14 de agosto: Domingo 20º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Xer 38, 4-6. 8-10. Salmo: 39, 2. 3. 4. 18.
2ª lectura: Heb 12, 1-4
Evanxeo: Lc 12, 49-53
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Lume vin traer á terra, e que máis quixer eu ca que estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e xa me tarda a hora de que se cumpra. ¿Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non; vin traer división. Pois dende agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres. Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.
Meditación
Por esta vez Xesús vén poñer un punto de incomodidade no medio da nosa posible tranquilidade do verán, das vacacións. Aínda que, contando con que haxa moita xente doída pola situación política, social que estamos vivindo, haberá moitos que acollan estas palabras de Xesús como o que son en verdade: unha auténtica bendición, unha chamada a darlle cara á vida de forma valente e apaixonada, coas consecuencias que iso nos poida traer a nivel persoal, familiar, social.
Supoño que, en xeral, a todos e todas nos chocarán bastante estas palabras de Xesús, que falan de lume, de purificación, de apaixonamento, de tensións, de enfrontamentos, de divisións familiares. É frecuente que teñamos unha vivencia apracible da vida relixiosa, cristiá. O ideal cristián identificámolo moi a miúdo coa paz, coa tranquilidade, coa harmonía, co sosego. Que haxa paz, que non haxa conflitos, nin no interior de cada un de nós, nin no interior das familias, nin na sociedade. E non nos gustan nada xeralmente as persoas alborotadoras, conflitivas, as que crean divisións e enfrontamentos sociais. Parécenos que Deus nos dá a paz e nos chama á paz; e é certo, o mesmo Xesús nolo dicía: “Déixovos a paz, douvos a miña paz”, pero deseguida engadía tamén: “Eu non vola dou como o mundo a dá” (Xn 14,27).
Porque a paz pode ser unha paz falsa. A paz falsa pode ser o resultado obrigado dunha situación de dominio. Os que dominan, os que mandan, os que teñen o poder normalmente reclaman con insistencia esta paz: que esteamos quietiños/as, tranquilos/as, caladiños/as, soportando as cousas como están, que é como mellor están. Para eles, claro. A paz falsa pode ser tamén o resultado dun intento de construírnos como persoas desde nós mesmos exclusivamente, amarrándonos de forma dependente a moitas cousas de consumo, e desentendéndonos en cambio do grande aporte que nos poden dar outras persoas, familiares, veciños, veciñas, crentes, non crentes, desentendéndonos de Deus mesmo. Non hai paz sen humildade. Non hai paz sen comunidade. Por iso tantas veces, á hora da verdade, atopámonos sen paz, rotos/as, desconcertados/as, desesperados/as polo que nos acontece na vida: enfermidades, mortes, paro, rupturas familiares, etc.
Non hai paz da boa, da auténtica, sen conflito, parece que nos quere dicir Xesús. Non hai paz sen apaixonamento. Non se constrúe unha persoa sen pasar por etapas de crise, de enfrontamento, de tensión; pásanos a todos, a todas, na vida. Non se constrúe unha familia sen momentos de disensión, de choque de ideas e de planes; o problema non é discutir, o problema será facelo sen respecto e con actitudes dominantes. Non se constrúe e mellora unha sociedade adaptándose sempre ao que vén dado de vello, senón tirando polas cousas para adiante, descolocando a moitos/as, aos que normalmente están mellor colocados na situación; o malo será cando, coma no momento presente, se descoloca aos que xa estaban en situación de fraxilidade, para afundilos máis. Non se constrúe unha Igrexa, unhas comunidades cristiás novas, sen que haxa conflito, sen que haxa “lío”, como dicía e pedía o Papa Francisco.
O “lío” é bo, pode ser bo, necesario, imprescindible. O conflito pode ser bo, necesario, imprescindible. Dínolo Xesús. Xesús foi un “liante”, aínda que nos custe dicilo e aceptalo. Xesús foi unha persoa conflitiva, aínda que nos custe tamén dicilo e aceptalo e esteamos constantemente rebaixando ao mínimo este aspecto sobranceiro de Xesús. Foi un “liante” apaixonado, desde o amor, desde a solidariedade, desde a dor pola sorte da xente máis débil e marxinada, desde o lume prendido no seu corazón polo lume grande de Deus que el veu traer á terra. E Xesús invítanos a entrar nesta vivencia apaixonada da existencia humana, da vivencia relixiosa.
A celebración eucarística é un espazo de paz e de concordia, un espazo de comuñón. Pero un espazo tamén no que resoa con forza a memoria do Xesús conflitivo, morto, asasinado polos poderosos, e resucitado por Deus. Un espazo provocativo, como provocativas eran as palabras de Xesús. O lema do cristián non é fuxir do conflito, senón integrarse nel, se fai falla, e con forza, con paixón, para que o pan, a paz, o respecto, a consideración, os dereitos cheguen por igual ás casas de todos os veciños e veciñas. E a iso nos convida Xesús, apaixonadamente tamén.
Preces
QUE NOS DEIXEMOS, XESÚS, EVANXELIZAR POR TI
Para sermos contigo persoas mansas e humildes, pero tamén valentes e arriscadas. Oremos.
Para sermos contigo xente de paz e xente de conflito, non por desequilibrios propios, senón polo empuxe do Espírito en nos. Oremos.
Para non calar contigo ante calquera inxustiza que se dea ao noso redor, e implicarnos en todo o que ampara á xente máis débil. Oremos.
Para sabermos, coma ti, expresar as nosas ideas e convencementos sen medo, dispostas a dialogar, pero sen deixarnos amedrentar. Oremos.
Para contribuír contigo ao cambio necesario na nosa parroquia, na comunidade cristiá, na Igrexa, de xeito que a Boa Nova de Deus alede e renove a xente toda e a encha de esperanza para a vida. Oremos.
Oración
Con paz,con moita paz,no corpo e no máis íntimo,na familia e na comunidade,na sociedade e no mundo.Pero non a pazcomo a dá o mundo,segundo ti dicías, Xesús,senón a paz conforme ti es capazde vivila e compartila,de dálaa quen che abre o corazón e a vida.O tensión, o conflito,mesmo o enfrontamento,necesario para medrar, para avanzar,para eliminar desamaños e abusos,para abrir mundos novos,para iluminar esperanzas.Pero non o conflitocomo nós o construímos tantas veces,en base a intereses egoístas de persoas,de grupos sociais e países,que frecuentemente repiten historias sabidas,vellas formas de dominio,con aparencias de novidade.Paz e conflito da man,sosténdose mutuamente,como ti, Xesús,dunha maneira tan persistenteo soubeches facer.Contáxianos, Xesús.
Acción
¿Estamos sendo en algo persoas conflitivas? ¿Ou somos tan adaptados, tan indiferentes, que nada nos move nin nos conmove? Se estamos enredadas nalgún conflito, ¿vivímolo ao estilo de Xesús? ¿Podemos avanzar algo nisto?
15 de agosto: Solemnidade da Asunción de Santa María
1ª lectura: Ap 11, 19a; 12, 1-6a. 19ab. Salmo: 44, 10. 11-12. 16
2ª lectura: 1 Cor 15, 20-27a
Evanxeo: Lc 1, 39-56
Naqueles mesmos días saíu María con moita présa camiño da montaña a unha vila de Xudea. Entrou na casa de Zacarías e saudou a Sabela. E, en oíndo Sabela o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Sabela a grandes voces:
—Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre. ¿Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois, ao que chegou o teu saúdo aos meus oídos, a criatura brincou de alegría no meu ventre. Ditosa ti, que criches que se cumpriría canto che anunciaron de parte do Señor!
Entón María exclamou:
—A miña alma proclama a grandeza do Señor, e o meu espírito alégrase en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escraviña. Velaí, dende agora todas as xeracións me van felicitar. O Poderoso fixo en min marabillas! O seu nome é santo, a súa misericordia chega xeración tras xeración a toda a xente que o respecta.
Manifesta o poder do seu brazo desbaratando os plans dos soberbios. Derruba do seu trono os poderosos e fai subir a xente humilde; enche de bens os famentos e despide baleiros os ricos.
Ampara a Israel, o seu servidor, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera a nosos pais, en favor de Abraham e da súa descendencia para sempre.
María permaneceu con ela tres meses e logo volveu para a súa casa.
Meditación
Hoxe celebramos a asunción, o empoderamento dunha muller, dunha muller de aldea, dunha muller humilde, que non pertencía para nada ao mundo do poder e que mesmo era vítima dese mundo. A grandeza de María é a grandeza de quen na súa pouca cousa se fía absolutamente de Deus e deixa que a súa vida sexa unha vida totalmente plena de Deus, dos regalos de Deus, das grazas de Deus. E de María naceron marabillas, a primeira delas a marabilla do seu fillo Xesús, que tanto, tanto lle agradecemos.
Aparece María visitando a súa parente Sabela e compartindo con Sabela a súa experiencia de persoa crente e dada a Deus. As dúas mulleres enténdense á perfección, porque as dúas andaban na mesma onda do Espírito. E xorde a ledicia, a felicitación, o canto. E descobren e honran a Deus que repara no humilde, que se sitúa na vida, na historia, do lado da xente pequena, que aborrece os poderes que esmagan a xente, e que aposta por facer digna e gloriosa a vida das persoas e dos pobos ignorados. Deus lembrándose sempre da súa misericordia! Deus cun corazón sen medida, que acolle a israelitas e non israelitas nunha mundial aperta fraterna!
María é o signo e mostra de toda esta marabilla. María, con Sabela, invítannos a entrar neste soño, a vivilo e a gozalo.
Oración
Bendicímoste, María,por seres muller de aldea,entre dores e pobrezas!Bendicímoste, María,muller a Deus sempre aberta,na túa graza e fraqueza!Bendicímoste, María,por acolleres o Espírito,autor da túas belezas!Bendicímoste, María,por concibir e criaro fillo por excelencia!Bendicímoste, María,pola cantiga de gloriaa Deus na xente pequena!Bendicímoste, María,pola caricia de Deushonrando a túa beleza!Bendicímoste, María,Santa María do pobo,orgullo da nosa Terra.Bendicímoste, María,por compartires connoscotanta graza e tanta festa!
Acción
Seguro que teremos oportunidade de participar hoxe dalgunha festa popular na honra de Santa María. Fagámolo co espírito de María: agradecendo e compartindo a graza que levamos dentro, participando nos gozos humildes, alentándonos a situarnos na vida do lado do pequeno, como Deus mesmo fai.
16 de agosto: Martes da 20ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xuí 6, 11-24a. Salmo: 84, 9. 11-12. 13-14
Ano 2: 1ª lectura: Ez 28, 1-10. Salmo: Dt 32, 26-27ab. 27cd-28. 30. 35cd-36ab
Evanxeo: Mt 19, 23-30
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Asegúrovos que á xente rica lle vai ser ben difícil entrar no reino dos ceos; repítovolo: élle máis doado a un camelo pasar polo ollo dunha agulla que a unha persoa rica entrar no reino dos ceos.
Oíndo aquilo, os discípulos comentaron abraiados:
—Pero, logo, ¿quen se vai poder salvar?
Mirando para eles fixamente, díxolles Xesús:
—Si, para a xente é imposible, pero para Deus todo sé posible.
Entón interveu Pedro dicindo:
—Pois nós deixámolo todo e seguímoste. ¿Qué nos vai tocar?
Xesús respondeu:
—Asegúrovos que, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, vós, os que me seguistes, sentaredes en doce tronos para xulgardes as doce tribos de Israel. E toda persoa que por min deixou casas ou irmáns e irmás, ou pai ou nai, ou fillos e fillas ou leiras, recibirá cen veces máis e herdará a vida eterna. Hai moitas persoas que son as primeiras e serán as últimas, e moitas que son as últimas e serán as primeiras.
Meditación
De novo unha proposta de Xesús que nos descoloca: a xente rica vaino ter moi difícil para entrar no reino de Deus; é dicir, para sentir como Xesús sente, para enredarse nas súas historias de irmandade real, para atopar niso o gran gozo da súa vida, a súa “salvación”. Se isto resulta chocante para nós, moito máis o era para a xente daqueles tempos, que tiñan moi metido na cabeza que a riqueza era unha bendición de Deus, e que, ao revés, a pobreza era coma un castigo de Deus.
Podemos ser persoas ricas de moitas maneiras. Desde logo somos ricas se posuímos moitos bens, moito diñeiro; os bens e o diñeiro pódennos afogar a vista, o corazón, para non entender que o máis fermoso da vida é ver a demais xente coma irmá e tratala en todo coma tal. Tamén podemos ser persoas ricas sendo máis ou menos pobres, se temos o corazón cego pola chulería, pola ansia de posuír, de aparentar, de ter poder, e non vivimos a nosa pobreza coma un camiño que nos leve a facernos máis solidarios uns dos outros e a construír unha convivencia nova na parroquia, no pobo, baseada na unión, na colaboración, na defensa da nosa vida, dos nosos dereitos.
A renuncia a sermos persoas ricas desa maneira supón abrirnos a outras riquezas maiores, que se nos ofrecen gratuitamente nunha morea de relacións marcadas polo agarimo e pola solicitude mutua.
Oración
Todo é posible para ti, meu Deus.É posibleliberarme do atractivo dos cartos, do poder, do figurar.É posibledescubrirme o atractivo maior da pobreza solidaria.É posiblegozar co gozo humanísimo de tratarme con calquera persoa coma irmá.É posiblevivir feliz contracorrente, porque me sae da alma.É posiblesoñar cunha terra nova, cun ceo novo.É posibledescubrirte, meu Deus, coma un Deus rompedor,que abres camiños novos de felicidadee nos dás forzas para avanzar por eles.Todo é posible.Grazas, meu Deus.…….Todo é posible para ti, meu Deus.É posibleliberarme do mal xenio co que trato á xente da casa.É posiblerenunciar o rancor que manteño con ese veciño que ben sabes.É posibleaprender a perdoar a quen tanto me custa.É posibletermar das poucas unións que se dan entre a veciñanza.É posibledeixar de actuar coma un comenencias.É posiblesoñar co común e construílo pouco a pouco.É posibleverte a ti ao noso lado coma alguén que nos ama,nos comprende e nos acompaña sempre.É posible.Grazas, meu Deus.
Acción
Podemos pensar nalgunha cousa boa á que razoablemente nos gustaría chegar, pero da que desistimos, porque non confiamos nas nosas forzas. ¿Sería posible conseguila cambiando de actitude, fiándonos máis de nós mesmos/as, da xente que nos rodea, do Deus que sempre nos acompaña? Tentémolo, a ver.
17 de agosto: Mércores da 20ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xuí 9, 6-15. Salmo: 20, 2-3. 4-5. 6-7
Sano 2: 1ª lectura: Ez 34, 1-11. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5-6
Evanxeo: Mt 20, 1-16
Nunha ocasión Xesús contoulles aos discípulos esta parábola:
—O reino dos ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar persoas que andasen ao xornal para a súa viña. Axustou con elas o xornal dun denario e mandounas á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outras persoas sen traballo na praza. E díxolles:Ide vós tamén á miña viña e dareivos o xusto.
Elas foron. De novo saíu polo mediodía e pola tarde, e fixo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña; atopou outras persoas paradas na rúa e díxolles:
—Pero, ¿qué facedes aquí todo o día sen traballar?
Eles responderon:
—É que ninguén nos contratou.
El díxolles entón:
—Ide vós tamén á miña viña.
Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ao administrador:
—Chama os xornaleiros e xornaleiras e págalles o xornal; empezas polas últimas e acabas polas primeiras.
Chegan as da derradeira hora e dálles un denario a cada unha. Cando chegaron as primeiras coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo, murmuraban contra o propietario:
—Esas, as derradeiras persoas, traballaron unha hora só e trátalas igual ca nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.
Pero el replicoulle a unha delas:
—Amiga, non che fago ningunha inxustiza. ¿Non axustamos un denario? Pois colle o teu e vaite. E logo, se quero darlle á última igual ca a ti, ¿non teño dereito a facer o que quero co que é meu? ¿Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros e os primeiros serán os últimos.
Meditación
Estamos ante unha parábola que nos introduce, coma ningunha outra, na cerna da mensaxe e do estilo de vida de Xesús. Paga a pena pararse a fondo ante este relato. Remoelo ben, deixar que nos invada e que nos afecte en todas as dimensións do noso ser. Deus é universal e non se limita a certas culturas e tradicións relixiosas. Deus é espléndido, desmedido, cun corazón sen límites, que non se rexe por criterios humanos de xustiza, senón polo afán louco de que todos os homes e mulleres do mundo poidan gozar da súa esplendidez.
Este evanxeo invítanos a non desesperar polo pouco que poidamos ter feito ou esteamos facendo por entrar na onda de Xesús, na onda de Deus. Invítanos a non desprezar a ninguén; é raro que en algo polo menos non andemos todos, todas, buscando o rostro de Deus, aínda que sexa por camiños raros. Invítanos a entrar na esplendidez de Deus, gozando dela e practicándoa coa demais xente. Invítanos a non pechar portas antes tempo. Invítanos a apuntarnos á proposta de Xesús, canto máis antes mellor, porque canto máis antes o fagamos, máis antes tamén viviremos mellor a nosa vida cos seus gozos e traballos. ¿En que consiste esa esplendidez de Deus? Non o sabemos ben, intuímolo. Xesús é o mellor exemplo da esplendidez de Deus. Este evanxeo invítanos a vivir espelidas cara todo tipo de solidariedade ao estilo de Xesús e a morrer confiadamente nun Deus que nos sorprenderá pola súa inmensa xenerosidade.
Oración
“¿Ou é que ti ves con mal olloque eu sexa bo?”¿Ves con mal ollo que eu te queira tantísimoa pesar da túa vida en tantas cousas desamañada?¿Ves con mal ollo que eu me arrime con tenruraa tantas persoas da rúa abandonadas, alcohólicas, perdidas?¿Ves con mal ollo que non desespere amorosamentedos que xogan coa dignidade das criaturas máis débiles?¿Ves con mal ollo que me arrime coma unha naia quen rexeita a miña preferida xente refuxiada?¿Ves con mal ollo que me afane tolamentepor incluír e non rexeitar, por abrir e non pechar, nunca, en nada?¿Ves con mal ollos que cada mañá, mediodía ou tardiñasaia incorporar xente para a irmandade realcoa mesma paciencia, coa mesma paixón?¿Ves con mal ollo que chame incansablemente á túa porta,esperando de ti un chisco de loucura amorosa, servidora?
Acción
Podemos mirar a ver se nalgún aspecto, con algunha persoa ou grupo social, somos dad@s a excluír, a marxinar, a desatender, porque xa damos a cousa por perdida. Retomamos iso desde o talante que Xesús nos propón no nome do Deus no que el cre.
18 de agosto: Xoves da 20ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Xuí 11, 29-39a. Salmo: 39, 5. 7-8a. 8b-9. 10
Ano 2: 1ª lectura:Ez 36, 23-28. Salmo: 50, 12-13. 14-15. 18-19
Evanxeo: Mt 22, 1-14
Nunha ocasión Xesús faloulles de novo en parábolas aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo, dicíndolles:
—Parécese o reino dos ceos a un rei que celebrou o casamento do seu fillo. Mandou os seus criados que fosen chamar pola xente convidada á voda, pero a xente non quixo ir. Volveu mandar outros criados encargándolles que lle dixeran á xente convidada: “Teño preparado o banquete, xa matei os becerros e outros animais cebados; todo está disposto, vide á voda!”. Pero a xente non lle fixo caso; houbo quen marchou para as súas leiras, houbo quen foi aos seus negocios, e os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.
Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos seus criados: “A voda está preparada, pero a xente convidada non a merecía. Así que ide ás encrucilladas dos camiños e a canta xente atopedes convidádea á voda”. Saíron os criados aos camiños e xuntaron a toda a xente que foron atopando, boa e mala, de xeito que a sala da voda encheuse das persoas convidadas.
Cando entrou o rei para saudar a xente convidada, viu un home que non vestía traxe de voda e díxolle: “Amigo, ¿como entraches aquí sen traxe de voda?” El ficou caladiño. Entón o rei díxolles aos camareiros: “Atádeo de pés e mans e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”. Porque son moitas as persoas chamadas, pero poucas as escollidas”.
Meditación
Unha parábola dura para os xefes relixiosos xudeus daqueles tempos, que co seu pobo foron invitados á festa do amor que Deus ofrecía na persoa de Xesús, o noivo. Enredados coas súas leiras, cos seus negocios, coas súas seguridades, coas súas ideas relixiosas, coas súas comenencias, co seu medo ao novo de Deus, rexeitaron a invitación, e priváronse a si mesmos da gran experiencia de amor festivo, comunitario, concreto e universal, que Xesús ofrece como don e como tarefa.
Parábola tamén clara e esixente para todos e todas nós, persoas cristiás do tempo presente. Somos xente que, sen dúbida, en moitas ocasións estamos tan enredada en mil ocupacións, tan absorbida por unha vida branda, tan desconfiada xa de que de Deus, de Xesús, nos poida chegar algo atractivo, bo para as nosas vidas, que rexeitamos as invitacións de Deus, e ímonos excluíndo do gozo de vivir envoltos en amores, traballando amores, celebrando amores.
Oración
Bo oficio e beneficio o que me deches, meu Deus!Todo ten que ver con casamentos,con unións íntimas e encontros animadores,con compartir mesas comúns e alentos solidarios,sempre, en todo, sen límite ningún.Así es ti de espléndido e xeneroso!E andar, claro, con traxe de vodas,co corpo áxil, aceso, case transfigurado,co espírito en amores recios,simples, intelixentes, cotiáns, verdadeiros,facendo do común a lei de vida.Converterme así gustosamenteen vivo anunciador/a da felicidade que nos xunta,co paso lixeiro que só ti, meu Deus,es quen de darme.Bo oficio e beneficio o que me deches, meu Deus,gustador/a e anunciador/a de vodas!
Acción
Se nos paramos un pouco, podemos ver que nos chegan moitas invitacións a cousas de unión, de solidarizarse, de mesturar vidas, gozos, traballos… Son coma os criados e criadas de Deus que a diario nos traen a súa invitación á festa do amor. ¿Andamos ao quite, para acoller esas invitacións e entrar na rolda de Deus? Seguro que poderemos mellorar moito niso.
19 de agosto: Venres da 20ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rut 1, 1. 3-6. 14b-16. 22. Salmo: 145, 5-6. 7. 8-9a. 9bc-10
Ano 2: 1ª lectura: Ez 37, 1-14. Salmo: 106, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
Evanxeo: Mt 22, 34-40
O fariseos, cando oíron que Xesús lles tapara a boca aos saduceos, reuníronse e un deles, que era xurista, preguntoulle, para poñelo a proba:
—Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei?
El respondeulle:
—“Amarás o Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento”. Este é o mandamento primeiro e mais grande. O segundo é semellante a el: Amaras o teu próximo como a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e máis os Profetas.
Meditación
Xesús, bo herdeiro da mellor tradición relixiosa do seu pobo, tiña moi claro que o amor a Deus, por moi intenso que fose, e precisamente por selo, non se podía arredar nunca do amor ao próximo, ata o punto de que este, o amor ao próximo, é o que demostra a autenticidade do amor a Deus. Nós, onte coma hoxe, empeñámonos en arredar estes dous amores, e así podemos rezar, ir á Misa, cumprir –como dicimos— cos nosos deberes relixiosos, e ao tempo despreocuparnos da xente que precisa de nós. ¡Como se o primeiro deber relixioso non fose precisamente ese de mirar pola xente vulnerable que nos rodea, na familia, na parroquia, na sociedade, no mundo. Hoxe falamos de “mística de ollos abertos”; é dicir: ser unha persoa verdadeiramente apaixonada por Deus, pero cos ollos, co corazón, coa vida totalmente aberta ás persoas que rodean, con ánimo de acollelas, acompañalas, servilas.
Oración
Que a túa verdade, Xesús,prenda en min.Prenda en min o teu estilo,a túa autenticidade,o teu cego empeño por Deuse o teu cego empeño pola xente:gozar sabéndome fillo ou filla de Deuse comprometerme con humildadecon esa dignísima condición miña;gozar sabéndome irmán, irmá,de calquera persoa coa que me cruce na vida,e comprometerme con afoutezana tarefa preciosa de vivir en irmandade.Así, así,así me gustaría ser eu ao teu carón, Xesús.
Acción
¿Cómo estamos levando nós esta dobre paixón que enchía o ánimo de Xesús?
¿Cómo o vivimos? ¿En cal das dúas coxeamos máis? ¿Qué podemos facer para mellorar algo?
20 de agosto: Sábado da 20ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rut 2, 1-3. 8-11; 4, 13-17. Salmo: 127, 1-2. 3. 4. 5
Ano 2: 1ª lectura: Ez 43, 1-71. Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14
Evanxeo: Mt 23, 1-12
Nunha ocasión díxolle Xesús á xente e aos seus discípulos:
—Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e máis os fariseos. Facede, logo, e cumpride canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta, porque falan pero non cumpren. Atan fardos pesados e cánganos nos lombos da máis xente, pero eles nin un dedo poñen para os mover. Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando as filacterias e as franxas dos seus mantos; buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas; que lles fagan reverencias nas prazas e que os chamen mestres.
Pero vós non vos fagades chamar mestre, pois un só é o voso mestre e todos vós sodes unha irmandade. E a ninguén chamedes pai ou nai na terra, porque unha soa é a vosa Nai, un só é o voso Pai, o celestial. Nin tampouco vos fagades chamar dirixente, porque un só é o voso dirixente, Cristo. A xente máis importante entre vós debe ser a vosa servidora, pois calquera persoa que se enalteza será rebaixada e quen se rebaixe será enaltecida.
Meditación
Este evanxeo fai un debuxo ben escuro do comportamento dos dirixentes xudeus do tempo de Xesús: xente que miraba máis pola súa aparencia social, polo seu poder, ca polo benestar da xente; ditar leis para que as cumpran outros, sen implicarse en facilitar a vida da xente máis humilde; honores, aplausos, títulos. Pura aparencia! É de supoñer que non todos fosen así de vaidosos e inhumanos.
Ante iso a proposta das primeiras comunidades cristiás, seguindo o espírito de Xesús, é ben alternativa: nada de títulos, pois temos no ceo un Pai ou Nai e chega, e temos en Xesús o único mestre; e todo envolto na irmandade e no servizo. Os homes ou mulleres escollidas para os necesarios liderados da comunidade hanse distinguir pola súa franca vontade de servir.
Se lemos nós este evanxeo, é para que o apliquemos ás nosas comunidades, a quen as presiden, a todas as persoas que as formamos. É moi doado caer nos mesmos defectos que criticamos nos outros. Facer carreira na Igrexa segue a ser unha tentación. Estamos moi lonxe de construír comunidades cristiás fraternas ao estilo de Xesús. Facer comunidades ben ao estilo de Xesús sería unha excelente contribución ao conxunto da sociedade, onde tamén se repiten os trazos negativos que aquí se describen.
Oración
Irmáns, irmás,e máis nada, Xesús.Así che gustaba a ti.Irmáns, irmásafanadas polo servizo sempre, en todo.Irmáns, irmásfuxindo de títulos e honores.Irmáns, irmásarrimando o lombo a cada horapara facer máis liviá a carga para a xente débil.Irmáns, irmásdesde os feitos máis ca desde as palabras.Irmáns, irmásá sombra sempre dun Pai ou Nai do ceoque a todos nos xunta e unificaata o extremo, ata o máis fondo.Irmáns, irmáse máis nada.Xesús, faime irmá, irmán, contigo,e máis nada.
Acción
Miremos un pouco para a nosa comunidade cristiá ou parroquia. Se en algo vemos que non vivimos co espírito de Xesús, compartámolo cos demais membros da comunidade e dispoñámonos ao cambio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.