5 de xuño: Domingo de Pentecoste
1ª lectura: Xen 11, 1-9. Salmo: 103, 1-2a. 24 e 35c. 27-28. 29bc-30.
2ª lectura: Rom 8, 22-27.
Evanxeo: Xn 20,19-23
No derradeiro día, o máis grande da festa, púxose Xesús de pé e gritou:
—Se alguén ten sede, que veña onda min e beba. Como di a Escritura, a quen cre en min abrollaranlle do seu ventre regueiros de auga viva.
(Isto dicíao do Espírito que habían recibir cantos creran nel, pois aínda non había Espírito, porque Xesús non fora aínda glorificado.)
Meditación
En Pentecoste, aos 50 días da Pascua, na Igrexa celebramos o que foi unha realidade manifesta naquelas persoas e comunidades primeiras: que se deixaron regalar e encher co Espírito Santo de Xesús, e con ese Espírito dentro foron capaces de manter vivo o aire de Xesús, o seu estilo de vida, a súa ilusión absoluta por Deus e o seu servizo sen medida por todas as persoas, maiormente polas máis débiles e marxinais, por calquera razón que fose. Foron capaces de crear unha comunidade cristiá con Xesús no centro, ao redor do recordo, da palabra, do Espírito de Xesús. Celebramos esta festa de Pentecostés coa esperanza de que tamén nos pase a nós o que lles pasou aqueles primeiros homes e mulleres que se deixaron levar polo Espírito de Xesús, nos tempos de hoxe, que boa falta nos fai.
O Espírito é un regalo de Xesús resucitado. Os amigos e amigas de Xesús sempre o viran cheo, levado, empuxado, arrastrado polo Espírito Santo de Deus. Desaparece a presenza física de Xesús, coa súa morte, pero coa súa resurrección faise máis viva neles, nelas, a presenza do Espírito de Xesús, do mesmo alento que a el o mobilizara e empuxara a facer o que facía, a situarse ante a vida, ante ricos e pobres, ante o pobo, ante as autoridades relixiosas e civís, como sabemos que se situaba. No relato nárrasenos dunha maneira simbólica como se deu ese regalo: Xesús sopra sobre os discípulos e discípulas, e reciben o Espírito. Igual que Deus Pai creador soprara sobre a figura de barro do primeiro ser humano para lle dar vida (Xén 2,7), así Xesús agora sopra tamén sobre aquel grupo de homes e mulleres encollidas e medrosas, para recrealas, para enchelas dunha vida, dun dinamismo novo. O relato dos Feitos dos Apóstolos da primeira lectura fálanos, tamén simbolicamente, “dun forte golpe de vento”, dunhas “coma linguas de lume”. Forza e calor parecen ser as características principais do Espírito de Xesús. Enerxía e tenrura, dinamismo e afecto, loita e delicadeza, empuxe e paixón amorosa, camiño e fogar: ese é o mundo no que Xesús nos quere introducir, ese é o mundo no que nos debería ir introducindo unha sa experiencia cristiá. Por iso é ben que, coma persoas e coma comunidade cristiá, nos miremos nese espello de Xesús, e vexamos ata que punto si e ata que punto non nos estamos deixando levar polo Espírito de Xesús. Porque a nosa tarefa principal coma persoas cristiás é vivilo todo con ese Espírito de Xesús.
Qué pode supoñer que os cristiáns e cristiás, as comunidades cristiás, a Igrexa toda, sexamos espirituais, é dicir, traídas e levadas polo Espírito de Xesús? A reflexión e a práctica cristiá, a partir da experiencia mesma de Xesús, que é o seu arranque e fundamento, dinos cousas importantes que caracterizan ás persoas e comunidades que se deixan levar polo Espírito de Xesús. Velaquí algunhas desas cousas:
—O Espírito é libre, non é controlable, “sopra onde quere e ti séntelo zoar, pero non sabes de onde vén e para onde vai”. Así pasa con toda persoa que naceu do Espírito (Xn 3,8). A liberdade do Espírito é un don que reciben as persoas que se abren ben a Deus; é unha liberdade que con frecuencia altera, sacude, a vida das mesmas persoas que a gozan, e enriquece, sacude e altera tamén a vida das comunidades, da Igrexa. Por iso é frecuente que todos, todas, persoas e comunidades, queiramos fuxir da liberdade do Espírito. Pero, cando desaparece a liberdade do Espírito, aparece o peso das leis, das normas, das institucións; aparece o apagamento e a friaxe nas persoas e nas comunidades. Non é isto o que desde hai tempo nos está pasando? E o apagamento e a friaxe non atraen a ninguén. Que libre foi sempre Xesús! E, por iso mesmo, canta era e é a súa forza de atracción?
—O Espírito é diverso e plural, complementario, ao servizo da comunidade sempre. Recórdanolo a segunda lectura deste domingo de Pentecostés. Na comunidade cristiá deberíase posibilitar e valorar o don do Espírito co que cada home ou muller cristiá foi regalada por Deus. Ninguén sobra na comunidade cristiá, todo o mundo fai falla. Calquera función merece recoñecemento e agradecemento. Na Igrexa non estamos acaso pagando amargamente as consecuencias de ter matado o Espírito en cada un dos membros da comunidade, e centralo todo no clero, masculino e sacerdote? Non deberiamos soñar a Igrexa desde unha fe maior no don do Espírito en todas as persoas que a compoñen? Unha Igrexa onde non me sinto recoñecido e valorado, acaba sendo unha Igrexa indiferente para min.
—O Espírito é creativo, non simplemente repetidor. Os mundos non son iguais, os tempos tampouco. O estilo de Xesús, o seu Espírito, en cada etapa e momento demanda comportamentos axeitados. E non é doado estar co espírito aberto en todo momento, sen por iso romper coas fidelidades fundamentais, ao contrario, dándolles saída en cada comento.
—O Espírito de Xesús, iso si, sempre leva á misericordia, á consideración, ao apoio ás persoas e grupos sociais máis marxinais, coa man da caridade e coa man da xustiza conxuntamente. Esta é o principal sinal de que estamos collidos de verdade polo Espírito de Xesús.
Preces
QUE ACOLLAMOS, XESÚS, O TEU ESPÍRITO
Para que saibamos contribuír ao momento de esperanza que xurdiu na Igrexa coa chegada do Papa Francisco. Oremos.
Para que poidamos acompañar con valentía e afecto ás persoas e grupos sociais que peor o están pasando á conta de tantos abusos que a crise facilita. Oremos.
Para que poñamos ao servizo da nosa parroquia, da nosa comunidade cristiá aquela graza especial que cada un, cada unha de nós levamos dentro. Oremos.
Para que saibamos respectarnos uns a outros/as, vendo nas diferentes cualidades de cada quen non un motivo de medo e de tristeza, senón de alegría e de alivio. Oremos.
Para que non lle poñamos atranco ningún ao que o Espírito de Xesús queira facer en nós, na nosa comunidade, na nosa Igrexa, no noso pobo, no noso mundo. Oremos.
Para que colaboremos con todas as persoas que poñen valentía e agarimo no mundo, implicándose no ben e na paz da xente. Oremos.
Oración
“E logo, como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? (Feit 2,8)
Cando xorde o Espírito,aparece a pluralidade, agroma a diferenzaintegrada polo respecto, no amor.Grazas, Señor.Cando alenta o Espírito,cada un é cada un, cada unha é cada unha,co seu don, coa súa graza particularconsentida, valorada, recoñecidacoma don comunitario do creador.Grazas, Señor.Cando empuxa o Espírito,todos temos a palabra,todos temos oídos para escoitala,todos, todas, nos facemos discípulas de todas,nun canto precioso á vida, ao seu candor.Grazas, Señor.Cando afala o Espírito,ninguén anula a ninguén,ninguén se apropia de nada,ninguén se constitúe en señor nin en señora,todos, todas nos facemos pobres no Espírito,a irmandade brilla con gran esplendor.Grazas, Señor.Cando o Espírito é acollido,as voces miúdas son especialmente atendidas,as voces pobres, as voces pequenas,as voces de quen non ten voz,as voces oprimidas, apagadas, silenciadas,as voces femininas,nun afán valente de dignidade e honor.Grazas, Señor.Cando o Espírito falafalan as linguas cohibidas, desprezadas,coma o galego;e son amadas, coidadas, espalladas,humildemente,coma graza e don particular,como precioso aporte enriquecedor.Grazas, Señor.
Acción
¿Qué don do Espírito temos en especial cada un, cada unha de nós? Recoñezámolo e agradezámolo. ¿Qué don do Espírito necesitaría ter? Pénsoo e traballo para conseguilo, pensando, rezando, dando pasiños nesa dirección.
6 de xuño: Virxe María, Nai da Igrexa
1ª lectura: Xen 3, 9-15. 20. Salmo: 86.
Evanxeo: Xn 19, 25-34
Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá da súa nai, María a de Cleofás, e máis María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e onde ela o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
—Muller, velaí o teu fillo.
Despois díxolle ao discípulo:
—Velaí a túa nai.
E dende aquela hora o discípulo acolleuna con el.
Despois disto, sabendo Xesús que xa todo estaa acabado, para que se cumprise plenamente a Escritura, dixo: “Teño sede”. Había alí un xerro cheo de vinagre. Entón, atando unha esponxa empapada de vinagre a unha cana de hisopo, achegáronlla á boca. Cando probou Xesús o vinagre dixo: “Está cumprido”. E, inclinando a cabeza, entregou o espírito.
Entón os xudeus, como era o día da Preparación, para que non permanecesen os corpos na cruz durante o sábado, pois era grande aquel día de sábado, rogáronlle a Pilato que lles rompesen as pernas e os retirasen.
Viñeron, logo, os soldados e rompéronlle as pernas ao primeiro e máis ao outro que crucificaran con el. Pero, ao chegaren onda Xesús, como o viron xa morto, non lle romperon as pernas, senón que un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza, e no instante saíu sangue e auga.
Meditación
Ao pé da cruz está María, a humilde aldeá de Nazaré, a mamá de Xesús, a que o trouxera a este mundo desde unha fonda e total dispoñibilidade compartida polo seu home; a que tamén con Xosé o criara con tenrura de nai e de crente absoluta, a que se vira desbordada ata o escándalo polas cousas de Xesús, que, por iso mesmo, remoía no seu corazón de nai. Ao pé da cruz está a María viúva, xa vella para aqueles tempos, soa, acompañada na dor por unha parente e unha amiga seguidoras coma ela de Xesús.
Está contemplando o acabamento dramático do seu fillo, que morrendo en cruz por apego a Deus e por apego á xente máis vulnerable, poñía cumprido fin á súa vida fiel, servidora. E o evanxelista Xoán adivíñaa e así nola ofrece, como a persoa ideal para facer en nós de nai. Capacitábaa para iso toda a súa traxectoria vital. Será quen de xerar en nós, no espírito, o mesmo fillo que ela xerou no corpo e no espírito.Unha camiñada intensa, dura ás veces, pero aberta á satisfacción e á ledicia máis grande.
Oración
Santa María de Nazaréábrenos o corpo, a mente, o corazón,para que en nós poida entraro alento, a alma, o espírito mesmo de Xesús.Axúdanos a ser libres e dispoñibles coma ti,que nada obstrúa en nóso soño creador de Deus para as nosas vidas,para as nosas sociedades.Apréndenos a entender e seguir a Xesús,cando nos descoloque e se nos faga difícil, .Dános por el o mesmo amorque a ti che permitiu comprendelo e seguilo.Contigo, mamá María,queremos estar ao pé da cruz de Xesús,e da cruz de todas aquelas persoas máis fráxilesque el tanto apreciaba,polas que el deu a vida.Que nos manteñan na paz e na loitaa auga e o sangue fecundosque saían do peito ferido, masacrado, de Xesús,para soportar contigo, mamá,a dor e a esperanza do mundo.Amén.
Acción
Seguramente coñezamos a algunha muller, a algunha nai, que estea pasando un mal momento por ser tal. Podemos achegarnos a esa muller, acompañala, consolala, valerlle en algo.
7 de xuño: Martes da 10ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 1, 18-22. Salmo: 118, 129. 130. 131. 132. 133. 135
Ano 2: 1ª lectura: 1Re 17, 7-16. Salmo: 4, 2-3. 4-5. 7-8
Evanxeo: 5, 13-16
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Vós sodes o sal da terra. Pero, se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.
Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz á xente, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen o voso Pai que está nos ceos.
Meditación
Xesús ponnos ante un reto contundente: sermos sal e luz no medio do mundo, no medio da sociedade, dos pobos e aldeas onde vivimos as persoas cristiás. O sal: algo que se descompón, que se disolve nos alimentos para que non se estraguen e darlles sabor. A luz: algo que tamén se gasta para que a xente vexa. Sal e luz entendidas en sentido profundo. A sermos iso estamos chamadas todas, todos. E tamén a recibir e agradecer ese sal e esa luz cando outras persoas, crentes ou non crentes, nola ofrecen.
As palabras de Xesús avisan tamén da posibilidade de que o sal se volva insulso –que contrasentido!—, e de que a luz se agoche debaixo do mesado; dese xeito non cumpren a súa función. As comunidades cristiás, as persoas que as compoñemos ¿estamos cumprindo esa función capital de sermos tamén sal e luz? Tamén nos indica Xesús que iso de sermos sal e luz conséguese máis que polas palabras –palabras normalmente non nos faltan—, polas boas obras.
Oración
Que o teu sal, Xesús,co que ti tanto salgas o mundo,nos salgue a nós taméne nos permita contaxiar vida sa e saborosa.Que a túa luz, Xesús,coa que ti tanto alumas o mundoalume a fondo as nosas vidas,para sermos nós tamén luz,unha pequeniña lapa polo menosalí onde a vida nos leve.Que teñamos algo da túa fortaleza, Xesús,para non desalentar na tarefa.Que na nosa vida humildemente fielDeus sexa sempre honradoe quen nos rodea se vexa confortada e alentada.
Acción
Podemos mirar algo para a nosa vida. Seguro que en algo estamos sendo sal e lume para a xente que nos rodea. Dámoslle grazas a Deus por iso e animámonos a facelo máis. Seguro que vemos que hai persoas ao noso redor que están sendo para nós algo de sal e lume. Dicímosllo, agradecémosllo, para que tamén se animen.
8 de xuño: Mércores da 10ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 3, 4-11. Salmo: 98, 5. 6. 7. 8. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 18, 20-29. Salmo: 15, 1-2a. 4. 5 e 8. 11.
Evanxeo: 5, 17-19
Naquel tempo dixo Xesús:
—Non pensedes que vin abolir a Lei e os Profetas; non vin para abolir, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro antes pasarán o ceo e máis a terra que deixe de cumprirse ata a derradeira letra ou til da Lei. E quen falte a un destes mandamentos máis pequenos e así llelo ensine a facer aos outros será declarado o máis pequeno no reino dos ceos; pero quen os cumpra e ensine será declarado grande no Reino dos ceos.
Meditación
As normas relixiosas teñen a finalidade de facilitar o encontro con Deus, co Deus da vida, presente na vida e presente tamén nos espazos e momentos de culto; ademais facilitan que un grupo diverso se coordine, se una á hora de orientarse, formarse, expresarse en momentos comúns da vida e da súa experiencia relixiosa. As normas teñen un perigo grande: converterse de camiño en meta; de facilitadoras do encontro con Deus no mesmo Deus cara ao que queren orientar.
Nese sentido Xesús é o gran facilitador do encontro con Deus, que converte en secundarias todas as demais normas, aínda que algunhas sigamos necesitando. Abonda el para achegarnos a Deus. Pero, como seres humanos que somos, sempre necesitamos apoios, normas, para a nosa convivencia e práctica relixiosa.
Oración
Non es zarapalleiro, Xesús,non che dá igual que a vida a deixemos correr sen máis,ou que apostemos firmemente pola súa consistencia.Es minucioso e mesmo estritocando a honra de Deus Pai/Nai está en xogo,e cando o está a honra e dignidade das súas criaturas máis humildes.Nada carece de importancia, nada queda ao choucando miras connosco polo futuro cristián das nosas comunidades ruraise artellamos camiños a andar e cousas a facer.Nada é ínfimo e desprezablecando se trata de dar ou recibir apoios e tenruras,perdóns e alentos.Que o teu Espírito nos acompañe sempre, Xesús,e nos axude a camiñar da man da liberdade,da man da responsabilidade.
Acción
En xeral hoxe dámoslle moi pouca importancia ás normas relixiosas. Facemos bastante o que nos peta. Quizais por iso así nos vai. ¿Vemos que nos faría ben recuperar ou establecer algunha norma que nos axudase no noso camiño persoal ou comunitario cara a Deus?
9 de xuño: Festa de Xesucristo, sumo e eterno sacerdote
1ª lectura: Xen 22, 9-18. Salmo: 39, 7-8a. 10-11ab. 17
Evanxeo: Lc 22, 14-20
Cando chegou a hora, Xesús púxose á mesa cos seus discípulos. Díxolles:
—Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer! Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no reino de Deus.
E collendo unha copa, deu grazas e dixo:
—Tomade e repartídea entre vós, pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o reino de Deus.
E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:
—Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min.
E despois de cear fixo o mesmo coa copa, dicindo:
—Esta copa é a Nova Alianza sellada co meu sangue, que se verte por vós.
Meditación
Nunca Xesús se deu a si mesmo o título de sacerdote; nunca as persoas que o seguían de cerca nin os seus contemporáneos o tiveron por tal. Foi algo que posteriormente lle atribuíron por aquilo de ser o gran reconciliador das persoas consigo mesmas, entre si, con toda a creación e con Deus. Pero ese oficio así chamado sacerdotal non o exerceu en igrexas con determinados ritos, senón na vida, tratando coa xente, poñéndose do lado da súa dignidade total de parte de Deus. Unicamente ao final da súa existencia selou a súa traxectoria vital repleta de solidariedade con aquel xesto profético de partir e entregar o pan e o viño como sinais da súa vida convertida en servizo desde o nacemento ata a morte.
Benditos todas e todos nós, que recibimos os efectos positivos da vida de Xesús feita servizo. Benditos todas e todos nós, chamados a seguir os pasos de Xesús, honrando a Deus no altar da vida como o honraba Xesús. Benditos todos e todas nós, invitadas por Xesús a participar no seu rito eucarístico, facendo das nosas vidas pan santo e viño de bendición para gloria de Deus e o ben de quen nos rodea.
Oración
Grazas, Xesús,por toda a túa vidafeita pan e viñopara mantenza nosa,para ledicia nosa,para liberación nosa.Grazas, Xesús,polo teu empeño incesantepor envolvernos sedutoramentenas redes do servizo,e facernos asíverdadeiramente libres,verdadeiramente felices.Grazas, Xesús,por ti,que te nos dás sen reservascada vez que comungamos contigo no corpo da pobreza,ou no teu corpo empobrecido por nós.Grazas.
Acción
Hoxe podemos reparar en que cousas estamos nós practicando con Xesús ese sacerdocio da vida, que el tanto nos aprendeu. ¿Con que palabras ou feitos fomos hoxe persoas de reconciliación?
10 de xuño: Venres da 10ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 4, 7-15. Salmo: 115, 10-11. 15-16. 17-18
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 19, 9a. 11-16. Salmo: 26, 7-8a. 8b-9abc. 13-14
Evanxeo: Mt 5, 27-32
Díxolles Xesús aos seus discípulos.
—Tedes oído que se dixo: Non cometerás adulterio. Pois eu dígovos: Todo aquel que mira a unha muller casada con desexo, xa cometeu adulterio no seu corazón.
Se o teu ollo dereito che é ocasión de pecado, arríncao e tira con el; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno. Se a túa man dereita che é ocasión de pecado, córtaa e tira con ela lonxe de ti; que máis che vale que se perda un dos teus membros e non que te boten todo enteiro no inferno.
Ténsevos dito: Quen repudie a súa muller, déalle acta de repudio. Pero eu dígovos: Todo o que repudia a súa muller, fóra o caso de estaren malvivindo, expona a ser adúltera e o que case cunha repudiada comete adulterio.
Meditación
Coma no caso de onte co de matar ou non matar, tamén aquí Xesús nos invita a ir ao fondo do noso corazón, alí onde nacen e se desenvolven amores e desamores, respectos e abusos, fidelidades e infidelidades; alí onde pode nacer xa o mal, o pecado. Dicíao Xesús noutra ocasión: non son as comidas, que veñen de fóra, as que nos fan persoas impuras; é o que nace dentro do noso corazón o que pode determinar se a nosa vida se vai desenvolver de maneira fondamente humana ou non. Mirar, logo, coidar o noso mundo interior, o que nace no noso corazón.
Non se trata de nos ir mutilando, cando algún membro do noso corpo nos leva a facer o mal. Calquera membro en si sempre é ben inocente. É unha maneira de falar de Xesús para nos advertir da seriedade que pode ter, para o desenvolvemento da nosa vida, que nos deixemos levar por determinados instintos, ideas, plans, que de entrada mesmo nos poden dar gusto e pracer.
O repudio da muller polo home, non o do home pola muller, era cousa moi corrente naquela sociedade. Xesús defende a muller nesta condición de debilidade, de desigualdade, e aposta por un amor permanente. Canto nos custa hoxe esta aposta, nunha cultura branda e frouxa para os compromisos! Xesús tamén quere acompañarnos nesta frouxidade dos nosos tempos.
Oración
Que mundo tan intenso vai dentro de nós, meu Deus!Cantas inseguridades, cantos medos, cantas paixóns cegas!Cantos desexos de afecto e recoñecemento!Cantas frustracións!Que marabillosas/os e que fráxiles somos!Que difícil se nos fai entendernos a nós mesmos/as,e, máis aínda, entender aos demais,pois non podemos sentir o palpitar interno do seu corazón!Canta necesidade temos de sermos humildes e cautos/as,honestas/os e transparentes,ante ti, meu Deus,ante as persoas coas que compartimos vida e tarefa!Canto nos cómpre ollarnos a nós e a quen nos rodeacon respecto, agarimo e comprensión,e así, entre errores e acertos,ir construíndo as fidelidades da nosa vida!Canto nos cómpres ao noso lado, meu Deus,iluminando, clarificando, fortalecendo.Grazas, meu Deus, porque nunca te esqueces de nós.
Acción
O feminismo está aí, como froito do traballo de moitas mulleres, e, dalgunha maneira tamén, como froito reivindicativo do Espírito de Deus. Podiamos hoxe achegarnos a algunha muller que ande no feminismo, para escoitala; seguro que nos virá ben.
11 de xuño: Sábado da 10ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 5, 14-21. Salmo: 102, 1-2. 3-4. 8-9. 11-12
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 19, 19-21. Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10
Evanxeo: Mt 5, 33-37
Nunha ocasión díxolle Xesús aos seus discípulos:
—Tamén tedes oído que se lles dixo aos devanceiros: Non xurarás en falso e cumprirás as promesas feitas con xuramentos ao Señor. Pero eu dígovos: Non xuredes nunca; nin polo ceo, que é o trono de Deus; nin pola terra, que é escano dos seus pés; nin por Xerusalén, que é a cidade do gran rei. Tampouco xures pola túa cabeza, porque nin sequera lle podes virar branco ou negro un só pelo. Falade, logo, deste xeito: “Si”, cando é si; “Non”, cando é non; e todo o que pase de aí vén do Malo.
Meditación
Xúrocho polos meus defuntos, xúrocho por Deus… Aínda hoxe os nosos maiores empregan esta maneira de lle dar creto á palabra dita. Tamén o facían os contemporáneos de Xesús, sen poñer nunca a Deus por testemuña, porque o seu nome, por respecto, non se podía pronunciar. É fermosa esa aclaración de Xesús indicándonos que en calquera cousa, en calquera realidade, en calquera persoa batemos dalgunha maneira coa presenza de Deus, e de aí o sumo respecto e consideración que lle debemos a todo, especialmente, xaora, ás persoas.
Xesús reponse ao costume de xurar por…, apelando á palabra sinxela, honesta, verdadeira en si mesma: si, si; non, non. A palabra como canle da verdade da propia persoa; a persoa dicíndosenos claramente na palabra pronunciada. Ante tanta mentira, manipulación, ante tanta “postverdade”, e novas falsas que están tan de moda na nosa sociedade en xeral, na nosa cultura, e que circulan polos variados medios de comunicación de que dispoñemos, ¡canto nos cómpre a palabra limpa, verdadeira, plena, viva, auténtica!
Oración
Xesús, Xesús, …enchernos de verdade,deixar que madure dentro de nós,tecendo as nosas entrañas,ocupando todos os recantos do noso ser,dos nosos pensamentos, dos nosos sentimentos…,e que logo brotecoa transparencia das augas dos regatos montesíos,fresca, limpa, humilde, atraínte,para dicirnos cara a fóra tal como somos e sentimos,para contaxiar brancuras,para andar sobre seguro,para axudar a sandar un mundo enfermopor simular o que non é,por ocultar verdades,por agacharnos debaixo de enfermizas carantoñas,por negarnos simplemente a dicir:“si, si; non, non,como Cristo nos ensina.”
Acción
¿Estamos deixando de dicir algo, a nivel familiar, laboral, social, eclesial, grupo político etc., por gardar as aparencias? ¿Podiamos aventurarnos a practicar o de Xesús: si, si; non, non, sen chulería, coa humildade que dá a simple verdade?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.