21 xullo, 2022

Tempo Ordinario: 17ª semana



24 de xullo: Domingo 17º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xen 18, 20-32. Salmo: 137, 1-2a. 2bc-3. 6-7ab. 7c-8
2ª lectura: Col 2, 12-14.

Evanxeo: Lc 11, 1-13

Unha vez, despois de estar Xesús orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:
—Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán aos seus discípulos.

Respondeulles:
—Cando recedes, dicide: Pai, santificado sexa o teu nome; veña o teu Reino. Dános cada día o noso pan, e perdoa os nosos pecados, como tamén perdoamos nós a quen algo nos debe; e non nos deixes sucumbir á tentación.

Logo continuou:
—Mirade, un de vós ten un amigo, e presentádesvos na súa casa pola noite e desde fóra lle dicides: “Amigo, déixame tres bolos de pan, que me veu un amigo de viaxe e non teño nada que lle poñer diante”. E o amigo desde dentro responde: “Non me amoles, está a porta pechada, eu e máis a miña crianza estamos na cama; non me podo erguer agora para chos dar”. Desde logo que, se non se levanta para llos dar por se tratar dun amigo, polo menos por ser teimudo, erguerase e hallos dar.

Por iso dígovos: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos. Que quen pide, recibe; quen busca, atopa; e a quen peta, abriráselle”. Ou logo, ¿qué pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra, ou se lle pide un ovo, lle dá un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas aos vosos fillos, canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo aos que llo pidan!

Meditación

O evanxelista Lucas é o que máis veces fala da experiencia de oración de Xesús. De día ou de noite, no monte ou na chaira, Xesús gustaba de orar. Tanto que un dos seus discípulos lle pide que lles ensinase a orar, pois tal era o que facía o mestre Xoán Bautista e tal era tamén o que facían os líderes espirituais daquel tempo. Aprender a orar é tanto coma aprender a ter experiencia de Deus na propia vida, trato con Deus, relación viva con Deus, sentimento limpo e fondo da súa presenza acompañando a nosa vida, a nosa tarefa diaria. Podemos ter moitas prácticas relixiosas e non ter experiencia limpa de Deus na nosa vida; é algo bastante frecuente. Xesús foi un home fondamente vinculado a Deus, foi un místico apegado á vida, apegado á xente, manifestouse sempre coma persoa cunha cálida experiencia de Deus, na que atopou o motor da súa vida libre, creativa, revolucionaria, santa. Temos un mestre de garantía. Quen mellor ca el nos poderá aprender a tratar e amigar con Deus?

Cando o discípulo lle pide que lles aprenda a orar, Xesús ensínalles o “Noso Pai”. No noso Pai (ou Nai) están perfectamente recollidos os dinamismos fundamentais da experiencia relixiosa de Xesús: a) Asombro, admiración, agarimo, respecto máximo polo nome e pola persoa de Deus, como soamente sabe transmitilo quen se ten visto desbordado polo seu amor, pola súa presenza, pola súa santidade, pola súa proximidade e tenrura de Pai ou Nai. b) Desexo apaixonado de que ese ben de Deus, que hai en Deus e que Deus transmite coma fonte de vida, se espalle e sexa ofrecido e acollido polas persoas todas do mundo, e enchoupe a vida das persoas, as relacións sociais, o mundo enteiro. Como cambiarían as cousas! Segundo dicía un amigo veciño: “se fixeramos coma Cristo, viviriamos coma Dios!” c) Afán diario por encher o estómago da xente pobre, que, daquela coma hoxe, era moita. O pan, e co pan todo o imprescindible para vivir con dignidade: sanidade pública, menciñas, saúde, servizos sociais básicos, paz, igualdade ante a lei..., iso do que no Terceiro Mundo carecen de sempre, e no que nós empezamos a escasear duns anos a esta parte. d) O perdón coma experiencia fonda, curadora, do propio pecado e do pecado das persoas que nos rodean; perdón en roda, coa súa fonte en Deus, perdón recibido, dado, coma camiño de compaixón coas persoas máis débiles, coma forza de cambio e de transformación do mundo. e) Necesidade de nos embarcar en todo isto simplemente baseados nas nosas propias forzas, que son poucas para garantirnos que non caiamos naquilo que é destrutivo para os demais, para nós mesmos.

Xesús bota man de dous exemplos para incitarnos a ser firmes, constantes, insistentes na nosa oración. Chama a atención que as persoas dos exemplos son un amigo e un pai. Algo quererá dicir esta escolla de Xesús. Deus é alguén próximo que ten cara a nós sentimentos de amigo, sentimentos de Pai; se un amigo ou un pai ou nai non nos fallan, vainos fallar Deus? Xesús di que Deus sabe dar cousas boas a quen pida, busque ou pete á súa porta. A nós gustaríanos que Deus se estivese metendo nas nosas vidas, curándonos unha vaca, conseguíndonos un posto de traballo, apartándonos unha tormenta, evitándonos un accidente, facendo que aprobemos un exame, etc. Pero as cousas non son así. Deus fíxonos libres, autónomos, responsables; púxonos a vida nas mans con todas as súas felicidades e problemas. Somos nós os que temos que velar pola boa marcha da vida, da sociedade, da natureza, do mundo. Pero non nos deixa orfas, orfos; dános o seu Espírito Santo, que é o seu alento de vida, para darnos luz, empuxe, paz, constancia, protesta, loita, acougo, etc., de xeito que sexamos eficaces na construción da nosa persoa, da nosa sociedade. Goza cos nosos progresos, aléntanos nas nosas cruces, recupérao todo coa súa forza de perdón e de vida.

Son ben fermosas estas palabras de Xesús: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Que a persoa que pide, recibe; a que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle.” Alguén pódeas entender coma unha defensa da oración de petición. Penso que apuntan a algo máis fondo, a unha actitude básica ante a vida, ante as persoas, ante todo, propia de quen se sabe incompleta, sen seguridades totais; propia de quen se sente débil, fráxil, necesitada de tantas cousas, de tantas persoas, de Deus mesmo, e se sitúa na vida nunha postura básica de apertura, de busca, de demanda. É algo que vai moito máis alá da oración de petición, que se pode realizar sen oración de petición, aínda que haxa moitas persoas que tamén a realicen a través da oración de petición. Con León Felipe podemos dicir:
“Ninguén foi onte,
nin vai hoxe,
nin irá mañá
cara a Deus
por este mesmo camiño
polo que eu vou.

Para cada ser humano garda
un raio novo de luz o sol...
e un camiño virxe
Deus.”
Nadie fue ayer...
Nadie fue ayer
ni va hoy,
ni irá mañana
hacia Dios
por este mismo camino que yo voy.
Para cada hombre guarda un rayo nuevo de luz el sol...
y un camino virgen
Dios.
Preces

MESTRE, APRÉNDENOS A REZAR

Para chegar a ter unha limpa experiencia de Deus na nosa vida, un pouco como ti a tiveches. Oremos.

Para sermos fortes, algo como ti o fuches, traballando nas cousas de Deus, que teñen que ver coa vida e coa dignidade da xente toda. Oremos.

Para facer que o pan, as menciñas, a escola non falten nunca na mesa, nas casas das familias máis pobres de todo o mundo . Oremos.

Para saber perdoar, como ti perdoabas, para gozar co perdón recibido, para facer do perdón un instrumento de paz, de alento e de cambio para a vida. Oremos.

Para sermos fortes ante a tentación, para non deixarnos levar polo consumo, polo egoísmo, polo poder, pola violencia, polo desprezo. Oremos.

Para rezarmos ao lado do Papa Francisco, dos milleiros de mozos e mozas reunidas no Brasil, do lado da xente máis maltratada pola crise. Oremos.

Oración
Noso Pai …
Santificado sexa o teu nome…
descuberto, amado,
agradecido, compartido, popularizado.

Veña o teu Reino …
e fágase experiencia persoal,
familiar, social, política.

Fágase a túa vontade …
que é a nosa,
cando nos atrevemos a descubrirte dentro de nós
sustentándoo todo.

Dános hoxe o pan de cada día …
para comelo con agradecemento,
para compartilo con quen non ten;
o Panciño santo das Misas,
que sabe a gloria.

Perdoa os nosos pecados …
que os temos,
para entrar na rolda marabillosa do perdón solidario,
e sermos en ti
camada de amor revolucionario.

Non nos deixes sucumbir á tentación …
porque hai en nós misteriosas atraccións ao mal,
que non somos quen de dominar.

E líbranos do mal …
porque hai moitos poderes do mal,
encarnados en personaxes, estilos, culturas, movementos,
con enorme e deshumanizado poder de destrución.

Noso Pai…, nosa Nai…
Acción

¿Cómo andamos con iso da oración? ¿Rezamos algo, pouco, nada? ¿Rezamos só por comenencia, ou temos algo de trato de confianza con Deus? Seguro que poderemos aprender a rezar algo máis e mellor. Hoxe podemos dedicar 10, 15 minutos a repetir con calma o noso Pai, unha, dúas, tres, dez veces, facéndoo de corazón.


25 de xullo: solemnidade do apóstolo Santiago, patrón de Galicia e de España. Día de Galicia.

1ª lectura: Feit 4, 33; 5, 12. 27-33; 12, 2. Salmo: 66, 2-3. 5. 7-8.
2ª lectura: 2 Cor 4, 7-15

Evanxeo: Mt 20, 20-28

Nunha ocasión achegouse a Xesús a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos e prostrouse para lle pedir algo. El preguntoulle:
—Que queres?

Respondeulle:
—Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.

Respondeulle Xesús:
—Non sabedes o que pedides. ¿Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?

Respondéronlle:
—Podemos.

Xesús replicou:
—O meu cáliz beberédelo, pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo, é para quen o meu Pai o teña reservado.

Ao escoitaren isto os outros dez, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos e díxolles:
—Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así: quen queira ser importante, que sexa o voso servidor, e quen queira ser o primeiro que sexa o voso escravo; porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.

Meditación

Dúas maneiras de entender a vida, dentro e fóra da comunidade cristiá. Dúas maneiras de construír a propia persoa, a comunidade cristiá e tamén as relacións sociais, o tecido social, unha familia, un país, unha patria, o mundo enteiro. A aspiración dos fillos de Zebedeo, Santiago e Xoán, compartida ao que se ve polos demais discípulos, era ser mandando. Esa aspiración é compartida tamén por moitísima xente dos nosos tempos, entre a que posiblemente nos vexamos incluídos. É ben difícil superar esa tentación. Cólasenos no corpo e no espírito de mil maneiras.

Xesús, nesta ocasión coma en tantas outras, é alternativo. Soña, vive, comparte outra maneira de sermos, de realizármonos, de acadar satisfaccións e felicidades: no canto de mandar, servir; no canto de soñar con acadar os primeiros postos, soñar con estar na cola, oficiando de servidores/as, mesmo de escravos/as. É algo que bota para atrás de primeiras. O soño de Xesús é unha comunidade de xente afanada en servir, unha comunidade de servidores e servidoras, todos, todas, homes e mulleres por igual. O mundo non funciona así, e por iso vai como vai, por iso abunda en abusos e atropelos de todo tipo.

A Santiago, o noso patrón, custoulle, pero acabou aprendendo o oficio de servidor, ata a morte. Non vale telo por patrón no escaparate, sen deixar que o espírito do servizo ata as últimas nos colla a vida e nos empuxe a facer comunidade relixiosa e civil desde o servizo e non desde o poder. O soño de Xesús para Galicia: unha terra limpa de xente aproveitada, unha patria de xente servidora, na que medramos todos, cando todo o mundo se fai servidor, e cando todo o mundo se sente servido e atendido.

Oración
Óllote, Galicia,
cun corazón agradecido.

Gózote na túa xeografía marabillosa,
na túa rica e variada cultura,
na túa harmoniosa fala tan pouco valorada,
nos homes e mulleres
que te senten, te queren, falan de ti con orgullo,
e te constrúen cada día con esforzo.

Ámote, Galicia,
como unha matria nutriz,
capaz de darnos pan e sentimentos,
xeradora de enerxías e de acougos.

Sóñote, Galicia,
anaquiño de terra e de ceo,
aberta a todos os pobos,
a todas as razas e culturas,
xenerosa en darse e derramarse,
sen perderse no camiño,
sen desaparecer entre sombras e vaidades.

Penso e implícome no teu porvir
no nome do Deus da vida que te creou,
no nome do Xesús que se fixo servidor teu,
no nome do Espírito que te alenta,
no nome de todos os nosos devanceiros,
home e mulleres,
que amaron, gozaron, sufriron e construíron a nosa Terra
cara á xustiza, cara á paz,
cara ao encontro, cara á unión;
coa xente de fe relixiosa ou atea,
que queira tamén ollarte, gozarte, amarte, soñarte e servirte.
en cada persoa, aldea, vila e cidade
que che dan rostro e calor.
Acción

Podemos visitar algunha zona de Galicia que non coñezamos. Podemos participar nalgunha festa do patrón Santiago, buscando facernos persoa servidora. Podemos participa en encontros e manifestacións políticas segundo a nosa maneira particular de entender Galicia. Desde o respecto, desde a vontade de servizo real.


26 de xullo: Martes da 17ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 33, 7-11; 34, 5b-9. 28. Salmo: 102, 6-7. 8-9. 10-11. 12-13
Ano 2: 1ª lectura: Xer 14, 17-22. Salmo: 78, 8. 9. 11 e 13

Evanxeo: Mt 13, 36-43

Nunha ocasión Xesús deixou a xente e foi para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
—Explícanos a parábola do xoio na leira.

El respondeu:
—O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos e fillas do reino; o xoio son os fillos e fillas do Malo. O inimigo que a sementa é o demo; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos. E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo: mandará o Fillo do Home os seus anxos e quitarán do seu reino todos os escándalos e todas as persoas que fan o mal; e botaranas no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. Entón a xente xusta resplandecerá coma o sol no reino do seu Pai. Quen teña oídos, que escoite.

Meditación

O evanxelista fálanos cunha linguaxe forte, mesmo dramática, sobre das persoas que optan por sementar no mundo o mal, o abuso, a insolidariedade, o desprezo pola xente débil, por todo o débil, a arrogancia, a obsesión polo consumo, polo sexo, polo poder, polo diñeiro, caia quen caia e aínda que reduzamos o ser humano a un refugallo irrecoñecible. A linguaxe é forte e manexa pensamentos propios da cultura daqueles tempos. Podemos prescindir desa linguaxe e quedarnos co fundamental: non é igual para nós e para quen nos rodee, no presente e no futuro, ser persoas de ben ou de mal, ser sementadores –coas palabras e cos feitos— de xustiza ou de inxustiza, de abuso ou de solidariedade, de perdón ou de vinganza, de respecto ou de desprezo, de amor ou de odio, … Se optamos polo mal, o mal volverase contra nós; desfaranos como seres humanos, incapacitaranos para desenvolver en nós as enormes posibilidades de amor e de gozo das que somos capaces; case, case nos imposibilitará para contemplar o rostro amoroso de Deus, fonte de todo ben. É ben importante, logo, aprender a distinguir a calidade do que sementamos, a calidade das sementes de quen fai en nós sementeira. Antes de que sexa demasiado tarde e a vida se nos vaia das mans.

Oración
Meu Deus,
necesito a túa iluminación
para que o mal non se me cole na vida
e me estrague o presente e o futuro.
Meu Deus,
necesito a túa determinación
para apostar firmemente polo que me constrúe
e constrúe a comunidade que me rodea.
Meu Deus,
necesito a túa humildade, a túa verdade,
para recoñecer os meus namoriscamentos co mal,
os meus enredos coas sombras.
Meu Deus,
necesito o atractivo do teu rostro
para deixarme encantar por todo o que é amor, respecto e coidado
no presente e por toda a eternidade.
Acción

Hoxe podemos facer adrede algunha sementeira de ben, con palabras ou con feitos, para tomar conciencia desta capacidade que temos e podela activar máis.


27 de xullo: Mércores da 17ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 34, 29-35. Salmo: 98, 5. 6. 7. 9
Ano 2: 1ª lectura: Xer 15, 10. 16-21. Salmo: 58, 2-3. 4-5a. 10-22. 17. 18

Evanxeo: Mt 13, 44-46

Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:
—O reino dos ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; a persoa que o atopa vólveo agachar e, chea de alegría, vai vender canto ten para mercar aquela leira.

Tamén se parece o reino dos ceos a un tratante de perlas finas, que, en atopando unha de grande valor, vai vender todo cante ten para mercala.

Meditación

Xesús é un tesouro. E vaia tesouro! Deus é un tesouro. E vaia tesouro! As verdadeiras cousas de Deus son un tesouro tamén. Un tesouro, iso si, agachado, escondido. Escondido dentro de nós, no noso mesmo íntimo. Escondido na vida, na natureza, na xente, no corazón da xente, no seu íntimo. Se ando superficialmente pola vida, é posible que non bata co tesouro, que non poida gozar del. Se satisfago a miña vida coa morea de cousas que a nosa sociedade consumista me mete polos ollos, moi posiblemente pase por riba do tesouro sen decatarme da súa presenza. A temperanza cara a canto se me ofrece, e a ollada buscadora, humilde cara ao interior da vida, dos acontecementos, das persoas, axudarame a bater co tesouro. Daquela si, daquela a ledicia invádeme e todo me sobra nas mans, con gozo de ter as cousas de Deus no meu corazón, na miña vida! Que ben, se nas nosas comunidades cristiás se nos aprendese a facer este descubrimento e a gozar co descuberto!

Oración
Señor Xesús,
que o teu Espírito me encha de acerto
para saber distinguir
unha perla fina dunha imitación vulgar,
unha alegría fonda dunha simple troula,
unha irmandade consistente dun trato fugaz.
Que o teu Espírito me esperte os sentidos
-corporais e espirituais—,
me ensanche o corazón,
me afine a percepción
para chegar a ese encontro case máxico
entre o tesouro de Deus e a miña condición mendicante.
Señor Xesús,
que o teu Espírito me achegue
ás fontes potentes da paz e da xustiza.
Acción

Hoxe podemos facer un pouco de buscadores do tesouro, da perla de Deus. Desde a mañá andamos á espreita, con moita humildade, no medio das persoas e das circunstancias da vida de hoxe. Seguro que poderemos bater, algo polo menos, co tesouro, coa perla do que a Deus lle reina.


28 de xullo: Xoves da 17º semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Ex 40, 16-21. 34-38. Salmo: 83, 3. 4. 5-6a e 8a. 11
Ano 2: 1ª lectura: Xer 18, 1-6. Salmo 145, 1b-2. 3-4. 5-6

Evanxeo: Mt 13, 47-53

Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:
—O reino dos ceos é semellante unha rede largada no mar, que recolle peixes de todas as castes. Unha vez chea, tiran por ela para a ribeira e a xente, sentada, escolle os peixes bos para un queipo ou cesto e os malos tira con eles. Así será na fin do mundo: sairán os anxos e arredarán a xente mala da xusta para botala no forno do lume; alí será o pranto e o renxer dos dentes. ¿Entendedes todo isto?

Eles responderon:
—Entendemos.

El concluíu:
—Por iso todo letrado que se fai discípulo do reino dos ceos parécese ao dono dunha casa que saca das súas arcas o novo e máis o vello.

Meditación

A linguaxe ameazante nunca pode afogar o máis importante que Xesús nos dicía de Deus: que é todo amor, todo misericordia, todo perdón. A linguaxe ameazante da parábola si que nos pode alertar sobre a importancia de saber distinguir e valorar os peixes bos e os peixes malos, as propostas boas e as propostas malas para a vida, que nos chegan de fóra, ou que nacen no noso mesmo corazón. Coma no caso do trigo e do xoio (cizaña), cómpre estar alerta para non estragar a vida propia, para non contribuír a estragar tamén a doutra xente. Non todo nos vale. Non todo constrúe boas persoas, familias, veciñanzas, convivencias, comunidades, pobos, países. Sabémolo ben. Entendémolo ben. Pois a empeñarnos niso. O do máis aló, o da clarificación final, sabe Deus en que consistirá! Deixémolo confiadamente nas súas mans coidadoras.

Oración
Discípula do reino dos ceos,
discípula do que a Deus lle reina,
do que a Deus lle prace.
Discípula ben abastecida
por tantas e tan boas testemuñas da fe,
anteriores a nós,
que nos deixaron o seu ronsel de santidade,
concretado en palabras recias, en feitos fecundos.
Discípula aberta ao presente, ao novo,
onde Deus segue falando, segue convidando
con voces relixiosas e civís.
Todo para que poidamos sacar das nosas arcas
o novo e o vello que nos cómpre
para entender e vivir a vida humanamente, santamente.
Acción

Podiamos pararnos un pouco hoxe, individualmente ou en grupo, para ver algunhas cousas que nos están chegando ás redes da nosa vida como peixes bos, e algunhas que nos chegan como peixes non tan bos. E ver tamén como reaccionamos ante iso.


29 de xullo: Venres da 17ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Lev 23, 1. 4-11. 15-16. 27. 34b.37. Salmo: 80, 3-4. 5-6ab. 10-11ab
Ano 2: 1ª lectura: Xer 26, 1-9. Salmo: 68, 5. 8-10. 14

Evanxeo: Mt 13, 54-58

Naquel tempo, cando Xesús marchou para a súa terra; e de tal xeito lles ensinaba na sinagoga, que a xente dicía abraiada:
—¿De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María a súa nai; e seus irmáns, Santiago, Xosé, Simón de Xudas? E súas irmás ¿non viven connosco? Entón, ¿de onde lle vén todo isto?

Estaba realmente escandalizada aquela xente por causa del. Pero Xesús díxolles:
—Só na súa terra e na súa casa rexeitan a un profeta.

E non fixo alí moitos milagres pola falta de fe daquela xente.

Meditación

San Paulo dicía: “Examinádeo todo e agarrádevos ao que é bo” (1Tes 5,21). O importante é ser persoa aberta a todo o que nos poida vir de fóra ou de dentro de nós mesmas, a todo o que nos axude a medrar como persoas e como crentes, a todo o que nos constrúa a nós e constrúa a comunidade civil ou relixiosa da que formamos parte, veña de onde veña. A veciñanza de Xesús non estaba aberta; estaba pechada nos seus criterios, un dos cales era que da xente coñecida, pobre, normal coma eles non tiña por que vir nada de proveito. Que se cría Xesús! Que vaia por aí, home, que se quite da nosa vista con todas as súas andrómenas!

As escusas que podemos poñer para non aceptar o que nos vén de fóra coma un don de Deus poden ser múltiples. É doutro país, é doutra raza, é doutra relixión, é doutro partido político, é un “pirao”, mira como viste, sempre fala galego, sempre fala castelán, rompe co que sempre se fixo, onde imos con tantas novidades… E así chegamos a desoír ao mesmísimo fillo de Deus!

Oración
Escoitar,
escoitarte, Xesús,
escoitarte sempre,
nas múltiples voces coas que nos poidas falar.
Estar coa alma en vilo,
cos oídos do corazón en vilo,
coa vida en vilo,
cun sexto sentido
para ventar a túa voz, a túa presenza,
amósese onde se amose.
Escoitar,
escoitarte, Xesús,
abrirche o corazón, a vida toda,
sen reserva ningunha,
para que se cumpra en todo nós
o milagre dunha vida xusta, irmandada,
en servizo de toda debilidade,
en servizo de Deus.
Acción

¿Algunha vez tivemos algunha experiencia semellante á da xente veciña de Xesús, de rexeitar as palabras, as propostas dalgunha persoa, por calquera razón idiota? ¿Podemos retomar o caso con esa persoa nunha actitude diferente, aberta?


30 de xullo: Sábado da 17ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Lev 25, 1. 8-17. Salmo: 66, 2-3. 5. 7-8
Ano 2: 1ª lectura: Xer 26, 11-16. 24. Salmo: 68, 15-16. 30-31. 33-34

Evanxeo: Mt 14, 1-12

Naquel tempo chegou a sona de Xesús aos oídos do tetrarca. Este comentou cos seus cortesáns:
—Ese é Xoán Bautista, que resucitou de entre os mortos con poderes milagrosos.

Pois Herodes prendera a Xoán e metérao na cadea por cousa de Herodías, muller de seu irmán Filipo, porque Xoán non paraba de lle dicir:
—Non che está permitido vivir amigado con ela.

E, aínda que Herodes o quería matar, tíñalle medo á xente que o consideraba un profeta. Pero, cando Herodes celebrou o seu aniversario, a filla de Herodías bailou diante de toda a xente. E tanto lle agradou a Herodes, que lle prometeu baixo xuramento darlle o que lle pedira. Ela, encirrada pola súa nai, díxolle:
—Tráeme nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.

O rei entristeceuse, pero, como o xurara e por cousa das persoas convidadas, ordenou que lla deran e mandou que fosen decapitar a Xoán na cadea. Trouxeron a cabeza nunha bandexa e entregáronlla á rapaza, que lla levou á súa nai. Os seus discípulos viñeron recoller o corpo e sepultalo. Despois fóronllo contar a Xesús.

Meditación

Que gran home, que gran crente era este Xoán! Por algo o noso Xesús se sentiu atraído por el, e no seu grupo, entorno e liderado madurou como crente e chegou a ter a fonda experiencia de ser fillo queridísimo de Deus e irmán universal. Despois Xesús andaría camiños novos, que Xoán seguiu con atención. Había bo trato entre os discípulos de Xoán e os de Xesús, ata o punto de que é a Xesús a quen deseguida lle van contar o martirio do Bautista.

Xoán era un verdadeiro profeta, que non receou en darlle cara ao mesmísimo Herodes e en criticar os seus excesos e chulerías. Profeta coherente. Profeta ata a morte. Ante a súa rectitude consecuente qué patético Herodes, que raposeira Herodías! Diferentes espellos, diferentes tipos de persoa ante os que ollarnos. Diferentes maneiras de estar na vida, de construír relacións humanas e de facer pobo e comunidade cristiá.

Oración
Xesús,
rendémonos contigo ante Xoán,
o profeta,
ante a súa palabra limpa e incisiva,
ante a súa valentía,
que en Deus tiña forza e fundamento.
Rendémonos contigo, Xesús,
ante todas as almas de profeta ou profetisa
que, grazas a Deus,
camiñan polo noso mundo,
sexan ou non sexan do noso grupo,
sexan ou non sexan cristiáns.
Rendémonos contigo, Xesús,
ante quen coa palabra, co sangue, coa vida
rompe abusos, abre camiños
e fai medrar as esperanzas.
Acción

¿Temos experiencia de enfrontarnos dalgunha maneira a algunha persoa poderosa, que abusa do seu poder? Estará ben que con humildade nolo valoremos. ¿Ou, se cadra, temos experiencia de ver ou sufrir abusos e calar? Estará ben que aprendamos algo de Xoán o Bautista.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.