11 decembro, 2013

15 de decembro: Domingo 3 de Advento (A)


Evanxeo: Mt 11,2-11

Comentario:

O Advento leva consigo unha ollada estendida cara a un futuro mellor, da man de Deus, da man de cantas persoas queiran colaborar con el na construción das persoas, das familias, dos pobos, das comunidades cristiás, do mundo. Non é posible vivir ben este tempo do Advento, se non é desde unha actitude de busca, de pregunta, de implicación, de meterse no allo das cousas, da vida. Non é posible vivir ben o Advento, se non é desde unha postura viva, inqueda. Por iso mesmo, é ben importante o que nos transmite Xoán Bautista, ese gran referente do Advento: estando na cadea, non se sente encadeado no seu vivir, segue estando inquedo, séguese facendo preguntas, segue soñando na “hora de Deus” (que é tamén a hora da xente, a hora do pobo), segue dándolle voltas a qué haberá que facer, a quén haberá que adherirse, con quén haberá que facer grupo, para que a bendición de Deus chegue ao pobo. Non estaría nada mal que nas nosas comunidades cristiás recuperásemos esta actitude do mestre Xoán. Estar vivos, vivas, para realizar a hora de Deus sobre nós, sobre o noso momento histórico.

06 decembro, 2013

8 de decembro: Solemnidade da Inmaculada Concepción



Evanxeo: Lc 1,26-38

Comentario:

Hai xente que pensa que esta Solemnidade da Inmaculada Concepción ten que ver coa concepción de Xesús, por iso de que se le neste día o Evanxeo que a conta; pero non, a Solemnidade da Inmaculada Concepción ten que ver coa concepción da Virxe María, aínda que ningún evanxeo nos diga nada dela. O dogma da Inmaculada Concepción, declarado tal polo papa Pío IX no ano 1854, vén afirmar que desde o primeiro momento da súa concepción a Virxe María estivo limpa de todo culpa, sen mácula, inmaculada, “polos méritos de Xesucristo, o seu fillo, redentor do xénero humano”. O misterio da presenza e da acción de Deus entre a xente toda, en María tamén, desborda as nosas capacidades de comprensión e, posiblemente, todo canto afirmemos, se quede moi lonxe da simplicidade e da fondura do actuar de Deus. Máis ca intentar analizar, descifrar, deberamos adorar, agradecer e deixarnos coller e levar pola forza do misterio sagrado de moitas cousas da vida, e das persoas que a vivimos.

8 de decembro: Domingo 2 de Advento (A)



Evanxeo: Mt 3,1-12

Comentario:

O evanxeo deste domingo e máis o do domingo seguinte están centrados na persoa e na obra de Xoán Bautista. Xoán Bautista foi un personaxe moi querido e venerado polas primeiras comunidades cristiás; liderou un movemento relixioso, do que, sendo adulto, Xesús formou parte, aínda que despois de distanciou del. A figura e as actividades de Xoán Bautista pódennos axudar a poñernos na actitude correcta para prepararnos a acoller ao Xesús, do que axiña celebraremos o seu nacemento, e a acoller tamén ao Xesús que a diario, de mil maneiras, se quere facer presente no medio de nós.

04 decembro, 2013

Do 23 de novembro ao 14 de decembro



Lecturas:





JOSÉ LUIS SICRE, 

Introducción al Antiguo Testamento
Verbo Divino, Estella (Navarra)


Tema I: APROXIMACIÓN AL ANTIGUO TESTAMENTO










JOSÉ MARÍA MARDONES, 

Matar a nuestros dioses. Un Dios para un creyente adulto. 

PPC, Madrid.






Cuestións que poden ir orientando a túa lectura:
  • Como reaccionas cando les ou escoitas na misa pasaxes "estrañas", coma o paso do "Mar Vermello" con tantas mortes de exipcios?
  • Como explicas a Biblia cando che din que contradí a ciencia actual, por exemplo na creación do mundo en seis días, fronte a miles de millóns de anos?
  • Como pode haber ideas tan distintas de Deus, algunhas terribles?
  • Como compaxinar o Novo Testamento co Antigo?
  • Pensa un pouco en como este lectura che pode axudar a ler a Biblia.



     O libro de José María Mardones é un libro precioso, moi sinxelo na exposición, moi fondo e denso no seu contido. Presenta dunha maneira ordenada e fácil moitas das cousas que nós imos abordando dunha forma ou doutra na nosa Escola de Espiritualidade.
     É un libro moi vivencial, moi para axudar a pensar e repensar cousas, pero para levalas á vida; para deixar de lado determinadas imaxes de Deus que desamañan a nosa relación con el, que nos fan moito máis mal que ben, e para ir experimentando outras imaxes e vivencias de Deus, nas que Deus é con nosoutros, con nosoutras, o que realmente quere ser: un Deus amante, liberador, coidador, capaz de enchernos a vida de paz, de ilusión, de vigor, de esperanza.