17 marzo, 2020

Obradoiro de Espiritualidade 4



A IGREXA: CRISE E ESPERANZA

Núcleo vital 3º:
A graza de ser persoa evanxelizada e evanxelizadora

Textos bíblicos:
Lc 8, 1-8: Co equipo evanxelizador de Xesús, sementando o don de Deus.
Mt  5, 43-48: O núcleo do kerigma de Xesús.
Lc 4, 14-21: O plan evanxelizador de Xesús segundo Lucas.
Xn 4, 4-42: Un exemplo de acompañamento.

Para entrar en contacto coa túa experiencia de vida
— Temos a experiencia de sermos persoas bautizadas, de forma parte dunha comunidade cristiá (pequeniña Igrexa local), de termos recibido o don do amor de Deus? Desde esa experiencia, ¿sentímonos de verdade implicadas na tarefa de vivir e compartir o evanxeo coa xente que nos rodea?
—Temos algunha experiencia desa evanxelización “persoa a persoa” na vida diaria, familiar, profesional, de amizades?
— Tes algunha experiencia de ser persoa acompañada no teu camiño humano e de fe, e tamén de acompañar a outras persoas no mesmo?
— O sacramento do perdón está sendo para ti un espazo onde experimentar a nosa condición de persoas pecadoras e perdoadas desde o amor?

Tempo de oración
—Busca un tempo, un espazo axeitado.
—Practica un símbolos sinxelos que te axuden a situarte en oración: acender unha veliña, sentar de forma implicada, relaxar o corpo, facer o nome do Pai con calma… Se rezas no medio da natureza, contempla agradecido o que te rodea, que son sinais tamén da presenza de Deus, …
—Toma conciencia de que estás na compaña de Deus, en Deus, con Xesús, no Espírito. Déixate recrear nisto.
—Di o Papa na Evangelii gaudium que o fundamental  do primeiro anuncio cristián é isto: “Xesucristo ámate, deu a súa vida por te salvar, e agora está vivo ao teu carón cada día, para te iluminar, para te fortalecer, para te liberar”. ¿Vivimos isto, que é o fundamental do que podemos compartir? Procuramos entrar neste mundo de realidades agradecendo momentos vividos, desexando, abríndonos a ese don, reactivando a nosa condición de persoas evanxelizadas, para logo poder evanxelizar ben.
—Remata cantando algo, rezando o Noso Pai.



16 marzo, 2020

4º Encontro 2019 / 2020






1.- Para poñerse en modo oración: fe, desexo amoroso, dispoñibilidade, gratitude.
     Tempo de silencio para facelo individual e colectivamente.

2.- Unción co amor desmedido de Deus.

3.- Oramos cos salmos de peregrinación, nesta peregrinación anual cara a vivir a experiencia eclesial con humildade e firmeza.

Canto:
PRETO DE TI VIVIR QUERO, SEÑOR,
ANQUE DEBA SUFRIR NA CRUZ DA DOR.
FIRME  NO SUFRIMENTO HEI DE CANTAR ASÍ:
MÁIS PRETO QUERO ESTAR, MEU DEUS, DE TI.

12 marzo, 2020

Tempo de Coresma: 3ª semana




15 de marzo: domingo 3º de Coresma

Evanxeo: Xn 4, 5-15.19b-26.39a.40-42
Nunha ocasión chegou Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacobe a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacobe. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era ao pé do mediodía. Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:
Dáme de beber.
(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).
Preguntoulle entón a muller samaritana:
—¿Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
Respondeulle Xesús:
—Se coñeceses o don de Deus e quen é o que che di “dáme de beber”, ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
Replicoulle a muller:
—Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, ¿de onde pensas quitar esa auga viva? ¿Seica es ti máis ca o noso pai Xacobe, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e máis o seu gando?
Xesús contestoulle:
—Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero quen beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede; a auga que eu lle darei converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
A muller suplicou:
—Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela. Vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.
Xesús díxolle:
—Faime caso, muller; chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos  xudeus. Pero chega a hora –é xa agora--  en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que quen o adora o adore en espírito e verdade.
Respondeulle a muller:
—Sei que esta para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos anunciar todas as cousas.
Díxolle Xesús:
—Son eu, o que está falando contigo.
Moitos samaritanos daquela vila creron nel pola palabra da muller, que declaraba: “Díxome todo canto eu fixen”. Por iso os samaritanos chegados onda el rogábanlle que quedase con eles; e quedou aí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:
            —Xa non cremos polo que ti nos dixeches; nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o salvador do mundo.

04 marzo, 2020

Tempo de Coresma: 2ª semana





8 de marzo: segundo domingo de Coresma

Evanxeo: Mt 17, 1-9
Nunha ocasión colleu Xesús a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán e subiu con eles sos a un monte alto. Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol e os seus vestidos viraron brancos coma a luz. Nisto apareceron Moisés e máis Elías falando con el. Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
—Señor, que ben estamos aquí! Se queres, farei aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías.
E aínda estaba falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu, e unha voz saíndo da nube dixo:
—Este é o meu fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo.
Ao escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús, achegándose, tocounos e díxolles:
—Erguédevos, non teñades medo!
E levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.
Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
—Non lle faledes desta visión a ninguén ata que o fillo do Home resucite de entre os mortos.