27 de setembro: domingo 26 do Tempo Ordinario
Evanxeo: Mt 21, 28-32
Unha vez díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
—¿Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro e díxolle: “Meu fillo, vai traballar hoxe na viña”. El respondeu: “Non quero”, pero despois, arrepentido, foi. Foi onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: “Vou, señor”, pero non foi. ¿Quen dos dous fixo a vontade do pai?
Respondéronlle:
—O primeiro.
Entón díxolles Xesús:
—Asegúrovos que os recadadores e máis as prostitutas entrarán no reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e máis as prostitutas si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver iso, nin vos arrepentistes nin crestes.



