29 de maio: Solemnidade da Ascensión do Señor
1ª lectura: Fei 1, 1-11. Salmo: 46, 2-3. 6-7. 8-9.
2ª lectura: Ef 1, 17-23.
Evanxeo: Lc 24, 46-53
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e máis o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Entrementres seguide na cidade ata que se vos revista co poder que vén de arriba.
Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos.
E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ao ceo. Eles, despois de se prostraren perante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus.
Meditación
Estamos ante o texto final do evanxeo de Lucas. As primeiras persoas cristiás tiveron unhas vivencias intensas ao redor da morte e da resurrección de Xesús. Esas vivencias intensas os evanxelistas plasmáronas en relatos, e, uns máis ca outros, tamén as diversificaron no tempo e no espazo: resurrección, encontros con Xesús, don do Espírito, Ascensión, sendo que todo este conxunto de realidades forman unha unidade que ten por centro a resurrección de Xesús. O evanxeo de hoxe empeza poñendo na boca de Xesús un precioso resume do experimentado polos seus primeiros seguidores e seguidoras, e conclúe cun relato un pouco simplista, simbólico, do feito mesmo da Ascensión.
O resume do experimentado polas persoas seguidoras de Xesús é sinxelo e fondísimo, e sinala aspectos que teñen unha total actualidade para quen hoxe nos seguimos apuntando ao seu discipulado. Primeiro dinos como os primeiros cristiáns e cristiás, levadas polo Espírito, caeron na conta da reinterpretación vital que Xesús fixera da figura do Mesías, e, polo tanto, do seu propio liderado e de todo liderado que se pretenda chamar cristián. Á resurrección, á plenitude da vida, ao gozo dunha vida enteira, consistente, feliz, resucitada, accédese a través do amor, do apaixonamento, do conflito, do padecemento. É o que dicía Xesús mesmo de que el non viñera para ser servido senón para servir. Este é un sinal de identidade de todo liderado cristián, é unha excelente achega que os cristiáns podemos facer en toda etapa histórica, tamén na presente, na que parece que os liderados están marcados en moitos casos pola busca do proveito e das propias comenencias e non do servizo. No Papa Francisco estamos vendo cousas propias do liderado de Xesús, e por iso nos está gustando tanto e exerce unha boa atracción sobre nós. En parcelas máis pequenas ou máis grandes case todas temos algún liderado que exercer, non só o Papa.
Outra cousa importante do descuberto polas primeiras persoas cristiás: no nome de Xesús, na súa persoa, na súa vida, no seu estilo de ser e de afrontar as cousas, na súa maneira de situarte ante a debilidade e ante o poder, en Xesús, hai un inimaxinable potencial de cambio, de conversión, de recuperación, de perdón, de novidade para todas as persoas, para todos os pobos. Que cousa máis fermosa e de tanta responsabilidade temos nas mans as cristiás, os cristiáns! E, se así o podían afirmar aquelas persoas, era porque o estaban experimentando nas súas propias vidas, non era unha teoría barata. Non é esta tamén unha estupenda achega que as cristiás podemos ofrecer no momento presente de Galicia, de España, do mundo, ao que vemos tan precisado de novidade en liña de fraternidade, de xustiza, de paz? Non é esta a tarefa principal que Xesús nos puxo e nos pon nas mans, para que a desenvolvamos con ousadía nos tempos de hoxe tamén? Ben vemos que a cousa é moito máis ca un simple confesar os pecados e que alguén nolo perdoe no confesonario. É unha oferta de cambio e novidade fonda, persoal, social, pola que hoxe mesmo a sociedade tamén está clamando.
Os primeiros discípulos e discípulas entenderon perfectamente que o seu labor principal era ser “testemuñas de todo isto”: do liderado e da vida coma servizo e da novidade rotunda de Xesús. E testemuña é a persoa que dá fe de algo porque o viu, porque o experimentou, porque o viviu. Para ser boa testemuña é moito máis importante a vida do que as palabras. O testemuño da palabra é máis doado ca o testemuño da vida, pero quen realmente nos chama, atrae e arrastra son as testemuñas vivas, as testemuñas que coa súa mesma vida nos mostran que o dito e falado é posible. Como nos gusta a todas, a todos, achegarnos a esas persoas, e deixarnos tocar e coller pola limpeza, simplicidade e verdade das súas vidas! Cando batemos con elas parece que se nos ensancha o corazón e que recuperamos as forzas para todo. Pensemos en persoas concretas que para nós foron ou son testemuñas de Xesús, do de Xesús. Coma persoas e coma comunidades cristiás podémonos preguntar que testemuño estamos dando. Podémonos preguntar que poderiamos facer para mellorar o noso testemuño. Podémonos preguntar tamén como achegarnos a testemuñas vivas para deixarnos inflamar pola forza da súa paixón cristiá.
A proposta de Xesús, onte e hoxe, é unha proposta arriscada, simple pero esixente, por iso non é posible comprometerse con ela máis ca coa forza do don prometido, o poder que vén do alto, o Espírito do mesmo Xesús. Percibírono moi claramente as primeiras cristiás/cristiáns. Percibímolo nós tamén? Somos persoas de oración, desas que petan, chaman, buscan para ter o corazón e a vida sempre aberta ao regalo do Espírito?
No remate do seu evanxeo Lucas destaca dúas cousas que a el lle gustaron moito ao longo da súa presentación da boa nova de Xesús: a alegría e a pregaria. Son a preparación necesaria para recibir o Espírito, pero son tamén xa o sinal da súa presenza. Que ben nos faría a todas, todos, medrar nesas dúas experiencias.
Preces
QUE O TEU ESPÍRITO, SEÑOR,
QUE O TEU ESPÍRITO NOS FAGA FORTES
Para collerlle gusto ao servizo, e co servizo ser capaces de crear unhas relacións persoais e sociais novas, revolucionarias. Oremos.
Para seremos testemuñas humildes e ousadas do teu estilo de vida, e contribuír así o que poidamos na melloría da sociedade na que vivimos. Oremos.
Para afrontar as enfermidades, as desgrazas, as horas baixas, as soidades, os medos ante calquera cousa da vida. Oremos.
Para ser valentes no momento presente e ser capaces de unirnos aos que loitan para que non acabemos sendo unha sociedade de privilexios para a xente rica e de máis carencias para a xente pobre. Oremos.
Para manter en nós o don precioso do humor e da alegría, e para sosternos con humildade na oración. Oremos.
Oración
Grazas polas túas testemuñas no mundo obreiro e mariñeiro,os homes e mulleres que coa palabra e coa vidate fan presente e atraínte.Grazas polas túas testemuñas no mundo rural,as persoas que adiviñan a túa presenza vivana natureza mesma que atenden e traballane na unión para a vida e para os traballos.Grazas polas túas testemuñas no medio das comunidades cristiás,os servidores e servidoras que explican con vida a túa palabra,que comprometen a súa vida coa xente máis débile celebran agradecidas a túa presenza sempre alentadora.Grazas polas túas testemuñas no seo das familias,as que as coidan e miman con mil detalles cada día,as que fan da casa un verdadeiro niño de afecto e alento,un espazo aberto para o encontro e a esperanza.Grazas polas túas testemuñas no mundo da dor e da enfermidade,as que sofren con paz e esperanza,con humor e sen malas maneiras,sabendo agradecer as atencións recibidas;as que na súa debilidade nos falan da túa forza.Grazas polas túas testemuñas no medio da xente soñadora,que non se contentan con seguir coas cousas como están,nin na Igrexa nin na sociedade,e nos falan de ti coa súa ousadía, coa súa reflexión, coa súa acción.Grazas polas túas testemuñas entre as persoas que non son crentesnin forman parte de ningunha comunidade relixiosa,e, sen embargo, están apaixonadas pola honradez, pola xustiza,e ao teu carón fan que a vida nos sexa máis levadeira e soñadora.Grazas polas testemuñas da loita e da paz,da alegría e da oración,da constancia e da fidelidade,do traballo e do esforzo,da honradez e da xustiza,da tenrura e da misericordia,da pobreza e da simplicidade.
Acción
¿En que cremos que estamos sendo testemuñas de Xesús, da súa fe, da súa vida, da súa causa, da súa forma de relacionarse, da súa acción social?
30 de maio: Luns da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 19, 1-8
Salmo: 67, 2-3. 4-5ac. 6-7ab
Evanxeo: Xn 16, 29-33
Nunha ocasión dixéronlle a Xesús as persoas que o acompañaban de cerca:
—Mira, agora falas claro, sen andar con voltas. Agora sabemos que o sabes todo e non precisas que ninguén che pregunte; por iso cremos que saíches de Deus.
Xesús respondeulles:
—¿Agora credes? Mirade, vai chegar a hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada un pola súa banda e a min deixarédesme só. Aínda que eu non estou só, pois está comigo o Pai. Díxenvos estas cousas para que teñades paz grazas a min. No mundo haberedes ter apertos; pero tede ánimo, eu vencín o mundo.
Meditación
As persoas que acompañaban a Xesús transmiten satisfacción: todo está claro, entendémolo todo, ningunha dúbida nos invade o corazón e a vida. Pero Xesús devólveos á realidade: ¿Pensades crer? Deixarédesme só! Porque crer non é ter unhas ideas máis ou menos razoadas sobre quen é ou non é Xesús. Crer é vincularse vitalmente ao seu estilo de vida. E iso leva consigo inseguridade, conflito, loita, apertos. Iso si, Xesús asegúralles que iso pode convivir perfectamente cunha grande paz. Paz ao estilo de Xesús, ao estilo das persoas fondamente comprometidas co Deus da vida, da dignidade. Canto podemos aprender daqueles primeiros discípulos e, por suposto, do mesmo Xesús!
Oración
Apréndeme, Xesús,os camiños da vida,os camiños da xente desvalida,os camiños de Deus.Apréndeme a andar por elessen aforrar esforzos,pero con fonda paz.Apréndeme a ser humilde,agradecendo o recibido,ofrecendo xenerosamenteo que foi madurando en min.Así ata a hora final,sen renuncios nin abandonos.
Acción
Podemos decatarnos dalgún aperto polo que esteamos pasando na vida: físico ou espiritual, persoal ou comunitario, social. ¿Cómo o estamos xestionando? ¿Desde a paz e a confianza, ou desde a axitación e o desespero? ¿Cómo nos podería axudar Xesús a afrontalo?
31 de maio: Festa da Visitación de Santa María
1ª lectura: Sof 3, 14-18. Salmo: Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6
Evanxeo: Lc 1, 39-56
Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña, a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
Entón María exclamou:
A miña alma proclama a grandeza do Señor,e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador,porque reparou na súa humilde escraviña.Velaí, desde agoratodas as xeracións me van felicitar,porque o Poderoso fixo en min marabillas.Santo é o seu nome!A súa misericordia chega sempre a toda a xente que o honra.Manifesta todo o seu poderdesbaratando os plans dos soberbios.Derruba os poderosos do seu tronoe fai subir os humildes;enche de ben os famentose despide baleiros os ricos.Ampara a Israel, o seu servo,lembrándose da súa misericordia,conforme prometera aos nosos pais,en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu con ela (Sabela) tres meses e logo volveu para a súa casa.
Meditación
Todo se move entre visitas, saúdos, alegrías, bendicións e agradecementos. Todo é así por parte de dúas mulleres, María e Sabela, que entraron na roda misteriosa de Deus e se fixeron servidoras dela. Unha roda que repara sempre no humilde, que o escolle con preferencia para facer del o berce dun futuro novo para as persoas, para as comunidades, para os pobos. É o estilo permanente de Deus, que na visitación de María queda tanto de manifesto.
¿Andamos nós así enredados no estilo de Deus? ¿É o noso estilo andar de visitas, de coidados, de compartir experiencias, de motivarnos mutuamente, de empuxarnos á ledicia e á esperanza, de cantar e bailar doadamente as sortes da xente desherdada da terra, de levar a Deus como fonte de todo no fondo de todos e cada un dos nosos movementos? ¿É o noso estilo contaxiar isto a quen nos vexa, a quen nos trate, na familia, na comunidade cristiá, no mundo laico no que nos movamos?
Oración
Bendita sexas, María,pola présa que levabaspara ver a túa prima!Bendita sexas, María,polo neno que no ventreanunciaba xa ledicias.Bendita sexas, María,que a todos nos contaxiasa túa fe sen medida.Bendita sexas, María,señora de canto e baileen honor do Deus da vida.Bendita sexas, María,falándonos do Deus grandeque a humilde prefería.Bendita sexas, María,o mundo cheo de esperanza,da que ti es profecía.
Acción
Hoxe podemos imitar algo a María, indo visitar a algunha persoa para compartir algo do máis fermoso que levemos dentro de nós, polo que alegrarnos e festexar algo xuntas.
1 de xuño: Mércores da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 20, 28-38
Salmo: 67, 29-30. 33-35a. 35b-36c
Evanxeo: Xn 17, 11b-19
Naquel tempo xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:
—Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós. Cando eu estaba con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos, eu agarimeinos e ningún deles se perdeu, fóra do fillo da perdición, de xeito que se cumprise a Escritura. Mais agora estou indo a ti e falo estas cousas no mundo, para que teñan eles a plenitude do meu gozo. Eu deilles a túa palabra e o mundo aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu non son do mundo. Non che pido que os tires do mundo, senón que os gardes do malo. Eles non son do mundo, como eu tampouco non son do mundo. Conságraos na verdade; a túa palabra é verdade. Como ti me mandaches ao mundo, así os mando eu a eles, e por eles conságrome eu, para que tamén eles sexan consagrados na verdade.
Meditación
O mundo é a casa común habitada por millóns de homes e mulleres, entre os que nos contamos. No mundo, na xente, hai cousas marabillosas que nos levan á admiración e ao agradecemento. No mundo hai tamén cousas malas, mala xente, malas ideas, moitos abusos, moita explotación, moito dominio dos poderosos sobre a xente máis humilde, moitas guerras sempre interesadas nas que morren miles de inocentes. Calquera de nós levamos no noso corazón parte desas cousas marabillosas que hai no mundo e, moi posiblemente tamén, parte desa maldade que ensucia o mundo.
Como habitantes do planeta, como persoas cristiás o mundo é o noso lugar. Non queremos nin debemos fuxir del. Cara a onde? Xesús invítanos a estar no mundo, pero a estar dunha maneira inocente, xusta, responsable, agradecida, loitadora, solidaria, deixándonos conducir pola súa palabra, polo seu estilo de vida, pola súa ilusión de facer deste mundo unha casa de irmás e irmáns en todo. Custe o que custe.
Oración
Ti apréndesme, Xesús,a gozar coas cousas boas todas que hai no mundo,a gozar con tanta xente boa que o habita,a alegrarme polo ben que descubro na miña propia vida.Grazas, Xesús.Pero ti apréndesme tamén, Xesús,a fuxir das cousas malas do mundoque se achegan á porta do meu corazón tentándome:o desprezo polo que non é nin pensa coma min,a avaricia, o afán desmedido de posuír e consumir,o machismo, o dominio, o querer estar sempre por riba,a indiferenza polos abusos que sofren tantas persoas débiles,o clasificar a xente, condenala, non lle dar oportunidades,a lingua lixeira para criticar e preguiceira para alentar,… e moito máis.Grazas, Xesús, polo que me aprendes.Estarei en vela.
Acción
Intentemos ver en nós algunha cousa boa pola que nos sentir ben agradecidas. Pero intentemos ver tamén en nós algo dese mundo malo, co que contribuímos a afear a nosa convivencia no mundo.
2 de xuño: Xoves da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: 22, 30; 23. 6-11
Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
Evanxeo: Xn 17, 20-26
Naquel tempo Xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:
—E non che rogo só por estes, senón tamén polos que han crer en min pola palabra deles; que todos sexan un, como ti, Pai, en min, e eu en ti, que tamén eles sexan un en nós, para que o mundo crea que ti me mandaches. E a gloria que ti me deches déillela a eles, para que sexan un como nós somos un. Eu neles e ti en min, para que cheguen á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os amaches a eles, como me amaches a min.
Pai, eu quero que os que me deches estean tamén comigo onde eu estou, para que contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo. Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte e estes coñeceron que ti me mandaches. Eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles e tamén eu estea neles.
Meditación
A chamada final de Xesús é unha chamada á unidade. Unha unidade nutrida, sostida polo amor, pola solidariedade. Unha unidade que respecte as diferenzas de xeitos de ser e de pensar, de culturas, de sexo, de linguas, mesmo de credos. Deus é moito máis que os mellores intentos de calquera relixión. O que máis manifesta a Deus é a unidade, a aperta, a comuñón, o compartir, a consideración, a compaixón, a compenetración, o común. E curiosamente iso mesmo é o que mellor nos vai e nos expresa aos seres humanos, por moito que moitas veces nos rebelemos contra esas cousas e fagamos as contrarias. O cal, por certo, sempre nos acaba traendo moitas amarguras. Na unidade respectuosa coa diferenza está a maior gloria de Deus. Na unidade respectuosa coa diferenza esta a maior gloria da xente.
Quizais porque descoñecemos moito a este Deus que clama pola unidade na diferenza, quizais porque quen dicimos crer nun Deus así pouco o testemuñamos coa nosa vida, quizais porque a chamada da unión é unha chamada fonda e esixente, quizais por todo iso teñamos que afirmar con Xesús: “o mundo non te coñeceu”; pero quizais por todo iso tamén debamos dicir tamén con Xesús: “eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando”.
Oración
Que todos, todas sexamos un, unha.atopando o noso oco nesa unidade totalque es ti, Pai, Nai nosa.Que todos, todas, sexamos un, unhana realidade da vida cotiá,sen diferenzas agraviantes,compenetrándonos sempre,agradecéndonos sempre.Que todos, todas sexamos un, unhatamén na Igrexaen todas as súas áreas e funcións.Se o mundo está ferido pola diferenza,pola discriminación, polo abuso,pola prepotencia de tantas cores,que saibamos curaloa base de respectos e igualdades,de reconciliacións e apertas.
Acción
Miremos ata que punto na nosa vida cotiá, no noso espazo laboral, en calquera área da nosa vida, somos persoas de unidade ou persoas de discriminación. Seguro que poderemos cambiar comportamentos e esixir que outros os cambien tamén.
3 de xuño: Venres da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 25, 13b-21
Salmo: 102. 1-2. 11-12. 19-20ab
Evanxeo: Xn 21, 15-19
Cando Xesús se apareceu aos seus discípulos, despois de comer preguntoulle a Simón Pedro:
—Simón de Xoán, ¿ámasme máis ca estes?
El contestoulle:
—Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús díxolle:
—Apacenta os meus años.
E de novo preguntoulle por segunda vez:
—Simón de Xoán, ámasme?
El respondeulle:
—Si, señor, ti sabes que te quero.
Xesús díxolle:
—Apacenta as miñas ovellas.
E preguntoulle por terceira vez:
—Simón de Xoán, quéresme?
Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez “quéresme?”, e respondeulle:
—Señor, ti sabelo todo, ti ben sabes que te quero.
Xesús díxolle:
—Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo, vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderas as túas mans e vestirate outro e levarate onde non queres.
Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
—Sígueme.
Meditación
Pedro tivo que facer un recorrido persoal na súa relación con Xesús: desde o seguimento rápido do primeiro momento, pasando polos momentos nos que non entendía a proposta de Xesús de vivir servindo ata a morte, se fixese falla; pasando tamén pola tiple negación cando unha criada o puxo entre a espada e a parede; e así ata este momento último no que manifesta a súa vinculación fonda con Xesús, en ideas, proxectos e afectos. Así estaba el capacitado para acompañar o camiño de fe das persoas que querían seguir tamén a Xesús en comunidade, en Igrexa.
O camiño de Pedro pódenos levar a preguntarnos polo noso propio camiño en relación con Xesús. ¿En que momento nos atopamos? ¿No momento de decidirnos a seguilo, no momento de disentir da súa estratexia servidora a favor da comunidade, no momento de renegar del coa palabra ou cos feitos, no momento de sentirnos fondamente atraíd@s por el ata vincularnos a el con todo o corazón, con toda a mente, con todo o noso ser? ¿Qué lugar ocupa Xesús nas nosas vidas?
Oración
Señor, ti sabes que te quero.Ti sabes que, polo menos, quero quererte.Cos meus quereres brandos, seguro,pero sabes que te quero.Cos meus quereres necesitados de maduración e avance,pero sabes que te quero.Cos meus quereres tramposos tantas veces,porque esquezo que quererte é querer tamén a xente,a xente máis tirada, ou a máis empoleirada,a que máis custa querer,pero ti sabes que te quero.Cos meus quereres enganosos,que agachan no fondo moito mirar por min,pero ti sabes que te quero.Sabes que te quero,e gustaríame que me chamases para seguirtee facer de min un servidor/a da comunidade cristiá, do pobo.
Acción
Podemos preguntarnos como estamos colaborando á vida da nosa comunidade cristiá coas nosas particulares habilidades, para que faga ben o labor de amosarlle á sociedade a forza liberadora de Xesús.
4 de xuño: Sábado da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 28, 16-20. 30-31
Salmo: 10, 4. 5 e 7
Evanxeo: Xn 21, 20-25
Naquel tempo Pedro volveuse e viu que o seguía o discípulo a quen amaba Xesús, o que se recostara no seu peito na cea e lle preguntara: “Señor, ¿quen é o que te ha entregar?”. Ao velo, preguntoulle Pedro a Xesús:
—E este, que?
Xesús contestoulle:
—Se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa? Ti sígueme.
Espallouse entón entre os irmáns a voz de que o discípulo aquel non morrería. Pero non dixera Xesús que non había de morrer, senón: “se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa?”
Este é o discípulo que dá testemuño destas cousas e o que as escribiu, e sabemos que o seu testemuño é verdadeiro. Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús que, de escribilas unha por unha, coido que o propio mundo non podería conter os libros que se habían escribir.
Meditación
Pedro e Xoán, personalidades distintas, funcións distintas na primeira comunidade cristiá. Da orixinalidade de cada un deles, da súa maneira particular de ver, tratar e seguir a Xesús beneficiáronse as persoas contemporáneas deles e beneficiámonos nós tamén. O evanxeo de Xoán, do que hoxe lemos o seu final, foi unha das grandes achegas ao cristianismo dese seguidor de Xesús sensible, fiel, amante, que quixo entrar a fondo no mundo de Xesús ao longo da súa longa vida.
Tamén cada un, cada unha de nós temos a nosa particular historia de fe, de amor, de seguimento con Xesús. Somos únicas no mundo. Nin houbo nin haberá ninguén coma calquera de nós. Temos un oco especial no ser, no pensamento, no corazón de Deus e do seu Cristo. Cada un, cada unha de nós estamos chamados a un desenvolvemento persoal auténtico, fiel ao noso ser particular, fiel a esas raíces fondas que nos enganchan con Deus, fiel ao momento histórico que nos toca vivir, co noso traballo, coas nosas familias, cos nosos pobos, coas nosas comunidades cristiás. No marco desa singularidade propia, no noso corazón inigualable resoa a chamada de Xesús: Ti sígueme. E con el tócanos ir construíndo a nosa vida. Oxalá que de forma satisfactoria.
Oración
Grazas, Xesús, por todas as persoasque coa súa fe foron sostendo a nosa;as que co seu seguimentofacilitaron que nós te seguiramos tamén.Tantas mulleres, tantos homes ao longo de séculosque foron tecendo a fermosa manta multicolor das comunidades cristiás.Grazas sobre todo, Xesús,polas persoas que uniron a súa sorte á túa,e amaron e serviron ata o martirio incluso,onte e hoxe.Grazas por cada historia particular,entre elas a de cada un, cada unha de nós,que ti ben coñeces e na que te implicas sempre a fondo.Grazas por formar partedesta longa ringleira de persoas chamadas, amantes e seguidoras.
Acción
É frecuente ver que hoxe, véspera de Pentecoste, se celebren vixilias de oración para dispoñerse a recibir o don do Espírito. Pódenos vir ben participar nalgunha delas para reavivar o noso seguimento de Xesús.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.