21 maio, 2021

Fratelli tutti: oración 7 capítulo

 


PREGARIA 
(Capítulo 7 da encíclica)

Camiños de reencontro

 
Manuel Regal Ledo

No teu nome, Pai, Nai universal,
que soñas a unidade
como don maior para todo o mundo,
que te empeñas na irmandade
como principio e fin da casa común.

No teu nome,
que soñemos, imaxinemos, busquemos
todos os camiños do reencontro,
para os pequenos desencontros cotiás,
para os grandes desencontros universais.

No teu nome,
a obsesión pola paz
no propio corazón, no propio ser,
na propia familia, no propio país
para poder compartila polo mundo enteiro.
No teu nome, si,
a diario arquitectos/as da paz, artesáns/ás da paz.

No teu nome, Pai, Nai de toda reconciliación,
o cultivo diario do perdón,
a aprendizaxe paciente para vivir del e para el,
lembrando o mal para poder abeiralo con lucidez,
pero sen permitir que o mal nos nubre a vista,
nos conxele o corazón,
e nos ensuma por dentro con capa de xustiza.

No teu nome,
non ás guerras, a ningunha guerra,
que sempre encobren fraxilidades humanas
e disimulan intereses obscenos.
E que saibamos manter esperto o soño
de facer do gasto en armas
investimentos para a saúde e a fartura dos pobos.

No teu nome, Pai, Nai de vida,
non matar nada, nunca,
que nunca para a morte temos licenza.
Radicais como o noso Xesús, o teu Cristo:
matamos coma irmá/án a quen excluímos coa palabra.

No teu nome,
á sombra do teu corazón,
no teu segredo e silencio,
alí onde xorde todo o realmente novo,
aprenderemos a sermos irmáns, irmás
e a tratarnos de verdade coma tales.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.