TEMPO ORDINARIO
O primeiro domingo do
Tempo Ordinario celebramos o Bautismo do Señor. A partir deste domingo
empezamos o tempo litúrxico que chamamos "tempo ordinario"; ordinario
porque nel non nos preparamos especialmente para celebrar ningún dos grandes
acontecementos da vida de Xesús.
Pero iso non quere dicir
que neste tempo ordinario as nosas vidas non gocen tamén dun acompañamento
sempre especial por parte de Deus, por parte de Xesús, por parte do seu Espírito.
Nós imos vivindo as nosas vidas, sempre ben importantes, aínda que nela non
pasen grandes acontecementos, pero é a nosa vida: o noso traballo, os nosos
amores, os nosos fillos e fillas, a nosa vida familiar e veciñas, a nosa
parroquia, a nosa comunidade cristiá, a nosa sociedade, a nosa vida política, o
noso mundo coas súas grandezas e miserias.
E a carón noso, vai
sempre Deus querendo entrar nas nosas vidas pola porta grande do amor e da
amizade, para axudarnos a construírnos como homes e mulleres de ben, felices,
solidari@s, pacificad@s dentro de nós e tamén cara á fóra no trato coa demais
xente.
Para que poidamos gozar e
aproveitarnos dese acompañamento, Xesús vai compartindo tamén a súa vida, nas
miudezas que tivo día a día; para iso lemos cada día un anaquiño de Evanxeo,
que neste ano vai ser especialmente o evanxeo de Marcos.
Así as nosas vidas
pódense ir entretecendo, compenetrando, ata sermos un con Deus, con Xesús, co
Espírito, como se nos invita no relato do Bautismo de Xesús co que empezamos
este tempo.
Que o saibamos aproveitar
con humildade e valentía.
12 de xaneiro: Festa do Bautismo do Señor
Evanxeo: Mt 3, 13-17
Naqueles días veu Xesús
dende Galilea ao Xordán, para que Xoán o bautizase. Xoán trataba de impedilo
dicindo:
—¿Como vés ti onda min se
es ti quen me tería que bautizar a min?
Xesús respondeulle:
—Deixa agora, pos convén
que cumpramos todo o mandado.
Xoán accedeu. Tan pronto
como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos e viu o
Espírito de Deus baixar como unha pomba ata se pousar enriba del. E oíuse dende
o ceo unha voz que dicía:
—Este é o meu fillo
benquerido, o predilecto.