27 de setembro: domingo 26 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 21, 28-32
Meditación
O risco dunha
relixión establecida é ese: pensar que co cumprimento dunhas determinadas
prácticas que se nos propoñen xa cumprimos coa vontade de Deus. Así podo pensar
que participando na eucaristía dos domingo, xa fago a vontade de Deus. Podo
pensar tamén que practicando algúns sacramentos de cando en vez, indo a tal ou
cal funeral de xente familiar ou veciña, xa fago a vontade de Deus. Podo pensar
que practicando algunhas obras de misericordia (dar algunha esmola, visitar a
algún enfermo, colaborar coma voluntario nalgunha institución...), xa fago a
vontade de Deus. E poida que esas cousas, claro que si, teñan algo que ver coa
vontade de Deus. Pero tamén é moi posible que con catro cousiñas así,
seguramente boas, nos quedemos satisfeitos e pensemos que xa cumprimos con
Deus. E non se trata, non, de que teñamos que poñer máis cargas ao noso lombo,
senón de que entremos con máis amplitude e gozo en todo o que Deus quere levar
a cabo en nós e, a través de nós, na comunidade, no pobo do que formamos parte.
Non se trata de "tacañear" ou ser espléndido con Deus, senón de
tacañear ou ser espléndido con nós mesmos, construíndonos ao nivel dos soños de
Deus para cada un, cada unha de nós, para ás nosas comunidades, para as nosas
aldeas e pobos, para a nosa Galicia. Deus non se quere quedar curto con nós,
¿por que o habemos querer nós?
Chegados aquí,
igual nos preguntamos: ¿que é logo a vontade do Pai? ¿Que é a vontade do Pai
para min en concreto? En xeral podemos dicir que a vontade do Pai é que sexamos
irmáns e irmás, e que coma tal vivamos na familia, na veciñanza, na comunidade
cristiá; e que intentemos construír a nosa sociedade con sentimentos e
prácticas de irmandade. Algo moi simple, ao que de palabra seguro que nos
apuntamos todos, todas, pero ¿realmente somos aplicados despois niso? Ser e
vivir coma irmán, coma irmá pode resultar duro nalgúns momentos, pero é a maior
satisfacción que unha persoa pode atopar no mundo. Deus o que quere é que
vivamos satisfeitos/as, felices, por iso nos propón vivir así. ¿Despois, que é
a vontade de Deus para min hoxe, no momento concreto da miña vida? ¿Que me está
Deus ofrecendo e pedindo a min en concreto para vivir iso de ser irmán ou irmá?
Cada un/unha teno que pensar, cada un ten que rezar, cada unha no trato con
Deus ten que ir vendo que é o que Deus lle está pedindo, porque cada un/ha
temos a nosa vida, as nosas circunstancias particulares. A comunidade cristiá
pódenos axudar, deberíanos axudar a acertar co camiño particular de irmandade
que Deus nos ofrece para andar.
Na Eucaristía
xuntámonos como familia na casa do Pai, ao redor do noso irmán maior, Xesús.
Escoitamos a Xesús, compartimos as nosas fidelidades ou infidelidades,
alimentámonos para andar con alegría na procura da vontade do Pai en todo. Que
ben!
Oración
A viña á que me mandas é a casa, Señor,
a miña casa,
unha por unha todas as persoas que vivimos nela,
a miña familia, a miña comunidade.
A viña á que me mandas é a parroquia, Señor,
a miña parroquia, o meu barrio,
a miña comunidade humana e espiritual,
unha por unha todas as veciñas e veciños que a compoñen.
A viña á que me mandas, Señor,
con máis ansia e preocupación,
é a xente máis pobre e marxinal,
con calquera clase de pobreza e marxinación,
con calquera ferida no corpo ou na alma.
A encomenda que me fas, Señor,
é a do teu Evanxeo,
nin máis nin menos,
aberto á medida de Deus coma ti,
para acoller nel calquera aspiración humana xusta,
calquera mostra e sinal de humanidade.
Saberei dicirche de verdade que si?
Saberei vencer os meus receos e comodidades
e poñerme en camiño?
Ou, coma tantas veces xa,
pasarei de largo, sen facer caso,
enredado nas miñas vaidades,
asentado nas miñas falsas seguridades
de que non teño voces novas que escoitar,
camiños novos que andar?
Comeza o curso,
chámasme,
proposme cousas novas,
ofrécesme a túa compaña firme, fiel,
quero escoitarte e seguirte, Xesús,
non quero decepcionarte,
porque ti nunca me decepcionas.
Conta comigo.
No que poida, saiba e valla,
conta comigo.
Acción
28 de setembro: luns da 26 semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 9, 46-50
Unha vez as
persoas que seguían a Xesús de cerca empezaron a discutir sobre quen delas era
a persoa máis importante. Xesús, léndolles o pensamento, colleu pola man unha
criatura, achegouna a si e díxolles:
—Quen acolle a esta criaturiña no meu
nome, acólleme a min, e quen me acolle a min acolle a quen me enviou; porque a persoa
máis pequena entre vós esa é a máis importante.
Tomando entón a palabra Xoán, dixo:
—Mestre, vimos a alguén que botaba demos
fóra no teu nome e tratamos de llo impedir, porque non é do noso grupo.
Xesús contestoulle:
—Pois non llo impidades, que quen non
está contra vós, está convosco.
Meditación
Oración
Apréndeme, Xesús,
a descubrir contigo
a importancia do pequeno,
do fráxil, do vulnerable,
e a atopar aí
o lugar privilexiado de encontro con Deus.
Apréndeme a obsesionarme
por esa experiencia elemental
que marcou a túa existencia,
e que ti nos ofreces
como camiño de autenticidade cristiá.
Grazas, Xesús.
Acción
29 de setembro: festa dos santos arcanxos Miguel, Gabriel e Rafael
Evanxeo: Xn 1, 47-51
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Natanael:
—¿E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Felipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
Respondeulle Natanael:
—Rabí (mestre), ti es o fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
—¿Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do home.
Meditación
Oración
Miguel, e quen coma Deus?
Potente, marabilloso,
abnegado servidor,
do noso ben moi celoso.
Gabriel, forza de Deus
que nos fai recias e fortes,
para a paz, para a xustiza
incuestionable soporte.
Rafael, o Deus que cura
todas as nosas feridas,
e nos unxe con tenrura
para alegrarnos a vida.
Acción
30 de novembro: mércores da 26 semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 9, 57-62
Meditación
Oración
Contáxiame a túa fortaleza, Xesús.
para ser humilde e forte no teu seguimento.
Sen ti, sen o teu Espírito,
serame imposible.
Sucumbirei nas horas crúas, extremas,
cederei ante ao que dirán,
relembrarei con señardade o deixado atrás,
andarei envolta no si e no non,
porque ben me coñezo
e o teño experimentado moitas veces.
Contáxiame a túa fortaleza, Xesús.
Acción
¿Hai algunha cousa no noso seguimento de Xesús que nos estea custando moito? Poñémoslle nome. Oramos ante Deus, ante Xesús, para que o seu Espírito nos fortaleza. Podo compartir esta dificultade con algunha persoa que me poida comprender e axudar.
1 de outubro: xoves da 26 semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 10, 1-12
Un día designou
o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas
a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben
boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que
mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como
años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a
parolar con ninguén polo camiño. Cando
entredes unha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai
xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco.
Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa
ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha
aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e
dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”. Pero cando non vos acollan na
aldea na que entredes, saíde ás prazas dicindo: “Non queremos levar da vosa
aldea nin o po que se nos pegou aos pés. Aí vos queda. Pero sabede que xa
chegou o reino de Deus.” Asegúrovos que o día aquel será máis suave para Sodoma
do que para esa aldea.
Meditación
Oración
Señor, Señor,
amo, sementador
e das colleitas da vida
absoluto coidador!
Velaquí as miñas mans,
o meu empeño e amor;
velaquí o meu desexo
de estar contigo, a carón
nas loitas nas que ti loitas
por un mundo máis mellor:
Que a vida abunde e floreza
onde a vida é escaso don.
E que abunden as obreiras
que a traballen con paixón.
Acción
1 de outubro: Memoria obrigatoria de Santa Tareixiña do Neno Xesús
Evanxeo: Lc 9, 51-56
Meditación
Oración
¿A
que me invitas, Xesús,
co
exemplo de Santa Tareixiña?
¿A
que nos provocas
coa
súa imaxe fráxil e a súa curta historia,
repletas
de vida e de intensidade?
¿A
que nos chamas
coa
súa sorprendente madurez
rodeada
de inocencia e simplicidade?
Eu
teño o meu camiño,
cada
quen ten o seu camiño,
para
o que ti te ofreces como compañeiro fiel.
Non
me pides milagres,
pero
si que vaia madurando pouco a pouco,
mesturando
humildemente
o
empeño persoal coa confianza absoluta
en
ti, Xesús, no teu Espírito, no teu Deus,
no
noso Deus.
Ben
asentada no anaco de terra e tempo
no
que me toca vivir.
Ben
asentada en ti,
coma
unha criaturiña no colo da súa nai.
Acción
2 de outubro: Memoria dos Santos Anxos Custodios
Evanxeo: Mt 18, 1-5.10
Meditación
Unha vez máis a
alerta de Xesús contra o afán mundano de buscar ser importantes a base de
poder, de forza, de dominio, de cartos. Outra vez a chamada de Xesús para que
entendamos que ser importante é poñerse no centro coa xente máis fráxil e
fundirse con ela nunha aperta vital, nunha disposición a servir, coa suma
humildade, coa suma intelixencia que a xente máis vulnerable se merece.
Así unhas
persoas convertémonos para outras neses anxos custodios, a través dos cales
Deus mira con sumo respecto e consideración polos seus fillos e fillas. As
persoas máis vulnerables son algo absolutamente sagrado para Deus, son os
especiais anxos custodios de toda a humanidade; de aí que todo o que teña que
ver coa súa vida, co seu trato, coa súa dignidade está especialmente presente
aos ollos de Deus, ten suma importancia para el. E deberíaa ter tamén para nós,
para toda persoa que cre en Deus.
Oración
Grazas, meu
Deus,
por todas as
persoas que ao longo da miña vida
foron
sendo para min santos anxos custodios.
Amosáronme
moi realmente
a
túa presenza, compaña e protección,
grazas!
Grazas,
meu Deus,
por
esa incomprensible forza de ben,
por esa
inaudita chamada á irmandade, á xustiza, á unión,
que
misteriosamente se fai persistente en min
e empuxa a miña
vida,
a
pesar das miñas preguizas, covardías e egoísmos.
Ti
estás certamente aí protexendo,
grazas!
Grazas
polas criaturas máis fráxiles,
verdadeiros
anxos custodios da comunidade cristiá,
que
nos amosan o teu rostro
e
o camiño de luz que leva ao teu encontro.
Grazas!
Acción
3 de outubro: sábado da 26 semana do Tempo Ordinario
Evanxeo: Lc 10, 17-24
Meditación
Satán para arriba, Satán para abaixo;
pisar cobras e alacráns sen sufrir dano ningún; euforia dos discípulos… Debaixo
deste xeito de falar propio dunha cultura daqueles tempos, amósasenos un
convencemento moi firme: en Xesús hai unha forza de ben que non hai quen a
tombe. Forza para a liberación persoal, para xerar espírito de servizo, para
non se apoucar ante calquera clase de poder, forza para a resistencia, ou a
resiliencia, como dicimos hoxe; forza para o amor, para verse e amarse a si
mesmo coma fillo de Deus, forza para dar a vida antes ca deixar de seguir a
chamada de Deus que bulía a diario no seu corazón e que o empuxaba a amar a
xente co mesmo amor co que se amaba a si mesmo.
E Xesús ofrécenos participar deste
poder. Pero non para que empecemos a chufarnos dos nosos éxitos, senón nada
máis e nada menos para que percibamos que andamos humildemente na onda de Deus,
que os nosos nomes gratuitamente están escritos no corazón de Deus. Todo isto
aprendeunos o fillo do Pai e todo isto llo amosa a quen queira deixarse ensinar
por Deus.
Oración
Benia os nosos
ollos, si, Xesús,
por poder ver o
que tanta xente de fe
durante séculos
agardou con esperanza!
Benia os nosos
oídos, Xesús,
porque aos nosos
oídos chegou a túa palabra,
para nos falar
ás claras de Deus!
Benia os nosos
corazóns, Xesús,
porque poden
vibrar
coa túa mesma
paixón por Deus e pola xente toda,
sen distingo
ningún!
Benia todas e
todos nós, Xesús,
que, se nos
deixamos querer,
podemos acceder
ao teu humildísimo poder,
que no servizo
se fai e manifesta!
Grazas porque
todo isto nolo dás
a prezo de
simplicidade agradecida!
Grazas, Xesús!
Acción
¿Andámonos chuleando de sermos crentes? ¿Desprezamos dalgunha maneira as persoas que non teñen fe, ou que a teñen á súa maneira? ¿Somos da “xente humilde” que tanto a Xesús lle compracía? Parámonos a ver. E, se tal, cambiamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.