TEMPO ORDINARIO
O primeiro domingo do Tempo Ordinario celebramos o Bautismo do Señor. A partir deste domingo empezamos o tempo litúrxico que chamamos "tempo ordinario"; ordinario porque nel non nos preparamos especialmente para celebrar ningún dos grandes acontecementos da vida de Xesús.
Pero iso non quere dicir que neste tempo ordinario as nosas vidas non gocen tamén dun acompañamento sempre especial por parte de Deus, por parte de Xesús, por parte do seu Espírito. Nós imos vivindo as nosas vidas, sempre ben importantes, aínda que nela non pasen grandes acontecementos, pero é a nosa vida: o noso traballo, os nosos amores, os nosos fillos e fillas, a nosa vida familiar e veciñas, a nosa parroquia, a nosa comunidade cristiá, a nosa sociedade, a nosa vida política, o noso mundo coas súas grandezas e miserias.
E a carón noso, vai sempre Deus querendo entrar nas nosas vidas pola porta grande do amor e da amizade, para axudarnos a construírnos como homes e mulleres de ben, felices, solidari@s, pacificad@s dentro de nós e tamén cara á fóra no trato coa demais xente.
Para que poidamos gozar e aproveitarnos dese acompañamento, Xesús vai compartindo tamén a súa vida, nas miudezas que tivo día a día; para iso lemos cada día un anaquiño de Evanxeo, que neste ano vai ser especialmente o evanxeo de Marcos.
Así as nosas vidas pódense ir entretecendo, compenetrando, ata sermos un con Deus, con Xesús, co Espírito, como se nos invita no relato do Bautismo de Xesús co que empezamos este tempo.
Que o saibamos aproveitar con humildade e valentía.
8 de xaneiro: O Bautismo do Señor
1ª lectura: Is 42, 1-4. 6-7. Salmo: 28, 1a e2. 3ac-4. 3b e 9b-10.
2ª lectura: Feit 10, 34-38.
Evanxeo: Lc 3,15-16.21-22
Naquel tempo, como o pobo estaba esperando polo Mesías, empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán; pero el declarou diante de todos:
—“Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte ca min e a quen eu non son digno de lle desatar os amallós do seu calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume.”
Durante un bautismo xeral, e despois de se bautizar tamén Xesús, mentres oraba, abriuse o ceo e baixou sobre el o Espírito Santo na aparencia corporal dunha pomba. Entón oíuse unha voz desde o ceo:
Meditación
Lucas enmarca a relación de Xoán Bautista con Xesús dicindo que o pobo estaba esperando un Mesías, e empezaba a pensar se acaso non o sería Xoán. É importante reparar nesta situación de partida: se o pobo esperaba un Mesías, era porque as cousas estaban mal para o conxunto do pobo, para os máis débiles do pobo, que eran a maioría. Esperaban un Mesías, alguén de fóra que, desde Deus, no nome de Deus, viñese amañar as cousas. Igual se nos ocorre pensar o bo que sería que as cousas fosen realmente así, e que desde arriba ou desde abaixo, desde a esquerda ou desde a dereita nos viñese alguén que maxicamente nos amañase as cousas, cousas que tamén nós temos ben desamañadas, ben o sabemos. Pero non é así. O mesianismo de Xesús non ten nada que ver con isto. A súa práctica foi ben outra: apoiarse na forza do Espírito, para poñerse a traballar lentamente, humildemente pola dignificación persoal e social, profunda en todo caso, de cada home, de cada muller e, polo tanto, tamén do conxunto da sociedade. Igual temos que converter as nosas esperas mesiánicas, e evanxelizalas tamén, acomodalas ao estilo de Xesús.
Xoán declárase servidor do novo, deses soños de Deus para o conxunto do pobo, do pobo máis débil sobre todo; ou, o que é o mesmo, servidor dos soños do pobo alentados, vigorizados diariamente polo Espírito Santo de Deus, que actúa a través dos compoñentes humildes das nosas loitas de cada día: oracións, afectos, estudos, debates, xuntanzas, plans de acción, actuacións, participación cidadá, militancia política, revisións, etc. Estamos invitados todos, todas, a formar parte do grupo dos servidores/ras que farán posible que pouco a pouco o novo de Deus se faga realidade no medio de nós, nos nosos pobos. Podemos moito máis do que nos parece.
Pero tamén é certo que temos un líder marabilloso: Xesús de Nazaré. Xoán Bautista tamén o entendeu e anunciou así. Xoán, o xusto, o amigo do pobo asoballado, invitaba á conversión, a recoñecer o propio pecado e a cambiar, e xa non era pouco. Pero o lume que queima o vello e posibilita o novo, o Espírito que empuxa e vigoriza, o alento que ofrece e crea vida, a fermosura do novo estaba en Xesús. Xoán anunciouno. Ou, o que é o mesmo, anunciouno Lucas a través de Xoán. E anunciouno despois de escoitar falar, de coller as palabras e a admiración das persoas que acompañaron a Xesús e puideron comprobar a forza da súa personalidade, o apegadísimo que estaba sempre a Deus, a enorme paixón que sempre tiña, no nome de Deus, polo pobo pobre, débil, rebaixado, empequenecido. Canto Xesús nos fai falla para os tempos de hoxe! Canto estamos chamados cada un, cada unha de nós, a deixarnos arrastrar por el, a deixalo ser a el mesmo nas nosas vidas cristiás!
Lucas, que xa nos comentara nos relatos da infancia que Xesús ía medrando en corpo e espírito, que xa ía marcando o seu propio camiño con orixinalidade, continúanos falando agora de como se foi fraguando este Xesús, líder noso. Rompe coa familia, vai cabo do grupo de Xoán, apuntase a el coma un discípulo máis, bautízase incluso como persoa necesitada de conversión fiel a Deus e ao pobo. Un recorrido de crecemento persoal, crente, que ben poderíamos imitar.
E cóntanos logo Lucas algo que se cadra Xesús algunha vez puido comentar cos seus seguidores e seguidoras, ou que se cadra deduciron os primeiros cristiáns e cristiás, coma unha explicación á potencia de vida e de ben que saía a diario da boca, das mans, dos feitos de Xesús. Unha experiencia relixiosa desas que se chaman fundamentais, que marcan a unha persoa de por vida: orando, sente Xesús como que o ceo se lle abre, que o bo e valente Espírito de Deus o invade, que o amor de Deus o envolve polos catro cantos do seu ser; séntese fillo amado, benquerido, e ese sentimento vivido a fondo foi abondo nel para poñer a andar toda a traxectoria da súa vida. Nunca se desapegaría dese sentimento fondo. Dese sentimento fondo sacou a diario toda a enerxía para a súa tarefa: facerse valedor da xente máis débil e marxinal, para que a humanidade puidese ser unha real e limpa fraternidade. Por que os cristiáns/ás somos tan frouxos/as? Somos cristiáns/ás a partir dunha experiencia fonda de ser persoas amadas tolamente por Deus, ou sómolo de oficio, de papel, de tradición, de palabra? Como podemos humildemente achegarnos ao lume de Deus, como o fixo Xesús, para que nos quente os corazóns e nos mobilice as mans e os pés para a acción? O bautismo e a tarefa de Xesús, o noso bautismo e a nosa tarefa tamén. E canto precisa a nosa sociedade en crise de vidas cristiás sólidas, convencidas, vivas, repletas de Espírito e de lume!
Preces
PORQUE SOMOS FILLOS/AS BENQUERIDOS/AS DE DEUS!
Desexamos, Pai-Nai, sentirnos fondamente amados/as por ti, e facer dese amor o alento e motor da nosa vida. Oremos.
Desexamos tamén non lle facer trampa a ese amor, para que o estendamos con verdade nun amor fiel ás persoas máis débiles de entre nós. Oremos.
Que nos tempos de hoxe, tan necesitados de persoas apaixonadas pola fraternidade, os seguidores de Xesús saibamos ofrecer o dinamismo de vida que Xesús ten e nos ofrece. Oremos.
Que saibamos cambiar as cousas para que a xente nova sobre todo teña traballo e se poida embarcar en metas dignas para si e para o conxunto da sociedade. Oremos.
Polas familias que están sendo botadas dos seus fogares por non poderen pagar as débedas, para que saibamos solucionar as cousas e non deixarnos envolver polas forzas escuras do capital e das finanzas. Oremos.
Para que a nosa crise nos faga abrir os ollos para decatarnos da crise permanente en que viven moitos pobos do mundo, sobre todo de África, e fagamos máis xustiza. Oremos.
Oración
Sentirme amado/a, meu Deus,fondamente amado/a,coma Xesús.Sentir a túa presenza,cálida, vigorosa,coma Xesús.Sentirte coma un pai, coma unha naina miña historia,coma Xesús.Sentir cada mañá, gratis,o alento, o consolo do teu Espírito,coma Xesús.Sentirme mozo/a vizoso/apara a tarefa da irmandade,coma Xesús.Sentirme atraído/a, conmovido/a pola xente,polas súas dores e alegrías,coma Xesús.Sentirme creativo/a, rompedor/ra,humilde, valente,coma Xesús.Sentirme do meu pobo,agradecido/a, coidador/ra,coma Xesús.Sentirme fraterno/a,solidario/a, universal,coma Xesús.Sentirme teu,totalmente teu,coma Xesús.Sentirme en camiño, en busca,poñendo os medios para todo iso,coma Xesús.
Acción
Bo día para recordar e celebrar o noso propio bautismo, e para facer nosas aquela realidade que daquela, sendo unhas criaturas tan miúdas, outras persoas fixeron por nós.
9 de xaneiro: luns 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 1, 1-6. Salmo: 96, 1 e 2b. 6 e 7c. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Sam 1, 1-8. Salmo: 115, 12-13. 14 e 17. 18-19
Evanxeo: Mc 1, 14-20
Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus. Dicía:
—O tempo está cumprido e chega o Reinado de Deus; convertédevos e crede na Boa Nova.
Camiñando pola ribeira do mar de Galilea, viu a Simón e máis a André, seu irmán, que estaban largando as redes no mar, pois eran pescadores. Díxolles Xesús:
—Vinde comigo e fareivos pescadores de xente.
Deixaron de contado as redes e seguírono. Un pouco máis adiante viu a Santiago, fillo de Zebedeo e máis a Xoán, seu irmán; estaban arranxando as redes na barca. E deseguida os chamou. Eles deixaron a seu pai, Zebedeo, na barca cos seus axudantes e seguírono.
Meditación
Vimos de celebrar o nacemento de Xesús e o Evanxeo de hoxe xa nos sitúa nun momento da súa vida cando, aos trinta anos máis ou menos, se dá a coñecer como persoa que promove unha nova maneira de estar e de vivir no mundo: vivir coma xente irmá, queréndose, respectándose, perdoándose, coidándose, non abusando, mirando pola xente máis débil dos pobos, poñendo a fe relixiosa ao servizo de todo isto, pois todo isto é o que Deus quere e alenta; por iso Xesús a este novo plan de vida chámalle Reinado de Deus.
Esta é a proposta que Xesús nos fai tamén hoxe a todos nós. Se nos paramos a pensar un pouco, deseguida nos dámos de conta do que nos pode supoñer a cada un ou cada unha de nós vivir así; seguro que teremos que cambiar moitas cousas do noso vivir de cada día. Pero isto para Xesús non é unha carga nin un castigo, é unha felicidade, unha noticia boa, algo que responde ao máis fondo e limpo que, como seres humanos, tod@s levamos dentro de nón.
Xesús, hoxe coma onte, busca colaboradores para este traballo. Búscate a ti e a min. Bate contigo e pídeche que botes unha man, libremente, que te incorpores a esta tarefa, que é a tarefa máis digna para calquera home ou muller: facernos irmáns, irmás, no nome de Deus. Que lle respondes? Que lle respondemos?
Oración
Aquí estou, Xesús,conta comigo.No que saiba, valla e poida,conta comigo.Para a grande tarefa da irmandade,conta comigo.Para o coidado de miña familia e parroquia,conta comigo.Para servir a Deus traballando pola comunidade,conta comigo.Aquí estou, Xesús,conta comigo.
Acción
Pensa nas tarefas que cómpre facer na comunidade da parroquia; pensa nas túas habilidades e capacidades, que as tés. Se hai algo de traballo comunitario xa organizado, ofrécete; se non o hai, fala con outras persoas para ver de botar algo a andar.
10 de xaneiro: Martes da 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 2, 5-12. Salmo: 8, 2a e 5. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura 1 Sam 1,19-20. Salmo: 1 Sam 2, 1. 4-5. 6-7
Evanxeo: Mc 1, 21-28
Na vila de Cafarnaum o sábado foi Xesús á sinagoga e púxose a ensinar. Toda a xente estaba abraiada da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados. E cadrou que había naquela sinagoga un home posuído por un mal espírito e púxose a berrar:
—Que temos que ver contigo, Xesús de Nazaré? Seica viñeches para acabar connosco? Ben sei quen es ti: ti es o Santo de Deus.
Xesús mandoulle:
—Cala e bótate fóra dese home.
O espírito malo sacudiuno, pegou un berro moi forte e saíu del. Toda a xente ficou pasmada, e discutían entre si dicindo:
—Que é isto? Unha nova doutrina exposta con autoridade; e enriba, dálles ordes aos espírito malos e eles obedéceno.
E a súa sona espallouse de contado por toda a rexión de Galilea.
Meditación
Xesús tiña unha palabra firme, clara, convincente; falaba desde o seu ser máis auténtico, desde unha vida asentada en Deus e apaixonada pola xente, por toda a xente. Por iso a xente o admiraba tanto. O seu falar non era coma o dos mestres da lei, nin coma o de moitos de nós, que moitas veces falamos por falar, pero sen ir ao fondo de nós, nin ao fondo da vida; sen comprometernos naquelo que dicimos e barullamos. O normal, logo, é que nos fiemos de Xesús sempre, e que nós vaiamos aprendendo a falar desde a verdade das nosas vidas e non desde as aparencias nada máis.
Xesús botaba fóra os espíritos malos. Non pensemos no demo. O espírito malo é todo aquilo que en nós rompe a paz, a boa preocupación polos demais, o desexo de colaborar na comunidade da parroquia ou na sociedade; espírito malo é tamén criticar, gozar contando os defectos doutras persoas; espírito malo é non recoñecer non admitir críticas ou correccións doutras persoas; espírito malo é non perdoar cando alguén nos falta, non lle dar oportunidades novas a quen errou na vida etc., etc. Hai moitos espíritos malos. Todos, todas levamos algún espírito malo connosco, que nos impide vivir animosos, esperanzados. Por iso tamén todos estamos invitados a achegarnos a Xesús; el é poderoso para axudarnos a acabar cos nosos espíritos malos, sexan os que sexan.
Oración
Veño onda ti, Xesús,para que me deas sanidade,porque eu tamén teño algún espírito malo(penso nalgún espírito malo que crea ter,e dígollo a Xesús),que me impide ser máis feliz comigo mesmo,que me frea para axudar aos meus veciños e veciñas,que me leva a ser pouco agradecido contigo, Xesús.Veño onda ti, Xesús,para ser contigo unha persoa algo mellor.
Acción
Podo escribir nun papel o nome dalgún espírito malo que crea ter. Ademais de contarllo a Xesús na oración, penso no que podería facer para irme librando del.
11 de xaneiro: Mércores da 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 2, 14-18. Salmo: 104, 1-2. 3-4. 6-7. 8-9
Ano 2: 1ª lectura: l Sam 3, 1-10. 19-20. Salmo: 39, 2 e 5. 7-8a. 8b-9. 10
Evanxeo: Mc 1, 29-39
Despois de saír da sinagoga, Xesús foi á casa de Simón e máis de André, con Santiago e Xoán. A sogra de Simón estaba na cama con febre e axiña lle falaron dela. Xesús achegouse onda ela, colleuna pola man e ergueuna; desapareceulle a febre e púxose a servilos.
Chegada a tardiña, xa de sol posto, leváronlle todos os enfermos e endemoñados. A vila enteira amoreouse na porta e sandou a moitos enfermos de varias doenzas e botou moitos demos; pero aos demos non os deixaba falar, porque o coñecían ben.
Ergueuse moi cedo, aínda con noite, e saíu para un lugar arredado, onde se puxo a orar. Simón e máis os seus compañeiros foron tras del e, cando o atoparon, dixéronlle:
—Todos te andan a buscar.
El respondeu:
—Vaiamos a outro sitio, ás aldeas veciñas, para predicarmos tamén alí, que para iso vin.
E foi indo por toda Galilea, predicando nas sinagogas e botando fóra os demos.
Meditación
É esta unha pasaxe preciosa do evanxeo de Marcos, porque nos describe con sinxeleza como era Xesús, que facía, a que se dedicaba. E así, vémolo como un veciño máis que vai á casa da xente veciña e amiga. Vémolo como unha persoa interesada pola saúde, polo benestar da xente coa que se atopa, e fai o que pode para restablecela. Vémolo preocupado polos males, desgrazas, traballos da xente, sexa quen sexa, e por iso calquera persoa se podía chegar a onda el e ser atendida por el. Vémolo especialmente enfrontado cos "demos", cando os "demos" era todo aquilo que atacaba a saúde, a harmonía, a boa convivencia, a dignidade da xente. Vémolo como unha persoa moi amiga de pasar tempos longos de oración con Deus, de onde sacaba forzas para o que traía entre mans. Vémolo, en fin, desexoso de compartir tanto ben con toda a xente, coa palabra e cos feitos.
De todo isto nós podémonos beneficiar moito, pois somos tamén desas persoas coas que Xesús se atopa e quere remediar. E de paso podemos aprender a vivir algo coma el, tendo trato con Deus na oración e compartindo coa xente a fe que nos leva a traballar polo ben da xente, da sociedade, en todo o que poidamos.
Oración
Veño onda ti, Xesús,para que me aprendas a vivir coma ti,a orar coma ti,a pararme coa xente coma ti,a espallar alentos coma ti,a rebelarme contra os "demos coma ti,a vivir sereno e centrado coma ti.Xesús, meu Xesús,
Acción
Visita hoxe a algún veciño ou veciña enferma, interésate por ela, procura animala, se é posible, rezade algo xuntos, comparte con ela a túa fe en Deus.
Se coñeces algunha acción, algunha asociación que traballe de calquera maneira polo ben da xente, non deixes de te apuntar.
12 de xaneiro: Xoves de 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 3, 7-14. Salmo: 94, 6-7. 8-9. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Sam 4, 1-11. Salmo: 43, 10-11. 14-15. 24-25
Evanxeo: Mc 1, 40-45
Unha vez achegouse a Xesús un leproso e rogoulle de xeonllos:
—Ti, se queres, pódesme limpar.
Xesús, conmovido, alongou a man e tocouno, dicindo:
—Pois quero, queda limpo.
E a lepra desapareceulle deseguida e quedou limpo. Xesús despediuno advertíndolle con moita seriedade:
—Mira, non llo digas a ninguén; pero para que conste, preséntate ao sacerdote e fai pola túa purificación as ofrendas mandadas por Moisés.
Pero, mal se foi, aquel home botouse a pregoar o feito, espallándoo de tal xeito que Xesús xa non podía entrar en ningún pobo, senón que quedaba fóra, nos arredores apartados. Pero aínda así acudían a el de todas as partes.
Meditación
Máis que o que poida ou non poida haber de milagre neste feito de Xesús, o que chama a atención, sobre todo, era a facilidade que tiña a xente aflixida para achegarse a Xesús e ser por el atendida. Neste caso trátase dun leproso, unha persoa que daquela, por mor dos posibles contaxios, era obrigada a vivir arredada, fóra da comunidade, fóra das aldeas. Quen ousaba tocarlle a unha persoa leprosa quedaba inmediatamente contaxiado e tiña que vivir tamén apartado das aldeas e da comunidade. E Xesús, conmovido, ao ver aquel home, tocouno, contaxiouse e por iso di ao final este relato que tampouco el podía entrar en ningún pobo. É impresionante este xesto de Xesús. Faise un coa xente máis marxinada, pasa polas que eles pasan, vive onde eles poden vivir, que é na inclemencia dos despoboados.
É admirable a curación daquel home e a súa admiración agradecida que mesmo o levou a desobedecer a advertencia de Xesús. Pero máis admirable aínda é o compromiso de Xesús con quen sofre no corpo e no espírito. Nós, todos e todas nós, podemos ser o leproso que de xeonllos nos achegamos a Xesús. E tamén podemos ir aprendendo de Xesús a doernos da xente como el se doía.
Oración
Xesús, ti pódesme limpar,podes quitarme de enribatodo o que estraga a miña persoae a fai menos familiar, menos comunitaria.Podes devolverme o gozode estar ben integrado na parroquia,e compartir coa demais xentetodo o ben que fixeches por min.Xesús, ti pódesme limpar,ti podes facer de min unha persoa nova.—Pois quero, queda limpo.
Acción
Igual coñeces a algunha persoa que por ser borracha, drogodependente, ou por calquera outra circunstancia vive algo marxinada na parroquia. Achégate a ela, trátaa sempre ben, saúdaa, pouco a pouco vai facendo amizade con ela. Aínda que haxa quen te critique.
13 de xaneiro: Venres da 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 4, 1-5. 11. Salmo: 77, 3 e 4bc. 6c-7. 8
Ano 2: 1ª lectura: l Sam 8, 4-7. 10-22a. Salmo: 88, 16-17. 18-19
Evanxeo: Mc 2, 1-12
De alí a uns días Xesús entrou de novo en Cafarnaúm e sóubose que estaba na casa. Tanta xente se xuntou que nin diante da porta había xa sitio. El presentáballes a Palabra. Entón chegaron catro persoas portando un home tolleito, pero, como non podían chegar ao pé de Xesús pola moita xente que había, levantaron o teito por riba de onde el estaba, abriron un furado para poderen meter e descolgar o leito co enfermo. Xesús, ao ver a fe que tiñan, díxolle ao tolleito:
—Meu fillo, quédanche perdoados os teus pecados.
Pero alí sentados estaban algúns letrados que matinaban para os seus adentros:
—Pero que está dicir este home? Está blasfemando. Quen pode perdoar os pecados, senón unicamente Deus?
Xesús decatouse axiña do que estaban cavilando e díxolles:
—Por que pensades así? Que é máis doado, dicirlle a este home: quedan perdoados os teus pecados, ou dicirlle: érguete, colle a padiola e vaite? Pois para que vexades que o Fillo do Home ten poder para perdoar os pecados —dille ao tolleito—, colle a padiola e vaite para a casa.
E así foi. No instante ergueuse, colleu o leito e foise á vista de toda a xente, de tal xeito que toda a xente quedou pasmada e daba gloria a Deus dicindo-
—Nunca tal cousa vimos.
Meditación
A fe daqueles catro homes que portaban o tolleito era grande. Grande debía de ser tamén a fe, a esperanza do mesmo tolleito para prestarse a tales figuras. E Xesús non se queda curto. Se a cousa ía de abundancias, tamén el pon abundancias. Onde se desexaba a saúde do corpo, que é unha parte importante da persoa, pero soamente unha parte, el responde ofrecendo saúde a fondo, dando perdón e restauración espiritual, para envolver a persoa no convencemento de ser persoa ben querida, por máis que pase fisicamente por horas malas. Unha cousa, a saúde espiritual, non quita a outra, a saúde corporal; por iso o relato remata contando como ambas se complementan. Pero Xesús quere que quede claro que da saúde corporal non somos donos, pero, contando con Deus, sempre podemos acceder á saúde espiritual, fonte de paz e de esperanza aínda no medio da dor.
Os letrados aqueles pérdense na súa sabedoría e son incapaces de comprender as cousas marabillosas que acontecían diante dos seus ollos dunha maneira tan sinxela. O pobo parece que si algo percibía: nunca tal cousa vimos.
Oración
Nunca tal cousa vimos.Que saiba, Xesús, calar e contemplaro misterio da saúde e da enfermidade,corporal e espiritual,na miña persoa e na persoa da máis xente.Que saiba, Xesús, calar e contemplaro misterio da túa presenza en min, en toda a xente,nas horas de saúde e nas horas de enfermidade.Que saiba, Xesús, calar e contemplara forza de vida que es capaz de facer xermolar en nós,para dicir desde a humilde experiencia:nunca tal cousa vimos.
Acción
Hai persoas cristiás que traballan no que se chama "a pastoral da saúde"; pregunta onde hai algo diso e achégate a algunha desas persoas para que che comente o que fan. Igual te animas a unirte a esas persoas; e, senón, polo menos verás cousas que te animarán a ser algo máis comunitario nalgunha cousa.
14 de xaneiro: Sábado da 1ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Heb 4, 12-16. Salmo: 18, 8. 9. 10. 15
Ano 2: 1ª lectura: 1 Sam 9, 1-4. 17-18; 10, 1a. Salmo: 20, 2-3. 4-5. 6-7
Evanxeo: Mc 2, 13-17
Xesús volveu saír para a beira do mar; a xente toda seguía acudindo onda el e el ensinábaos. Ao pasar, viu a Leví, o de Alfeo, sentado no mostrador cobrando a contribución, e díxolle:
—Sígueme.
El ergueuse e seguiuno.
Aconteceu que estando Xesús á mesa na casa de Leví, acompañado dos seus discípulos, moitos recadadores de impostos e pecadores sentaron con eles, pois eran moita a xente que o seguía. Os letrados e fariseos, vendo que comía con eles, dixéronlle aos discípulos:
—Como é que come cos recadadores e pecadores?
Xesús oíunos e contestoulles:
—Non é a xente sa, senón a enferma, a que precisa médico. Eu non vin chamar polas persoas xustas, senón polas pecadoras.
Meditación
Mala fama tiñan daquela os recadadores de impostos, porque representaban o poder abusivo do imperio romano, e ademais era frecuente que se aproveitasen sacándolle á xente aínda máis do moito que xa se lles pedía. Algo así coma algúns dos políticos corruptos de hoxe que rouban mentres para a xente hai recortes e soldos baixos. E vai Xesús e fíxase nun deses para sumalo ao seu grupo. E vai Xesús e entra na súa casa, xanta con el e con outros tales, sabendo o moito que une o feito de comer xuntos. Que libre e valente era Xesús! Como sabía adiviñar o fondo das persoas para petar a esa porta e sacar de cada quen o mellor que levaba dentro! Procesos admirables, que os que andaban coa lei na man non entendían para nada, e por iso murmuraban. O de Xesús era mesturarse coa debilidade, co pecado, coa escuridade e axudar a que a xente se reconstruíse.
E hoxe pasa o mesmo. Xesús segue a ser o mesmo con cada un, cada unha de nós. Non se arreda de nós por moi ruíns que sexamos. E invítanos a facer outro tanto: andar pola vida sen condenar a ninguén, amigando co fráxil, axudando, no que poidamos, a refacer vidas.
Oración
Gustaríame, Xesús,ser libre coma ti,ser valente coma ti,estar coma ti ao lado da xente ruínsaber encaixar as críticas coma ti.Gustaríame taménrecoñecer que en cousas son persoa pecadora,para gozar ao ser acollida por ti,e así, no pecado, no perdón e no cambio,sentirme máis irmán de todos os meus veciños e veciñas.Gustaríame, Xesús,...Que o teu Espírito me renove en todo!
Acción
Fai un pequeno exercicio. Colle un papel e nel escribe o nome das persoas coas que ti non queres ter trato ningún, porque as consideras moi mala xente. Poderías achegarte dalgunha maneira a algunha delas? Poderías empezar por quitarte da cabeza a idea de que son xente sen remedio?
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.