12 decembro, 2020

Fratelli tutti: pregaria 1




PREGARIA 1 
(Presentación da encíclica) 
Manuel Regal Ledo


Fratelli tutti, 
todas irmás e irmáns conxuntamente, 
en familia, 
así é á casa común, 
así é o mundo ao que o Papa no nome de Deus nos invita. 

Ese é o soño eterno de Deus, 
que tantas veces nos soa a delirio. 
Ese é o soño presente de Deus 
para o noso mundo en tantos momentos crispado e violento, 
canso, esgotado, ferido de pandemia. 
Ese é o imposible soño humano 
que co alento de Deus se fai posible. 
Ese é o soño ao que Deus nos invita 
como tarefa común, 
como gozo e festa común. 

Todos irmáns e irmás, 
en todo e para todo, 
nas oportunidades de traballo e de vida, 
no ledo compartir das mesas abastecidas, 
na festa dos afectos e namoros, 
na saúde, na enfermidade, na morte, na postmorte, no ceo. 

Soño sen limite ningún, 
nin de espazo, nin de tempo. 
Soño no que entramos todos os seres 
animados e inanimados. 
Soño sen exclusións de ningún tipo, 
por ningunha razón, 
sen máis preeminencias que a do máis amor, 
a do máis servizo ao fogar común. 

Soño espiritual e histórico, 
soño realista, 
inocente, pero non inxenuo, 
tecido día a día coas engrenaxes cotiás 
da economía, da política, 
das relacións entre pobos, culturas e nacións; 
e tamén cos vínculos diarios 
das relacións, dos afectos, dos coidados mutuos, das amizades. 

Soño humano e divino a un tempo, 
soño evanxélico, con Xesús como forza, exemplo e guía. 
A este soño estamos invitadas, invitados polo Papa 
no nome de Deus 
que eternamente nos fixo e quixo irmás, irmáns. 
Apuntámonos a este soño con Deus, con Xesús, co Papa Francisco?


1 comentario:

  1. Bo día, quería compartir algo sobre o prólolo de Fratelli tutti.
    Gustoume o que di no n. 2 de que dedica esta carta á fraternidade e á amizade social. Paréceme importante xuntar as dúas cousas: fraternidade con amizade social, para non idealizar o amor, cousa á que tendemos moito na Igrexa; e amizade social con fraternidade para non espir a acción social de afectos e sentimentos, que son tan importantes sempre.
    Tamén me gustou no n. 3 que se recorde o xesto de Francisco de Asis, tan significativo naqueles tempos de tanta agresividade, cando a cristiandade non pensaba máis ca en matar sarracenos, Francisco totalmente contra corrente, vai e fala, seguindo aquela idea súa de "non promover disputas nin controversias". Ai, canto falla nos fai isto no campo eclesial e xa non digamos no civil, político.
    Gústame tamén moito iso de abrir o amor fraterno a todo o mundo (n. 6), porque hai máis mundo ca Galicia, España, ca o próspero occidente, aínda que hoxe esteamos como estamos polo Covid-19. E tamén me encanta iso de "soñar xuntos" do n. 8.

    ResponderEliminar

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.