TEMPO
DE CORESMA
Co mércores da
cinza comezamos o tempo da Coresma. Temos por diante corenta días de
preparación para a Pascua, que é a celebración do triunfo da vida en Xesús de
Nazaré e tamén o triunfo da vida nas nosas existencias humildes, e na comunidade
e pobo do que formamos parte.
Na Coresma Deus
invítanos a baleirarnos para nos poder encher del e do seu Espírito.
Na Coresma Deus
invítanos a compartir a nosa presenza, palabra, tempo, cartos, empobrecéndonos
algo para que outra xente medre na vida coa nosa axuda.
Na Coresma Deus
invítanos a descubrir unha maneira nova de nos relacionar coa xente, véndoa en
todo coma irmá e non como rival ou competidora.
Na Coresma Deus
invítanos a descubrir a ledicia que dá o pouco, o pequeno, o simple, e ofrécenos,
polo tanto, unha maneira nova e accesible de ser persoas felices.
Na Coresma Deus
invítanos a ollar con paz e con esperanza para nas nosas propias vidas, aínda
que receemos facelo por mor das trapalladas que ás veces nos consentimos.
Na Coresma Deus invítanos a ollar para a xente do noso redor,
para decatarnos de que vivimos grazas aos demais, e de que os demais tamén
vivirán grazas a nós, se non nos negamos a esta preciosa correspondencia.
Na Coresma Deus
invítanos a ollarnos con tenrura e a ollar con tenrura tamén a toda persoa que
se cruce connosco na vida.
Na Coresma Deus
invítanos a gozar e medrar dando e recibindo perdóns.
Na Coresma Deus
invítanos a tomar en serio a construción da sociedade na que vivimos, pois diso
depende que moita xente máis humilde poida vivir con dignidade.
Na Coresma Deus
invítanos a serenarnos e acougar, a atoparnos connosco e con el na soidade
compartida.
Na Coresma Deus
invítanos a andar con humildade pola vida, confiad@s na forza de ben que Deus
gratuitamente nos ofrece.
Na Coresma Deus
invítanos a contemplar o espertar da vida na natureza e a acompañala e
protexela sempre.
Na Coresma Deus
invítanos a saír das nosas casas para visitar a xente veciña e levarlle algo de
compaña e calor.
Na Coresma Deus
invítanos a volver a falarlle a aquela persoa á que, polo que sexa, lle deixei
de falar.
Na Coresma Deus
invítanos a cabrearnos contra a inxustiza e a envolver en paz os nosos cabreos.
Na Coresma Deus
invítanos a sentirnos viv@s, libres, alegres, esperanzad@s.
Na Coresma Deus
invítanos a ollar con alma de discípul@ para o mestre Xesús que vai sempre
diante ou ao lado abríndonos o camiño.