20 febreiro, 2022

2º Encontro Escola de Espiritualidade curso2021 / 2022



Con agradecemento na Casa Común



Presentación: Na espiritualidade da CASA COMÚN: contemplación, admiración, agradecemento, loanza, solidariedade, dispoñibilidade, confianza. Sempre cara á unión, a comuñón.

Co Pai/Nai da CASA COMÚN. Abríndolle a porta ao Fillo pródigo, espléndido en servizo amante.


1.- No nome do Pai…., acollemos o bico, a aperta de Deus.

2.- En silencio, a música acompaña a nosa contemplación agradecida polas cousas e persoas da CASA COMÚN coas que hoxe fomos sendo.

3.- Incorporamos o nome dalgunha persoa concreta á nosa oración. Sentímola ben ao noso lado.

16 febreiro, 2022

Tempo Ordinario: 7ª semana

  

20 de febreiro: Domingo 7º do Tempo Ordinario

1ª lectura: 1Sam 26, 2. 7-9. 12-13. 22-23. Salmo: 102. 1-2. 3-4. 8 e 10. 12-13
2ª lectura: 1Cor 15, 45-49.

Evanxeo: Lc 6, 27-38

Unha vez díxolles Xesús ás persoas que andaban canda el:
—A vós, homes e mulleres que me escoitades, dígovos: Amade os vosos inimigos, facédelle ben a quen vos odia, bendicide a quen vos maldí e rogade pola xente que vos calumnia; a quen che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e a quen che leve o manto, déixalle tamén a túnica. A quen che pida, dálle; e a quen che leve o teu, non lle reclames nada. Tratade á xente tal como queredes que a xente vos trate a vós.

Se amades só a quen vos ama a vós, ¿Qué mérito tedes? A xente pecadora tamén aman a quen os ama. E, se lle facedes ben só a quen volo fai a vós, ¿qué mérito tedes? A xente pecadora fai outro tanto. E, se emprestades só cando esperades cobrar, ¿qué mérito tedes? A xente pecadora tamén se empresta entre si para recibiren despois outro tanto. Vós non; vós amade os vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio. E así teredes unha grande recompensa e seredes fillos do Altísimo, pois El é bo coa xente mala e desagradecida.

Sede persoas compasivas como o voso Pai é compasivo. Non xulguedes e non se vos xulgará; non condenedes e non se vos condenará; perdoade e hásevos perdoar. Dade e darásevos a vós: poñeranvos nas mans unha boa medida, abundante, acugulada, apertada. Coa medida coa que midades hanvos medir a vós.

09 febreiro, 2022

Tempo Ordinario: 6ª semana



13 de febreiro: Domingo 6º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Xer 17, 5-8. Salmo: 1, 1-2. 3. 4 e 6.
2ª lectura: 1Cor 15, 12. 16-20.

Evanxeo: Lc 6, 17.20-26

Unha vez Xesús baixou do monte coas persoas que o acompañaban de cerca, detívose nunha chaeira cos seus discípulos e outra moita xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón. E Xesús, coa mirada posta nos seus discípulos, dixo:
—Ditosas vós, a persoas pobres, porque voso é o Reino de Deus.
Ditosas vós, as que agora pasades fame, porque Deus vos fartará.
Ditosas vós as persoas que agora chorades, porque riredes.
Ditosas vós, cando vos aborreza a xente, vos expulsen e vos aldraxen, cando poñan nas listas negras o voso nome por causa do Fillo do Home; alegrádevos nese día, brincando de gozo, porque grande será a vosa recompensa no ceo, pois o mesmo fixeron seus pais cos profetas.
Pero, ¡ai de vós, a xente rica, porque xa acadastes a vosa recompensa!
¡Ai de vós, as persoas que agora estades fartas; xa pasaredes fame!
¡Ai de vós, as persoas que agora rides; xa choraredes e xa laiaredes!
¡Ai, cando todo o mundo fale ben de vós; o mesmo fixeron os seus pais cos falsos profetas!

03 febreiro, 2022

Tempo Ordinario: 5ª semana

 

6 de febreiro: Domingo 5º do Tempo Ordinario

1ª lectura: Is 6, 1-2a. 3-8. Salmo: 137, 1-2a. 2bc-3. 4-5. 7c-8
2ª lectura: 1Cor 15, 1-11.

Evanxeo: Lc 5,1-11

Unha vez, estando Xesús á beira do lago Xenesaret, mentres a xente se amoreaba ao seu redor escoitando a palabra de Deus, viu dúas lanchiñas que estaban na beira do lago. Os pescadores que desembarcaran delas lavaban o aparello. Subiu a unha barca, que era de Simón, rogoulle que se apartase un pouco da terra, e dende a barca, sentado, ensinaba á xente. Cando acabou de falar, díxolle a Pedro:
—Voga lago dentro e larga o aparello para pescar.

Respondeu Simón:
—Mestre, pasamos a noite traballando e non demos collido un rabo de peixe, pero, xa que ti o dis, largarei o aparello.

Así o fixeron e colleron tal cantidade de peixe que o aparello rebentaba. Fixéronlles entón acenos aos compañeiros da outra lancha para que lles fosen botar unha man. Foron e encheron as dúas lanchas tanto que a pouco máis van a pique. Vendo isto, Simón Pedro botóuselle aos pés a Xesús, dicindo:
--Señor, arreda de min, que eu son un pecador.

Porque tanto el coma os seus compañeiros quedaron abraiados con tanto peixe como colleran naquel lance. O mesmo lles pasaba a Santiago e máis a Xoán, fillos de Zebedeo, que eran compañeiros de Simón. E díxolle Xesús a Simón:
—Tranquilo, dende agora vas ser pescador de xente.

Daquela, varando as barcas en terra e deixándoo todo, seguírono.