19 abril, 2023

Tempo de Pascua: 3ª semana



23 de abril: Domingo 3 de Pascua

1ªLectura: Feit 2, 14. 22-33. Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-19. 11
2ª Lectura: 1Pe 1, 17-21.

Evanxeo: Lc 24, 13-35

Naquel día, o primeiro da semana, dous dos discípulos ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa achegouse e camiñaba canda eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para o recoñeceren. Entón preguntoulles:
—De que ides falando polo camiño?

Eles pararon cun rostro moi tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle:
—Seica es ti o único forasteiro en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días?

El preguntou:
—De que, logo?

Eles contestaron:
—Do asunto de Xesús o Nazareno, que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo; de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das nosas déronnos un susto, porque foron ao riscar o día ao sepulcro, e, ao non atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron que el vive. E algúns dos nosos alá foron ao sepulcro, e atoparon todo como as mulleres dixeran; pero a el non o viron.

Entón díxolles:
—Que parvos e lentos sodes para crer todo o que anunciaron os profetas! E logo, non cumpría que o Cristo padecese todo isto, antes de entrar na súa gloria?

E comezando por Moisés e todos os profetas, foilles interpretando o que as Escrituras falaban del.

Ao entraren na aldea onde ían, fixo momo quen quería seguir para adiante. Pero eles porfiáronlle, dicindo:
—Queda connosco, porque se fai tarde e a noite bótase enriba.

Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciu8no e partiuno e déullelo. Entón abríronselles os ollos e recoñecérono; pero el desapareceu. E dixeron:

Non ardía o noso corazón cando nos falaba polo camiño, interpretándonos as Escrituras?

E levantándose axiña, volveron a Xerusalén. Alí atoparon os Once reunidos cos seus acompañantes, que dicían:
—É certo, o Señor resucitou e aparecéuselle a Simón.

Eles tamén contaron o qu8e lles pasara polo camiño e como o recoñeceran no partir o pan.

Meditación

O relato do evanxeo de hoxe é especialmente fermoso no seu desenvolvemento, e especialmente suxestivo no que nos propón para o crecemento da nosa fe. Debuxa graficamente o recorrido cara á fe en Xesús resucitado das primeiras persoas e comunidades cristiás, e debuxa tamén o recorrido cara á fe das persoas que hoxe queremos seguilo en comunidade. Todo o relato ten un aire de celebración eucarística, como se fose o modelo de referencia a partir do cal se fose elaborando máis tarde, pouco a pouco, o contido das nosas celebracións eucarísticas. Cantas veces falamos, e mesmo discutimos, do que han ser ou non han ser as nosas celebracións da Misa! Cantas veces se queixan os nenos/as e adolescentes, nos queixamos case todos do aburridas que son as nosas Eucaristías! Ollemos con calma para este relato-celebración; seguro que aprenderemos moitas cousas.

Primeiro aparecen dous homes, dous discípulos que falaban e discutían, tristes, desalentados, cun leve aceno de esperanza nada máis, baseado nas palabras “dalgunhas mulleres das nosas”. Xesús achégase e escóitaos. Sería bo que nas nosas celebracións e que na vida das nosas comunidades houbese sempre un espazo onde a xente puidese contar as súas penas e alegrías, as súas esperanzas, ou no que alguén, despois de estar ben atento a estas penas, alegrías e esperanzas, as puidese facer presente na celebración, como punto de partida da mesma. Este contacto coa vida daríalles frescura e emoción vital. Dunha forma ou doutra as nosas vidas teñen espazo e presenza nas nosas celebracións, no desenvolvemento dos nosos grupos ou comunidades? Como o poderiamos facer?

O relato narra o encontro de Xesús cos discípulos camiñantes. Non o recoñecen. Coméntalles as Escrituras, a Palabra de Deus, que non acaban de entender. É unha palabra de Deus que vai respondendo ás súas dúbidas, ás súas tristuras, ás súas esperanzas. É unha Palabra de Deus comentada con viveza, con paixón. Non é unha palabra de Deus dita no aire, ao tun-tun, desconectada da vida das persoas que a escoitan. Por iso lles chega a alma, aínda que de momento non o noten. Como acollemos, comentamos, achegamos a Palabra de Deus ás nosas vidas? Como nola achegan as persoas que presiden as nosas celebracións ou a nosa formación?

Segue o encontro; faise noite, Xesús parece querer separarse e seguir; ofrécenlle quedar e cear. Xesús queda, parte o pan, ábrenselles os ollos e caen na conta da súa presenza, e da quentura que lles metera no corazón. Ofrécennos as nosas Eucaristías, os nosos grupos, espazos de encontro con Xesús? Sentimos nelas que se nos abren os ollos, que nos arde o corazón? Todo se aclara, cando aparece o xesto supremo de partir o pan, de compartir o pan, a vida, o que un é, o que un ten. Compartir abre os ollos da fe, tanto na celebración como nos demais tempos da vida. Compartir: facer nosa a vida das demais persoas; facer delas a miña vida, a miña existencia, canto máis esplendidamente mellor. Que experiencias temas de todo isto?

Nada máis comer, nada máis experimentar a presenza viva de Xesús, axiña, volven onda os seus compañeiros e compañeiras a compartir o vivido. Xesús desapareceu da súa vista, pero deixoulles o convencemento de que hai que volver onda os compañeiros/as para facer medrar as esperanzas, para alentar, para recuperar o gusto pola vida, polas cousas da vida, para reemprender con ánimo o camiño que lle viran facer ao mesmo Xesús. Desaparecera, pero levábano dentro, moi dentro, coma un motor que os empuxaba cara aos lugares onde a xente sofre e espera acompañamentos de calidade. Estaba sendo así a Pascua de Xesús. Temos nós esta experiencia? Saímos das nosas Eucaristías co corazón quente, cos ánimos espelidos para a loita e o gozo da vida? Por que non, se é que non?

Ser acompañadas/os e acompañar. O evanxeo tamén nos empuxa a esta dobre tarefa. Querer e deixarse querer. Acompañar e deixarse acompañar. Se hai algo precioso na vida, se hai algo que lle gustase a Xesús, era isto de acompañar e quererse acompañado. Todos os días vemos persoas, homes e mulleres, veciños e veciñas nosas, necesitadas de compaña. Nós mesmas/os tamén o estamos, ou non? Claro que sempre hai alguén que vai pola vida de valente e pretende facer o camiño só, soa, prescindindo da compaña da demais xente. Pobre desa persoa! Non chegará moi lonxe. Déixome querer e acompañar? Comparto con outras persoas as miñas penas e alegrías, as miñas esperanzas e desesperos? Acollo e agradezo ese servizo que outras persoas me poden prestar? Préstome á tarefa do acompañamento? Na comunidade cristiá da que formo parte cultivamos isto de acompañar e de deixarse acompañar, coma irmáns e irmás, como Xesús o facía?

Na celebración de hoxe podemos vivir algo de todo isto. Oxalá o fagamos! Oxalá así se nos quente o corazón coma a aqueles dous discípulos de Emaús, nos que todos e todas nós estamos retratadas.

Preces

QUÉDATE CONNOSCO, QUE SE ESTÁ FACENDO NOITE!

Que gocemos do teu alento, Xesús, cando nos sentimos angustiadas polos fracasos da vida, e todo se fai noite ao noso arredor. Oremos.

Que gocemos da túa palabra quente e viva, cando cansamos de estudar, de opositar, de buscar traballo, ou mesmo de traballar, e todo se desvanece nas nosas mans. Oremos.

Que gocemos da túa esperanza, Xesús, cando sufrimos enfermidades duras, que nos fan case desesperar e nos meten nun mar de dúbidas, bágoas e desalentos. Oremos.

Que gocemos das túas forzas, Xesús, cando nos propoñemos seguirte, imitarte, e pretendemos poñer ilusión e dar acompañamento a quen anda triste e apagado como ti facías. Oremos.

Que gocemos da túa valentía, Xesús, cando chega a hora de arrimar o lombo e facer que medren as unións, para defender mellor o pan e o futuro da xente máis débil. Oremos.

Oración
Xesús,
compañeiro de camiño,
ás veces ben visible,
ás veces invisible, pero igualmente a carón,
preséntome diante túa
traendo nas mans tristezas propias e alleas,
nome ao pé do meu nome (pódense pensar e mesmo citar)
falando amarguras e desalentos.

Éche o que hai
nestes tempos tristes de paro e fractura de soños,
nestas horas acedas de soidades e decepcións.
Éche o que hai
nas vidas, aínda nas máis abundantes,
que non saben entrar no corro gozoso da comunidade,
do compartir: palabra, sentimentos, cartos, vida.

Que a túa palabra nos atraia,
nos abra os ollos e o corazón.
Que a túa presenza, evidente ou non,
nos quente o corazón,
nos espila os soños,
nos devolva a esperanza
e as ganas de vivir, de convivir, de loitar, de festexar.

Quédate,
queremos que te quedes,
que partas connosco o teu pan,
nas tardiñas da vida,
cando xa case é noite...
Compartes connosco o teu pan,
a túa presenza de resucitado,
o teu alento, a túa esperanza,
as túas formas de vivir con xeitos novos, solidarios, fraternos.

No campo, nas vilas, nas cidades
saberemos acoller o teu pan e a túa palabra?
Saberemos facernos en ti, contigo,
de novo, creadores de ilusións?
Acción

Á luz da meditación do evanxeo de hoxe, podemos revisar como van as nosas celebracións eucarísticas. Teñen para nós a forza dun encontro con Xesús, semellante ao narrado no evanxeo de hoxe? Se non é así, por que pasa iso? Se o falamos en grupo, seguro que chegamos a ver algo que nos cumpra facer para que as nosas celebracións nos abran os ollos, nos quenten o corazón e nos mobilicen para a vida as nosas mans.


24 de abril: Luns da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 6, 8-16
Salmo: 118, 23-24. 26-27. 29-30

Evanxeo: Xn 6, 22-29

Ao día seguinte de que Xesús multiplicara o pan, a xente que quedara na outra banda do mar decatouse de que alí non había máis ca un bote e que Xesús non montara nel cos seus discípulos, senón que estes marcharan sos. Nisto chegaron algúns botes de Tiberíades, de cerca do sitio onde comeran o pan despois de o Señor dar grazas a Deus. Así que, en vendo a xente que Xesús non estaba alí, nin tampouco os seus discípulos, montaron nos botes e chegaron a Cafarnaúm buscando a Xesús. Atopárono na outra banda do mar e dixéronlle:

—Rabí, cando chegaches aquí?

Xesús contestoulles:
—Con toda verdade volo aseguro: buscádesme non porque vistes sinais, senón porque comestes pan ata vos fartar. Traballade non polo pan que se acaba, senón polo que dura deica á vida eterna, o que vos dará o fillo do Home, pois el é a quen o Pai Deus marcou co seu selo.

Eles preguntáronlle:
—Que temos que facer para realizar as obras de Deus?

Respondeulle Xesús:
—Esta é a obra de Deus: que creades naquel que El mandou.

Meditación

Durante esta semana leremos o capítulo 6 do evanxeo de Xoán, no que o evanxelista nos ofrece o chamado “discurso do pan de vida”. O pedaciño de hoxe vainos dando as claves para poder entendelo e levalo á vida. Preséntanos a un grupo que busca a Xesús con ansia, e non está nada mal iso. Quedaran asombrados polo da multiplicación do pan e dos peixes, e querían beneficiarse dunha presenza tan xenerosa. Xesús axúdalles a que miren para o porqué da súa busca: queren un beneficio material inmediato, non pensan en máis nada. E a cousa non vai por aí. Xesús claro que se esforzou por devolver a dignidade á xente, e iso implicaba cousas tan elementais como garantir o pan de cada día para cada quen, para todo o mundo; pero para Xesús a dignidade dunha persoa non se limitaba a iso; tiña moito que ver con fartar esa fame fonda que todas, todos levamos connosco: fame de paz, fame de recoñecementos, de afectos, fame de solidariedades, de compartir, fame de familia, de comunidade, fame de perdóns, de reconciliacións cun mesmo, coa demais xente, fame … de Deus. E para calmar esa fame Xesús é un bo pan. A pan multiplicado que había pouco calmara a súa fame era un sinal, un símbolo desoutro pan de Xesús, máis substancial, capaz de calmar as fames fondas do ser humano. Se ambas as fames camiñan xuntas nas nosas vidas, é ben que ambos os pans nolas calmen.

Oración
Que bo é ter fames, Xesús,
para buscar calmalas!
Que bo é ter pan, bo pan,
para poder matalas!
Que bo é sentir as fames alleas,
para poder remedialas!
Que bo é sentir as fames do mundo,
para poder alivialas!
Que bo é sentar xuntas á mesa,
para compartir fartadas!
Que bo é terte a ti, Xesús,
espertando desexos do todo e da nada,
ofertando farturas
a prezo de amor, de soños en alza,
a prezo de esperanza,
a prezo sen prezo,
que o pan é de graza!
Acción

Cales son as nosas fames? Que estamos comendo para fartalas? Que fames vemos ao noso redor? Que facemos para alivialas?


25 de abril: Festa de San Marcos evanxelista

1ª lectura: 1 Pe 5, 5b-14. Salmo: 88, 2-3. 6-7. 16-17

Evanxeo: Mc 16, 15-20

Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice salvarase; quen non crea condenarase. Os que crean irán acompañados destes sinais: no meu nome botarán demos, falarán linguas novas, collerán serpes coas mans e, se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfermos e estes curarán.

O Señor, despois de lles falar así, elevouse ao ceo e sentou á dereita de Deus. Eles saíron a predicar por todas partes, contando coa colaboración do Señor, que confirmaba a súa palabra cos sinais que os acompañaban.

Meditación

É de moito agradecer que, xa desde o primeiro momento despois da morte gloriosa de Xesús, houbese homes e mulleres que se sentiron fondamente tocados polo que foi a vida do mestre; lembraban a Xesús con moito agarimo, admiración e agradecemento, compartían o que de Xesús viran ou oíran, e incluso algúns foron poñendo por escrito os seus ditos, os seus feitos e outras cousas que eles consideraban que eran unha aplicación correcta do espírito de Xesús ás novas situacións nas que tiñan que vivir. San Marcos foi unha destas persoas, que fixo do Evanxeo a súa vida.

O evanxeo de hoxe invítanos a todos e todas nós a facer outro tanto; en Xesús, en todo o de Xesús, hai cousas boas para todas as criaturas; invítasenos a ser testemuñas disto, coa nosa palabra e cos nosos feitos: sermos servidoras, servidores da vida, segundo cada etapa da historia nolo vaia pedindo. Paga a pena saber entender os sinais cos que Deus, Xesús, acompañará a nosa tarefa: seremos fortes contra calquera mal, por agudo que sexa; teremos palabras novas que saian das rutinas para expresar a novidade de Xesús en cada momento; seremos capaces de manexarnos positivamente con calquera dificultade, e non haberá cousa que nos impida levar vida e animación, se así o queremos; onde haxa apagamento, saberemos poñer ilusión, esperanza. E todo isto non por nós, senón pola forza do Espírito de Xesús que sempre nos acompaña.

Oración
Facer da túa vida a miña vida, Xesús.
Sermos un, unha,
contigo,
con Deus,
coa xente toda,
coa creación toda.
Acoller, agradecer, gozar, defender, compartir a vida
de todas as criaturas,
especialmente das máis fráxiles,
que precisan dos meus coidados;
especialmente das máis próximas,
que as circunstancias foron poñendo ao meu carón.
Que ben que ti confirmes e acompañes a miña tarefa, Xesús!
Acción

¿En que cousas concretas, con que persoas concretas nos sentimos chamados/as a levar palabra e vida ao xeito de Xesús, a levar a Boa Nova de Xesús, e non o estamos facendo, ou o estamos facendo frouxamente? Co recordo de San Marcos podémonos animar a mellorar a nosa tarefa.


26 de abril: Festa de San Isidoro de Sevilla

1ª lectura: 1 Cor 2, 1-10. Salmo 118, 99-100. 101-102. 103-104

Evanxeo: Mt 5, 13-16

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Vós sodes o sal da terra. Pero se o sal se volve insulso, ¿con que se vai salgar? Para nada vale xa, senón para tirar con el e que o pise a xente.

Vós sodes a luz do mundo. Non se pode agachar unha cidade afincada na cima dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para poñela debaixo da artesa, senón sobre o candeeiro, para que alume a todos os da casa. Alume así a vosa luz á xente, para que, vendo as vosas boas obras, glorifiquen o voso Pai está nos ceos.

Meditación

Onte viámonos empuxados a agradecer a vida e o traballo das primeiras persoas que deron testemuño de Xesús coa súa palabra e cos seus feitos; hoxe na figura de san Isidoro, arcebispo santo e sabio do s. VI-VII, somos invitadas tamén a agradecer a presenza desas persoas, homes e mulleres, que ao longo da historia creron a fondo en Deus, en Xesús, animaron as comunidades cristiás e souberon falar de Deus con paixón e acerto e enriqueceron a cultura. Esas persoas que foron sal e luz no seu mundo e aínda no noso.

Este agradecemento por persoas xa ben antigas deberíanos levar a agradecer tamén outras persoas semellantes que nos nosos tempos teñen a mesma paixón de vivir a fondo a súa condicións de cristiás, de poñer vida nas comunidades cristiás, na Igrexa, e que, ao tempo, se converten nunha referencia tanto para a xente que cre como para a que non cre. Grazas a Deus hai moitas persoas así; algunhas teñen moito nome, como o Papa Francisco; outras non son tan coñecidas, pero están aí termando de moitas iniciativas evanxelizadoras, culturais, solidarias. Son tamén sal e luz para o noso mundo.

Pero Xesús, cando dicía o que o Evanxeo de hoxe nos conta, pensaba en calquera home ou muller cristiá; pensaba en ti e en min. Hai moitas maneiras sinxelas de sermos sal, de sermos luz na familia, na parroquia, no concello no que vivimos.

Oración
Non te avergonces de ser cristiá/án –dicho Xesús.
Vive con humildade e orgullo a túa condición.
Es persoa cristiá por graza de Deus,
non por invención nin méritos propios.
Pero sé valente e coherente.
Non agaches o don de Deus
debaixo da túa frouxidade ou timidez,
da túa covardía ou dos teus medos.
Levas un tesouro nas mans, no corazón:
a memoria quente da miña vida servidora.
Se te botan para atrás os teus propios erros e pecados,
ou os da comunidade e Igrexa da que formas parte,
deixa que o sal de Deus se faga máis sal en ti,
deixa que a luz de Deus alumee os recantos todos da túa vida.
Para todo hai perdón e novidade.
Pero non deixes de ser sal e luz.
Polo teu ben,
polo ben da comunidade, do pobo ao que pertences.
Non deixes de ser sal e luz.
Eu estou contigo.
Acción

Miremos a aquelas persoas que no noso entorno están sendo sal e luz, na parroquia, na comunidade cristiá, no pobo; poden ser ou non ser persoas crentes. Acheguémonos a elas nalgún momento. Agradezámoslles o que están facendo, o que nos están aportando. E de paso miremos tamén se nós non poderiamos ser algo máis sal e luz.


27 de abril: Xoves da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 8, 26-40
Salmo: 65, 8-9. 16-17. 20

Evanxeo: Xn 6, 44-51

Nunha ocasión díxolle Xesús á xente:
—Ninguén pode vir onda min se non o trae o Pai que me mandou, e eu resucitareino no derradeiro día. Está escrito nos Profetas: “todos serán ensinados por Deus”. Todo aquel que escoita o Pai e aprende, vén onda min. Non porque alguén vise o Pai; o único que viu o Pai é o que estaba onda Deus. Con toda verdade volo aseguro: quen cre ten vida eterna.

Eu son o pan da vida. Os vosos pais comeron o maná no deserto, pero morreron. Este é o pan que baixa do ceo, para que quen coma del non morra. Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén como deste pan vivirá para sempre; e o pan que eu darei é a miña carne, para a vida do mundo.

Meditación

Que preciosa e fonda é esta frase: “todos, todas serán ensinadas por Deus”. E cando di todos ou todas, di todos ou todas. Se tod@s somos ensinad@s por Deus, iso quere dicir que no fondo de min mesma, e de todo ser humano existe algo limpo, sinxelo e grande que me conecta con Xesús, que é o gran ensinado por Deus. Quere dicir que en min, en todo ser humano hai, pode haber, unha atracción cara a Xesús, unha empatía co que el dixo, co que viviu, co que el nos transmitiu. De feito cantas veces non temos escoitado iso de “eu en Xesús si que creo; en quen non creo é nos curas, ou na Igrexa”. E de feito tamén cantas veces non vemos xente que igual non é crente, ou é crente doutras relixións, pero no fondo conecta co mundo de amores, de inocencias, de transparencias, de solidariedades e servizos, polo que Xesús entregou a súa vida!

Por iso Xesús é pan de vida para todo home ou muller. Por iso nel todos, todas atopamos vida. As nosas raíces están intimamente conectadas. O zume, a “savia”de Deus, do que Xesús está cheo, corre abundante polas nosas veas.

Oración
Veño, Xesús, onda ti
para aprender cousas do noso Deus.
Veño onda ti,
para vivir iso de telo como Pai ou Nai
que todo o sustenta,
que todo o ama,
que todo o coida.
Veño, Xesús, onda ti,
para escoitar e aprender,
para crer
ao xeito de Xesús.
Para fartarme do seu pan
e deixar que a vida me invada
e que reborde de min sen parar
cara ás persoas que me rodean.
Aprender, Xesús,
ir aprendendo,
pouco á pouco,
á medida da miña debilidade,
á medida da túa esplendidez.
Acción

Se todas as persoas son ensinadas por Deus, todas as persoas nos poden pasar algo de Deus. Como vivimos isto cada día no noso trato coa xente que nos rodea?


28 de abril: Venres da 3ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 9, 1-20
Salmo: 116, 1. 2

Evanxeo: Xn 6, 52-59

Unha vez discutían entre si os xudeus:
—Como pode este darnos a comer a súa carne?

Díxolles entón Xesús:
—Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue permanece en min e eu nel. Así como o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non como o que comeron os pais que mesmo así morreron; quen come este pan vivirá para sempre.

Dixo estas cousas ensinando na sinagoga, en Cafarnaúm.

Meditación

Todos entendemos ben que quere dicir Xesús con iso de comer a súa carne e de beber o seu sangue. Non se trata de nos facer caníbales. A carne, o corpo, é a vida de Xesús, o seus falar, o seu actuar, as súas maneiras de estar coa xente, de tratar con Deus, o seu poñerse con decisión do lado de quen sofre e peca, de quen é marxinado por calquera razón. Comer a súa carne é compartir o seu estilo de vida. E beber o seu sangue é participar co alento, do nervio, da forza que movía todos os seus andares. Beber o seu sangue é participar do seu mesmo Espírito, para poder facer como el facía.

Cada punto do texto anterior préstase a que o leamos, o releamos con calma, e deixemos que vaia penetrando no noso interior, para que envolva todo o noso corpo, toda a nosa mente, todas as nosas emocións, todo o noso ser de pés a cabeza. Así o que lemos e meditamos pódese ir facendo vida nas nosas vidas.

Oración
Permanecer en ti, Xesús,
permanecer no Pai/Nai,
como no noso lugar habitual
no que estar, pensar e actuar.

Vivir por ti, Xesús,
vivir polo Pai/Nai,
desde os mesmos alentos,
cos mesmos desexos.

Facer da nosa fe
algo de verdadeira calidade,
que nos sosteña realmente a vida,
que ofreza algo convincente.

Andar sempre en humildade,
en pobreza, en seguimento,
non por apoucamento,
senón desde o impulso solidario.
Acción

Podemos revisar como estamos vinculados con Xesús, que cordas nos unen a el. Significa realmente algo nas nosas vidas? Contamos con el á hora de dar pasos na vida, de abastecernos de forzas, de pensar no ben da xente que nos rodea?


29 de abril: Festa de Santa Catalina de Siena, doutora e patroa de Europa

1ª lectura: 1 Xn 1,5—2,2. Salmo: 102.

Evanxeo: Mt 11, 25-30.

Nunha ocasión dixo Xesús:
—Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lle escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin ninguén coñece o Pai agás o Fillo e a persoa a quen o fillo llo queira revelar.

Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.

Meditación

Catarina de Siena (Siena, 1347 – Roma, 1380) foi unha gran muller mística; isto quere dicir que, no seu caso, desde moi noviña, tivo unha especialísima experiencia de Deus na súa vida, conforme as formas de piedade daquela época. Meteuse monxa dominica e viviu a fondo o anunciado por Xesús no evanxeo de hoxe. Gozou dun coñecemento amoroso de Deus durante anos de soidade e retiro, pero tamén se ofreceu coma Xesús para ser alivio da xente desfavorecida e, sobre todo a partir dos 23 anos, para promover a paz e a concordia dentro e fóra da Igrexa. Paulo VI nomeouna Doutora da Igrexa no 1970, e Xoán Paulo II declarouna Patroa de Europa no 1999.

Invítanos santa Catarina a coidar a nosa experiencia de Deus, e invítanos tamén a ser persoas de reconciliación. Ambas as dúas cousas ben necesarias no momento histórico que nos toca vivir. Tamén nos invita a soñar co marabilloso papel que poderían desempeñar as mulleres na Igrexa, deixándolles desenvolver as súas capacidades todas.

Oración
Para construír unha Europa fraterna,
FORTALÉCENOS, CATARINA.
Para superar vellos tics de prepotencia.
Para respectar aos pobos pequenos do Terceiro Mundo.
Para abrir as nosas portas a quen por necesidade peta nelas.
Para construír Europa desde a preferencia polo pequeno.
Para vivir e morrer coa paz sempre nas mans.
Para investir en pan o que investimos en armas.
Para abrir o noso progreso á forza do Espírito.
Acción

Podemos achegarnos algo á biografía de Santa Catarina, desde calquera santoral ou desde o mesmo google. Seguro que atoparemos aspectos que nos sorprendan e animen.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.