25 marzo, 2021

Semana Santa

 


SEMANA SANTA

Desde as orixes do cristianismo os seguidores e seguidoras de Xesús percibiron que a morte de Xesús e todo o que a rodeara tiña un especial interese e significado. Por iso desde os primeiros momentos lle prestaron especial atención aos relatos da Paixón que circulaban de comunidade en comunidade.

Desde o comezo do cristianismo tamén se celebraron con especial devoción os acontecementos que Xesús viviu nos derradeiros días da súa vida ata a súa morte, e con eles o misterio da súa resurrección.

Non é que a morte e a resurrección de Xesús teñan un sentido máxico. A morte e a resurrección de Xesús hai que velas intimamente unidas a toda a súa vida, ao seu estilo de vida e ás consecuencias que ese estilo de vida lle trouxeron a Xesús. Así a súa vida, a forza de tanto amar, de tanto servir ás persoas máis débiles, marxinais e pecadoras, acabou sendo unha vida aborrecida por xentes ligadas ao poder, que o levaron á morte. Pero, por iso mesmo, a súa morte acabou sendo unha morte gloriosa para o mesmo Xesús, e unha fonte de luz, de vida e de esperanza para todos os homes e mulleres que se queiran achegar con confianza a esta fervenza de amor e de solidariedade.

A vida de Xesús orienta as vidas das persoas que o queremos seguir. A morte de Xesús fortalece a quen coma el se enfronta, servindo, cos poderes do mal. A resurrección de Xesús encabeza e esclarece a nosa propia resurrección, cando a nosa vida é unha vida que se desenvolve na busca sincera do querer de Deus no respecto e servizo á xente.

Quizais estamos afeit@s a vivir a Semana Santa con certa rutina. Unha mágoa! ¿E se intentásemos vivila a fondo, ao pé de Cristo, en comunidade, andando con el os camiños todos que o levaron do domingo de Ramos á Pascua de Resurrección? Seguro que nos había facer moito ben como persoas, como cristiás, como cidadáns.

28 de marzo: Domingo de Ramos na Paixón do Señor

Procesión dos ramos: Evanxeo: Mc 11,1-10

Cando se achegaban a Xerusalén, cerca de Betfagué e de Betania, ao pé do montes das Oliveiras, mandou Xesús a dous discípulos dicíndolles:

—Ide á aldea que tendes aí por fronte e, ao que entredes, ides atopar atado un burro que ninguén montou aínda; soltádeo e traédeo. Se alguén vos pregunta por que o facedes, dicídelle: Precísao o Señor, pero de seguida o mandará de volta.

Foron alá, atoparon o burro atado a un portal e desatárono. Algúns dos que andaban por alí, preguntáronlles:

—¿Qué facedes aí desatando o burriño?

Eles contestáronlle tal como Xesús lles mandara. E leváronlle o burro a Xesús, que montou nel así que o cubriron cos seus mantos. Moitos estendían tamén os seus mantos no camiño, para que lle servisen de alfombras; e outros, ramallos cortados nas chousas. E tanto os que ían diante coma os de detrás exclamaban:

—Hosanna! Bendito o que vén no nome do Señor! Bendito o reino do noso pai David que chega! Hosanna no ceo!

Misa: 

1ª lectura: Is 50, 4-7. Salmo: 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
2ª lectura: Flp 2, 6-11.

Paixón segundo San Marcos: Mc 14,1—15,47.

Faltaban dous días para a Pascua e os Ázimos. Os sumos sacerdotes e máis os letrados andaban buscando como collelo a traizón para matalo(Mc 14, 1).

Xudas Iscariote, un dos doce, foi onda os sumos sacerdotes para lles entregar a Xesús. Eles alegráronse moito do que lle propuña e prometéronlle cartos. E andaba buscando o momento axeitado para o entregar (Mc 14, 10-11).

Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo: “Tomade, isto é o meu corpo”. E collendo unha copa, dando grazas, pasóullela e todos beberon dela. E díxolles: “Isto é o meu sangue, da alianza, vertido por todos” (Mc 14, 22-24).

Despois chegaron a unha finca chamada Xetsemaní e díxolles aos discípulos: “Sentade aquí, mentres eu vou orar.” E levando consigo a Pedro, Santiago e Xoán, empezou a sentir arrepío e angustia. E díxolles: “Morro de tristura; quedade aquí e vixiade”. E avanzando un pouco, caeu no chan e rogaba para que, se fose posible, pasase del aquela hora. E dicía: “Abba, meu Pai, ti pódelo todo, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero senón o que queres ti.”(Mc 14, 32-37.

Estando Xesús no horto, presentouse Xudas, un dos doce, acompañado dunha troupeleada de xente con espadas e paus, mandada polo sumos sacerdotes, letrados e anciáns. O traidor déralles un contrasinal: “Aquel a quen eu bique, ese é; prendédeo e levádeo con tino”. E todos fuxiron abandonándoo (Mc 14, 43-44.50).

Conduciron a Xesús á casa do Sumo Sacerdote. E xuntáronse todos os pontífices, anciáns e letrados. Todos o declararon culpable e que merecía a morte. Algúns empezaron a cuspir nel e tapándolle a cara, dábanlle labazadas, dicindo: “Adiviña, profeta! Mesmo os criados tamén mallaban nel”. (Mc 14, 53.64b-65).

Estando Pedro embaixo, no patio, chegou unha das criadas do Sumo Sacerdote. Ao que viu a Pedro quentándose, quedou mirando para el e díxolle: “Ti tamén andabas con Xesús de Nazaré.” El entón empezou a maldicir e xurar, dicindo: “Eu non coñezo a ese home de quen falades” (Mc 14, 66-67. 71).

Á mañanciña, cedo, os sumos sacerdotes, os anciáns e máis os letrados –todo o Consello--, despois dunha reunión do Consello, amarraron a Xesús e fórono entregar a Pilato. E Pilato para compracer ao pobo, soltou a Barrabás, e a Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen (Mc 15, 1. 15).

Levárono a un lugar chamado Gólgota, ou sexa, lugar da Caveira. alí dábanlle viño con mirra, pero non o quixo. Crucificárono e repartiron a súa roupa, botando sortes para saber o que lle tocaba a cada un. Chegado o mediodía, a escuridade cubriu toda a terra, ata as dúas e pico da tarde. E nesa hora, Xesús berrou moi forte: “Meu Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?” E Xesús, dando un berro moi forte, expirou. O capitán da tropa que estaba diante, oíndo o berro que deu ao morrer, dixo: “Verdadeiramente este home era fillo de Deus”. (Mc 15, 22-23. 33-34. 37-38).

Tamén había mulleres mirando desde lonxe; entre elas estaban María Magdalena, María a nai de Santiago o Menor e de Xosé, e máis Salomé, que o seguían e servían cando estaban en Galilea; e moitas outras que subiran con el a Xerusalén. (Mc 15, 40-41).

Á tardiña Xosé de Arimatea mercou unha saba, baixou a Xesús da cruz, envolveuno na saba e acomodouno nun sepulcro escavado na rocha. María Magdalena e máis María de Xosé miraban para ver onde o poñían ( cfr. Mc 15, 42-47)

Meditación:

Dous momentos distintos da vida de Xesús: a entrada daquela maneira triunfal na cidade de Xerusalén e a xornada posterior na que o collen preso, o xulgan cun xuízo rápido e trampulleiro e a posterior execución coma un bandido, revolucionario, herexe ou algo similar. Dous momentos moi vinculados entre si. Xesús, seguindo nisto, coma noutras cousas, a tradición dos profetas do seu pobo, era dado a facer sinais proféticos, que eran xestos, accións que descolocaban as persoas que estaban con el; xestos e accións cargados dun fondo significado, e que poñían en cuestión formas normalizadas de entender a vida, a vida relixiosa, a vida social. O xesto da Eucaristía quizabes fose o xesto profético máis significativo de Xesús, o que máis quedou na memoria e na práctica das comunidades cristiás. Pero houbo moitos máis. Este da entrada “triunfal” en Xerusalén, montado nun burro, entre os berros e ramos dos seus admiradores, foi un deles.

A acción profética da entrada de Xesús en Xerusalén en burro máis que acentuar a súa pretensión mesiánica, coloca unha nota non disimulada de burla e de comedia contra os xerais e emperadores que si facían entradas triunfais nas súas cidades, coma expresión manifesta da súa vontade de dominio e de poder. Xesús, coma xa fixera noutras ocasións, móstrase contrario a todo iso. Non é algo sen importancia a escolla do burro para entrar na cidade nunha procesión que, adrede, debeu suscitar o riso, pero tamén a preocupación sobre todo entre os xefes relixiosos e políticos que o puideron contemplar. Era unha aposta pública polo non poder, pola non violencia, por unha sociedade ou Reino de Deus construído sobre bases de circularidade fraterna. E para este modelo de vida e de convivencia, urxido por Deus e pola realidade da vida, Xesús sentíase chamado, enviado, comprometido. E como tal se ofrecía a quen o contemplaba.

Resulta evidente que na Igrexa practicamente todos temos desvirtuado a forza profética desta acción de Xesús. A ningún poder lle molestan hoxe as nosas procesións de ramos. En poucas ocasións a procesión de ramos é entendida coma unha protesta e aposta relixiosa e social por un modelo de sociedade e de Igrexa revulsiva, que poña as formas humildes, as estruturas fraternas, o pacifismo activo coma unha maneira de vivir e de convivir, de facer Igrexa e sociedade. É posible recuperar algo polo menos a fondura e o significado da acción profética de Xesús?

E logo o relato da paixón. Pode ser un relato que nos acompañe toda a Semana Santa. É unha práctica encomiable ir lendo aos poucos toda a Paixón de Xesús; léndoa, meditándoa, reparando na figura mesma de Xesús e na súa maneira de ir vivindo e afrontando aquelas horas extremas, de máximo vituperio, de máximo amor, de máxima solidariedade, de máximo desacougo, de máxima confianza. Reparando tamén nas figuras, nas palabras, nas actitudes das diferentes persoas que van aparecendo en escena, desde o frío Pilato ata o pobre Simón de Cirene, que, sen querelo nin buscalo, houbo de cargar en parte coa cruz de Xesús; desde o traizoeiro Xudas, ata o voluntarioso Pedro. E pensar que a paixón de Xesús realízase hoxe, coma tamén daquela, no corpo e no ánimo inocente de moitas persoas que, no nome do poder político, económico ou relixioso, sofren abuso, persecución, burla e morte.Que papel estamos xogando nós en todo esa dramatización real que a vida de cada día nos ofrece?

Preces

BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR!

Bendito sexas, Xesús, pola forza que tiñas para criticar o poder desde a mansedume e desde a non violencia. Que saibamos imitarte. Oremos.

Bendito sexas, Xesús, polo grande amor co que nos amaches e co que te puxeches sempre ao servizo da xente pequena, débil e pecadora. Oremos.

Bendito sexas, Xesús, en todas as persoas que loitan para que o pan, o traballo, o respecto, a dignidade chegue por igual a todas as casas do mundo. Oremos.

Bendito sexas, Xesús, nas persoas que coidan os enfermos, que atenden os velliños, que axudan os emigrantes, que comparten diñeiro e amizade con quen non ten. Oremos.

Bendito sexas, Xesús, con todos os homes e mulleres cristiás que nesta Semana Santa queremos aprender de ti a mellor maneira de servir a Deus e a mellor maneira de servir tamén a sociedade na que vivimos. Oremos.

Oración
Estando ti en Betania, Xesús,
na casa de Simón o Gafo,
recostado na mesa, comendo,
chegou unha muller cun frasco de alabastro
cheo de perfume de nardo puro, moi caro,
rompeu o frasco e unxiuche a cabeza.
(Mc 14, 3 e seguintes)

Asegúrovos --dixeches ao final--
asegúrovos que onde queira que se anuncie a Boa Nova,
polo mundo enteiro,
falarase, para honra dela,
do que acaba de facer esta muller.

Unxido no silencio,
venerado no silencio,
admirado no silencio,
tocado agarimosamente no silencio,
amado no silencio,
desmesuradamente amado no silencio...

Non te fixas en ti, Xesús,
obxecto de tanto amor,
senón no corazón abundante daquela estraña muller,
quizabes descoñecida de ti,
a quen quizabes nunca volviches ver,
que fora capaz de entrar na fervenza de amor solidario
que movía cada día o teu paso, as túas entrañas.

De corazón a corazón,
de amor a amor,
no xesto sentido e silencioso daquela muller
rompíanse as tebras,
descubríanse os afectos,
abríase o mundo,
e unha vaga de paixón espallábase polo arredor
coa promesa de algo fondamente novo e mellor.

E a xente pobre seguía aí,
non deixada de lado senón á espera
de que tanto amor se convertera
na firme, ampla e complexa maquinaria
de paz, de pan e de dereitos
que cómpre ter
para que Deus sexa Deus en nós
e o mundo ande.

Asegúrovos –repetiches--,
falarase do que acaba de facer esta muller,
para honra dela.
Acción

Para seguir a tradición e vivila a fondo, podo cortar un ramiño de loureiro e levalo con devoción á celebración parroquial, na medida en que estea permitido polo do coronavirus. Senón, podo ir honrar a algunha persoa fráxil, excluída, soa, que para nós é a mellor imaxe do Cristo de Ramos e da Paixón.


29 de marzo: Luns da Semana Santa

1ª lectura: Is 42, 1-7
Salmo: 26, 1. 2. 3. 13-14

Evanxeo: Xn 12, 1-11

Seis días antes da Pascua foi Xesús a Betania, onde estaba Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. Fixéronlle alí unha cea. Marta servía, mentres que Lázaro era un dos comensais.

Daquela María, collendo unha libra de perfume de nardo puro, de moito prezo, unxiu os pés de Xesús e enxugoullos cos seus cabelos. A casa quedou chea do recendo do perfume. Pero Xudas, o Iscariote, un dos seus discípulos, o que o había entregar, dixo:

—Por que non se vendeu ese perfume por trescentos denarios, e non se lles deron aos pobres?

Dixo isto non porque tivese interese polos pobres, senón porque era ladrón e, tendo el a bolsa, botaba man do que se metía nela.

Pero Xesús replicou:

—Déixaa estar, que o tiña gardado para o día do meu enterro; pois os pobres sempre os tedes entre vós, mentres que a min non sempre me ides ter.

Moitísimos xudeus souberon entón que el estaba alí e viñeron non só por Xesús, senón tamén para veren a Lázaro, a quen resucitara de entre os mortos. Pero os sumos sacerdotes decidiron matar tamén a Lázaro, pois moitos, por causa del, fuxían dos xudeus e crían en Xesús.

Meditación

Seguimos camiñando pola Semana Santa. Un encontro de amizade. Un xantar de festa e de agradecemento, como tanto lle gustaba a Xesús. Un xesto excepcional dunha muller, María, que non sabe como lle mostrar a Xesús o seu agarimo, o seu agradecemento, botando a casa pola ventá. A protesta interesada de Xudas. O presentimento dunha morte próxima, que había que acompañar.

Estas poden ser tamén as claves destes días que nos levarán á morte e a resurrección de Xesús: Estar con Xesús, acompañalo, envolvelo no recendo dun amor sincero, agradecido, coherente. Coa diferenza importante de que agora podemos xuntar os intereses de Xudas e máis os de María: non temos a Xesús fisicamente no medio de nós, pero temos a xente pobre, débil, con calquera clase de debilidade, á que podemos visitar, obsequiar, coidar, por si mesmas, por seren imaxe viva do noso Señor.

Oración
Grazas, meu Deus, por Marta,
a servidora, a que atendía a mesa,
a que satisfacía as necesidades da xente.
Grazas, meu Deus, por María,
a amante agarimosa,
que adiviñaba penas e glorias,
e se poñía en todo ao servizo do amado.
Grazas, meu Deus, tamén por Xudas,
que, sen decatarse da densidade daquela hora,
nos recorda o lugar central
que os pobres deben ter na vida cristiá.
Grazas polas Martas, Marías e Xudas do presente.
Acción

Pensando en Xesús, neste día ben podiamos visitar a algunha persoa pobre, enferma, abandonada, e obsequiala con algo, sen escatimar medidas. Por aquilo de meternos nese mundo do gratuíto que tanto ía con Xesús.


30 de marzo: Martes da Semana Santa

1ª lectura: Is 49, 1-6
Salmo: 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab. 15 e 17

Evanxeo: Xn 13, 21-33. 36-38

Naquel tempo, estando Xesús na cea cos seus discípulos, turbouse no seu interior e declarou abertamente:

—Con toda verdade volo digo, un de vós hame de entregar.

Os discípulos miraban uns para outros, sen saberen de quen falaba. Estaba recostado no peito de Xesús un dos seus discípulos, aquel a quen Xesús amaba. Entón Simón Pedro fíxolle un aceno, para que lle preguntase a quen aludía. Daquela el, así apoiado no peito de Xesús, preguntoulle:

—Señor, quen é?

Xesús respondeulle:

—É aquel a quen eu lle vou dar o pan mollado.

E, mollando o pan, deullo a Xudas, o de Simón Iscariote. E naquel instante, xunto co pan entrou nel Satanás. Entón díxolle Xesús:

—O que vas facer, faino axiña.

Ningún dos que estaban sentados á mesa comprendeu por que lle dixera isto. Algúns coidaban que, ao ter Xudas a bolsa do diñeiro, dicíalle Xesús: merca o que precisamos para a festa, ou que lles dese algo aos pobres. El, collendo o pan, saíu axiña. Era de noite.

Cando saíu, dixo Xesús:

—Agora queda glorificado o fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus fillos, só un pouquiño estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles dixen aos xudeus, dígovolo a vós agora: onde vou eu vós non podedes vir.

Simón Pedro preguntoulle:

—Señor, onde vas?

Xesús respondeulle:

—Onde eu vou non podes ti seguirme agora, seguirasme despois.

Pedro replicoulle:

—Por que non podo seguirte agora? Estou disposto a dar a miña vida por ti.

Xesús respondeulle:

—Que ti darás a túa vida por min? Con toda verdade cho aseguro: non cantará o galo, antes de que me negues tres veces.

Meditación

O evanxeo de hoxe vai de traizóns e abandonos. Aproxímase a cruz e con ela a morte, e con ela a hora da glorificación de Deus, da glorificación do seu fillo, porque era o momento do máximo amor, do máximo servizo, da máxima entrega. E xustamente aí, no momento crucial, anúncianse traizóns e abandonos: Xudas desde o seu particular mundo interior, que nunca coñeceremos ben, e Pedro desde unha suposta valentía aínda non confrontada cos momentos de aperto. O resto dos discípulos, incluído o amado, seguirían os mesmos pasos.

E nós que? Cales son as nosas covardías, os nosos abandonos? A cantos momentos de intimidade con Xesús lle teñen seguido pola nosa parte momentos, decisións, formas de vida que manifestan un distanciamento claro con Xesús! Canto, seguro, nos temos arredado del, do seu camiño de servizo, da súa confianza absoluta en Deus, do seu apego á xente máis débil, na que a diario se nos ofrece!

Oración
Que non me chufe, Xesús,
cando non debo.
Que aprenda a andar con paso humilde,
como ben me corresponde.
Que polo menos saiba recoñecer
os meus erros e pecados,
as miñas covardías,
as miñas traizóns,
contigo, coa xente.
Que saiba poñelas
á calor da túa comprensión,
do teu perdón,
da túa forza,
da túa capacidade de abrir camiños novos.
Acción

Podemos mirar se nalgunha cousa concreta, nalgunha promesa, nalgún compromiso lle estamos fallando á xente, á comunidade, á sociedade. Se restituímos coa xente, restituiremos con Deus.


31 de marzo: Mércores da Semana Santa

1ª lectura: Is 50, 4-9a
Salmo: 68, 8-10. 21bcd-22. 31 e 33-34

Evanxeo: Mt 26, 14-25

Entón un dos doce, chamado Xudas Iscariote, foi onda os sumos sacerdotes e díxolles:

—Canto me dades se volo entrego?

Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. E dende aquela andaba buscando o momento axeitado para llelo entregar.

No primeiro día dos Ázimos os discípulos fóronlle preguntar a Xesús:

—Onde queres que che preparemos a cea pascual?

El respondeu:

—Ide á cidade, á casa de fulano e dicídelle: “O Mestre di: o meu tempo está preto, vou celebrar a Pascua cos meus discípulos na túa casa”.

Os discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.

Chegado o solpor, púxose á mesa cos doce. E mentres ceaban díxolles:

—Asegúrovos que un de vós me vai entregar.

Moi tristes empezaron a preguntarlle un por un:

—Non serei eu, Señor?

El respondeu:

—Un que meteu comigo a man no prato, ese entregarame. O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero ai daquel que entrega o Fillo do Home! Máis lle valía non ter nacido.

Entón Xudas, o que o ía entregar, preguntoulle:

—Non serei eu, Mestre?

Respondeulle:

—Ti o dixeches.

Meditación

“Un que meteu comigo a man no prato”, é dicir, un dos nosos, un dos íntimos, un co que tiña compartido todo, un que puido coñecer e ter experimentado de que ía todo isto, que ía de ser gratuítos, de ser solidarios, de iniciar e respectar procesos de cambio nas persoas e na sociedade, … Pero que, polo que fose, non se namorou a fondo das propostas de Xesús, ou lle asustaron, ou as acabou vendo unha parvada que non levaban a nada.

En Xudas acabou mandando o seu interese, económico ou non económico, a súa particular visión das cousas, e a distancia con Xesús e todo o de Xesús fíxose infinita. O evanxeo propónsenos, neste caso, para que nós nos vexamos no espello de Xudas. ¿Canto hai en nós de pasar polas propostas de Xesús sen entrar a fondo nelas? ¿Canto hai en nós de darlle prioridade na nosa vida aos nosos intereses económicos, de poder, de imaxe, do que sexa? ¿Con cantas persoas, en cantas ocasións podemos actuar así, esquecendo fidelidades e deixándonos levar por intereses?

Pero tamén nos podemos mirar no espello de Xesús, que afrontou infidelidades e perseverou ata a fin.

Oración
Cantas veces, Xesús,
me obsequiaches coa túa amizade,
coa túa palabra, co teu espírito!
Cantas veces me invitaches
para comer no teu mesmo prato,
intimando contigo,
intimando cos teus íntimos
no mundo da debilidade!
Cantas veces me tes proposto
vivir como persoa cristiá,
a fondo,
e ser testemuña túa
no medio desta sociedade
potente e empobrecida a un tempo!
Cantas veces!
E cantas veces eu, coma Xudas,
che dei as costas
e busquei as miñas comenencias!
Acción

As imaxes de Xesús que paseamos polas nosas rúas nestes días de Semana Santa non son a súa mellor imaxe. E mellor imaxe de Xesús no medio de nós sono as persoas máis empobrecidas e marxinadas. ¿A algunha delas lle dei as costas? ¿Podo reparar eses meus abandonos?


1 de abril: Xoves Santo

1ª lectura: Ex 12, 1-8. 11-14
Salmo: 115, 12-13. 15-16bc. 17-18
2ª lectura: 1 Cor 11, 23-26.

Evanxeo: Xn 13, 1-15

Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai, e, xa que amara os seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.

E, mentres ceaban –xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase--, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois botou auga nunha almofía (palangana) e comezou a lavarlles os pés aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:

—Señor, ¿vasme ti lavar os pés a min?

Xesús respondeulle:

—O que eu fago ti non o entendes agora; halo comprender despois.

Pedro replicoulle:

—Ti non me lavaras os pés a min endexamais.

Xesús respondeulle:

—Se non te lavo, non terás parte comigo.

Exclamou Simón Pedro:

—Señor, daquela os pés, as mans e máis a cabeza.

Dille Xesús:

—Quen se bañou non precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.

Sabía quen o había de entregar, por iso dixo: Non todos estades limpos.

Despois de que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:

—¿Comprendedes o que fixen convosco? Vós chamádesme “Mestre” e “Señor”, e dicides ben, porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós.

Meditación

Todas, todos gozamos moito cando vemos unha persoa que se distingue pola súa capacidade de servizo á xente, sen buscar as súas comenencias. Recentemente puidemos ver a película de Vicente Ferrer, o xesuíta, logo casado, que na India levou a cabo unha inxente labor de promoción humana desde unha actitude de servizo, e a todos nos gustou moito a traxectoria desa persoa. Hai pouco case España enteira se enchía de agradecementos por Adolfo Suárez, pola súa capacidade para poñer harmonía, entendemento entre os políticos e porque non buscou o enriquecemento aproveitándose do seu cargo, como si fixeron antes e despois del moitos outros. E, sen pensar xa en xente tan destacada, canto nos sorprende e nos alegra tamén ver que na nosa parroquia, na nosa comunidade cristiá, na nosa vila, tal ou cal persoa se significa pola súa disposición a colaborar, a servir, a gastar tempo, preocupación, cartos, en ben de algo comunitario. Seguro que todos, todas, saberiamos dicir o nome dalgunhas destas persoas que tanto nos compracen e animan. Con eles, con elas ao noso lado, parece que a vida se nos fai máis doce, as dificultades achícanse e o futuro colle outra cor.

De Xesús de Nazaré sabemos que desenvolveu a súa vida pensando na demais xente e pola demais xente entregando a súa vida toda; non foi el o que botou a andar esta estupenda roda do amor convertido en servizo ás demais persoas, pero podemos dicir con toda a seguridade do mundo que a partir de Xesús, alentados/as por el, moitas persoas ao longo dos séculos entenderon e viviron felizmente a vida pensando nas demais persoas e servíndoas o mellor que souberon e puideron. Fixéronlle caso a Xesús niso que Xesús dixera: "Vós chamádesme Mestre e Señor e dicides ben, porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros/as." Fixéronlle caso e, polo que se ve e se sabe, foron moi felices facéndoo así. Como andamos nós con isto do amor feito servizo a quen nos rodea? Como anda a nosa comunidade cristiá? Por isto podemos medir a calidade, a quentura da nosa vida cristiá. Unha persoa está unida, fai corpo con Xesús, e a través de Xesús con Deus, na medida en que descobre e práctica iso tan sinxelo e tan fermoso de amar servindo. Felices nós se así o descubrimos e así o vivimos. Teremos unha vida nova! Seguro!

Pero, aínda que é tan fermoso e tan atraínte, tamén é certo que non sempre é doado vivir así. O mesmo evanxeo de hoxe, ao lado de Xesús, ponnos outros dous personaxes aos que tamén lles debemos prestar atención para abrir os ollos e aprender. Son Xudas e Pedro. De Xudas sabemos pouco. Era discípulo de Xesús, e, non se sabe por que entendeuse coas autoridades relixiosas xudías para poder prender e logo matar a Xesús. Despois colgouse. Un traidor desesperado. Pero por que? Os evanxeos non son claros ao respecto e enténdese que Xudas, que era un xudeu apaixonado contra os dominadores romanos, viuse decepcionado por Xesús, pola súa maneira de querer resolver as cousas a base de amar a xente débil, de servila, de querer gañar así os corazón das persoas, e facer un cambio fondo na sociedade. Xudas quería guerra, armas, solucionar as cousas pola violencia. Xesús pensaba noutra violencia: a do amor servidor a fondo. Dous modelos de vida. Dúas formas de estar na sociedade e de cambiala. Onde nos situamos nós? Como intentamos resolver os moitos problemas que, por exemplo, estamos vivindo nestes tempos de crise? Como resolvemos as dificultades de convivencia que cada día podemos ter coa xente da casa, coa xente veciña, ou na mesma comunidade cristiá?

O outro personaxe é Pedro. Pedro estaba totalmente collido por Xesús. Desde aquela mañá en que Xesús o chamara estando el na pesca co seu irmán Andrés, enganchárase a Xesús dunha forma apaixonada. Pero custáballe entender moitas cousas de Xesús. E en especial algo que para Xesús era case o máis importante: que o poder máis grande é o do servizo, e que, por iso mesmo, quen ten autoridade debe sobresaír pola súa capacidade de servir. Pero Pedro pensaba, como a maioría de nós, no señorío: quen manda debe non servir, senón ser servido coma un señor. E por iso non quería por nada do mundo que Xesús lle lavase os pés, que era cousa de criados e criadas. Xesús púxoo entre a espada e a parede: pois ou deixas que che lave os pés ou ti e máis eu non temos nada que ver un co outro. Pedro cedeu. Nós somos bastante coma Pedro. Iso de que quen manda teña que servir máis parécennos unhas palabras bonitas que ninguén cumpre, porque quen manda, manda, e acabouse. E así nos vai. Empézase por servilos, logo por ofrecerlle regalos, logo por querer sacar algún proveito deses regalos, e acabamos no que todos e todas ben sabemos. Nunca coma nos tempos de hoxe nos fai tanta falla deixarnos coller pola proposta de Xesús: o amor convertido en servizo, a autoridade convertida en servizo é o único que pode abrir camiños novos na escuridade que poida enredar as nosas vidas. Só o servizo á xente máis débil salva, libera.

Nunca como na celebración de hoxe poderemos chegar tanto ás fontes do amor e do servizo, con Xesús, en comunidade como ten que ser.

Preces

LAVÉMONOS OS PÉS UNS AOS OUTROS

Xesús, grazas por nos amares ata o extremo. Que saibamos corresponderche como mereces co noso amor e paixón por ti e polo teu estilo de vida. Oremos.

Xesús, grazas por te faceres criado e servidor noso. Que saibamos aprender de ti e facernos servidores uns dos outros/as, e nunca persoas de abuso e chulería. Oremos.

Xesús, grazas por nos teres ensinado co exemplo como se serve e axuda. Que saibamos ser persoas de axuda e colaboración en todo, con todos e todas. Oremos.

Xesús, grazas por ternos ensinado que a relixión verdadeira se realiza no coidado coa xente máis débil. Que saibamos compartir o noso tempo, os nosos coidados, os nosos cartos con quen o preciso para vivir. Oremos.

Oración
O Xoves Santo
naquela cea cos teus discípulos e discípulas
abríchesnos as fontes do amor.
Grazas, Xesús.

Viñeras amando e servindo,
porque así o aprenderas de Deus, a quen tanto querías,
e o teu amor daquela chegou ata o extremo.
Grazas, Xesús.

Durante a cea,
que con tanta intensidade celebrabas coa túa xente,
quitas o manto, colles a toalla,
e poste a lavarlles os pés aos teus amigos e amigas.
Grazas, Xesús.

Laváchesllos a Xoán, o discípulo amado,
pero tamén a Pedro, o de cabeza dura,
e a Xudas, o traidor,
a todas e a todos.
Nós estabamos tamén alí dalgunha maneira.
Tamén a todas, a todos nós nos lavaches os pés.
Grazas, Xesús.

Non excluíches a ninguén,
que ti non sabes de exclusións:
nin o/a divorciada volta a casar,
nin o/a alcohólica de quen todo o mundo se sente ou burla,
nin o/a gay que se avergonzaba de selo,
nin o rico financeiro insolidario,
nin a musulmá medio agachada nos seus habitelos,
nin o violador do ensanche,
nin a min.
Grazas, Xesús.

Inauguraches uns tempos novos.
Abríronse as fontes do amor
para que nelas bebese quen ben quixer,
gratuitamente.
O servizo sen fronteiras empezou a ser o sinal de identidade
de quen quixese andar os teus camiños.
Grazas, Xesús.

Déchelo todo,
décheste todo, sen reservas,
exemplo de servizo e de coidados
para o día do amor revolucionario que quedaba para sempre inaugurado.
Grazas, Xesús.
Acción

É o día do amor da irmandade. Quizais un bo día para ler algún capítulo da carta do Papa Francisco “Fratelli tutti” (todas e todos irmáns). Un bo día tamén para vermos en que cousas, en que accións concretas estamos levando á práctica ese ensinanza viva de Xesús, de querernos coma irmáns e irmás e de lavarnos os pés entre nós.


2 de abril: Venres Santo

Celebración da paixón do Señor

1ª lectura: Is 52, 13—53, 12
Salmo: 30, 2 e 6. 12-13. 15-16. 17 e 25
2ª lectura Heb 4, 14-16; 5, 7-9

Paixón segundo Xoán: 18, 1—19, 42

Por se a algún grupo ou comunidade lle pode servir, ofrecemos esta forma de celebración, partindo da oficial, pero adaptada ás condicións sobre todo dunha celebración onde o sacerdote non poida estar presente.

Empezamos presentando as catro partes das que se compón a celebración de hoxe, despois da introdución: Liturxia da Palabra, Pregaria universal, Adoración da Santa Cruz e Comuñón.

Introdución

Recollémonos en comunidade, diante de Deus, diante de Xesús morto na cruz. A morte sempre é algo digno de moito respecto, de agarimo, de agradecemento; a morte de Xesús tamén o é, e dunha maneira moi excepcional: Xesús, o fillo de Deus, sempre buscando servir e agradar a Deus, sempre buscando servir e agradar á xente máis débil, máis marxinada, máis pecadora…, Houbo xente que quixo acabar con el e coas súas ideas, e co seu estilo de vida tan de irmán. Matárono, e hai nisto un misterio grande de maldade que nos envolve a todos e todas, pero sabemos que Deus recolleuno na súa vida para sempre, e hai aquí tamén un misterio grande de vida e de salvación que a todos e todas nos alcanza..

Poñémonos diante da cruz, diante do Cristo crucificado, que hoxe ademais tamén representa a toda a xente inocente do mundo que sofre abusos e morte por parte dos poderosos. Oramos en silencio.

Pregaria para rezar xuntos
Pai noso do ceo,
grazas por pensares en nós.
Grazas por achegarte a nós
para nos dar vida e alento.

Grazas por Xesús,
tan bo, tan humilde, tan valente,
tan arrimado sempre
á xente débil e pecadora,
entre a que estamos tamén nós.

Imos recordar a súa morte:
amounos ata a morte,
e morte de cruz.
Recordámola con admiración e agradecemento,
Recordámola tamén
querendo aprender
o camiño de vida que Xesús nos ensinou,
feito de amor e de servizo.

Que o teu Espírito bo
nos abra os ollos,
nos abrande o corazón
para comprender be e amar
canto fas por nós.
Por Xesús Cristo o noso Señor. Amén.
Liturxia da Palabra

Lemos un anaco da paixón segundo san Xoán. Antes ou despois da mesma podemos rezar o salmo 30, da liturxia de hoxe, sempre e cando non se lea algunha das primeiras lecturas. Lese a paixón e comentámola un pouco, repasando algúns momentos da mesma, fixándonos no comportamento de acollida ou de rexeite das diferentes persoas que aparecen no relato.

Pregaria universal

Hoxe, cando recordamos a morte de Xesús na cruz polo ben de toda a xente do mundo, presentámoslle a Deus as nosas oracións, para que o ben, a irmandade que Xesús veu espallar entre nós, nos colla a todos, e vaiamos acabando co que fai sufrir a xente. Contestamos a cada oración dicindo xuntos:

NA TÚA CRUZ, XESÚS, ESTÁ A NOSA SALVACIÓN

Pedimos pola xente enferma, soa, desamparada, que hai entre nós e polo mundo adiante.

—Señor, ben ves que hai moita xente que sofre por estar enferma, moita con enfermidades moi graves; hai xente que padece por sentirse soa, moi soa, e desamparada, sen ninguén que mire por ela. Que, alentados por ti, teñamos moi presente a esa xente na nosa vida, que saibamos acompañala e apoiala no que poidamos. Recemos xuntos.

Pedimos agora pola xente que está sen traballo ou que non gaña o necesario para vivir con dignidade.

—Poñemos nas túas mans, Deus noso, a toda a xente que non ten medios de vida, que carece de pan, de menciñas, de casa; xente que foi botada das súas casas e dos seus traballos. Que contigo saibamos comprender e defender os seus dereitos e loitar por unha sociedade máis xusta. Recemos xuntos.

Pedimos tamén pola xente de fóra que vén traballar e vivir entre nós.

—Lembrámonos diante de ti, Pai noso, a xente estranxeira, que veu a Galicia, a España, buscando medios de vida para si e os seus. Que saibamos comprendelos e apoialos, que saibamos integralos dándolles e pedíndolles o que é de xustiza e de amor. Recemos xuntos.

Pedimos polos centos e centos de persoas que polo mundo adiante están sendo asasinadas por seren cristiás. Que, seguíndote a ti, todos aprendamos a respectar as ideas, a relixión, a cultura dos demais, e sobre todo a súa vida. Recemos xuntos.

Pola xente musulmá e cristiá que é violenta, que pensa que matando e arrasando se solucionan os problemas dos países e do mundo. Para que creamos firmemente na paz, a vivamos, a coidemos día a día en todas as nosas actuacións. Recemos xuntos.

E, por último, pidamos pola nosa parroquia, por todas as parroquias do mundo, por toda a Igrexa, para que aprendamos a sentir e a vivir como Cristo o fixo, para poñer no mundo unha boa semente de paz, de xustiza e de felicidade. Recemos xuntos.

Adoración da cruz

Pódese facer con procesión ou sen ela. Sería mellor con procesión, crear un pouquiño de movemento convértese nun rito proveitoso, que rompe coa monotonía. Tres pequenas paradas, tres exclamacións e cantos de adoración, e logo o bico de todos, todas, á cruz. Para empezar este rito pódese dicir:

Agora imos adorar a cruz, que nos recorda a cruz na que morreu por nós o noso Señor Xesús Cristo. Esta cruz recórdanos a cruz de todos os que sufriron e aínda sofren por defender a irmandade entre a xente. Esta cruz tamén os recorda a cruz de moitísima xente e pobos inocentes que aínda hoxe sofren sen razón por causa da maldade nosa e doutras persoas ou pobos. Facémolo con sinxeleza e devoción, agradecendo todo o amor que Xesús nos ten, e recoñecendo o mal que facemos, polo que ás veces facemos que outros padezan por culpa nosa. Adoramos, logo, a cruz con amor, con pena, e con ganas de deixarnos coller pola forza de amor e de ben que brota da cruz de Xesús.

MIRADE A ÁRBORE DA CRUZ,
ONDE ESTIVO CRAVADO O SALVADOR DO MUNDO.
VIDE, ADORÉMOLA.

—VITORIA, TI REINARÁS.
OUH CRUZ, TI NOS SALVARÁS.

Comuñón no corpo de Xesús

Agora imos recibir a Santa Comuñón. O Pan de Xesús é o sacramento polo que hoxe Xesús se quere unir intimamente con cada un de nós, e con cada unha das persoas que sofren no mundo .Tamén é a maneira que nós temos de nos unir intimamente con el e con todos os que levan cruz entre nosoutros e no mundo enteiro.

Rezamos primeiro o Noso Pai, dándonos as mans.

Despois da Comuñón,

ACCIÓN DE GRAZAS

Estamos un pouquiño en silencio recollendo con agradecemento algo do que vivimos nesta celebración.

Agora dámos grazas xuntos. (Pódense ler todos ou algúns destes agradecementos; pódese tamén dar paso a que a xente presente os seus propios agradecementos). Contestades a cada agradecemento dicindo:

GRAZAS, XESÚS

Polas palabras de ánimo coas que lle devolviches a esperanza a tanta xente.

Pola fe e a confianza firme en Deus Pai que sempre viviches.

Por te arrimares con tanta paixón e tanto amor á xente máis débil e marxinada.

Polo amigo que sempre fuches de amigar coa xente pecadora para axudalos sen desprezos.

Polo considerado que fuches sempre coas mulleres nunha sociedade tan machista como a que che tocou vivir.

Porque sempre te dedicaches a servir a xente, e nunca a señorear e a aproveitarte dos demais.

Polo aguante que tiveches nas horas de sufrimento e de abandono.

Porque nunca contestaches con mal e con violencia ao mal e á violencia que che facían.

Porque amaches ata a morte, con moito humildade e valentía.

Pola forza que tiñas para te encarar coas persoas que esmagaban os débiles.

Polo teu corpo entregado polo ben e a paz de todos.

Polo teu sangue vertido coma semente de irmandade.

Polo teu espírito, que é potente para cambiarnos a nós e ao mundo.

Por todos os homes e mulleres que seguiron o teu camiño e nos achegan a ti.

Por toda a xente que hoxe loita coma ti, para que o mundo sexa máis xusto e feliz.

Polo Deus que nos ensinaches, doído, misericordioso e loitador pola dignidade de toda a xente do mundo.

Por seguires vivo entre nós, alentándonos cara á liberdade e á felicidade fonda e verdadeira.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.