con Xesús, que nos poden botar unha
man, que nos poden acompañar nese camiño, que nos poden contar o que Xesús lles
aportou, que nos poden achegar á súa porta para ter un encontro con el. Por que
non probar, a ver?
Oración
Buscar a
maneira de verte, Xesús.
Buscar,
non quedar
parada, agardando sen máis
a que a
casualidade me leve a ti.
Buscar,
remexer,
revolver, tocar aquí e acolá,
todos os puntos
e lugares
onde quen me
precedeu na busca me di que te amosas.
Buscar,
esculcarte nos
teus Evanxeos,
na miña vida,
nas cousas da vida,
na vida da
xente máis empobrecida,
uníndome á
comunidade da xente buscadora.
Buscar,
calar,
escoitar,
abrir os ollos
do corazón para verte
e deixarme
asombrar pola túa presenza humilde
(así me din que
te amosas).
E que sexa o
que Deus queira, Xesús,
que sexa o que
Deus queira.
Acción
¿Estamos facendo algo por
avanzar no coñecemento de Xesús? ¿Ou resignámonos a vivir na perplexidade cara
a el, vivindo con rutina do que outra xente nos dixo, sen ousar experimentar en
por nós o encontro con Xesús? ¿Como poderiamos dar algún paso neste camiño?
25 de setembro: venres da 25 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 9, 18-22
Unha vez que Xesús estaba
orando nun lugar apartado, acompañado polo grupo que o seguía de cerca,
preguntoulles:
—¿Quen di a xente que son
eu?
Eles responderon:
—Hai quen di que Xoán
Bautista; hai quen di que Elías, ou algún dos antigos profetas que resucitou.
Insistiu Xesús:
—¿E vós quen dicides que
son eu?
Respondeu Simón Pedro:
—O Mesías de Deus.
Entón el prohibiulles
terminantemente dicir nada a ninguén. E engadiu:
—Cómpre que o Fillo do
Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e máis os
letrados, que o executen e que ao terceiro día resucite.
Meditación
Xesús orando. Xesús
dándolle voltas ante Deus ao que traía entre mans: ser un valedor da
esplendidez e da misericordia de Deus con toda a xente, maiormente da xente
máis vulnerable, pola razón que fose. Xesús ollando para o seu grupo de xente
íntima, que non daba entrado pola súa
maneira servidora de entender a vida. Xesús que fai preguntas para que o seu
grupo entenda, para que descubran presenzas novas de Deus que desconcertan.
Xesús que lles abre o propio corazón, para compartir coa xente que o seguía de
cerca o convencemento de que, se non somos persoas dispostas a sufrir pola
causa de Deus, pola causa da xente empobrecida, é que non o entendemos a el. E
non porque Deus se compraza no sufrimento de ningún fillo ou filla súa. Pero
nada se reconstrúe, nada se renova, nada se resucita nas persoas e nos pobos e
sociedades sen esforzo, sen aguante, sen sufrimento servidor e amoroso. E logo
o silencio, para deixar que estas cousas vaian calando nas nosas entrañas. O
silencio da xente no silencio de Deus. Para que o actuar da xente sexa tamén o
actuar de Deus. Nós tamén estabamos alí.
Oración
Prohibiulles
terminantemente falar.
Mandoulles
calar.
Silencio.
Para non dar
nada por entendido, por dixerido,
por asimilado,
por levado á
vida.
Silencio.
Para evitar a
verborrea inútil,
que non leva a
nada,
que non
convence a demais xente,
nin sequera a
quen a pronuncia.
Silencio.
Para que as
palabras cheguen ao fondo,
ás entrañas,
e se convertan
en apegos entrañables.
Silencio para
que Xesús tome corpo en nós,
para que nós
tomemos corpo en Xesús, en Deus.
Silencio.
Acción
¿Quen está sendo Xesús
para nós? ¿Parámonos algunha vez para ver se estamos asimilando algo do de
Xesús? Por exemplo, ¿comprendemos que unha persoa cristiá non debería recear en
sacrificarse polo común? ¿Estámolo facendo dalgunha maneira?
26 de setembro: sábado da 25 semana do Tempo
Ordinario
Evanxeo: Lc 9, 43b-45
Nunha ocasión, cando todo
o mundo o admiraba polas cousas que facía, díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Que vos quede isto ben
gravado: ao Fillo do home hano entregar nas mans dos homes.
Pero eles non entendían o
que lles quería dicir; non o daban descifrado, e non ousaron pedir que llelo
aclarase.
Meditación
Lin hai poucos días esta
frase saída da pluma de Luís Trigo Chao, un militante galego socialista dos
anos 20-30 do século pasado, que tivo moito éxito social e que logo tería que
fuxir ao monte e sería asasinado no ano 1947: “As revolucións non se fan con
auga de colonias, senón entregando o sangue dos mellores fillos do pobo”. Xesús
no seu momento diría algo semellante: “Tomade e comede, este é o meu corpo.
Tomade e bebede, este é o meu sangue entregado por vós e polo mundo enteiro”.
Salvando as grandes diferenzas –pero recoñecendo tamén as enormes similitudes—,
un e outro, Luís e Xesús, advírtennos do mesmo: quen traballe por cambios
substanciais na propia persoa e na sociedade, que conte con horas de conflito,
de enfrontamento, de sufrimento, de
morte incluso; e iso por moito que haxa momentos de éxito, gloria e
recoñecemento, que os haberá.
Oración
Nas horas crúas
da noite, Xesús,
un chisco da
túa luz.
Nas horas do
enfrontamento,
algo do teu alento.
Nas horas da
turbación,
a túa
confirmación.
Cando cheguen
os desprezos,
a graza do teu
aprezo.
E, se a cousa
acaba en morte,
que a túa paz
nos conforte.
Acción
Case instintivamente
fuximos do conflito, e, cando as cousas se complican un pouco en calquera
acción comunitaria na que participamos, con frecuencia renunciamos a seguir.
¿Estanos pasando algo así nalgún campo? Podiamos dar algún paso seguindo o
talante de Xesús, o noso Mestre?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.