11 decembro, 2020

Tempo de Advento: 3ª semana




13 de decembro: Domingo 3 de Advento 

1ª lectura: Is 61, 1-2a. 10-11. Salmo: Lc 1, 46-48. 49-50. 53-54 
2ª lectura: 1 Tes 5, 16-24. 

Evanxeo: Xn 1,6-8. 19-28 

Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todos cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz. e este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar: 
—¿Ti quen es? 
El declarou e non negou. Declarou: 
—Eu non son o Cristo. 
Preguntáronlle: 
—Entón ¿quen es ti? ¿Elías? 
Contestou: 
—Non son. 
—¿Es o profeta? 
Respondeu: 
—Non. 
Daquela dixéronlle: 
—¿E, logo, quen es?, para que poidamos darlle unha resposta aos que nos mandaron. ¿Qué dis de ti mesmo? 
El dicía: 
—Eu son a voz do que clama no deserto: endereitade o camiño do Señor (como escribira o profeta Isaías). 
Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle: 
—Entón, ¿por qué bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta? 
Xoán respondeulles: 
—Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que vén detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló da sandalia. 
Todo isto pasou en Betania, pola outra banda do Xordán, onde estaba Xoán bautizando. 

Meditación 

Xoán Bautista foi un personaxe moi significativo na traxectoria persoal de Xesús, da súa vida, da súa misión, moito máis seguramente do que transmiten os textos evanxélicos que leemos. A admiración era mutua. Os evanxeos ofrecen unha imaxe de Xoán Bautista integrada xa na perspectiva cristiá, onde Xesús é o centro, o importante, e Xoán ocupa un papel de servizo para a comprensión de Xesús e da súa misión. 

Formamos parte dunha sociedade en crise; todos coñecemos datos ben concretos que nola debuxan cun dramatismo angustioso. O do coronavirus, coas súas consecuencia sanitarias, económicas, sociais, é unha mostra máis, e nada pequena, desta crise. E o noso non é nada comparado co que pasa noutros países do mundo. Nunca nada do noso lle é indiferente a Deus. No Advento deste ano estamos acollendo a oferta dun Deus que coa súa presenza quere contribuír a levantar o noso ánimo, a poñer luz nas nosas escuridades, a devolvernos a alegría que se nos encolle no corazón. Sen escapes, cos pés ben chantados na terra. 

Xoán foi testemuña da luz, para que a xente descubrise a novidade de Xesús. A nosa misión como persoas cristiás nos días de hoxe, persoal e comunitariamente, é ser tamén testemuñas da luz, testemuñas da forza curadora, liberadora de Xesús. Con absoluta humildade. Con absoluto vigor. Xesús tampouco é indiferente ante calquera situación creada nos tempos que vivimos. En nós, a través de nós, máis alá de nós, a forza humanizadora de Xesús pode desenvolver todo o seu poderío. 

Podémonos preguntar pola fondura e calidade da nosa experiencia de Xesús, pois mal podemos testemuñar o que non vivimos. Podémonos preguntar pola fondura e calidade do noso testemuño. Véndonos vivir, coas opcións concretas que a vida demanda ante todo, ante todos e todas, ante o máis cotián, ¿adiviñarán os nosos veciños e veciñas que somos xente tocada, atraída, dinamizada, alegrada pola persoa de Xesús de Nazaré? 

Xoán Bautista está presentado coma un humilde admirador de Xesús, en quen el intuía unhas posibilidades desbordantes, un pozo sen fondo de vida, de esperanza. Mantemos nós esta fe admirada, expectante ante Xesús, ante todo o de Xesús? Quéimanos Xesús dentro, abrímonos diariamente á súa novidade, ofrecémolo á demais xente como o que é: unha grande esperanza para un pobo derreado e esmorecido? 

Preces 

QUE A TÚA LUZ, SEÑOR, ILUMINE AS NOSAS VIDAS 

Que gocemos agradecidos/as, coa túa presenza firme no centro das nosas vidas débiles. Oremos. 

Que nos deixemos levar polo teu Espírito en cada palabra que falemos, en cada acción que levemos a cabo diariamente. Oremos. 

Que as comunidades cristiás das que formamos parte, coa súa vida sobre todo, transmitan o teu vigor, a túa esperanza. Oremos. 

Que colaboremos coa xente encarcerada, parada, deprimida, enferma, e saibamos crear redes de vida e liberdade no teu nome. Oremos. 

Que os pobos pequenos do mundo deixen de ser abusados e explotados, que non nos deixemos engaiolar polos poderosos que queren impoñer as súas leis e comenencias. Oremos. 

Oración 
Quen son eu, Xesús, 
quen son eu? 
--podíanme preguntar tamén os meus veciños e veciñas, 
ou os mandos da Igrexa, 
como lle preguntaron a Xoán. 

Envoltos como andamos nunha situación cega, 
na que á xente máis débil lle toca apandar 
--coma sempre--, 
¿quen son eu, 
que digo eu, 
que fago eu, 
que represento eu, 
cara a onde apunto eu 
e comigo a comunidade cristiá da que formo parte? 

¡Canto desexo sentirme atraído por ti, 
coma Xoán! 
¡Ai, se a túa luz iluminase a fondo a viña vida, 
para descubrirme no pouco e moito que son: 
anaquiño de Deus presente nesta hora! 
¡Ai, se o teu vigor prendese no meu ánimo minguado, 
e o levase ata as ribeiras da ousadía, 
cada día, a cada hora, 
en servizo do pobo ao que me debo! 

Encantado por ti, coma Xoán, 
desbordado por ti, coma Xoán, 
desconcertado por ti, coma Xoán, 
humilde seguidor teu, 
que non sabe senón desatar amorosamente o amalló das túas sandalias, 
para que as túas pisadas de paz e liberdade 
sinalen limpamente na terra fría 
o camiño a andar, 
a carón dos meus veciños e veciñas, 
a carón da xente máis ferida. 

¡Ai, Xesús, 
por qué te quererei tanto! 

Acción 

O Nadal anda xa preto. Como persoa, pero tamén como grupo, como comunidade cristiá, igual podiamos preparar algún tipo de acción (comunicado, escrito, feito…), a través do cal poder compartir a paz e o vigor, a esperanza que desexamos vivir e compartir polo Nadal coa xente das aldeas e vilas nas que vivimos. 


14 de decembro: Luns 3ª semana de Advento 

1ª lectura: Núm 24, 2-7. 15-17a 
Salmo: 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9 

Evanxeo: Mt 21, 23-27 

Nunha ocasión entrou Xesús no templo e, mentres ensinaba, acercáronselle os sumos sacerdotes e máis os senadores do pobo para lle preguntar: 
—¿Con que autoridade fas esas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade? 
Xesús respondeulles: 
—Vouvos facer tamén eu a vós unha pregunta; e, se respondedes, dígovos eu tamén con que autoridade fago estas cousas: o bautismo de Xoán ¿de onde era? ¿Era cousa de Deus ou dos homes? 
Eles razoaban entre si dicindo: 
—Se respondemos que de Deus, preguntaranos: ¿entón por que non crestes nel? Pero se respondemos que dos homes, temémoslle ao pobo, porque todos teñen a Xoán por profeta. 
E contestáronlle a Xesús: 
—Non sabemos. 
Xesús replicou: 
—Pois tampouco non vos vou dicir eu con que autoridade fago estas cousas. 

Meditación 

No Advento cobizamos, lembramos, preparamos, a chegada de Xesús, o seu nacemento, a súa presenza viva entre nós. Coñecemos datos, cousas, efectos da súa chegada histórica hai máis de dous mil anos. Pero temos tamén a conciencia de que o Xesús total, o seu espírito, a súa fondura humana e espiritual, divina, está sempre por chegar ás nosas vidas dunha maneira completa. Somos crentes, ou non crentes, en espera, en busca, en preparación, en disposición cara a iso. Nesa busca o talante dos sumos sacerdotes e máis dos senadores do pobo non nos pode valer. Estaban moi montados no seu, e ante a pregunta de Xesús, que os podía iluminar, calan, escóndense, por medo a ter que recoñecer errores e trampas propias. Así non hai quen descubra a transcendencia de Xesús para as nosas vidas. ¿Canto diso podemos ter tamén nós? ¿Cantas veces evitamos escoitar voces alleas ou a mesma voz do noso interior, porque esas voces nos invitarían a facer cambios nas nosas vidas? 

Oración 
Quero ser honesto contigo, Xesús. 
Honesto contigo, 
honesto con toda a xente que me rodee, 
honesto comigo mesmo. 
Quero escoitar limpamente a túa voz, 
que resoa, pode resoar, 
en múltiples voces do meu entorno, 
que resoa no meu propio corazón. 
Quero buscarte con verdade, 
sen me facer trampas a min mesmo. 
Disposto a todo. 
Que a túa luz inunde de luz a miña vida. 
Acción 

¿Moi posiblemente máis dunha vez nos temos visto envoltos/as en situacións algo similares ás que conta o evanxeo de hoxe. Algunha persoa ou circunstancia que nos ilumina, e nós que tapamos os ollos para non ver, polo que nos supón. Retomamos algunha situación desas e sacamos conclusións. 


15 de decembro: Martes 3ª semana de Advento 

1ª lectura: Sof 3, 1-2. 9-13 
Salmo: 33, 2-3. 6-7. 17-18. 19 e 23 

Evanxeo: Mt 21, 28-32 

Nunha ocasión díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo: 
--¿Qué vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro e díxolle: “Meu fillo, vai traballar hoxe na viña”. El respondeu. “Non quero”; pero despois, arrepentido, foi. Foi onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: “Vou, señor; pero non foi. ¿Quen dos dous fixo a vontade do pai? 
Respondéronlle: 
--O primeiro. 
Entón díxolles Xesús: 
--Asegúrovos que os recadadores e máis as prostitutas entrarán no reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza e non lle fixestes caso; en cambio os recadadores e máis as prostitutas si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes. 

Meditación 

Esta pequeniña parábola contada por Xesús vai hoxe dirixida a nós, que estamos preparándonos para rememorar o nacemento de Xesús e dalgunha maneira actualizar a súa presenza entre nós, e así deixarnos coller polo espírito novo que el nos veu ofrecer. Tamén hoxe, coma onte, podemos facer trampa na nosa espera. Dicimos estar dispoñibles, pero logo desentendémonos. 

Seguen sendo un reto, tamén para nós, as palabras de Xesús: os recadadores (funcionarios de facenda daquela corruptos) e as prostitutas entrarán no reino de Deus, no meu mundo, na miña amizade, antes ca vós, por moito que figuredes como xente moi de Igrexa, incluso con cargos de responsabilidade nela. Podedes caer en autosuficiencia, en falsas seguridades, que vos pechen o acceso ao recoñecemento da vosa fraxilidade, e que vos leven a considerar innecesaria a presenza, a compaña de Deus, de Xesús. E iso por moito que digades, recedes, cantedes como que desexades a súa chegada. 

Oración 
¡Canta incoherencia nas nosas vidas, Xesús! 
¡Canto moito dicir: si, si, vou, vou, 
nas horas plácidas da pregaria, 
pero logo, na hora da vida, 
dámosche as costas 
para dicir cos feitos que non! 
E non imos, 
e non movemos un dedo o propio corazón, 
e non deixamos de mirar o irmán fráxil 
cos mesmos ollos indiferentes, 
e non suamos nada a camiseta 
na tarefa da vida, na tarefa de Deus. 
E así non hai Nadal posible. 
¡Que mágoa!, ¿verdade? 
¡Que acollamos hoxe a túa palabra de corrección! 

Acción 

Seguro que hai algunha cousa moi concreta, que ten que ver coa nosa maduración cristiá, persoal ou social, que estamos deixando de encarar. Deamos un paso adiante, para que o Nadal poida ser Nadal para nós. 


Mércores 3ª semana de Advento 

1ª lectura: Is 45, 6b-8. 18. 21b-25 
Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14 

Evanxeo: Lc 7, 19-23. 

Nunha ocasión chamou Xoán a dous dos seus discípulos e mandounos onda o Señor a lle preguntar: 
—¿Es ti o que ten que vir ou esperaremos por outro? 
Presentáronse, logo, onda el os dous homes e dixeron: 
—Xoán Bautista mándanos a ti, para preguntarche: ¿Es ti quen ten que vir ou esperaremos por outro? 
Naquela mesma hora curou a moitos de doenzas, padecementos e malos espíritos, e devolveulles a vista a moitos cegos. E logo deulles a resposta: 
—Ide e contádelle a Xoán o que acabades de ver e oír: os cegos ven, os coxos andan, os gafos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova. E ditoso quen non se escandalice de min. 

Meditación 

O ser de Xesús, a súa identidade máis limpa e fonda, a súa condición de movido e enviado por Deus, maniféstase na súa práctica solidaria, no seu amor concreto a persoas concretas que padecían males moi concretos tamén. Hai quen o pode entender e agradecerlle a Deus que as cousas sexan así; hai tamén quen por iso mesmo se pode sentir escandalizado, porque esperarían de Deus non sei qué cousas e historias sublimes. Pero Deus é así. Xesús é así. 

Isto pódenos axudar a abrir os ollos e o corazón, para que poidamos preparar e celebrar con acerto o encontro con Xesús polo Nadal. Coñecemos cales son os camiños, as prácticas polas que el se manifesta; sabemos tamén os lugares, as prácticas onde de verdade nos poderemos atopar con el. E, se nós somos desas persoas malferidas da vida, daquela ditosas nós, porque a nosa propia vida converterase nun espazo directo de encontro con Xesús e coa súa acción humanitaria, divina. Nós seremos o berce do Nadal. 

Oración 
Ai, Señor, Señor, 
que me deixe levar por ti! 
Que me deixe sorprender 
e conmover 
polas túas prácticas solidarias! 
Que sexa aí, 
no silencio dos coidados, 
onde te descubra, 
te acolla, 
te sirva! 
E así, 
vulnerable eu coa xente vulnerable, 
poida celebrar con gozo o teu Nadal. 

Acción 

Se podemos, acheguémonos a algunha persoa, a algunha situación social marcada pola fraxilidade. Acheguémonos no nome de Xesús, no propio nome das persoas concretas que así viven. E vaiamos practicando xa o Nadal. 


17 de decembro: xoves da 3ª semana de Advento 

1ª lectura: Xén 49, 2. 8-10 
Salmo: 71, 2. 3-4ab. 7-8. 17 

Evanxeo: Mt 1, 1-17 

Libro da xenealoxía de Xesús Cristo, fillo de David, fillo de Abraham. Abraham xerou a Isaac. Isaac xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xudá e máis os seus irmáns. Xudá, de Tamar, xerou a Peres e máis a Zarán. Peres xerou a Esrón. Esrón xerou a Arán. Arán xerou a Aminadab. Aminadab xerou a Naasón. Naasón xerou a Salmón. Salmón, de Rahab, xerou a Booz. Booz, de Rut, xerou a Obed. Obed xerou a Iexé. Iexé xerou o rei David. 

David, da que foi muller de Urías, xerou a Salomón. Salomón xerou a Roboam. Roboam xerou a Abías. Abías xerou a Asá. Asá xerou a Ioxafat. Ioxafat xerou a Ioram. Ioram xerou a Ozías. Ozías xerou a Iotán. Iotán xerou a Acaz. Acaz xerou a Ezequías. Ezequías xerou a Menaxés. Menaxés xerou a Amón. Amón xerou a Ioxías. Ioxías xerou a Ieconías e máis os seus irmáns, en tempos da deportación a Babilonia. 

Despois da deportación a Babilonia, Ieconías, xerou a Xealtiel. Xealtiel xerou a Zerubabel. Zerubabel xerou a Abiud. Abiud xerou a Eliaquim. Eliaquim xerou a Eliud. Eliud xerou a Elazar. Elazas xerou a Matán. Matán xerou a Xacobe. Xacobe xerou a Xosé, esposo de María, da que naceu Xesús, chamado Cristo. 

Foron, logo, catorce as xeracións dende Abraham ata David, catorce tamén dende David ata a deportación de Babilonia, e catorce dende a deportación de Babilonia ata Cristo. 

Meditación 

Con esta cadea humana, certamente artificial, o evanxelista Mateo fálanos de Xesús como formando parte de dúas realidades: é humano, totalmente humano, tras del hai toda unha cadea ascendente que se remonta ao principio dos tempos; tal como nos pasa a calquera de nós. E ademais forma parte dunha longa tradición relixiosa, que paso a paso, con moitas fidelidades e infidelidades polo medio, foi avanzando e se fixo manifesta e lúcida no mesmo Xesús; tal como nos pasa tamén a calquera de nós, aínda que en nós, a lucidez non sexa tanta, e deixemos en escuridade o que para Xesús foi luz e transparencia plena. No material e no espiritual, na totalidade do noso ser, somos o froito de moita busca, de moito sacrificio, de moito gozo, de moito amor, que tanta xente, empezando polos nosos pais, nais, avós, avoas, foron poñendo ao noso servizo. No principio e no final deste recorrido histórico está Deus. Por iso o normal é que sexamos persoas moi, moi humildes, e moi, moi agradecidas. 

Oración 
Grazas, meu Deus, 
por seres a fonte disto marabilloso 
que somos; 
por ser a forza que nos lanza 
e o colo que nos acolle. 
Grazas por todos os homes e mulleres, 
que deron sangue e vida por nós. 
Grazas por Xesús, 
o máis humilde, o máis excelente. 
Sempre así, meu Deus, 
absolutamente humilde, 
absolutamente agradecida. 

Acción 

Podemos repasar no que poidamos a lista dos nosos ascendentes, homes e mulleres que nos permitiron ser o que somos. Ver as súas fotos, recordar os seus feitos, adiviñar os seus soños e amores, dos que nós somos herdeiros/as. Agradecer as súas vidas. 


18 de decembro: venres da 3ª semana de Advento 

1ª lectura: Xer 23, 5-8 
Salmo: 71, 1-2. 12-13. 18-19 

Evanxeo: Mt 1,18-24 

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; pero antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, como non a quería aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Xa tiña pensado facelo así, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños dicíndolle: 
—Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida, que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. María dará a luz un fillo e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados. 
Todos isto aconteceu para que se cumprise o que dixera o Señor por boca do profeta: 
Mirade, a virxe concibirá e dará a luz un fillo, 
e poñeranlle de nome Emmanuel 
(que quere dicir "Deus connosco"). 
Acordou Xosé do seu soño, fixo tal como lle mandara o anxo do Señor e levou consigo a súa prometida. 

Meditación 

Os primeiros homes e mulleres cristiás quedaron moi impresionadas pola figura de Xesús, pola súa palabra, pola súa vida totalmente fiel a Deus, totalmente entregada en servizo á xente, e preguntáronse como sería posible que un home así dese aparecido entre nós, que normalmente somos tan fráxiles, tan inconsistentes, tan atentos ao noso e punto. E chegaron á acertada conclusión de que Xesús non podía ser froito máis ca do Espírito Santo de Deus, que obra a través da normalidade humilde da vida: María, Xosé, os soños... 

Este evanxeo ademais pode animarnos a non desesperar ante situacións complicadas que poidamos ter na vida. Invítanos a non acelerarnos, a escoitar o noso corazón, a acoller a palabra doutras persoas amigas que poden facer para nós como de anxos de Deus, a confiar en Deus, e por onde menos se espera xurdirá a luz. Porque é certo que Deus é sempre un Deus con nosoutros. 

Oración 
Grazas, meu Deus, 
por teres acompañado a Xosé, a María, 
e a tantos homes e mulleres ao longo da historia. 
Grazas por seres un "Deus connosco", 
alguén sempre achegado a nós, 
sempre preocupado por nós, 
sempre disposto a acompañarnos, 
a abrir camiños, 
a anunciar auroras, 
a abrir esperanzas. 
Grazas, meu Deus, grazas. 

Acción 

Se tes algunha dúbida sobre que facer ou non facer acerca de algo de certa importancia, non deixes de compartilo con alguén que che ofreza confianza. A luz de Deus chéganos con frecuencia a través de persoas que nos acompañan na vida. 


19 de decembro: sábado da 3ª semana de Advento 

1ª lectura: Xuí 13, 2-7. 24-25a 
Salmo: 70, 3-4a. 5-6ab. 16-17 

Evanxeo: Lc 1, 5-25 

Houbo no tempo de Herodes, rei de Xudea, un sacerdote chamado Zacarías, do grupo de Abías, casado cunha muller descendente de Aharón, chamada Sabela. Ambos eran xustos ante Deus, pois gardaban sen fallas os seus mandamentos e preceptos. Non tiñan fillos, por ser Sabela estéril e estaren os dous moi entrados en anos. 

E resulta que, estando el exercendo o sacerdocio cos da súa quenda diante de Deus, tocoulle entrar no Santuario do Señor para ofrecer o incenso de acordo co ritual, mentres a xente do pobo facía oración fóra. Nisto, aparecéuselle de pé un anxo do Señor á dereita do altar do incenso. Ao velo, Zacarías turbouse todo e encheuse de temor. Mais o anxo díxolle: 

—Non teñas medo, Zacarías, que foi escoitada a túa petición, e Sabela, a túa muller, vaiche dar un fillo e vaslle chamar Xoán. Será para ti gozo e alegría e moita xente se alegrará polo seu nacemento. Será grande ante o Señor e non beberá nin viño nin licor. Desde o mesmo ventre da súa nai estará cheo do Espírito Santo. Converterá a moitos fillos e fillas de Israel ao Señor, o seu Deus. Camiñará diante del co espírito e poder de Elías, para reconciliar pais e fillos, para ensinarlles aos rebeldes o proceder dos xustos e preparar así un pobo ben disposto para o Señor. 

Preguntoulle Zacarías ao anxo: 

—E ¿que probas diso me dás a min, que xa vou vello e a miña muller tamén xa pasa dos anos? 

O anxo respondeu: 

—Eu son Gabriel, o que estou preto de Deus; el envioume para falar contigo e darche esta boa nova. E fíxate ben, vas quedar mudo e non poderás falar ata o día no que aconteza todo isto, xa que non criches nas miñas palabras que se han cumprir no seu tempo. 

E, mentres, o pobo agardaba por Zacarías e estaba sorprendido de que se demorase tanto dentro do Santuario. Cando por fin saíu, non podía falar, e a xente comprendeu que tivera algunha visión no Santuario. El facíalles señas, pero non falaba. 

Cando rematou o tempo do seu servizo, foi para a súa casa. Días despois concibiu a súa muller Sabela, que durante cinco meses estivo escondida, dicindo para si: 

—Isto é obra do Señor, que se dignou librarme desta miña vergonza pública. 

Meditación 

Se Xesús non podía senón ser cousa do Espírito, algo semellante pasou con Xoán o Bautista; tampouco aquel home xusto, que tanto tivo que ver na madureza humana e espiritual de Xesús, podía ser tal sen que a forza do Espírito andase polo medio. E o evanxeo cóntanolo así, con tanta graza, imaxinación e fondura a un tempo. 

Este evanxeo invítanos a implicar toda a nosa vida en todo o que sexa xusto. Invítanos tamén a fiarnos de Deus sen medida, poñendo nas súas mans todas as nosas aflicións e vergonzas. Invítanos a crer que por debaixo da normalidade e do peso diario da vida podemos palpar e vivir unha presenza do Espírito de Deus, dando paz, dando forza, abrindo camiños onde todo parecía estar completamente pecho. Ese Espírito con frecuencia ten nome de persoas moi concretas que nolo fan evidente. Isto é o que fai posible que o Nadal exista. 

Oración 
Grazas, Pai noso, Nai nosa, 
porque nos acompañas coa túa forza 
nas horas de angustia e debilidade. 
Grazas porque nunca nos deixas da túa man, 
por moi mouras que se poñan as cousas. 
Nesta hora de incerteza 
para a xente que queremos vivir e crer na aldea, 
que saibamos acoller o teu Espírito 
e colaborar con el, 
que saibamos acoller propostas novas 
que xente con espírito nos transmite 
e colaboremos tamén con ela. 

Acción 

Se sabes dalgunha persoa que estea pasando por un mal momento, achégate a ela e, como mellor poidas, dálle o teu apoio e invítaa a confiar tamén no apoio que Deus mesmo lle dá. 





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.