7 de agosto: Domingo 19º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Sab 18, 6-9. Salmo 32, 1 e 12. 18-19. 20 e 22.
2ª lectura: Heb 11, 1-2. 8-19.
Evanxeo: Lc 12, 32-48
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o reino. Vendede os vosos bens e dádeos en esmola, facede bolsas que non se estraguen, un tesouro inesgotable no ceo, onde o ladrón non pode chegar e onde a traza non o bota a perder. Pois onde está o teu tesouro, está o teu corazón.
Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; sede coma os que agardan que volva o seu amo da voda, para que, cando chegue e chame, lle poidan abrir. Ditosos os criados a quen o amo atope agardando cando chega. Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos á mesa e serviraos un por un. Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles. Entendede ben: se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén vós: estade preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do home.
Díxolle Pedro:
—Señor, ¿a parábola que acabas de contar vai por nós ou por todos en xeral?
Contestoulle o Señor:
—¿Quen é, logo, o administrador fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado da servidume, para lle dar a seu tempo a ración de trigo? Ditoso o criado aquel a quen o seu amor, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda. Pero, se o criado aquel di para si: “O amo aínda non vén por agora”, e empeza a mallar nos criados, comendo e bebendo ata se emborrachar, o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o amo do criado aquel, e botarao fóra cos infieis. O criado que, coñecendo as vontades do amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus; pero o que non os coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levará poucos. A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.
Meditación
Camiñando cara a Xerusalén, Lucas séguenos ofrecendo palabras e feitos que nos axudan a medrar como persoas e como comunidade cristiá. Estamos preocupados por acertar nos camiños que nos leven a unha experiencia cristiá sólida, a unha axeitada construción da comunidade e a un bo servizo ao noso pobo, á nosa sociedade. O Evanxeo de hoxe ábrenos camiños ben interesantes. Acollámolo con boa disposición, coma bos seguidores/as de Xesús.
No mundo hai medos, na comunidade cristiá hai medos, cada un/unha de nós levamos medos no corazón. Un elemento importante da constitución humana, desde sempre, é ter medos, e, polo tanto, buscar a maneira de protexerse deses medos. Xesús ofrécenos un camiño para iso. Invítanos a non ter medos: “Non teñas medo, miña grea pequena”, e dános a maneira principal para conseguilo: “O Pai compraceuse en darche o Reino”; é dicir, estamos baixo a ollada benevolente, gratuíta, xenerosa de Deus; as cousas no fondo non dependen de nós, están en boas mans. Podemos confiar.
Xesús tamén nos ofrece un camiño para construír esa confianza, que non cadra coas maneiras que habitualmente escollemos para ter confianza e vencer os medos. Nós intentamos vencer os medos acumulando: cartos, poder, prestixio, afectos, mando, enchufes, relacións co poder, privilexios. É esta unha tentación grande, na que con frecuencia caemos como persoas e como comunidade cristiá, como Igrexa. O camiño de Xesús vai por outro lado, e pódenos chamar moito a atención. A confianza, a victoria sobre os medos, adquírese vendendo os nosos bens, é dicir, o contrario de acumular, compartindo, abríndonos ao comunitario, establecendo relacións sólidas de amizade, de fraternidade. Iso permite facernos con bolsas que non se estragan, con tesouros que ninguén rouba. O corazón posto no comunitario, na fraternidade, no servizo, é un corazón saneado, limpo, libre, ousado, valente, sen medos. Hai aquí un grande reto para cada un, para cada unha de nós, para a nosa comunidade cristiá, para a Igrexa enteira. Hai moita xente na Igrexa que se ten lanzado a esta aventura de Xesús. Son un referente vivo para nós, sobre esas persoas descansa o futuro da Igrexa.
A total confianza en Deus, como que todo depende del, non nos priva do traballo diario, como se todo dependese de nós. As palabras de Lucas, dirixidas a unhas comunidades que vían que iso da volta gloriosa de Cristo se alongaba, válennos tamén para nós: poñerse roupa de traballo, ter as lámpadas acesas e estar en vela. A confianza non casa coa vagancia, senón con ser espelidos/as e esixentes. O momento presente chámanos a unha viva participación no persoal, no comunitario, no social. Deus estanos petando á porta de moitas maneiras imprevistas, solicitando a nosa atención, a nosa colaboración. As palabras do Papa Francisco poden ser a voz de Deus para nós hoxe. Pero tamén o poden ser o clamor da xente parada, o medo crecente dos/das inmigrantes de cor, a corrupción repetida dos representantes públicos, a soidade de moitos velliños/as nas aldeas e nas cidades, a anguria de quen se sabe cun cancro destrutor, as bágoas, golpes e feridas da muller maltratada, ou o desconcerto dos presos e presas que teñen a vida hipotecada quizabes para sempre. Con confianza, con paz, sumarse ao grupo das persoas loitadoras, arroupándonos para que o cansazo, aínda que nos fira, non nos destrúa.
Lucas ofrécenos tamén unhas palabras de aviso para as persoas que tiñan autoridade nas comunidades, a autoridade do servizo, que corrían o risco de convertela en autoridade de poder e de dominio. Algo que nos vale perfectamente para os tempos de hoxe. Os xeitos do mundo poden tentar aos líderes das Igrexas, curas, bispos, Papa. O Papa Francisco estanos avisando moito sobre diso. Quere pastores que non teñan aires de príncipes, que cheiren a ovella, que estean metidos no pobo, entendendo e compartindo as súas angustias, medos e felicidades. É tarefa de todos/as conseguir que as nosas comunidades estean presididas por persoas que teñan o estilo de Xesús. É tarefa de todos/as, porque todos, todas, podemos colaborar, denunciar, esixir, apoiar, para que as cousas da autoridade vaian por onde Xesús coa súa vida nos ensinou que fosen.
A Eucaristía de cada domingo, no que ten de palabra e de experiencia comunitaria ao redor de Xesús servidor, pódenos axudar moito a irnos enchoupando do Espírito de Xesús.
Preces
NON TEÑAS MEDO, MIÑA GREA PEQUENA (meu rabaño pequeno)
Que vivamos confiadas/os, Señor, abríndonos contigo a Deus, á súa forza de amor sen mesura, á súa capacidade de alento e de consolo. Oremos.
Que coa túa forza e compaña saibamos desapegarnos do diñeiro, do poder, dos enchufes, para sermos libres a fondo e boas servidoras do comunitario sempre. Oremos.
Que grazas a ti acertemos a mesturar confianza e espírito de loita, implicándonos a fondo na honradez e na lealdade que nos constrúen como persoas, como comunidade, como pobo. Oremos.
Que o Espírito nos manteña en vela, Señor, atentas/os ao teu paso, á túa chamada nas vidas das persoas máis feridas pola crise. Oremos.
Que saibamos traballar e descansar, ordenarnos e relaxarnos, espabilarnos e confiarnos ante calquera circunstancia da vida, sabéndonos sempre nas mans de Deus. Oremos.
Que guiadas/os por ti, Xesús, construamos comunidades fraternas, con curas fieis e prudentes, que non señoreen nin abusen, e que coiden a comunidade con esmero, sobre todo as persoas máis débiles dela. Oremos.
Oración
Cando menos o espere, meu Deus,estarás petando á miña porta.Que teña a humildade e valentíade abrircha sen receos.Cando menos o espere, meu Deus,ofrecerasme a túa cálida compaña.Que saiba acollela e gozala,agradecela e compartila con quen precise dela.Cando menos o espere, meu Deus,oirei a voz da túa crítica e corrección.Que non me negue a escoitalapor moito que me revolva e me esixa.Cando menos o espere, meu Deus,sentireite ao meu lado,descubríndome con sinxeleza os camiños da solidariedade.Que saiba seguilos con empeño e fidelidade.Cando menos o espere, meu Deus,de día ou de noite,na dor ou na festa,na soidade ou na compaña da xente,cando estou rezando ou cando ando nos trafegos da vida,ti sempre aí, ao meu carón,velando pola obra das túas mans.Cando menos o espere, meu Deus, ...Só ti me podes dar luz para adiviñarte,afecto e paz para acollerte,vontade e forza para seguirte.Dáma! E dásma, que iso é o teu.Canto cho agradezo!
Acción
¿Qué podemos facer para non andar tan despistados/as pola vida, e poder acoller as visitas de Deus, escoitar as súas palabras, o que nos di a través das persoas e acontecementos que nos rodean? Igual nos axudaría dedicar cinco minutos cada día a estar en silencio escoitando o noso corazón, escoitando as voces do día que vivimos.
8 de agosto: Luns da 19ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Dt 10, 12-22. Salmo: 147, 12-13. 14-15. 19-20
Ano 2: 1ª lectura: Ez 1, 2-5. 24-28c. Salmo: 148, 1-2. 11-12ab. 12c-14a. 14bcd
Evanxeo: Mt 17, 22-27
Nunha ocasión, andando por Galilea Xesús cos seus discípulos, díxolles Xesús:
—Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán, pero ao terceiro día resucitará.
Eles ficaron moi tristes.
Cando chegaron a Cafarnaúm, achegáronse a Pedro os cobradores da contribución do templo e preguntáronlle:
—¿O voso mestre non paga a contribución?
El respondeulles:
—Si que a paga.
E, cando chegaron á casa, Xesús adiantouse a dicirlle:
—¿Qué che parece, Simón? Os reis da terra, ¿a quen cobran as taxas e contribucións, aos fillos ou á xente allea?
Ao responder Pedro que á xente allea, Xesús concluíu:
—Polo tanto, os fillos están exentos. Sen embargo, para non ser ocasión de escándalo, vai ao mar, bota o anzol, pilla o primeiro peixe que pique e ábrelle a boca; alí atoparás unha moeda. Cóllea e entrégaa por min e máis por ti.
Meditación
Con maneiras propias, en parte, dos evanxeos apócrifos, tan dados á fabulación, o evanxelista posiblemente aborda un problema co que se atoparon as primeiras comunidades cristiás que aínda non romperan coas prácticas relixiosas do xudaísmo: ¿deberían pagar ou non o tributo destinado ao coidado do templo? Por seren fillos de Deus e non xente allea, entendían que non tiñan por que pagar; pero pagarían por non montar un escándalo.
Nós hoxe, por sermos fillos e fillas de Deus, e nunca xente allea a el, por considerar a toda a cidadanía xente irmá, sexan ou non sexan crentes, entendemos que debemos pagar os distintos impostos que na nosa sociedade democratizada se estipulen, porque é unha maneira de facer algo de reparto de bens e de que a xente máis pobre poida gozar dos servizos básicos para unha vida digna. E indignámonos contra as formas de goberno que toleran que a xente máis poderosa evada pagar impostos, que se toleren paraísos fiscais, etc. Sentirnos fillos e fillas de Deus, sentirnos irmáns e irmás dálle unha forza a maiores a esa obriga democrática de socializar algo polo menos os nosos bens.
Oración
Así nos fala Xesús:Deixemos, irmáns, irmás,que o evanxeo se cole en todos os nosos comportamentos.Sexamos responsables e xust@sá hora de gañar o noso diñeiro.Sexamos persoas honradas e solidariasá hora de pagar os nosos impostos.Non nos neguemos nin trampeemos,paguemos,e esixamos que todo o mundo pague,máis, loxicamente, canto máis rico cada un sexa.Está en xogoa vida digna de moita xente,Está en xogoo cerne mesmo da nosa experiencia relixiosa,pois tal como nos solidaricemos co irmán ou irmá pobre,así de feito nos solidarizamos con Deus,así o respectamos e servimos.
Acción
Podemos revisar como nos comportamos con iso de pagar impostos, de pagar ou non en negro, de darlle ou non importancia aos comportamentos cidadáns e de políticos que se corrompen evadindo impostos. ¿Somos legais en todo? ¿Loitamos por sistemas máis xustos de pagar impostos?
9 de agosto: Festa de Santa Tareixa Benedicta da Cruz (Edith Stein) co-patroa de Europa
1ª lectura: Os 2, 16b. 17b. 21-22. Salmo: 44, 10. 11-12. 16
Evanxeo: Mt 25, 1-13
Unha vez díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—O reino dos ceos parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco eran parvas e cinco, asisadas. As parvas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as asisadas, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as parvas dixéronlles ás asisadas: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as asisadas: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.
Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.
Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.
Meditación
Edith Stein (santa Tareixa Benedicta da Cruz) foi declarada co-patroa de Europa polo papa Xoán Paulo II no ano 1999 xuntamente con Santa Catalina de Siena e Santa Bríxida. Edith Stein (1891-1942) foi unha persoa extraordinaria: muller xudía, filósofa, mística, converteuse ao cristianismo despois dun proceso intenso de recuperación da fe que abandonara na primeira mocidade. Fíxose carmelita e da cela do Carmelo Echt en Holanda, a onde fuxira como refuxiada desde Carmelo de Colonia, foi arrebatada polas SS nazis para ser gaseada no campo de exterminio de Auschwitz. Sucedeu o 9 de agosto do 1942.
Compartimos un pequeno texto testemuñal dos tempos nos que Edith Stein se reencontra coa experiencia relixiosa:
“Hai un estado de descanso en Deus, de suspensión total de toda actividade intelectual, no que non se fan plans de ningún tipo, non se sacan conclusións, senón que se abandona todo o porvir á vontade de Deus, entrégase totalmente ao destino. A este estado accedín en parte, despois de que un acontecemento que supera as miñas forzas consumiu por completo as miñas enerxías vitais e me privou de toda actividade. Este descansar en Deus é, con respecto á negación da actividade por carecer de enerxía vital, algo totalmente novo e singular. Aquilo era calma morta. No seu canto, aparece agora o sentimento de estar protexida… e na medida que me entrego a ese sentimento, comeza a encherme cada vez máis unha nova vida… Esta corrente vivificadora aparece como emanación dunha actividade que non é miña.”
Desde logo Edith Stein foi unha das mociñas asisadas que sempre estivo esperta e abastecida para o encontro co Deus da vida.
Oración
Quixera tero corpo, a alma sempre en vilocara a ti, meu Deus,coma Edith Stein.Quixera abrirtodo o meu ser, sen reserva algunha,á túa presenza viva,ao teu envolvente amor,coma Edith Stein.Quixera dobregarmeante todo gozo e dorcon intelixencia e paixóncoma Edith Stein.Quixera andarco rostro erguido, co corazón acesoante a dor, ante a morte inxustacoma Edith Stein.Quixera encheros enormes ocos da miña existenciacun montón de nomes fráxiles,co teu propio nome, meu Deus,coma Edith Stein.Pero son o que son, meu Deus,son o que sonante ti.
Acción
Igual non nos resulta difícil ler algunha pequena biografía de Edith Stein. Hai unha moi breve na colección SINERGIA de Inés Riego. Seguro que nos axudará a coller toda a vida con máis corpo nestes tempos brandos nos que nos toca vivir.
10 de agosto: Festa de San Lourenzo
1ª lectura: 2 Cor 9, 6-10. Salmo: 111, 1-2. 5-6. 7-8. 9
Evanxeo: Xn 12, 24-26
Nunha ocasión díxolle Xesús aos seus discípulos:
—Évos ben certo: se o gran de trigo cae na terra, pero non morre, quedará el só; pero, se morre, dará froito abondoso. Quen se ama a si mesmo pérdese; mais quen se aborrece a si mesmo neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estea eu, estará tamén a persoa que me sirva; e o Pai honrará a quen me sirva.
Meditación
¿Cómo se vai aborrecer unha persoa a si mesmo? ¿Non dicimos que é san e bo ter unha boa autoestima? Non o nega Xesús. Xesús fálanos do erro enorme de poñernos nós, a nosa vida, a nosa realización, o noso coidado como centro de todo, ao redor do cal teña que virar toda a nosa existencia e a de quen viva ao redor noso. A proposta de Xesús para a vida é sempre un construírnos, un mirar por nós, pero desde o servizo, desde o desfacerse, desde o baleirarse no coidado e atención á demais xente; só así, curiosamente, unha vida se vai sentindo chea, ben construída, feliz. Esta foi a súa experiencia que nos ofrece como camiño de vida.
Lourenzo, diácono da igrexa de Roma no século III, compartiu ese sentir de Xesús. Era o encargado de atender as necesidades da xente pobre, enferma, marxinal: realizouse felizmente como persoa atendendo a esas persoas, que eran os verdadeiros tesouros da Igrexa, como lle contestou a quen lle esixía eses tesouros. Matárono por iso, queimándoo vivo nunha grella. Morreu servindo, facéndose gran que cae en terra para dar froito.
Oración
Xesús,contigo, con Lourenzo,quero ser gran de trigo,caído en terra, desfeito,para dar froito.Contigo, Xesús,con Lourenzo,quero aprender esa exquisita lección de vidaque fala de esquecerse,de poñerse en segunda fila,de facerse servidora de quen de min precise,e así, misteriosamente,ir enchendo a miña vidade nomes e de vidas,que dan a felicidade.Cada día,no pequeno e no grande,contigo, Xesús, con Lourenzo,servidor, servidora.
Acción
É ben difícil de librarnos da ansia de poñernos en primeira fila. Podiamos pensar nalgunha cousa concreta na que podemos esquecernos algo de nós atendendo a outras persoas. A base de cousas así poderemos ir cambiando.
11 de agosto: Xoves da 19ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xos 3, 10a. 11. 13-17. Salmo: 113A, 1-2. 3-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: Ez 12, 1-12. Salmo: 77, 56-57. 58-59. 61-62
Evanxeo: Mt 18, 21—19,1
Unha vez Pedro achegouse a Xesús e preguntoulle:
—Señor, cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? Ata sete veces?
Respondeulle Xesús:
—Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.
Por iso o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo facer as contas cos seus servidores. Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía moitos millóns. E, como non atiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el coa muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.
O servidor botóuselle aos pés e suplicáballe:
—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo!
O señor tivo compaixón daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.
Pero, ao saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
—Paga o que me debes.
Botándose aos seus pés, o compañeiro suplicáballe:
—Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.
Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.
Os compañeiros, ao veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ao seu señor todo o que pasara. Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
—Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. E logo, ¿non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecera de ti?
E, todo anoxado, o señor entregouno aos verdugos ata que lle pagase toda a débeda.
Así tamén fará convosco meu Pai celestial se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.
Cando Xesús terminou estes discursos, partiu de Galilea e veu para a terra de Xudea, na outra banda do Xordán.
Meditación
Levamos metido moi dentro un espírito xusticeiro: quen as fai débeas pagar e ben pagadas. Vémolo con frecuencia, cando nos enfrontamos con algunha persoa que fai algunha barbaridade. E aí nos quedamos normalmente. Sen pensar que somos grupo, que somos familia, que somos comunidade. O cal quere dicir que nos debemos uns a outros entre nós, homes e mulleres fráxiles case sempre. Debémonos para a culpa, porque é moi raro que unha persoa actúe con maldade, sen que esa maldade non dependa algo polo menos da influencia da comunidade. E debémonos tamén para o perdón, porque, se me sinto premida a perdoar o próximo, tamén o próximo se sente premido a perdoarme a min.
Non se trata de deixar de exercer a xustiza, senón de entender que, por riba da xustiza, acompañándoa coma un irmán maior, está o perdón, que é o que acaba poñendo as cousas definitivamente no seu sitio: no sitio da irmandade corresponsable, que sabe que o amor pecha máis e mellor as feridas do que a simple xustiza. Deus parece que é así, e a iso nos invita coa palabra e cos feitos de Xesús. Desde logo, non perdoar, sabéndonos perdoad@s, é o colmo da insolencia.
Oración
Bótolle unha ollada á miña vida,ante ti, meu Deus, que todo o coñeces amorosamente,e canto teño de que me arrepentir!Como para non vivirenvolt@ en ansias de perdóns!Como para non ter sempre a mana graza do perdón a quen del precise!Como para non entender as maiores animaladasque calquera ser humano é capaz de facer!Como para non andar pola vida con temor e tremor,apegándome ao ben curador con toda humildade!Como para non achegarme a ti, meu Deus,fonte limpa de toda graza e misericordia!
Acción
¿Témoslle negado o perdón a algunha persoa nalgunha ocasión? ¿Poderíamos retomar o caso con esa persoa dunha maneira diferente? ¿Deixámonos levar polo espírito de condena contra algunha persoa ante casos que vemos na TV ou na prensa? ¿Poderiamos abrandar algo o noso corazón ao estilo de Deus?
12 de agosto: Venres da 19ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xos 24, 1-13. Salmo: 135, 1-3. 16-18. 21-22 e 24
Ano 2: 1ª! Lectura: Ez 16, 1-15. 60.63. Salmo: Is 12, 2-3. 4bcd. 5-6
Evanxeo: Mt 19, 3-12
Unha vez achegáronse a Xesús uns fariseos e preguntáronlle para poñelo a proba:
—¿Estalle permitido a un home repudiar a muller por un motivo calquera?
El respondeu:
—¿Seica non sabedes que o Creador dende o principio fixo o ser humano home e muller, e dixo: “Por iso deixará o home a seu pai e máis a súa nai, unirase á súa muller e serán os dous unha soa carne?” De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto o que Deus xuntou que non o separe a xente.
Preguntáronlle:
—¿E logo como é que Moisés mandou entregar o certificado de divorcio e repudiar a muller?
Xesús respondeu:
—Debido á dureza do voso corazón permitiuvos Moisés repudiar as vosas mulleres; pero ao principio non era así. Asegúrovos que quen repudia a súa muller (agás no caso de que estean malvivindo) e casa con outra, comete adulterio.
Entón dixéronlle os discípulos:
—Pois, se a situación do home respecto á muller é esa, casar non nos fai avío ningún.
El contestoulles:
—Non todo o mundo entende isto, senón aquelas persoas ás que se lles concedeu. Hai homes castrados que naceron así do ventre da súa nai; hainos, porque os fixeron os homes; e hainos, porque eles mesmos se fixeron tales polo reino dos ceos. Quen poida entender, que entenda.
Meditación
A pregunta que se lle fai a Xesús verte machismo por todos os lados. Trátase de se o home podería repudiar a muller por calquera motivo, que podía ser mesmo por non cociñar ben, por roncar de noite etc. Cando Xesús afirma a igualdade radical entre o home e a muller, e que a unión de ambos se configura en seren os dous unha soa carne indivisible, daquela os mesmos discípulos non dubidan en afirmar que, sendo así as cousas, casar non é choio ningún, dado que un non se pode relacionar coa propia muller desde o dominio interesado. Xesús está defendendo abertamente os dereitos da muller ante as pretensións totalitarias do home respecto dela.
Niso temos avanzado, pero non o necesario, como o demostran tantos casos desgraciados que imos coñecendo. A nós hoxe cústanos moito establecer unións firmes, de por vida; consentimos tanto coa propia fraxilidade, que se nos fai difícil manter unións estables, co conseguinte sufrimento para a propia parella e para a crianza habida. Deus non é indiferente á nosa fraqueza, pero ¿é para nós bo vivir sempre baixo a escusa da nosa fraqueza?
O celibato pode ter moitas caras e cores. Xesús foi un célibe contra corrente, para vincularse fondamente a Deus e ao soño dunha humanidade reconciliada. Moitos e moitas teñen seguido os seus pasos. Fermosas as súas vidas, fermosas tamén as de quen casa e ensaia os soños de Xesús na convivencia familiar diaria!
Oración
Bendita a bendita sexualidade!Bendito quen nos creou como seres sexuados!Bendito o pracer do sexo!Bendita a fecundidade do sexo!Benditos os home e mulleres que o viven!Bendito o sexo consentido, respectuoso, amoroso!Bendito o sexo non absolutista, integrado!Bendito o sexo humilde, que non se cre rei e señor!Bendito o sexo fráxil, mendicante!Bendito o sexo que leva a unións consistentes!Bendito o sexo recollido, reconducido en liberdade!Bendito o sexo das persoas célibes, á espera de plenitudes propias e alleas.Bendito Deus, presente en nóscando facemos o amor e cando del libremente nos privamos!
Acción
¿Qué trato estamos tendo coas mulleres coas que convivimos, coas mulleres que, por calquera razón, van cruzando na nosa vida? ¿Temos comportamentos machistas con elas da forma que sexa? ¿Toleramos eses comportamentos, se somos mulleres? Seguro que homes e mulleres poderemos mellorar neste campo?
13 de agosto: Sábado do 19ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xos 24, 14-29. Salmo: 15, 12a e 5. 7-8. 11
Ano 2: 1ª lectura: Ez 18, 1-10. 13b. 30-32. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 18-19
Evanxeo: Mt 19, 13-15
Nunha ocasión leváronlle a Xesús unhas criaturas para que lles impuxese as mans e rezase por elas. Pero os discípulos rifábanlles. Mais Xesús díxolles:
—Deixade que as criaturas se acheguen a min, non llelo privedes, porque delas é o reino dos ceos.
E despois de lles impoñer as mans, marchou de alí.
Meditación
O xesto de Xesús chamaba moito a atención, porque daquela as criaturas non eran nada consideradas, non contaban. Xesús repara niso, e opta, coma sempre, por valorar o que non é valorado, por poñer no centro o que a demais xente nos empeñamos en deixar de lado. Esa era e é a lei básica do seu proxecto de convivencia humana no nome de Deus: da xente cativa, con calquera clase de cativeza, é o reino dos ceos.
Hoxe, entre nós, temos nenos e nenas normalmente supermimadas, superabastecidas de todo tipo de trangalladas, o cal non quere dicir que por iso estean sempre ben queridas e atendidas na súa formación como persoas. E polo mundo adiante, en cambio, hai millóns de nenas e nenos sufrindo todo tipo de carencias, sometidos a todo tipo de explotación (sexo, guerras, órganos, migracións,…). Poñer as criaturas no centro segue sendo hoxe unha elemental e esixente tarefa, que vai máis aló dunha caricia ou dun chucho obrigado.
Oración
Impoñerlles as mans:acariñar as criaturas.Impoñerlles as mans:respectalas na súa identidade e diferenza.Impoñerlles as mans:protexelas na súa inocencia.Impoñerlles as mans:coidar o seu corpo e o seu espírito.Impoñerlles as mans:implicándonos no seu presente, no seu futuro.Impoñerlles as mans:transmitirlles o mellor que levamos dentro.Impoñerlles as mans:abríndoas ao comunitario.Impoñerlles as mans:lembrando nelas as nosas fraxilidades.Impoñerlles as mans:compartindo con elas a grande aperta de Deus..
Acción
¿Cómo nos estamos relacionando cos nenos e nenas da nosa familia, da nosa comunidade? ¿Qué facemos pensando neses millóns de nenas e nenos que viven en situacións tan inhumanas? Como persoas e como comunidade cristiá igual podiamos mellorar a nosa maneira de interesarnos por eles e de tratalos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.