26 maio, 2021

Tempo Ordinario: 9ª semana




30 de maio: Solemnidade da Santísima Trindade

1ª lectura: Dt 4, 32-34. 39-40.salmo: 32. 4-5. 6 e 9. 18-19. 20 e 22
2ª lectura: Rom 8, 14-17.

Evanxeo: Mt 28,16-20

Naquel tempo, os once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo a Xesús, prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban. Entón acercouse Xesús e díxolles:

—Déuseme todo poder no ceo e máis na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

Meditación

Despois de pechar o tempo pascual coa festa de Pentecoste, poñémoslle coma un broche de ouro coa festa da Trindade. É unha maneira sinxela de dicir que todo canto de fondo e marabilloso estivemos vivindo, seguindo os pasos da vida, da paixón, da morte e da resurrección de Xesús de Nazaré, ten sentido nese marco simple e inabarcable, próximo e misterioso, que é o marco da Trindade: o Pai, o Fillo, o Espírito Santo.

A Trindade máis ca unha teoría sobre Deus é unha práctica posible en Deus, desde Deus. Que Deus sexa trinitario, como afirmamos no noso credo, quere dicir cousas substanciais, fondas: que o noso Deus é Deus, que o noso Deus é Deus en relación, que sae de si permanentemente e se vincula con toda a creación, con todos e cada un dos homes e mulleres que xeración tras xeración fomos e imos compoñendo a humanidade; que se vincula con toda a creación, e con todos e cada un dos seres que a compoñemos, non desde unha simple aparencia ou dunha distancia prudente, senón desde unha case identificación, desde unha case unidade, que nos permite sermos en Deus, e que lle permite a Deus ser El mesmo en nós.

Deus é sempre, polo tanto, un Deus feito carne, feito mundo, feito historia, antes e despois de que contundentemente realizase isto na persoa do seu fillo Xesús. Xesús, encarnación de Deus, é o que nos abre os ollos para que nos decatemos de cal é a realidade máis fonda e determinante de cada un de nós: somos tamén encarnación de Deus, e estamos chamados a desenvolver o mesmo dinamismo de presenza do divino en nós que Xesús viviu. De nada nos valería crer na encarnación de Deus en Xesús, se non cremos nesa mesma encarnación de Deus en cada un, en cada unha de nós, e se non lle deixamos a Deus ser Deus nas nosas vidas miúdas.

Todo isto son redes fondas de identidade humana, crente, de identidade social e cósmica, que se tecen e se desenvolven no Espírito, o cal non quere dicir que sexan algo caprichoso, algo sen fundamento. O Espírito é este vínculo fondo, creador, dinamizador que nos permite andar en rede, andar vinculados, andar en comunidade, andar en solidariedade ao redor desde foco de luz, de amor e de solidariedade que é Deus.

En Deus, pois, somos todos, todas, persoas trinitarias tamén. A Trindade non é algo alleo a nós, é a nosa mesma condición de vida: somos encarnación de Deus no Espírito. Somos fillos, fillas, no Fillo, no Espírito. E isto vívese, realízase, fortalécese, experiméntase sempre que deixamos que as nosas vidas se tezan con fíos de comuñón, de solidariedade, de dependencia positiva, de interdependencia, superando egoísmos, superando obsesións por considerarnos a cada un, cada unha de nós, coma o centro de non sabemos qué, rompendo coa praxe do ‘sálvese quen poida’, e abríndonos a todo o que cree vínculos e nos descubra e potencie coma membros dun todo común, dun todo único, que é ese Alguén, a quen, sen saber moito o que dicimos, chamamos Deus.

A Trindade non se entende desde unha mesa de estudo, senón desde a práctica da vida. Non se sabe lendo libros, senón tratando persoas, tratando a Deus. Non se percibe desde o illamento, senón desde a construción de vínculos, de pontes, de relacións. Sempre é tempo para vivir en trindade, pero os tempos que vivimos sono moi especialmente. Reeditar o trinitario, descubrindo as redes fondísimas que nos unen, e pensando e actuando en comunitario. O paro do veciño ou veciña é o meu paro; a súa angustia é a miña, os seus temores son os meus. O cancro da Luísa é o meu cancro. Pero tamén é miña a ledicia de quen atopa traballo, e a ledicia de quen se ve ben atendido na casa polos seus, e a ledicia de quen se soubo considerada, aínda sendo pobre e non estudada, etc. Un mundo marabilloso, un mar de tenrura a base de pequenas pingotas de gozo ou de dor que tamén poden saír dos nosos ollos humanizados, divinizados.

Preces

EU ESTAREI CONVOSCO ATA A FIN DO MUNDO

Porque precisamos de ti para saír de nós mesmos/as e interesarnos por calquera dor ou gozo que estean vivindo os nosos veciños/as. Acollemos a túa promesa, Xesús.

Porque precisamos de ti para descubrir a Deus nas nosas vidas, e deixarlle construír en nós o ser humano comunitario, solidario, que El quere. Acollemos a túa promesa.

Porque precisamos de ti para poder ilusionar a outras persoas coa fe que ti nos deches, coa vida comunitaria que nós coidamos no teu nome. Acollemos a túa promesa.

Porque precisamos de ti para soñar e construír sociedade nova, agora que estamos vendo que a vella sociedade capitalista dá de si tantas desigualdades e corrupcións. Acollemos a túa promesa.

Porque precisamos de ti para vivir o día a día con paz, con ilusión, con alegría, gozando das cousas que temos, gozando cos irmáns e irmás que nos rodean. Acollemos a túa promesa.

Oración
Escóitame, mírame, ábreme,
estou á túa porta,
con todo canto son,
con todo canto teño,
disposto a regalar, a compartir,
a encher o teu baleiro coa miña presenza,
a iluminar os teus ollos cansos,
a erguer o teu corpo abatido.
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido!

Tráioche un obsequio grande,
o máis grande que atopei no meu corazón:
tráioche o rostro de cada ser humano
como cousa miña, túa, de todos/as;
e con cada rostro un pan debaixo do brazo:
a forza do Espírito
para que non vexas nunca a ninguén
coma alleo e menos coma inimigo,
para que o vexas e sintas coma irmá e compañeira.
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido!

Ábreme a porta, amiga/o,
comamos xuntos, bebamos xuntos,
enredémonos xuntos,
soñemos xuntos,
convertamos xuntos este mundo de illotes decadentes
nun espazo familiar denso
onde abunde o pan e reine a ledicia,
onde a dita de vivir
se espalle coma unha onda de esperanza
polos rostros angustiados dos meus fillos/as máis pisados/as.
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido!

Ábreme, que somos un,
que sen ti nin podo nin sei vivir!
Que te levo escrito/a na palma da man,
debuxada/o no meu corazón con trazos de tenrura,
á espera da hora ditosa do amor
cando o mundo estoupe en luces de mil cores
a forza de tanto mirar un pola outra!
Quérote tanto!
Ábreme, por favor cho pido,
que vou, meu amor, dentro de ti,
que vas, meu amor, dentro de min!
Acción

Todo o que nos una respectando as diferenzas, todo o que nos faga como un só corpo e un só espírito son cando menos ecos da Trindade. ¿Sentímonos persoas chamadas a achegarnos a algunha persoa ou grupo, a avanzar no camiño da unidade? ¿Qué pasos vemos que podemos dar para ilo conseguindo?


31 de maio: Festa da Visitación de Santa María

1ª lectura: Sof 3, 14-18. Salmo: Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6

Evanxeo: Lc 1, 39-56

Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:

—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!

Entón María exclamou:

A miña alma proclama a grandeza do Señor, e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña.

Velaí, desde agora todas as xeracións me van felicitar, porque o Poderoso fixo en min marabillas. Santo é o seu nome! A súa misericordia chega sempre a toda a xente que o honra.

Manifesta todo o seu poder desbaratando os plans dos soberbios. Derruba os poderosos do seu trono e fai subir os humildes; enche de ben os famentos e despide baleiros os ricos.

Ampara a Israel, o seu servo, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera aos nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.

María permaneceu con ela (Sabela) tres meses e logo volveu para a súa casa.

Meditación

Todo se move entre visitas, saúdos, alegrías, bendicións e agradecementos. Todo é así por parte de dúas mulleres, María e Sabela, que entraron na roda misteriosa de Deus e se fixeron servidoras dela. Unha roda que repara sempre no humilde, que o escolle con preferencia para facer del o berce dun futuro novo para as persoas, para as comunidades, para os pobos. É o estilo permanente de Deus, que na visitación de María queda tanto de manifesto.

¿Andamos nós así enredados no estilo de Deus? ¿É o noso estilo andar de visitas, de coidados, de compartir experiencias, de motivarnos mutuamente, de empuxarnos á ledicia e á esperanza, de cantar e bailar doadamente as sortes da xente desherdada da terra, de levar a Deus como fonte de todo no fondo de todos e cada un dos nosos movementos? ¿É o noso estilo contaxiar isto a quen nos vexa, a quen nos trate, na familia, na comunidade cristiá, no mundo laico no que nos movamos?

Oración
Bendita sexas, María,
pola présa que levabas
para ver a túa prima!
Bendita sexas, María,
polo neno que no ventre
anunciaba xa ledicias.
Bendita sexas, María,
que a todos nos contaxias
a túa fe sen medida.
Bendita sexas, María,
señora de canto e baile
en honor do Deus da vida.
Bendita sexas, María,
falándonos do Deus grande
que a humilde prefería.
Bendita sexas, María,
o mundo cheo de esperanza,
da que ti es profecía.
Acción

Hoxe podemos imitar algo a María, indo visitar a algunha persoa para compartir algo do máis fermoso que levemos dentro de nós, polo que alegrarnos e festexar algo xuntas.


1 de xuño: Martes da 9ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Tob 2, 9-14. Salmo: 111, 1-2. 7-8. 9
Ano 2: 1ª lectura: 2 Pe 3, 12-15a. 17-18. Salmo: 89, 2. 3-4. 10. 14 e 16

Evanxeo: Mc 12, 13-17

Nunha ocasión mandáronlle a Xesús algúns fariseos e herodianos, para o pillaren nalgunha pregunta. Ao que chegaron onda el, preguntáronlle:

—Mestre, sabemos que es sincero e non andas con miramentos, porque ti non te deixas levar polos respectos humanos, senón que ensinas o verdadeiro camiño de Deus. ¿Está permitido pagarlle a contribución ao César ou non? ¿Pagámoslla ou non lla pagamos?

Xesús, decatándose da súa hipocrisía, contestoulles:

—¿E por que me queredes comprometer? A ver, traédeme un denario para que o vexa.

Eles leváronllo e el preguntoulles:

—¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?

Contestáronlle:

—É do César.

Xesús replicoulles:

—Pois logo dádelle ao César o do César, e a Deus o de Deus.

E ficaron pasmados.

Meditación

Aínda que eses tales herodianos se achegaban a Xesús con malas intencións, ¡que cousas máis fermosas afirman de Xesús! Que é sincero, que non anda con miramentos, que non se deixa levar polos respectos humanos, que ensina o verdadeiro camiño de Deus. ¡Que marabilloso é o noso Xesús na súa humildade servidora, na súa valentía liberadora! Non queda senón achegarnos a el canto máis poidamos mellor, sabendo que estamos en tan boas mans.

Onte coma hoxe as cousas da relixión poden estar mesturadas coa política, coa organización da vida social, cos dereitos e deberes sociais da xente. Cada un deses dous campos teñen a súa autonomía, pero que cada un deles tamén ten cousas que lle dicir e lle ensinar ao outro. A organización da vida social, que é o propio da política, é algo que lle importa moito a Deus, a Xesús, aos seus seguidores e seguidoras, porque nesa organización xógase moito o benestar da xente, o trato digno, a saúde, a educación, a sanidade. Campos distintos, si, pero chamados a entenderse a compenetrarse.

Oración
Lóote, Xesús, porque eras sincero,
limpo e transparente como a auga máis limpa dos nosos regatos.
Lóote, Xesús, porque non andabas con miramentos,
ao pan, pan e ao viño, viño, porque eras fondamente libre.
Lóote, Xesús, porque non te deixabas levar polos respectos humanos,
non te encollían os poderosos, non te calaban as súas críticas e ameazas.
Lóote, Xesús, porque ensinabas con verdade o camiño de Deus,
porque experimentabas a Deus fondamente inserido en ti, na xente, na vida.
Apréndeme, Xesús, a ser algo coma ti.
Xa sei que iso é o que sempre fas e queres, sen que cho pidamos,
pero apréndeme,
que eu sen ti non dou.
Acción

¿Qué idea temos das cousas da política? ¿Quen entrada lle damos á política na nosa vida crente? Normalmente temos mal concepto da política e fuximos dela. ¿É iso o que debemos facer como persoas cristiás?


2 de xuño: Mércores da 9ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Tob 3, 1-11a. 16-17a. Salmo: 24, 2-3a. 4-5ab. 6-7bc. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tim 1, 1-3. 6-12. Salmo: 122, 1-2a. 2bcd

Evanxeo: Mc 12, 18-27

Nunha ocasión chegaron onda Xesús uns saduceos, eses que negan que haxa resurrección, e preguntáronlle:

—Mestre, Moisés deixou escrito: se lle morre a alguén o seu irmán, deixando muller sen fillos, case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia ao irmán. Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou e morreu sen fillos; o segundo casou coa viúva e morreu tamén sen deixar fillos; o mesmo lle pasou ao terceiro; e ningún dos sete deixou descendencia. Ao cabo morreu tamén a muller. Ora, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se ela estivo casada cos sete?

Xesús contestoulles:

—¿Non será que andades descamiñados precisamente porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus? Pois, cando resuciten, nin casarán eles nin elas, porque serán como anxos do ceo. E volvendo á resurrección dos mortos, ¿non tedes lido no libro de Moisés, no episodio da silveira, como lle falou Deus dicindo: Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe? Ben, pois El non é Deus de mortos, senón dos vivos. Así que ides moi descamiñados.

Meditación

Non somos fillos e fillas do po para volver ao po, como moitas veces se nos di e dicimos. Somos fillas e fillos do amor, para volver á fonte do amor que é Deus. Deus é amor. Non hai persoa que non leve algo de amor consigo, por débil, incoherente, interesado que este sexa. Por iso a proba de que Deus existe levámola nós en nós mesmas. Cando morremos, ese ser amoroso que somos e que levamos connosco atópase coa fonte de todo amor, que limpa o noso pequeno amor das súas sucidades e nos fai resplandecer en amor, como Deus resplandece. Cando te decatas do tempo perdido, de amores aos que non correspondiches, das oportunidades de medrar en amor contigo e cara aos demais que desaproveitaches, iso doe; iso sería o purgatorio. E todo isto é a resurrección. Isto é o que nos agarda como regalo xeneroso de Deus que é amor, e non sabe máis que facer cousas de amor. Como ben dicía Xesús, as discusións dos saduceos sobre da resurrección era un non entender nin as Escrituras nin o poder de Deus. E o mesmo lle pasa a moitas das nosas afirmacións e dúbidas sobre a resurrección en Deus.

Oración
Confíome a ti, Deus de vida,
na miña vida e na miña morte.
Confíome ao teu poder de amor
para pousar nel a miña vida fráxil, pecadora.
Confíome a ti, Deus de vida,
para soñar cun ceo novo, cunha terra nova,
para toda a xente do mundo,
maiormente para a que máis peor o pasou neste mundo.
Confíome a ti, Deus da vida,
amigo de tornar en vida as nosas torpes apostas pola morte.
Confíome nos teus brazos de nai,
para descansar eternamente no teu seo.
Acción

Podemos vivir en clave de morte ou en clave de resurrección, de vida. ¿Andamos enredados/as coma Deus en cousas de vida, para nós, para a demais xente? ¿En que o estamos facendo? ¿Podemos mellorar nisto?


3 de xuño: Xoves da 9ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Tob 6, 10-11; 7, 1. 9-17; 8, 4-9a. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tim 2, 8-15. Salmo: 24, 4-5ab. 8-9. 10 e 14

Evanxeo: Mc 12, 28b-34

Nunha ocasión un letrado preguntoulle a Xesús:

—¿Cal é o máis importante de todos os mandamentos?

Xesús respondeulle:

—O primeiro é: Escoita, Israel, o Señor é o noso Deus, o Señor é único, e amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con todas as túas forzas. O segundo é: Amaras o teu próximo coma a ti mesmo. Non hai mandamentos máis importantes ca estes.

O letrado replicou:

—Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que El é único e non hai outro fóra del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con todas as forzas, e o próximo coma a un mesmo é máis importante do que todos os sacrificios e holocaustos.

Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle:

—Non estás lonxe do Reino de Deus.

E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas.

Meditación

Na vida relixiosa enchémonos de doutrinas, de ritos, de mandatos… Por iso é ben que de vez en cando reparemos no que é fundamental e no que non o é tanto, para poñer a nosa paixón no que realmente está ben poñela. Sabémolo perfectamente, incluso de memoria; aquilo de “estes dez mandamentos encérranse en dous: amar a Deus sobre todas as cousas e o próximo como a nós mesmos”. O evanxeo de hoxe recórdanolo.

É ben reparar na formulación do credo israelita que repite Xesús; ver como vai enchendo o amor con todas as circunstancias posibles da propia persoa: corazón, alma, entendemento, forzas todas. É todo o ser na súa fondura, na súa anchura, nas súas facultades todas o que está, o que sería ben que estivese collido por Deus. En Xesús certamente estívoo, e por iso viviu tan a fondo o outro mandamento fundamental, o de amar a demais xente como a nós mesmas. Cando somos quen de xuntar a fondo estes dous mandamentos, estes dous amores, ata facelo un só, daquela a nosa vida cristiá vai por bo camiño, non estamos lonxe do Reino de Deus.

Oración
Grazas, meu Deus,
porque, se me pides amarte,
é porque ti me amas primeiro;
se me pides apaixonarme por ti e por todo o teu,
é porque ti te apaixonas por min e por todo o meu.
Grazas, meu Deus,
porque, se me pides amarte,
é porque ti puxeches en min a semente do amor
e a forza para facelo triunfar na miña vida.
Grazas, meu Deus,
porque se me pides amar a todo o meu próximo,
sen excepcións,
é porque tamén ti nos amas sen excepcións,
xa que nos queres fondamente comunitarias,
fondamente irmáns e irmás,
fondamente familia.
Grazas, meu Deus,
por incluírnos así a todos, a todas,
sen excepcións,
no teu soño de xustiza, de paz e de unidade.
Acción

¡Cantas veces discutimos con apaixonamento sobre tal ou cal aspecto das prácticas relixiosas! Pero ¡que poucas o facemos sobre ata que punto lle queremos a Deus, ata que punto lle queremos á xente! ¿Vémonos así? ¿Qué poderemos facer para cambiar algo as cousas?


4 de xuño: Venres da 9ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Tob 11, 5-17. Salmo: 145, 1-2. 7. 8-9a. 9bc-10
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tim 3, 10-17. Salmo: 118, 157. 160. 161. 165. 166. 168

Evanxeo: Mc 12, 35-37

Unha vez, estando Xesús ensinando no templo, preguntou:

—¿Cómo din os letrados que o Mesías é fillo de David? O mesmo David dixo, inspirado polo Espírito Santo:

—Díxolle o Señor ao meu Señor: senta á miña dereita, que vou poñer os teus inimigos como estrado dos teus pés.

Ora, se David o chama Señor, ¿cómo vai ser o seu fillo?

E a numerosa multitude escoitaba engaiolada a Xesús.

Meditación

Quedémonos coa multitude que escoitaba engaiolada a Xesús. Sabemos que Xesús era un gran conversador, cunha serie incrible de recursos, pero sempre coa intención non de embobar a xente sen máis, senón co interese de que a xente, aqueles homes e mulleres que o escoitaban, sentisen resoar no seu corazón a voz de Deus, a voz do Espírito, que os chamaba a unha fidelidade ao máis limpo e verdadeiro que cada quen levaba no seu corazón.

O gran conversador que era Xesús acompañaba as súas palabras con feitos de desmedida solidariedade, de desmedido afán pola dignidade da xente que o escoitaba. Xesús acompañou a súa palabra coa súa vida entregada a tope. Como para non quedar engaiolada ante el! Este é o Xesús que hoxe, agora mesmo temos diante de nós. Felices nós se temos a dita de ser persoas engaioladas de veras por Xesús, por todo o de Xesús!

Oración
Que non te saiba de memoria, Xesús!
Que non te coñeza de oídas!
Que non diga e sinta de ti
o que outras persoas me digan!
Ai, canté!,
quen me dese o regalo
de me sentir engaiolado por ti,
de ver que de verdade
me revolves a cabeza
e me feres os sentimentos!
Simplemente
para estar contigo,
para seguirte con convencemento propio,
para ir poñendo humildemente os meus pasos
nas pegadas dos teus.
Ai, canté!
Acción

¿Qué cousas de Xesús me engaiolan máis? ¿Hai algunha desas cousas que me engaiolan, pero que me vexo moi lonxe de incorporala á miña vida? ¿Qué pasos podo dar para conseguilo?


5 de xuño: Sábado da 9ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Tob 12, 1. 5-15. 20. Salmo: Tob 13, 2. 6. 7. 8
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tim 4, 1-8. Salmo: 70, 8-9. 14-15ab. 16-17. 22

Evanxeo: Mc 12, 38-44

Nunha ocasión Xesús seguía ensinando:

—¡Coidado cos letrados! Gustan moito de se pasearen con vestidos fachendosos e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e máis nos banquetes e acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre.

Sentado fronte por fronte da sala do tesouro, ollaba para a xente que botaba cartos no peto. E moitos ricos botaban con fartura. E nisto viu unha viúva pobriña botar uns céntimos nada máis, unha miseria como quen di. Entón chamou os seus discípulos e díxolles:

—Asegúrovos que esa pobre viúva botou máis cós ricos todos, pois eles botaron do que lles sobraba, pero ela, na súa pobreza, botou o que tiña para vivir.

Meditación

Dous cadros ben distintos, ben distantes. No primeiro cadro uns representantes do saber e do poder relixioso: saben moito, son moi ostentosos, incluso dando esmolas, gustan das reverencias, dos primeiros postos; aprovéitanse da fraxilidade das viúvas con sabe Deus que historias de rezos e piedade. O cadro é de onte, dos tempos de Xesús, e pode ser moi ben tamén de hoxe. Un cadro no que poden entrar os nosos xerarcas e teólogos, pero no que, por indebida imitación e seguimento, podemos entrar todos. Unha mágoa ver así a relixión convertida nunha especie de parodia.

No segunda cadro, todo ao revés. Unha viúva, que seguro que nin sequera sabía ler, pobre, sen aparencia social ningunha, que bota uns céntimos, nada, unha ridiculez. Pero aquí había corazón, había nudez, había baleirarse do imprescindible para axudar a outras persoas tamén pobres. Por iso o seu xesto, a súa vida, estaba chea de Deus. A dos outros estaba chea de si mesmos. A viúva recibiu as chufas de Xesús. Á súa luz, á de Xesús e máis á daquela viúva pobre, podemos, se queremos, revisar a nosa conciencia relixiosa.

Oración
Ai, a viúva pobriña
da curta esmola,
da que nos falou Xesús,
para que o seu exemplo fose un referente
para os nosos corazóns cristiáns,
para a nosa actuación cristiá!
Ai, os ollos curiosos de Xesús,
que no balbordo de xente que ía e viña,
algunha botando cartos ostentosamente,
soubo descubrir a man trémula daquela viúva,
pousando amorosamente uns céntimos
e, tras dela, dentro dela,
o corazón xeneroso que cambia o mundo!
Grazas polos dous,
por ti, Xesús,
atento sempre á riqueza da pobreza,
e por ti, viúva anónima,
que marabillaches o corazón de Xesús
e, algo tamén, o noso,
dous mil anos despois!
Acción

O xesto xeneroso da viúva podémolo imitar dando cartos, pero tamén facendo calquera outra atención á xente: tempo, escoita, paciencia, perdón, afecto… Miramos como hoxe podemos facer algo disto ao estilo da viúva: dando do necesario para vivir.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.