21 xaneiro, 2021

Tempo Ordinario: 3ª semana

 


24 de xaneiro: Domingo 3º do Tempo Ordinario 

1ª lectura: Xon 3, 1-5. 10. Salmo: 24, 4bc-5ab. 6-7bc. 8-9 
2ª lectura: 1 Cor 7, 29-31 

Evanxeo: Mc 1, 14-20 

Cando prenderon a Xoán marchou Xesús a Galilea e anunciaba o Evanxeo de Deus, dicindo: 

—O tempo está cumprido e chega o reino de Deus; convertédevos e crede no Evanxeo. 

Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e máis a André, o irmán de Simón, que estaban largando o aparello no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús: 

—Vinde comigo e fareivos pescadores de persoas. 

Eles deixaron de contado as redes e seguírono. 

Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e máis a Xoán, seu irmán; tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E de seguida os chamou. Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos xornaleiros e marcharon con el.

Meditación 

O prendemento de Xoán Bautista, con quen Xesús mantiña unha sólida relación de afecto e de misión, marca o momento, ao que parece, da posta en marcha do proxecto de Xesús. Volve a Galilea, a súa terra, e volve convencido dalgunhas cousas básicas que quere compartir cos seus veciños e veciñas. 

O anuncio que empeza a facer Xesús resúmese na palabra "Evanxeo", é dicir, "Boa Nova". Evanxeo de Deus, Boa Nova de Deus. Pero esta Boa Nova de Deus non é algo arbitrario, desconectado do que a xente a quen Xesús lle fala está vivindo e padecendo. 

Esta Boa Nova de Deus anúnciaa Xesús nunha terra que coñece perfectamente, a unha xente oprimida, deprimida e derreada, á que lle custaba manter en pé día a día o lapexar da esperanza. Con esa xente se compromete solicitamente Deus --iso anuncia Xesús--, e ao lado desa xente quere estar coma Boa Nova, coma resposta ás expectativas fondas que aínda abrigaba no seu corazón. Xesús préstase a facer evidente esa solicitude de Deus. 

Xesús a esa Boa Nova de Deus chámalle tamén "chegada do Reino de Deus". O Reino de Deus é un plan de vida persoal e social no que a xente poida vivir unha vida integrada, humana a fondo, sen sufrir abusos e sen causalos, en honradez fonda, en loita contra as forzas de mal que intentan roubarnos a paz e a alegría de vivir. Era, por fin, o tempo e a oportunidade de poder estrear estes soños. Este soño eterno de Deus para todos e cada un de nós, homes e mulleres de onte e de hoxe. 

Xesús non é inxenuo. Ben sabe que o que impide a realización deste soño non está soamente nos grandes poderes, de onte e de hoxe, que están por riba de nós. Está tamén no noso mesmo corazón, que padece as consecuencias dunha realidade social desamañada, pero ao mesmo tempo, misteriosamente, aposta polos mesmos males que lle están amargando a vida. Poderiamos poñer mil exemplos da nosa experiencia de cada día para entender que isto é así: queixámonos da violencia, e exercémola diariamente nos espazos curtos nos que nos movemos; queixámonos do afán acaparador dos banqueiros, pero, se podemos, apuntámonos con facilidade a calquera recurso que permita aumentar os nosos ingresos; protestamos de que as cousas da economía van mal, pero igual votamos a quen máis defende modelos económicos fondamente insolidarios. Por iso Xesús acompaña a súa oferta de Boa Nova cunha chamada urxente a converterse, é dicir, a modificar modos de pensar e de actuar que contribúen a amargarnos a vida. Os soños de Deus para nós contan coa nosa implicación imprescindible. Deus confírmanos na aposta radical: isto é posible, xa. 

Por iso o anuncio de Xesús conclúe con estas palabras: "crede na Boa Nova", é dicir, crede que isto é posible, que as forzas de mal, persoais e colectivas, sociais e políticas, que poden imposibilitar a realización dos soños de Deus e dos soños da xente conxuntamente non son invencibles. E crelo desde a aposta diaria por pequenas batallas, por pequenas vitorias nas que se realice e anticipe xa esa expectativa última da vida humanizada e fraterna, en Deus, que Xesús levaba no seu corazón e anunciaba coa súa palabra. 

O Evanxeo de hoxe, na súa segunda parte, fala de como Xesús, desde o primeiro momento, busca xente que se asocie á súa idea, á súa tarefa; xente coa que iniciar xa esa experiencia nova de relación, de convivencia, baixo a luz de Deus. A algunha xente a persoa de Xesús e a súa proposta de vida e de loita pareceulle tan estupenda, que non recearon en deixalo todo para apuntarse á aventura de Xesús, con el. 

O Evanxeo de hoxe ten unha actualidade absoluta. Moita xente da nosa sociedade está experimentando a fraqueza de vivir, cousa que ata hai poucos anos nin nos imaxinabamos. Mesmo nos pode valer para comprender a realidade doutros pobos e persoas que de sempre viviron en crise. Coma nunca pode ter sentido e actualidade a persoa e a proposta de Xesús. Coma nunca é do caso propoñernos apuntarnos ao de Xesús, a soñar, a realizar diariamente os soños levados da súa man humilde, sabia e profética. 

Preces 

VINDE COMIGO A GAÑAR XENTE PARA A IRMANDADE 

No medio da crise, con xente sen o pan de cada día, vendo como se lle reducen pouco a pouco os seus dereitos humanos, escoitamos, Xesús, a túa chamada que nos di: 

Coñecendo e admirando a moitas persoas crentes e non crentes que dedican o seu tempo, a súa vida, a aliviar as penas de quen sofre de calquera maneira, escoitamos, Xesús, a túa chamada que nos di: 

Na nosa vida de cada día, na casa, cos veciños, na xunta parroquial, na reunión do sindicato ou do grupo político, cando tentamos poñer o noso gran de area para mellorar a vida de quen nos rodea, escoitamos, Xesús, a túa chamada que nos di: 

Sabendo que cada un/unha de nós temos as nosas calidades boas para o servizo da comunidade, sabendo tamén que moitas veces nos tenta a comodidade e atender ás propias comenencias, escoitamos, Xesús, a túa chamada que nos di: 

Porque fan falla comunidades cristiás vivas, que queiran sumarse con valentía á misión de Xesús de poñer en activo a forza, a novidade de Deus entre a xente, escoitamos, Xesús, a túa chamada que nos di: 

Oración 
Andamos, Señor, ben o ves, 
cos ánimos tirados polos chan. 
Xente resignada somos; 
eufórica come-mundos 
cando todo nos ía de marabilla, 
e viviamos coma reis 
ignorando a sorte dos ignorados/as, 
compartindo, se cadra, algunha sobra 
por aquilo de poder durmir tranquilos/as, 
ou, simplemente, de aliviar a casa de cousas que ata estorbaban. 

Pero agora tocounos a nós, 
e estamos desarmados/as; 
os nosos familiares e amigos están no paro, 
ou nós mesmos; 
os nosos fillos e fillas non atopan traballo, 
nin hai trazas diso; 
non temos calo para o aguante, 
nin rabia para a protesta, 
nin ilusión para os soños. 
Só espera, a amarga espera, 
de que alguén veña do ceo ou da terra 
e nos solucione as cousas, 
no nome de Deus ou do demo, 
no nome do mercado oprimente 
ou da caridade bondadosa. 
E as cousas volvan así ao seu rego, 
e poidamos seguir sendo dos privilexiados/as do mundo, 
así sexa apañando as faragullas do capital. 

Poderemos crer nos teus soños, Señor? 
Saberemos abrir os ollos, 
para non tropezar sempre na mesma pedra, 
virar as nosas ideas, os nosos feitos 
e poñelos ao servizo dunha sociedade nova, 
onde cada home, cada muller, 
todo home, toda muller, 
poida pronunciar orgullosamente o seu nome 
e orgullosamente tamén o nome de calquera ser humano 
de preto ou de lonxe? 

Ti, Señor, o berce de todos os soños! 
A comunidade cristiá, Señor, 
a terra fértil onde prendan e frutifiquen os teus soños! 
Señor, Señor, 
ben o ves, Señor, 
ben me ves, Señor! 
Acción 

Estamos formando parte dalgún grupo, asociación, partido político, ou organización, intentando dar pasos na transformación fraterna do noso mundo? Ou acaso receamos facelo, por comodidade, ou por calquera outra razón? 


25 de xaneiro: festa de Conversión de San Paulo 

1ª lectura: Feit 22, 3-16. Salmo: 116, 1. 2 

Evanxeo: Mc 16, 15-18 

Díxolles Xesús aos seus discípulos: 

—Ide polo mundo enteiro anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice, salvarase; quen non crea, condenarase. As persoas que crean irán acompañadas destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas; collerán serpes coas mans e, se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán. 

Meditación 

Paulo cambiou na noite para a mañá, pasou de ser un perseguidor das persoas que se dicían cristiás e converterse nun namorado de Xesús e a falar del en todo momento e lugar. Todo isto cóntase no libro dos Feitos dos Apóstolos cunha linguaxe algo milagreira, pero o certo é que Paulo vese iluminado, cae na conta do significado da persoa de Xesús, dedica un tempo a contrastar e madurar a súa experiencia, e logo dedica a súa vida a espallar o nome de Xesús. Algo marabilloso, pero dentro da normalidade de calquera vida humana. Por iso tamén nós podemos aspirar a esa iluminación que o Espírito facilita gratuitamente. 

Os sinais das persoas crentes das que fala o Evanxeo poden entenderse así: loitarán contra todo o que destrúa e rebaixe a xente; o seu falar é un falar que sabe a novo, a alternativo, a soños creativos; son ousados, non se encollen ante as dificultades máis bravas; teñen capacidade para pasar por horas escuras sen fundirse; teñen vida, forza, e capacidade de transmitila a quen dela carecen. 

Oración 
Grazas por Paulo, meu Deus, 
grazas por todas as persoas honestas; 
grazas pola xente que actúa conforme ás súas conviccións; 
grazas polas persoas abertas ao Espírito, 
e capaces, polo tanto, de renunciar ao que crían sagrado; 
grazas pola xente que cambia, 
de coherencia en coherencia; 
Grazas polo teu Espírito, meu Deus, 
capaz de facer en nós cousas marabillosas. 
Acción 

Paulo estaba obcecado, cego, coa súa maneira de entender a Deus. Logo cambiou. Non estarás tamén ti obcecado, cego, nalgunha cousa relixiosa ou non relixiosa? Non te estarás resistindo á luz do Espírito, que é sempre vivo, creativo, innovador? 


26 de xaneiro: Martes da 3ª semana do Tempo Ordinario 

Ano 1: 1ª lectura: Heb 10, 1-10. Salmo: 39, 2 e 4ab. 7-8a. 10. 11 
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 6, 12b-15. 17-19. Salmo: 23, 7. 8. 9. 10 

Evanxeo: 3, 31-35 

(Estando Xesús falando cos letrados), chegan súa nai e máis os seus irmáns, e mandárono chamar desde fóra. Era moita a xente que estaba sentada arredor del e fóronlle dicir: 

—Aí fóra están túa nai e máis teus irmáns, que te veñen buscar. 

El preguntoulles: 

—Quen é miña nai e quen son meus irmáns? 

E, mirando a xente que estaba sentada arredor del, dixo: 

—Velaí a miña nai e máis os meus irmáns, pois o que cumpra a vontade de Deus, ese é o meu irmán, a miña irmá ea miña nai. 

Meditación 

A nai e os irmáns de Xesús véñeno buscar, seguramente porque consideraban, como vimos hai poucos días, que perdera algo o sentido, polas cousas nas que se andaba metendo, desafiando incluso os líderes relixiosos do pobo. A súa nai, María, parece que tamén ela pasou por esta desconfianza respecto do seu fillo Xesús. Tivo que ser unha situación complexa para Xesús. 

Xesús tíñao moi claro: vale, hai a familia de sangue que cómpre respectar: convivimos nela, aportámonos moito, gozamos moito no seu seo; pero para Xesús as persoas non nos podemos quedar pechadas nese cativo círculo familiar. As persoas gañamos en fondura e felicidade cando nos poñemos á escoita dispoñible de Deus, que é esa presenza maior que nos chama a establecer vínculos abertos, libres, solidarios, con toda a xente, coa comunidade, coa natureza. Estaría ben que a familia de sangue fose unha aprendizaxe para introducirnos nestoutra familia de quen escoita e cumpre o querer de Deus. 

Oración 
Grazas pola miña familia, meu Deus, 
por todas as persoas que a compoñemos, 
cada unha coa súa graza e coas súas fraquezas. 
Grazas polos coidados que nos dámos, 
polos apoios que nos ofrecemos, 
polo perdón que nos regalamos. 
Pobriña a xente, meu Deus, 
que non conta con familia 
ou que a ten rota e malpocada! 
Tamén esa xente, disme ti, 
tamén esa xente é a túa familia. 
Grazas, meu Deus, pola miña familia así ampliada. 
Acción 

Podes revisar como te estás levando coa xente da casa, por se necesitas mellorar en algo a relación con algunha persoa da casa. E fas algo por integrarte nesa familia maior que Xesús nos propón a todas e todos? Poderías avanzar algo por aí? Pénsao. 


27 de xaneiro: Mércores da 3ª semana do Tempo Ordinario 

Ano 1: 1ª lectura: Heb 10, 11-18. Salmo: 109, 1. 2. 3. 4 
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 7, 4-17. Salmo: 88, 4-5. 27-28. 29-30 

Evanxeo: Mc 4, 1-20 

Xesús púxose de novo a ensinar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao seu carón, que tivo que subir para sentar nunha barca fondeada no mar, mentres o xentío estaba en terra, na ribeira. Ensinoulles moitas cousas en parábolas e instruíaos así: 

—Escoitade: unha vez saíu un labrador a sementar. E resulta que, ao botar a semente, parte dela foi caendo polo camiño adiante: viñeron os paxaros e comérona. Outra caeu entre as pedras, onde a penas había terra; e naceu de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimouna e, como non tiña raíz, secou. Outra parte caeu na silveira e, ao medraren as silvas, afogárona e non a deixaron dar froitos. Outra caeu en boa terra; naceu, creceu e chegou a dar froitos: o trinta, o sesenta e aínda o cento por un. 

E concluíu: 

—Quen teña oídos para oír, que escoite. 

Máis tarde, cando ficou só, os que o acompañaban xunto cos doce, preguntáronlle polas parábolas. El respondeu: 

—A vós concedéusevos coñecer o misterio do Reino de Deus; pero aos de fóra soamente en parábolas, de tal xeito que mirar miren, pero non vexan; escoitar escoiten, pero non entendan, non sexa que se convertan e se lles perdoe. 

E continuou: 

—Se non comprendedes esta parábola, como ides comprender todas as outras? O sementador sementa a palabra. As do camiño son aquelas persoas nas que se sementa a palabra, pero, cando a escoitan, vén Satanás e arrepáñallela. Hai outras persoas que reciben a semente como terreo pedregoso; son as que ao escoitar a palabra deseguida a acollen con alegría, pero non teñen raíces, son inconstantes e mal veñen as dificultades ou a persecución por causa da palabra, deseguida abandonan. A outras persoas pásalles como á semente caída entre as silvas: si escoitan a palabra, pero moi axiña as preocupación do mundo, o engano das riquezas e máis as ambicións asolagan e afogan a palabra, e non dá froito. Pero as persoas que son como a boa terra, escoitan a palabra, acóllena e dan moito froito: unhas o trinta, outras o sesenta e outras o acento por un. 

Meditación 

A semente é a bondade de Deus, o amor entrañable que nos ten, e que nos pode chegar en forma de palabra, pero tamén de feitos. O mellor exemplo da palabra de Deus é Xesús mesmo, co que el dicía, co que el facía, coa maneira que tiña de tratar a xente. Xesús é a un tempo o sementador e a semente. 

Deus, a vida ofrécenos medios, recursos, para que nos asentemos e maduremos como persoas cristiás, e deamos froitos que nos aproveiten a nós mesmas, á comunidade cristiá e civil da que formamos parte. Pero non todo é doado, hai moitas trampas e enredos que nos poden facer fracasar. As catro clases de terra da parábola de Xesús permítennos entrar no mundo persoal onde se cocen os éxitos ou fracasos da vida. En cal desas terras nos vemos máis reflectidos? 

Oración 
Quero ser, Señor, boa terra, 
onde medre a semente, 
con coidados e alertas, 
non vaia ser o demo 
que, feita a sementeira, 
polo si ou polo non 
non asome a colleita 
e a vida se me quede 
cal hucha baldeira. 
Quero ser, Señor, 
faime ti, Señor, boa terra. 
Acción 

Mira un pouco para ti mesm@. En que clase de terra te ves máis retratad@. Poderías facer algo para cambiar as cousas? 


28 de xaneiro: Xoves da 3ª semana do Tempo Ordinario 

Ano 1: 1ª lectura: Hb 10, 19-25. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6 
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 7, 18-19. 24-29. Salmo: 131, 1-2. 3-5. 11. 12. 13-14 

Evanxeo: Mc 4, 21-25 

Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban: 

¿Acaso se trae un candil para metelo debaixo dun ferrado ou debaixo da cama? ¿Non será para poñelo enriba do candeeiro? Pois nada hai oculto, que non se descubra; nin nada hai secreto, que non chegue á luz pública. Quen teña oídos para oír, que escoite. 

Dicíalles tamén: 

Atendede ben ao que estades escoitando. Coa medida coa que midades seredes medidos, e ben sobrado. Pois ao que ten daráselle, pero ao que non ten, aínda o que ten se lle quitará. 

Meditación 

Dúas substanciais achegas nos ofrece Xesús neste pedaciño de Evanxeo. A primeira é que levamos luz en nós, somos fillos e fillas da luz, somos luz; e non é do caso agochar esa luz que somos e que levamos. A luz é para expoñerse, sen vaidade, porque nós non somos amos da luz; pero sen vergonzas parvas, porque grazas á luz duns e doutros, facéndonos reflexo da luz maior de Deus, podemos facer as nosas vidas, o mundo enteiro algo máis luminoso e fraterno. 

E a segunda é a tan sabida cousa de que conforme midamos, conforme tratemos á demais xente, ese mesmo trato recibiremos; e por parte de Xesús non é unha ameaza, como se Deus fose actuar connosco coa cativeza ou maldade coa que nós actuamos cos demais –só faltaría!--; é a confirmación de que, cando tratamos con desprezo, abuso, inxustiza á xente, metémonos nese mundo de mal e nós mesmos estragamos a nosa vida. E así é como o que actúa sen bondade e sen xustiza, a pouca que teña váiselle achicando; e quen actúa con bondade e con xustiza, verá como esa bondade e xustiza se multiplican na súa vida. 

Oración 
Grazas pola luz que son, Xesús, 
grazas porque o teu Espírito me fixo capaz 
de animar a alguén, 
de devolverlle a esperanza, 
de alegrarlle a vida, 
de envolvela algo en luz. 
Grazas pola túa advertencia simple 
de medir e tratar a xente que me rodea 
co metro xeneroso de Deus, 
coa mestura humanizadora da tenrura e da xustiza. 
Grazas, Xesús, polo teu Espírito 
que día a día me vai facendo nova criatura. 
Acción 

Podemos mirar hoxe como tratamos a xente da casa que convive connosco, as persoas veciñas que máis diariamente tratamos. ¿Podemos mellorar algo ese trato á luz de Xesús? 


29 de xaneiro: Venres da 3ª semana do Tempo Ordinario 

Ano 1: 1ª lectura: Heb 10, 32-39. Salmo 36, 3-4. 5-6. 23-24 
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 11, 1-4a. 5-10z. 13-17. Salmo: 50, 34. 5-6a. 6bc-7, 10-11 

Evanxeo: Mc 4, 26-34. 

Díxolles tamén Xesús: 

—O Reino de Deus é coma unha persoa que bota a semente na terra, e, estea durmida ou esperta, sexa de noite ou de día, a semente agroma e medra, sen que el chegue a saber como. A terra vai dando froito por si mesma: primeiro herba, logo espigas e por último o gran ben abundante na espiga. E cando xa está achegado o froito, deseguida se lle mete o fouciño por ser o tempo da seitura. 

E tamén dicía Xesús: 

—Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza que, cando se sementa na terra é a máis miúda de todas as sementes, pero despois de sementala, medra ata ser a maior de todas as hortalizas, chegando a botar unhas pólas tan grandes que na súa sombra poden aniñar os paxaros. 

E así con moitas comparanzas coma estas íalles mostrando a mensaxe, de xeito que puidesen entender. Non lles falaba máis que en parábolas, pero logo explicáballelas aos seus discípulos. 

Meditación 

Xesús falaba con comparanzas, porque era unha maneira popular de falar que a xente podía entender ben; e tamén porque, para nos aproximar á vida e ao misterio de Deus nas nosas vidas, as comparanzas, os símbolos, a linguaxe poética case sempre é máis apropiada ca non os razoamentos refinados. O símbolo, a comparanza, abre un campo e deixa o espazo aberto para que por el camiñemos con entusiasmo, con liberdade, con humildade. 

Outra vez a comparanza da semente, pero agora para nos invitar á confianza, á esperanza. É unha semente miúda, pequerrecha, case desprezada, pero, por estar nas mans de quen está, ten un vigor incrible que a fai medrar por moito que nós durmamos, e que a converte en acubillo para quen ande baleiro e sen amparo. Iso era necesario consideralo cando Marcos escribía o seu Evanxeo e os grupos cristiáns eran unha insignificancia; e iso é necesario consideralo tamén nos nosos tempos, cando, a forza de abuso e rutina, parece que temos reducido o Evanxeo a cousa de nada. 

Oración 
Eu mesmo son, Xesús, contigo 
semente miúda, pequerrecha, 
que medra pola noite, polo día, 
estea ou non estea eu esperta. 

Eu mesmo son, Xesús, contigo 
agora gromo, agora verde herba, 
agora espiga que oufana engorda 
chea de grans para o día da colleita. 

Eu mesmo son, Xesús, contigo, 
do teu Reino humildísima presenza, 
irmán, irmá dun mar de testemuñas 
que acolle o refuxiado en cega aperta. 
Acción 

Pensa un pouco: aínda que sexas unha persoa ben normal e humilde, veste medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, nas cousas do Reino de Deus? Aínda que a túa comunidade cristiá sexa unha comunidade cativa, vela medrando pouco a pouco nas cousas de Xesús, do Evanxeo, do Reino? Se non é así, poderías remedialo en algo? 


30 de xaneiro: Sábado 3ª semana do Tempo Ordinario 

Ano 1: 1ª lectura: Heb 11, 1-2. 8-19. Salmo: Lc 1, 69-70. 71-72. 73-75 
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 12, 1-7a. 10-17. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 16-17 

Evanxeo: Mc 4, 35-41 

Un día, á caída da tarde, díxolles Xesús aos seus discípulos: 

—Imos para a banda de alá do lago. 

Eles deixaron a xente e levárono no bote no que estaba sentado; outras barcas os seguían. E formouse un temporal tan grande que os salseiros caían enriba do bote e enchíano de auga. El, entrementres, estaba na popa durmindo sobre un cabezal. Fórono espertar berrándolle: 

—Mestre, seica non che importa que afoguemos? 

Entón el espertou, increpou o vento e díxolle ao mar: 

—Silencio, acouga! 

O vento amainou e veu unha gran calma. Despois díxolles: 

—Por que tendes tanto medo? Seica aínda non tendes fe? 

Eles, cheos dun medo enorme, comentaban entre si: 

—Pero quen será este, que mesmo o vento e o mar o obedecen? 

Meditación 

Non sabemos exactamente que puido suceder naquel anoitecer durante aquela viaxe perigosa sobre un lago embravecido. Sabemos, si, o que o evanxelista Marcos nos quere transmitir co seu relato tan aberto ao simbolismo. A barca é a propia vida e tamén a vida da comunidade cristiá, da parroquia, da Igrexa no seu conxunto; a barca é tamén, por que non, a vida de calquera persoa ou comunidade humana, mesmo a vida do mundo enteiro. Sacudidas e perigos non nos fallan. Xesús está sempre presente, aínda que pareza ausente, aínda que pareza durmido e alleo ás nosas angustias. A fe permítenos ollalo ao noso carón, transmitindo tranquilidade, confianza, ousadía. A fe permítenos envolver a nosa debilidade, sexa cal sexa, na fortaleza de Xesús. Para sentilo, hai que vivilo, como o viviron naquela tarde escura as persoas que o acompañaban. 

Oración 
Quen serás ti, Xesús, 
pois invocándote 
amainan os nosos medos? 
Quen serás ti, Xesús, 
que, sen evitarnos o esforzo, 
énchelo de paz e de ousadía? 
Quen serás ti, Xesús, 
que convertes as noites recias 
en amenceres de luz en calma? 
Xesús, 
presenza misteriosa de Deus na nosa vida, 
creo en ti. 
Acción 

Pon en práctica a túa fe. Mira se hai algunha situación na túa vida, ao teu redor, na que as cousas vos produzan medo e esteades tentadas de fuxir. Pensa en Xesús, acolle a súa forza e transmítella ao grupo como mellor 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.