03 decembro, 2020

Tempo de Advento: 2ª semana




6 de decembro: Domingo 2 de Advento 

1ª lectura: Is 40, 1-5. 9-11. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14 
2ª lectura: 2 Pe 3, 8-14. 

Evanxeo: Mc 1, 1-8 

Comezo da Boa Nova de Xesús Cristo, fillo de Deus. Como está escrito no profeta Isaías: 

“Mira, mándoche por diante o meu mensaxeiro, para que prepare o teu camiño. Unha voz clama no deserto: preparade o camiño do Señor, endereitade os seus vieiros.” 

Presentouse Xoán bautizando no deserto e pregoando un bautismo de conversión, para lograr o perdón dos pecados. E ía onda el xente de toda a provincia de Xudea e de Xerusalén; confesaban os seus pecados e el bautizábaos no río Xordán. 

Xoán ía vestido cun manto feito de pelos de camelo e cun cinto de coiro arredor do van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. E proclamaba: 

--Detrás miña está a chegar o que é máis forte ca min ante quen non son digno de prostrarme para lle desatar os cordóns do seu calzado. Eu bautizo con auga, pero el havos bautizar con Espírito Santo. 

Comentario 

Empeza o Evanxeo de Marcos. Empeza a narración da noticia feliz de Xesús de Nazaré. Non é calquera cousa o que poderemos contemplar, paso a paso, durante este ano litúrxico. Unha narración desde a fe e para a fe. Quedamos invitados/as a escoitar, acoller, agradecer, obedecer a boa nova de Xesús, Cristo de Deus. 

Xoán Bautista aparece como profeta en tempos de crise social e espiritual, cando o pobo está desalentado. Unha situación distinta, pero, no fondo, moi próxima á nosa. 

É importante pararnos ante os diversos cadros que se nos ofrecen como evocacións significativas neste relato curto e simple: 

1. A presenza de Xoán, e logo a de Xesús, está vinculada a unha historia de apostas por parte de Deus en favor da xente marxinal, que experimentara exilios, dominios, abusos, desalentos... Deus segue polo mesmo camiño. Xoán veno testemuñar. 

2. O deserto é un espazo físico e espiritual, onde a persoa humana experimenta a súa limitación a tope, e onde, misteriosamente, por graza e agarimo de Deus, se experimenta, se pode experimentar, a totalidade, a abundancia de Deus. É moi fondo iso de facer unha experiencia de deserto. Moi fondo, moi humanizador. 

3. En Xoán hai un afán de busca e de apertura ao don de Deus: é libre ante o ter, o comer; intenta que esa liberdade lle chegue ata o máis fondo do seu ser, alí onde o mal nos pode paralizar; comparte a súa busca con outras persoas. Contaxia a quen a el se achega. 

4. Admite os límites da súa busca; hai outros/as, hai Outro/a que o completa enormemente. Humildade a tope, verdade a tope, liberdade a tope. Os fondos camiños do Espírito desbórdannos sempre; só quen soña con isto, chegará á experiencia de fillo/a de Deus. 

5. O marco onde vivir todo isto non é o templo; de feito os que vivían onda o templo achéganse a este espazo profano de Xoán. O marco onde vivir todo isto é a comunidade cristiá implicada na familia, na asociación, no partido político, nos centos de relacións que compoñen a nosa vida diaria. 

O que se nos propón é algo marabilloso: experimentar aí o gozo da Boa Nova de Xesús. 

Preces 

PREPARADE O CAMIÑO DO SEÑOR 

Que nos atrevamos a facer neste Advento unha experiencia de busca de Deus con humildade e total boa disposición. Oremos. 

Que nos deixemos axudar por Xoán Bautista e polos homes e mulleres que nos tempos de hoxe nos falan de Deus desde a pobreza e a xustiza das súas vidas. Oremos. 

Que escoitemos a súa voz na voz de quen traballa por facer máis digna a vida da xente marxinal. Oremos. 

Que a nosa comunidade cristiá sexa un espazo que contaxie paixón por Deus e paixón pola xente. Oremos. 

Que saibamos acoller e facer camiño cara ao Nadal coa xente parada, cos inmigrantes negros. Oremos. 

Pregaria 
Veña, imos onda Xoán, 
o do vestido con pelos de camelo, 
o do cinto de coiro arredor do van , 
o dos saltóns e mel bravo, 
o Xoán do deserto, 
que namorou a Xesús 
e a centos de veciños e veciñas súas. 

Veña, imos onda Xoán, 
espíndonos, baleirándonos, desapegándonos, 
liberándonos, 
co mínimo enriba, 
co mínimo por fóra, 
co mínimo por dentro. 

Veña, imos onda Xoán, 
confesar as nosas incoherencias 
de xente cristiá de fachada e verniz, 
de templo e andrómenas, 
que non pasa nada malo! 

Veña, imos onda Xoán, 
dispostos/as a todo, 
aos grandes soños, 
aos grandes amores, 
aos grandes pecados, 
aos grandes perdóns. 

Veña, imos onda Xoán, 
o tolo do deserto, 
con Xesús, coma Xesús, 
que o de Deus non cadra 
co noso afán de ben pensantes. 

Veña, imos onda Xoán, 
con total humildade, 
fiadas/os de Deus, 
que sabe da nosa pouquidade 
e das maneiras de abrila ata o infinito 
a carón da xente irmá. 

Veña, imos onda Xoán. 
Acción 

Sería ben fermoso poder facer unha experiencia de deserto, aínda que fose ben pequeniña. Por exemplo, ir sos dar un paseo por un lugar máis ou menos solitario; andar ou sentar, pero mirar algo para o noso interior, facer silencio, escoitar o noso propio corazón, o que nel resoe, crendo que Deus é quen de se nos facer presente á súa maneira, de nos falar. El quere implicarse connosco para atoparmos o noso mellor lugar na vida familiar, na casa común que facemos entre todas e todos. 


7 de decembro: Luns 2ª semana de Advento 

1ª lectura: Is 35, 1-10 
Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14 

Evanxeo: Lc 5, 17-26. 

Un día estaba Xesús ensinando e estaban alí sentados algúns fariseos e letrados que chegaran de todas as aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. El co poder do Señor curaba a xente. 

Nisto uns homes trouxeron nunha padiola un tolleito e miraban como metelo dentro para poñelo diante de Xesús. Pero, como non atopaban por onde o meter debido á moita xente que había, subiron ao tellado e baixárono co leito apartando as tellas, ata deixalo no medio, diante de Xesús. Vendo a fe que tiñan, dixo Xesús: 

--Home, quédanche perdoados os teus pecados. 

Os letrados e máis os fariseos empezaron a matinar: 

--Pero quen é este, que así blasfema? Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus? 

Xesús, decatándose do que pensaban, díxolles: 

--Que cavilades nos vosos adentros? Que é máis doado, dicir: “Perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “Érguete e anda”? Pois, para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados –díxolle ao tolleito--, falo contigo: érguete, colle a padiola e vaite para a casa. 

E así foi. Ergueuse no intre diante deles, colleu a padiola e marchou para a súa casa, loando a Deus. Todo o mundo quedou abraiado e cheos de temor loaban a Deus dicindo: 

--Hoxe vimos cousas nunca vistas! 

Meditación 

No Evanxeo de hoxe vemos por onde vai a fortaleza de Xesús. Parece certamente que Xesús tiña poderes especiais para curar algunhas veces algunhas enfermidades da xente, pero sobre todo tiña moito poder para entrar no fondo das persoas e renovalas, fose cal fose o deterioro que as comese por dentro. E ese é o Xesús que se nos anuncia e ofrece no Advento. 

Facemos ben en curarnos dos males do corpo, coidándonos nós, levando unha vida sa e esixindo uns bos servizos sanitarios para todo o mundo. É un deber que temos como seres humanos e fillos ou fillas de Deus que somos. 

Estaría ben que igualmente coidásemos o noso espírito, a nosa interioridade, o fondo do noso ser, procurando estar a ben, en paz, con nós mesmos, coa demais xente, coa natureza, con Deus. A nosa felicidade descansa na paz interior que teñamos, moito máis do que pensamos. Xesús ofrécesenos para axudarnos nesta tarefa. 

Oración 
Grazas, Xesús, pola xente que me fala de ti, 
pola xente que na vida me foi poñendo diante túa. 
Grazas porque te coñezo algo, 
porque te quero algo, 
porque teño experimentado algo 
o forte que es para facer de min unha persoa nova. 
Aquí estou diante túa, Xesús, 
para que entres ata o fondo do meu ser 
e me axudes a curar de todas as miñas doenzas. 

Acción 

Pensemos se en algo estamos abandonando o coidado do noso corpo ou do corpo da xente que vive connosco, e cambiemos. 

Pensemos tamén se en algo non poderiamos mellorar por dentro, no noso corazón, na nos paz interior, en querernos ben, no agarimo pola xente, na acollida, no respecto…, e miremos o que poderiamos facer para mellorar. 


8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción 

1ª lectura: Xén 3, 9-15. 20. 
Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3c-4. 
2ª lectura: Ef 1, 3-6. 11-12 

Evanxeo: Lc 1, 26-38 

Naquel tempo mandou Deus o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María. 

O anxo entrou onde estaba ela e díxolle: 

--Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo. 

Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel. 

O anxo continuou: 

--Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo ao que lle poñerás o nome de Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono do seu antepasado David; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin. 

María respondeulle ao anxo: 

--E como pode ser isto, pois eu son virxe? 

O anxo replicoulle: 

--O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, pois para Deus non hai imposibles. 

María contestou: 

--Velaquí a escrava do señor; que Deus faga comigo segundo me dixeches. 

E o anxo marchou de onda ela. 

Meditación 

O evanxeo fala de concepción de Xesús no ventre de María, e a festa que hoxe celebramos é a da concepción da mesma María no ventre da súa nai, que se chamaba Ana. Igual nos encerellamos un pouco con estas historias. 

Non é algo casual que a nai de Xesús fose unha muller de aldea. Na Biblia aparece moitas veces que a xente máis débil, pequena, sen poder social, acaba levando adiante as cousas grandes e fermosas de Deus. 

O relato non é para que nos enredemos en cousas de sexualidade. Non vai por aí o que o evanxeo nos quere dicir. 

O de María, o de Deus en María, o de Deus en calquera persoa que lle faga caso, vai sempre de humildes e grandes propostas acompañadas da forza do Espírito para poder realizalas. Se, como María, nos fiamos de Deus, calquera de nós podemos concibir e parir cousas entrañables, boas, que saben a Deus, que aledan, que cambian as parroquias, o mundo. María confiou, foi fiel. Nós tamén o podemos ser. Algo polo menos. 

Oración 
Que me saiba querid@ e saudad@ por ti, meu Deus. 
Que non me venzan os medos, os límites que teño. 
Que me saiba fiar de ti, do teu Espírito. 
Que me deixe levar por el ata onde el queira. 
Aquí estou, meu Deus, conta comigo. 
Acción 

É moi posible que haxa algo que che gustaría facer para mellorar as cousas da casa ou da comunidade ou da parroquia ou da sociedade en xeral. É posible que teñas medos e covardías que che estean impedindo levalo a cabo. Dá un paso adiante. Identifica ese medo, esa covardía, supéraa e bota a andar o que che gustaría facer. Poñeraste na onda de María, na onda do Espírito. 


9 de decembro: Mércores de 2ª semana de Advento 

1ª lectura: Is 40, 25-31 
Salmo: 102, 1-2. 3-4. 8 e 10 

Evanxeo: Mt 11, 28-30 

Unha vez dixo Xesús: 

--Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e a gobiadas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e de corazón humilde, e sentirédesvos aliviados. Porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga lixeira. 

Meditación 

Chama a atención a preferencia de Xesús. Diríxese especialmente á xente cansa e aflixida. Pero ¿quen non está cansa e aflixida nun momento ou noutro, por unha razón ou por outra? Por iso Xesús diríxese especialmente a ti, a min e a calquera que o escoita. 

Xesús promete alivio; el veu para darnos alivio, para axudarnos a ser persoas que levan alivio a cansos e aflixidos. Unha relixión que non alivie e axude a aliviar non é boa, non é cristiá. 

Oración 
Veño onda ti, Xesús, 
coas miñas canseiras e afliximentos 
que ti ben coñeces. 
Veño onda ti, 
desexando, agardando o teu alivio, 
porque es bo, 
porque tes un corazón grande coma o mundo, 
capaz de entendernos e acollernos sen medida. 
Que ti sexas, Xesús, 
o meu acougo cada noite, 
a miña forza cada mañá. 
Acción 

Párate a pensar nalgunha persoa coñecida que estea pasando por algunha situación de canseira ou afliximento. Non poderías ofrecerlle ti tamén, con Xesús, algo de alivio? Pénsao e faino. 

Pensa naquela cousa que a día de hoxe che está causando máis preocupación e angustia. Escríbea nun papel de forma resumida. Fai oración simplemente repetindo: Xesús, Xesús! 


10 de decembro: Xoves 2ª semana de Advento 

1ª lectura: Is 41, 13-20 
Salmo: 144, 1 e 9. 10-11. 12-13ab 

Evanxeo: Mt 11, 11-15 

Un día dixo Xesús: 

--Tede por seguro que non naceu ninguén meirande ca Xoán Bautista, aínda que o máis pequeno no Reino dos ceos é meirande ca el. 

Desde que veu Xoán Batista ata agora o reino dos Ceos sofre violencia e a xente violenta quere acabar con el. Todos os profetas e a Lei de Moisés eran profecía, ata que veu Xoán. E, se queredes crelo, el é o profeta Elías, o que tiña que vir. Quen teña oídos, que escoite. 

Meditación 

Todas, todos levamos no corazón o gusto pola honradez, polo coidado da xente débil, pola boa marcha da nosa familia, parroquia, cidade e País. Ese gusto e ese desexo bo fóronnolo pasando outros homes e mulleres que nos precederon; homes e mulleres que creron nesas cousas, que as promoveron, que loitaron por elas ata a mesma morte ás veces. 

Pero tamén é certo que hoxe, coma onte, tamén hai moita xente violenta que quere apagar eses desexos en nós, no mundo. E mesmo pode ser que nós mesmos ás veces reneguemos dese ben que tanto nos gusta. 

Xesús invítanos a que recapacitemos, a que tomemos partido e a que o fagamos con decisión. 

Oración 
Son débil, Xesús, 
ben o sabes. 
Gústame o ben 
nas súas moitas formas e cores, 
pero ás veces déixome levar polo mal 
e por quen o promove. 
Creo que a túa axuda 
non me ha faltar nunca. 
Que así sexa valente 
para vencer o mal en min 
e en quen con violencia o promove. 
Acción 

Pensa nalgún feito da vida, sucedido ao teu redor, no que entendas que se amosa algo do Reinado de Deus, do gusto de Deus, algo do que Xesús nos coa súa palabra e coa súa vida. Se podes, agradécello a quen tal cousa fixo. Se podes, fai ti tamén algunha cousa dese estilo. 


11 de decembro: Venres 2ª semana de Advento 

1ª lectura: Is 48, 17-19 
Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6 

Evanxeo: Mt 11, 16-19 

Unha vez dixo Xesús: 

-- Con quen compararía eu a xente deste tempo? Aseméllase á rapazada que se xunta para xogar nas prazas e discuten entre si dicindo: "Tocamos a frauta e non bailastes, cantamos cousas tristes e non chorastes". 

Porque veu Xoán, que nin comía nin bebía, e din que ten o demo no corpo; veu despois o Fillo do home, que come e bebe, e din que é un larpeiro e bebedor, amigo da xente pecadora e dos que cobran os impostos para Roma. Pero a sabedoría de Deus quedou acreditada polas súas obras. 

Meditación 

Xesús atopouse no seu tempo cunha xente que, entraran por onde lle entraran, sempre tiña escusas para non facer nada, para non implicarse en nada, no persoal e no social. Somos nós tamén así nos tempos de hoxe? Pois igual si. Vemos con frecuencia a xente queixándose de todo, pero, cando se lle propón participar nalgunha acción, nalgún grupo, nalgunha asociación para buscar remedios, cean para atrás, poñendo pegas a todo. 

E a sociedade pode ir máis ou menos mal, pero ao mesmo tempo cantas cousas ben boas non se nos ofrecen para poder aproveitalas, gozalas e mellorar con elas! Compañas, libros, actos culturais, educadores, guías espirituais, espazos naturais, música e un longo etcétera. Quen tivese todo isto noutras partes do mundo! Non nos deixamos levar por unha soberbia e por unha desgana destrutivas? 

Oración 
Xesús, 
ti es a gran oportunidade da miña vida, 
para facer e refacer a miña persoa, 
para aprender a situarme na sociedade e no mundo. 
Que saiba acollerte, Xesús, 
que saiba abrirche de par en par 
as portas do meu corazón, da miña vida toda. 
E que así ti fagas en min e a través de min 
todo o que ti es capaz de facer. 
Grazas, Xesús. 
Acción 

Repasa a túa vida. Hai algunha cousa á que te esteas negando por que si, por ser turrón, por preguiza, por non querer baixar do burriño? Hai algunha posibilidade de crecemento á que te esteas negando? Ofrécenche algunha oportunidade de medrar no coñecemento e na intimidade con Xesús e co seu espírito e estaste negando a iso? Pénsao. Fai algo. 


12 de decembro: Sábado 2ª semana de Advento 

1ª lectura: Eclo 48, 1-4. 9-11 
Salmo: 79, 2ac e 3b. 15-1º6. 18-19 

Evanxeo: Mt 17,10-13 

Un día preguntáronlle os discípulos a Xesús: 

--Por que din os mestres da lei que primeiro ten que vir Elías? 

Xesús respondeulles: 

-- Si, Elías tiña que vir para volver poñer todas as cousas en orde. Pero eu asegúrovos que Elías xa veu, e non o recoñeceron, senón que fixeron con el o que quixeron; do mesmo xeito o Fillo do home padecerá nas súas mans.. 

Entón comprenderon os discípulos que estaba falando de Xoán o Bautista. 

Meditación 

Segundo como tratamos a xente, así tratamos tamén a Deus. Se á xente non lle prestamos atención, non a escoitamos, non a valoramos, non a queremos, non a servimos, non pensemos que podemos escoitar, valorar, querer e servir a Deus, por moito que o digamos coas nosas palabras, cos nosos rezos, coas nosas cancións. A medida do divino en nós é o humano. 

Tamén pasa que ás veces aparecen na nosa vida persoas que teñen un don especial, persoas que rompen con rutinas de sempre, que propoñen cousas novas en calquera campo: no político, no social, no ensino, na relixión mesma. Son coma unha presenza divina especial no medio de nós. Frecuentemente estas persoas son mal vistas de entrada e sofren críticas e persecucións. Disto todos temos experiencia. Pechándonos a esa xente acabamos pechándonos ao Deus que nos visita. 

Oración 
Xesús, ti ensínasme a acollerte 
nas persoas que me acompañan na vida, 
e que demandan de min atención, escoita, servizo, 
cambio na miña maneira de ser. 
Ensínasme a acollerte nelas 
e dásme forzas para facelo. 
Que non me negue, Xesús, que non me negue. 
Que non te defraude. 
Acción 

É moi posible que teñamos deixado de lado a algunha persoa ou grupo que, cunha demanda ou con outra, se ten achegado á nosa vida ultimamente. Pensamos en como atender ben esa demanda como sinal da nosa vontade de acoller a Xesús polo seu Nadal. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.