27 novembro, 2019

Tempo de Advento: 1ª semana



Advento, o tempo da chegada, das chegadas de Deus. Chegadas do pasado, que rememoramos e celebramos, porque sosteñen a nosa esperanza; chegadas do presente, ás que se nos pide estar moi atent@s, para non desaproveitar a súa forza de vida, a súa oferta; chegadas do futuro, máis o menos preto, coas que Deus mesmo está comprometido, e para as que a nós se nos pide fe e tamén compromiso.
Deus vén. O seu é vir sempre. Non fai falla que llo pidamos. O seu é vir sempre co pan debaixo do brazo, coa vida debaixo do brazo, coa boa ventura debaixo do brazo. De nós depende pechar ou abrir portas, pechar ou abrir soños, pechar ou abrir cambios, pechar ou abrir vida. Certo que á xente de aldea sempre nos gustou abrirlle a quen peta a nosa porta, facelo pasar, invitalo a algo ao quente da cociña. E así pode ser con Deus.
Vivir o Advento cos pés e co corazón na terra; todo o que fagamos ou deixemos de facer estará asentado nas vidas de cada día, coa xente coa que formamos familia, comunidade, pobo; vidas de cada día repletas de fraxilidades. Vivilo tamén cos pés e co corazón no medio da xente máis desposuída, pois ese é o espazo especialmente escollido por Deus para os encontros con el.
O Evanxeo de cada día vai debullando para nós a riqueza que Deus nos ofrece na palabra e nos feitos de Xesús. Cousas moi simples e moi fondas, que chegan aos nosos corazóns, ás nosas vidas dando paz, alento, esperanza.



1 de decembro: domingo 1 de Advento

Evanxeo: Mt 24, 37-44
Nunha ocasión díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do home. Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día no que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que veu o diluvio e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do home. Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán o outro. Estarán dúas mulleres moendo no muíño; levarán unha e deixarán outra.
Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben, se soubese o dono da casa a que hora vai chegar o ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase do Fillo do home.

19 novembro, 2019

Tempo Ordinario: 34ª semana




24 de novembro: domingo 34 do Tempo Ordinario. Solemnidade de Xesús Cristo rei do universo.

Evanxeo: Lc 23, 35-43
Cando Xesús estaba cravado na cruz, a xente estaba mirando e os xefes  moqueábanse del dicindo:
—A outros salvounos. Pois que se salve agora a si mesmo, se é o Cristo de Deus, o elixido.
Tamén os soldados se burlaban del e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:
—Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.
E había un letreiro enriba del: “Este é o rei dos xudeus”.
Un dos bandidos que estaban crucificados insultábao tamén:
—¿Non es ti o Cristo? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.
Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:
—¿Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.
E dicíalle:
—Xesús, lémbrate de min cando chegues ao teu reino.
Xesús respondeulle:
—Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.

14 novembro, 2019

Traballo entre sesións



(Segunda sesión: do 9 de novembro ao 14 de decembro do 2019)


Lecturas

GONZALEZ CARBAJAL, L., Un cristiano solo no es cristiano: la Iglesia. (Primeiro artigo do Caderno de apuntes da Escola de Espiritualidade.

PAPA FRANCISCO: Exhortación apostólica “La alegría del Evangelio” (Evangelii gaudium), Cap. 1º: LA TRANSFORMACION MISIONERA DE LA IGLESIA (nn. 19-49).




Cuestións que poden axudar a túa lectura:

DE GONZÁLEZ CARVAJAL

1.- ¿Por qué dicimos que “un cristián so non é cristián”?  González Carvajal afírmao, pero non o razoa. ¿Cómo razoarías ti iso?

2.- ¿Igrexa servidora ou Igrexa señora? ¿Igrexa que pretende presentarse como o “reino de Deus”? ¿En que estilos e comportamentos se mostra como servidora e en cales como señora?

3.- ¿Cómo entendes iso de que a misión da Igrexa é ser unha demostración provisional do plan de Deus para a humanidade enteira? ¿En que cousas prácticas cres que se debería concretar esa misión no noso momento histórico?

4.- O autor intenta razoar a necesidade da participación social, política das persoas cristiás para ir facendo deste mundo o “reino de Deus”, de crentes doutras relixións ou incluso de non crentes. ¿Compartes eses razonamentos?


DO PAPA FRANCISCO:

1.- Fíxate en que cinco pasos concreta o Papa iso de Igrexa en Saída. ¿Qué che parece esa proposta? ¿A quen che recorda?

2.- ¿Pastoral en conversión, conversión da pastoral? ¿Qué pretende afirmar o Papa con estas expresións? ¿A que prácticas nos empuxa?

3.- O Papa insiste en que a evanxelización realízase dentro de “límites”, e fai referencia a algúns deles. ¿Compartes esas reflexións e criterios?


Obradoiro de Espiritualidade 1


            A IGREXA: CRISE  E ESPERANZA


Quería Xesús unha Igrexa? Como a quería?

      Pola mañá estivemos pensando e falando sobre a comunidade de seguidores e seguidoras que Xesús foi creando ao  redor de si. Aínda sen falar de Igrexa, os relatos evanxélicos están cheos de elementos que deberían caracterizar ao grupo de Xesús. É imprescindible volver ao Evanxeo para recrear unha Igrexa ao estilo de Xesús, que é a que realmente nos pode prestar un servizo axeitado a nós e ao mundo que nos rodea.


Tendo isto en conta e coñecendo o Evanxeo como en parte o coñecemos,

-   ¿Cal é a túa actitude vital ante a comunidade cristiá na que participas, ante a Igrexa en xeral? ¿Dóeche, sófrela, gozas con ela, considérala importante para ti, para á sociedade, tés saudade do fermosísimo papel que podería xogar, do grande servizo que podería ofrecer?

-   Das cousas que a Xesús máis lle gustaba ver no grupo dos seus seguidores/as, ¿cales cres ti que están dalgunha maneira presentes en ti,  na comunidade da que formas parte e no conxunto da Igrexa?

-   E, ao revés, das cousas que Xesús máis valoraba para o grupo que se formou ao redor del, ¿cales faltan máis en ti, na comunidade da que formas parte, no conxunto da Igrexa?