20 de decembro: Domingo 4 de Advento
1ª lectura: 2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16. Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29
2ª lectura: Rom 16, 25-27
Evanxeo: Lc 1, 26-38
Aos seis meses ( do anuncio do nacemento de Xoán Bautista) Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María. Entrando onde estaba ela, díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.
Ela turbouse con estas palabras e cavilaba no que podería significar o saúdo aquel. O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus; e fíxate, vas concibir no teu ventre e darás a luz un fillo, ao que lle poñerás de nome Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai; reinará por sempre na casa de Xacobe e o seu reinado non terá fin.
María respondeulle ao anxo:
—¿E como pode ser isto, pois non teño relación con home ningún?
O anxo respondeulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase Fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez e xa está de seis meses a que chamaban estéril, que para Deus non hai imposibles.
María contestou:
—Velaquí a escrava do Señor, cúmprase en min o que dixeches.
Comentario
Estamos ante un relato directamente cristolóxico, que nos quere dicir cousas de Xesús Cristo, por moito que a primeira vista pareza estar centrado na figura da súa nai, Santa María de Nazaré.
Os relatos da infancia foron do último que se incorporou aos relatos evanxélicos; o evanxeo de Marcos, o máis antigo, non ten relatos da infancia, e o evanxeo de Xoán substitúeo por un prólogo especial, co que tamén se quere responder á orixe divina de Xesús.
Porque esta é a cuestión: Xesús chamou tanto a atención pola súa vida totalmente entregada á causa de Deus e á causa da humanización a fondo da xente, que todo o mundo se preguntou pero de onde vén este; pregunta que por aquí e por alá a podemos encontrar repetidamente nos catro evanxeos.
Lucas, para dar unha resposta a isto, para afirmar con rotundidade que o de Xesús é cousa totalmente de Deus, constrúe un relato que xa tiña antecedentes bíblicos no relato do nacemento de Samuel (1Sam 1,1-2,11), e que Lucas retomará tamén para a narración do nacemento de Xoán Bautista (Lc 1,5-25).
De todas formas, non é inútil a figura de María. Non importa a intimidade biolóxica de María, o texto non nos invita a furgar nela; pero si que nos importa, e moito, o modelo de aceptación da proposta de Deus, que María encarna. Deus ofrécese máis alá de todo límite, de toda incapacidade, e María entrégase de forma absoluta máis alá de toda inseguridade, de toda incerteza. O resultado é Deus feito carne da nosa carne, vida da nosa vida, historia da nosa historia.
O Nadal invítanos a admirar e agradecer esta figura exemplar de María, e, desde logo, a admirar tamén o que foi froito dela: Xesús de Nazaré, Deus misteriosamente envolto nas feituras humanas, cunha preferencia especial polo mundo do pobre: as persoas, os ambientes, as aspiracións etc. da xente máis empobrecida.
Pero o Nadal invítanos tamén a reactivar en cada un, en cada unha de nós a figura e o papel de María. Estamos chamados a realizar a encarnación de Deus no noso tempo. Por Deus non queda. María sinálanos os tempos e as maneiras: estar vinculado á vida, aos intereses dun pobo pobre; vivir a experiencia de sentirse totalmente amada por Deus; tomar conciencia da propia pequenez, ata o punto de sentirse asustada e medrosa; acoller confiadamente a proposta de Deus, fiarse da forza creadora do Espírito, e dicir un si sinxelo e fondo, ante o que nada quede á intemperie, aínda que todo quede no aire. Seremos capaces de tanta acollida, de tanta entrega, de tanta fe, de tanto amor, como para amosar un anaquiño de Deus no tecido humilde das nosas vidas?
Preces
VELAQUÍ A ESCRAVA DO SEÑOR,
CÚMPRASE EN MIN O QUE DIXECHES
Que saibamos admirar a Xesús e a María, e a todas as persoas que con confianza en Deus se entregan á tarefa de facelo humildemente visible nas nosas vidas. Oremos.
Que ante cousas concretas de cada día que demandan o noso compromiso activo non botemos para atrás, e sexamos persoas sempre dispostas e colaboradoras. Oremos.
Que nos sumemos ás persoas que se atopan en situacións cegas, desesperadas, desbordadas, e que precisan o alento de Deus e o noso apoio real. Oremos.
Que saibamos escoitar as persoas, familias e países que máis están afectados pola crise do coronavirus que vivimos, e que non receemos en darlles a axuda que poidamos. Oremos.
Para que poidamos ter neste Nadal unha experiencia limpa e fonda do amor de Deus, e que o poidamos realizar no trato coa xente máis débil e marxinal que atopemos na vida. Oremos.
Oración
ANUNCIADA—E ¿cómo diría euo que un anxo desbarata?Foi como ter ben segurasas paredes da túa casae nun vendaval sen ruídover que o teito se levantae entra Deus ata a alcobadicindo:—Chea de graza,non me levantes paredesnin lle poñas muro á casa,que por entrar na túa historiaeu ben salto estas murallas.Se virxe, ti has de ser nai,se esposa, a miña amada,se libre, por libre queroque digas: “velaquí a escrava”.—Velaquí a escrava, lle dixen.E quedóuseme a palabrasinxela, sinxelamenteno aire axeonllada.
(Versión ao galego do poema de José Luis Blanco Vega, collido do libro “...y tengo amor a lo visible”, Sal Terrae, Santander, p. 55).
Acción
Podemos ir planificando algo a celebración do Nadal. ¿Qué e cómo facer para que Xesús, o de Xesús, se faga algo vivo no medio de nós? ¿Cómo achegarnos algo á pobreza, como vivila nós mesmos dalgunha maneira, para facer aí presente o recordo de Xesús nado en pobreza para erguer do chan a pobreza.
21 de decembro: Luns da 4ª semana de Advento
1ª lectura: Sof 3, 14-18a
Salmo: 32, 2-3. 11-12. 20-21
Evanxeo: Lc 1, 39-45
Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
Meditación
É ben fermosa esa solicitude, esas présas de María por ir compartir coa súa parente Sabela o que estaba acontecendo na súa vida. É ben fermoso ver como tamén a Sabela se lle revolven as entrañas ao entrar en contacto coas cousas do Espírito. E de fondo está todo o que o Espírito é capaz de facer en nós, connosco, cando lle abrimos de par en par as portas do corazón, da vida.
Todas, todos estamos chamados a vivir e compartir cousas semellantes. Por Deus non queda. Polo Espírito non queda. De nós depende acoller ou non a proposta de Deus de deixar que as cousas do Espírito de Deus --todo o que ula a coidados e solidariedades-- tomen corpo, collan carne, na nosa existencia diaria. De nós depende gozar ou non compartindo entre nós o que o Espírito vai facendo florecer nas nosas vidas.
Oración
Bendita ti entre as mulleres, María visitadora,e bendito o froito do teu ventre, Xesús!Bendita ti, Sabela acolledora,por saberes captar e espallar os ecos do Espírito!Bendita a inmensidade de mulleresque xeraron e pariron vida de mil maneiras!Benditos todos nós,invitados a facer que a vida floreza nas nosas manspara ben, sobre todo, de quen de menos vida goce!
Acción
Visita a alguén que necesite ser visitada. Comparte bens materiais e espirituais que a vida che foi poñendo nas mans. E cantade algo xunt@s.
22 de decembro: martes de 4ª semana de Advento
1ª lectura: 1 Sam 1, 24-28
Salmo: 1 Sam 2, 1. 4-5. 6-7
Evanxeo: Lc 1, 46-56
Entón María exclamou:
--A miña alma proclama a grandeza do Señor, e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña.Velaí, desde agora todas as xeracións me van felicitar, porque o Poderoso fixo en min marabillas. Santo é o seu nome! A súa misericordia chega sempre a toda a xente que o honra.Manifesta todo o seu poder desbaratando os plans dos soberbios. Derruba os poderosos do seu trono e fai subir os humildes; enche de ben os famentos e despide baleiros os ricos.Ampara a Israel, o seu servo, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera aos nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu con ela (con Sabela) tres meses e logo volveu para a súa casa.
Meditación
Estamos invitados todos, todas, a participar na ledicia de María. A ledicia de María nace da súa conciencia de ser moi pouquiña cousa diante de Deus, pero moi pouquiña cousa querida e agraciada. Pouquiña cousa disposta toda ela para acoller as propostas liberadoras de Deus en favor de todo o seu pobo.
María ve que se realiza nela o que en verdade Deus viña realizando con todo o seu pobo, con toda a humanidade, ao longo dos séculos: unha ondada de paixón amorosa que o envolve todo, e que se manifesta expresamente na vontade de Deus de remediar a humanidade desde unha atención preferente polas necesidades e dereitos da xente máis débil. A salvación no vén desde o poder, desde a riqueza, senón desde a debilidade.
María vive e celebra este xeito de ser do Deus do seu pobo. Estamos invitados a participar, ben desde dentro de nós mesmas, desta ledicia de María.
Oración
Quen me dese pequeniño diante túa, meu Deus,asombrado pola humilde marabilla da túa forzaque non para de amosarse nos feitos miúdosda xente miúda que confía cegamente en ti!Quen me dese facerme música das túas fazañas,cantora en todos os escenarios da vidaonde o máis pequeno e humilde é valoradoe o máis poderoso e soberbio, rebaixado!Quen me dese levar no meu corazón a túa festa, Deus,e poder contribuír con ela á festa e ledicia do meu pobo!Quen me dese, Deus, quen me dese!Que ti me deas, que Santa María me dea!
Acción
Apúntate a algún festexo do Nadal, onde se poidan cantar, con voz crente ou non, as marabillas de Deus no medio do seu pobo.
23 de decembro: mércores da 4ª semana de Advento
Mal 3, 1-4. 23-24
Salmo: 24, 4bc-5ab. 8-9. 10 e 14
Evanxeo: Lc 1, 57-66
Cando se lle cumpriron os meses a Sabela, deu a luz un fillo. E oíron dicir os seus veciños e parentes con canta misericordia o Señor a favorecera, e compartían a súa alegría.
Aos oito días, foron circuncidar o meniño e queríanlle poñer de nome Zacarías, coma seu pai. Pero interveu a nai, dicindo:
—Non, chamarase Xoán!
Eles replicáronlle:
—Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!
Entón con acenos preguntáronlle ao pai do meniño como quería que se chamase. El pediu unha taboíña na que escribir e puxo:
Xoán é o seu nome.
Todos ficaron sorprendidos. E no intre a el ceibáronselle os labios e a lingua, e empezou a falar bendicindo a Deus. Os veciños quedaron todos abraiados e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa. E a xente que tales cousas oía dicía moi impresionada:
—¿Qué vai ser deste neno?
Porque a man de Deus estaba con el.
O meniño medraba e facíase forte de espírito; e viviu no deserto ata o día no que se manifestou a Israel.
Meditación
Os nomes tiñan un significado especial na vida das persoas e familias xudías. Con eles sempre se quería dicir algo, revelar algo do xa sucedido, do pasado que se quería manter vivo, ou expresar algún desexo, algunha ilusión, algunha esperanza cara ao futuro. Case sempre en clave relixiosa. Zacarías é un nome composto de dúas raíces: lembranza e Deus, Deus lémbrase, un nome moi acaído para a criatura nacida, porque Deus lembrárase da esterilidade de Sabela para remediala. Pero a nai preferiu o nome de Xoán, tamén de dúas raíces: Deus e misericordia. Todo o acontecido quedaba envolto na presenza misericordiosa de Deus, que en Xoán, o precursor de Xesús, iniciaba unha etapa nova, final, na que a misericordia de Deus había ser o feito máis sorprendente.
E iso é o que Lucas nos quere transmitir con este relato todo el orientado a nos ir preparando para o encontro coa presenza de Deus entre nós. Preparádevos para entrar en clave de misericordia. Preparádevos para lle abrir as portas a un Deus a quen lle vós lle doedes moito, a quen lle doen as persoas, a historia, os acontecementos, sobre todo cando polo medio hai pobrezas de todo tipo e marxinación. Preparádevos para acoller e practicar a misericordia, a solidariedade máis ampla e máis fonda, con vos mesmos, coa demais xente.
Oración
Grazas, Deus noso queridiño,por te lembrares de nós.Se un pai ou unha naison incapaces de esquecer a súa crianza,como te ías esquecer ti de nós,de cada un, de cada unha de nós,coa nosa particular graza e desgraza,co noso particular mérito e demérito!Grazas, Deus noso queridiño,por ser un Deus doído da túa creación toda,sempre disposto a acompañarnos con solicitude extremapara que nada da nosa rica humanidade se perda,para que a semente de divindade que inseriches en nósfrutifique nunha vida inocente, xusta, colmada, feliz.Deus da lembranza,Deus da misericordia,si, pon entre nós a túa tenda!
Acción
A parte de preparar as cousas materiais para o encontro e a celebración do Nadal, podemos dispoñernos tamén a esta celebración facendo memoria de persoas e grupos sociais significativos para nós, por proximidade, por fraxilidade, e dispoñernos tamén a entrar en feitos de solidariedade, recibida e dada.
24 de decembro: xoves da 4ª semana de Advento (Misa da mañá)
1ª lectura: 2 Sam 7, 1-5. 8b-12. 14a. 16
Salmo: 88, 2-3. 4-5. 27 e 29
Evanxeo: Lc 1, 67-79
Zacarías, o pai de Xoán Bautista, cheo do Espírito Santo, profetizou dicindo:
—Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, porque veu visitar e redimir o seu pobo, suscitando para nós unha forza de salvación na casa de David, o seu servo, conforme prometera dende antigo por boca dos seus santos profetas: que nos salvaría dos nosos inimigos e das mans dos que nos teñen odio; que tería misericordia dos nosos pais, tendo presente a súa Santa Alianza e a promesa que lle fixera a Abraham, noso pai, para concedernos que, libres das mans dos inimigos, o sirvamos con santidade e xustiza, na súa presenza, todos os días da nosa vida.
E a ti, meu meniño, hante chamar profeta do Altísimo, porque irás por diante do Señor, preparando os seus camiños, anunciándolle a salvación ao seu pobo mediante o perdón dos pecados E así, pola misericordia entrañable do noso Deus, amencerá dende o ceo un sol para nós: luz para os que viven nas tebras e xacen entre as sombras da morte, para guiar os nosos pasos polos camiños da paz.
Meditación
O que Zacarías, movido polo Espírito Santo, anuncia como inmediato para o pobo de Israel, ofrécesenos tamén a todos nós, a todos os pobos do mundo, na persoa de Xesús. O mundo todo, os pobos todos, as persoas todas, ti e máis eu entre elas, estamos metidos nesa rede amorosa, solidaria de Deus; un Deus que se preocupa pola súa creación, que xera dinamismos de coidados, de solidariedade, de xustiza, de santidade, para que con eses dinamismos vivamos e construamos día a día a nosa existencia, ante el, na luz, na paz. Deus xa está aquí, á porta, disposto a nacer para as nosas vidas, coma o sol que cada día, sen fallar, se ergue ante nós coa súa luz, coa súa calor. É o Nadal xa.
Oración
Bendito sexas, Deus noso,porque nos queres e nos visitas,porque non te esqueces de nós,porque es sempre pura misericordia.Bendito sexas, Deus noso,porque na persoa humildísima de Xesúsnos regalas unha potente forza de salvación:unha luz que mata as nosas escuridades,unha xustiza que afoga os nosos abusos,unha paz que anula as nosas violencias.Bendito sexas, Deus noso,porque ti nunca fallas ás palabras dadas,porque sempre estás aí,cando de ti precisamos.Que con Xoán Bautistasaibamos ir preparando os teus camiños.
Acción
No Nadal con frecuencia vemos propostas solidarias, cara á xustiza, cara á paz. Podemos participar nalgunha que nos pareza máis atinada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.