21 de agosto: Domingo 21º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Is 66, 18-21. Salmo: 116, 1. 2.
2ª lectura: Heb 12, 5-7. 11-13.
Evanxeo: Lc 13, 22-30
Nunha ocasión atravesaba Xesús vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén. Unha persoa preguntoulle:
—Señor, ¿e logo son poucas as persoas que se salvan?
El respondeulles:
—Loitade para entrardes pola porta estreita, porque vos aseguro que moitos intentarán entrar e non poderán. Despois que o dono da casa peche a porta e empecedes os de fóra a petar nela dicindo: “Señor, ábrenos”, el responderá: “Non sei quen sodes”. Entón empezaredes a dicir: “¡Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas rúas!” El repetirá: “Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a inxustiza!”.
Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes, cando vexades que Abraham, Isaac, Xacobe e todos os profetas están no reino de Deus, e que a vós vos botan para fóra. E chegarán de Oriente e Occidente, do norte e do sur a sentar na mesa do reino de Deus. Si, hainos que son últimos e serán os primeiros, e hainos primeiros que serán os derradeiros.
Meditación
Unha persoa faille unha pregunta a Xesús que soa a simple curiosidade. Xesús, ao contestar, sitúase nun plano vital, comprometido; non valen os xogos retóricos, as curiosidades inútiles –parece dicirlle—, o que importa é a vida que pasa diante de nós, os homes e mulleres que son os nosos irmáns e irmás, e o noso compromiso con eles, con elas. Por iso a pregunta hoxe poderiamos formulala, dunha maneira máis viva e comprometida, así: de que maneira poderemos ser persoas cristiás, comunidades cristiás, que se vinculen a fondo coa sociedade de hoxe, para poñer vida nela, de xeito que esa vida nos cure, nos libere, nos dea o gusto de vivir, nos devolva a alegría e o alento, nos faga de verdade irmáns, irmás? De que maneira ser hoxe bo fillo, boa filla de Deus, unha comunidade de fillos e fillas de Deus entre a xente?
E Xesús contesta que a cousa non é doada. E certamente non o é. Xesús di que é coma unha porta estreita pola que custa entrar. E advírtenos deseguida que non se entra por ela simplemente rezando, nin participando en mil celebracións, encontros, cursiños, nos que aparentemente intimamos entre nós e con Deus, coas nosas oracións, cos nosos cantos, coas nosas reflexións, cos nosos escritos,... “Non sei quen sodes”, repite o dono da casa da pequena parábola que conta Xesús; “arredade de min os que practicades a inxustiza”. É dicir, que por moito que se rece, non se establecen vínculos serios con Deus e non se fai unha humanidade nova, se non se anda en cousas de xustiza, de legalidade, de honradez, de dereitos recoñecidos para todos/as por igual, e se non se promoven con forza desde a mesma comunidade cristiá da que formamos parte. E iso no nome de Deus, co empuxe de Deus, levándoo sempre na mente e no corazón, e mesmo na palabra, como facía Xesús. Canto terían que aprender os políticos de hoxe, envoltos como andan en cousas de corrupción! Pero canto temos que aprender tamén os cristiáns e cristiás de hoxe, as comunidades cristiás de hoxe, que parece termos perdido fol, “fuelle”, e ás veces mesmo parece que nos dá igual sermos ou non sermos en verdade do grupo de Xesús, compañeiros e compañeiras del!
Lucas advírtenos que moitas veces persoas que nos parece que non están próximas a Deus, nin á Igrexa, nin ao Reino de Deus, en realidade son as que máis dentro del están, as que máis reciben o beneplácito por parte de Deus. E, ao revés, tamén nos advirte que moitas veces xente que se pode crer moi amiga de Deus, moito de Igrexa, moi metida no Reino de Deus, á hora da verdade están máis ben fóra, e todo porque non se deixan cuestionar polo que pasa no mundo. O Papa Francisco, nunha entrevista na TV brasileira “O globo”, dicía que mentres un neno ou nena estea morrendo de fame no mundo, as relixións, todas as relixións, calquera relixión, non podiamos durmir, nin rezar, nin vivir tranquilas, como non sexa implicándonos a fondo para que iso deixe de suceder.
E quen di un neno/a morrendo de fame no mundo, pode dicir tamén un neno/a sen cobertura social en España, tendo que ir comer de misericordia; pode dicir tamén un neno/a sen escola, sen menciñas; pode dicir un velliño/a sen coidados e recoñecementos, pode dicir unha familia desafiuzada por efecto dos mecanismos perversos do capital, pode ser unha muller abusada, discriminada na sociedade, na Igrexa; pode dicir unha persoa alcohólica ou drogodependente que recibe desprezos e non acompañamento e coidados cara á rehabilitación; pode dicir nenos/as, mozos/as deixadas/os da man de Deus na súa boa formación, con caprichos, mimados/as, consentidos/as, co que se lles poñen as bases seguras dunha vida infeliz, etc.
Realmente, como dicía Xesús, a porta é estreita. Pero, por outra banda, sendo as cousas así, que doado sería entrar no Reino de Deus, tal como Xesús o entendía, que non é unha cousa de rezos misteriosos, senón simplemente de ser persoa solidaria e amadora. E ser persoa solidaria e amadora todos, todas, o podemos facer, porque vai nos nosos xenes humanos: somos froito do amor, levamos a semente do amor dentro de nós, e amar é o que nos sae como máis natural, cando nos deixamos ser o que realmente somos.
A celebración achéganos a un campo de amores e solidariedades, ao redor de Xesús, que nos poden recuperar para o Reino de Deus de verdade. Deixémonos coller pola paixón servidora de Xesús.
Preces
XESÚS, NÓS QUEREMOS SEGUIRTE
Que, guiadas/as polo teu Espírito, saibamos rezar sen nos poñer de costas á vida, á quen a goza ou á quen a sofre. Oremos.
Que, iluminados/as pola túa palabra, acertemos a intimar con Deus, intimando de verdade coas persoas que poidan necesitar da nosa palabra, do noso afecto, dos nosos cartos. Oremos.
Que, coa túa compaña diaria, non andemos con aires de chulería créndonos mellores ca ninguén, senón que saibamos aprender dos demais, ofrecendo as nosas calidades con humildade. Oremos.
Que, ilusionadas/os por ti, fagamos da nosa comunidade cristiá un espazo de moita acollida, onde todo o mundo se sinta comprendido e axudado, coma na súa casa. Oremos.
Que, empuxadas por ti, non sexamos nunca indiferentes ante o que pasa no mundo, e aprendamos a acoller e agradecer o ben que vexamos, e a implicarnos para acabar co mal que fire sobre todo á xente máis débil. Oremos.
Oración
Loitade, loitade,loitade para entrar pola porta estreita,porque a proposta é maior, pero non doada:deixarte amar ata perderte en quen te ama,amar ata perderte en quen ti amas,baleiro e plenitude ao mesmo tempo,Deus e a xente no mesmo abrazo sen finnas pequenas apertas cotiás que poden construír a túa vida.Loitade, loitade,porque a proposta non é para vagos,é para valentes humildes,é para débiles confiados/as,que saben que as súas forzas, que son súas,beben no pozo inesgotable de todas as augas vivasque sosteñen cada alento en cada hora.Loitade, loitade,sen angustias, coa paz na man, no corazón,sen engurrar as cellas,porque as horas pasan, as oportunidades van e non volven,o tempo de facerte conclúee os estómagos famentos (todos os estómagos famentos)non poden agardar máis polo teu anaco de vida.Loitade, loitade,buscade intimidades fondas con Deus, coa xente, cos máis pobres,afacédevos a afectos limpos,a solidariedades construtivas,pois é doado perder o camiño,e soñar con ilusións que nunca chegane atoparte coas mans baleiras e o corazón balorento (enmohecido).
Acción
Seguro que en máis dunha cousa de vida somos algo lacazáns, preguiceiros, nugallás. Por empezar por algo, podemos escoller un campo no que o esteamos sendo e ver a maneira de dar un paso cara o estilo vivo de Xesús. Iranos mellor, seguro.
22 de agosto: Luns da 21ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 1, 1-5. 8b-10. Salmo 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tes 1, 1-5. 11b-12. Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 4-5
Evanxeo: Mt 23, 13-22
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades á xente o reino dos ceos! Nin entrades vós nin deixades entrar a quen o intenta. Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que percorredes mar e terra para conseguir un prosélito, e cando o conseguides, facédelo fillo da perdición o dobre ca vós! Ai de vós, guías cegos, que dicides: “Se alguén xura polo templo, non pasa nada; pero, se xura polo ouro do templo, fica obrigado”. Parvos e cegos! ¿Qué é máis importante, o ouro ou o templo que consagra o ouro? E tamén: “Se alguén xura polo altar, non pasa nada; pero, se xura pola ofrenda que está enriba do altar, fica obrigado”. Cegos! ¿Qué é máis importante, a ofrenda ou o altar que consagra a ofrenda? Quen xura polo altar, xura por el e máis por todo o que hai enriba del; e quen xura polo templo, xura por el e máis por Aquel que o habita; e quen xura polo ceo, xura polo trono de Deus e máis por Aquel que está sentado nel.
Meditación
Posiblemente nos soen a cousas raras estas criticas ao comportamento dos letrados e fariseos: xurar por tal, xurar por cal, qué era o máis importante, qué era o menos. Podémolo resumir dicindo que, ao que se ve, era xente que se enredaba cegamente en moitas cousas sen importancia da doutrina, e esquecía o fundamental, que era o respecto profundo por Deus e o respecto profundo pola xente que o fai presente entre nós.
Dous mil anos despois podemos seguir nós coas mesmas andrómenas; debatemos ás veces sobre detalles da vida relixiosa, do culto, da doutrina: se o mal, o demo, anda por aí como tal demo, ou non; se é necesario confesar os pecados a un cura, coma sempre, ou non; se debemos recibir a comuñón na lingua ou na man, se o cura debe andar vestido normal ou con “tirita” etc. Cantas veces facemos da vida cristiá un xogo de debates absurdos, que non levan a nada. E deixamos de lado o que todos ben sabemos que é fundamental: andar con confianza, humildade, xustiza e rectitude diante de Deus, e mirar polo ben da xente como miramos polo noso mesmo ben.
Oración
Veño onda ti, Xesús,para que me limpes a ollada,para que me laves a intención e o corazón.Quero atinar co que é realmente bopara min, para a miña xente,para toda a comunidade, para todo o pobo.Quero investir o meu tempo, a miña ansiano que realmente me faga persoa sa,me axude a axudar a quen me rodea,e me leve a honrar dignamente a Deus.Veño onda ti, Xesús,con confianza, con humildade,co desexo firme de andar con bo pé polos teus camiños.Sei que ti nunca me decepcionas.Grazas, Xesús.
Acción
Podemos mirar se nas cousas da relixión, da vida cristiá, non nos estaremos enredamos en discusións que non levan a nada. Facémonos conscientes diso, para darlle importancia ao que realmente a ten.
23 de agosto: Martes da 21ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 2, 1-8. Salmo: 138, 1-3. 4-6
Ano 2: 1ª lectura: 2 Tex 2, 1-3a. 14-17. Salmo: 95, 10. 11-12a. 12b-13
Evanxeo: Mt 23, 23-26
Nunha ocasión dixo Xesús:
—Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que pagades o décimo pola menta, o anís e máis o comiño, e descoidades o máis importante da Lei: a xustiza, a misericordia e a fidelidade! É isto o que hai que practicar, sen descoidar o outro. Guías cegos, que coades o mosquito e tragades o camelo!
Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que limpades por fóra a copa e máis o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e vicio! Fariseo cego, limpa primeiro o interior da copa para que o seu exterior fique tamén limpo.
Meditación
Segue o Evanxeo coa crítica aos representantes da relixión xudía do seu tempo. E seguimos nós tamén mirando a ver ata que punto non estamos caendo en cousas semellantes ás criticadas por Xesús hai dous mil anos. Tanto eles coma nós somos xente feita do mesmo pau, temos as mesmas tentacións, e, en concreto, a mesma tendencia a converter a relixión nunha cousa insubstancial, a base de darlle importancia a certos rituais e quitarlla ao fundamental: andar sempre en xustiza, en misericordia, en fidelidade, con nós mesm@s, coa xente que nos rodea, co Deus a quen queremos amar e respectar.
Ao mellor obsesionámonos por todos os detalles do enterro dun familiar, a quen en vida non coidamos como deberamos. Ao mellor cura e xente celebramos unha misa de dez minutos para cumprir cunha así chamada obriga relixiosa, pero non nos preguntamos se Deus, por exemplo, non nos estará pedindo máis atención ao trato que lle estamos dando ás persoas veciñas, maiores e soas. E así máis cousas. Que doado nos é limpar por fóra, coidar as aparencias, e por dentro, no corazón, andar con sucidade, con malicias, con abandonos. A Deus non lle importa que o intentemos enganar; a Deus impórtalle que así non atopemos o camiño da nosa felicidade.
Oración
Grazas, Xesús,porque miras por nós.Grazas porque nos corrixes.Grazas pola xente que, no teu nome,con paciencia e agarimo tamén nos corrixe.Grazas por avisarnosdas moitas trampas nas que podemos caernas cousas da relixión.Podemos converter o máis santo no máis obsceno!Podemos converter os camiños da vidaen camiños de perdición!Grazas, Xesús,porque apelas constantemente ao instinto de verdadeque toda a xente, grazas a Deus,levamos ben gravado no noso íntimo.Grazas, Xesús, pola túa corrección.
Acción
¿Cómo reaccionamos cando alguén nos critica as trampas nas que caemos coa práctica relixiosa? ¿Temos a humildade e a valentía necesarias para corrixir con respecto o que consideremos malas prácticas relixiosas da nosa comunidade ou parroquia, dicíndollo incluso ao mesmo cura?
24 de agosto: Festa de san Bartolomeu, apóstolo
1ª lectura: Ap 21, 9b-14. Salmo 144, 10-11, 12-13ab. 17-18
Evanxeo: Xn 1, 45-51
Unha vez Felipe atopou a Natanael (tamén chamado Bartolomeu) e díxolle:
—Encontramos a aquel de quen escribiu Moisés na lei e máis os profetas, a Xesús, o fillo de Xosé, de Nazaré.
Contestoulle Bartolomeu:
—¿E de Nazaré pode saír algo bo?
Felipe díxolle:
—Ven e verás.
Viu Xesús a Bartolomeu, que se achegaba, e dixo del:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Bartolomeu:
—¿E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Felipe chamase por ti, cando estabas debaixo da figueira, vinte.
Respondeulle Bartolomeu:
—Mestre, ti es o Fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
—¿Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.
Meditación
Este relato conta algo de cómo Natanael ou Bartolomeu se incorporou ao grupo de Xesús: un amigo levouno onda Xesús, e quedou seducido por aquela primeira conversa con Xesús. Saíron a relucir as súas desconfianzas, pero Xesús chegoulle ao corazón e aquilo foi o comezo dunha fonda amizade, dun sincero seguimento que o marcaría para toda a vida. Quedan así subliñados os dous momentos que normalmente ten todo proceso de seducción por Xesús e polo seu estilo de vida: que alguén nos fale del, máis coa vida que coas palabras, e que nalgún momento teñamos nós o noso propio encontro persoal con Xesús no noso interior, na nosa fe.
O relato pódenos servir para recordar como foi ou está sendo a nosa vinculación con Xesús. Seguro que alguén dalgunha maneira, máis ou menos convincente nos falou de Xesús e do seu regalo para a vida; hai que agradecerllo; quizais tamén xa experimentamos en por nós que realmente o que se nos dixera de Xesús era tal cal, ou moito máis incluso. Pode ser tamén que non, que aínda esteamos no aire, e que siga no noso corazón a pregunta de Bartolomeu, revestida de calquera dúbida ou resistencia,: ¿De Nazaré pode saír algo bo?
Oración
Canto ansío atoparme contigo, Xesús!Canto ansío deixar de vivir de herdades,de palabras e experiencias alleas,por moito que as agradeza!Canto ansío bater contigo,co misterio humano e divino que vai contigo,para abrirme a el sen reservas,e deixar que modele toda a miña vida!Do xeito que sexa bater contigo,para levarte firme no meu corazónalentando todos os meus camiñosmarcando todas as miñas solidariedades,abríndome o acceso a Deus coma Naie a cada persoa que en cada momento atope, coma irmá.Canto ansío atoparme contigo, Xesús!
Acción
É posible que hoxe mesmo Xesús saia ao noso encontro da maneira menos pensada, sobre todo a través de persoas ou situacións de pobreza, de debilidade, que é onde el está especialmente presente. Acollámolo. Se podemos, coma Felipe, compartamos ese encontro, falemos de Xesús con algunha persoa familiar ou amiga.
25 de agosto: Xoves da 21ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 3, 7-13. Salmo: 89, 3-4. 12-13. 14 e 17
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 1, 1-9. Salmo: 144, 2-3. 4-5. 6-7
Evanxeo: Mt 24, 42-51
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben, se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do home.
¿Quen é o criado fiel e prudente, a quen o Señor encargou o coidado de dar de comer á servidume no seu debido tempo? ¡Ditoso o criado aquel a quen o seu amo, cando chegue, o atope cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a súa facenda. Pero, se aquel mal empregado di para si: “O meu amo aínda non vén para agora”, e empeza a bourar nos seus compañeiros, comendo e bebendo cos borrachos, o día menos pensado e á hora máis imprevista chégalle o amo e bótao fóra, cos hipócritas; alí será o pranto e máis o triscar dos dentes.
Meditación
Estas palabras do noso Señor poderíannos levar a poñer toda a nosa atención na morte, como momento no que chega o noso Señor, e a vivir ese momento con temor, non vaia ser que os nosos malos feitos acaben merecendo castigo. E así, mesmo poderíamos acabar vivindo a vida atemorizados. O peor que lle pode pasar a unha persoa cristiá é acabar téndolle medo a Deus. Deus nunca é para meter medo. E Xesús tampouco. E as súas palabras nunca, nunca son para meternos medo. Si, para invitarnos á vixilancia. A vida é complexa. As persoas tamén o somos. E pódenos pasar que, con máis ou menos consciencia, con máis ou menos responsabilidade pola nosa parte, consintamos en ir facendo cousas que nos danen a nós, que danen a outras persoas; e así, no canto de nos construír coma persoas felices, nos construamos coma persoas amargas, que por riba lle amargamos a vida a outra xente. E isto, claro, sería unha desfeita. Deus, Xesús, que quere sempre o mellor para nós, só busca axudarnos a que iso non nos pase, a que poidamos gozar vivindo a vida con coherencia e axudando coa mesma coherencia a que a xente do noso redor tamén goce da mesma maneira. A morte e todo o que lle siga está sempre nas mans dun Deus misericordioso e clemente.
Oración
Sen medos, sen angustias,con paz, con confianza,quero vivir cada día, meu Deus querido,ao amparo da túa presenza alentadora.E así, con coidado e agarimoir facendo todo o que me pase polas mans,desexando facerme persoa de ben,para o propio proveito,para proveito de quen me rodea,para gloria túa, meu Deus querido,que me soñas honesta, xusta e fraterna,que me soñas feliz.Felicidade que ti, porque es espléndido,alongarás eternamente ao teu carón,no teu seo.Grazas. Grazas. Sempre grazas.
Acción
¿Somos persoas abandonadas nalgunha das nosas responsabilidades persoais, familiares, laborais, sociais? Cambiemos, non desde o medo a Deus, senón desde o aprecio por nós mesmos/as e por aprecio quen nos rodea.
26 de agosto: Venres da 21ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 4, 1-8. Salmo: 96, 1 e 2b. 5-6. 10. 11-12
Ano 2: 1ª lectura: 1Cor 1, 17-25. Salmo: 32, 1-2. 4-5. 19ab e 11
Evanxeo: Mt 25 1-13
Unha vez díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—O reino dos ceos parécese a dez mociñas que colleron os seus candís para saír recibir o noivo. Cinco eran aloucadas e cinco, previsoras. As aloucadas colleron os candís, pero non os encheron de aceite; as previsoras, en troques, cos candís levaron tamén as aceiteiras cheas. Como o noivo tardaba, pegoulles o sono e quedaron durmidas. Alá pola media noite oíuse berrar: “Veña, que chega o noivo, ídeo recibir!” Erguéronse todas aquelas mociñas e prepararon os candís. Entón as aloucadas dixéronlles ás previsoras: “Dádenos un chisco de aceite, que os nosos candís esmorecen”. Responderon as previsoras: “Non vaia ser que non chegue para vós e para nós; mellor será que vaiades á tenda o que o merquedes”.
Mentres elas ían mercalo, chegou o noivo e as que estaban preparadas entraron con el no banquete de vodas e pechouse a porta. Máis tarde chegaron as outras mociñas chamando: “Señor, Señor, ábrenos!” Pero el respondeulles: “Asegúrovos que non vos coñezo”.
Vixiade, logo, xa que non sabedes nin o día nin a hora.
Meditación
Outra parábola sobre a necesidade da vixilancia na vida. Ser persoas en alerta, preparadas, porque día a día, hora a hora, Deus vai pasando pola nosa porta e, se non estamos dispostas a saírlle ao encontro, perdemos as oportunidades que o paso de Deus nos ofrece. E son acollementos e respostas que outras persoas non poden dar por nós, aínda que outras persoas si que poden alertarnos para que vivamos con serenidade, en paz, en silencio, e por iso mesmo con capacidade de percibir e responder.
Deus fáisenos presente nos momentos relixiosos (unha Eucaristía, un tempo de oración, un silencio para acoller…), pero tamén se nos fai presente en moitos outros momentos da vida: calquera persoa que se achega a nós, calquera persoa fráxil, desamparada; calquera acción humana que crea irmandade; calquera acción de abuso que xa dicimos que clama ao ceo; calquera momento da creación animada ou inanimada, que leva o rastro de Deus etc. Para quen anda coa alma en vilo cara ao ben, cara a fermosura, cara á verdade, a vida está chea de encontros humildes e poderosos co Deus da vida.
Oración
Quéresme, meu Deus,persoa viva e asentada a un tempo.Persoa de palabras e de silencios,persoa de festas e de acougos,persoa de acollementos e de ofrecementos,persoa de comunidade e de soidade,persoa de durmidas e de vixilancias.Quéresme, meu Deus,persoa amiga da riqueza da vida,hábil para sacarlle á vida todo o seu zume,hábil para no zume da vidadescubrirte a ti e gozar a túa presenza.Quéresme, meu Deus,totalmente humanae así, só así, totalmente túa.
Acción
Estamos acabando o tempo de vacacións. Pero, con vacacións ou sen elas, ¿que tempo nos concedemos para mirar polo que pasa pola nosa vida, por como acollemos as persoas, as circunstancias que a vida nos vai poñendo diante? ¿Somos das aloucadas ou das previsoras? ¿En que poderiamos avanzar por aquí?
27 de agosto: Sábado da 21ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 4, 9-11. Salmo: 97, 1. 7-8. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 1, 26-31. Salmo: 32, 12-13. 18-19. 20-21
Evanxeo: Mt 25, 14-30
Nunha ocasión díxolles Xesús esta parábola ás persoas que o acompañaban:
—Unha persoa, tendo que saír de viaxe, chamou polos seus criados e criadas e deixoulles o coidado da súa facenda. E deulles a cadaquén segundo a súa capacidade: cinco, dous, un talento. Despois marchou.
A persoa que recibira cinco talentos foi deseguida negociar con eles e gañou outros cinco. Do mesmo xeito a que recibira dous gañou outros dous. Pero a que recibira un foi cavar un burato na terra e escondeu os cartos do amo.
Ao cabo de moito tempo chegou o señor daquela servidume pedíndolles conta. Chegou a persoa que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco, dicindo: “Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei”. Díxolle o señor: “Ben, criado fiel e cumpridor; xa que fuches fiel no pouco, dareiche un cargo importante; pasa a gozar da festa do teu señor”. Chegou a persoa que recibira dous talentos e dixo: “Señor, dous talentos me entregaches, velaquí outros dous que gañei”. E díxolle o señor: “Ben, criada fiel e cumpridora; xa que fuches fiel no pouco, dareiche un cargo importante; pasa a gozar da festa do teu señor”.
Chegou tamén a persoa que recibira un talento e díxolle: “Señor, sei moi ben que es un home duro, que seituras onde non sementaches e recolles onde non botas. Por iso collín medo e fun agachar na terra o teu talento; aquí tes o que é teu”. Pero o señor respondeulle: “Mal criado, lacazán! Con que sabías que seituro onde non semento e recollo onde non boto? Pois puxeras os meus cartos no banco e así, cando eu volvese, podería coller os cartos e máis os intereses. Quitádelle o talento a dádello a quen ten dez. Porque a quen ten háselle dar abondo; pero a quen non ten, aínda o que ten se lle ha quitar. E ao criado inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e máis o renxer dos dentes”.
Meditación
Na liña dos Evanxeos destes días, o de hoxe fálanos de non deixar durmir dentro de nós aquelas calidades que cada quen ten, e que estaría ben que puxésemos ao servizo da construción da irmandade dentro e fóra da comunidade cristiá. Non todo o mundo é igual. Non todas as persoas temos calidades para o mesmo, nin temos esas calidades na mesma abundancia. Pero todas e todos temos valía, e o importante é que esa valía que temos a poñamos en xogo, vencendo medos persoais, vencendo resistencias que poden xurdir de nós, ou tamén das persoas e do medio que nos rodee.
Temos unhas comunidades cristiás moi clericalizadas, moi gobernadas para todo por uns clérigos varóns que o gobernan todo, e nós adaptámonos a iso por comodidade, por covardía. Temos unha sociedade civil tamén moi controlada por uns líderes, que fan e desfán sen teren en conta a cidadanía. Na Igrexa urxe que o laicado –tanto homes coma mulleres— non agachemos as nosas habilidades, os nosos saberes, os nosos poderes, que as poñamos ao servizo dunha comunidade cristiá viva, namorada do noso Deus e das tarefa de irmandade que Deus nos puxo nas mans. Quen pon en xogo a súa capacidade de servir, curiosamente acaba fortalecéndose como persoa servidora, feliz; quen se aforra para o servizo achícase, empobrécese, anúlase como persoa.
Oración
Non,ti nunca ameazas, Xesús.O teu foi sempregañar por atracción, non por medo.Grazas!Ti advirtes, corrixes, alertas, potenciascoma un irmán maiorque nos coñeces a fondo,que coñeces os nosos medos e covardías,a nosa tendencia primeira a quedarnos no seo da manta.Grazas!Ti, Xesús,quérenos ver felicesparticipando, colaborando,construíndo en comúna casa común da comunidade,da parroquia, do pobo, da natureza, do mundo.Grazas!Con Díaz Castro disnos:“O universo sería máis pequeno sen ti”.
Acción
¿Sentimos que temos algunha calidade que, ben por preguiza ou nugalla nosa, ben porque alguén nos dá para atrás, non estamos poñendo ao servizo da comunidade eclesial ou civil? Seguro que podemos dar un paso ao fronte para contribuír con esa calidade á fermosura da comunidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.