09 xuño, 2022

5º Encontro Escola de Espiritualidade curso 2021 / 2022

  

NAS ONDAS DO ESPÍRITO

O Espírito: unha forma libre da presenza dun Deus que nos acompaña e desborda sempre.

Motivación: Empezamos a oración NO NOME DO PAI, DO FILLO E DO ESPÍRITO SANTO.

—Tomamos consciencia de estarmos envoltos neste Deus que é a Fonte do que somos, que é o Referente da nosa construción persoal e social, que é o Alento que nos sustenta e alenta.

Estamos en silencio un par de minutos. 

Canto:
SEÑOR, DEUS NOSO, 
QUE ADMIRABLE É O TEU NOME 
EN TODA A TERRA.
E seguimos en silencio un pouquiño máis.

—É bo que na oración sempre nos sintamos collidos pola presenza deste Deus noso; e tamén collidas pola presenza da fraxilidade humana. Podemos traer a esta oración como compaña a algunha persoa ou grupo ou realidade coa que nos queremos solidarizar. Tamén nestas persoas e situacións Deus é para nós especialmente marabilloso. Repetimos a canción: SEÑOR, DEUS…

E seguimos en silencio un tempiño máis. Logo cantamos e rezamos a pregaria do Espirito a dous coros. Cada dúas estrofas repetimos o canto.

Canto:
MANDAS O TEU ESPÍRITO (3)
E RENOVAS O ROSTRO DA TERRA
Salmo
Non te vexo, pero estás,
cada mañá espértasme á vida,
cóllesme da man e disme:
que ben, que alegría,
un día máis para estarmos xuntos!

Non te vexo pero estás,
gústache xogar comigo ás agachadas,
insinuarte aquí e alí,
tirar de min cara adiante,
facerme andar, correr, buscar…
Canto agradezo a túa segura presenza!

Non te vexo, pero estás,
permítesme incluso case tocarte,
gozar coa sensación viva de sentirte preto,
sentirme vivamente envolta por ti,
contenta de gozar sempre da túa compañía.

Non te vexo, pero estás,
cando adormezo na vida, sacódesme;
cando coido ter chegado a unha meta,
suxíresme o camiño dunha nova saída,
e, se canso, sostés a miña debilidade,
consólasme, cúrasme, fortalécesme.

Non te vexo, pero estás,
cóllesme da man e lévasme
onde máis che gusta estar;
amósasme a natureza toda,
apréndesme a contempla e admirala,
a respectala e agradecela,
a coidala e compartila.

Non te vexo, pero estás,
achégasme á xente máis desvalida,
onde está o mellor de ti,
como don e como demanda,
e fasme gozar servindo todo o pequeno.

Non te vexo, pero estás;
acendes en min o lume de Deus,
para sentir a súa calor reconfortante,
o seu perdón, a súa tenrura,
e a vivísima señardade
que nos permite presentilo e ansialo ,
nun adianto diminuto de que algún día será.

Non te vexo, pero estás.
Canto agradezo a túa presenza!
Canto desexo ser toda para ti!

Un tempo de silecio. Compartimos algo do orado ata agora

Noso Pai/Nai, en quen somos e vivimos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.