16 setembro, 2021

Tempo Ordinario: 25ª semana

 

19 de setembro: Domingo 25º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Sab 2, 12. 17-20. Salmo: 53, 3-4. 5. 6 e 8
2ª lectura: Sant 3, 16—4,3

Evanxeo: Marcos 9, 30-37

Unha vez Xesús e máis os seus discípulos marcharon, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén, pois ía formando os discípulos, dicíndolles:

—Ao Fillo do home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar.

Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a preguntarllo.

Chegaron a Cafarnaúm e, cando estaban na casa, preguntoulles:

—¿De que viñades discutindo polo camiño?

Eles calaron, porque no camiño discutiran entre si sobre quen era o máis importante. Xesús sentou, chamou polos Doce e díxolles:

—O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro entre todos e o servidor de todos.

Despois colleu un neno e púxoo no medio deles, abrazouno e díxolles:

—Quen acolla no meu nome a un destes nenos, acólleme a min; e quen me acolla a min, non é a min a quen acolle, senón a Aquel que me mandou.

Meditación

Gusta ver a Xesús parándose cos seus seguidores e seguidoras, dedicándolles tempos, informando, formando. Nós tamén estamos dentro dese mesmo grupo; tamén nós, na celebración eucarística ou fóra dela, individual ou comunitariamente, somos obxecto dos coidados de Xesús. Nin que dicir ten o importante que será para nós como cristiáns/cristiás dedicar tempo a este estar con Xesús para aprender, para asimilar a súa maneira de ver as cousas, o seu estilo de vivir, e practicalo logo nos tempos que nos toca vivir.

A morte de Xesús foi de moi difícil comprensión para os seus discípulos; dentro da súa maneira de pensar, da súa comprensión de Deus e das relacións da xente e do mundo con el, que un xusto acabase como Xesús acabou non tiña explicación posible. Só quedaba entendela coma un acto querido por Deus, consentido por Deus, buscado por Deus dentro dos seus plans segredos, nos que máis tarde as primeiras comunidades cristiás verían unha vontade de salvación, de redención a través do sangue vertido. É normal que nós teñamos outra maneira de entender a Deus, a nosa relación con Deus, a súa salvación, e por iso, aínda que nos siga conturbando a morte de Xesús, encadrámola nunha corrente de amor e de solidariedade cos últimos, que o levan a un enfrontamento co poder, que lle causa a morte. Unha morte chamada a ser superada pola vida ofrecida pola esplendidez amorosa de Deus, á que Xesús sempre se debía. A morte coma cumio dunha decidida vontade de servizo, de estar entre os últimos.

Choca esta disposición de Xesús de situarse contra o poder, por facerse servidor dos últimos/as, mesmo ata o punto de morrer en cruz polo ben deles, cos pensamentos e debates dos seus discípulos: a ver quen era o máis importante, o que acumulaba máis poder. É posible que tamén choque a disposición de Xesús co que cada un de nós buscamos e queremos. É ben difícil sobrepoñerse ao afán de poder, de prestixio, de dominio. Será sempre unha tentación para cada un, cada unha, para cada comunidade cristiá, para o conxunto da Igrexa. Podiamos pensar en que cousas concretas se nos presenta hoxe está tentación, como a estamos superando ou como estamos caendo nela.

Ser o derradeiro, a derradeira, o servidor ou servidora de todos/as; este era o ideal de Xesús, ao que el sempre foi fiel; é sen dúbida unha vivencia interior, pero é sobre todo unha maneira de estar ao lado da xente. Ser o derradeiro/ra, ser o servidor/ra de todos/as ter a palabra, o tempo, as aptitudes, as habilidades, os cartos, nunca en función dun mesmo, senón en función dos demais. Un faise a si mesmo, constrúese a si mesmo o máis completo posible, pero sempre baixo a idea de ser bo para o servizo, de ser de calidade para os demais. E iso facelo coma mai ou pai, coma mestra ou labrego, coma médico ou política, nas pequenas cousas de cada día, e nas cousas de máis empaque nas que de cando en vez nos toca participar.

Fronte ao afán de poder que domina con frecuencia as relacións entre persoas, entre grupos, entre partidos, entre pobos, a achega de Xesús resulta contracultural, e, por iso mesmo, creativa de futuro. Sabemos de sobra a onde ten levado e a onde nos está levando iso de entender a propia vida e as relacións que a acompañan desde a clave do afán de mando, de poder, de importancia. Xesús invitábanos a outra cousa: a planealo todo desde o afán de servicio, convencido de que había aí un tesouro agachado para cada persoa, para o conxunto da sociedade. Cando vemos persoas que se deixaron e deixan levar por estar proposta de Xesús quedamos abraiados, fondamente agradecidos polo que aportan ao conxunto das nosas comunidades e dos nosos pobos. Sen embargo,

seguimos no fondo dubidando da proposta de Xesús e receamos entregarnos a ela en corpo e alma.

Estamos vivindo uns retos importantes co tema dos produtores de leite en Galicia, tamén co tema da xente refuxiada que pida cobertura nos países europeos. Nós, que somos os que nos dicimos xente cristiá, temos aí un reto grande, un camiño aberto, para andar nel ou ao estilo de quen se quere facer servidor último coma Xesús, ou ao estilo de quen quere señorear e mandar desde arriba como discutían os seus discípulos.

Poñer a quen non conta no medio e medio das ansias da comunidade, das ansias de cada un de nós segue a ser unha proposta evanxelizadora básica, á que Xesús lle daría o seu primeiro e fundamental voto. E nós?

Preces

QUEN QUEIRA SER PRIMEIRO/A,
QUE SE FAGA SERVIDOR/RA

Que lle deamos fe ás túas palabras, Xesús, que as convertamos en lema das nosas vidas. Oremos.

Que nos esforcemos por entender e apoiar a loita que a xente do campo está vivindo agora co tema dos prezos do leite, para que se impoña en todas as cousas o que é de xustiza. Oremos.

Que descubramos o gozo de ser irmáns, irmás, servidores e non amos no noso trato coa xente refuxiada que nos está pedindo axuda. Oremos.

Que nos decidamos a servir con honradez desde a política, ou desde movementos sociais alternativos que traballen pola mellora das condicións de vida da xente que está sentido máis os efectos da crise. Oremos.

Que, seguíndote a ti, Xesús, vaian aparecendo nas nosas comunidades e pobos cregos, monxas, sindicalistas, animadores sociais, persoas que arrastren pola súa vontade e forza de servizo, e nos permitan soñar cunha Galicia renovada. Oremos.

Oración
Que poñemos no medio das nosas vidas?
A quen poñemos no medio das nosas vidas?

Deixar de lado os discursos vanos,
os debates estériles,
nos que investimos tempos e fervores;
coller as túas palabras, Xesús,
limpas, simples, crúas,
e poñelas no medio e medio,
no corazón de cada xornada:
“Quen queira ser primeiro, primeira,
que sexa o último, a última de todas,
o servidor, servidora de todos”.
Así de sinxelo.

Grazas, Xesús.
Deixar de lado teorías e teorías,
debates de relixión, espiritualidade, mística,
seguir o teu exemplo, Xesús,
coller o neno,
coller a persoa débil, pobre, marxinal, emigrante, refuxiada,
prostituta, parada severa, esquizofrénica, drogadicta,...
poñela no medio e medio do corro da familia,
do corro da comunidade,
e deixar que a vida se faga e se desfaga
desde esta matriz de ansias e servizos.
Así de sinxelo.

Grazas, Xesús.
E a verdade da túa promesa
acompañando o noso intento:
acollendo, poñendo no centro
a calquera que non conte,
estádesme acollendo a min,
estades acollendo o meu Deus,
o Deus pobre e marxinal
que na fraxilidade do amor
atopa o seu lugar e a súa forza.
Grazas, Xesús.
Acción

¿Cómo nos vai con iso de querer ser o primeiro? ¿Con que cousas da nosa vida podemos demostrar que andamos algo ao estilo de Xesús, buscando os últimos postos, os postos do servizo?


20 de setembro: Luns da 25ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Esd 1, 1-6. Salmo: 125, 1-2ab. 2cd-3. 4-5.
Ano 2: 1ª lectura: Pr 8, 27-34. Salmo: 14, 2-3a. 3bc-4ab. 5

Evanxeo: Lc 8, 16-18

Unha vez díxolle Xesús á xente:

—Ninguén acende un candil para cubrilo cunha ola ou para o meter debaixo da cama, senón que o pon nun candeeiro para alumar así as persoas que entren. Porque non hai cousa oculta que non chegue a saberse, nin segredo que non chegue a descubrirse e facerse público. Así que atendede a como escoitades, porque a quen ten daráselle, pero a quen non ten háselle quitar aínda o que cre ter.

Meditación

“A quen ten daráselle, pero a quen non ten háselle quitar aínda o que ten”. Palabras de Xesús que hai que entender ben. Non fala aquí de que, distribuíndo os bens, as riquezas, se lle teña que dar máis a quen xa ten, e quitarlle a quen non ten o pouco que poida ter. Sabemos de sobra que Xesús apostaba xustamente polo contrario, polo compartir, dándolle preferencia á xente máis débil sempre.

Esa frase, logo, quere dicir que, se temos unha actitude acolledora cara a palabra de Xesús –e tamén cara a calquera palabra humana que nos poida iluminar--, daquela a nosa vida medrará en toda clase de ben, ampliarase para acoller a quen nos rodea, iluminarase para descubrir as nosas zonas escuras, farase feliz e resplandecente, para nós e para as persoas que nos poidan rodear na vida. Deus é luz, transparencia, inocencia, verdade. Deus ilumina e aclara o noso corazón. Deus dános a encomenda de sermos tamén nós luz; luz humilde, agradecida, pero luz. Quen non está aberto á luz, a calquera luz, perderase na escuridade.

Oración
Que gusto dá a luz, meu Deus,
que gusto dá a luz!
Que gusto dá
andar coa vida iluminada, ao descuberto,
sen agachar nada ante ti, meu Deus
--imposible!--,
sen agachar nada ante ninguén!
Que gusto dá
vivir na inocencia, na transparencia,
na humildade,
exhibindo á luz do día,
as propias luces, as propias escuridades!
Que gusto dá
vivir na transparencia
ante ti, meu Deus,
ante toda a xente que nos rodee!
Que gusto dá, meu Deus,
recibir e agradecer a túa luz
e facernos luz para compartila!
Grazas!
Acción

Ás veces relacionámonos na vida desde os chismes, os segredos, as murmuracións polas costas, a falla de claridade, que non o saiba fulano etc. Normalmente este funcionamento enturba as relacións, agocha as verdades e non axuda a ninguén. ¿Estamos envolt@s en algo disto? ¿Poderiamos relacionarnos máis desde a transparencia, calando, iso si, cando o respecto nolo esixa?


21 de setembro: Festa de San Mateu

1ª lectura: Ef 4, 1-7. 11-13. Salmo: 18, 2-3. 4-5

Evanxeo: Mt 9, 9-13

Un día, ao pasar viu Xesús un home chamado Mateu, sentado ao mostrador dos impostos, e díxolle:

—Sígueme.

El ergueuse e seguiuno.

E resulta que, estando á mesa na casa de Mateu, viñeron moitos recadadores e outra xente pecadora e puxéronse tamén á mesa con Xesús e coas persoas que o acompañaban de cerca. Cando tal viron os fariseos, dixéronlles ás persoas que andaban canda Xesús:

¿Cómo é que o voso Mestre está a comer con recadadores e xente pecadora?

El oíunos e dixo:

—Non son as persoas sas senón as enfermas as que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que significa aquilo de misericordia quero e non sacrificios. Porque non vin para chamar pola xente xusta, senón pola pecadora.

Meditación

Xesús era escandaloso. Gaña a confianza, a admiración e a amizade de Mateu, un “publicano”, que así chamaban aos recadadores de impostos, xente moi mal vista por seren axentes do sistema político que os asoballaba. E iso ata o punto de convidalo a formar parte do seu grupo. Xesús tiña un don especial para intuír fonduras de ben nas persoas, que a demais xente non daba visto. Xesús era fondamente acolledor. Xesús era provocador. Acepta o convite de Mateu, ao que asisten recadadores de impostos e outra xente pecadora. Incrible! Comer con alguén, daquela moito máis ca hoxe, era un sinal de amizade, de compenetración, de comuñón. Xesús móvese polo principio de misericordia, que o levaba a arrimarse a xente que andase en debilidade de calquera clase: de saúde, de diñeiro, de moral. Xesús era un reparador de vidas feridas. Iso valía máis que os rituais relixiosos, que as normas sagradas de pureza e de exclusión.

Se andamos en calquera debilidade, podemos contar con ese apego especial de Deus a través de Xesús. Se nos encontramos ou convivimos con xente envolta en calquera debilidade, temos en Xesús un mestre para aprender a situarnos ante a debilidade cos criterios mesmos de Deus.

Oración
Sentemos á mesma mesa,
no nome de Xesús,
compartamos pan, soños e esperanzas
sen rituais predefinidos,
sen exclusión de ningún tipo;
conversemos abertamente para mellor coñecernos,
para dicirnos o que nos enche o corazón,
para comprendernos mellor,
para querermos mellor,
para servirnos mellor.
Pousemos os xuízos e prexuízos,
admiremos o don de Deus
agochado quizais en aparencias esquivas.
E fagamos disto
a lei maior da nosa vida.
No nome de Xesús.
Acción

¿Funcionamos con prexuízos, arredándonos das persoas que temos fichadas como persoas malas por calquera razón? Co exemplo de Xesús, ¿non poderiamos empezar a tratalas doutra maneira?


22 de setembro: Mércores da 25 semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Es 9, 5-9. Salmo: Tob 13, 2. 3-4a. 4bcd. 5. 8
Ano 2: 1ª lectura: Pr 30, 5-9. Salmo: 118, 29. 72. 89. 101. 104. 163

Evanxeo: Lc 9, 1-6

Un día Xesús convocou os Doce e deulles autoridade e poder sobre todos os demos e para curar doenzas. Logo mandounos a predicar o reino de Deus e a curar a xente enferma, avisándoos:

—Non levede nada para o camiño, nin caxato, nin alforxa, nin pan, nin diñeiro, nin dúas túnicas por persoa. Quedade na casa onde entredes ata que marchedes. Cando non vos acollan, ao saír daquela vila sacudide o po dos vosos pés, para que lles sirva de aviso. Eles botáronse ao camiño e percorreron as aldeas, anunciando a Boa Nova e curando en todas partes.

Meditación

Xesús tamén conta connosco. Igual que aos Doce no seu tempo, tamén hoxe nos envía a nós, homes e mulleres do noso tempo. A tarefa de Xesús non é só nin principalmente cousa de clérigos. É cousa de toda a comunidade cristiá. E todos e todas nós somos comunidade cristiá. A Igrexa, a comunidade cristiá concreta á que pertenzo, non é un supermercado de cousas do espírito, ao que acudo cando algo me fai falla e punto. Non somos persoas usuarias dun servizo que outras persoas nos dan. Somos a comunidade de Xesús, somos o grupo de Xesús que, por graza de Deus e da vida, descubrimos o regalo de Deus que é Xesús e todo o de Xesús, e gústanos vivilo, gustalo e compartilo con outra xente.

Xesús indícanos as formas de facer a tarefa que nos encomenda: disposición para saír, andar e compartir; humildade e pobreza: déusenos gratis, dámolo gratis; renunciar a facer ningún negocio ou carreira coas cousas da fe; compartir falando e, sobre todo, arrimándose á xente e valerlle en todo o que poidamos, nas cousas do corpo, nas cousas do espírito. O resto xa é cousa de Deus.

Oración
Xa o sei, Xesús, xa o sei,
non podo anunciar con convencemento
o que non vivo con paixón.
Non podo transmitir como Boa Nova
o que a min non me aleda o corazón.
Non podo falar de ti afervoadamente
se non tremo ao pronunciar o teu nome.
Non podo anunciar a presenza dun Deus
ao que non lle abro de par en par as miñas portas.
Non podo andar en humildade e pobreza,
mentres alá no fondo o egoísmo me siga marcando os pasos.
Non podo apaixonarme pola xente en debilidade,
mentres non os sinta realmente coma persoas irmás.
Que queres que che diga, amigo Xesús,
pero gustaríame que contases comigo.
Grazas.
Acción

¿Estamos participando dalgunha maneira na “misión” que Xesús lles encomendou aos Doce e que tamén nos encomenda a nós? ¿Podemos sinalar algunha cousa concreta na que nos vemos servindo a causa de Deus con algún servizo á xente? ¿Poderíamos mellorar algo nisto?


23 de setembro: Xoves da 25 semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ax 1, 1-8. Salmo: 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
Ano 2: 1ª lectura: Ecl 1, 2-11. Salmo: 89, 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17

Evanxeo: Lc 9, 7-9

Sucedeu que o tetrarca Herodes soubo de todo o que pasaba con Xesús e estaba perplexo, pois había algunhas persoas que dicían:

—Resucitou Xoán de entre os mortos.

E outras persoas:

—Apareceu Elías.

E outras:

—Resucitou un dos antigos profetas.

Pero Herodes dicía:

—A Xoán mandeino eu decapitar, ¿quen é, logo, ese de quen oio tales cousas?

E buscaba a maneira de ver a Xesús.

Meditación

Posiblemente sexamos moitas as persoas ás que Xesús nos deixa perplexas: atráenos, revólvenos, inquiétanos, namóranos, escandalízanos, sedúcenos, desbórdanos… Algo diso lle pasaba a Herodes. Que podemos facer? Fuxir dunha personalidade tan atractiva e tan misteriosa a un tempo? Dispornos a facer un camiño de aproximación á súa persoa, ao seu estilo de vida, dado que tanta xente ten habido que así o fixo e alucinaron coa súa amizade e co aire novo que foi collendo a súa vida? Pois parece que Herodes, con todo e ser como era, tiña ganas de facer esta experiencia. Quedámonos nas ganas coma el ou daremos algún paso? Hai xente, hai comunidades cristiás enredadas sinceramente con Xesús, que nos poden botar unha man, que nos poden acompañar nese camiño, que nos poden contar o que Xesús lles aportou, que nos poden achegar á súa porta para ter un encontro con el. Por que non probar, a ver?

Oración
Buscar a maneira de verte, Xesús.
Buscar,
non quedar parada, agardando sen máis
a que a casualidade me leve a ti.
Buscar,
remexer, revolver, tocar aquí e acolá,
todos os puntos e lugares
onde quen me precedeu na busca me di que te amosas.
Buscar,
esculcarte nos teus Evanxeos,
na miña vida, nas cousas da vida,
na vida da xente máis empobrecida,
uníndome á comunidade da xente buscadora.
Buscar,
calar, escoitar,
abrir os ollos do corazón para verte
e deixarme asombrar pola túa presenza humilde
(así me din que te amosas).
E que sexa o que Deus queira, Xesús,
que sexa o que Deus queira.
Acción

¿Estamos facendo algo por avanzar no coñecemento de Xesús? ¿Ou resignámonos a vivir na perplexidade cara a el, vivindo con rutina do que outra xente nos dixo, sen ousar experimentar en por nós o encontro con Xesús? ¿Cómo poderiamos dar algún paso neste camiño?


24 de setembro: Venres da 25ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ax 1, 15b—2, 9. Salmo: 42, 1. 2. 3. 4
Ano 2: 1ª lectura: Ecl 3, 1-11. Salmo: 143, 1a e 2abc. 3-4.

Evanxeo: Lc 9, 18-22

Unha vez que Xesús estaba orando nun lugar apartado, acompañado polo grupo que o seguía de cerca, preguntoulles:

—¿Quen di a xente que son eu?

Eles responderon:

—Hai quen di que Xoán Bautista; hai quen di que Elías, ou algún dos antigos profetas que resucitou.

Insistiu Xesús:

—¿E vós quen dicides que son eu?

Respondeu Simón Pedro:

—O Mesías de Deus.

Entón el prohibiulles terminantemente dicir nada a ninguén. E engadiu:

—Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e máis os letrados, que o executen e que ao terceiro día resucite.

Meditación

Xesús orando. Xesús dándolle voltas ante Deus ao que traía entre mans: ser un valedor da esplendidez e da misericordia de Deus con toda a xente, maiormente da xente máis vulnerable, pola razón que fose. Xesús ollando para o seu grupo de xente íntima, que non daba entrado pola súa maneira servidora de entender a vida. Xesús que fai preguntas para que o seu grupo entenda, para que descubran presenzas novas de Deus que desconcertan. Xesús que lles abre o propio corazón, para compartir coa xente que o seguía de cerca o convencemento de que, se non somos persoas dispostas a sufrir pola causa de Deus, pola causa da xente empobrecida, é que non o entendemos a el. E non porque Deus se compraza no sufrimento de ningún fillo ou filla súa. Pero nada se reconstrúe, nada se renova, nada se resucita nas persoas e nos pobos e sociedades sen esforzo, sen aguante, sen sufrimento servidor e amoroso. E logo o silencio, para deixar que estas cousas vaian calando nas nosas entrañas. O silencio da xente no silencio de Deus. Para que o actuar da xente sexa tamén o actuar de Deus. Nós tamén estabamos alí.

Oración
Prohibiulles terminantemente falar.
Mandoulles calar.
Silencio.
Para non dar nada por entendido, por dixerido,
por asimilado,
por levado á vida.
Silencio.
Para evitar a verborrea inútil,
que non leva a nada,
que non convence a demais xente,
nin sequera a quen a pronuncia.
Silencio.
Para que as palabras cheguen ao fondo,
ás entrañas,
e se convertan en apegos entrañables.
Silencio para que Xesús tome corpo en nós,
para que nós tomemos corpo en Xesús, en Deus.
Silencio.
Acción

¿Quen está sendo Xesús para nós? ¿Parámonos algunha vez para ver se estamos asimilando algo do de Xesús? Por exemplo, ¿comprendemos que unha persoa cristiá non debería recear en sacrificarse polo común? ¿Estámolo facendo dalgunha maneira?


25 de setembro: Sábado da 25ª semana do Tempo Ordinario.

Ano 1: 1ª lectura: Zac 2, 5-9. 14-15a. Salmo: Xer 31, 10. 11-12ab. 13
Ano 2: 1ª lectura: Ecl 11, 9—12, 8. Salmo: 89, 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17

Evanxeo: Lc 9, 43b-45

Nunha ocasión, cando todo o mundo o admiraba polas cousas que facía, díxolles Xesús aos seus discípulos:

—Que vos quede isto ben gravado: ao Fillo do home hano entregar nas mans dos homes.

Pero eles non entendían o que lles quería dicir; non o daban descifrado, e non ousaron pedir que llelo aclarase.

Meditación

Lin hai poucos días esta frase saída da pluma de Luís Trigo Chao, un militante galego socialista dos anos 20-30 do século pasado, que tivo moito éxito social e que logo tería que fuxir ao monte e sería asasinado no ano 1947: “As revolucións non se fan con auga de colonias, senón entregando o sangue dos mellores fillos do pobo”. Xesús no seu momento diría algo semellante: “Tomade e comede, este é o meu corpo. Tomade e bebede, este é o meu sangue entregado por vós e polo mundo enteiro”. Salvando as grandes diferenzas –pero recoñecendo tamén as enormes similitudes--, un e outro, Luís e Xesús, advírtennos do mesmo: quen traballe por cambios substanciais na propia persoa e na sociedade, que conte con horas de conflito, de enfrontamento, de sufrimento, de morte incluso; e iso por moito que haxa momentos de éxito, gloria e recoñecemento, que os haberá.

Oración
Nas horas crúas da noite, Xesús,
un chisco da túa luz.
Nas horas do enfrontamento,
algo do teu alento.
Nas horas da turbación,
a túa confirmación.
Cando cheguen os desprezos,
a graza do teu aprezo.
E, se a cousa acaba en morte,
que a túa paz nos conforte.
Acción

Case instintivamente fuximos do conflito, e, cando as cousas se complican un pouco en calquera acción comunitaria na que participamos, con frecuencia renunciamos a seguir. ¿Estanos pasando algo así nalgún campo? Podiamos dar algún paso seguindo o talante de Xesús, o noso Mestre?



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.