28 xaneiro, 2021

Tempo Ordinario: 4ª semana



31 de xaneiro: Domingo 4º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Deut 18, 15-20. Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9
2ª lectura: 1 Cor 7, 32-35

Evanxeo: Mc 1, 21-28

Un día Xesús e máis os seus discípulos foron a Cafarnaúm e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga. Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito, e púxose a berrar:

—¿Qué temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? ¿Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti; ti es o Santo de Deus.

Xesús mandoulle:

—Cala e bótate fóra dese home.

O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi alto e saíu del. Todos ficaron pasmados e discutían entre si, dicindo:

—¿Qué é isto? Unha nova doutrina e con autoridade; enriba, dálles ordes aos espíritos malos e eles obedéceno.

E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.

Meditación

Evanxeo que hoxe lemos narra o comezo dunha xornada de traballo de Xesús dentro desa súa tarefa de anunciar o Reino e loitar pola dignificación da vida dos seus concidadáns. Resulta ben interesante seguirlle os pasos a Xesús, pero non como observador desde fóra, senón como admirador e acompañante desde dentro. A isto estamos invitados todos, todas.

Xesús, home relixiosamente cumpridor, como era normal no seu tempo, acude á sinagoga para compartir cos seus veciños e veciñas a súa fe en Deus, orar e alimentar a súa esperanza nas promesas de Deus. Aproveita o momento para ensinar na sinagoga, non sabemos qué, supoñemos que cousas que tiñan que ver co anuncio do que falamos o domingo pasado: Deus está á porta co seu plan de vida para a xente toda, sobre todo para a máis débil e marxinal, crédeo e apuntádevos ao don e á tarefa. Sabemos de certo que falaba con autoridade, esa autoridade que non nace do poder, senón que aparece cando unha persoa fala con convencemento, desde a experiencia, comprometendo a súa vida toda en cada palabra que ía dicindo, falando e actuando de acordo co que falaba. Que bendición é atopar con persoas así na vida; seguro que temos algunha experiencia diso! Que fermosa e necesaria é a palabra, cando leva consigo autenticidade e firmeza! Como está sendo a nosa palabra de crentes nos medios nos que vivimos? Falamos desde a experiencia, desde o convencemento, desenvolvendo a vida en conformidade co que dicimos, co que cremos?

A parte de falar sobre o Reinado de Deus que traería bendición e liberdade para a xente toda que de tales cousas precisaba, Xesús tamén actúa nesa liña, e por iso se compromete coa saúde total, corporal, psíquica, espiritual, da xente que o rodea. Foi esta unha aposta das principais de Xesús, a que máis veces aparece nos evanxeos. No Evanxeo de hoxe vemos un caso concreto desta batalla permanente de Xesús contra todo o que diminuía o benestar, a liberdade, a paz da xente. Máis aló de que creamos ou non creamos en demos, o que ninguén dubidará é que hai espíritos malos, forzas de mal que nos poden coller e levar por camiños de desventura, de illamento, de tristura, de inxustiza, de maledicencia, ..., desfacéndonos a nós mesmos e converténdonos en persoas que contribúen á desgraza doutras persoas. Podemos pensar que espíritos malos nos están tentando ou arrastrando neste momento da nosa sociedade. Coa crise quedaron en evidencia moitos malos espíritos de dominio, de desigualdade, de desprezo polos máis pequenos, ... Que facemos con eles?

O Evanxeo dinos que Xesús é forte, más forte que todos eses espíritos de mal que tamén andan roldando pola nosa persoa, pola nosa comunidade, pola nosa aldea, pola nosa sociedade. En Xesús temos unha forza nova que nos fai potentes para combater os espíritos que queren apagar a vida das persoas, e arruinar unha convivencia fraterna. Estámonos deixando coller e protexer pola forza de Xesús nas nosas comunidades cristiás? Damos testemuño a xente cristiá deste poderío de Deus contra os malos espíritos? Somos recoñecidos coma xente loitadora que por onde andamos nos apuntamos sempre a todo o que traia unión, organización, preocupación polo comunitario, alegría e festexo popular, saúde, paz? Somos xente animadora, que tiramos sempre para adiante, ou preferimos queixarnos de todo sen mover nada para que as cousas cambien para ben?

Participamos activamente, con empeño e ética cristiá, nos sindicatos, nos partidos políticos, nas asociacións? A xente admiraba a Xesús polo que dicía e facía. Nós participamos tamén desa admiración. Ademais, no que sabemos e podemos, querémonos apuntar con Xesús a esa experiencia humilde e magnífica de usar a palabra e os feitos para contribuír a que a xente sexa máis feliz, goce vivindo e convivindo en comunidade, e loe a Deus coa súa vida de cada día. El seguro que está tolo de contento de nos poder recibir no seu grupo.

Preces

BENDITO ES TI, XESÚS, O SANTO DE DEUS!

Que escoitemos ben e obedezamos a túa palabra, a que cada día pronuncias para nós desde o que na vida nos vai pasando. Oremos.

Que poñamos coma ti a nosa palabra e os nosos feitos ao servizo de quen precise de nós para ter vida sa, digna e feliz. Oremos.

Que loitemos duro contra o mal espírito de abatemento e de desesperanza que nestes tempos difíciles nos pode derrotar. Oremos.

Que nos sumemos a todo o que se faga entre nós para mellorar a vida da xente máis débil da sociedade. Oremos.

Que nos deixemos agrazar pola santidade e pola forza coa que Deus nos quere fortalecer. Oremos.

Oración
Quen dixo que non,
que non hai nada que facer,
que todo está pechado e sentenciado,
que a sorte da xente débil está botada;
que os ricos serán máis ricos cada día
e máis pobres os pobres nas súas casas;
que Deus acouga plácido e tranquilo
arrolado entre cantigas e loanzas?

Quen dixo que non,
que non hai palabras doces e fortes,
para poder alentar a quen naufraga;
para defender o pan da xente pobre
e termar de quen perde as esperanzas;
para levar o sosego e a quentura
e devolverlle o sorriso a toda cara;
palabras doces e fortes, palabras
que acompañen na loita e máis na calma?

Quen dixo que non,
que non podemos alongar a man,
a quen camiña coas forzas esgotadas;
ou aliviar a pobreza dos máis pobres
coas nosas carteiras solidarias;
ou xuntar mans e corazóns, ideas
para que da sociedade non se vaian
pola porta de atrás, ás agachadas,
os dereitos conquistados entre bágoas?

Quen dixo que non,
xustamente nestas horas,
nas que o sistema amosa as súas entrañas
e convértense en mentiras ilusorias
as súas promesas de mañá comunitario,
e fan falla coma nunca voces novas
con feitos de xustiza conxugadas,
que anuncien dunha vez que chega a hora,
o amencer da humanidade humanizada.

Non dixo máis Xesús na sinagoga,
e, despois de pronunciar estas palabras,
comprometeuse coa saúde daquel home
que sufría coa súa vida maltratada.
Acción

¿Imos aos encontros e celebracións da comunidade cristiá da que formamos parte? ¿Contribuímos a facer delas algo vivo, aportando a nosa palabra humilde e firme e acompañando cos nosos feitos solidarios? ¿Podemos facer algo por mellorar a calidade e vida das nosas Eucaristías comunitarias?


1 de febreiro: Luns da 4ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 11, 32-40. Salmo: 30, 20. 21. 22. 23. 24
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 15. 13-14. 30; 16, 5-13a. Salmo: 3, 2-3. 4-5. 6-7

Evanxeo Mc 5, 1-20

Unha vez chegou Xesús á outra banda do mar, ao país de Gadara. E conforme saltou da barca, un endemoñado saíulle ao encontro desde os sepulcros onde moraba, pois nin con cadeas o podían apreixar. Moitas veces xa intentaran termar del con cadeas e grillóns, pero rompía as cadeas e esnaquizaba os grillóns, e ninguén era capaz de o domear. Pasaba os días e as noites berrando polos sepulcros monte adiante, mancándose coas pedras. Axiña que viu a Xesús de lonxe, foi correndo prostrarse ante el, berrando con toda a forza:

—Que teño que ver contigo, Xesús, Fillo do Altísimo? Pídoche por Deus que non me atormentes.

Pois Xesús mandáralle:

—Bótate fóra dese home, espírito malo.

E preguntoulle Xesús tamén:

—Como te chaman?

El respondeulle:

—Chámanme lexión, porque somos moitos.

E pedíalle con moita ansia que non os botase daquela terra. E como había unha boa manada de porcos comendo pola aba do monte, todos aqueles demos rogáronlle a Xesús:

—Mándanos onda aqueles porcos, para entrarmos neles.

Xesús accedeu e, saíndo do home, fóronse meter nos porcos, que en número duns dous mil se chimparon polo barranco abaixo, e foron afogar no mar. Os porqueiros fuxiron, levando a nova á vila e ás aldeas. A xente ía ver o que pasaba. Chegaron onde estaba Xesús e viron o endemoñado, o mesmo que tivera a lexión, sentado e cheo de xuízo; todos ficaron pasmados. Os que presenciaron aquilo contáronlles o que pasara co endemoñado e máis cos porcos. Entón empezaron a pedirlle que se afastase daquelas terras.

E, cando el se embarcara, o que estivera endemoñado rogáballe que o deixase ir con el. Pero Xesús non llo permitiu, senón que lle dixo:

—Vaite para a túa casa, onda os teus, e cóntalles todo o que o Señor, compadecido, fixo contigo.

El marchou e comezou a pregoar pola Decápolis adiante canto lle fixera Xesús. Todos ficaban admirados.

Meditación

Un relato fabuloso que posiblemente non debamos tomar ao pé da letra, como se todo o que se di pasase realmente. Era frecuente que naquel tempo houbese persoas que, por enfermidade ou por tolemia, vivise apartada da convivencia veciñal, no monte, nos arredores dos pobos. A esas persoas con facilidade se lles chamaba endemoñadas, aínda que o seu mal era ser xente desfeita, famenta, agresiva; xente excluída. Ninguén se achegaba a eles por medo e eles tiñan prohibido entrar nas aldeas.

Xesús entra en contacto cunha desas persoas, saltando unha vez máis a lei que o prohibía. Aténdea, fala con ela, escóitaa nos seus graves pesares, e, dun xeito case incrible, cúraa dos seus males e reincorpóraa para a convivencia veciñal. Xesús fai iso, porque estaba cheo do Espírito bo de Deus, que o facía forte, que o facía apaixonado polo benestar da xente. Os porcos eran considerados animais impuros, e por iso víase ben que os demoños fosen meterse neles. Pero isto forma parte da fábula do relato e carece de importancia no mesmo.

Oración
Grazas, Xesús,
por seres tan considerado sempre
coa xente máis marxinal dos pobos.
Grazas, Xesús,
polo teu poder de ben
que poñías sempre ao servizo da xente débil.
Grazas, Xesús,
porque tamén me atendes a min
nas miñas fraxilidades.
Grazas, Xesús,
porque nos amosas claramente o camiño
para seguirte na nosa vida veciñal.
Acción

Seguro que coñeces a algunha persoa que na túa parroquia ou contorna sufra algo de exclusión. Podes achegarte algo a esa persoa e transmitirlle aprecio, atención?


2 de febreiro: festa da Presentación do Señor

1ª lectura: Mal 3, 1-4. Salmo: 23, 7. 8. 9. 10

Evanxeo: Lc 2, 22-40 (breve 2, 22-32)

Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: "Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito"; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".

Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou a Deus dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa,
podes deixar que o teu servo morra en paz,
porque xa os meus ollos viron o teu salvador,
o que ti preparaches para todos os pobos:
luz de revelación para todas as xentes
e gloria do teu pobo Israel.
(ata aquí a lectura breve)

O pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:

—Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.

Había tamén alí unha profetisa moi vella chamada Ana, filla de Penuel, da tribo de Axer; casara e vivira sete anos co seu marido, e logo seguiu viúva ata os oitenta e catro. Non se apartaba do templo, senón que de noite e de día servía a Deus con xaxúns e oracións. Presentouse naquel intre no templo e empezou a loar a Deus e a falar do neno Xesús a todos os que esperaban a redención de Israel.

Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para a aldea de Nazaré en Galilea. O neno ía medrando ben criado, forte e intelixente e o favor de Deus estaba con el.

Meditación

Chaman a atención o velliño Simeón e a velliña Ana. Pola súa esperanza, pola fidelidade coa que custodian esta esperanza. Non se vían trazas de que o de Deus se fixese presente, pero ambos agardaban co corazón aceso, coa alma esperta, firmes na súa fe no Deus que nunca se desdí, que nunca falla ás súas promesas. A luz que celebra Simeón xa estaba acesa no seu corazón e máis no de Ana, na forma dun remol agachado á espera do vento novo do Espírito.

Os nosos tempos son tempos para protexer a esperanza. En todas partes, pero no rural especialmente fainos falla moita esperanza, tanto nas cousas da vida civil coma nas cousas das comunidades cristiás, as cousas da fe. Parece que a luz, o lume esta agochado. Fainos falla o Espírito que nolo aviveza e nos axude a vivir con humildade e orgullo a nosa condicións de xente de aldea, a nosa condición de xente cristiá.

Oración
Ai, Virxe da Candeloria,
Señora, santa María,
que a luz que de ti naceu
ilumine as nosas vidas.

Que o mundo rural atope
en Xesús alento e vía
para afrontar os problemas
que o premen con teimosía.

Ai, Virxe da Candeloria,
que medren o amor e a vida,
cando os paxaros namoran
e a primavera convida.

Que coidemos a esperanza,
cunha fe sinxela e viva,
envolvéndonos na unión,
no servizo, na alegría.

Ai, Virxe da Candeloria,
Señora, santa María,
nas túas mans confiamos
as nosas noites e días.
Acción

Podes acender hoxe unha veliña na túa casa, que che recorde a luz e a forza que precisas para afrontar os problemas da vida do campo cos teus veciños e veciñas. Visita ademais, se podes, a algún veciño ou veciña que ande en cousas de animación da parroquia, falade e animádevos mutuamente.


3 de febreiro: Mércores da 4ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 12, 4-7. 11-15. Salmo: 102, 1-2. 13-14. 17-18a
Ano 2: 1ª lectura: 2 Sam 24, 2. 9-17. Salmo: 31, 1-2. 5. 6. 7

Evanxeo: Mc 6,1-6

Un día Xesús foi para a súa aldea, acompañado polos seus discípulos. Cando chegou o sábado, empezou a ensinar na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada:

—De onde lle veñen a este todas esas cousas? Que sabedoría é esa que lle ensinaron, e como poden facer as súas mans tantos milagres? Non é este o carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e máis Simón, e as súas irmás non viven aquí connosco?

Estaban realmente escandalizados. Pero Xesús díxolles:

—Non desprezan a un profeta máis ca na súa terra, na súa casa, entre os seus parentes.

E non puido realizar alí ningún milagre, fóra dalgunhas curacións que fixo empoñendo as mans. Estaba sorprendido por aquela incredulidade. E dedicouse a andar polas aldeas dos arredores ensinando.

Meditación

De onde lle viña a Xesús a súa enorme capacidade de facer o ben, de rehabilitar as persoas, de poñelas en paz fonda consigo mesmas e co Deus, Pai ou Nai de todo o mundo? De onde lle viña a súa humildade suma, e a súa valentía sen medida para enfrontarse ao mal e a quen o facía? De onde lle viña esa sabedoría sen límites que lle permitía chegar ao corazón da xente, iluminalo coa súa luz, fortalecelo para emprender camiños novos? De onde lle viña tanta paz, tanto perdón, tanta resistencia, tanta rebeldía?

Iso é o que non entendían os seus veciños e veciñas. Coñecíano ben, a el e a súa familia toda. Todos eran xente ben humilde e normal. Non entendían que eran cousas do Espírito de Deus, que non anda chuleando de títulos nin de fidalguías. Por sorte ese Espírito non se merca con cartos. Recíbeo gratis quen baleira o seu corazón e fai sitio para acollelo.

Oración
Que saiba ser humilde, Xesús,
para escoitarte,
e acoller o que me queiras dicir,
sexa cal sexa o medio humilde
que ti empregues para falarme.
Quen nunca desprece o que é pobre e pequeno,
ao revés,
que entenda de corazón
que é entre o pobre e o pequeno
onde mellor poderei atoparte e tratarte.
Que así sexa, Xesús, que así sexa.
Acción

Pensa se algunha vez desprezas en algo a vida e o saber dos teus veciños ou veciñas por seren xente normaliña. Deixa de facelo.


4 de febreiro: Xoves da 4ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 12, 18-19. 21-24. Salmo: 47, 2-3a. 3b-4. 9. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 2, 1-4. 10-12. Salmo: 1 Cro 29, 10. 11ab. 11d-12a. 12bcd

Evanxeo: Mc 6,7-13

Un día Xesús chamou aos doce e empezou a mandalos de dous en dous, dándolles poder sobre os espíritos malos. Recomendoulles que non levasen nada para o camiño, fóra dun caxato: nin pan, nin alforxas, nin cartos na faixa. Que calzasen sandalias, pero que non levasen máis ca unha túnica. E avisounos:

—Cando entredes nunha casa, permanecede nela ata que vos marchedes. Se nalgún lugar non vos acolleren nin vos escoitaren, ídevos, sacudindo o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso. Marcharon e predicaron a conversión. Botaban fóra moitos demoños e curaban os enfermos, unxíndoos con aceite.

Meditación

O normal é que, se as cousas de Xesús nos enchen a vida de paz, de forza, de esperanza, de sentido, pois que as compartamos con outras persoas, simplemente porque lles queremos ben. E, se Deus nos dá os seus bens de balde, que sexa de balde tamén todo o que nos falemos ou fagamos pola xente. Faltaba máis!

Non é doado actuar gratuitamente, actuar desde a pobreza, desde o non poder. Case todo na sociedade funciona desde o interese, desde o poder. O que dá, moitas veces dá buscando carto, poder, prestixio; o que recibe faino moitas veces tamén esperando carto, poder e prestixio. Actuar desde o interese e o poder leva a que se cren moitísimas desigualdades entre a xente, a que os máis débiles queden sempre por debaixo.

O de Xesús é realmente revolucionario. Compartir o de Xesús coa palabra, cos feitos de humanidade para a xente, e facelo gratis de verdade, ese é o plan ao que o mesmo Xesús nos invitada a todos e todas nós tamén.

Oración
Que a miña actividade, Xesús,
estea sempre limpa de interesadas intencións.
Que aprenda contigo, Xesús,
a falar de balde,
a actuar de balde,
sen cobrar nunca nada
nin en cartos,
nin en influencias interesadas,
nin en poder,
nin en afectos que someten.
Desinteresada, pobre é libre coma ti, Xesús,
algo polo menos, por favor!
Acción

Es totalmente desinteresado na túa colaboración social, eclesial, política? Pénsao un pouco. Cambia o que teñas que cambiar. O interese, as comenencias, acaban destruíndo os mellores servizos.


5 de febreiro: Venres da 4ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 13, 1-8. Salmo: 26, 1. 3. 5. 8b-9abc
Ano 2: 1ª lectura: Eclo 47, 2-13. Salmo: 17, 31. 47 e 50. 51

Evanxeo: Mc 6, 14-29

Como a sona de Xesús se estendía por todas partes, tamén o rei Herodes oíu falar del. Uns comentaban: “é o mesmo Xoán Bautista resucitado de entre os mortos, e por iso actúan nel eses poderes”. Outros dicían: “é Elías ou algún profeta”. Pero Herodes dicía: “É Xoán Bautista, a quen eu mandei decapitar, que está resucitado.” Porque Herodes mandara prender a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara. Xoán non paraba de lle dicir:

—Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.

Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán e queríao matar. Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo o escoitaba con gusto, aínda que quedase desacougado.

Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día do seu aniversario deu un banquete aos ministros, oficiais e xente importante de Galilea. Resulta que a filla de Herodías entrou e bailou moi ben, gustando moito a Herodes e a toda a xente convidada. Entón o rei díxolle á rapaza:

—Pídeme o que queiras, que cho hei dar.

E xurou:

—Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.

Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:

—¿Qué lle pedirei?

Ela díxolle:

—Pídelle a cabeza de Xoán Bautista.

E, volvendo onda o rei, díxolle:

—Quero que me deas de contado nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.

O rei púxose moi triste, pero, polo xuramento feito e máis pola xente convidada, non a quixo defraudar. E de seguida mandoulle a un verdugo que trouxese a cabeza de Xoán. Foi, decapitouno e trouxo a cabeza nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai. Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.

Meditación

Xoán Bautista foi un personaxe que deixou un impacto grande no mesmo Xesús e nas primeiras comunidades cristiás. Por iso aínda hoxe o recordamos en repetidos momentos durante o ano. Un home íntegro, un buscador apaixonado da verdade de Deus para a xente, unha persoa que renunciou ao oficio sacerdotal que lle correspondía por dereito familiar, para embarcarse nun camiño creativo, porque viu que no seu tempo a vida relixiosa se estaba diluíndo en prácticas sen sentido e sen verdade. Un home que se enfrontou abertamente co poder relixioso e político do momento polos seus descontrois e abusos do pobo. Un home que por todo isto deu a vida. O seu testemuño colle especial relevancia polas mesmas circunstancias da súa morte: nun ambiente de excesos, rodeado de persoas triviais, sen valores consistentes, que actuaban desde o rancor, desde o quedar ben, desde o desprezo á palabra, á vida de quen pretendía axudarlles a ser xente honrada e coherente. Un verdadeiro exemplo para quen nos nosos tempos apostamos por ser persoas cristiás na sociedade tan branda na que vivimos.

Oración
Grazas, meu Deus,
polas persoas mártires
de onte e máis de hoxe,
de todos os tempos da historia da Igrexa.
Grazas tamén polas persoas mártires
doutras relixións ou de ningunha relixión.
Grazas por quen defende o humano, o xusto,
e afronta con valentía as consecuencias desagradables desa defensa.
Grazas pola palabra desas persoas mártires,
pola súa vida, pola súa morte,
polo seu sangue inxustamente vertido,
aínda que valentemente ofrecido.
Grazas, meu Deus, infinitas grazas!
Que ao seu carón, co seu exemplo,
nos encoraxemos nós
para vivir con máis fidelidade e fondura
a nosa humanidade, a nosa fe.
Acción

Seguro que en máis dunha ocasión temos cedido á presión do ambiente, e deixamos de dicir ou facer o que a nosa conciencia nos ditaba por calquera clase de medos. Podemos aprender da nosa experiencia para entrar algo no espírito das persoas mártires, e chegado o caso, dar testemuño dos valores, da fe que levamos no corazón.


6 de febreiro: Sábado da 4ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Heb 13, 15-17. 20-21. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 3, 4-13. Salmo: 118, 9. 10. 11. 12. 13. 14

Evanxeo: Mc 6, 30-34

Candos os apóstolos volveron xuntarse con Xesús, contáronlle canto fixeran e ensinaran. Xesús díxolles:

—Vide vós comigo e un lugar arredado e descansade un pouco.

Eran moita a xente que ía e viña e nin para comer atopaban tempo.

Fóronse sos na barca a un lugar arredado. Pero, ao velos marchar, a xente foinos seguindo por terra desde todas as vilas e chegaron primeiro ca eles. Así, cando desembarcaron atopouse cunha grande multitude. El, conmovido, porque eran coma ovellas sen pastor, púxose a predicar ensinándolles moitas cousas.

Meditación

Unha persoa, unha comunidade cristiá medra cando somos capaces de compartir as nosas tarefas e compromisos persoais e comunitarios, cos seus éxitos, cos seus fracasos. Tamén medramos cando miramos polo noso benestar físico e psíquico e nos dámos tempo para o descanso, para o xogo, para o compartir festivo e de lecer. Tamén medramos cando, por riba de todo, o que nos revolve o corpo e a cabeza e as decisións é a presenza do pobo que anda decaído, esmorecido, como abandonado da mans de Deus. Xesús, ao que se ve, era un experto en todo isto, en tanta humanidade. Que sorte tiveron con el os seus seguidores e seguidoras, e que sorte temos nós tamén de telo así ao noso lado!

Oración
Apréndenos, Xesús,
mestre de vida,
a encontrarnos e compartir.
Dános a ilusión
de vivir en comunidade.
Que saibamos aprender de ti
a ter no centro das nosas vidas
a xente que o estea pasando mal,
non por misericordia paternalista,
senón por pura xustiza e compaixón.
E todo, se pode ser, Xesús,
sen queimarnos,
sen decaer no humor.
Grazas, Xesús.
Acción

Pénsao, que tempo dedicas ao ocio, ao descanso, a divertirte algo con compañeir@s e veciñ@s, a cantar, a rir? Xesús quérete alegre e descansada, e a veciñanza tamén.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.