24-25 de decembro: O Nadal, o nacemento do Señor
Misa da noite
1ª lectura: Is 9, 1-6. Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 11-12. 13
2ª lectura: Tit 2, 11-14.
Evanxeo: Lc 2, 1-14.
Naqueles días, saíu un decreto do emperador Augusto, ordenando o empadroamento de todo o mundo. Foi o primeiro censo que se fixo; por entón era Quirino gobernador de Siria. E todos, en cadansúa cidade, fóronse empadroar . Tamén subiu Xosé desde a vila de Nazaré, en Galilea, ata Xudea, á vil de David chamada Belén —pois pertencía á casa e familia de David— para empadroarse con María, a súa muller,que estaba embarazada. E resultou que, estando alí, chegoulle o tempo do parto, e deu a luz o seu fillo primoxénito. Envolveuno nuns capizos e deitouno nunha manxadoria, na corte das bestas, porque dentro da pousada non había lugar para eles.
Había naquela comarca uns pastores que pasaban a noite ao descuberto vixiando o seu rabaño. Presentóuselles un anxo do Señor e a auréola do Señor envolveunos co seu resplandor. Eles levaron un gran susto.
Pero o anxo díxolles:
—Non vos asustedes, que vos veño anunciar unha boa nova: vai haber unha gran alegría para todo o pobo. Hoxe na vila de David naceuvos un Salvador, o Mesías, Señor. Este é o sinal: atoparedes nunha criatura envurullada e deitada nunha manxadoira, nunha corte.
E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude do exército celestial, que loaba a Deus dicindo:
—Gloria a Deus no ceo e na terra paz á xente que goza do seu amor!
Misa do día
1ª lectura: Is 52, 7-10. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6
2ª lectura: Heb 1, 1-6
Evanxeo: Xn 1,1-18
No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente toda; a luz alumea na tebra e a tebra non a deu apagado.
Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todas as persoas cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.
A Palabra era a verdadeira luz que alumea a todo ser humano que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron —aqueles homes e mulleres que cren no seu nome— deulles o poder de seren fillos e fillas de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.
Xoán deu testemuño del exclamando: "Este é aquel de quen eu vos dixen: O que vén detrás miña pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
E da súa abundancia recibimos todos nós, graza e máis graza. Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.
Meditación
Celebramos o día do Nadal con tres celebracións específicas: unha á media noite, o que se chama vulgarmente “Misa do galo”; outra ao amencer e outra xa polo día, a unha hora máis ou menos avanzada. Este feito estanos indicando a grandeza do acontecemento que celebramos (Deus metido, revolto, introducido dentro do ser humano, do mundo, do cosmos, en Xesús de Nazaré, e en todos e todas nós, facendo unha unidade total, que nos recrea), e, en consecuencia, estanos indicando tamén como debemos darnos tempo para acoller, sopesar, valorar, agradecer, compartir, celebrar ese acontecemento. Comentamos os dous textos do evanxeo de Lucas, e deixamos o comentario ao evanxeo de Xoán para o domingo 2º despois de Nadal, día no que tamén se le ese evanxeo.
Á hora de construír os seus relatos sobre a infancia de Xesús, o evanxelista Lucas traslada á nenez de Xesús características que as primeiras comunidades cristiás descubriran como fundamentais no que fora a experiencia espiritual e no estilo de vida de Xesús. Faranos ben que nos acheguemos a este relato cunha actitude de aprendiz, con disposición cara ao asombro, con espírito de agradecemento e con ánimo de seguimento. Houbo moitas persoas crentes que así o fixeron, e a meditación e vivencia deste relato conmocionoulles a vida toda, para ben. Unha desas persoas foi San Francisco, que, casualmente, a través da figura e do traballo pastoral do Papa Francisco, se está facendo de novo presente entre nós, coa frescura, a inocencia e o vigor do seu seguimento de Xesús.
Xesús naceu “coma un de tantos” e tantas, segundo di San Paulo. Naceu como nacía calquera neno pobre daqueles tempos, normalmente en medio de pobreza. E non porque o escollese así, senón porque así era a realidade da súa vida. Naceu en pobreza, criouse en pobreza, fíxose persoa adulto sendo un máis no medio dun pobo rural pobre, participou de todos os traballos, soños, expectativas da xente pobre, e descubriu na mesma pobreza un espazo privilexiado para atoparse con Deus e para falar de Deus, para narrar vitalmente a Deus. Con todas as persoas pobres coas que convivía, xente normalmente tida en menos por quen gobernaba e rexía, aspirou a unha vida digna, valorada, integrada socialmente, integrada na súa fe; traballou por iso con todas as forzas, con convencemento propio, no nome de Deus. Nese amor solidario a fondo, foise sentindo fillo de Deus en todo, e como tal o viron as persoas que tiveron a sorte de velo, seguilo, acompañalo.
Xesús nace en pobreza, visítano uns pastores, xente que, ademais de pobres, tiñan un oficio daquela nada recomendable e tido moito en menos; eran xente da que cumpría desconfiar. Xente das marxes da sociedade, xente da periferia, como nos di o Papa Francisco. Entre esa xente empeza a moverse Xesús. Sabemos que despois, ao longo da súa vida toda, estivo con frecuencia rodeado desa xente da periferia, xente marxinal. Se o Papa Francisco nos insiste en que nos poñamos en contacto con esa xente, que nos metamos no seu mundo coma amigos/as, coma irmás/irmáns, é porque Xesús mesmo foi o primeiro que fixo iso. Son as nosas comunidades cristiás lugares de aprendizaxe para introducirnos cordialmente, como amigas e irmás, entre a xente máis pequena, pecadora, diminuída e marxinal?
Os pastores son as persoas ás que se lles abren os ollos para que descubran a presenza do Deus vivo no medio de tanta normalidade e pobreza. Os sinais de Deus son ben simples: un pai, unha nai, un neno, un presebe no que está deitado. É un cadro simple, de pobreza, como o que moitas veces podemos contemplar nas nosas vidas. E alí ven a Deus! E alí está Deus, ofrecendo e reclamando amor, tenrura, apaixonamento! E alí descobren a luz, a paz, a alegría de Deus para a xente toda, para o mundo todo. Algo desconcertante para quen esperaba que Deus se había facer ver a través de manifestacións cheas de riqueza e moito aparato.
A escena de Belén invítanos a todos e todas nós a ir a Belén, a viaxar cara aos Belén vivos; non eses que se fan con monecos, nin sequera esoutros que se fan con persoas humanas, pero artificialmente; senón os Beléns reais, eses que están formados por familias pobres, con recursos escasos, con débedas, desafiuzadas quizabes; ou os Beléns formados por familias normais, sinxelas, nas que hai traballo, boa convivencia, solidariedade, acollida; ou os Beléns formados por familias desgarradas, ou por xente sen familia, ou por emigrantes desasistidos de todo, que andan fuxindo da Policía para non seren repatriados/as. Realidades da periferia, que seguen sendo os lugares onde Deus, misteriosamente, segue nacendo dun xeito especial e onde se nos ofrece a posibilidade, como lles pasou aos pastores, de velo con alegría, de contemplalo asombrados, de compartilo con outras persoas, de conservalo no corazón coma María, e de loar a Deus por todo iso. Así nace Deus no mundo, así nace Deus en cada un, en cada unha de nós.
A Misa deste día pode ser un momento ben apropiado para agradecer que, por iniciativa e bondade de Deus, todos, todas esteamos enredadas nestas cousas de Deus tan simples e tan fondas.
Preces
GLORIA A DEUS NO CEO
E NA TERRA PAZ Á XENTE QUE GOZA CO SEU AMOR!
Bendicímoste, Deus noso, con María e con Xosé, pais de Xesús, que puxeron o corazón e a vida toda ao servizo dos teus proxectos. Oremos.
Glorificámoste con pastores, e con todos os homes e mulleres pobres, humildes, que te saben acoller con alegría e dispoñibilidade. Oremos.
Loámoste con todas as persoas que te buscan e encontran entre as periferias da nosa sociedade, entre a xente máis débil e marxinal. Oremos.
Cantámosche, Deus noso, con Xesús no presebe, con todos os nenos e nenas, con toda a xente inocente que vive e se relaciona sen malicia, sen trampas, sen corrupcións. Oremos.
Proclamamos a túa gloria coas persoas que traballan pola paz e pola xustiza, coas persoas que buscan cambiar este mundo para facelo máis favorable a quen peor o está pasando. Oremos.
Oración
Eu non sei que lle hei levara quen naceu en Belén,a Xesús, fillo de Deus,de María e de Xosé.Nin riquezas, nin poderes,nin as pompas van con el:que agasallo lle hei levara quen naceu en Belén?Un corazón solidariose cadra lle pega ben,pois por solidariedadeun coma nós quixo ser.Bicos das nenas forzadasa sexo cos grandes ter;e deses nenos da guerra,que disparan e non len.Unhas pinguiñas de sangueda xente negra do alén,ferida nas concertinas,bebendo do noso fel.Os aloumiños máis limposde tanta xente de benque soña co pan, coa pazco traballo, co querer.Un ramalliño de acivroou de toxo lle hei traer,chorimas de graza e festa,espiñas de amor ben fiel.Os suspiros dun velliñosen familia, que non tennetas nin netos no colocon bicos que lle ofrecer.Risas de nenas e nenos,xoguetes de leite e mel,cos que el poida estar ben ledo,gozar moito por nacer.O meu corazón ferido,as miñas mans, os meus pés,a miña entrega ardorosa:meu Xesús, aquí me tés!
Acción
Día de encontro familiar, normalmente veciñal, para comer ou cear. Nalgún momento dese encontro, facer memoria do feito relixioso que foi o arrinque de toda esta movida social, relixiosa da que participamos: acender unha veliña, cantar unha panxoliña, comentar algún xesto solidario que coñezamos, …
26 de decembro: festa de santo Estevo o primeiro mártir
1ª lectura: Heb 6, 8-10. Salmo: 30, 3cd-4. 6 e 8ab. 16bc-17.
Evanxeo: Mt 10, 17-22
Naquela hora díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Tende coidado coa xente, porque vos han entregar aos tribunais e golpearanvos nas sinagogas, e pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis; así daredes testemuño de min diante deles e dos pagás.
E cando vos entreguen, non andedes angustiados polo que ides dicir e por como dicilo, porque naquela hora Deus vos suxerirá o que tedes que dicir. Non sodes vós os que falaredes, senón que será o Espírito de meu Pai quen falará por vós. Haberá irmáns que entreguen a seus irmáns á morte, pais a fillos, fillos que denuncien a seus pais ata facelos matar. Pola miña causa hanvos odiar, pero o que persevere ata o final, ese salvarase.
Meditación
Chama ben a atención que, despois da paz, do gozo, da tenrura do Nadal, deseguida nos poñamos a celebrar a memoria de santo Estevo, considerado o primeiro mártir, a primeira persoa que foi matada por manterse fiel ao seu seguimento de Xesús, o neno aquel que nacera en Belén. A paz que se anunciara no seu nacemento non quita do medio as dificultades da vida, que nalgúns casos chegan á mesma morte. Non as quita do medio, pero a paz do Nadal dános sentido e forza para afrontalas dun xeito positivo, con serenidade. Sabernos en Deus e a Deus en nós —iso celebramos no Nadal— permítenos encaralo todo desde a humilde valentía que o mesmo Xesús tantas veces amosou.
Oración
Nas horas de dor,a túa paz, Señor.Nas horas de conflito,saberte ben ao meu ladiño.Nas horas dos desprezos,o teu maternal aprecio.Nas horas de abatemento,o gozo do teu seguimento.
Acción
Evitas en ocasións dicirte persoa cristiá por medo a desprezos ou ridiculizacións? Fagamos a proposta de non calar os nosos convencementos cristiáns, con humildade, sen chulerías, cando sexa do caso.
Dia 27 de decembro: festa de san Xoán Apóstolo e Evanxelista
1ª lectura: 1 Xn 1, 1-4. Salmo: 96, 1-2. 5-6. 11-12
Evanxeo: Xn 20, 2-8
O primeiro día da semana María Magdalena botou a correr ata onde estaban Simón Pedro e o outro discípulo a quen Xesús amaba e díxolles:
—Colleron do sepulcro o Señor e non sabemos onde o puxeron.
Pedro e máis o outro discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par, pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro e chegou primeiro ao sepulcro. Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, entrou no sepulcro e viu os lenzos pousados alí, pero o sudario que envolvera a súa cabeza non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén ao sepulcro o outro discípulo que chegara primeiro; viu e creu.
Meditación
Co Nadal, que estamos celebrando estes días, abriuse a vida de Xesús, unha vida de busca, de apego fondo a Deus e ao pobo nun mesmo e firme amor solidario. Unha vida que, a forza de fidelidades, acabaría en cruz, en morte violenta por plantarlle cara, no nome de Deus, a tanta hipocrisía social e relixiosa. Pero a vida de Xesús cativou a moita xente no pasado e no presente. Entre eles Pedro e Xoán, o discípulo amado polo Señor, a quen hoxe recordamos.
Nós tamén nos sentimos atríd@s por esta corrente de vida e de ilusión que brotou do nacemento, da vida e da morte de Xesús, da súa paixón amante por nós, pola xente máis diminuída, por todo o mundo. E corremos coa Magdalena, Pedro e Xoán cara ao sepulcro, á espera de poder ver e percibir, á nosa maneira, os sinais desa presenza viva de Deus nas nosas vidas. Todo é cuestión de amores. E parece que o apóstolo Xoán era experto nisto. Disto viviu e disto falou no Evanxeo e cartas que levan o seu nome.
Oración
Paixón para moverme, Xesús,
pernas para correr,
ollos para verte,
fe para crer,
corazón para amarte,
decisión para seguirte,
verbas para contarte,
comunidade para celebrarte,
gozo para acompañarte
e pobres cos que avalar tantos soños,
para que a miña vida non se perda en fantasías.
Que así sexa, Xesús.
Acción
Fai hoxe unha ruta andando, e mesmo correndo, ata o lugar onde podas verte con algunha persoa empobrecida. Míraa, comparte con ela, agasállaa como queiras, e fai dese encontro o encontro con Cristo resucitado.
28 de decembro: festa dos Santos Inocentes
1ª lectura: 1 Xn 1, 5—2, 2. Salmo: 123, 2-3. 4-5. 7b-8
Evanxeo: Mt 2, 13-18
Cando os sabios se foron, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:
—Érguete, colle o neno e máis a nai e fuxe para Exipto. Non te movas de alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.
Xosé ergueuse, colleu o neno e máis a nai pola noite e marchou para Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, e así cumpriuse o que dixera o Señor por medio do profeta:
—De Exipto chamei o meu fillo.
Daquela Herodes, ao decatarse de que os sabios se burlaran del, aborreceuse moito, e, botando contas polo que os sabios lle dixeran, mandou matar a todos os nenos de dous anos para abaixo que vivían en Belén e na súa bisbarra. E así cumpriuse tamén o dito polo profeta Xeremías:
Oíuse un berro en Ramah,choros e lamentos por todas partes;é Raquel que chora polos seus filliños,e non se quere consolar porque xa non existen.
Meditación
O Evanxeo de hoxe converte a familia de Xesús e ao mesmo Xesús nunha familia de prófugos, que foxe buscando refuxio nun país onde poder conservar a vida. Tocoulle pasar polas que hoxe están pasando moitas familias máis ben do Sur, que veñen a Europa na procura de seguranza, de medios de vida. Non está mal que pensemos que esa xente refuxiada de hoxe son coma unha representación, un sacramento vivo da presenza de Xesús no medio de nós. Os inocentes que hoxe veneramos sono eses nenos e nenas, homes e mulleres, que, a causa dos abusos e animaladas dos señores da guerra e de cantos os seguen, padecen inocentemente e con inocencia petan ás nosas portas.
Non ten xeito celebrar o Nadal con moita panxoliña, moitas luces e adornos, moita boa mesa, se non nos solidarizamos coa inocencia, e con quen con inocencia pasa penalidades. A festa dos santos Inocentes non vai de inocentadas, senón de inocencia, vivida e defendida ante quen queira burlarse dela. A festa dos santos Inocentes vai incluso de martirio, por apegarse a Xesús e á súa causa.
Oración
Que a inocencia me namore, Xesús,e me leve a vivir sen malicia.Que me namore o teu corpo fráxil,e todas as fraxilidades que poboan esta terra.Que o meu corazón, a miña casa se volva fogarpara quen precise teito, leito, pane dignidade.Que a miña voz se sume convencidaa quen te vive, canta, sofre e loita na inocencia.
Acción
Grazas a Deus, grazas á boa humanidade, hai moita xente que se está agrupando para dar acollida e atencións á xente refuxiada ou inmigrante ou derreada por calquera razón. Igual poderían integrarte nalgunha asociación que ande nesas cousas, para andar así polos camiños de Xesús.
29 de decembro: día 5º dentro da oitava de Nadal
1ª lectura: 1 Xn 2, 3-11
Salmo: 95, 1-2a. 2b-3. 5b-6
Evanxeo: Lc 2, 22-35
Cando chegou o tempo da purificación, conforme a Lei de Moisés, levaron o neno a Xerusalén, para llo presentaren ao Señor; pois así está escrito na Lei do Señor: "Consagraredes ao Señor a todo varón primoxénito"; e tamén para faceren unha ofrenda, conforme se di na Lei do Señor: "Un par de rulas ou dous pombiños".
Vivía daquela en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo estaba con el e prometéralle que non había morrer sen ver o Unxido do Señor. Movido polo Espírito foi ao templo e, cando entraban os pais do neno Xesús para cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el colleuno nos brazos e loou a Deus dicindo:
—Agora, Señor, segundo a túa promesa,podes deixar que o teu servo morra en paz,porque xa os meus ollos viron o teu salvador,o que ti preparaches para todos os pobos:luz de revelación para todas as xentese gloria do teu pobo Israel.
O pai e máis a nai do neno ficaron abraiados polo que tal dicía do neno. Bendiciunos Simeón e díxolle a María, a nai:
—Mira, este está disposto para caída ou levantamento de moita xente en Israel, para ser signo de contradición, e a ti mesma unha espada hache atravesar a alma; así quedarán ao descuberto as intencións de moitos corazóns.
Meditación
Xosé e María aparecen facendo o que por lei e costume todos facían cando tiñan un picariño. Algo ordinario que os responsables do templo vían unha e mil veces ao ano. Pero o vello Simeón, home xusto e bo, familiarizado co Espírito, co que tiña intimidades fondas, intúe, ve, anuncia o que os outros asistentes non podían nin ver nin proclamar. As cousas de Deus son así, onte e hoxe: están aí, envoltas nas miudezas e normalidades da vida, á espera de que alguén, familiarizado co Espírito, as descubra, goce con elas e as comparta para bendición da demais xente. As cousas de Deus sempre son cousas de liberación, aínda que o camiño sexa complexo e arrastre sufrimentos.
Oración
Quero ser coma o vello Simeón.Quero saber agardar coma o vello Simeón.Quero ter complicidades co Espírito, coma o vello Simeón.Quero ollar a vida miúda cos ollos fondos do vello Simeón.Quero albiscar o paso de Deus polos sucesos coma o vello Simeón.Quero loar o Deus solícito coma o vello Simeón.Quero bendicir a xente toda coma o vello Simeón.Quero aceptar as penalidades coma o vello Simeón.Quero..., meu Deus, .... quero ...Só o teu Espírito é quen de cumprir os meus quereres.Señor, polo teu amor...
Acción
Seguro que coñeces algún velliño ou velliña sabia nas cousas da vida, nas cousas do Espírito. Visítaa. Escóitaa. Móstralle o teu agradecemento e admiración.
30 de decembro: xornada da Sagrada Familia
1ª lectura: Eclo 3, 3-7. 14-17a
Ou: Col 3, 12-21. Salmo 127, 1-2. 3. 4-5.
Evanxeo: Mt 2, 13-15. 19-23.
En canto se foron os magos, un anxo do Señor apareceulle a Xosé en soños e díxolle:
—“Érguete, colle o neno e mais a nai e fuxe para Exipto. Non te movas e alí ata que eu te avise, porque Herodes vai buscar o neno para acabar con el.”
Xosé ergueuse colleu o neno e mais a nai, pola noite, e alá se foi para Exipto. Alí permaneceu ata a morte de Herodes, cumpríndose así o que dixera o Señor por medio do profeta:
“Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto.”
En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé enExipto e díxolle:
—“Érguete, colle o neno e mais a nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno”.
Ergueuse Xosé, e collendo o neno e mais a nai, foise para a terra de Israel. Pero, ao saber que Arquelao reinaba en Xudea, en lugar do seu pai, sentiu medo e non se atreveu a ir alá. Avisado en soños, marchou para a banda de Galilea, indo vivir a unha vila chamada Nazaré.
Cumpriuse así o que dixeran os profetas: que se chamaría nazareno.
Meditación
Igual non debera ser así, pero o tema da familia é un tema que está moito en discusión nos tempos de hoxe. A realidade social indícanos que os modelos de familia que se foron dando dun tempo a esta parte son moi diversos, e algúns mesmo rechamantes: a familia digamos de sempre con pai, nai e algúns fillos ou fillas (poucos en todo caso), familias monoparentais (é dicir, dun só proxenitor ou proxenitora), familias que optan por non teren fillos ou fillas, familias homosexuais, nais que optan por criar algún fillo ou filla sen concurso de varón, familias que adoptan fillos/as, familias nas que, por divorcio ou separación, hai cambio entre as parellas, e os fillos ou fillas teñen que aprender a convivir con pais/nais biolóxicos ou de circunstancias,...
A Igrexa entende que o seu modelo de familia: pai e nai unidos ata a morte, abertos á procreación de máis ou menos fillos e fillas, é o modelo natural, ideal. E ese é o modelo que coida, defende e promove. Ás veces facémolo na Igrexa sen consideración nin respecto cara á sensibilidade e prácticas doutras persoas; ás veces si que temos consideración e contribuímos co noso modelo humildemente a esa tarefa nada doada de ir configurando un modelo familiar que dea asento e felicidade ás persoas, e que se converta nun punto forte de apoio para unha socialización dos seus individuos e para a construción da armazón social. Tamén aquí estaría ben que as comunidades cristiás fosen lugares onde todos, todas, aprendésemos a non excluír a ninguén, a respectar a todo o mundo, iso si, apostando son seriedade e humildade por aquelas formas que a nós nos poidan parecer máis axeitadas, sabendo que as cousas dos afectos, dos amores, da sexualidade, da convivencia, son moi complexas, e que non se pode andar pola vida de prepotentes. Propoñendo e compartindo as nosas satisfaccións ao respecto, e nunca impoñendo nunca nada a ninguén.
O evanxeo de hoxe fálanos dunha familia envolta en tensións, en conflitos, en problemas. Tensións, conflitos, problemas que tamén abundan en moitas familias das nosas parroquias, vilas e cidades. Igual máis ca debater enrabechadamente sobre se este modelo de familia é mellor e este peor, se este é o natural e estoutro non, se a isto hai que lle chamar matrimonio ou non, o que estaría ben que fixésemos, como persoas e comunidades cristiás, sería pararnos a ver por que o están, ou estamos, pasando mal moitas familias, que é o que nos está facendo a vida costa arriba, coñecer situacións, achegarnos para entender e axudar, arrimar o lombo canto máis desde dentro mellor, respectar moito, amar moito, servir moito, ... Que precioso sería vernos os miles e miles, millóns, de cristiáns/ás que hoxe celebramos a festa da Sagrada Familia, entregados a esta tarefa de levar comprensión e alento, apoio de palabra e de feitos, a aquelas familias ás que lles está custando chegar a fin de mes, atopar un lugar digno onde vivir, aprender unha convivencia cariñosa, criar os fillos e fillas con pan e con paz e con criterios pedagóxicos bos, tirar para adiante con persoas enfermas ou conflitivas no seu seo, etc. E a iso nos invita a festa de hoxe.
O evanxeo de hoxe forma parte dos relatos da infancia do evanxelista Mateu. Os relatos da infancia máis ca dar información precisa sobre a vida de Xesús, ofrécennos marcos de comprensión da figura de Xesús e formas de entrar no seu mundo e de facernos de verdade seguidores del. Resulta ben interesante ir observando as actitudes dos diferentes personaxes que van aparecendo nestes relatos: uns déixanse tocar, asombrar, levar, polo de Xesús: María, Xosé, os pastores, a parente de María, Sabela, os Magos, ...; outros, en cambio, non: Herodes, os sumos sacerdotes e letrados do pobo... A xente de mando e poder tivo moitas máis dificultades para entender e seguir a Xesús, que nacía e se desenvolvía en formas de humildade e de pobreza, de servizo, con xenio e valentía. As persoas que descobren en Xesús o rostro e a presenza de Deus son as que se deixan levar polo Espírito, que sopra onde quere e cando quere e como quere. María e Xosé foron mestres en escoitar e seguir a voz do Espírito. O anxo do Señor do que fala o evanxeo, que tiña tanto trato con Xosé, e a quen Xosé era sempre fiel, non é senón este Espírito de Deus que o acompañaba e que o guiaba. Ese mesmo Espírito de Deus tamén nos acompaña a nós para que atinemos nas mellores maneiras de conducir as nosas vidas e as vidas das nosas familias, sobre todo en horas e tempos de crise.
Unha das características máis típicas dunha familia cristiá sería, logo, esta disposición a escoitar a voz do Espírito, que nos pode falar de mil maneiras, a aprender, a informarnos, a poñernos en disposición de botar a andar, a saír de nós e do noso, a abrir camiños con humildade, a compartir. E a Eucaristía de cada domingo é un lugar onde podemos celebrar a nosa dita de ter o Espírito por compañeiro/a fiel e onde podemos motivarnos vivamente para o seu seguimento.
Preces
AQUÍ ESTOU, SEÑOR, CONTA COMIGO
Para coidar a miña familia aprendendo da preocupación e coidados que ti tes con todos e todas nos. Oremos.
Para tolerar, respectar e atender as persoas maiores que viven connosco, e para aprender e agradecer delas tantas cousas boas que nos poden ensinar. Oremos.
Para coidar con esmero e tenrura os nosos nenos e nenas, implicándonos na súa formación humana e cristiá, informándonos, falando, compartindo, actuando. Oremos.
Para saber acompañar os nosos fillos e fillas adolescentes e mozas, dándolles compaña, apoio, forza e liberdade para que acerten co seu camiño na vida. Oremos.
Para facer de cada unha das nosas familias un espazo de convivencia agradable e para abrilas sen reparo a compartir e á preocupación polo que pasa ao redor noso. Oremos.
Oración
Señor,desde o seo da miña familiaagradecida, coidada, perdoada,quero asomarme hoxeás familias veciñas,para agradecelas tamén,para integrarme nos seus desvelos,para sentilas coma miñas e apoialas en todocoa palabra, cos sentimentos, cos feitos.Señor,desde o teu corazón grande, desmedido,de Pai e Nai de todas e de todos,quero lembrarme hoxedas familias máis feridas pola crise,as máis rotas por desavinzas,as máis criticadas polas súas formas que rompen moldes,para amar, comprender e respectar coma ti,para termar e alentar coma ti,para perdoar, se é o caso, e sandar algo coma ti.Señor,desde a túa experiencia de familia emigrante e perseguida,quero achegarme hoxeás familias inmigrantes negras, sudamericanas, rumanas,tantas veces fendidas no corpo e na alma,nos sentimentos máis elementais,nas aspiracións máis nobres,para defender a súa causa,que é a túa,para compartir con elascasa e pan e corazón,que é coma compartilo contigo.Señor,desde a túa especial preferencia polas familias máis débiles,quero sumarme hoxeao clamor de quen pide pan, casa, traballo, menciñas, ensino...;que non se me casque a voz,que non se me nubre a ollada,que non se me achique o corazón.Señor,polo teu amor.
Acción
Celebremos hoxe en familia o día da familia. Que non falte un tempo de conversa sobre como nos estamos sentindo como familia, recoñecendo fortalezas e carencias. que non falte un momento de oración. Que non falte unha lambetada para adozar o día.
31 de decembro: día 7º dentro da oitava de Nadal
1ª lectura: 1 Xn 2, 18-21
Salmo: 95, 1-2. 11-12. 13
Evanxeo: Xn 1,1-18
No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus e a Palabra era Deus. Ela estaba no principio onda Deus.
Todo foi feito por ela, e sen ela non se fixo nada do que foi feito. Nela estaba a vida, e a vida era a luz da xente toda; a luz alumea na tebra e a tebra non a deu apagado.
Houbo un home mandado por Deus, o seu nome era Xoán. Este veu de testemuña para dar testemuño da luz, para que todas as persoas cresen por el. Non era el a luz, senón que veu para dar testemuño da luz.
A Palabra era a verdadeira luz que alumea a todo ser humano que vén a este mundo. Ela estaba no mundo, e o mundo foi feito por ela, pero o mundo non a recoñeceu. Veu á súa propiedade e os seus non a acolleron. Pero a cantos a recibiron —aqueles homes e mulleres que cren no seu nome— deulles o poder de seren fillos e fillas de Deus. Estes non naceron do sangue, nin da vontade da carne, nin da vontade do ser humano, senón de Deus.
E a Palabra fíxose carne e plantou entre nós a súa tenda, e nós vimos a súa gloria, gloria coma de Unixénito que vén do Pai, cheo de graza e de verdade.
Xoán deu testemuño del exclamando: "Este é aquel de quen eu vos dixen: O que vén detrás miña pasa diante miña, pois existía primeiro ca min".
E da súa abundancia recibimos todos nós, graza e máis graza. Pois a Lei deuse por medio de Moisés; a graza e a verdade realizáronse por Xesús Cristo. A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.
Meditación
A Palabra é a luz, é a vida. Estas primeiras palabras do evanxeo de Xoán anúnciannos o que logo vai explicar con detalle ao longo de todo o evanxeo: que Xesús é luz, que Xesús é vida, que ten capacidade de nos dar unha e outra, para sermos nel persoas fondamente humanas ao estilo de Deus. Xesús, o mellor rostro humano de Deus, fálanos dun Deus que está entre nós, que dialoga connosco, que lle interesa a nosa vida, que se pon ao noso dispor para nos axudar a facela completa, feliz. Deus non é agarrado; espalla a súa abundancia de mil maneiras, para que ninguén quede envolto na escuridade, na tristura, no illamento. Deus quere ser para nós compaña certa, amigable; quere camiñar ao noso lado, comprendéndonos, alentándonos, tirando de nós para adiante na vida. Sería normal que as persoas crentes, ao tempo que gozamos deste Deus, nos fixémonos exemplo vivo deste Deus solícito, que o pasa ben envolvéndose coa xente e facendo corpo e causa con ela.
Oración
(Na Noite Vella familiar: antes ou despois ou no canto das doce uvas das horas do ano que acaba, podemos coller 12 uvas cada un dos membros da familia; cada persoa vai lendo a primeira parte de cada un dos doce versos seguintes, por orde; todos contestamos coa segunda parte do verso, e comemos a uva correspondente. Ao final dámonos chuchos e apertas de felicitación).
A uva da alegría, ai que graciosa!A uva da unión, moi rica cousa!A uva do respecto, ben candorosa!A uva do perdón, marabillosa!A uva do agradecemento, que saborosa!A uva da comunicación, cousa fermosa!A uva da paciencia, humilde rosa!A uva da corrección, dura e gustosa!A uva da escoita, que ceos amosa!A uva dos alentos, tan xenerosa!A uva das apertas, sempre famosa!A uva da oración, doce, preciosa!
Acción
Igual podiamos facer un pequeno balance da nosa vida durante este ano. ¿Cómo nos foi? ¿En que medramos? ¿En que non? ¿En que fallamos? ¿Por que medramos e por que fallamos? ¿Qué papel lle damos a Deus na nosa vida?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.