24 agosto, 2022

Tempo Ordinario: 22ª semana



28 de agosto: Domingo 22º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Eclo, 3, 19-21. 30-31. Salmo: 67, 4-5ab. 6-7ab. 10-11.
2ª lectura: Heb 12, 18-19. 22-24a.

Evanxeo: Lc 14, 1. 7-14.

Un sábado ía comer Xesús á casa dun xefe dos fariseos, e eles vixiábano. Decatándose Xesús de que a xente convidada buscaba os primeiros postos, contoulles unha parábola:
—Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que unha persoa máis distinguida ca ti tamén estea convidada e que veña quen vos convidou e che diga: “Déixalle o sitio a este”, e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar. Ao revés, ti, cando te conviden, ponte de último, para que, cando chegue quen te convidou che poida dicir: “Amigo, sube máis arriba”. E quedarás moi ben diante de toda a xente convidada. Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar, e a quen se rebaixe hano enaltecer.

E díxolle tamén ao que o convidara:
—E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que esas persoas te recompensen convidándote tamén a ti. Cando deas un banquete, convida as persoas pobres, eivadas, coxas e cegas; e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na resurrección dos xustos.

Meditación

Como temos visto noutras moitas ocasións, unha vez máis Xesús aproveita unha circunstancia normal da vida, nun espazo normal como era un xantar, para deixarse vivir e falar en conformidade con aqueles convencementos básicos, fortes, que estruturaban a súa vida toda. Este era o estilo evanxelizador de Xesús, que nos pode vir moi ben en tempos nos que, como persoas e como comunidade cristiá, estamos querendo fortalecer a nosa maneira de vivir e de compartir a Boa Nova de Xesús coa nosa xente veciña.

De entrada é ben observar que Xesús, aínda que enfrontado en cousas ao estilo de vida relixiosa dos fariseos, acepta xantar con eles, con liberdade, desde esa postura básica de aceptación e respecto polas maneiras de ser de cada quen, sen lle negar nunca a ninguén a súa palabra, a súa presenza, mesmo a súa amizade. E resulta oportuno observar tamén que quen con el compartían mesa estábano vixiando; non se encontraban con Xesús con espírito libre, aberto, disposto a aprender, a deixarse afectar pola vida, pola palabra, pola persoa que tiñan diante. De ambas posturas, a libre de Xesús e a pechada dos fariseos, podemos todos, todas, aprender moito.

Xesús é como é, e así vive, pensa e fala. Observa a xente obsesionada por sentar nos primeiros postos, e non lle gusta. Non lle gusta, porque o que podía ser unha preciosa experiencia de comunidade, de fraternidade, queda convertido nun espazo de rivalidade e competencia. Que fermoso ser compañeiros/as de mesa, comendo, conversando, coñecéndose, igualándose en todo, espertando soños cara a unha vida social rexida tamén por esta maneira de ser e de vivir! Pero todo isto queda perturbado, cando nos afanamos por acadar os primeiros postos, por nos situar uns por riba dos outros/as, por señorear, por mandar. O gozo da fraternidade queda esnaquizado. Canto podemos aprender disto tamén para as nosas vidas de cada día! O vicio de querer ser primeiros/as, de prevalecer sobre a demais xente, de situarnos por riba das outras/os no pensar, no falar e no vivir, chegando ao desprezo do outro/a, ata facelo un inimigo, é coma unha praga que fire e consume a planta fermosa e fráxil da fraternidade. A todos, todas, nos pode pasar isto moitas veces na vida de cada día. Os malos políticos fano moito, e por iso, no canto de ser factor de unión, arrimando o lombo cara á solución dos problemas do pobo, enfróntanse, pelexan, e acaban enredándonos a todos/as, se non estamos alerta, nun debate de poder que non resolve nada. A comunidade cristiá, a Igrexa, tamén podemos caer nesta mesma actitude de prepotencia, de querer os primeiros postos, de poñernos por riba dos demais, e de facelo mesmo no nome de Deus! Por exemplo, cando os homes, o masculino, acapara todo o poder, os primeiros postos nas comunidades cristiás.

Xesús aproveita a conversa do xantar para facer unha observación revolucionaria, que a calquera de nós, aínda hoxe, nos pode sorprender ou parecer unha parvada: “Cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti”. Xesús non se opón loxicamente a que invitemos a amigos, amigas, irmás, parentes, veciñas; simplemente quere axudarnos a reparar nun aspecto da vida e das relacións que para el é moi importante: a gratuidade; por iso pon o acento na palabra “ricos”. O rico é normal que me devolva a invitación, que me recompense. Se fago as cousas coa intención, co afán, de ser recompensado con outro tanto, non medro moito coma persoa, quedo pechado no círculo pequeno do “dou para que me deas”; creo espazos de benestar dos que queda excluída moita xente, que non pode corresponder simplemente porque non ten nada; sen querelo, favorezo a marxinación; non abro o amor, o servizo, as atencións cara a un campo maior, onde poder desenvolver mellor a miña capacidade de amor e onde axudar a outros a que entren na experiencia de amar e ser amados, de atender e seren tamén atendidos/as. E este é o campo inmenso, sen medida, de Deus. E este é o campo da verdadeira felicidade. A iso nos quere invitar, provocar Xesús, que non se contento con mínimos á hora de pensar na felicidade da xente.

Igual podiamos empezar, como persoas e como comunidade cristiá, por non deixarnos cegar polo atractivo da xente rica, e cultivar a amizade con persoas pobres. Igual podiamos empezar por invitar gratuitamente ás nosas mesas a algún pobre polo menos, que seguro que tamén nos convidará á súa mesa pobre. Xesús dinos convencido que así poderemos descubrir unha dita nova, maior, e que, á hora da verdade, as nosas vidas vanse ver máis cheas de vida e de gozo.

A celebración da Eucaristía é, pode ser, un lugar onde experimentar e gozar isto, e onde quentar o corazón para poderlle ofrecer logo á sociedade esta experiencia.

Preces

XESÚS, XESÚS, MEU MESTRE, MEU IRMÁN!

Que ao teu lado descubramos o gozo de sermos un máis, unha máis, na comunidade, sen afáns de prepotencia e de chulería. Oremos.

Que, ca forza do teu Espírito en nós, non nos deixemos levar pola atracción do rico, do grande, do poderoso, e descubramos o gozo de acompañar e deixarnos acompañar pola xente pobre e marxinal. Oremos.

Que, coa túa mesma ollada, aprendamos a ver a vida e a comprometernos con ela desde os ollos e os sentimentos da xente máis necesitada. Oremos.

Que, sendo xente pacifista coma ti, reneguemos de toda guerra e violencia, como a de Siria ou de Exipto, e desde o día a día traballemos por resolver as cousas coa paz e coa palabra. Oremos.

Que, deixándonos acompañar por ti, saibamos nós acompañar os nosos fillos e fillas, a xente nova que hai entre nós, para que aprendan a valorar e querer non desde as modas, senón desde a súa condición de persoas amables e amadas. Oremos.

Oración
Grazas, Xesús,
polas túas palabras e feitos de liberdade,
de humanidade fonda e verdadeira,
invitándonos a non buscar nunca os primeiros postos
e a convidar ao xantar da vida
con todo o que poidamos,
gratuitamente
a quen non teña con que correspondernos.

Cando, Xesús, deixarei evanxelizar o fondo do meu ser,
e descubrir o gozo de ser comunidade,
de perderme na comunidade,
en ti,
nos brazos, no corazón, na ollada
de cada un dos meus irmáns e irmás!

Lévame da man
ata as fontes da gratuidade.
Lévame da man ata o corazón mesmo de Deus,
que ama sen agardar nada a cambio.
Lévame da man
ata a dita de dar sen esperar recompensa,
afinando o amor
pola forza e o gozo do mesmo amor.

Grazas, Xesús,
pola fondura da túa proposta,
que me provoca e emociona.
Grazas.
Acción

Podemos facer hoxe algún xesto de gratuidade ao estilo de Xesús, dedicándolle algo (xantar, conversa, tempo, cartos, consideración…) a quen, polas razóns que sexa, moi posiblemente non poida ou queira correspondernos.


29 de agosto: Memoria obrigatoria do Martirio de San Xoán Bautista

1ª lectura: Xer 1, 17-19. Salmo 70, 1-2. 3-4a. 5-6ab e 17

Evanxeo: Mc 6, 17-29

Sucedeu que Herodes mandara prender a Xoán por causa de Herodías, a muller de seu irmán Filipo, coa que el casara. Xoán non paraba de lle dicir:
—Non che está permitido vivir coa muller do teu irmán.

Por iso Herodías colléralle xenreira a Xoán e queríao matar. Pero Herodes temía a Xoán, sabendo que era home xusto e santo, e protexíao; mesmo o escoitaba con gusto, aínda que quedase desacougado.

Pero chegou a ocasión axeitada, cando Herodes no día do seu aniversario deu un banquete aos ministros, oficiais e xente importante de Galilea. Resulta que a filla de Herodías entrou e bailou moi ben, gustando moito a Herodes e a toda a xente convidada. Entón o rei díxolle á rapaza:
—Pídeme o que queiras, que cho hei dar.

E xurou:
—Dareiche o que me pidas, aínda que sexa a metade do meu reino.

Vaise a rapaza onda a nai e pregúntalle:
—¿Qué lle pedirei?

Ela díxolle:
—Pídelle a cabeza de Xoán Bautista.

E, volvendo onda o rei, díxolle:
—Quero que me deas de contado nunha bandexa a cabeza de Xoán Bautista.

O rei púxose moi triste, pero, polo xuramento feito e máis pola xente convidada, non a quixo defraudar. E de seguida mandoulle a un verdugo que trouxese a cabeza de Xoán. Foi, decapitouno e trouxo a cabeza nunha bandexa, para lla dar á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai. Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.

Meditación

Xoán Bautista foi un personaxe que deixou un impacto grande no mesmo Xesús e nas primeiras comunidades cristiás. Por iso aínda hoxe o recordamos en repetidos momentos durante o ano. Un home íntegro, un buscador apaixonado da verdade de Deus para a xente, unha persoa que renunciou ao oficio sacerdotal que lle correspondía por dereito familiar, para embarcarse nun camiño creativo, porque viu que no seu tempo a vida relixiosa se estaba diluíndo en prácticas sen sentido e sen verdade. Un home que se enfrontou abertamente co poder relixioso e político do momento polos seus descontrois e abusos do pobo. Un home que por todo isto deu a vida. O seu testemuño colle especial relevancia polas mesmas circunstancias da súa morte: nun ambiente de excesos, rodeado de persoas triviais, sen valores consistentes, que actuaban desde o rancor, desde o quedar ben, desde o desprezo á palabra, á vida de quen pretendía axudarlles a ser xente honrada e coherente. Un verdadeiro exemplo para quen nos nosos tempos apostamos por ser persoas cristiás na sociedade tan branda na que vivimos.

Oración
Grazas, meu Deus,
polas persoas mártires
de onte e máis de hoxe,
de todos os tempos da historia da Igrexa.
Grazas tamén polas persoas mártires
doutras relixións ou de ningunha relixión.
Grazas por quen defende o humano, o xusto,
e afronta con valentía as consecuencias desagradables desa defensa.
Grazas pola palabra desas persoas mártires,
pola súa vida, pola súa morte,
polo seu sangue inxustamente vertido,
aínda que valentemente ofrecido.
Grazas, meu Deus, infinitas grazas!
Que ao seu carón, co seu exemplo,
nos encoraxemos nós
para vivir con máis fidelidade e fondura
a nosa humanidade, a nosa fe.
Acción

Seguro que en máis dunha ocasión temos cedido á presión do ambiente, e deixamos de dicir ou facer o que a nosa conciencia nos ditaba por calquera clase de medos. Podemos aprender da nosa experiencia para entrar algo no espírito das persoas mártires, e chegado o caso, dar testemuño dos valores, da fe que levamos no corazón.


30 de agosto: Martes da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 1 Tes 5, 1-6. 9-11. Salmo: 26, 1. 4. 13-14
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 2, 10b-16. Salmo: 144, 8-9. 10-11. 12-13ab. 13cd-14

Evanxeo: Lc 4, 31-37

Nunha ocasión baixou Xesús a Cafarnaúm, vila de Galilea, e os sábados ensinaba á xente. Todo o mundo estaba sorprendido do seu ensino, porque falaba con autoridade. Había na sinagoga un home posuído polo espírito dun demoño inmundo, que pegou a berrar dando grandes voces:
—¿Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? ¿Seica viñeches para acabares connosco? Ben sei quen es ti: o Santo de Deus.

Xesús ordenoulle:
—¡Cala a boca e bótate fóra dese home!

E o demo tirou por terra o home no medio da xente e saíu del sen lle facer mal. Toda a xente quedou abraiada e falaban entre si dicindo:
—¿Que terá a súa palabra? Dálle ordes con autoridade e poder aos espíritos malos e eles fanlle caso.

E a sona de Xesús estendeuse por todos os lugares daquela terra.

Meditación

Unha persoa endemoñada érao calquera home ou muller rota a base de carencias, de fames, de fallas de saúde física e psíquica, de rupturas afectivas, de desarraigo social, de exclusión relixiosa. Un paquete realmente destrutor. Quitemos a palabra “demo”, se queremos, pero caiamos na conta de que seguimos sendo moitos os homes e mulleres que temos rupturas fondas na nosa existencia.

Xesús ten para nós palabras con autoridade, palabras firmes, palabras que chegan ao fondo da alma, palabras alentadoras, palabras que devolven a esperanza e as ganas de poñernos ao labor de cambiar a nosa vida e de ir gozando con ese cambio. Palabras, en definitiva, capaces de refacernos por dentro e mesmo por fóra. Palabras capaces de desenvolver procesos en nós que nos leven ao gusto de vivir e de convivir. E todo isto sen quitarlle importancia aos moitos recursos para a saúde integral de que dispoñemos nas nosas sociedades modernas.

Oración
Xesús,
ti estás ao noso dispor,
sempre.
Atento ás nosas inquedanzas e angustias,
disposto a botar unha man,
e que man!
Disposto a botar lonxe de nós
os nosos particulares demos
que nos rompen por dentro e por fóra.
Tes forza e poder abondo
para refacer vidas,
para recompoñer convivencias,
para restaurar ilusións persoais e colectivas.
Pero, ¿fiarémonos de ti?
¿Poñerémonos ao teu dispor,
como ti te pos ao noso?
Acción

¿Observamos na nosa vida persoal ou social, na comunidade cristiá, no pobo, algunha realidade negativa que poderiamos considerar como un demo para nós? ¿Poderiamos enfrontarnos a esa realidade negativa apoiándonos na autoridade, na forza de Xesús? Probemos, a ver.


31 de agosto: Mércores da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 1-8. Salmo: 51, 10. 11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 3, 1-9. Salmo: 32, 12-13. 14-15. 20-21

Evanxeo: Lc 4, 38-44

Un día, saíu Xesús da sinagoga e entrou na casa de Simón. A sogra de Simón tiña unha febre moi alta e pedíronlle por ela. El, achegándose a ela, ordenoulle á febre que a deixase, e deixouna. Deseguida ergueuse ela e púxose a servilos.

Á tardiña, quen tiña xente enferma de calquera doenza levouna onda el, e el, impoñendo as mans sobre cada home ou muller enferma, devolvíalles a saúde. De moitas desas persoas saían os demos berrando e dicindo: “Ti es o Fillo de Deus”. Pero el increpábaos e non os deixaba falar, porque sabían que el era o Mesías.

Ao abrir o día, saíu para un lugar arredado. Pero a xente buscouno e, chegando onde el estaba, trataba de retelo para que non os deixase. Mais el díxolles:
—Cómpre que tamén anuncie o reino de Deus noutras vilas, que para isto fun enviado.

E predicaba polas sinagogas de Xudea.

Meditación

Por onde andaba Xesús contaxiábase a saúde do corpo, do espírito, do ánimo. Xesús sempre atento ao benestar das persoas. Falando, si, que para anunciar a boa nova de Deus viñera; pero realizando en feitos de atención o que as palabras dicían. Podemos percibir que Xesús, que o de Deus anda connosco, se tamén nós nos sentimos persoas atendidas, curadas, vigorizadas por el. Podemos percibir que Xesús, que o de Deus anda connosco, se nos vemos persoas coidadoras, que espallamos saúde e alentos. Cando é así, por aí anda o “Fillo de Deus”, por aí andamos nós tamén como fillas e fillos de Deus.

Por onde andaba Xesús, andaba tamén o seu apego ao silencio, o seu gusto por arredarse da xente, para compartir con Deus vida e acción. Nel estaba o motor de todo o seu quefacer diario. Nel estaba o alento que empuxaba a ser firme e persistente na tarefa que traía entre mans. Todo moi sinxelo. Todo moi fondo e contundente. Todo ao noso dispor.

Oración
Gústame a túa maneira de ser, Xesús.
Asómbrame, pero gústame.
Descolócame, pero gústame.
Déixame en evidencia, pero gústame.
Vén, cólleme da man,
lévame contigo
aos tempos de silencio co noso Pai maternal,
ao encontro coidador coa xente vulnerable,
á participación social, comunitaria, política.
Lévame contigo
polos camiños do amor e do servizo
no meu medio sinxelo, aldeán, popular,
onde ti queiras,
como ti queiras.
Que eu non che falle,
como ti non me fallas a min.
Grazas, Xesús.
Acción

¿Na nosa vida estamos ao tanto dalgunha persoa vulnerable? ¿Estámola atendendo, acompañando no que poidamos, con respecto? Se non o estamos facendo, ¿poderiamos facelo con alguén que precise axuda, compaña?


1 de setembro: Xoves da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 9-14. Salmo: 97, 2-3ab. 3cd-4. 5-6
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 3, 18-23. Salmo: 23, 1-2. 3-4ab. 5-6

Evanxeo: Lc 5, 1-11

Nunha ocasión, estando Xesús á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ao seu redor para escoitar a Palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban as redes. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se arredase un pouco da terra e dende a barca, sentado, ensinaba a xente. Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
—Voga lago a dentro e larga o aparello para pescar.

Respondeulle Pedro:
—Mestre, pasamos a noite de faena e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.

Así o fixeron, e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que, a pouco máis, van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botouse aos pés a Xesús, dicindo:
—Señor, arreda de min, que eu son un pecador.

Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron aleutos con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e máis a Xoán, fillos de Zebedeu, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
—Tranquilo, dende agora vas ser pescador de xente.

Daquela, varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.

Meditación

Na Igrexa, nas comunidades cristiás das parroquias, agora mesmo estamos bastante coa convicción de Pedro: “pasamos a noite de faena e non demos collido un rabo de peixe”. Esforzos inútiles. Fracaso na transmisión da vivencia relixiosa cristiá. Na sociedade a moita xente pásalle tamén o mesmo: sensación de que moitas cousas van mal, pero os esforzos acaban adoito en fracaso. Dígase situación de abandono do mundo rural; dígase situación laboral, dígase progresivo control do mundo dos cartos sobre a realidade social, política, sobre o presente e o futuro das nosas vidas.

O “milagre” de Xesús, ou o que fose, non debe levarnos a esperar que as cousas se amañen con milagres. Cómpre empezar por ver se o que facemos no civil e no relixioso para mellorar as cousas está ben pensado, ben programado, ben abastecido de recursos materiais e espirituais, ben avaliado etc. E ao tempo ver tamén se lle damos espazo na nosa vida, no noso espírito ao dinamismo de Xesús, á súa paixón pola xente. Ver se no silencio deixamos que o Espírito de Deus nos sande, nos baleire, nos capacite para o oficio de compartir coa demais xente a bondade de Deus que nos foi dada.

Oración
Grazas, Xesús,
pola xente toda que, coma ti, non cansa,
ou non se deixa levar pola canseira.
Grazas polas persoas
que terman da esperanza propia e allea
coa súa diaria faena por mellorar as vidas.
Grazas polos mil milagres
que a diario saen das mans de xente descoñecida
afeita aos coidados e á tenrura en todo.
Grazas por quen se detén,
observa e analiza,
programa e cumpre,
cala e reza,
para facer posible no mundo
o gozo da irmandade pola que ti segues soñando.
Acción

Observemos se ao noso redor hai persoas desas que persisten no seu afán por facer máis humano o mundo, máis servidora a Igrexa. Agradezámosllo. E de paso podemos mirar se nalgún intento bo nos deixamos levar polo desalento e abandonamos.


2 de setembro: Venres da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 15-20. Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 4, 1-5. Salmo: 36, 3-4. 5-6. 27-28. 39-40

Evanxeo: Lc 5, 33-39

Unha vez os letrados e fariseos dixéronlle a Xesús:
—Os discípulos de Xoán xaxúan a miúdo e rezan, como tamén os dos fariseos, pero os teus, a comer e a beber.

Xesús contestoulles:
—¿E logo ides facer xaxuar a xente convidada á voda mentres con ela está o esposo? Xa chegará o día no que lle leven o esposo; daquela si que esa xente xaxuará.

Tamén lles propuxo esta parábola:
—Ninguén recorta unha peza dun vestido novo para lle botar un remendo a un vestido vello, porque rompería o novo e o remendo tampouco lle iría ben ao vestido vello. E tampouco ninguén bota viño novo en pelellos vellos, porque rebentarían os pelellos, perderíase o viño e estragaríanse os pelellos. Xa sabedes: a viño novo, pelellos novos. E ninguén que proba o viño vello, quero o novo, pois dirá: é mellor o vello.

Meditación

Xesús era o vestido novo, o viño novo. ¿En que consistía esa novidade? Entre outras cousas, en que, en Xesús, o encontro con Deus non é tanto froito dun esforzo humano, ascético (por exemplo, xaxuar máis ou menos), coma un regalo do mesmo Deus que se nos ofrece gratis; tamén consiste esa novidade de Xesús en que o seu mundo relixioso non é un mundo tristeiro, angustioso, temeroso, senón un mundo confiado, esperanzado, alegre. Tamén consiste esa novidade de Xesús en que a experiencia de Deus se realiza sobre todo no trato de respecto, valoración e apoio que teñamos coa xente vulnerable, máis que nos rituais relixiosos, que nos poden dar unha aparencia de seguridade por ter cumprido.

Non é doado entrar nesa novidade de Xesús. Á xente do seu tempo, aínda á máis relixiosa, custoulle entendelo. Seguro que tamén a nós nos custa entendelo, e cando nos achegamos a el, ás súas propostas, con palabras ou sen palabras máis dunha vez dicimos: é mellor o vello, o de sempre, o que nos sae das nosas rutinas.

Oración
Canto me custa, Xesús,
ser persoa viva e fresca na túa novidade!
Canto me custa fuxir
do empeño por posuír a Deus,
ou da desesperanza por non poder posuílo!
Canto me custa, Xesús,
estar aberta a todo o que vén de ti,
polo camiño que sexa!
Canto me custa admitir
que o de Deus me desborda
e que ante el serei unha eterna discípula!
Canto me custa apegarme humildemente
aos camiños abertos por ti, Xesús,
que olen sempre a fondas e simples solidariedades!
Canto me custa beber o teu viño novo
na festiva comunidade que celebra os teus amores!
Acción

Cando hoxe falamos de xaxún, facémolo máis ben pensando en xaxúns solidarios: privarnos de algo, para poder compartilo. Ese xaxún estaría moi na onda de Xesús. Podemos probar a facelo algún día. Privarnos dalgunha comida ou bebida, dalgún partido de fútbol, da compra dalgunha prenda que igual non nos fai moita falla, etc.


3 de setembro: Sábado da 22ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 21-23. Salmo: 53, 3-4. 6 e 8
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 4, 6b-15. Salmo: 144, 17-18. 19-20. 21

Evanxeo: Lc 6, 1-5

Pasando un sábado por unhas leiras sementadas, os discípulos de Xesús arrincaban espigas e comíanas despois de refregalas coas mans. Entón dixeron algúns fariseos:
—¿Cómo facedes o que non está permitido facer no sábado?

Respondeulles Xesús:
—¿Seica non sabedes o que fixo David, cando sentiu fame el e máis os seus acompañantes? Entrou na casa de Deus e colleu o pan das ofrendas, comeu el e deulles aos seus acompañantes, e iso que non lles estaba permitido comelo a eles, senón soamente aos sacerdotes.

E engadiu:
—O Fillo do home é o Señor do sábado.

Meditación

O exemplo de Xesús do comportamento do rei David é como se hoxe alguén argumentase que, tendo fame, unha persoa non ofende a Deus indo ao sagrario e comendo o pan santo da Eucaristía. Porque o Fillo do home é Señor do sábado. Porque o coidado do ser humano está por riba de calquera precepto relixioso, por sagrado que sexa. Porque o sábado e calquera outra norma relixiosa soamente valen se valen para servir ao crecemento e maduración das persoas e comunidades no corpo e no espírito. “Unha Igrexa que non serve, non serve para nada”, dicía xa hai ben anos o bispo Jacques Gaillot. Unhas prácticas relixiosas que non están ao servizo do benestar integral das persoas e da comunidade humana, non valen para nada. Xesús tíñao moi claro. Foi un dos grandes puntos de conflito coas autoridades relixiosas do seu tempo. Normal.

Oración
Canto necesito de ti, Xesús,
para ser un chisquiño radical
no que ti mesmo eras radical!
Canto necesito ese fondo aprecio polo ser humano,
por todo ser humano,
ata poñelo no centro
das miñas conviccións relixiosas!
Canto necesito da túa paixón cega por Deus,
da túa ollada limpa,
que te levaba a poñer o mesmo Deus
insultantemente
ao servizo de toda debilidade!
Canto necesito da túa coherencia
para non facer da miña radicalidade
unha simple arroutada verbal!
Acción

Podemos revisar a ver se temos claro que o que máis lle gusta a Deus, por riba de calquera práctica relixiosa, é que coidemos a xente que nos rodea con palabras e feitos. Tamén podemos revisar se a práctica relixiosa que teñamos nos está empuxando de veras a mirar moito polo coidado da xente, polo noso mesmo coidado, polo coidado da natureza.




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.