14 novembro, 2019

Tempo Ordinario: 33ª semana




17 de novembro: domingo 33 do Tempo Ordinario. Xornada mundial dos pobres

Evanxeo: Lc 21, 5-19
            Nunha ocasión comentaban algúns a fermosa cantería con que estaba construído o templo, e os exvotos que o adornaban. Pero Xesús díxolles:
            —Todo isto que estades a contemplar, chegará o día no que todo será derruído, non quedará pedra sobre pedra.
            Eles preguntáronlle:
            —Mestre, dinos, ¿cando van pasar estas cousas?, ¿cal será o signo de que van suceder?
            El empezoulles a dicir:
            —Estade atentos, para non vos extraviar. Porque han vir moitos no meu nome dicindo: “son eu” e “está a chegar o momento”, pero non os sigades. Cando oiades falar de guerras e desordes, non vos asustedes, porque iso ten certamente que acontecer primeiro, pero aínda non será a fin.
            Entón díxolles:
            —Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino; haberá grandes terremotos, pestes e fames en diversos lugares, cousas espantosas e grandes sinais no ceo. Pero antes de todo isto botaranse sobre vós, perseguíndovos; levaranvos ás sinagogas e á cadea, ante reis e gobernadores por causa miña; así teredes a oportunidade de dar testemuño. Metede ben na cabeza que non tedes que preocuparvos pola vosa defensa, que eu vos darei unha elocuencia e máis unha sabedoría que non poderán resistir parentes e amigos. mataranvos a algúns de vós e aborreceranvos todos por causa miña, e máis non perderedes nin un pelo da vosa cabeza. Coa vosa perseveranza salvaredes as vosas vidas.

05 novembro, 2019

Tempo Ordinario: 32ª semana




10 de novembro: domingo 32 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 20, 27-38
Unha vez chegaron onda Xesús algúns saduceos, eses que negan que haxa resurrección, e preguntáronlle:
—Mestre, Moisés deixou escrito: “Se lle morre a alguén seu irmán sen deixar fillos, que case coa viúva de seu irmán, para lle dar descendencia”. Pois dunha vez había sete irmáns. O primeiro casou e morreu sen fillos. Despois casou coa súa muller o segundo; e logo o terceiro, e así os sete foron casando coa viúva, e todos morreron sen deixar fillos. Ao cabo, morreu tamén a muller. Ora ben, cando resuciten, ¿de cal deles vai ser a muller, se estivo casada cos sete?
Xesús contestoulles:
—Neste mundo os homes e máis as mulleres casan entre eles. Pero as persoas que sexan dignas da vida futura e da resurrección de entre os mortos, non casarán nin eles nin elas, pois non poden morrer. Son coma anxos e son fillos de Deus por naceren na resurrección.
E que resucitan os mortos ben o deixou indicado Moisés, cando dixo do Señor no episodio da silveira: “O Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacobe”. E Deus non é un Deus de mortos, senón de vivos, para El todas as persoas están vivas.
E nisto algúns dos letrados dixéronlle:
—Ben falado, Mestre.
E xa non se atrevían a preguntarlle máis nada.

30 outubro, 2019

Tempo Ordinario (C): 31ª semana



  
3 de novembro: domingo 31 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 19, 1-10
Un día chegou Xesús    a Iericó e pasaba atravesando a cidade. Había alí un home chamado Zaqueo, xefe dos recadadores e moi rico. Intentaba ver quen era Xesús, pero impedíallo a xente, pois el era pequeneiro. Entón botou a correr e subiu a unha figueira para velo, porque ía pasar por alí. Ao pasar Xesús por aquel lugar, levantou a vista e díxolle:
—Zaqueo, baixa de contado, que hoxe teño que parar na túa casa.
El baixou deseguida e acolleuno moi contento. Pero vendo aquilo, a xente empezou a murmurar:
—Entrou a se hospedar na casa dun pecador.
Zaqueo, posto de pé, díxolle ao Señor:
—Señor, darei a metade de todo canto teño aos pobres e, se algo roubei a alguén, devolvereille catro veces máis.
Entón Xesús dixo:
—Hoxe chegou a salvación a esta casa, pois tamén este é fillo de Abraham. Porque o Fillo do Home veu buscar e salvar o que estaba perdido.

22 outubro, 2019

Tempo Ordinario: 30ª semana




27 de outubro: domingo 30 do Tempo Ordinario

Evanxeo: Lc 18, 9-14
Unha vez propúxolles Xesús esta parábola referíndose a algunhas persoas que créndose perfectas estaban moi seguras de si mesmas e desprezaban os demais:
Dous homes subiron ao templo a orar; un era fariseo e outro recadador de impostos. O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche grazas porque non son ladrón, inxusto e adúltero coma os demais; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño”.
O recadador, en cambio, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos ao ceo, senón que, petando no peito, dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador”.
Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque calquera persoa que se teña por moito será rebaixada, e calquera que se rebaixe será enaltecida.