25 de setembro: Domingo 26º do Tempo Ordinario
1ª lectura: Am 6, 1a. 4-7. Salmo: 145, 7. 8-9a. 9bc-10.
2ª lectura: 1 Tim 6, 11-16.
Evanxeo: Lc 16, 19-31
Nunha ocasión díxolles Xesús aos fariseos:
—Había un home rico que vestía roupa de púrpura e liño fino, e que celebraba todos os días espléndidos banquetes. Ao pé da súa porta xacía un pobre, chamado Lázaro, todo cuberto de chagas, que estaba desexando matar a fame co que caía da mesa do rico, e incluso os cans se achegaban a lle lamber as chagas.
Resulta que morreu o pobre e levárono os anxos ao seo de Abraham. Morreu tamén o rico e enterrárono. Estando no lugar dos mortos, no medio dos tormentos, erguendo os ollos viu a Abraham e máis a Lázaro no seu seo. Entón suplicoulle dicindo: “Ai, pai Abraham, ten dó de min; mándame a Lázaro para que molle o seu dedo na auga e refresque a miña lingua, porque me atormenta o lume”. Pero Abraham contestoulle: “Fillo, recorda que ti recibiches bens na túa vida, mentres Lázaro recibiu males; agora el recibe consolo e ti tormento. Ademais, entre nos e vós hai un abismo insuperable, de xeito que dende aquí non se pode pasar onda vós, nin dende aí se pode vir onda nós”. Entón el insistiu: “Daquela, pai Abraham, suplícoche que o mandes á casa do meu pai, onde teño cinco irmáns, para que lles fale claramente e non veñan dar a este lugar de tormentos”. Pero Abraham respondeulle: “Xa teñen a Moisés e os Profetas, que lles fagan caso a eles”. El volveu insistir: “Pero non llelo van facer, pai Abraham, non; mentres que se un morto vai onda eles, seguro que se converterán”. Pero Abraham replicoulle: “Se a Moisés e máis aos Profetas non lles fan caso, tampouco llo farán nin a un morto resucitado”.



