ADVENTO
Advento, o tempo da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se nos pide estar moi atentas, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.
Deus vén. O seu é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios, pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo no quente da cociña. E así pode ser con Deus.
Vivir o Advento cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade, pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente escollido por Deus para os encontros con el.
As circunstancias do coronavirus, teñen un presente xa ben complexo e tamén un futuro impredicible, ameazador segundo se pensa. Pero non deberían ser para derrotarnos de entrada, senón para avivecer en nós á apertura ao novo de Deus que a través desas circunstancias nos pode vir. Armarnos de fe, de solidariedade, de esperanza, vivir un Advento cálido, denso, e armarnos así para empezar un tempo novo con ilusións novas. As persoas cristiás ben poderiamos andar nos lugares onde se anuncien e elaboren feitos de esperanza. E nestas horas máis ca nunca.
O Evanxeo de cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos feitos de Xesús. Paz e alento diarios. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.
29 de novembro: Domingo 1 de Advento
1ª lectura: Is 63, 16-17. 19b; 64, 2b-7. Salmo: 79, 2ac e 3b. 15-16. 18-19
2ª lectura: 1 Cor 1, 3-9.
Evanxeo: Mc 13, 33-37
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
--Estade, logo, á espreita e con atención, que non sabedes cando será o momento. É coma unha persoa que foi ao estranxeiro e deixou a casa e máis a facenda nas mans dos seus criados e criadas, encargándolles a cada quen o que tiña que facer; e ao porteiro ordenoulle que velase.
Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará o amo da casa: se á tardiña ou con noite pecha, se cando o galo canta ou no amencer. Non vaia ser que chegue de repente e vos atope durmindo. E o que vos digo a vós tamén llelo digo a todo o mundo: estade en vela!
Comentario
Tempo de Advento, tempo do baleiro e parcialidade do ser humano, da historia, abertos á totalidade e plenitude de Deus. Tempo da verdade radical do ser humano, en camiño, en busca. Outra persoa, outra historia concreta, diaria, é posible no nome de Deus.
Aínda que a liturxia é abundante pedindo que Deus veña, o Evanxeo asegúranos esa chegada e pon o seu acento na urxencia de sermos xente esperta, xente atenta ao Deus que chega. Onde, cando, como menos se espera, chega.
Estar en vela, espertos/as, estar alerta, non estar durmidas, son verbos repetidos neste Evanxeo, que inciden todos na mesma actitude: disposición a atender de primeira ao paso de Deus pola nosa vida.
Estar en vela, activos/os, xestionando convenientemente a responsabilidade daquela parte da casa que o Señor nos puxo nas mans. A casa é a comunidade cristiá, a Igrexa. A casa é o pobo, o país onde vivimos. A casa é o mundo.
Estar en vela ante o que está acontecendo en Galicia, en España, no mundo, nestes tempos convulsos, marcados polo sinal do coronavirus, sobre todo no que lle afecta ás persoas máis débiles e marxinais.
Non unha chamada á espera de quen teme que lle sobreveña algo malo. Si unha chamada á espera de quen ama, á espera do amado que chega coas súas gratificacións.
Cristián, cristiá: a persoa que está en vela descubrindo, gozando, anunciando a chegada e presenza de Deus no medio de nós.
Preces
QUE A NOSA VIDA, DEUS
SE ENCHA DA TÚA PRESENZA.
Que saibamos descubrirte presente e acollerte na nosa vida diaria, familiar, veciñal. Oremos.
Que che abramos as portas cando petas vestido de inmigrante ou de xente que está de calquera maneira afectada polos problemas derivados do coronavirus e clama por unha vida sa, asentada, digna. Oremos.
Que acollamos a túa presenza leda cando o encontro, a festa, a ilusión, a risa conmove as nosas vidas. Oremos.
Que non te evitemos cando te achegas a nós con críticas nas mans, advertíndonos da nosa pereza e falta de implicación na construción xusta da nosa sociedade. Oremos.
Que te busquemos con sinxeleza e honestidade, ata atopar en ti a razón fonda da nosa paz, da nosa vida, da nosa morte. Oremos.
Pregaria
Canto nos fas falla, Señor,para encher de soños as nosas vidas chatas!Canto nos fas falla para espertarmos,para abrir os ollos e o corazón!Canto nos fas falla, Señor!Canto nos fas falla, Señor,para ensinarnos a amar o mundoe a construílo ao teu xeito e semellanza:amplo e cordial,xusto para todos e todas,privilexiado para as persoas débiles!Canto nos fai falla, Señor,o teu sol, a túa luz, a túa ledicia,alumeando tebras e tristuras,espertando ánimos, abrindo liberdades,dando lucidez na hora densa dos compromisos!Canto nos fai falla, Señor,o teu alento para a tarefa de cada día,e atopar nel un oco para o noso cansazo!Canto nos fai falla, Señor,a túa calor neste inverno,a túa aperta de nai,o teu fogar, a túa mesa, o teu pan.Canto nos fas falta ti, Señor,e contigo os irmáns,todos os irmáns,todas as irmás!
Acción
As circunstancias do coronavirus seguro que nos sitúan ante demandas concretas de responsabilidade, de participación no coidado da xente, de implicación no benestar de xente que o estea pasando especialmente mal. Teremos ocasión de dar testemuño do Deus da vida irmandada no que dicimos crer.
30 de novembro: Festa do apóstolo Santo André
1ª lectura: Rom 10, 9-18. Salmo: 18, 2-3. 4-5
Evanxeo: Mt 4, 18-22
Un día, camiñando Xesús pola ribeira do mar de Galilea, viu a dous irmáns: Simón, tamén chamado Pedro, e André; os dous, que eran pescadores, estaban largando as redes no mar. Díxolles Xesús:
--Vide comigo e fareivos pescadores de xente.
Eles deixaron de contado as redes e seguírono. Máis adiante atopou outros dous irmáns: Santiago e máis Xoán, fillos de Zebedeo, que estaban co seu pai na barca arranxando as redes. Tamén os chamou e eles coa mesma deixaron a barca e máis a seu pai e seguírono.
Meditación
Foron Pedro e André, Santiago e Xoán, irmáns entre si, pescadores todos eles, con familia e traballo máis ou menos decente; foron eles e somos nós: Policarpo e Xosé, Manolo e Lupe, Pilar e Cristina, homes e mulleres normais, con traballos normais, ou no paro, con ilusións de vida por diante. Ante todos e todas a misteriosa ollada de Deus, a través de Xesús ou de calquera outra persoa que no seu nome se achegou á nosa vida; a misteriosa elección, caer na conta de que está aí, queréndonos, compartindo connosco a súa ansia polo ben da xente, polo ben do mundo, pedíndonos colaboración para sermos nós algo as súas mans. E decidimos facerlle caso, seguilo, deixando a familia e o traballo que tiñamos, ou seguindo na familia e no traballo, pero abrindo a familia e o traballo a unha nova dimensión: sermos xente de comunidade, que non nos contentamos con facer nós vida de calquera maneira, senón que a queremos para todas e todos e dunha maneira fonda, xusta, solidaria, feliz. E aí estamos, á sombra de André no día de hoxe.
Oración
Deixárono todoe seguíronte, Xesús.Quen nos desevivir esa atracción túa tan fondasobre as nosas vidas!Quen nos deseque o corazón se nos desapegase algodo meu, do noso,e se abrise coma o teua soños solidarios!Quen nos dese serlibres de nós,do noso, de todo,para andar contigo aventuras fraternas!O revolucionario camiñocara á gran felicidade!Cando acabaremos de crerte, Xesús,cando?
Acción
Se sabemos dalgunha persoa que nos parece que foi cativada por Xesús para unha tarefa solidaria, podemos falar algo con ela, para ver como escoitou a súa chamada e como a vive.
1 de decembro: Martes 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 11, 1-10
Salmo: 71, 2. 7-8. 12-13. 17
Evanxeo: Lc 10, 21-24
Naquel momento Xesús, cheo do gozo do Espírito Santo exclamou:
--Bendito sexas, Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lles ocultaches estas cousas á xente sabia e entendida e llas mostraches á xente humilde. Si, bendito, meu Pai, porque así o quixeches.
Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo a non ser o Pai, e ninguén coñece o Pai a non ser o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
E volvéndose nun aparte aos discípulos, díxolles:
--Benia os ollos que ven o que vós vedes! Porque é ben certo que moitos profetas e reis quixeron ver o que vós vedes e non o viron, e oír o que vós oídes e non o oíron.
Meditación
Que son esas cousas que Deus amosa á xente humilde e llelas oculta á xente entendida? Pois cousas como o gozo de vivir, o asombro pola graza que hai na natureza, nos animais, na xente; o gusto pola inocencia, a satisfacción que dá falar con verdade e sen malicia; a alegría da boa convivencia veciñal, vivindo coma irmáns ou irmás; a paz fonda que nos dá saber que Deus sempre nos quere, e vivir momento a momento baixo o empuxe dese convencemento; ter ánimos para axudar e servir a quen nos rodea; gozar xuntándonos para as penas e as alegrías, tamén para a defensa do noso; saber ser moi humildes e moi valentes a un tempo.
Quen é a xente humilde que goza con todo isto? Podémolo ser todos, todas nós, se non deixamos que o galo se nos suba ao poxigo, se reparamos na nosa fraxilidade e lle abrimos as portas ao Espírito bo de Deus. Deus tolea por meternos no seu mundo de ben e de felicidade.
Oración
Grazas, Pai, che dicimos con Xesús, por seres tan espléndido, por non preferires o poder e as aparencias, como tantas veces nos pasa a nós. Grazas, Pai, porque che vai o humilde, porque as portas da túa casa están sempre abertas para nós, porque nos ofreces a túa compaña e os teus regalos.
Acción
Ao longo do día de hoxe vai vendo en que circunstancias Deus foi compartindo contigo algunha desas cousas que a el tanto lle gustan. Agradécello. Comparte con algunha persoa amiga ese teu agradecemento.
2 de decembro: Mércores 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 25, 6-10
Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6.
Evanxeo: Mt 15, 29-37
Marchou Xesús daquela terra e chegou onda o mar de Galilea. Subiu a un monte e sentou alí. E veu cabo del un mundo de xente, traendo consigo persoas coxas, eivadas, xordas e afectadas por outros males. Púñanas aos pés de Xesús e el curábaas a todas. De xeito que a xente ficaba pasmada vendo como as persoas mudas falaban, as eivadas quedaban curadas, as coxas andaban e as cegas vían. E glorificaban o Deus de Israel.
Chamou Xesús polos seus discípulos e díxolles:
--Dáme mágoa esta xente, pois hai tres días que veñen tras miña e non teñen que levar á boca. Non a quero despedir sen que coman algo, porque poderían esmorecer polo camiño.
Dixéronlle os discípulos:
--E de onde imos sacar, nun lugar deserto, pan abondo para fartar a tanta xente?
Pero el preguntoulles:
--E logo, cantos pans tedes?
Eles responderon:
--Sete e máis algúns peixes.
Mandou Xesús que a xente sentase no chan; despois colleu os sete bolos e mais os peixes, deu grazas, partiunos e déullelos aos seus discípulos, e os discípulos dábanllos á xente. Comeu a xente a fartar e cos anacos que sobraron encheron sete cestas.
Meditación
O querer de Deus é que a xente vivamos sen males, sen males físicos, sen males mentais. Que teñamos o necesario e suficiente para poder vivir con tranquilidade, satisfacendo as necesidades normais da vida. Iso non se consegue se hai xente que se fai con todo e, en consecuencia, outra xente queda sen nada, cousa que pasa moito no noso mundo, amargando a vida de moita xente. A felicidade humana non se acada amoreando sen pensar en que todo o mundo estea suficientemente atendido. A felicidade humana conséguese unindo mans, corazón e vidas.
Xesús fixo canto ben puido. Con milagres ou sen eles. De nós ninguén espera milagres. Ou si. Porque é un milagre limpar o corazón de avaricias, e abrilo ao ben da comunidade. É un milagre participar na vida comunitaria, social, política, para que as parroquias, os Concellos, os Países, o mundo se goberne tendo en conta que a ningunha persoa pobre lle falte pan, escola, menciñas, traballo, un teito, a alegría de vivir.
Oración
Noso Pai que estás no ceo, fágase a túa vontade. Xesús Cristo, noso Señor, que nos doia a xente, como che doía a ti, que agradezamos os teus coidados, que colaboremos contigo para que a ninguén lle falte nada do esencial para vivir con humor e esperanza.
Acción
Hai moitas maneiras de traballar polo común, polo pan e a felicidade doutra xente. Podes visitar hoxe a unha persoa enferma. Se non o estás facendo xa, pensa na posibilidade de integrarte nalgún grupo, ONG, asociación, Cáritas, Sindicato, Partido Político, desde o que che parece que se traballa ben polo pan de todo o mundo.
3 de decembro: Xoves 1ª semana de Advento
1ª lectura: 26, 1-6
Salmo: 117, 1 e 8-9. 19-21. 25-27a
Evanxeo: Mt 7, 21.24-27
Dixo Xesús:
--Non entrará no reino dos Ceos quen me diga “Señor, Señor!”, senón quen faga a vontade do meu Pai celestial.
Así pois, quen escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma a persoa asisada que edificou a súa casa sobre rocha. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa, pero non se derrubou, porque estaba asentada na rocha.
Mais quen escoita as miñas palabras e non as leva á práctica pórtase coma un toleirán que edificou a súa casa sobre area. Caeu a chuvia, veu a riada, bruou o vendaval batendo na casa e derrubouna, e a desfeita foi terrible.
Meditación
As vidas, as persoas, as comunidades son coma unha casa. Non tería xeito construír unha casa sobre area ou nun sitio veiguento. Unha casa necesita ante todo uns bos cimentos. E as persoas tamén, e as comunidades cristiás da parroquia tamén. Non vale, non chega con moito dicir “Señor, Señor”, se non botamos man de todo aquilo que nos permite ser persoas formadas, sólidas, humildes, animadoras, comunitarias, loitadoras, alegres. O trato con Deus deberíanos levar a aproveitarnos de todo canto Deus puxo ao noso alcance para consolidarnos como persoas e como comunidade.
Tanto as persoas como as comunidades sufrimos moitos envites na vida. Estar ben cimentados fainos capaces de resistir, de non perder a serenidade, a esperanza a pesar de todo. Deus ofrécese sempre a poñernos cimentos sólidos na nosa vida. O Espírito bo de Deus é o mellor sostén da nosa vida.
Oración
Son persoa fráxil, Señor, ben o sabes. Cústame afrontar con serenidade as dificultades da vida. Póñome na túas mans fortes e agarimosas. Confío en ti, meu Deus, confío en ti.
Acción
En que me vexo unha persoa fráxil? En que vexo que a miña comunidade é unha comunidade tamén fráxil? Segundo cal sexa esa fraxilidade, penso nalgunha tarefa que a poida curar. Por exemplo, se non comparto as miñas penas con ninguén, empezo a facelo. Ou se critico a xente da comunidade por tras, dispóñome a dicir as cousas á cara con respecto e agarimo.
4 de decembro: Venres 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 29, 17-24
Salmo: 26, 1. 4. 13-14
Evanxeo: Mt 9, 27-31
Unha vez ían seguindo a Xesús dous cegos que berraban:
--Fillo de David, compadécete de nós.
Cando Xesús entrou na súa casa, os cegos achegáronselle. Preguntoulles Xesús:
--¿E vós credes que eu podo facer isto?
Responderon:
--Cremos.
Entón tocoulles os ollos e díxolles:
Fágase conforme a vosa fe.
E abríronselles os ollos. Logo avisounos moi serio:
--Mirade que non o saiba ninguén!
Pero, axiña que se foron, falaron de Xesús por toda aquela zona.
Meditación
A humanidade, cada un de nós, homes e mulleres que a formamos, podemos vernos reflectidas neses dous cegos que andaban tras de Xesús, á procura da súa iluminación, da súa clarificación, da súa curación. Podemos andar pola vida pletóricos, créndonos sabedores de todo, incluso de todo aquilo que ten que ver coas fontes do noso ser, da nosa persoa, e das cousas sas e fondas que nos permiten vivir con verdadeira humanidade, abertos, abertas ao misterio da vida, ao misterio da nosa convivencia solidaria. É difícil vivir e aproveitar o Advento se nos situamos nesta clave de sobreabundancia. O Evanxeo invítanos a descubrir ese lado frouxo que está tan presente na nosa vida persoal e social. Canto nos cómpre ver a fondo como persoas, para atinar co noso desenvolvemento persoal na vida! Cantos nós cómpre ver como sociedade, para darlle a volta a tantas cousas ao revés que están amolando a vida de tantas persoas, de tantos pobos! Na nosa fe cristiá entendemos que Xesús nos pode iluminar a fondo. Por iso nos achegamos a el. Por iso nos dispoñemos a abrirlle as portas da vida.
Oración
Eu ante ti, Xesús de Nazaré, ante o Deus que ti nos ofreces, son tamén persoa cega, que precisa a túa iluminación. Sei, creo que o teu pracer é tocar os meus ollos para que se abran á luz, para que se abran á condición de filla, á condición de irmá. Que eu non impida, Xesús, o que ti queres facer en min. E falarei de ti con orgullo e humildade.
Acción
A luz énos dada, pero tamén hai que buscala. Para Xesús andar no medio da xente empobrecida, compartir as súas vidas e penalidades, e tamén as súas alegrías, é unha preciosa e misteriosa maneira de acceder á luz, á verdade da vida. Podemos facer algo que nos permita entrar no mundo da xente empobrecida.
5 de decembro: Sábado 1ª semana de Advento
1ª lectura: Is 30, 19-21. 23-26
Salmo: 146 1-2. 3-4. 5-6
Evanxeo: Mt 9, 35—10, 1.6-8
Xesús percorría todas as vilas e aldeas ensinando nas sinagogas, anunciado a Boa Nova do Reino e curando toda enfermidade e doenza. Vendo a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque a xente toda estaba derreada e esmorecida coma ovellas sen pastor. Entón díxolles:
--A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros para o traballo que cómpre facer.
E chamando os doce discípulos, deulles poder para botaren os espíritos malos e curaren toda enfermidade e doenza.
E díxolles:
--Dirixídevos máis ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. E no voso camiño proclamade que o Reinado de Deus está preto. Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, botade os demos fóra.
Meditación
Moita xente de aldea –seguro que tamén da que non é de aldea— neste momento sentirase ben retratada nesa frase do evanxeo: “xente toda derreada e esmorecida”. Así parecen ser as nosas parroquias rurais hoxe.
Tamén é certo que, vendo o campo, a súa riqueza, a súa fermosura, a súa capacidade produtiva; vendo o corazón de cada persoa, tamén podemos dicir co Evanxeo: “A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos”.
Sería ben fermoso que a comunidade cristiá da parroquia, fose cal fose o seu número e o seu poder, se puxese con Xesús a botar espíritos malos e se sumase a todas aquelas persoas que desde calquera lugar e pensamento estean polo labor de poñer vida e esperanza entre nós.
¡Canto podemos nós aprender de Xesús, da súa ollada fondamente solidaria, do seu saber estar ao pé da xente con toda a forza do seu ser nas mans!
Oración
Igual somos chulos, Señor, demasiado chulos dentro da nosa pobreza, como para necesitar acompañantes para o noso camiño.
Igual somos tamén demasiado ovellas, demasiado submisos, demasiado torpes.
Para cando abrir os ollos, fiarnos de quen nolos axuda a abrir?
Para cando fiarnos de ti, Xesús?
Lévanos da túa man polos camiños da vida nos días de hoxe.
Acción
Se ves que hai algo na túa vida que te achica e entristece, dá o paso de compartilo con alguén do que esperas comprensión e axuda.
Se ves que hai algunha asociación, sindicato agrario, comunidade cristiá que traballa honradamente polo ben da aldea, apúntate, participa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.