20 febreiro, 2022

2º Encontro Escola de Espiritualidade curso2021 / 2022



Con agradecemento na Casa Común



Presentación: Na espiritualidade da CASA COMÚN: contemplación, admiración, agradecemento, loanza, solidariedade, dispoñibilidade, confianza. Sempre cara á unión, a comuñón.

Co Pai/Nai da CASA COMÚN. Abríndolle a porta ao Fillo pródigo, espléndido en servizo amante.


1.- No nome do Pai…., acollemos o bico, a aperta de Deus.

2.- En silencio, a música acompaña a nosa contemplación agradecida polas cousas e persoas da CASA COMÚN coas que hoxe fomos sendo.

3.- Incorporamos o nome dalgunha persoa concreta á nosa oración. Sentímola ben ao noso lado.

4.- Canto:
Porque es grande, noso Deus, 
e vén de Ti canto é bo,
desde esta nosa terriña,
dámosche grazas, Señor.
Como non loarte, meu pai e nai Deus,
en todas as cousas e seres nos que ti es!
Como non agradecer a túa presenza indeleble
ata no máis minúsculo aruxo que te fai presente!
Como non andar en total humildade,
sabéndome persoa feita, servida, acompañada, sostida
por unha inmensidade de realidades
que me permiten ser en cada instante!

Como non militar a tope na milicia da irmandade,
da inocencia, do coidado, da defensa
de calquera ser, de calquera persoa,
sobre todo das privadas da dignidade de criaturas,
da benaventuranza da inclusión!

Como non ollarme a min mesmo con admiración agradecida,
sabendo que na miña fráxil humanidade
está debuxado o teu rostro:
un en ti, contigo
--carne e sangue do meu pai e nai Deus--!,
persoa convocada á festa cósmica da irmandade!

Como non gozar a vida que son en ti,
compartindo con gusto a carga comunitaria,
coidando e defendendo a casa común
para proveito e gloria nosa en ti,
para gloria túa en nós,
cada quen no seu digno e fermoso lugar!

Como non aspirar por ese día
no que todo, todo ser, toda persoa
sexamos felizmente a plena luz,
o que xa somos no clamor fondo do noso ser:
pura harmonía en ti, Deus amante!

En ti somos, noso pai e nai Deus, ¡papama Deus!
Ti sempre empuxando a vida de toda a realidade,
para que sexamos o moito que podemos ser!
Grazas!
Que sorte sermos en ti,
facendo contigo unha comuñón total
como ti a fas connosco,
tomando materia e corpo no universo enteiro!
Que o teu inmenso soño comunitario, cósmico, se cumpra en nós!

5.-Silencio acollendo a este Deus que sempre está en nós, e acollendo a xente máis fráxil que mellor o representa.

Compartimos algo sobre o testo rezado, sobre as nosas vidas en relación con iso.

Canto
Aquí estou, Señor, 
rpra facer a túa vontade,
veño a renovar diante de Ti,
a fidelidade.
6.-Dándonos o corazón, rezamos NOSO PAI, NAI, EN QUEN VIVIMOS E EXISTIMOS….

7.-E dámonos o corazón como o queiramos facer.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.