15 xuño, 2023

Recolleita en Sobrado



  Na festa de Corpus





Desde que a filosofía grega, tan bélica, se coou na nosa teoloxia, o corpo quedou marcado, baixo sospeita, algo ao que hai que vencer, nunha guerra permanente con el.

Pero para as mulleres o noso corpo é o colo que xera, aloumiña e sostén a vida.

Facerse corpo é encarnarse, facerse carne, conectarse co mundo físico, descubrirse como creatura necesitada de cristificacion.

As nosas vidas son tan pequenas que moitas veces non nos dá tempo a descubrir todo o que de fonda ten esta mensaxe de cristificacion que hoxe nos trae o evanxeo. Somos corpo e sangue de Cristo, somos verdadeira comida e verdadeira bebida cando estamos unidos a Cristo, neses breves momentos, limitados e fugaces, nos que nos sentimos parte dun banquete, fraterna e subversiva eucaristía, que dicía Casaldaliga.

Ser corpo ten que ver tamén coa fraxilidade, a vulnerabilidade, a incertidume de todo o vivo. Abrazar a nosa incertidume fainos ser conscientes da limitación, pero tamén da grandeza da plenitude que buscamos e que só podemos experimentar no noso corpo.

Identificarnos con Xesús, co seu proxecto, é estar disposta a asumir a cristificacion, facernos un/unha con Él.

Ao comulgar o corpo de Cristo comulgamos tamén co seu espírito, co desexo dunha humanidade e unha creación reconciliada onde ningún corpo sexa maldito, excluido, inferior.

A eucaristía é tamén pan de vida, sustento e nutrinte, fortaleza e enerxía que nos capacita para vivir a vida coma un banquete no que non hai primeras ni últimas.

Neste proxecto de cristificacion propia e do mundo, quero lembrar a oración de Madeleine Delbrêl, laica que na primeira metade do século XX se inseriu e traballo no mundo obreiro, nun barrio marxinal de París.
“tráesnos esta noite
a este café, chamado Claro de lua,
onde queres ser Ti en nós,
durante algunhas horas esta noite.
Queres atopar,
a través das nosas miserables apariencias,
a través dos nosos ollos que non saben ver,
a través dos nosos corazóns que non saben amar,
a todas estas persoas
que veñen ao bar a matar o tempo.
E porque os teus ollos espertan nos nosos,
porque o teu corazón se abre no noso corazón,
sentimos como o noso débil amor,
se abre en nós coma unha rosa espléndida,
afonda coma un refuxio inmenso e acolledor
para todas estas persoas cuxa vida latexa arredor noso.
Daquela o café xa non é un lugar profano,
un rincón da terra que parecía darche as costas.
Sabemos que por ti nos convertemos
nun centro de carne,
nun centro de graza,
que nos obriga a xirar
a orientar todo,
en plena noite,
cara a nai-pai de toda vida.

En nós realízase o sacramento do teu amor.
Unímonos a ti
con toda a forza da nosa escura fe;
unímonos a elas e eles
coa forza deste corazón que latexa por ti;
amámoste,
amámolos,
para que de todos nós se faga unha soa cousa.
Atrae todo cara ti en nós..."


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.