02 xuño, 2021

Tempo Ordinario: 10ª semana

 

6 de xuño: Solemnidade do santísimo Corpo e do Sangue de Cristo

1ª lectura: Ex 24, 3-8. Salmo: 115, 12-13. 15 e 16bc. 17-18
2ª lectura: Heb 9, 11-15

Evanxeo: Mc 14, 12-16. 22-26

No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle a Xesús os seus discípulos:

—¿Onde queres que vaiamos preparar, para comeres a Cea Pascual?

El mandou a dous discípulos, dicíndolles:

—Ide á cidade e havos saír ao paso un home cunha sella de auga; seguídeo e onde entre dicídelle ao dono da casa: “O Mestre di: ¿Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?”. El havos mostrar no sobrado unha gran sala, xa disposta e arranxada. Preparade alí para nós.

Marcharon os discípulos e chegaron á cidade. Atoparon todo como llelo el dixera e prepararon a Pascua. Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, rezou a bendición, partiuno e déullelo, dicindo:

—Tomade, isto é o meu corpo.

Despois colleu un cáliz, deu grazas, pasóullelo e todos beberon del. E díxolles:

—Isto é o meu sangue da Alianza, que se vai verter por moitos. Dígovolo de verdade: Xa non vou beber o produto da viña ata o día aquel en que o hei beber novo no Reino de Deus.

Despois de cantaren os Salmos, saíron para o monte das Oliveiras.

Meditación

Esta festa do Corpo e do Sangue de Xesús non deixa de ser unha reprodución ou repetición da festa do Xoves Santo, na que conmemoramos a derradeira cea ou cea de despedida de Xesús cos seus discípulos e discípulas, ao abeiro da cea pascual que naquel mesmo día ou ao día seguinte celebraba o pobo xudeu. Esta festa empezou a celebrarse na Igrexa no século XIII, espallouse xenerosamente por moitos países, e en España tivo e ten aínda unha importancia considerable. O acento característico da festa do Corpo e do Sangue de Xesús consiste en resaltar a presenza real de Xesús Cristo no pan e no viño da celebración eucarística, e en fomentar a devoción e adoración a esta presenza.

Recoñecer, adorar e agradecer a presenza de Xesús entregado no símbolo sacramental do pan e no viño é unha cousa ben fermosa e proveitosa. Aínda que moitas das formas ostentosas de celebrar esta festa no interior dos templos ou polas rúas das cidades quizabes non respondan moito ao sentido inicial que Xesús mesmo lle quixo dar a aquela comuñón no seu corpo e no seu sangue no marco dunha cea densa de festa, en memoria de liberdades xa ganadas con traballos e de liberdades aínda por conquistar a prezo de loita, sufrimento e morte. A prezo de don e de regalo tamén.

Xesús mesmo, co signo profético de partir e entregar o pan e tamén o viño, ceando cos seus discípulos e discípulas, soñando co cumprimento do reinado de Deus, implícanos e convócanos a todos, a todas, cara á súa realización cotiá, histórica, e embárcanos nunha fe confiada na poderosa forza de Deus, no Espírito, para que entendamos que ese soño é un soño con sentido, realizable, aínda que a súa realización, tamén para nós, pase por horas de tensión e sufrimentos, de bágoas e desalentos, como a el mesmo lle pasaba naquela mesma hora en que o pan e o viño se lle ían das mans, cheos da súa presenza apaixonada, cara o corpo e as vidas dos seus seguidores e seguidoras.

Qué ben que en cada Eucaristía que celebramos poidamos encontrarnos coma familia, coma comunidade, ao redor do Pan e do Viño de Xesús, ao redor do seu Corpo e do seu Sangue, ao redor do que foi a súa existencia histórica concreta, do seu estilo de vida e de convivencia, ao redor da vida, da vitalidade, da enerxía que a el o fixo poderosamente humilde para empeñarse con Deus e coa xente ata o máis fondo, sen reservarse nada, a forza de tanto amor, de tanta paixón! Que ben poder participar do calor da súa compaña, do vigor da súa enerxía, e saír da celebración con humildade e viveza dispostos, dispostas, ao gozo e á loita da vida, sen medos, sen chulerías, sabéndonos persoas de lama e po, sostidas por un amor maior que nunca nos fallará!

Xesús mandoulles a algúns dos seus discípulos que preparasen aquela primeira Eucaristía, aquela primeira celebración do amor apaixonado no seu nome. Era tan importante o que alí ía acontecer, que cumpría preparación, boa disposición dos espazos, das cousas, dos corazóns, das vidas. Xesús pídenos tamén hoxe que preparemos a celebración eucarística sempre e cando a celebremos, para non facer dela un rito máis, baleiro, espido de vida e de paixón, que deixe as nosas vidas no mesmo plano de indiferenza no que quizabes estamos vivindo. Cando Xesús nos pedía que fixésemos iso de partir e compartir o pan e o viño en memoria del, pedíanos algo máis ca ir á Misa todos ou algúns domingos; pedíanos que comprendésemos a fondo o sentido da súa entrega, que a agradecésemos e que entrásemos, ao ritmo da nosa propia debilidade recuperada por el, nesa mesma maneira de entender a vida, a realización, o éxito da mesma.

E a cantos ou cantas o Espírito nos empuxa cara á adoración agradecida do Corpo e do Sangue do Señor, ese mesmo Espírito, sen privarnos de tal devoción, quérenos recordar que son o corpo e o sangue da xente pobre, pecadora, marxinal, ninguneada, máis que aquel anaquiño de pan branco sen levedar, por moito que estea consagrado, os que mellor nos ofrecen a figura viva de Xesús, e os que con máis garantía de verdade e de acerto nos encamiñan pola senda liberadora do servizo. Que a Eucaristía, o Corpo e o Sangue de Xesús entregados, non é senón unha forma densa, vital, comunitaria, de dicir e de vivir que ao final o que importa é servir, o servizo que sanda e que libera.

Preces

TOMADE, ISTO É O MEU CORPO

Grazas, Xesús, polo moito que nos amaches, polo moito que nos serviches. Que as túas palabras nos enchan de agradecemento. Oremos.

Grazas, Xesús, por todas as persoas que se sentiron confortadas e renovadas ao teu paso. Os teus feitos énchennos de alento e de esperanza. Oremos.

Grazas, Xesús, polas comunidades coas que tantas veces celebramos a túa memoria. Que coma ti sexamos xente de comunidade en todo. Oremos.

Grazas, Xesús, por seguires sempre connosco, na brancura inocente do pan consagrado e nas corpos abusados dos teus irmáns e irmás máis desprotexidas. Que saibamos adorarte no corpo da xente pobre. Oremos.

Grazas, Xesús, por todo o que sabe a unión, a comunidade, a encontro, a facernos uns, unhas, coas penas e alegrías dos outros ou outras. Que sexamos, coma ti, algo máis entregados/as cada día. Oremos.

Grazas, Xesús, pola túa creatividade para facernos ver o corazón de Deus e o teu propio corazón, sen trampas nin enganos. Que sexamos, coma ti, algo máis apaixonados/as cada día. Oremos.

Oración
Polo teu pan, polo teu viño,
grazas, Xesús.

Polo teu corpo, polo teu sangue,
grazas, Xesús.

Pola túa vida xenerosa, entregada,
grazas, Xesús.

Pola túa firmeza e persistencia,
grazas, Xesús.

Por te deixares coller a tope por Deus,
grazas, Xesús.

Por te deixares coller a tope pola xente máis débil,
grazas, Xesús.

Por te deixares coller por cada un, cada unha de nós,
grazas, Xesús.

Por ofrecernos con limpeza o rostro de Deus,
grazas, Xesús.

Por ensinarnos a adoralo e coidalo en todo canto é débil,
grazas, Xesús.

Polo meu corpo, por todos os corpos,
grazas, Xesús.

Polo noso sangue, polo nosa alento, pola nosa vida,
grazas, Xesús.

Polos animais, polas plantas, pola materia toda,
grazas, Xesús.

Porque todo zumega Deus,
grazas, Xesús.

Porque ti, no teu corpo, no teu sangue,
en todo canto dixeches e fixeches,
zumegaches Deus,
grazas, Xesús.

Acción

O día invítanos á oración e a compartir con quen teña necesidade. Fagamos algo das dúas cousas. Pero empecemos pola de compartir: tempo, palabra, visita, ánimos, cartos, compaña. Así despois a oración será máis ao gusto do mesmo Xesús.


7 de xuño: Luns da 10ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 1, 1-7. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 17, 1-6. Salmo: 120, 1-2. 3-4. 5-6. 7-8

Evanxeo: Mt 5, 1-12

Vendo Xesús a multitude, subiu ao monte e sentou. Achegáronselle os seus discípulos e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
Ditosos os que teñen espírito de pobres,
porque deles é o Reino dos ceos.
Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
Ditosos os non violentos,
porque eles herdarán a terra.
Ditosos os famentos e sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
Ditosos os misericordiosos,
porque eles acadarán a misericordia.
Ditosos os de corazón limpo,
porque eles verán a Deus.
Ditosos os que traballan pola paz,
porque eles serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os perseguidos por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos ceos.
Ditosos vós, cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos ceos; do mesmo xeito perseguiron os profetas anteriores a vós.
Meditación

As benaventuranzas son unha verdadeira xoia dentro do Evanxeo. Nesta forma só nolas transmite o evanxelista Mateu. E canto llo agradecemos! Xesús, mestre de humanidade, mestre da vida e da felicidade, viviu as benaventuranzas. El foi feliz vivindo así, e transmítenos a experiencia que el viviu. Antes del, e sobre todo despois del, houbo tamén mulleres e homes que se propuxeron vivir desa maneira, e tamén nos din que hai verdadeira felicidade sendo así. E seguro que calquera de nós temos probado algo desta felicidade. Vivir coas benaventuranzas nas mans, no corazón, é andar contracorrente, escandalosamente contracorrente; é a felicidade de quen se baleira, para encherse de fraternidade, para encherse de Deus. Ben se ve que vivir nas benaventuranzas non é ser un apático da vida, e deixar que as miserias, os abusos se perpetúen. Non, ao revés, é asentarnos na aceptación plena de Deus para estar vivas e combativas na vida. Pero con moita paz, con moita esperanza, con moita felicidade. Porque vai connosco a toda hora quen nola garante. Parece un imposible, pero Deus faino posible. Bendito sexa!

Oración
Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos ser felices vivindo co pouco,
persoas libres, desapegadas,
para que ninguén careza do necesario.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos chorar con quen chora,
ser xente pacífica a tope,
ter fame fonda de xustiza,
para que ninguén abuse de ninguén,
e todo o mundo poida vivir con dignidade.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos doernos de quen sofre, implicarnos,
andar co corazón limpo de malicias
e procurarmos a paz a todas as horas,
para que todo o mundo poida vivir gozando,
vendo en cada próximo un irmán ou irmá,
como a Deus lle gusta.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos amar a xustiza e rexeitar as trampas e os abusos
defendela na casa, no pobo, na parroquia,
coas armas do exemplo, da palabra e da organización social,
por máis que suframos burlas e desprezos,
por máis que perdamos cartos e influencias.

Contigo, algo coma ti, Xesús,
queremos ser felices apegándonos á túa causa,
gozando co adianto e proba das túas promesas.
Queremos, pero somos xente frouxa.
¿De quen, senón do teu Espírito,
nos virá luz e forza
para andar en tanta sabedoría de vida?
Acción

O Papa Francisco escribiu un libriño titulado Gaudete e exultate, que en galego quere dicir: Alegrádevos e brincade de gozo. Fala nel de cómo todas e todos nós estamos chamados e acompañados por Deus para ser persoas boas, santas. No capítulo 3 dese libriño explica as benaventuranzas dunha maneira sinxela e práctica. Sería ben fermoso ler a lo menos estas páxinas, ben sos, ben en grupo, e falar despois do que iso nos pode axudar a ser máis felices nas nosas vidas.


8 de xuño: Martes da 10ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 1, 18-22. Salmo: 118, 129. 130. 131. 132. 133. 135
Ano 2: 1ª lectura: 1Re 17, 7-16. Salmo: 4, 2-3. 4-5. 7-8

Evanxeo: Mt 5, 13-16

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Vós sodes o sal da terra. Pero, se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz á xente, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen o voso Pai que está nos ceos.

Meditación

Xesús ponnos ante un reto contundente: sermos sal e luz no medio do mundo, no medio da sociedade, dos pobos e aldeas onde vivimos as persoas cristiás. O sal: algo que se descompón, que se disolve nos alimentos para que non se estraguen e darlles sabor. A luz: algo que tamén se gasta para que a xente vexa. Sal e luz entendidas en sentido profundo. A sermos iso estamos chamadas todas, todos. E tamén a recibir e agradecer ese sal e esa luz cando outras persoas, crentes ou non crentes, nola ofrecen.

As palabras de Xesús avisan tamén da posibilidade de que o sal se volva insulso —que contrasentido!—, e de que a luz se agoche debaixo do mesado; dese xeito non cumpren a súa función. As comunidades cristiás, as persoas que as compoñemos ¿estamos cumprindo esa función capital de sermos tamén sal e luz? Tamén nos indica Xesús que iso de sermos sal e luz conséguese máis que polas palabras —palabras normalmente non nos faltan—, polas boas obras.

Oración
Que o teu sal, Xesús,
co que ti tanto salgas o mundo,
nos salgue a nós tamén
e nos permita contaxiar vida sa e saborosa.
Que a túa luz, Xesús,
coa que ti tanto alumas o mundo
alume a fondo as nosas vidas,
para sermos nós tamén luz,
unha pequeniña lapa polo menos
alí onde a vida nos leve.
Que teñamos algo da túa fortaleza, Xesús,
para non desalentar na tarefa.
Que na nosa vida humildemente fiel
Deus sexa sempre honrado
e quen nos rodea se vexa confortada e alentada.
Acción

Podemos mirar algo para a nosa vida. Seguro que en algo estamos sendo sal e lume para a xente que nos rodea. Dámoslle grazas a Deus por iso e animámonos a facelo máis. Seguro que vemos que hai persoas ao noso redor que están sendo para nós algo de sal e lume. Dicímosllo, agradecémosllo, para que tamén se animen.


9 de xuño: Mércores da 10ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 3, 4-11. Salmo: 98, 5. 6. 7. 8. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 18, 20-29. Salmo: 15, 1-2a. 4. 5 e 8. 11.

Evanxeo: Mt 5, 17-19

Naquel tempo dixo Xesús:

—Non pensedes que vin abolir a Lei e os Profetas; non vin para abolir, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro antes pasarán o ceo e máis a terra que deixe de cumprirse ata a derradeira letra ou til da Lei. E quen falte a un destes mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer aos outros será declarado o máis pequeno no reino dos ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos ceos.

Meditación

As normas relixiosas teñen a finalidade de facilitar o encontro con Deus, co Deus da vida, presente na vida e presente tamén nos espazos e momentos de culto; ademais facilitan que un grupo diverso se coordine, se una á hora de orientarse, formarse, expresarse en momentos comúns da vida e da súa experiencia relixiosa. As normas teñen un perigo grande: converterse de camiño en meta; de facilitadoras do encontro con Deus no mesmo Deus cara ao que queren orientar.

Nese sentido Xesús é o gran facilitador do encontro con Deus, que converte en secundarias todas as demais normas, aínda que algunhas sigamos necesitando. Abonda el para achegarnos a Deus. Pero, como seres humanos que somos, sempre necesitamos apoios, normas, para a nosa convivencia e práctica relixiosa.

Oración
Non es zarapalleiro, Xesús,
non che dá igual que a vida a deixemos correr sen máis,
ou que apostemos firmemente pola súa consistencia.
Es minucioso e mesmo estrito
cando a honra de Deus Pai/Nai está en xogo,
e cando o está a honra e dignidade das súas criaturas máis humildes.
Nada carece de importancia, nada queda ao chou
cando miras connosco polo futuro cristián das nosas comunidades rurais
e artellamos camiños a andar e cousas a facer.
Nada é ínfimo e desprezable
cando se trata de dar ou recibir apoios e tenruras,
perdóns e alentos.
Que o teu Espírito nos acompañe sempre, Xesús,
e nos axude a camiñar da man da liberdade,
da man da responsabilidade.
Acción

En xeral hoxe dámoslle moi pouca importancia ás normas relixiosas. Facemos bastante o que nos peta. Quizais por iso así nos vai. ¿Vemos que nos faría ben recuperar ou establecer algunha norma que nos axudase no noso camiño persoal ou comunitario cara a Deus?


10 de xuño: Xoves da 10ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 3, 15—4, 1. 3-6. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 18, 41-46. Salmo: 64, 10-11. 12-13

Evanxeo: Mt 5, 20-26

Díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e fariseos, non entraredes no reino dos Ceos.

Tedes oído que se lles dixo aos vosos devanceiros: Non matarás quen mate será reo ante o tribunal. Pero eu dígovos: Todo o que se enrabeche co seu irmán será reo ante o tribunal; quen o alcume será reo ante o Sanedrín; e quen o aldraxe será reo do lume do inferno.

Se ao presentares a túa ofrenda no altar te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, pousa a ofrenda alí mesmo, diante do altar, vaite primeiro reconciliar co teu irmán, e logo volve a presentar a túa ofrenda.

Ponte de acordo canto antes con quen preitea contigo mentres ides de camiño, non sexa que te entregue ao xuíz, o xuíz ao garda, e te boten na cadea. Ten por seguro que non sairás de alí ata que deas pagado o derradeiro céntimo.

Meditación

Nas nosas Misas, ao empezar, pedimos perdón. Esta práctica quere responder a este criterio que Xesús nos ofrece no evanxeo de hoxe: ao presentarmos a ofrenda, ao dispoñernos a realizar calquera oración ou acto de culto, sexa o que sexa, hai que mirar primeiro se en algo lle temos faltado a calquera persoa; sendo así, o primeiro é buscar a reconciliación con esa persoa, antes de querer intimar con Deus a través da pregaria. É algo que Xesús tiña moi claro: é imposible acceder a Deus se non é fundamentalmente a través do trato respectuoso, xusto, digno, mesmo fraterno coa xente que nos rodea. Por aí empeza calquera práctica relixiosa cristiá.

Xesús é moi esixente nisto. Non se trata de matar ou non matar; hai moitos pequenos detalles cos que arredamos a xente de nós, cos que lles negamos a súa calidade de irmáns, cos que dalgunha maneira os facemos desaparecer da nosa existencia, e dalgunha maneira os matamos.

Aprender a dar e recibir perdón é unha grande e elemental tarefa cristiá, humana, que temos moi deixada de lado. Por iso quizabes son tan frouxos tamén os nosos actos de culto. Intentamos o imposible: tratar con Deus esquecendo o próximo.

Oración
Xesús,
irmán e mestre,
que che saiba abrir o corazón
ao que ti me aprendes.
Que acerte contigo,
ao teu lado,
a andar os camiños que levan
a intimar de verdade con Deus.
Que descubra e coide
o valor das persoas que me rodean
como lugar onde se xoga principalmente
a posibilidade de tratar contigo.
Que saiba pedir e dar perdón,
para entrar na onda da túa loanza.
Acción

Practiquemos hoxe algo disto que nos di Xesús. Se nalgunha cousa temos ofendido a alguén, antes de rezar ou celebrar nada, vaiamos a reconciliarnos con esa persoa.


11 de xuño: Solemnidade do Sagrado Corazón de Xesús

1ª lectura: Dt 7, 6-11. Salmo 102, 1-2. 3-4. 6-7. 8 e 10.
2ª lectura: 1 Xn 4, 7-16.

Evanxeo. Xn 19, 31-37

Naquel tempo os xudeus, como era o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado –pois era grande aquel día de sábado--, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.

Viñeron, logo, os soldados e rompéronlle as pernas ao primeiro e máis ao outro que crucificaran con el. Pero, ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga.

Quen o viu dá testemuño e o seu testemuño é verdadeiro; el sabe que di a verdade, para que tamén vós creades. Porque isto aconteceu para que se cumprise a Escritura: “Non lle crebarán óso ningún.” E noutro lugar di: “Han mirar para quen traspasaron.”

Meditación

No sentir común o corazón é o seo dos sentimentos, dos amores, do apaixonamento, das decisións máis vitais e comprometidas. O corazón é o seo da solicitude pola demais xente: ten moi bo corazón –dicimos--, cando falamos dunha persoa moi dada a doerse de quen anda en debilidade.

¡Como de grande, de marabilloso, de ardente, de solidario, de entregado foi o corazón de Xesús! El que sempre andou facendo o ben, que se implicaba coas persoas que atopaba fráxiles, que as acompañaba en procesos de curación, de esperanza, de inclusión social e relixiosa, que perdoaba, que se cabreaba e enfrontaba con quen diminuía a xente con calquera escusa. Ese Xesús, apaixonado e amante ata a fin, é o que morre na cruz en acto de solidariedade extrema. Ese corazón de Xesús, roto pola lanzada, real ou simbólica, é o que segue aberto ofertando amores e solidariedades, garantindo compañías e alentos para facer deste mundo unha casa común, unha familia irmandada. Ese corazón, esa vida toda, é a que hoxe se pon gratuitamente ao noso dispor.

Oración
Douche grazas, Xesús querido,
por seres onte e hoxe,
para todas e todos nós,
unha persoa de bo corazón,
de grande corazón,
de desfeito corazón.
Douche grazas,
porque fuches e segues sendo
solidario e comprometido connosco,
para compartir os nosos gozos.
para acompañarnos nas nosas soidades e desesperos;
para perdoarnos, acompañarnos, alentarnos.
Douche grazas
porque o teu non ir de indiferente,
ante nada, ante ninguén,
e menos ante a xente desamparada;
tampouco ante min:
coñécesme e implícaste comigo a fondo.
Douche grazas
porque es o rostro vivo de Deus,
ante nós,
na cruz do calvario,
e nas infinitas cruces que enchen este mundo.
Douche grazas, Xesús querido.
Acción

Podemos botar unha ollada sobre as nosas vidas. ¿Somos xente solidaria, ou pasamos indiferentes ante persoas que o están pasando mal? A nosa solidariedade e implicación mide en boa medida a verdade da nosa vida de crentes. ¿En que poderiamos avanzar?


12 de xuño: Memoria do Inmaculado Corazón de María

1ª lectura: 2Cor 5,14-21. Sal 102.

Evanxeo: Lc 2, 41-51

Polas festas da Pascua os pais de Xesús ían todos os anos a Xerusalén. E así, cando o neno tivo doce anos, subiron á festa, conforme a tradición. Pasados aqueles días, cando eles regresaban, o neno Xesús quedou en Xerusalén, sen que seus pais se decatasen. Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para o buscar. E resulta que, ao cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Todos os que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. Ao velo, ficaron moi impresionados, e díxolle súa nai:

—Meu fillo! ¿Cómo te portaches así connosco? Mira que o teu pai e máis eu andamos cheos de angustia na túa procura.

El respondeu:

—¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que eu teño que estar na casa de meu pai?

Pero eles non entenderon a resposta. Baixou con eles a Nazaré e vivía baixo a súa autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón.

Meditación

María soubo de dificultades e bágoas na crianza do seu fillo, de Xesús. Os evanxeos non nos ofrecen moitas noticias, pero son abondas para nos poder decatar de cómo María se sentiu desbordada polo que na casa tiñan: un neno, mozo e home adulto que se deixaba levar polo espírito de Deus en todo; que rompía coa familia cando o cría oportuno, que lles fixo pensar ás veces que mesmo perdera a cabeza. Así ata quedar tamén marabillada polo que dicía e facía aquel seu fillo, Xesús, que ao tempo o era tamén de Deus. Así ata o momento último da súa existencia cando o ven morrer cravado nunha cruz, coa morte propia da xente máis marxinal e desprezada. E María –supoñemos que tamén Xosé— gardaba todas estas cousas no seu corazón de nai, dándolles voltas, intentando comprendelas á luz do Espírito que tamén a ela a animaba. E así foi madurando como muller, como esposa, como nai, ata se converter nun referente para moitas nais, para moitas persoas crentes, á hora de contemplar e comprender a fondura de vida agochada e manifestada en Xesús e en si mesma.

Oración
Bendita, Santa María,
bendito o teu corazón
cheo de grandes ledicias.
Bendita no grande amor
co que, á par que Xosé,
coidaches o Salvador.
Bendita si, abofé:
nas horas mouras de angustia
soubeches manterte en pé.
A túa fe non foi murcha,
callou moi dentro de ti,
colmoute por estar núa.
Todo o pobo te bendí,
que grande o teu corazón!
mestra do non e do si.
Con humilde admiración,
por termos nai tan cumprida
por ser muller de tal tesón,
bendita, Santa María!
Acción

As traballos e sufrimentos de moitas das nosas nais cos seus fillos ou fillas pódennos lembrar un pouco os traballos e sufrimentos de María co seu fillo Xesús. Igual podemos achegarnos a algunha destas mulleres, falar algo con elas, acollelas, admiralas, agradecelas


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.