CAPÍTULO OITAVO
AS RELIXIÓNS AO SERVIZO DA FRATERNIDADE NO MUNDO
Texto deste capítulo en galego:
(tradución de Nuria Núñez)
Guía para a lectura por Pilar Wirtz Molezún
Con este capítulo chegamos ao final desta carta Encíclica que o Papa Francisco ofrece a toda a humanidade. Na súa introdución quere deixalo claro que, "si ben escribín desde as miñas conviccións cristiás, que me alentan e nutren, procurei facelo de tal maneira que a reflexión se abra ao diálogo con todas as persoas de boa vontade" (6)
Neste capítulo, a modo de conclusión, recolle o tema da relación das relixións coa fraternidade universal. Nesta liña, toca tres aspectos fundamentais: 1) Deus Pai como fundamento; 2) O específico da identidade cristiá; 3) Relixión e violencia
1) Deus Pai como fundamento. O Papa quere deixar claro o fundamento último da fraternidade: "sen apertura ao Pai de todos, non haberá razóns sólidas e estables para a chamada á fraternidade. Estamos convencidos que só con esta conciencia de fillos que non son orfos podemos vivir en paz entre nós". (272) As persoas crentes nas distintas relixións sabemos que Deus é o fundamento último do noso empeño por construír a fraternidade universal. Que "buscar a Deus cun corazón sincero, sempre que non o utilicemos para os nosos intereses ideolóxicos ou instrumentais, nos axuda a recoñecérmonos compañeiros de camiño e verdadeiramente irmáns" (274)
2) O específico da identidade cristiá. A igrexa valora a acción de Deus noutras relixións, respecta as diferentes fontes das que se nutren, busca dialogar e aprender de todas neste camiño de descubrimento do único Deus Creador e Pai. Con todo, estamos chamados a vivir a nosa identidade cristiá confesando a nosa fe no Deus de Xesús. "Os cristiáns non podemos esconder que si a música do Evanxeo deixa de vibrar nas nosas entrañas, perderemos a alegría que brota da compaixón, a tenrura que nace da confianza, a capacidade de reconciliación que encontra a súa fonte en sabérmonos perdoados-enviados". (277)
3) Relixión e violencia. O Papa expresa que o terrorismo e a guerra non teñen a súa causa na relixión -aínda que os terroristas a utilizan- "senón nas interpretacións equivocadas dos textos relixiosos, nas políticas de fame, pobreza, inxustiza, opresión, arrogancia". (283) "O mandamento da paz está inscrito no profundo das tradicións relixiosas que representamos" (284)
Francisco recorda o encontro fraterno e gozoso co Gran Imán Ahmad Al-Tayyeb no que xuntos declararon "que as relixións non incitan nunca á guerra e non instan a sentimentos de odio, hostilidade, extremismo, nin invitan á violencia". (285) Para confirmar esta convición, termina a Fratelli Tutti cun chamamento conxunto de paz, xustiza e fraternidade.
Algunhas pistas vitais para andar o camiño:
A nosa experiencia de Deus Pai/Nai, estanos axudando a ser persoas tolerantes, pacientes, comprensivas,... nas nosas relacións familiares, sociais, eclesiais? En que xestos o percibimos?
Deixamos resoar dentro de nós a "musica do evanxeo"? Como e en qué se manifesta: alegría, compaixón, reconciliación, solidariedade, bondade?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.