31 de xullo: Domingo 18º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Ecl 1, 2; 2, 21-23. Salmo: 89, 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17.
2ª lectura: Col 3, 1-5. 9-11.
Evanxeo: Lc 12, 13-21
Unha vez díxolle a Xesús un que estaba entre a xente:
—Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.
El contestoulle:
—Home, ¿quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?
E logo díxolle á xente:
—Atención, gardádevos da cobiza, que, por moito que un teña, non por iso a súa vida depende dos seus bens.
E propúxolles unha parábola:
—As terras de certo home rico déranlle moito froito. Púxose entón a cavilar: “¿Cómo vou facer, que non teño onde meter o froito?” E dixo: “Xa o sei; vou desfacer os meus celeiros e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens. Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e a vivir!” Pero Deus díxolle: “Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida, ¿para quen será todo o que xuntaches?”
Meditación
Unha pregunta sobre cousas de herdades, que a Xesús lle parece impertinente, dálle pé para entrar nun tema que para el si que era realmente importante: o tema dos cartos, da riqueza, da acumulación de bens. Parécelle importante, porque ao redor diso xira o sentido da vida, o uso dos cartos, a xestión da economía, a solidariedade ou o egoísmo, a vida das familias, a construción da sociedade, as formas dunha relixiosidade auténtica; en definitiva, a felicidade das persoas, que é o que Deus, Xesús, quere para todos, todas e cada unha de nós. O tema dos cartos segue a ser un tema ben actual —en realidade a crise actual ten como base a cobiza dos cartos da que Xesús alertaba—; por iso tamén o é a ensinanza de Xesús. Iranos mellor se nos deixamos afectar, converter polas palabras, pola proposta de Xesús.
Hai que notar que o que Xesús hoxe nos di vai máis orientado ás persoas que tendo moito, se poden encontrar ante a dúbida de qué facer co moito que teñen; é dicir, as persoas ricas. Ou as que, sendo pobres, teñen espírito e aspiración de ricas, que de todo hai. Para os que non teñen, como lles pasa a tantos contemporáneos nosos de Galicia, de España e doutros países, para a xente pobre, Xesús acompáñaos no soño e na loita polo pan de cada día, Xesús anúncialles a benaventuranza de quen se vai ver farto, Xesús súmase a quen demanda o perdón das débedas e hipotecas, Xesús faraos beneficiarios da xustiza que, aplicada en conversión aos ricos, lles fai devolver cinco veces máis o que antes roubaron.
Os bens fannos falla; o pan de cada día, a sanidade pública, os servizos sociais básicos, a ensinanza pública, un fogar; Xesús non nos di o contrario, aínda que el non tiña onde reclinar a súa cabeza. Xesús prevennos contra a cobiza, que é outra cousa; é o afán tolo de ter e ter, de acumular, sexa como sexa, que normalmente é mediante trampas e inxustizas, ou renunciando a aspectos da propia persoa e da propia familia que van quedando abandonados por aquilo de xuntar e xuntar sen medida. “Atención: gardádevos da cobiza, que, por moito que un teña, non por iso a súa vida depende dos seus bens.” A vida e a morte non dependen dos bens que un teña, nin a harmonía familiar, nin a integración na parroquia e na sociedade, nin o ser honrada, nin o atopar parella ou non, nin o ser feliz con ela, nin a felicidade, por moito que nos pareza que con cartos comemos o mundo. Cantos exemplos podiamos poñer!
O problema do home da parábola que conta Xesús foi non saber facer un uso adecuado dos moitos bens que a vida ou o traballo lle ían dando. Dedicouse a acumular, pensando no seu benestar persoal: comer, beber e a vivir!, pensando que o tiña ben merecido. Coa desgraza de morrer antes do previsto, ou sen esa desgraza, a decisión daquel home era equivocada; facíase rico para si, e non para Deus; facíase rico para si e non para a comunidade; acumulaba diñeiro, pero perdía os vínculos reais da irmandade que se fortalecen co compartir; envolvíase en riqueza, pero arredábase cada vez máis da maior riqueza, do maior ben, que é a comunidade, asentada en Deus, realizada na vida de cada día. Gozábase coa caricia dos billetes, pero ignoraba a caricia e o agradecemento das persoas coas que podería compartir a súa riqueza. Tendo moito, tendo tanto, e precisamente por telo así, facíase menos home, era menos home. Polo tanto estaba tamén máis pechado ao encontro con Deus, que anda sempre nos espazos da solidariedade.
O evanxeo de hoxe quere axudarnos a revivir aquela ensinanza forte dos Santos Pais da Igrexa que entendían que os bens das persoas ricas teñen un destino comunitario, social. É dicir, son para repartir con quen non ten. É posible que isto hoxe nos escandalice. Aínda que, se o miramos ben, os sistemas tributarios das sociedades modernas, se son xustos, pretenden precisamente isto: facer un reparto dos beneficios excesivos, para que as persoas e os grupos sociais máis marxinais teñan o elemental para vivir dignamente. Outra cousa é que realmente se faga así. Vállanos isto para entender que desde a participación política se lle poden dar cumprimento, ou non, as ensinanzas de Xesús. Vállanos isto para entender tamén que unha persoa cristiá, se quere que o soño do Reino vaia fermentando pouco a pouco a masa da sociedade, é necesario participar en política, integrarse nos partidos, sindicatos e asociacións, facendo elección por aqueles que, máis aló das palabras, se aproximen algo aos soños fraternos de Xesús.
Así que logo, no canto de volverse tolo/a por atesourar riquezas para un mesmo, Xesús proponnos facernos ricos/as para Deus, nas cousas de Deus, que andan sempre ao redor do acoller, do abrir a casa, do compartir, da comunidade, do gozo da irmandade. Algo que gustamos e adiantamos un chisco nas nosas Eucaristías cando as facemos ao estilo de Xesús.
Preces
QUE COA TÚA AXUDA, DEUS, NOS GARDEMOS DA COBIZA
Gardémonos da cobiza dos cartos, que destrúe tantas veces a unión familiar. Oremos.
Gardémonos da cobiza dos cartos, que destrúe os dereitos do pobo e crea xente marxinada e sometida. Oremos.
Gardémonos da cobiza dos cartos, pola que os poderosos acaban coa harmonía social, como nos está pasando nestes tempos de crise. Oremos.
Gardémonos da cobiza dos cartos, pola que moitos manipulan os países débiles do Terceiro Mundo con prepotencia e con descaro. Oremos.
Gardémonos da cobiza dos cartos, que leva a estragar a natureza, a manipular os alimentos, a deteriorar a saúde. Oremos.
Gardémonos da cobiza dos cartos, que nos separa de Deus, porque nos separa da comunidade, da irmandade. Oremos.
Oración
Rico para Deus, rica para Deus,rica, rico para a comunidade!Quero ser persoa ricaen sentimentos bos, en humanidade,para que os máis atopen en min alivioe razóns para seguir vivindo, para seguir loitando.Quero ser persoa ricaen tenrura, en compaixón,para amolecer as durezas da vidae acompañar e acoller sen medida.Quero ser persoa ricaen participación e colaboración comunitariapara axudar a experimentar o gozo grandede sabérmonos irmáns, familia, fogar,construíndonos uns a outros/as con firme decisión.Quero ser persoa ricaen espírito de loitapara darlle cara ao moito que nos impidesermos libres, xustos/as, felices,sermos pobo fraterno e igualitario.Quero ser persoa ricaen fe, en amor, en esperanza,en alegría, en paz, en palabras de consolo e de alento.Quero ser...,meu Deus, conto contigo.
Acción
¿Cómo andamos cos cartos na vida? ¿Domínannos, somos libres ante eles? Hoxe poderíamos facer un pequeno xesto, polo menos, de poñer os cartos ao servizo da nosa humanización, compartindo, por exemplo, algo con quen o precise.
1 de agosto: Luns da 18ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Núm 11, 4b-15. Salmo: 80, 12-13. 14-15. 16-17
Ano 2: 1ª lectura: Xer, 28, 1-17. Salmo: 118, 29. 43. 79. 80. 95. 102
Evanxeo: Mt 14, 22-36
Unha vez, cando a xente quedara farta co pan multiplicado, Xesús mandou aos seus discípulos que embarcasen axiña e que fosen diante para a outra banda, mentres el despedía a xente. Despois de despedila, subiu ao monte para orar el só e alí colleuno a anoitecida. E, xa a moitos metros no medio do mar, as ondas batían na barca, pois levaban o vento en contra. Ao riscar o día, Xesús foi cara a eles camiñando polo mar. E os discípulos, véndoo camiñar polo mar, asustáronse e dicían: “é unha pantasma”, e, cheos de medo, empezaron a berrar.
Deseguida faloulles Xesús, dicindo:
—Tranquilos, non teñades medo, que son eu!
Respondeulle Pedro:
—Señor, se es ti, mándame que vaia onda ti camiñando pola auga.
El díxolle:
—Ven!
Baixou Pedro da barca e púxose a camiñar pola auga, dirixíndose a Xesús. Pero, ao sentir o vento forte, colleu medo, empezou a afundirse e púxose a berrar.
—Señor, sálvame!
Axiña Xesús, dándolle a man, agarrouno e díxolle:
—Home de pouca fe, ¿por qué dubidas?
E, ao subiren eles á barca, quedou o vento. Os que estaban na barca prostráronse ante el, dicindo:
—Realmente ti es Fillo de Deus.
Rematada a travesía, chegaron á terra de Xenesaret. Ao recoñecelo, a xente do lugar mandou aviso a toda a comarca. Leváronlle toda a xente enferma, rogáronlle que lles deixase tocar tan sequera a orla do seu manto. E todas as persoas que o tocaron, curaron.
Meditación
A Xesús compracíalle estar coa xente; a parte de aprenderlle cousas boas para a vida, a parte de mobilizar na xente as súas capacidades de fe para o cambio, a parte de prestarse a servir, a curar, … a parte dixo, tamén saudar, preguntar polas cousas da vida, pola familia, polo traballo, interesarse, despedirse, quedándose cos nomes e coas vidas que había detrás de cada nome. Que sorte termos un Xesús así! Porque tamén a nós nos tocou en sorte este Xesús para as nosas vidas fráxiles. Gozalo, logo; gozalo e, no posible, imitalo tamén.
E logo os medos de todas as noites, na barquiña da vida, cando os ventos e as augas arrean por todos os lados. ¿Quen de nós non ten medos? ¿A quen de nós non se nos encolle o ánimo, o corazón, ata parecernos que nos imos afundir co problema do fillo, coa incapacidade de atopar traballo, con tanto consumo que non enlouquece, con esa relación de parella que non acaba de ir, con eses políticos que parecen esquecer a sorte da xente débil, con ese desasosego persoal que non me deixa en paz nin de día nin de noite? Envexamos a quen camiña airoso no medio dos bandazos da vida; gustaríanos imitalo, pero fáltanos nervio, paixón, confianza, fe. Xesús tamén está aí. Que sorte telo aí tamén.
Oración
Ti estás, Xesús, ti estás,aínda que eu non che faga caso;aínda que eu non me pare contigo,para falarche dos meus gozos, das miñas sombras,dos meus medos.Que refinado é o medo, Xesús,que refinado e como me roe por dentro!Aparento comer o mundo,e moitas veces así o fago coa palabra sempre fácil,pero que axiña recúocando lle hai que dar cara ás cousas,careándome comigo mesmoe coas persoas que están detrás delas!Cómpreme fe, Xesús,fe en min, na xente,na comunidade, no pobo,fe en Deus, fe en ti.“¿Por qué dubidas?”Ai, Señor,que onda ti se fortaleza a miña fe!
Acción
¿Temos experiencia de deber afrontar algo persoal, familiar ou comunitario, e, por medo, deixalo pasar, xustificando os medos con calquera escusa? ¿Estamos aínda a tempo de retomar algunha desas situacións?
2 de agosto: Martes da 18ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Núm 12, 1-13. Salmo: 50, 3-4. 5-6a. 6bc-7. 12-13
Ano 2: 1ª lectura: Xer 30, 1-2. 13-15. 18-22. Salmo: 101. 16-18. 19-21. 29 e 22-23
Evanxeo: Mt 15, 1-2. 10-14
Unha vez achegouse a Xesús un grupo de fariseos e letrados de Xerusalén e preguntáronlle:
—¿Por qué os teus discípulos quebrantan a tradición dos devanceiros e non lavan as mans antes de comer?
E Xesús, convocando o xentío, díxolles:
--Escoitade e procurade entender: Non é o que entra pola boca o que mancha o ser humano; o que sae pola boca, iso si que mancha ao ser humano.
E os discípulos achegáronselle para dicirlle:
—¿Ti sabes que os fariseos se escandalizaron ao escoitaren a túa palabra?
El contestoulles:
—Toda planta que non plantase meu Pai celestial arrincarase de raíz. Deixádeos, son cegos e guías de cegos; e, se un cego guía a outro cego, ámbolos dous caerán na cova.
Meditación
Foron moitas os momentos nos que as prácticas relixiosas e sociais de Xesús chocaron coas dos líderes relixiosos do seu tempo. Non estaba en xogo lavarse as mans antes de comer por hixiene; os letrados e fariseos non se anoxaban por cuestión da hixiene. Anoxábanse porque entendían que cumprir con ese rito era o que sen máis garantía o encontro e amizade do Deus vivo. E Xesús, vendo iso, vendo que se quedaban en normas superficiais para valorar o achegamento ou non a Deus, protesta e anuncia que o achegamento a Deus, a fidelidade a el, mídese por criterios máis serios, que teñen que ver coa bondade ou a maldade que saen do corazón da xente e que se traducen en feitos bos ou en feitos malos. Non entender algo tan simple é ser cegos, e mal van as cousas se un cego guía a outro cego.
Con todo e seren cousas tan evidentes, non podemos quedarnos con que nós xa non temos ese problema, que a nós non nos pasan esas cousas. A tentación de querer intimar con Deus a partir do cumprimento de certas normas, ritos, prácticas relixiosas externas é unha tentación que parece que vai con todos os seres humanos, de onte e de hoxe. Tentación na que podemos caer, se non estamos alerta.
Oración
Pódome enganarme e min mesmo, meu Deus querido,pero a ti non te engano.Podo enganar a xentecoa miña aparencia de cumplidor/a,pero a ti non te engano.Podo multiplicar ritos e ritos,intentando meterte no meu petoe terte sempre ao meu dispor,pero ti non de deixas.Pódome encher de aparencias,pero a ti non che vale,porque tes ollos limpos, penetrantesque esculcan os corazóns, as intencións.Que a túa luz, Deus querido, me ilumine,me quite as cegueirase me poña no camiño da verdade e da transparencia.
Acción
Pode ser que esteamos baseando a nosa fidelidade relixiosa cristiá no cumprimento baleiro dalgúns ritos, dalgúns sacramentos incluso, pero que no noso corazón, o noso interior, esteamos almacenando ruindades. Revisámonos nisto.
3 de agosto: Mércores da 18ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Núm 13, 1-2. 25—14, 1. 26-29. 34-35. Salmo: 105, 6-7a. 13-14. 21-22. 23
Ano 2: 1ª lectura: Xer 31, 1-7. Salmo: Xer 31, 10. 11-12ab. 13
Evanxeo: Mt 15, 21-28
Nunha ocasión foi Xesús para a comarca de Tiro e Sidón. E apareceu unha muller cananea daqueles contornos berrando:
—Compadécete de min, Señor, Fillo de David; a miña filla está atormentada por un demo.
Pero el non respondeu palabra. Achegáronselle os seus discípulos rogándolle:
—Aténdea, que vén berrando detrás de nós.
El contestoulles:
—Non fun enviado máis que ás ovellas extraviadas da casa de Israel.
Pero ela achegouse, prostrouse ante el e suplicoulle:
—Señor, váleme!
El respondeulle:
—Non é ben quitarlles o pan aos fillos para llelo botar aos cadelos.
Pero ela contestou:
—Certo, Señor, pero tamén os cadelos comen das faragullas que caen da mesa dos seus amos.
Entón respondeulle Xesús:
—Muller, a túa fe é ben grande; fágase, logo como desexas!
E a súa filla ficou sa naquela hora.
Meditación
É ben curioso este pedaciño de Evanxeo! Unha muller –unha muller!—desconcerta a Xesús e axúdalle –iso parece— a entender dunha maneira nova en parte a súa tarefa de anunciador e realizador da boa nova para a xente. Xesús cae na conta de que fóra do pobo de Israel tamén hai xente de fe, tamén hai posibilidades de compartir o Deus próximo que nos fai irmáns e irmás, sen límites de pobos, razas ou credos.
Unha invitación sen dúbida a estarlle agradecidas a aquela muller, a quen a dor lle activara a fe e a súa constancia. Unha invitación a andar pola vida con espírito amplo, sen chaves na peto para andar pechando portas e ventás, sentíndonos a fondo irmáns e irmás. Podémonos distinguir pola cor da pel, polo país de procedencia, pola fala, polas maneiras de pensar, polo credo relixioso que teñamos; é certo, pero, a pesar diso, pode haber unións máis fondas e determinantes, as que nos levan ao respecto, as que nos fan sentir membros dunha soa humanidade, as que nos fan defender unha vida digna para todo o mundo, as que soñan cunha irmandade universal. Ai podémonos atopar todas, sen excepción, nunha casa común, onde poder vivir a fe nun Pai ou Nai tamén común, nunha Fonte común, que a todo o mundo se ofrece na súa humanísima solidariedade.
Oración
Viva a diferenza, Xesús,viva a diferenza,no nome do Pai-Nai común,que a todos e todas nos crea por amor,e a todas e todos nos ofrece o seu Espírito,sen distinción!Viva a diferenza, Xesús,que nos fai xente máis fermosa,máis complementaria,máis capaces de responderás múltiples demandas do noso ser, do noso existir!Vivan a diferenza, Xesús,sustentada nun fondo comúnsospeitado, buscado, crido, amado,que nos solda e irmanda,que nos permite vernos, a pesar de todo,como irmáns e irmás en todo,e en todo vivir como tales”.Viva a diferenza, Xesús,no nome do Espírito que todo o sustenta!
Acción
É moi posible que teñamos algunha experiencia de enfrontarnos con persoas diferentes de nós en cousas que nos parecen máis ou menos importantes: raza, país, ideoloxía política, credo relixioso, xeitos de ser… ¿Cómo actuamos neses casos? ¿Pechando ou abrindo portas e ventás no propio ser? ¿Podemos facer algún cambio na nosa maneira de afrontar iso?
4 de agosto: Xoves da 18! semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Núm 20, 1-13. Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: Xer 31, 31-34. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 18-19
Evanxeo: Mt 16, 13-23
Unha vez, cando Xesús chegou á comarca de Cesarea de Filipo, preguntoulles aos seus discípulos:
—¿Quen di a xente que é o Fillo do home?
Eles responderon:
—Algunhas persoas din que Xoán Bautista; outras, que Elías; outras, que Xeremías ou algún dos profetas.
Insistiu Xesús:
—E vós, ¿quen dicides que son?
Respondeu Simón Pedro:
—Ti es o Mesías, o Fillo do Deus vivo.
E Xesús contestoulle:
—Ditoso ti, Simón, dillo de Xonás, porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue, senón meu Pai que está no ceo. E eu asegúroche que ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche as chaves do reino dos Ceos: todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos: e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos.
E mandoulles aos discípulos que non dixesen nada de que el era o Mesías.
Desde aquela empezou Xesús a aclararlles aos seus discípulos que tiña que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer sufrir moito os anciáns, os sumos sacerdotes e os letrados; que o ían executar e que ao terceiro día había resucitar. Pedro, colléndoo á parte, empezou a rifar con el, dicindo:
—Deus te libre, Señor; a ti non pode pasarche iso.
Pero Xesús, volvéndose, díxolle a Pedro:
—¡Arreda de min, Satanás! Ti es un tentador para min, porque non te deixar guiar por Deus senón pola xente.
Meditación
Pedro fala de Xesús desde a súa admiración por el: Xesús era o rostro humano do Deus vivo; e estaba moi no certo. Pero fala de Xesús tamén desde unha mentalidade humana, que ligaba Deus co triunfo, e a santidade da vida cun recoñecemento popular, oficial. Por iso se revolve contra Xesús, cando este lle rompe ese esquema, e conecta a súa condición de Fillo do Deus vivo co conflito relixioso cos xefes relixiosos do momento, que o levará ao sufrimento e á morte. Nunca ninguén recibiu por parte de Xesús unha corrección máis severa que a que lle deu a Pedro. Cantas veces seguimos vendo a vida relixiosa, a vida cristiá, a admiración e seguimento de Xesús, desde claves humanas, desde claves de poder, de dominio, de triunfo! Foron palabras necesarias por parte de Xesús a Pedro, a quen constituía en pedra dunha Igrexa que tería as chaves do reino dos Ceos. Demasiado poder como para vivilo en clave de dominio. E cantas veces todos, xerarcas e non xerarcas, o temos vivido así na Igrexa.
Oración
Señor, Señor…por unha Igrexa pobre,por unha Igrexa servidora,por unha Igrexa non obsesionada polo aplauso social,por unha Igrexa disposta ao martirio,por unha Igrexa conflitiva,por unha Igrexa que lle teña pánico ao poder,por unha Igrexa fundida coa xente última,por unha Igrexa fortaleza da xente débil,por unha Igrexa cristiáe só así fondamente humana …Señor, Señor…
Acción
¿Cómo é a nosa comunidade cristiá na que facemos Igrexa? ¿A quen arrimamos máis, a quen acompañamos máis, a quen servimos máis: á xente débil, á forte? Seguro que algo poderemos facer para que a nosa comunidade sexa unha comunidade cristiá servidora, unha Igrexa servidora.
5 de agosto: Venres da 18ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dt 4, 32-40. Salmo: 76, 12-13. 14-15. 16 e 21
Ano 2: 1ª lectura: Na 2, 1. 3; 3, 1-3. 6-7. Salmo: Dt 32, 35cd-36ab. 39abcd. 41
Evanxeo: Mt 16, 24-28
Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, que cargue coa súa cruz e que me siga. Porque quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa, pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo. Pois ¿de que lle serve ao ser humano gañar o mundo enteiro, se perde a súa vida? E ¿qué pode dar un home ou muller para recobrar a súa vida? Porque o Fillo do home ha vir coa gloria de seu Pai entre os anxos; entón pagará a cadaquén conforme a súa conduta. Tede por seguro que algúns dos aquí presentes non morrerán sen veren antes o Fillo do home vir no seu reino.
Meditación
Unha vez máis temos que dicir que as palabras de Xesús nunca son palabras ameazantes, aínda que teñan certa aparencia diso. A vida é o máis fermoso que temos. Vivir a vida é a empresa maior de todo ser humano. Xesús veu para que teñamos vida e que a nosa vida sexa redonda, completa. Xesús, experto en vida e na maneira de vivila ben, alértanos da trampa na que podemos caer: querendo vivir a vida, perdela; e, curiosamente, perdéndoa, podela atopar de verdade. E el ofrécesenos como guía e forza nesta aventura simple e marabillosa de vivir a vida; atopa a vida quen a vive con instinto comunitario, quen pensa e actúa en común, quen fai da solidariedade e do servizo a forma diaria de vivir. O clima social que estamos vivindo como consecuencia do Covid-19 confírmanos que este é o camiño para cada persoa, para o conxunto da sociedade. As persoas cristiás estamos chamadas a ser testemuñas desta maneira de poñer a salvo a vida.
Oración
Grazas pola vida, meu Deus querido.Con Xesús, grazas pola vida.Que marabillosamente boa é a vida!Que marabillosamente bo évivir a vida,gozar a vida,compartir a vida,dar a vida,celebrar a vida,hora a hora,día a día!Collémosche a man, Xesús,para facer o camiño contigo,atinar coas maneiras,sortear obstáculose chegar á meta da vidacoa vida íntegra nas mans.
Acción
Vivimos hoxe a vida con consciencia, con agradecemento. Cada pequeno detalle, gozoso ou custoso. Especialmente cando temos que dar vida para ter vida. Celebrámolo logo á noite.
6 de agosto: festa da Transfiguración do noso Señor
1ª lectura: Dan 7, 9-10. 13-14. Salmo 96, 1-2. 5-6. 9
Evanxeo: Mc 9, 2-10
Unha vez colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán e subiu con eles ao coto dun monte. Alí transfigurouse na súa presenza. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podería branquexar. Nisto apareceron Elías e máis Moisés, e estaban a falar con Xesús. E Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús:
—Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e outra para Moisés.
Tan asustados estaban, que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz:
—Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo.
E de súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. Eles colleron ben o aviso, pero discutían entre si que quería dicir aquilo de resucitar de entre os mortos.
Meditación
Coincidindo co seu bautizo cando estaba con Xoán Bautista, Xesús tivo unha fondísima experiencia de sentirse fillo benquerido de Deus e irmán universal, ata o punto de entender a súa vida como un servizo a toda esa xente irmá. Esa maneira de vivir a vida tróuxolle moitas satisfaccións e non poucos traballos tamén. Necesitaba volver a aquel encontro con Deus, a aquela fonte de vida que o mantiña vivo e con empuxe. Facíao con frecuencia. Neste caso faino na compaña de tres dos seus amigos íntimos. Xesús revive a antiga experiencia do bautismo, e o rostro castigado pola tensión da vida recupera frescura e esplendor. Daba gusto velo. Contaxiaba paz, ilusión. Os discípulos séntense envoltos nesa atmosfera positiva: “que ben estamos aquí”. Aquilo era un soño! Aquilo era a gloria, ou un adianto dela! Comparten o convencemento de que Xesús era fillo benquerido de Deus, e séntense animados a facerlle caso, aínda que as propostas de Xesús lles soasen a duras e arriscadas. Foi unha xornada espléndida que os animou a todos a seguir co empeño solidario a fondo que traían entre mans.
Todas, todos nós necesitamos destes momentos intensos que nos axuden a recuperar a ilusión pola vida, a ilusión pola vida de parella, polo coidado e educación da crianza, polo traballo, pola participación comunitaria, pola responsabilidade política etc. Todas, todos necesitamos tempos de sosego, de silencio, nos que escoitar voces fondas que nos avivezan os amores primeiros, que nos recorden o mellor de nós mesmos, que nos aproximen ás nosas fontes vitais, que nos aproximen ao Deus que nos ama tamén como fillas e fillos únicos, que nos acheguen a esa conciencia fonda de sermos irmáns, irmás, e que nos animen a vivir como tales. Todos e cada un, cada unha de nós somos fillas e fillos únicos de Deus; todos, todas facemos a súa grande familia.
Oración
Que ben estamos aquí!Gozando da túa presenza, Xesús,véndote humildemente glorioso,sabéndote amado a fondo por Deus,adiviñándote decidido a levar ata o final a túa tarefa!Que ben estamos aquí!Sentíndonos enrolados contigo,admirando a túa valentía,agradecendo a túa consideración connosco!Que ben estamos aquí!fortalecéndonos contigo para os nosos compromisos,descubríndonos collidas da man por ti,para a tarefa solidaria á que nos temos apuntado!Que ben estamos aquí!Pero hai que saír á rúa,seguir tecendo solidariedades,a gusto ou a desgusto de quen manda,ata a irmandade total!Que ben estamos aquí, Xesús!
Acción
¿Hai momentos nos que pasamos por dúbidas e tensións respecto ao que consideramos correcto facer por sermos persoas cristiás? ¿Qué facemos neses casos? ¿Buscamos fortalecernos acudindo ás nosas fontes, á nosa Fonte?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.