22 de maio: Domingo 6º de Coresma
1ª lectura: Feit 15, 1-2. 22-29. Salmo: 66, 2-3. 5. 6 e 8.
2ª lectura: Ap 21, 10-14. 22-23.
Evanxeo: Xn 14, 23-29
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se alguén me ama, gardará a miña palabra e meu Pai amarao e viremos onde el e faremos vida con el. O que non me ama, non garda as miñas palabras; ea palabra que escoitades de min non é miña, é do Pai que me mandou.
Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco; pero o Paráclito, o Espírito Santo que meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos dixen.
Déixovos a paz, douvos as miña paz, eu non vola dou como o mundo a dá.
Non vos angustiedes, nin teñades medo. Oístes que vos dixen: Voume e logo volvo onda vós.
Se me amásedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min.
Meditación
Seguimos de conversa con Xesús, Xesús resucitado, presente nas nosas vidas. Seguimos escoitando a súa explicación sobre as maneiras de ir vivindo día a día esa presenza. Queremos escoitalo sen deixar de lado nada do que somos e vivimos, nada do que é e está vivindo a sociedade da que formamos parte, os veciños e veciñas, os irmáns e irmás que fan connosco comunidade cristiá e/ou pobo. Temos diante ese reto anunciado por Rahner: a cristiá do presente e do futuro inmediato ou será mística ou non será cristiá/án. Queremos acceder a esa condición de místicas/os, guiados polo grande místico que foi o evanxelista Xoán e os homes e mulleres que formaron a súa escola de espiritualidade e de vida. Pero unha mística para andar pola casa, pola familia, pola historia; unha mística cos pés na terra, apegada ás persoas máis débiles, unha mística de ollos abertos. Coma a de Xesús.
No evanxeo de hoxe ofrécensenos tres retos para a nosa identidade cristiá no medio da vida. O primeiro deseña un proxecto de unidade radical entre Deus, Xesús, cada un, cada unha de nós, cada unha das nosas comunidades. Xesús, en Deus, quere establecerse en nós, quere facer vida connosco. Saímos do corazón amante de Deus e o éxito da nosa historia é recorrer o camiño que nos leva de novo a ese centro de amor e de vida. No noso recorrido levamos a Xesús por compañeiro e guía. E gardar a palabra de Xesús convértese en garantía de acerto, que posibilita que nos realicemos nese gozo da unidade. A palabra de Xesús maniféstasenos abertamente nos evanxeos; ten moito que ver co achegamento ás persoas máis débiles, deterioradas e marxinais. Xesús chega a dicir que a voz desas persoas, o seu clamor, o seu berro polo pan e a saúde, pola restauración completa e fonda das súas vidas, é o clamor mesmo de Xesús, de Deus. Quen está disposto a gardar esta palabra de Xesús? Quen acepta este reto? Quen está disposta a embarcarse nesta andaina mística cos pés na terra, facendo camiño coas persoas máis débiles das nosas comunidades cristiás, dos nosos pobos?
O segundo reto ten un fondo de seguridade, mesturado cun aquel de busca e de sorpresa. Xesús promete o Espírito Santo, é dicir, a luz de Deus para sabermos discernir as cousas, os acontecementos da nosa vida, as reviravoltas da historia colectiva, social. E mira que non hai cousas que discernir, por exemplo, en cada un dos moitos acontecementos que estamos vivindo: os desafiuzamentos, as preferentes, o estar no paro, ou o estar traballando mentres outros/as padecen o paro; a incerteza sobre o futuro de cada un/unha de nós, sobre o futuro dos nosos fillos e fillas; o tensión das persoas cristiás entre a desesperanza pasada e o alento novo que o Papa Francisco suscita, etc. O Espírito Santo dá luz para discernir e forza para botarnos a andar polos camiños recoñecidos como auténticos. Pero todo isto tamén quere dicir, que non todo está claro e seguro, por moito que leamos os evanxeos e nos apuntemos ao seguimento de Xesús. Quen ofrece a presenza do Espírito, pide ao mesmo tempo andar en busca, escudriñar o que nos pasa, escudriñar a historia, estar vixiantes, non durmirnos en ningunha seguridade. O Espírito Santo claro que si que é un don, un regalo do ceo, pero, ao tempo, é un don, un regalo, que se conquista coa busca apaixonada, coa pregaria humilde, coa dispoñibilidade libre. Este reto de Xesús tampouco non é nada pequeno. Sermos homes e mulleres de Espírito, levadas, traídos, curados, mobilizadas, polo Espírito. Iso foi Xesús. E iso é o que Xesús nos ofrece.
O terceiro reto fálanos de atinar coas fontes da paz que arreda de nós toda angustia, todo temor ou medo. Coma noutros momentos da historia, non máis, pero quizabes tampouco menos, somos unha sociedade tocada polas angustias, polos medos. Xesús ofrécenos a súa paz, para enchernos con ela, para fortalecernos con ela, para facernos persoas de loita e de esperanza con ela, para que a saibamos compartir con quen está ameazada polas sombras da angustia, do medo, do desespero. Xesús dinos que a súa paz é unha paz distinta da que pode ofrecer o mundo, distinta da que podemos ofrecer en por nós os homes e mulleres que nos quedamos con frecuencia na codia da vida e da historia, sen arriscarnos a entrar nos pisos interiores das persoas e das historias, da historia, para detectar carencias fondas e ofrecer camiños limpos de superación. Xesús dá a paz, non a vende, non a ofrece ao ofertante máis poderoso; dá a paz de balde a quen lle abra as portas da casa, do corazón, da vida. A paz de Xesús é alegría, conforto, pero non é un xoguete nas mans de persoas inconscientes. Quen aposta por esta paz de Xesús? Quen a quere?
Voume, volvo, estou convosco, pero é normal que me busquedes. Son claro coma a luz do sol que cada día nos aluma, pero é preciso que adiviñedes a miña presenza nos rostros entristecidos de quen sofre o peso da vida. Son paz, pero provoco conflitos. Son un apaixonado de Deus, pero devezo polo rostro de cada home ou muller que clama dignidade. O meu é o Espírito, pero non sei moverme sen gozar coa compaña de amigos e amigas. Estou no ceo, pero o meu ceo está na terra. Son só, único, pero na comunidade encontro o meu gozo maior, a miña orixe, o meu destino. Así son eu. Quen quere facer vida comigo?
Preces
QUE O TEU ESPÍRITO, XESÚS, MOBILICE AS NOSAS VIDAS
Para apaixonarnos por Deus e pola xente débil como ti o fixeches. Oremos.
Para estar a carón de quen sofre coa nosa presenza, coa nosa palabra, co noso alento, cos nosos cartos, con todo o que faga falla. Oremos.
Para ter e ofrecer paz incluso nos momentos tensos, dolorosos da vida. Oremos.
Para ter capacidade de dar a cara, de entrar en conflito, se fai falla, para defender a vida nas persoas, na natureza. Oremos.
Para ter alegría e compartila na familia, na parroquia, na Igrexa. Oremos.
Para buscar sempre a verdade das cousas, da vida, en cada momento da nosa historia e da historia da nosa sociedade. Oremos.
Oración
Grazas, Xesús!Canto te admiro,canto te quero!Grazas por estar disposto a vir onda min, onda nós,e a facer vida connosco, no Pai,nunha experiencia de amor que cura e que libera.Grazas por nos ofrecer a túa palabra,os teus feitos, a túa vida toda,coma camiño seguro que nos leve á unión verdadeira.Grazas, Xesús, polo teu Espírito,o Paráclito, o Valedor,o Valedor do pobo,o Valedor da xente débil sobre todo,o meu Valedor, polo tanto,xa que tanta é a debilidade presente na miña vida!Grazas polo teu Espírito,que nos abre os ollos,que nos trae o teu recordo vivo,que nos ensina para ir acertando co teu estilono medio do momento presente.Grazas, Xesús, pola túa paz,tan túa, tan propia, tan especial,que nos custa entendela e acollela,vivila, agradecela e compartila.Grazas pola valentía que vén de ti,para podermos vencer medos e angustias,nas horas baixas, nas horas tenebrosas,como as que estamos vivindo.Grazas pola túa alegríaque queres compartir connosco.Grazas porque queres facer noso todo o teu,para que nós fagamos tamén teu todo o noso.Grazas, Xesús,canto te admiro,canto te quero!
Acción
O Espírito é o noso Valedor. Podemos agradecer especialmente hoxe que así sexa. E podemos tamén, para entrar ben nesa onda, facernos nós tamén algo valedores, valedoras, da xente que nos rodea. ¿Qué poderiamos facer hoxe para iso?
23 de maio: Luns da 6ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 16, 11-15
Salmo: 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
Evanxeo: Xn 15, 26-16, 4a
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Cando veña o Paráclito, que eu vos hei de mandar de onda o Pai, o Espírito da Verdade, que vén do Pai, dará testemuño acerca de min, e tamén vós daredes testemuño, pois levades comigo dende o comezo.
Díxenvos estas cousas para que non vos escandalicedes. Hanvos expulsar das sinagogas, e mesmo chega a hora en que todo aquel que vos mate coide que está dando culto a Deus. E farán iso porque non coñeceron nin o Pai nin a min. Mais díxenvos isto para que, cando chegue a hora, recordedes que xa eu volo tiña dito.
Meditación
De Xesús, de cada un, cada unha de nós, vemos as cousas que se din, que se fan. O que Xesús dixo e fixo gústanos moito; vemos nel un grande apaixonado por Deus e ao tempo, e por iso mesmo, un grande apaixonado por todos os homes e mulleres que o rodeaban, sen límite ningún. Nós non somos tan así. Pero non é doado entender o fondo da persoa de Xesús, como tampouco non é nada doado entender o fondo da nosa propia persoa. Posiblemente coincidamos nunha cousa: as raíces do noso ser están na mesma forza creadora de Deus; o alento que tira para adiante pola nosa vida é o mesmo Espírito de Deus que todo o sostén e dinamiza.
Podemos dar testemuño de Xesús de palabra, falando, escribindo, compartindo. Pero as palabras non chegan. A mellor maneira de dar testemuño de Xesús é ofrecernos como persoas que deixan que o que aconteceu en Xesús aconteza tamén en nós, aínda que sexa dunha maneira máis fráxil e limitada.
Oración
Canto tempo levo estando contigo, Xesús!Podo dicir que desde o comezo da miña vida!Pouquiño a pouco,moi pouquiño a pouco,a túa memoria foise facendo carne da miña carne,sangue do meu sangue,alento do meu alento.Algo polo menos.Pero ¿que testemuño dou de ti?¿Que hai en min que lle permita á xentever debuxados no meu rostroalgúns trazos polo menos do teu aire fiel, liberador?Que o teu Espírito,o Espírito da verdade e non da simulación,poida testemuñar en min con verdadeque ti es para nós inocencia, gozo e liberdade!
Acción
¿Temos pensado algunha vez nesta tarefa que Xesús nos encomenda de dar testemuño del? ¿Estámolo facendo dalgunha maneira? ¿Podemos mellorar nisto?
24 de maio: Martes da 6ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 16, 22-34
Salmo: 137, 1-2abc. 2d-3. 7c-8
Evanxeo: Xn 16, 5-11
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Agora voume onda quen me mandou e ningún de vós me pregunta: ¿onde vas? Ao contrario, porque vos dixen estas cousas, a tristura encheu os vosos corazóns. Pero eu dígovos a verdade: convenvos que me vaia, pois, se non me vou, non virá a vós o Paráclito; en cambio, se me vou, mandareino onda vós. E, cando el veña, culpará o mundo de pecado, xustiza e condena; pecado, porque non cren en min; xustiza, porque vou onda o Pai e non me veredes; condena, porque o príncipe deste mundo xa resultou condenado.
Meditación
¿Qué é o Espírito? Algo así –poderiamos dicir— coma esa presenza calada de Deus que nos acompaña sempre. Podémolo entender coma unha luz que ilumina os nosos pasos, coma unha forza que nos empuxa a andar en fidelidade con Deus e coa xente, coma unha paz que nos serena nas horas turbas da vida, coma unha alegría que nos incita á confianza e ao optimismo, coma un ímpeto que nos fai valentes contra calquera maldade. O Espírito éncheo todo de ben, como Deus mesmo tamén o enche todo de ben. Deus e o Espírito son o mesmo.
Xesús andou sempre deixándose levar polo Espírito. Soubo moi ben que era iso do Espírito, e por iso nolo ofrece coma o seu mellor regalo de despedida. As persoas cristiás somos tales na medida en que acollemos o Espírito nas nosas vidas e nos deixamos levar polo seu poderío.
Oración
Veña sobre nós o teu Espírito, Xesús.Veña sobre a xente de aldea velliña e soacoma unha compaña cálida, necesaria.Veña sobre a nosa mocidadecoma unha palmadiña de luz na súas vidas.Veña sobre quen coida a fe do pobocoma unha incitación á creatividade.Veña sobre o campo e quen o traballacoma unha aperta sempre agradecida.Veña sobre todos os homes e mulleres do mundocoma unha invitación a facer familia total.Veña sobre todas as persoas crentescoma unha forza de humilde e limpo testemuño.
Acción
O Espírito anda espallado polo mundo adiante, nos feitos e persoas máis normais da vida. Podemos ollar un pouco ao noso redor e ver se o vemos presente na vida, no actuar dalgunha persoa ou grupo. Se é así, ¿cómo nos podemos aproveitar dese Espírito na nosa vida tamén?
25 de maio: Mércores da 6ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 17, 15. 22—18, 1
Salmo: 148, 1-2. 11-12. 13. 14
Evanxeo: Xn 16, 12-15
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña el, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o que ha de acontecer. El hame glorificar, pois recibirá do meu e proclamarávolo. Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo manifestará.
Meditación
“Aínda teño moitas cousas que vos dicir.” Estas palabras tamén van ditas para cada un, cada unha de nós. Canto do de Xesús aínda non resoou nos nosos corazóns, non entrou nas nosas vidas e, polo tanto, non se manifesta tampouco na nosa maneira de vivir! Sendo isto así, parece que o normal sería que medrase en nós o desexo de entrar cada vez máis nas cousas de Xesús, no seu Espírito, na súa maneira tan familiar e fonda de tratar con Deus, nas súas formas de entender e vivir o trato coa xente. Se o queremos, se o buscamos, iso é posible. A súa vida está aí, o seu Evanxeo está ai, o seu Espírito está aí tamén, a comunidade cristiá cos seus animadores e animadoras está aí, ao noso dispor. Queda acoller, admirar, agradecer, implicarse, servir, loitar, amar, todo ao estilo de Xesús. Queda andar pola vida con suma humildade sabendo que todos temos por diante moito camiño que facer; pero tamén con moita valentía, porque quen nos sinala o camiño tamén nos ofrece a forza para poder andalo.
Oración
Que o teu Espírito, Xesús, nos encamiñecara á verdade, cara a honradez, cara á xustiza.Que non nos permita adormecernosno camiño andado,nin, indiferentes,pasar de largo ante o sufrimento alleo.Que cada mañá nos esperte o oídoe nos dea palabra e feitos de aprendiz,para coidar con xeito a nosa vida,e axudar a quen ande en amarguras.Que nos amose a fonte da lediciae nos conduza cara a ela,para podermos ser logo humildementegozo, paz e festa compartida.
Acción
Sos ou en grupo podiamos pensar que cousas novas nos estará querendo comunicar Xesús nestes nosos tempos tan complexos. Así poderemos abrirlle a porta ao seu Espírito.
26 de maio: Xoves da 6ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 18, 1-8
Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Evanxeo: Xn 16, 16-20
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Un pouquiño e xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver.
Comentaron entón algúns dos seus discípulos: ¿Qué é isto que nos di: un pouquiño e xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver? ¿E iso de que “porque vou onda o Pai”? ¿Qué é ese un pouquiño? Non sabemos o que quere dicir.
Coñeceu Xesús que lle querían preguntar e díxolles:
—¿Matinades entre vós acerca disto que vos dixen: “un pouquiño e xa non me veredes, e outro pouquiño e volverédesme ver”? Con toda verdade volo aseguro: choraredes e laiarédesvos, mentres que o mundo se alegrará. Vós estaredes tristes, pero a vosa tristura volverase alegría.
Meditación
O Papa Francisco insístenos moito en que a vida cristiá, nas súas diferentes facetas, é un camiño cara a ledicia, que está ben que o andemos con ledicia. Os seus escritos van todos nesa clave: “A ledicia do Evanxeo”, “A ledicia do amor”, “Loado sexa”, “Alegrádevos e brincade de gozo”. E, se insiste niso, podemos pensar que é porque ve que é algo que nos falta. Normalmente a xente que non é crente asocia a fe, a crenza, a vida das persoas crentes, coa tristura. Se nos ven así, ¿será porque en realidade vivimos así?
A vida cristiá, o seguimento de Xesús, o servizo á comunidade, á sociedade como seguidores e seguidoras de Xesús, ten horas duras certamente, non o podemos ignorar nin disimular. Horas de esforzo, de renuncia, de incomprensión, de rexeite incluso, que poden deixar un sabor acedo nas nosas vidas. Sería ese “pouquiño” ao que se refería Xesús. Non nos deberamos estrañar diso. Pasa con calquera vida que queira ser firme e coherente. Pero si que nos debería estrañar se eses tempos de tristura non están compensados, sostidos, superados por un fondo de ledicia humilde e agradecida, esperanzada, que envolva toda a nosa existencia.
Oración
Cos meus “pouquiños” de dorveño onda ti, meu Señor.Coas miñas horas amargas,orfas de paz, de esperanza.Cos meus desalentos cansos,na busca do teu descanso.Coa miña tristura aceda,agardando a man que aleda.Buscando o don da alegría,que ti ofreces cumprida.Cos meus “pouquiños” de amorveño onda ti, meu Señor.
Acción
Podemos mirar se somos persoas crentes alegres ou non. Podemos mirar cales son as razóns da nosa tristura ou da nosa ledicia. Igual atopamos camiños para avanzar e ser persoas con máis optimismo cristián.
27 de maio: Venres da 6ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 18, 9-18
Salmo: 46, 2-3. 4-5. 6.7
Evanxeo: Xn 16, 20-23a
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Con toda verdade volo aseguro: choraredes e laiarédesvos, mentres que o mundo se alegrará. Vós estaredes tristes, pero a vosa tristura volverase alegría. A muller cando vai dar á luz ten tristura, pois chegou a súa hora; pero, cando deu á luz o neno, xa non lle acorda o apuro, pola alegría de que naceu un home para o mundo. Así tamén vós tendes agora tristura, pero heivos de ver de novo e o voso corazón alegrarase e a vosa alegría ninguén vola poderá quitar. E aquel día xa non me preguntaredes nada.
Meditación
Insiste o evanxeo na experiencia da tristura e da ledicia. Era algo que lle preocupaba realmente a aquelas comunidades cristiás que estaban sufrindo moito, que estaban sendo maltratadas por seren cristiás. Xesús ofrécelles a comparanza das dores da muller a punto de dar á luz e a ledicia que ten cando xa goza coa criatura nas mans. Unha preciosa foto do que pode ser unha vida cristiá que asume as dificultades de vivir ao estilo de Xesús, pero que o fai sabendo que iso dá pé á ledicia dunha nova criatura: nacemos desa maneira como criaturas novas e contribuímos a poñer a novidade de Deus neste mundo.
Nos mundos de hoxe hai comunidades cristiás que están vivindo isto con moito realismo: nos países de Oriente Medio, nalgúns países de África. Entre nós, ás veces parece que temos renunciado xa a ese tipo de conflitos, de penas e gozos, porque nos temos adaptado demasiado ao funcionamento deste mundo, e non se nos ve especialmente interesados en facernos testemuñas do estilo de vida de Xesús no medio da nosa sociedade. Pero, se renunciamos ás dores do parto, renunciamos tamén á ledicia inmensa da novidade de Deus nas nosas vidas.
Oración
¿Quen nos liberará, Xesús,da desgana coa que tantas veces vivimos a nosa fe?¿Quen nos arrincará da rutina case inútilá que temos reducido a nosa práctica relixiosa?¿Quen espertará en nós a ansia teimudade vivir con humildade ao estilo de Xesús?¿Quen nos abrirá os ollos para entenderque os camiños da ledicia pasan polas fidelidades fondas?Ti, Xesús, falabas do que, vivindo en Deus, experimentaras.Ti tes para nós palabras de ledicia eterna.
Acción
Mirando para as nosas vidas, ¿temos experiencia de ter pasado por algún momento tenso, difícil, doloroso, que ao final nos trouxo satisfacción e ledicia? ¿Algunha vez demos a cara dalgunha maneira por defender algo que teña que ver co estilo de vida de Xesús? Vemos algunha cousa na que poderiamos dar un paso adiante e con humildade deixarnos ver como persoas seguidoras de Xesús?
28 de maio: Sábado da 6ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 18, 23-28
Salmo: 46, 2-3. 8-9. 10
Evanxeo: Xn 16, 23b-28
Díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Con toda verdade volo aseguro: o que lle pidades ao Pai no meu nome, hávolo dar. Ata agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, de xeito que a vosa alegría sexa plena. Díxenvos estas cousas en comparanzas. Vai chegar a hora en que xa non vos falarei en comparanzas, senón que vos falarei do Pai abertamente. Naquel día pediredes no meu nome. E non vos digo que eu rogarei por vós ao Pai, xa que o propio Pai vos ama, pois vós amástesme a min e crestes que eu saín de Deus. Saín do Pai e vin ao mundo; de novo deixo o mundo e vou onda o Pai.
Meditación
Pedir no nome de Xesús non quere dicir que teñamos que empregar o nome de Xesús coma unha palabra máxica ou coma un enchufe, para así poder acceder ao corazón dun Deus que fose distante e cativeiro á hora de nos regalar cos seus dons. Xesús mesmo nos di que non é que el vaia rogarlle ao Pai por nós; non fai falla, porque de Deus para nós soamente saen cousas de amor, de acompañamento, de sustento, de esperanza.
Pedir no nome de Xesús é rezarlle a Deus Pai/Nai no espírito de Xesús, é dicir, incorporándonos á mesma confianza, ao mesmo agarimo, á mesma fidelidade, á mesma unión, á mesma dispoñibilidade que Xesús tiña cara a Deus. Pedir no nome de Xesús é saber que estamos nos seus brazos cos gozos e dores da nosa vida, e, mesmo sen dicir palabra ningunha, deixar que o seu Espírito nos envolva e vaia facendo de nós un home ou muller que sabe agradecer os momentos bos e manterse firme e confiada nas horas malas. Pedir no nome de Xesús é deixarlle libres as mans a Deus na nosa vida toda.
Oración
No nome de Xesús ante ti, Deus noso,renunciando a querer ser eu o dono último da miña vida.No nome de Xesús,admirándote, agradecéndochetodo o ben que hai en min e en todas e cada unha das túas criaturas.No nome de Xesús,poñendo nas túas mans as miñas andanzas todas.No nome de Xesús,pensando, actuando, vivindo con alma solidaria,con corpo solidario, con petos solidarios.No nome de Xesús,sabendo que do Pai veño coma el,e ao Pai quero volverdespois dunha vida humilde, inocente e xustalevando no meu macutoa lembranza quente dos teus pequenos e pequenas.
Acción
Sería algo moi bo que algunha vez as persoas crentes nos xuntásemos para falar de como lle rezamos a Deus, a Xesús. Seguro que aprenderiamos a rezar mellor, máis no nome de Xesús. E a todo hai que atender para mellorar a nosa vida cristiá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.