05 outubro, 2023

XXXVII Foro Encrucillada

  


Traballo digno

 

Un ano máis a Asociación Encrucillada ten o gusto de convidalos a participar no XXXVII Foro Encrucillada para dialogar sobre unha cuestión que cada día preocupa máis na nosa sociedade: o traballo digno. Será o próximo sábado 21 de outubro, dende as 10 ás 18:30h, no salón de actos do colexio da Compañía de María en Santiago de Compostela.

Que traballo queremos para o século XXI? A Doutrina Social da Igrexa ten reflexionado abondo sobre este tema dende o século XIX. A situación actual de globalización e deslocalización, a crise económica e a migración, fannos mirar de fronte e abordar con seriedade as causas que están a producir a precariedade laboral. O traballo é un dereito universal que dun tempo a esta parte se está a ver cada vez máis desvalorizado.

No Foro Encrucillada buscamos ver que mensaxe actual ten a Igrexa para iluminar esta realidade. Sobre cales son as liñas mestras da teoloxía do papa Francisco nesta cuestión falaranos Mons. Fernando García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-Ferrol. Francisco Porcar Rebollar, militante da IOAC-HOAC poñerá o foco na doutrina social da Igrexa buscando xerar unha nova cultura política desde a perspectiva do ben común e a xustiza. Eloína Ingerto López, da Fundación Juan Soñador acercaranos á realidade do traballo digno en Galicia, facendo a necesaria aterraxe de todas estas cuestións na nosa terra.

Pecharemos o foro cun breve momento de reflexión persoal iluminada polas palabras de persoas que fixeron do dereito ao traballo digno a súa loita.

Este será o horario:

10:00 Presentación do XXXVII Foro Encrucillada. Tito Suárez Pérez

10:30 O traballo á luz do pensamento do Papa Francisco, Mons. Fernando García Cadiñanos, Bispo de Mondoñedo- Ferrol.

12:00 Descanso

12:30 O traballo na Doutrina Social da Igrexa, Francisco Porcar Rebollar, da IOAC-HOAC.

16:30 Unha vida digna, un traballo digno, Eloína Ingerto López, Fundación Juan Soñador.

18:00 Peche do acto


Animámolos a que espallen a noticia deste evento nos seus medios de difusión.

Para máis información poden consultar a nosa web www.encrucillada.gal ou chamar ao teléfono 604 079 102 (tardes)

Tempo Ordinario: 27ª semana



8 de outubro: Domingo 27 do tempo ordinario.

1ª lectura: Is 5, 1-7. Salmo: 79, 9 e 12. 13-14. 15-16. 19-20.
2ª lectura: Flp 4, 6-9.

Evanxeo: Mt 21, 33-43.

Unha vez díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
—“Escoitade outra parábola: dunha había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo arrendóullela a uns vendimadores e marchou para lonxe.

Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados aos vendimadores para cobrar as rendas. Pero os vendimadores agardáronos e a un zorregáronlle, a outro mat´arono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.

Por último mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: “O meu fillo hano respectar.” Pero os vendimadores, ao veren o fillo, comentaron: “Este é o herdeiro; veña, matémolo e a herdanza será nosa.” E agarrárono, botárono fóra da viña e matárono.

Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos vendimadores aqueles?”

Respondéronlle:
—“A eses malvados faraos morrer de mala morte e arrendaralles a viña a outros vendimadores, que lle paguen as rendas no seu tempo.”

Díxolles entón Xesús:
—“Seica non lestes nunca na Escritura:
“A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal;
esa pedra colocouna o Señor, que regalía para nós!?”
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus e daráselle a un pobo que produza bos froitos.”

27 setembro, 2023

Tempo Ordinario: 26ª semana


 

1 de outubro: Domingo 26 do tempo ordinario.

1ª lectura: Ez 18, 25-58. Salmo: 24, 4bc-5. 6-7. 8-9.
2ª lectura Flp 2, 1-11.

Evanxeo: Mt 21, 28-32.

Unha vez díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
—“Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro e díxolle: “Meu fillo, vai traballar hoxe na vida.” el respondeu: “Non quero”; pero despois, arrepentido, foi.

Foi onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: “Vou, señor”, pero non foi.

Quen dos dous fixo a vontade do pai?!”

Respondéronlle:
—“O primeiro.”

Entón díxolles Xesús:

“Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pedro vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.”

22 setembro, 2023

Tempo Ordinario: 25ª semana



24 de setembro: Domingo 25 do tempo ordinario.

1ª lectura: Is 55, 6-9. Salmo: 144, 2-3. 8-9. 17-18.
2ª lectura: Flp 1, 20c-24. 27a.

Evanxeo: Mt 20, 1-16a

Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola:
—“O Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá ceo a contratar xornaleiros para a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. E díxolles:
—Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto.”

Eles foron. De novo saíu polo mediodía e pola tarde, facendo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:
—“Pero que facedes aquí, todo o día sen traballar?”

Eles responderon:
—“É que ninguén nos contratou.”

El díxolles:
—“Ide vós tamén á miña viña.”

Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña ao administrador:
—“Chama os xornaleiros e págalles o xornal: empezando polos últimos e acabas polos primeiros.”

Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo, lmu8rmuraban contra o propietario:
—“Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca a nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.”

Pero el replicoulle a un deles:
—“Amigo, non che fago ningunha inxustiza. Non axustamos un denario? Pois colle o teu e vaite. E logo, se quero darlle ao último igual ca a ti, non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?”

Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros.