03 outubro, 2024

Tempo Ordinario: 27ª semana



6 de outubro: Domingo 27º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xén 2, 18-24. Salmo: 127, 1-2. 3. 4-5. 6
2ª lectura: Heb 2, 9-11

Evanxeo: Mc 10, 2-16

Unha vez achegáronse a Xesús algúns fariseos, preguntándolle para probalo, se lle está permitido ao home repudiar a muller. El replicoulles:
—¿Qué foi o que mandou Moisés?

Respondéronlle:
—Moisés permitiu despedila, dándolle certificado de divorcio.

Díxolles Xesús:
—Tendo en conta a dureza do voso corazón, escribiu Moisés para vós esa norma. Pero desde o principio da creación creounos Deus varón e femia. Por iso deixará o home seu pai e máis súa nai e unirase coa súa muller e serán os dous unha soa carne. De xeito que xa non son dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus uniu, que non o separe o home.

Xa na casa os discípulos volvéronlle preguntar acerca disto. El díxolles:
—O que repudia a muller e casa con outra, comete adulterio contra a primeira. E, se a muller abandona o marido e casa con outro, comete adulterio.

Daquela leváronlle a Xesús uns nenos para que os tocase; pero os discípulos rifábanlles. Ao que o viu Xesús, indignouse e díxolles:
—Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo impidades, porque deles é o reino de Deus. dígovolo de verdade: quen non reciba coma un neno o reino de Deus, non entrará nel.

E, abrazándoos, bendicíaos, mentres impoñía as mans sobre eles.