01 decembro, 2020

Fratelli tutti: presentación e capítulo primeiro





PRESENTACIÓN E CAPÍTULO PRIMEIRO 
Texto deste capítulo en galego: https://xanostesaqui.blogspot.com/2020/10/fratelli-tutti-todos-irmans-capi.html
(tradución de Nuria Núñez)


Guía para a lectura por Manuel Regal Ledo

A presentación é algo moi breve e sinxelo, pero é unha delicia. Confésanos o Papa que foi Francisco de Asís, quen, invitando a un amor que non coñece fronteiras de ningún tipo, o inspirou a escribir esta carta aberta a todas as persoas de boa vontade. Encíclica social, di o Papa, carta dedicada á fraternidade e á amizade social, “para que, fronte a diversas e actuais formas de eliminar ou de ignorar a outros, sexamos capaces de reaccionar cun novo soño de fraternidade e de amizade social que non quede nas palabras.” (n.6). Só xuntos poderemos realizar este soño. Inspirado, logo, por Francisco de Asís, e estimulado polo Gran Imán Ahmad Al-Tayyeb, invítanos a soñar con el no nome do Deus do amor. 

O capítulo 1 dedícao o Papa a analizar “algunhas tendencias do mundo actual que non favorecen o desenrolo da fraternidade universal”(n. 9). O seu título é As sombras dun mundo pechado”. Son algunhas sombras, pero non todo son sombras no mundo actual. O mesmo Papa no n. 54 deste capítulo afirma: “A pesar destas sombras mestas que cómpre non ignorar, nas próximas páxinas quero facerme eco de tantos camiños de esperanza. Porque Deus segue a verter na humanidade sementes de ben”. 

O Papa Francisco vainos describindo sete zonas de sombra deste noso mundo, que el de entrada cualifica como “mundo pechado”. Nas poucas liñas que dedica a cada aspecto é imposible abordar o tema a fondo; pero pónnolo diante con claridade, dando pé á nosa reflexión, debate e afondamento. O que unifica a todas esas sombras é a súa capacidade de facer deste noso mundo un “mundo pechado”: recursos, dereitos, posibilidades, progresos, dignidades etc. non son universalmente compartidos; hai persoas, grupos sociais, países que os acaparan abusivamente, e outras persoas, grupos sociais e países que case os descoñecen. Tamén é importante ir vendo na lectura como debaixo de realidades aparentemente positivas, ou que en parte o son, agóchanse contrapartidas ou contradicións, que apuntan sempre na liña da exclusión ou na da trampa para disimular o sometemento. Detrás destas sombras están con frecuencia os grandes intereses económicos de grupos e países reducidos, que con sagacidade saben promoverse e impoñerse; pero está tamén a facilidade coa que en xeral nos deixamos engaiolar por ese tipo de propostas, porque aínda que só sexa en pequenas doses formamos o esperamos formar parte deses sectores privilexiados. E así “Un proxecto con grandes obxectivos para o desenvolvemento de toda a humanidade hoxe soa a delirio”(n.16). 

Esta carta do Papa –como polo demais case todo o que el nos ofrece-- está escrita dunha forma clara nas palabras e razoamentos que emprega. Con todo, polo propio proveito e para poder compartir e debater para afondar máis nas propostas do Papa, igual sería ben ler a carta facéndonos sempre estas preguntas: 
  1. Hai algunha cousa que non acabo de entender ben? 
  2. Que é o que máis me gustou da presentación e deste primeiro capítulo? 
  3. Con que cousas estou algo ou moito en desacordo? 
  4. Papa escribe para axudarnos a medrar na fraternidade e na amizade social; entón que me está dicindo esta carta, que sentimentos está producindo en min, a que accións me estou vendo empuxada/o? E ao grupo ou comunidade da que formo parte?


1 comentario:

  1. Elvira Santos22:56

    Con ese linguaxe sinxelo e cercano que o caracteriza e que non lle resta para nada profundidade,Francisco faise entender por todos. Agradecémosllo moito porque é un avance importante. Neste Capítulo I fai como un VER "as sombras dun mundo pechado".Parecía que avanzábamos que dábamos pasos hacia a integración pacífica pero estamos retrocedendo. O Papa recórdanos no punto 11 que cada xeneración ha de facer suas as loitas os logros das xeracións pasadas e levalas a metas mais altas. Dinos que o ben non se alcanza dunha vez, ha de ser conquistado cada día.
    Outra idea que me fai pensar é a do "descarte" no só de alimentos e recursos senon de seres humanos, os que quedan fora do sistema. Os dereitos humanos non son iguais para todos y vai desenrolando distintas situacions que nos demostran que é así. Cuando chega unha tormenta global como a da pandemia, dámonos conta da nosa vulnerabilidad nos desmonta as falsas seguridades. Aprenderemos algo? Remata o Capítulo cuha invitación á Esperanza que nos fai sentir ese anhelo de plenitude que nos fai elevar o espírito hacia cousas grandes (bondad, beleza, xustiza, amor....)

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.