02 decembro, 2022

Tempo de Advento: 2ª semana



4 de decembro: Domingo 2º de Advento

1ª lectura: Is 11, 1-10. Salmo: 71, 1-2. 7-8. 12-13. 17
2ª lectura: Rom 15, 4-9

Evanxeo: Mt 3,1-12

Naqueles días apareceu Xoán Bautista no deserto proclamando:
—Convertédevos, que xa chega o Reino dos Ceos.

El era de quen dixera o profeta Isaías:
Unha voz clama no deserto:
Preparade o camiño do Señor,
endereitade os seus vieiros.
Xoán ía vestido con pelos de camelo e cun cinguidoiro de coiro no van, e mantíñase de saltóns e mel bravo. Ía onda el xente de Xerusalén, de toda Xudea e máis da banda do Xordán. Confesaban os seus pecados e el bautizábaos no Xordán.

Como se decatara de que moitos fariseos e saduceos viñan a que os bautizase, díxolles:
—“Raza de víboras! Quen vos ensinou a fuxir do castigo que está a chegar? Dade froitos dignos dunha verdadeira conversión e non vos fagades ilusións dicindo entre vós: “Somos fillos de Abrahán”, porque vos aseguro que Deus pode sacar fillos de Abrahán mesmo destas pedras. Xa está a machada posta contra a raíz das árbores, e toda árbore que non dea froito hase cortar e botar ao lume.

Eu bautízovos con auga para que vos convertades. Pero o que vén detrás miña é máis forte ca min e nin tan sequera son digno de lle levar as sandalias. El havos bautizar co Espírito Santo e con lume. Porque trae a forcada na man, para limpar a súa eira e na hucha recoller o trigo; e ha queimar a palla nun lume que nunca se apaga”.

Meditación

O evanxeo deste domingo e máis o do domingo seguinte están centrados na persoa e na obra de Xoán Bautista. Xoán Bautista foi un personaxe moi querido e venerado polas primeiras comunidades cristiás; liderou un movemento relixioso, do que, sendo adulto, Xesús formou parte, aínda que despois de distanciou del. A figura e as actividades de Xoán Bautista pódennos axudar a poñernos na actitude correcta para prepararnos a acoller ao Xesús, do que axiña celebraremos o seu nacemento, e a acoller tamén ao Xesús que a diario, de mil maneiras, se quere facer presente no medio de nós.

O anuncio fundamental de Xoán Bautista ten todo o valor para nós hoxe: Anuncia a chegada de Deus que bota a andar o seu proxecto de humanización de todas as persoas e institucións, e úrxenos a que lle prestemos atención, a que nos volvamos cara a el, a que fixemos nel a ollada, o corazón, a vida. Se vemos como andan as cousas entre nós, se ollamos para o corazón e a vida de cada un, cada unha de nós, canto nos fai falla esa humanización a fondo que Deus nos ofrece! É moi importante que como persoas e como comunidade cristiá nos preguntemos con sinxeleza, con verdadeiro interese, que podemos facer para acoller o que Deus nos ofrece. O que a continuación vai dicindo o Evanxeo pódenos axudar a entender como lle podemos prestar a Deus a atención debida, e así beneficiarnos do seu ofrecemento.

Xoán vestía e comía austeramente. Non era, desde logo, un representante dunha sociedade de consumo. O seu afán de cada día non era adornarse coas mellores vestimentas, nin alimentarse coas mellores comidas. Era sobrio. Era libre, coa liberdade que pode ofrecer a pobreza, a sobriedade querida e abrazada como forma normal de vivir, en todo. O seu corazón estaba posto en Deus e no pobo conxuntamente. O seu afán era que o pobo puidese probar, experimentar o boas que son as cousas de Deus: o seu amor, a súa xustiza, o seu perdón, o seu respecto por todas e cada unha das persoas, a súa preferencia apaixonada pola xente máis débil. A iso dedicaba todo o seu empeño. Era un profeta de Deus. Alguén que o propoñía de forma ben convencida e apaixonada. Para iso invitaba a un bautismo, que simbolizaba a limpeza de quen quería presentarse ante Deus e ante o pobo limpo, libre, dispoñible. Como persoas cristiás que somos, como comunidade cristiá que somos, todos, todas estamos chamados a acoller a Xoán e as persoas coma Xoán que, onte e hoxe, nos ofrecen as bendicións de Deus. O Papa Francisco igual está facendo hoxe para nós as funcións de Xoán Bautista. Ao mesmo tempo tamén estamos chamados a ser un pouco profetas, a vivir sobriamente, a ser persoas libres, a darlle cara á tentación do consumo estéril, a loitar para que a ninguén lle falte iso elemental que permite cando menos vivir con dignidade, co necesario, a soñar cun pobo bendicido por Deus e cos modos e maneiras de que iso se vaia dando entre nós. O consumismo non salva o mundo, como moitas veces se afirma, senón que só salva o sistema capitalista actual que tanto nos está afogando. Acollemos os profetas? Facemos algo de profeta?

Xoán vía que chegaba onda el xente que non tiña intención de cambiar de estilo de vida. Saduceos e fariseos, xente do sistema. Viñan curiosear ou simplemente finxir. Xente convencida de que estaban ben onde e como estaban, aínda que non houbese coherencia nas súas vidas, e os seus feitos non cadrasen coa súa fe, coas súas palabras. Non crían na novidade de Deus para eles, para o pobo todo. Xente crida, xente segura, xente que non deixaba ningún oco ao imprevisible de Deus. Xente fiada máis dos seus dereitos de raza, de Igrexa, ca non da forza de Deus que nos chama ao reto da fraternidade real, que case nos parece imposible. A actitude dos saduceos e fariseos non vale para a gran aventura do Advento, para a gran aventura do Nadal: facerlle oco amplo a Deus nas nosas vidas.

Por último Xoán invítanos acoller con humildade o regalo de quen vén, de quen é forte, de quen, máis aló da auga que lava por fóra, pode introducir en nós unha revolución imparable, un Espírito Santo, un lume, que queima, limpa, quenta, alenta, empuxa, fortalece as nosas vidas rotas, a nosa sociedade rota, para que todos, todas, deamos o bo froito que se espera de quen foi sementado co vigor de Deus.

Cada eucaristía é un tempo no que podemos facer a experiencia de acoller a quen vén, ao irmán forte que nos cura, nos arrexunta, nos vigoriza para a grande tarefa de poñer nas nosas vidas, nas nosas comunidades, na nosa sociedade, unha sólida palabra de esperanza, avalada por unhas vidas humildemente proféticas.

Preces

PREPAREMOS OS CAMIÑOS DO SEÑOR

Para que poida curar as nosas vidas feridas, rotas, tristes, apagadas, inxustas. Oremos.

Para que as nosas comunidades recuperen o amor e o entusiasmo primeiro, e nos fagamos así capaces de contribuír á esperanza da xente que nos rodea. Oremos.

Para que Deus tome asento de verdade nas nosas vidas, e nos encha do seu Espírito de festa e de loita. Oremos.

Para que nos poidamos converter en xente dada ao comunitario, disposta a compartir e servir, de xeito que medre e medre entre nós a irmandade. Oremos.

Para que o Nadal se faga realidade e festa nas nosas vidas. Oremos.

Oración
(Soñando con Isaías 11,1-10)
Que descanse sobre nós o teu Espírito, Señor.
Espírito de sabedoría e discernimento,
Espírito de consello e fortaleza,
Espírito de respecto e amor por ti.

Que a nosa compracencia maior sexa sempre
estar fondamente vinculadas a ti
e ás cousas todas,
a xente toda,
o mundo todo,
polos lazos dun amor solidario.

Que non falemos nin actuemos nunca
levados pola aparencia, polos falares da xente,
polos prexuízos preguiceiros,
senón que a xustiza mida sempre os nosos pasos,
para así defender con ela o dereito
da xente pobre e oprimida,
xente que hoxe tanto abunda.

Que acabemos con toda violencia,
propia e allea,
a base de palabras axustadas
que saquen á luz os seus perversos mecanismos,
a base de xustiza exquisita
e de fidelidade a proba de provocacións.

Que entre nós,
e en calquera recanto da nosa terra,
o lobo habite tranquilamente cos años,
e o leopardo cos cabritos;
que o becerro e o leonciño pazan xuntos
e que unha criatura de peito os alinde.

(Que os israelitas festexen cos palestinos;
que os veciños/as encontrados/as de sempre
se xunten para celebrar o Patrón;
que se disolvan as grande cúpulas financeiras
e repartan os seus beneficios
entre as persoas e pobos moribundos;
que se suspenda definitivamente a produción de armamento
e se dedique o seu custe a matar a fame e curar enfermidades...)

Que o respecto, o amor, os coidados, a inocencia
cubran a terra
coma un manto de paz e de esperanza.

Que o mundo enteiro se encha do teu coñecemento, Señor,
do teu afecto, da túa tenrura,
o mesmo que o mar se enche coas augas.
Acción

A cousa vai de conversión. Non lle teñamos medo a esa palabra. A conversión é sempre para mellorar e progresar en fe, en humanidade. Que cousas da miña vida me viría ben cambiar? Que cousas do meu entorno social podería axudar a cambiar?


5 de decembro: Luns 2ª semana de Advento

1ª lectura: Is 35, 1-10
Salmo: 84, 9ab-10. 11-12. 13-14

Evanxeo: Lc 5, 17-26.

Un día estaba Xesús ensinando e estaban alí sentados algúns fariseos e letrados que chegaran de todas as aldeas de Galilea, de Xudea e tamén de Xerusalén. El co poder do Señor curaba a xente.

Nisto uns homes trouxeron nunha padiola un tolleito e miraban como metelo dentro para poñelo diante de Xesús. Pero, como non atopaban por onde o meter debido á moita xente que había, subiron ao tellado e baixárono co leito apartando as tellas, ata deixalo no medio, diante de Xesús. Vendo a fe que tiñan, dixo Xesús:
—Home, quédanche perdoados os teus pecados.

Os letrados e máis os fariseos empezaron a matinar:
—Pero quen é este, que así blasfema? Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?

Xesús, decatándose do que pensaban, díxolles:
—Que cavilades nos vosos adentros? Que é máis doado, dicir: “Perdoados quedan os teus pecados”, ou dicir: “Érguete e anda”? Pois, para que vexades que o Fillo do Home ten poder na terra para perdoar pecados –díxolle ao tolleito—, falo contigo: érguete, colle a padiola e vaite para a casa.

E así foi. Ergueuse no intre diante deles, colleu a padiola e marchou para a súa casa, loando a Deus. Todo o mundo quedou abraiado e cheos de temor loaban a Deus dicindo:
—Hoxe vimos cousas nunca vistas!

Meditación

No Evanxeo de hoxe vemos por onde vai a fortaleza de Xesús. Parece certamente que Xesús tiña poderes especiais para curar algunhas veces algunhas enfermidades da xente, pero sobre todo tiña moito poder para entrar no fondo das persoas e renovalas, fose cal fose o deterioro que as comese por dentro. E ese é o Xesús que se nos anuncia e ofrece no Advento.

Facemos ben en curarnos dos males do corpo, coidándonos nós, levando unha vida sa e esixindo un bos servizos sanitarios para todo o mundo. É un deber que temos como seres humanos e fillos ou fillas de Deus que somos.

Estaría ben que igualmente coidásemos o noso espírito, a nosa interioridade, o fondo do noso ser, procurando estar a ben, en paz, con nós mesmos, coa demais xente, coa natureza, con Deus. A nosa felicidade descansa na paz interior que teñamos, moito máis do que pensamos. Xesús ofrécesenos para axudarnos nesta tarefa.

Oración
Grazas, Xesús, pola xente que me fala de ti,
pola xente que na vida me foi poñendo diante túa.
Grazas porque te coñezo algo,
porque te quero algo,
porque teño experimentado algo
o forte que es para facer de min unha persoa nova.
Aquí estou diante de ti, Xesús,
para que entres ata o fondo do meu ser
e me axudes a curar de todas as miñas doenzas.
Acción

Pensa se en algo estás abandonando o coidado do teu corpo ou do corpo da xente que vive contigo, e cambia.

Pensa tamén se en algo non poderías mellorar por dentro, no teu corazón, na túa paz interior, en quererte ben, no agarimo pola xente, na acollida, no respecto…, e mira o que poderías facer para mellorar.


6 de decembro: Martes 2ª semana de Advento

1ª lectura: Is 40, 1-11
Salmo: 95, 1-2. 3 e 10ac. 11-12. 13

Evanxeo: Mt 18, 12-14

Un día dixo Xesús:
—A ver, que vos parece? Se unha persoa ten cen ovellas e perde unha, non deixará as outras noventa e nove no monte para ir buscar a descarreirada? E, se a atopa, asegúrovos que se alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non se perderon.

Do mesmo xeito, a vontade do voso Pai do ceo é que non se perda ningunha destas criaturas máis pequenas.

Meditación

Estar en vela, preparar camiños, dísenos no Advento. Pero, quen é o que chega? Xesús, coa súa comparanza de hoxe, fainos unha foto dese que chega, debúxao, dinos como é no seu corazón, na súa vontade, na súa maneira de ser e de actuar, nos seus sentimentos, nas súas ledicias neste caso. Ese é quen peta á nosa porta e nos chama.

Que nos queda a nós? Aledarnos tamén de que as cousas sexan así, de que o noso Deus sexa así. Admitir as nosas moitas fraxilidades, que as temos, seguro, e refuxiarnos con elas no corazón de Deus, que é Pai/Mai de perdóns, que é Irmán que acompaña, que é Espírito que dá forzas para andar o camiño.

Que nos queda a nós? Home, facer outro tanto, no que poidamos, cos compañeiros e compañeiras de comunidade, de parroquia, de pobo. E que prenda a ledicia de Deus entre nós, que prenda a festa.

Oración
Grazas, Pai, por ser como es.
Grazas, Nai, polas túas entrañas de misericordia.
Grazas, Pai, porque cada día saes aos camiños,
na busca dos teus fillos e fillas malferidas.
Grazas, Nai, porque pos en nós a túa ledicia.
Grazas, Pai, porque nos convocas ao mesmo,
Grazas, Nai, porque queres facer de nós unha familia solidaria.
Acción

Seguro que coñezo a alguén que ande en solidariedades, buscando a algunha desas criaturas máis fráxiles que hai polo mundo. Achégome a esa persoa, pregunto, escoito, déixome ferir por ela.


7 de decembro: Mércores 2ª semana de Advento

1ª lectura: Is 40, 25-31
Salmo: 102, 1-2. 3-4. 8 e 10

Evanxeo: Mt 11, 28-30

Unha vez dixo Xesús:
—Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e a gobiadas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e de corazón humilde, e sentirédesvos aliviados. Porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga lixeira.

Meditación

Chama a atención a preferencia de Xesús. Diríxese especialmente á xente cansa e aflixida. Pero quen non está cansa e aflixida nun momento ou noutro, por unha razón ou por outra? Por iso Xesús diríxese especialmente a ti, a min e a calquera que o escoita.

Xesús promete alivio; el veu para darnos alivio, para axudarnos a ser persoas que levan alivio a cansos e aflixidos. Unha relixión que non alivie e axude a aliviar non é boa, non é cristiá.

Oración
Veño onda ti, Xesús,
coas miñas canseiras e afliximentos
que ti ben coñeces.
Veño onda ti,
desexando, agardando o teu alivio,
porque es bo,
porque tes un corazón grande coma o mundo,
capaz de entendernos e acollernos sen medida.
Que ti sexas, Xesús,
o meu acougo cada noite,
a miña forza cada mañá.
Acción

Párate a pensar nalgunha persoa coñecida que estea pasando por algunha situación de canseira ou afliximento. Non poderías ofrecerlle ti tamén, con Xesús, algo de alivio? Pénsao e faino.

Pensa naquela cousa que a día de hoxe che está causando máis preocupación e angustia. Escríbea nun papel de forma resumida. Fai oración simplemente repetindo: Xesús, Xesús!


8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción

1ª lectura: Xén 3, 9-15. 20. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3c-4.
2ª lectura: Ef 1, 3-6. 11-12

Evanxeo: Lc 1, 26-38

Naquel tempo mandou Deus o anxo Gabriel a unha aldea chamada Nazaré, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

O anxo entrou onde estaba ela e díxolle:
—Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel.

O anxo continuou:
—Non teñas medo, María, porque ti gozas do favor de Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo ao que lle poñerás o nome de Xesús. Será grande e chamarase Fillo do Altísimo, e o Señor Deus daralle o trono do seu antepasado David; reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin.

María respondeulle ao anxo:
—E como pode ser isto, pois eu son virxe?

O anxo replicoulle:
—O Espírito Santo baixará sobre ti e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo e chamarase fillo de Deus. Aí tes a túa curmá Sabela, que concibiu un fillo na súa vellez, e xa está de seis meses a que chamaban estéril, pois para Deus non hai imposibles.

María contestou:
—Velaquí a escrava do señor; que Deus faga comigo segundo me dixeches.

E o anxo marchou de onda ela.

Meditación

O evanxeo fala de concepción de Xesús no ventre de María, e a festa que hoxe celebramos é a da concepción da mesma María no ventre da súa nai, que se chamaba Ana. Igual nos encerellamos un pouco con estas historias.

Non é algo casual que a nai de Xesús fose unha muller de aldea. Na Biblia aparece moitas veces que a xente máis débil, pequena, sen poder social, acaba levando adiante as cousas grandes e fermosas de Deus.

O relato non é para que nos enredemos en cousas de sexualidade. Non vai por aí o que o evanxeo nos quere dicir.

O de María, o de Deus en María, o de Deus en calquera persoa que lle faga caso, vai sempre de humildes e grandes propostas acompañadas da forza do Espírito para poder realizalas. Se, como María, nos fiamos de Deus, calquera de nós podemos concibir e parir cousas entrañables, boas, que saben a Deus, que aledan, que cambian as parroquias, o mundo. María confiou, foi fiel. Nós tamén o podemos ser. Algo polo menos.

Oración
Que me saiba querid@ e saudad@ por ti, meu Deus.
Que non me venzan os medos, os límites que teño.
Que me saiba fiar de ti, do teu Espírito.
Que me deixe levar por el ata onde el queira.
Aquí estou, meu Deus, conta comigo.
Acción

É moi posible que haxa algo que che gustaría facer para mellorar as cousas da casa ou da comunidade ou da parroquia ou da sociedade en xeral. É posible que teñas medos e covardías que che estean impedindo levalo a cabo. Dá un paso adiante. Identifica ese medo, esa covardía, supéraa e bota a andar o que che gustaría facer. Poñeraste na onda de María, na onda do Espírito.


9 de decembro: Venres 2ª semana de Advento

1ª lectura: Is 48, 17-19
Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6

Evanxeo: Mt 11, 16-19

Unha vez dixo Xesús:
— Con quen compararía eu a xente deste tempo? Aseméllase á rapazada que se xunta para xogar nas prazas e discuten entre si dicindo: "Tocamos a frauta e non bailastes, cantamos cousas tristes e non chorastes".

Porque veu Xoán, que nin comía nin bebía, e din que ten o demo no corpo; veu despois o Fillo do home, que come e bebe, e din que é un larpeiro e bebedor, amigo da xente pecadora e dos que cobran os impostos para Roma. Pero a sabedoría de Deus quedou acreditada polas súas obras.

Meditación

Xesús atopouse no seu tempo cunha xente que, entraran por onde lle entraran, sempre tiña escusas para non facer nada, para non implicarse en nada, no persoal e no social. Somos nós tamén así nos tempos de hoxe? Pois igual si. Vemos con frecuencia a xente queixándose de todo, pero, cando se lle propón participar nalgunha acción, nalgún grupo, nalgunha asociación para buscar remedios, cean para atrás, poñendo pegas a todo.

E a sociedade pode ir máis ou menos mal, pero ao mesmo tempo cantas cousas ben boas non se nos ofrecen para poder aproveitalas, gozalas e mellorar con elas! Compañas, libros, actos culturais, educadores, guías espirituais, espazos naturais, música e un longo etcétera. Quen tivese todo isto noutras partes do mundo! Non nos deixamos levar por unha soberbia e por unha desgana destrutivas?

Oración
Xesús,
ti es a gran oportunidade da miña vida,
para facer e refacer a miña persoa,
para aprender a situarme na sociedade e no mundo.
Que saiba acollerte, Xesús,
que saiba abrirche de par en par
as portas do meu corazón, da miña vida toda.
E que así ti fagas en min e a través de min
todo o que ti es capaz de facer.
Grazas, Xesús.
Acción

Repasa a túa vida. Hai algunha cousa á que te esteas negando por que si, por ser turrón, por preguiza, por non querer baixar do burriño? Hai algunha posibilidade de crecemento á que te esteas negando? Ofrécenche algunha oportunidade de medrar no coñecemento e na intimidade con Xesús e co seu espírito e estaste negando a iso? Pénsao. Fai algo.


10 de decembro: Sábado 2ª semana de Advento

1ª lectura: Eclo 48, 1-4. 9-11
Salmo: 79, 2ac e 3b. 15-1º6. 18-19

Evanxeo: Mt 17, 10-13

Un día preguntáronlle os discípulos a Xesús:
—Por que din os mestres da lei que primeiro ten que vir Elías?

Xesús respondeulles:
— Si, Elías tiña que vir para volver poñer todas as cousas en orde. Pero eu asegúrovos que Elías xa veu, e non o recoñeceron, senón que fixeron con el o que quixeron; do mesmo xeito o Fillo do home padecerá nas súas mans..

Entón comprenderon os discípulos que estaba falando de Xoán o Bautista.

Meditación

Segundo como tratamos a xente, así tratamos tamén a Deus. Se á xente non lle prestamos atención, non a escoitamos, non a valoramos, non a queremos, non a servimos, non pensemos que podemos escoitar, valorar, querer e servir a Deus, por moito que o digamos coas nosas palabras, cos nosos rezos, coas nosas cancións. A medida do divino en nós é o humano.

Tamén pasa que ás veces aparecen na nosa vida persoas que teñen un don especial, persoas que rompen con rutinas de sempre, que propoñen cousas novas en calquera campo: no político, no social, no ensino, na relixión mesma. Son coma unha presenza divina especial no medio de nós. Frecuentemente estas persoas son mal vistas de entrada e sofren críticas e persecucións. Disto todos temos experiencia. Pechándonos a esa xente acabamos pechándonos ao Deus que nos visita.

Oración
Xesús, ti ensínasme a acollerte
nas persoas que me acompañan na vida,
e que demandan de min atención, escoita, servizo,
cambio na miña maneira de ser.
Ensínasme a acollerte nelas
e dásme forzas para facelo.
Que non me negue, Xesús, que non me negue.
Que non te defraude.
Acción

É moi posible que teña deixado de lado a algunha persoa ou grupo que, cunha demanda ou con outra, se ten achegado á miña vida ultimamente. Penso en como atender ben esa demanda como sinal da miña vontade de acoller a Xesús polo seu Nadal.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.