1 de xaneiro: Solemnidade de Santa María nai de Deus
1ª lectura: Núm 6, 22-27. Salmo: 66, 2-3. 5. 6 e 8
2ª lectura: Gál 4, 4-7.
Evanxeo: Lc 2,16-21
Uns pastores foron ás carreiras e atoparon a María e máis a Xosé e a criatura deitada na manxadoira. Cando o viron, contaron todo o que lles dixeran do meniño, e a xente que os escoitaba quedaba pasmada do que os pastores dicían. María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu corazón. Os pastores volveron glorificando e loando a Deus por canto viran e oíran, tal como lles fora anunciado.
Aos oito días tocaba circuncidar o neno e puxéronlle de nome Xesús, tal como o chamara o anxo antes da súa concepción.
Meditación
Podemos empezar contemplando pausadamente a escena que o evanxeo nos ofrece. Imaxinamos un cortello, un cabano calquera, un presebe, o neno deitado. Ao seu carón Xosé e María, os pais do pequeno vivindo a fondo aquel momento excepcional: Deus presente naquela criatura. Pastores que chegan: xente de mala fama, os pobres, por mor do seu traballo considerado algo indecente. Xa temos a Xesús rodeado dos seus! María asume o papel de mestra, ensinándonos a gardar todo aquilo non na cabeza, senón no corazón, que é onde mellor asentan as cousas, onde fan máis efecto. As cousas eran fermosas, alegres, invitaban ao canto e ao baile: Deus metido a tope no medio da xente coa vontade de sempre: facerse para todos e todas un humilde e valente servidor de vida.
Cando cumpren co neno o rito da circuncisión, póñenlle o nome de Xesús, que quere dicir “o que salva”, o salvador. A salvación de Xesús non foi unha cousa máxica. Foi unha salvación traballada, sufrida, entrando nos problemas da xente, nos problemas do pobo, facéndoos seus, alumeándoos coa súa fonda solidariedade, radicada en Deus. Xesús farase así o gran servidor da paz no nome do Deus da paz. E así nos quere a nós, os seus seguidores, homes e mulleres de paz nun mundo sempre amigo de estar enredados en liortas e guerras.
Oración
Para empezar o anoque nos non falte a fena túa presenza sólida ao noso lado, Señor,que por algo es o Enmanuel,o Deus connosco en todo momento.Para empezar o anoque non nos falte a esperanzade que as cousas poden cambiar,podémolas cambiar,porque nos fixeches vigorosos/ase a forza do teu Espírito vai sempre connosco.Para empezar o anoque non nos falte o amor,lúcido, intelixente,humilde, servidor,para rodear con amor responsablea quen de amor e servizos ande necesitado.
Acción
Entre nós felicitámonos e desexámonos un ano bo. Igual é bo día o primeiro do ano para marcarnos algún obxectivo de ben moi concreto, para o ano que empeza sexa realmente bo para nós e para quen nos rodea.
Día 2 de xaneiro: luns 2º Nadal
1ª lectura: 1Xn 2, 22-28
Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Evanxeo: Xn 1,19-28
E este é o testemuño de Xoán cando os xudeus lle mandaron de Xerusalén sacerdotes e levitas onda el para lle preguntar:
—Ti quen es?
El declarou claramente:
—Eu non son o Cristo.
Preguntáronlle:
—Entón, quen es ti? Es Elías?
Contestou:
—Non son.
—Es o profeta?
Respondeu:
—Non.
Daquela dixéronlle:
—E, logo, quen es, para que lles poidamos dar unha resposta aos que nos mandaron? Que dis de ti mesmo?
El díxolles:
—Como escribiu o profeta Isaías, eu son a voz do que clama no deserto: endereitade o camiño do Señor.
Algúns dos mandados eran fariseos e preguntáronlle:
—Entón por que bautizas, se non es ti o Cristo nin Elías nin o profeta?
Xoán respondeulles:
—Eu bautizo con auga, mais entre vós está quen vós non coñecedes, o que ven detrás miña, e eu non son merecente de lle desatar o amalló das súas sandalias.
Todo isto pasou en Betania, ao oriente do Xordán, onde estaba Xoán bautizando.
Meditación
Volvémonos ver con Xoán Bautista, ese personaxe tan especial e entrañable que nos acompañou nos días previos á celebración do Nadal. Hoxe está aquí para dicirnos que o anunciado xa chegou, está por aí entre nós, e igual nin o coñecemos, porque anda con maneiras tan humildes, marxinais, que pouca xente repara nel. Pero está. Xa chegou. Xoán invítanos a andar cos ollos ben abertos, co corazón ben aberto, para podermos bater co el e recrearnos na súa humilde grandeza servidora.
Xoán tamén nos invita a que nos preguntemos: e quen son eu? Que levo no fondo de min mesma? Que luces e sombras andan canda min? Que misión desempeño dentro da comunidade da que formo parte? Que anuncio coa miña palabra, coa miña vida sobre todo? En que son algo profeta? Cal é a tarefa que me propoño levar a cabo neste ano que entra, estando ao lado deste Deus metido no mundo, que chamamos Xesús?
Oración
Xesús,tampouco eu non son merecentenin de che desatar o amalló das túas sandalias,pero aquí estou,desexando acompañarte neste ano que entra.No que poida, valla e saiba, conta comigo.
Acción
Párate a pensar no que che gustaría facer neste ano que empeza, no que che gustaría colaborar, ou medrar, ou a quen che gustaría acompañar especialmente, ou que pobrezas che gustaría remediar. Poderás facelo só ou será ben que te unas a outras persoas para o que queres conseguir?
3 de xaneiro: martes 2º Nadal
1ª lectura: 1 Xn 2, 29—3, 6
Salmo: 97, 1. 3cd-4. 5-6
Evanxeo: Xn 1, 29-34
Ao outro día, Xoán Bautista viu a Xesús que viña cara a el e dixo:
—Velaí o Año de Deus, o que arrinca o pecado do mundo! Este é de quen eu dixen: "Despois de min vén un home máis importante ca min, pois existía primeiro ca min". Eu non o coñecía, mais para iso vin eu bautizar con auga: para mostralo a Israel.
E Xoán seguiu testemuñando:
—Eu vin o Espírito baixar do ceo como unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: "Cando vexas o Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo". E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus.
Meditación
Con estas palabras o evanxelista Xoán fálanos do impacto profundo que Xesús causou na xente que o coñeceu e tratou; vírono coma un home totalmente cheo do Espírito de Deus, con capacidade para introducirnos a fondo no mundo do Espírito, cun poder enorme para arrincar as raíces do mal asentadas no corazón da xente e da sociedade, e ao tempo cunha mansedume impresionante, ata o punto de que lle deron en chamar o "Año de Deus".
Para coñecer a Xesús e a súa forza de renovación é necesario tratalo, intimar con el orar con el e co seu Espírito. E cando intimamos con el e palpamos o marabilloso que é, o normal será que, como a Xoán, nos saia da alma falar del, compartilo coma o gran regalo que Deus nos fixo na nosa existencia. Oxalá todo isto se cumpra en nós!
Oración
Grazas a ti, Xoán Bautista,por ter compartido connoscoas excelencias de Xesús.Grazas a todos os homes e mulleresa través das cales nos chegou o coñecemento de Xesús.Que saibamos entrar no mundo marabilloso de Xesús,e o saibamos compartir coa xente nova da nosa xeración.
Acción
Polos días do Nadal sempre nos vemos algo máis coa familia, cos amigos. Nas conversas que se dan, non deixes de compartir nalgún momento a túa admiración por Xesús, e o ben que che fai crer nel e seguir a súa maneira de pensar e de actuar.
4 de xaneiro: mércores 2º Nadal
1ª lectura: 1 Xn 3, 7-10
Salmo: 97, 1. 7-8. 9
Evanxeo: Xn 1, 35-42
Ao outro día estaba outra vez Xoán Bautista con dous dos seus discípulos e, vendo pasar a Xesús, dixo:
—Velaquí o Año de Deus.
Cando os dous discípulos oíron o que Xoán dixera, foron detrás de Xesús. Volveuse Xesús e, vendo que o seguían, preguntoulles:
—Que buscades?
Eles respondéronlle:
—Rabbí (que quere dicir "mestre"), onde paras?
El díxolles:
—Vinde e veredes.
E eles foron e viron onde paraba e quedaron con el aquel día. Era contra as catro da tarde. Un dos dous que escoitaron a Xoán e seguiron a Xesús era André, o irmán de Pedro. Vai e ao primeiro que atopa é a Simón, o seu propio irmán, e dille:
—Encontramos o Mesías (que significa Cristo).
E levouno onda Xesús. Ao velo, díxolle Xesús:
—Ti es Simón, i fillo de Xoán, Ti haste chamar Kefas (que quere dicir Pedro).
Meditación
Chama a atención o encanto que tiña Xesús; chamaba a atención desde o primeiro momento, suponse que polo seu xeito de ser, de mirar, de falar, de vivir, de atraer, de alentar á xente. Seguro que todas, todos, temos experiencia de algo similar na vida, alguén que nos cativou e que se fixo moi significativo para nós, alguén con quen nos compracía e comprace estar. Quen o viu e tratou, quen se fixo compañeiro e amigo del así nolo pinta. Ímolo coñecendo algo polo menos, como para poder dicir que si, que é así, que a súa compaña pacifica e alenta, pecha feridas e abre camiños, disipa escuridades e devolve alegrías.
Se Xoán, André, Pedro e moitos máis naqueles tempos puideron gozar con esta compaña de Xesús en carne viva, nós tamén o podemos facer no espírito, na fe. Xesús está aquí disposto a acollernos, a integrarnos no grupo, a compartir connosco os seus soños e esperanzas, e as forzas para podelas acadar.
Oración
Vinde e veredes,pasade e entrade,sentade e acougade,falemos como amigas e amigos,como irmás e irmáns, se queredes,compartamos as nosas sombras e as nosas luces,levantemos a olladacara ao mundo da xente máis fráxil,falémonos,escoitémonos,calemos despoisdeixando que o Espírito unatanta dor e tanto gozo,tanta desilusión e tanta esperanza.No teu nome, Xesús.
Acción
Sería estupendo que hoxe puideses invitar a alguén á túa casa, ou ir de invitada a algunha outra casa, para tomar ou comer algo, para falar, para compartir algo a fondo, para animarse e rir e suscitar esperanzas. E así vivir algo ao estilo de Xesús.
5 de xaneiro: xoves 2º Nadal
1ª lectura: 1 Xn 3, 11-21
Salmo: 99, 2. 3. 4. 5
Evanxeo: Xn 1, 43-51
Ao outro día decidiu Xesús saír para a Galilea; atopou a Filipe e díxolle:
—Sígueme.
Filipe era de Betsaida, da vila de André e mais de Pedro. Atopou Filipe a Natanael e díxolle:
—Atopamos a aquel de quen escribiu Moisés na Lei e máis os Profetas: a Xesús, o fillo de Xosé, o de Nazaré.
Contestou Natanael:
—E de Nazaré pode saír algo bo?
Filipe díxolle:
—Ven e verás.
Viu Xesús a Natanael que viña cara a el e dixo de el:
—Aí tedes un verdadeiro israelita, en quen non hai dobrez.
Preguntoulle Natanael:
—E de que me coñeces?
Contestoulle Xesús:
—Antes de que Filipe chamase por ti, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
Respondeulle Natanael:
—Rabbí, ti es o fillo de Deus, ti es o rei de Israel.
Díxolle entón Xesús:
—Porque che dixen que te vin debaixo da figueira xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
E concluíu:
—Con toda verdade volo aseguro: habedes ver o ceo aberto e os anxos de Deus subindo e baixando onda o Fillo do Home.
Meditación
Chama a atención neste relato de hoxe iso de "atopar". Xesús atopa a Filipe, Filipe atopa a Natanael. Parecen casualidades da vida, pero convértense en encontros, en relacións que modifican as vidas das persoas, a de Filipe, a de Natanael. Así tamén nos pode pasar a nós na normalidade da vida, se andamos cos ollos abertos, co corazón esperto; vivimos encontros que se poden converter en aperturas de novos camiños. Coñecer, ser coñecido, estimar, ser estimado; parecen cousas moi simples, pero que importantes son. Queda tamén moi de manifesto o importante que é contar, compartir aquilo que vimos e experimentamos; cando o facemos, somos persoas que nos podemos iluminar, consolar, fortalecer, ilusionar na vida. Coñecer a Xesús, intimar con Xesús, falar de Xesús, contar a Xesús coa palabra e coa vida isto é algo ben importante para calquera persoa cristiá.
Oración
Sígueme,sígueme, disme ti, Xesús.E aínda me prometes:do teu corazón tan pobriñoda túa casa tan sinxela,da túa parroquia tan pequenapode saír algo moi bo,que te alentará a tie alentará tamén as persoas e cousascoas que te movas na vida.E eu calo ante ti, Xesús.Aínda que me pesa a miña vida,fíome de tie dispóñome a seguirte.sabendo que ti sosterás o meu camiñar.
Acción
Fai por atopar o xeito de contarlle a alguén algo do que a ti che ten aportado iso de crer en Xesús, de seguir a Xesús na vida.
6 de xaneiro: Solemnidade da Epifanía do Señor
1ª lectura: Is 60, 1-6. Salmo 71
2ª lectura: Ef 3, 2-3a. 5-6
Evanxeo: Mt 2, 1-12
Xesús naceu en Belén de Xudea nos tempos do rei Herodes. E sucedeu que uns sabios de Oriente chegaron a Xerusalén preguntando:
—Onde esta o Rei dos xudeus que acaba de nacer? Porque vimos saír a súa estrela alá no Oriente e vimos para o adorar.
Cando o rei Herodes oíu isto, alporizouse e con el todos os habitantes de Xerusalén. Convocou a todos os sacerdotes e letrados do pobo, para lles preguntar onde tiña que nacer o Mesías. Eles responderon:
—En Belén de Xudea, que así o deixou escrito o profeta:
"E ti Belén, terra de Xudea,de ningún xeito es a máis pequenaentre as vilas de Xudea,pois de ti ha saír o guíaque será o pastor do meu pobo Israel".
Entón Herodes, chamou os sabios ás agachadas para saber ben cando se lles aparecera a estrela. Logo mandounos a Belén, dicíndolles:
—Ide e informádevos canto poidades dese neno; e unha vez que o atopedes, avisádeme, para ir eu tamén a adoralo.
Eles, despois de oíren o rei, puxéronse en camiño. E velaí, a estrela que viran saír no Oriente foinos guiando ata se deter enriba de onde estaba o neno. Moito se alegraron ao veren saír de novo a estrela! E cando entraron na casa atoparon o neno con María, súa nai. Prostráronse e adorárono; despois abriron os seus tesouros e ofrecéronlle como regalo outro, incenso e mirra. Logo, avisados en soños de que non volvesen por onda Herodes, regresaron á súa terra por outro camiño.
Meditación
Debaixo deste relato máis simbólico ca histórico hai varias personaxes que o autor nos ofrece para que reparemos con calma neles: os magos representan a sabedoría humana máis exquisita que vén adorar o neno; guíaos unha estrela, é dicir, unha luz que lle nace no corazón e os empuxa cara ao portal; a sabedoría humana recoñece en Xesús unha luz inmensa para a vida que Deus nos regala. Os magos regálanlle do que teñen, pero son eles os regalados por Deus, por Xesús. Nós podemos facer hoxe de magos nese Nadal vivente que podemos reconstruír.
Herodes quere saber do neno, pero non para adoralo, para acabar con el. Herodes pode representar o poder en todas as súas formas e cores, que normalmente non quere saber nada dun Deus tan humanizado, tan feito carne en toda a xente pobre e marxinada do mundo. Tamén nós podemos caer na tentación de facer de Herodes, rexeitando a este neno Deus así presentado en pobreza que nos cuestiona.
As autoridades relixiosas de Xerusalén sabían moi ben onde había nacer o neno, pero non fixeron nada por adoralo. Hai unha relixiosidade que sabe de teorías, de memoria, de rutinas, pero que non se achega de verdade ao berce do neno, ao berce das pobrezas onde Deus se nos amos. Tamén nós, xente relixiosa, podemos caer nesta tentación. Dicimos crer, pero no fondo non adoramos o misterio e a chamada de Deus presentes no rostro daquel neno e en todos os rostros de fraxilidade que abundan no noso mundo.
Oración
Adórote, Xesús, cos magos,adórote con todos os homes e mulleres do mundoque te recoñecen na humildade do pequenoe nesa humildade te acollen e serven.Adórote con agradecemento.Adórote e poño ao teu servizoe ao servizo de toda debilidadetodo o que son e o que teño.Que a túa estrela me guíecara a todos os Beléns viventes da miña historia.
Acción
Hoxe podo ir visitar algunha familia, algunha persoa débil, para agasallala con algo, sabendo, que facendo iso, son eu o que realmente quedo obsequiada pola súa fraxilidade.
7 de xaneiro: sábado despois de Epifanía
1ª lectura: 1 Xn 3, 22—4,6
Salmo: 2, 7-8. 10-11
Evanxeo: Mt 4, 12-17.23-25
Cando soubo Xesús que encadearan a Xoán, retirouse a Galilea. Deixando Nazaré, foise establecer en Cafarnaúm, na beira do lago, en terras de Zebulón e Naftalí, para que se cumprise o dito polo profeta Isaías:
“Terra de Zebulón, terra de Naftalí, camiño do mar na outra ribeira do Xordán. Galilea dos pagáns. O pobo que xacía na escuridade viu unha gran luz. Para a xente que habitaba no escuro país da morte brillou unha alborada.”
Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo. Falábase del en toda Siria e traíanlle persoas enfermas con toda clase de doenzas e padecementos, xente endemoñada, epiléptica, tolleita, e a toda ese xente curaba. Eran moias as persoas que o seguían, un mundo de xente chegada de Galilea, Decápolis, Xurusalén, Xudea e da outra banda do Xordán.
Meditación
Durante esta semana que segue á festa de Reis ou Epifanía, os catro evanxelistas irannos presentando os primeiros movementos de Xesús, cando decide darlle un aire novo á súa vida, desvinculándose do grupo de Xoán Bautista, a quen Herodes encadeara, e iniciando unha aventura evanxelizadora polos pobos de Galilea, a súa terra. É un Xesús en saída, itinerante. Leva no corazón moi fresco o soño de Deus: o benestar a fondo da xente, no corpo e no espírito; e a anunciar, promover e realizar ese soño se empeza a dedicar; faino coa palabra e cos feitos. Nós somos receptores dese soño de Xesús: tamén para nós hai por parte de Deus un desexo manifesto de que esteamos ben no corpo e no espírito. Nós somos tamén desa xente arrastrada por Xesús, que con el quere compartir esa marabillosa aventura. Xesús sinálanos o camiño, as formas, os contidos dese traballo. Felices nós invitadas por el a realizalo con el nos nosos tempos, na nosa Terra.
Oración
Conta comigo, Xesús.No que saiba, valla e poida, conta comigo.Conta comigo na rengue da xente que precisa de ti,para ser curada e alentada.Conta comigo na rengue de xente que ti precisas,para que o teu soño se alongue no tempo e no espazo,e todo o mundo poida coñecertee, se así o quere, abrirse á túa proposta.Conta comigo, Xesús.
Acción
Estamos empezando o ano. Igual podiamos renovar, reforzar ou limpar a nosa maneira de seguir a Xesús, de acompañalo na súa tarefa de servizo á xente. ¿En que poderiamos mellorar o noso acompañamento de Xesús?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.