14 xuño, 2023

Tempo Ordinario: 11ª semana



18 de xuño: Domingo 11 do tempo ordinario

1ª lectura: Éx 19, 2-6a. Salmo: 99, 2. 3. 5.
2ª lectura: Rom 5, 6-11.

Evanxeo: Mt 9,36—10,8

Nunha ocasión, vendo Xesús a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor. Entón díxolles aos discípulos:
—“A seara é grande, pero os traballadores son poucos; así que rogádelle ao dono da seara que mande traballadores á súa seara.”

E co mesma, chamou os seus doce discípulos e deulles poder para botaren fóra os espíritos malos e curaren toda enfermidade e toda doenza.

Estes son os nomes dos doce apóstolos: O primeiro, Simón, chamado Pedro, e mais Andrés, seu irmán; Santiago, o de Zebedeo, e mais Xoán, seu irmán; Filipe e Bartolomeu; Tomé e Mateo, o publicano; Santiago, o de Alfeo, e mais Tadeo; Simón, o Zelota, e Xudas Iscariote, o mesmo que o entregou.

Xesús enviou a estes doce con estas instrucións:
—“Non vaiades a terra de pagáns nin entredes en vilas de samaritanos; ide máis ben ás ovellas perdidas da casa de Israel. E mentres camiñades, proclamade que xa chega o Reino dos Ceos.

Curade enfermos, resucitade mortos, limpade leprosos, expulsade os demos. E xa que de balde recibistes, dade de balde tamén.”

Meditación

Xesús tomara unha decisión moi importante: renunciara a estar cos grupos de Xoán Bautista que, aínda que recibían e adoutrinaban a xente que viña onda eles, e a bautizaban con aquel seu bautismo tan especial, en realidade estaban arredados do pobo. Xesús rompe con iso e decide estar coa xente, vivir con ela, nos seus pobos, nos seus barrios, nas súas aldeas; traballar coma eles, comer coma eles, andar polos seus camiños, facerse un de tantos. E así, andando os camiños de Galilea, encóntrase coa realidade da vida, coa xente e os seus moitos problemas; a xente andaba como derreada, esmorecida, desalentada, desesperanzada, sen ilusión, sen persoas que llela transmitisen, tal como ovellas sen pastor, sen guía. É ben importante este primeiro apunte do Evanxeo de hoxe. Como é a sociedade da que formamos parte? Como estamos sendo nós, as persoas cristiás, dentro dela? Andamos os camiños coma Xesús, para poder bater coa realidade da xente, moitas veces tan crúa, ou refuxiámonos nas nosas casas, celebracións, nas nosas xuntanzas, nas nosas comodidades? É ben importante saír á rúa, atoparnos coa xente, ir de visita, preferindo incluso a aquelas persoas ou familias que intuímos que o poidan estar pasando mal por calquera razón.

Xesús, porque viu e palpou, puido sentir, puido verse conmovido e incitado a solidarizarse coa xente que o andaba pasando mal. Viu que o traballo era moito, que as necesidades da xente eran moitas. E non se quedou no seo da manta. Dispúxose a facer o que consideraba oportuno para cambiar aquela situación. Compara o traballo a facer coa tarefa de recoller unha grandísima colleita para a que fan falla moitísimos obreiros e obreiras. Pide que lle soliciten obreiros ao amo das terras, pero deseguida se dispón a actuar: comparte con outras persoas as súas inquedanzas, as súas ilusións, as súas forzas, o seu poder, o seu Espírito, e crea un grupo de xente disposta a non deixarse envolver e arrastrar pola negrura da vida. Outra cousa ben fermosa esta! Que facemos nós cando nos atopamos antes as carencias da vida? Queixámonos, pero encollémonos? Promovemos accións que leven algún tipo de conforto á xente? Arrimámonos a propostas doutra xente que pensa e actúa con sentimentos de solidariedade? Fomentamos ilusións, alentos, esperanzas? Ou somos dos que sempre tiramos para atrás? Xesús ben vemos como era. Apuntámonos con el, ao seu grupo, á súa tarefa? Como é a nosa comunidade cristiá, a nosa parroquia respecto a todo isto?

A xente que acompaña a Xesús é de todos os tipos; xente popular a maioría dela, como somos a maioría de nós; diferentes nos traballos, na maneira de ser e de pensar, pero que se deixan ilusionar por Xesús, e polo seu intento de levar alivio, respiro á xente. Todos, todas podemos, todas valemos, todas sabemos para podernos incorporar ao grupo de Xesús. Valemos, podemos e sabemos, porque Xesús dános tamén a nós o que lles deu a aqueles seus primeiros acompañantes: o seu poder, o seu espírito, que era moito e disposto e valente e a proba de bomba, a proba de cruz e traballos. Ben o sabemos.

É importante ver a tarefa que Xesús lles encomenda ás persoas que el envía polo pobo adiante, polas aldeas adiante: botar fóra espírito malos, curar enfermidades e doenzas, resucitar mortos, limpar leprosos… Sempre unha tarefa humanitaria no nome de Deus. Porque Deus é o primeiro interesado no benestar da xente. E Xesús aprendeu de Deus mesmo esa grandísima humanidade. Tócanos a nós hoxe pensar, e pensalo ben, cáles serán os espíritos malos que debemos botar fóra de nós mesmos e das nosas comunidades e parroquias; eses espíritos malos que nos rouban a paz, a convivencia veciñal, a dignidade das nosas vidas; que nos queren levar a honradez, as posibilidades de ter un teito, un traballo, unha vida familiar e social digna. Hai enfermidades malas que nos traen moito malestar, e ante elas debemos prepararnos, esixir todas as mellores atencións, apoiarnos uns a outros. Existen tamén moitas malicias coas que nos podemos facer mal a nós mesmos e á demais xente. Seguindo a Xesús, sería normal que as persoas cristiás fósemos expertas na loita contra calquera clase de padecemento humano, corporal e espiritual, e que arrimásemos o noso lombo a cantos anden envoltos nestas tarefas, desde a relixión, desde as asociacións, desde a política. Xesús agradeceránolo.

A Eucaristía é un momento para cargar pilas, para cargar o corpo e o espírito co Pan e co Viño, co Corpo e co Sangue de Xesús, co seu espírito. O lugar onde nós mesmas curarnos e onde coller forzas para axudar a curar aos demais. E todo de balde, como tanto lle gustaba a Xesús. Dar de balde o que de balde recibimos.

Preces

DEAMOS DE BALDE O QUE DE BALDE RECIBIMOS

Que nos doiamos das penalidades da xente e contribuamos a lles poñer remedio. Oremos.

Que acollamos con afecto e boas atencións as persoas emigrantes ou refuxiadas que poida haber nos nosos pobos. Oremos.

Que non nos quedemos nas covardías e nos medos, e sexamos ousados para unirnos e dar respostas serias aos problemas que vemos. Oremos.

Que contaxiemos e nos deixamos contaxiar pola ilusión, pola esperanza, sempre. Oremos.

Que saibamos nutrir as nosas forzas na forza grande de Xesús, de Deus, coa oración, co conxunto da nosa vida. Oremos.

Oración
Por qué dubidas,
a que tes medo,
por que receas tanto
e te quedas sempre no seo da manta?

Que fermoso é o mundo —verdade?—,
cando o vemos traballado por xente
coma Tareixa de Calcuta,
coma Vicente Ferrer,
coma tantos e tantas servidoras anónimas
—algunhas ben coñecidas por ti, seguro—,
que se erguen cada mañá
co corazón bañado pola ilusión e a solidariedade!

Por qué non ti?
Porque tes medos?
Xa haberá quen chos escorrente.
Porque es covarde?
Xa haberá quen te fortaleza.
Porque te ves pouca cousa?
O Reinado de Deus está cheo
de moreas de xente pouca cousa
que cambiaron areais en morteiros
e das lanzas fixeron ferramentas para a poda.

Por que non ti meu amigo, miña amiga?
Non vale de nada queixarse, chorar, berrar, renegar, amargarse,
se a continuación non pos o teu gran de area
para que as bágoas mingúen
e as risas poboen a terra.

Anímate,
atoparás a man de moitas irmáns, de moitas irmás,
os teus esforzos quedarán compensados
por milleiros de satisfaccións.
Medrarache o corazón ata o infinito,
xa o verás,
e serás feliz con gozo incomparable da irmandade.

Mesmo cos ollos do amor
—os que mellor ven—
verás a Deus!
Acción

Igual xa o facemos habitualmente, pero non estaría de máis que fixésemos un esforzo por saír, bater coa xente normal, falar, escoitar, percibir as fraxilidades da nosa veciñanza –e de paso tamén as nosas—, e ver logo que poderiamos facer, ou á que accións nos poderíamos incorporar. Sempre co espírito de Xesús.


19 de xuño: Luns da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 6, 1-0. Salmo 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 21, 1-16. Salmo: 5, 2-3. 5-6. 7

Evanxeo: Mt 5,38-42

Naquel tempo díxolles Xesús á xente:
—Tedes oído que se vos dixo: ollo por ollo e dente por dente. Pero eu dígovos: non volvades mal por mal. Ao contrario, se alguén che dá un lapote na túa meixela dereita, preséntalle a outra; a quen queira preitear contigo e che leve a túnica, déixalle ir tamén o mantelo; a quen te obrigue a camiñar con el unha milla, acompáñao dúas. A quen che pide, dálle; e non lle vires as costas a quen che pida emprestado.

Meditación

Frecuentemente fanse bromas a conta destas palabras de Xesús. Cando se escoitan, aló por dentro moita xente dicimos: si, ho, estás ti bo! E damos por feito que o bo, o correcto, o xusto é responder ao mal con mal, tanto ou máis do que nos fixeron, para que aprenda.

O de “ollo por ollo e dente por dente” no tempo de Xesús era unha medida de contención, para non excederse en responder ao mal, cando non había leis coma hoxe e a xente tomaba a xustiza pola súa man. Xesús propoñía dar un paso adiante, para poder romper coa forza do mal: o mal non se acaba con máis mal, senón con ben. Pero parece que non estamos polo labor. Parécenos que iso é cousa de mexericas covardes, sendo que a proposta de Xesús é de persoas valentes, apaixonadas polo ben propio e o das outras persoas, que non quere que a roda do mal, das xenreiras, nos fira no máis fondo da vida e nos impida vivir co corazón solto, ledo, vendo sempre nos demais un irmán ou unha irmá, un amigo ou unha amiga. E iso non quita, claro, que chegado o caso teñamos que regular algunhas diferenzas a través de xuízos xustos.

Oración
Canto custa, Xesús,
non devolver mal por mal,
insulto por insulto,
desprezo por desprezo,
pasas de min por paso de ti,
ata vivir multiplicando distancias e paredes,
co corazón engurrado,
coa alma no máis fondo ferida!
E ves ti, Xesús,
e rétasnos ao que parece imposible,
e proposnos un remedio simple, eficaz,
ousado, valente,
e ofrécestenos como exemplo e camiño,
e dásnos o bo Espírito para poder facelo.
E eu dígoche:
grazas, Xesús,
fíome de ti,
desde xa vou cambiar de chip na miña vida,
velarei polas miñas emocións, polas miñas respostas,
tentarei imitarte.
Dáme a túa man para camiñar xuntas.
Acción

¿Estamos nalgunha cousa concreta, con algunha persoa concreta, reaccionando coa lóxica do mal por mal? ¿Poderiamos propoñernos facer un cambio, empezando polo que nos pareza máis sinxelo, máis ao noso alcance?


20 de xuño: Martes da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 8, 1-9. Salmo: 145, 2. 5-6. 7. 8-9a
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 21, 17-29. Salmo: 50, 3-4. 5-6a. 11 e 16

Evanxeo: Mt 5, 43-48

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Tedes oído que se vos dixo: Amarás o teu próximo e aborrecerás o teu inimigo. Pero eu dígovos: amade os vosos inimigos e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no ceo, que fai saír o seu sol sobre malos e bos e chover sobre xustos e inxustos. Porque, se amades os que vos aman, ¿qué recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E, se saudades soamente os vosos irmáns, ¿qué facedes de máis? ¿Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede completos en todo como completo en todo é o voso Pai celestial.

Meditación

Por tendencia natural tendemos a mostrar atencións e agarimos á xente que nos é próxima por parentesco, por amizade, por coincidir nos xeitos de ver a vida, de entender a política, nas afeccións deportivas etc. E ao resto de persoas deixámolas de lado. Sen deixar de valorar a parte de mérito que isto pode ter e ten, podémonos preguntar se con eses amores estamos realmente amando, é dicir, saíndo de nós para entregarnos libremente a outras persoas, ou estamos simplemente amando as prolongacións de nós mesmos que as outras persoas representan para nós. Amar, amar ben, non é doado.

Xesús invítanos a achegarnos á fonte de todo amor para aprender a amar. E esa fonte do amor, que é Deus, ama sen diferenzas nin distincións. Ama buscando non a propia compracencia, senón o ben e as medras da persoa amada. Deus a través de Xesús invítanos ao mesmo. E dinos que hai aí grande felicidade. Claro que o amor tampouco é cousa de andar sempre aloumiñando; ás veces amar pide palabras e xestos fortes, correccións, críticas, buscando con humildade e valentía axudarlle a outras persoas a pararse ante o que fala e fai. Sempre dispostas, por suposto, a que os demais poidan facer outro tanto connosco.

Oración
Como aprendiz do amor,
así me achego hoxe ante ti, Xesús,
e, contigo, ante o Deus do amor,
o Deus do bo amor,
o Deus de todo amor,
o Deus do amor máis completo.
Que lonxe estou de amar ben,
esquecéndome de min,
buscando sempre a compracencia da persoa amada!
Que lonxe estou de amar sen distincións,
superando parentescos familiares, relixiosos, políticos, ideolóxicos!
Que lonxe estou do pequeno amor cotián,
feito de pequenas palabras, xestos, mimos e atencións!
Que lonxe estou do amor laico, secular,
que se exerce desde a militancia social, política, ecolóxica!
Como aprendiz do amor,
así ante ti hoxe, Xesús,
para que me aprendas,
para aprender.
Grazas!
Acción

Seguro que nos é doado sentirnos interpelados/as polas palabras de Xesús sobre o amor. ¿Podémonos propoñer dar un paso adiante nalgún campo concreto, con algunha persoa concreta?


21 de xuño: Mércores da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 9, 6-11. Salmo: 111, 1-2. 3-4. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Re 2, 1. 6-14. Salmo: 30, 20. 21. 24

Evanxeo. Mt 6,1-6. 16-18

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Tede coidado de non practicardes a vosa xustiza para que vos vexa a xente, que daquela o voso Pai celestial non vos dará recompensa ningunha.

Cando deas unha esmola, non o vaias proclamando diante de ti cunha trompeta, como fan os hipócritas nas sinagogas e nos rueiros para seren loados pola xente; asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando deas unha esmola, que non saiba a túa man esquerda o que fai a dereita. Así a esmola será secreta e teu Pai, que ve o segredo, xa te recompensará.

Cando recedes, non fagades coma os hipócritas, que gustan de rezar moi ergueitos nas sinagogas e nas esquinas das prazas para que os vexa a xente; asegúrovos que tamén recibiron a súa recompensa. Ti, polo contra, cando queiras rezar métete no teu cuarto, pecha a porta e rézalle a teu Pai que está no segredo; e teu Pai, que ve o segredo, hate recompensar.

Cando xaxuedes, non poñades caras tristeiras, como fan os hipócritas, que desfiguran as súas caras para que a xente llelo note. Asegúrovos que xa recibiron a súa recompensa. Ti, en troques, cando xaxúes, perfuma a cabeza e lava a cara, para que non che se note ante a xente, senón ante teu Pai celestial; e teu Pai, que ve o que está escondido, hate recompensar.

Meditación

Urxente e ben necesaria esa advertencia de Xesús de non practicar a nosa xustiza, calquera clase e forma de xustiza, para que nos vexa e aplauda a xente. É ben difícil escapar desta tentación. O coidado do ego, do propio valor, imaxe e recoñecemento, ten un poder inmenso sobre nós, e pode falsear ata as mellores accións, por moita aparencia que teñan de xenerosidade, de servizo, de amor. Sabémolo ben por experiencia. Cómpre que andemos ben alerta con iso. Se no fondo nos buscamos a nós mesmas, pouca recompensa imos ter, porque nos atoparemos unicamente con nós mesmas, coa nosa pouquidade.

A invitación de Xesús é a entrar no segredo, no oculto, no baleiro, no esquecemento de nós, na marabilla dun amor limpo, desinteresado a fondo; alí bateremos cara a cara co Pai-Nai, coa fonte de toda xenerosidade. Non quedaremos sen recompensa, pero por vías moi distintas das nosas torpes ganas de ser chufado e aplaudido. Polas vías que soamente Deus coñece. Que han ser boas. Confiámonos nel.

Oración
Ai, meu Deus,
canto me pesa o que pensen e digan de min!
Canto condiciona iso as miñas accións e omisións,
as miñas palabras e os meus silencios!
Canto busco torpemente, infantilmente,
loas, aprecios, aloumiños!
Canto me custa ser libre, desapegada,
facer as cousas simplemente desde min,
simplemente desde o amor,
desde o servizo, cando cousas de servizo sexan!
Quen me poderá curar deste cancro destrutor,
desta metástase que o quere invadir todo?
Cólleme da man,
méteme onda ti,
no segredo, no baleiro, no esquecemento,
para aprender a gustar o gozo simple dos amores libres.
Ai, meu Deus, meu Deus!
Acción

Podemos mirar que é o que realmente nos move cando emprendemos algunha acción, algún servizo, algunha actividade privada ou pública. Podemos mirar tamén se son as chufas as que nos alegran o día e as críticas as que nos fonden. Irémonos coñecendo por dentro e poderemos achegarnos ao que Xesús nos ofrece.


22 de xuño: Xoves da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 cor 11, 1-11. Salmo:110, 1-2. 3-4. 7-8
Ano 2: 1ª lectura: Eclo 48, 1-15. Salmo: 96, 1-2. 3-4. 5-6. 7

Evanxeo: Mt 6, 7-15

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Cando vos poñades a rezar, non sexades laretas coma os pagáns. Botan de conta que os van escoitar polo moito falar. Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades. Vós rezade así:

Noso Pai, que estás no ceo: santificado sexa o teu nome; veña o teu reino; fágase a túa vontade aquí na terra coma no ceo. Dános hoxe o noso pan de cada día. E perdoa as nosas débedas como tamén nós perdoamos xa os nosos debedores. E non nos sometas á tentación, mais líbramos do Malo.

Porque, se vós perdoades aos outros as ofensas que vos fan, tamén voso Pai celestial perdoará as vosas; pero, se non perdoades aos outros, voso Pai celestial tampouco non perdoará as vosas ofensas.

Meditación

Moitas veces a nosa oración facémola consistir nunha chea de indicacións a Deus, nunha chea de presións, para que nos conceda aquilo que a nós nos parece que nos convén. Como se Deus non fose coñecedor abondo, como se Deus non fose misericordioso abondo, e tivésemos nós que informalo e arrequentarlle o corazón. Vállanos Deus!

Xesús invítanos ao silencio, a poucas palabras, a estar sinxelamente, confiadamente ante Deus, a abrirlle o noso corazón, a nosa vida, a abrirnos á súa presenza, ao seu amor que sempre está por nós a fondo, a deixarnos envolver polo seu Espírito de fraternidade, de solidariedade. A nosa vida é sempre fráxil no corpo e no espírito; Deus non é un curandeiro, pero si que nos pode dar alentos fortes que nos sosteñan nas horas boas e nas horas duras da vida. Pódenos curar certamente os ánimos e, con eles, ás veces mesmo os corpos. Con el ben ao noso lado as noites énchense de luz e os días fanse máis claros para descubrir o veciño ou veciña que necesita dos nosos apoios.

Oración
Noso Pai maternal,
que nos queres sen medida
que te sentes honrado véndonos felices en irmandade:
sexa respectado, querido e agradecido o teu nome!
Que levemos adiante o teu proxecto fraternal
sobre a xente, a natureza, o mundo, o cosmos todo.
Que o teu querer, asentado en nós como matriz de vida,
se desenvolva en nós ata a súa plenitude,
nos grandes proxectos, nos pequenos feitos de cada día.
Que a ninguén lle falte o pan de cada día,
o pan, a casa, a saúde, a educación, a dignidade, a liberdade,…
sen que ningunha persoa ou pobo quede excluído.
Que saibamos ser humildes para recibir perdóns,
os da xente e os teus,
e ser valentes para saber ofrecelo
e non enredarnos nas destrutoras cordas dos resentimentos e vinganzas.
Que as forzas do mal que aniñan no noso mesmo corazón
non nos poidan, por moito que se vistan de cores vistosas.
E que, ben apoiadas en ti, poidamos co Mal, co Malo,
que ameaza as nosas vidas e a casa común
con proxectos dominadores, imperialistas, deshumanizados,
que buscan triunfar á conta da saúde corporal e espiritual da xente.
Acción

¿Cómo oramos, cando oramos, de que maneira oramos? ¿Temos a Deus coma un gran señor a quen hai que gañar e convencer con enchufes, con obsequios, con cartos? Individualmente ou en grupo podemos pensar e falar algo sobre a nosa oración, para mellorala.


23 de xuño: Venres da 11ª semana do Tempo Ordinario

Ano 1: 1ª lectura: 2 Cor 11, 18. 21b-30. Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7
Ano 2: 1ª lectura: 2 Re 11, 1-4. 9-18. 20. Salmo: 131, 11. 12. 13-14. 17.18

Evanxeo. Mt 6, 19-23

Naquel tempo díxolle Xesús á xente:
—Non amoreedes tesouros na terra onde a traza e máis a ferruxe acaban con eles, e os ladróns asaltan as casas para roubalos. Amoreade tesouros no ceo, onde non hai traza nin ferruxe que acaben con eles, nin ladróns que asalten e os rouben. Que onde está o teu tesouro está o teu corazón.

A luz do corpo é o ollo. Se o teu ollo está san, todo o teu corpo estará alumado; pero, se o teu ollo está malo, todo o teu corpo está na escuridade. E se a luz que hai en ti é escuridade, ¡canta escuridade!

Meditación

Un pedaciño de Evanxeo para lelo con calma, e con calma deixar que nos entre ben dentro, porque el mesmo fai referencia a dimensións profundas da nosa existencia, e tamén dos nosos comportamentos normais de cada hora. Que importante é ter unha ollada sa, limpa, libre de prexuízos, de malicias, de egoísmos, de segundas intencións, reconciliada coa propia persoa e coas demais persoas! Que distinto se ve todo, cando a nosa ollada é sa e limpa abondo, está pacificada abondo, para se converter en canle de afectos e solidariedades que poden máis do que calquera outra diferenza! Esta luz da ollada é un dos máis grandes dons que Deus nos pode dar, el que é todo luz, todo esplendor, todo transparencia.

Se ollamos con esa ollada sa, purificada, libre, seguro que atinaremos con tesouros sólidos para a nosa vida; buscaremos loxicamente ter o necesario e suficiente para vivir con dignidade, pero o noso corazón estará aberto para andar en grupo, en comunidade, as rutas todas da solidariedade. O máximo pracer que salta ata a vida eterna.

Oración
¿Onde está o meu tesouro, meu Deus,
onde está con el o meu corazón?
¿Onde está o meu corazón, meu Deus,
onde está con el a miña vida toda?
¿Onde está a miña vida toda, meu Deus,
onde está con ela o meu apego a ti?
¿Onde está o meu apego a ti, meu Deus,
onde está a miña consideración co próximo?
¿Onde está a miña consideración co próximo, meu Deus,
onde está con el o meu servizo á xente insignificante?
¿Onde está o meu servizo á xente insignificante, meu Deus,
onde está con el a miña acollida á xente refuxiada?
¿Onde está o miña acollida á xente refuxiada, meu Deus,
onde está iso de ser e sentirme irmán universal?
¿Onde está iso de ser e sentirme irmá universal, meu Deus,
onde está, logo, o meu tesouro, o meu corazón?
Acción

¿De que forma poderiamos sandar e limpar algo a nosa ollada? Igual podiamos empezar por non pensar nin actuar coas persoas desde clixés que delas nos temos feito: É de dereitas, é de esquerdas, é homosexual, é independentista, é españolista, é …


24 de xuño: Natividade de San Xoán Bautista

1ª lectura: Is 49, 1-6. Salmo: 138, 1-3. 13-14. 15
2ª lectura: Feit 132, 22-26

Evanxeo: Lc 1, 57-66.80

Cando a Sabela se lle cumpriu o tempo, deu a luz un fillo. En sabendo os parentes e veciños a bondade con que Deus a regalara, fórona felicitar. Aos oito días levárono a circuncidar e queríanlle poñer o nome de Zacarías coma seu pai. Pero interveu a nai dicindo:
—Non, chamarase Xoán!

Eles replicaron:
—Pero se non hai ninguén na túa parentela que se chame así!

Preguntáronlle por xestos ao pai, como quería que se chamase. El pediu con que escribir e puxo:
—Xoán é o nome do meniño.

Todos ficaron sorprendidos. E se súpeto ceibóuselle a lingua e empezou a falar bendicindo a Deus. A xente veciña quedou toda abraiada e por toda a montaña de Xudea non se falaba doutra cousa.Todos os que o oían dicían moi impresionados: “¿Qué vai ser deste neno?” Porque a man de Deus estaba con el.

O meniño medraba, robustecíase o seu espírito e vivía no deserto ata o día de se manifestar a Israel.

Meditación

Xoán e o froito da fraxilidade feminina de Sabela confiada en Deus. O mesmo que Xesús será o froito da fraxilidade feminina de María confiada en Deus. Zacarías estivo aí, Xosé estivo aí, acompañando e compartindo feitos e procesos. Ambos, Xoán e Xesús, teñen a mesma matriz: o regalo de Deus intervindo misteriosamente na historia das persoas, da humanidade, a través de circunstancias simples, normais: naceron coma uns de tantos, diría San Paulo.

Xoán foi unha persoa que chegou fondamente á alma de Xesús. Cando este andaba en busca, atopou en Xoán un ideal de vida e de tarefa; encantoulle a súa austeridade libre, cómo estaba absolutamente cimentado en Deus, cómo lle doía a relixiosidade baleira que se promovía desde a institución; encantáballe a súa liberdade para falar sen medos desde o que lle nacía no seu propio corazón, e tamén iso de entender que a relixión boa tiña moito que ver coa honradez, co non abuso, co respecto, co compartir. Como Xesús, Xoán foi forte ata dar a vida polo que entendía que era o mellor servizo a Deus e á xente. Xesús bebeu moito desta fonte, aínda que logo o desenvolvería con palabras e feitos moito máis aló do que Xoán podía imaxinar.

Xesús non naceu da nada. Todo o seu, que tanto nos marabilla, foi posible grazas a que antes ca el, xa houbera moitas persoas especialmente sensibles ás cousas do Espírito, que foran abrindo camiños, botando sementes, que logo frutificaron de forma tan potente na persoa de Xesús. Por iso dicimos con convencemento que Xesús foi froito do Espírito. Os nosos recorridos persoais e históricos están igualmente poboados de nomes e de influencias. Nós tamén podemos ser persoas significativas, importantes, mesmo imprescindibles, para que outra xente se achegue ao corazón de Deus, ao corazón da vida xusta e libre en Deus. Xoán é un referente.

Oración
Bendito, Xoán,
no teu nacemento
no que se xuntou o amor duns pais crentes
co Espírito de Deus que todo o fertiliza!
Bendito, Xoán,
porque a man de Deus sempre estivo contigo
e te deixaches guiar sempre por ela,
e nela buscaches apoio e seguridade!
Bendito, Xoán,
que puideches medrar e robustecerte no Espírito
poñendo da túa parte o que Deus che ía pedindo!
Bendito, Xoán,
que nos desvelas o que pasa con todas nós:
tamén froitos do Espírito para a construción persoal,
para a construción comunitaria!
Bendito, Xoán,
forte e dócil,
seguro e humilde,
libre a todos os xeitos e por iso mesmo crítico,
aberto a todos os sinais de Deus,
aberto a Xesús!
Bendito, Xoán,
primo de Xesús,
mestre de Xesús,
discípulo de Xesús!
Admirámoste, agradecémoste.
¡Bendita tamén a nai que te pariu e os peitos que te criaron!
Acción

Na festa de Xoán o Bautista podemos recoñecer e agradecer expresamente a algunha persoa que foi importante no noso crecemento humano e espiritual.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Reservámonos o dereito de determinar que comentarios non deben ser publicados co obxectivo de manter un diálogo respetuoso, enriquecedor e fluido.